Imprimir
Twittear

Publicado en

Santiago Álvarez, labrego de Valdeorras*

 

Carlos Barros
Universidade de Santiago de Compostela

 

Coñecín en persoa a Santiago Álvarez no mes de Nadal de 1968 en París, ós poucos meses do meu retorno de Madrid, onde militaba no comité da organización universitaria do PCE, a fin de participar no congreso fundacional do Partido Comunista de Galicia.

                Por nada quería eu perderme tan grande acontecemento: adiantara a miña viaxe, a primeira dunha clandestinidade que duraría aínda  case que dez anos, por causa dunha caída dun mozo de Barreras relacionado no partido comigo, que logo non tivo consecuencias (o detido aguantou ben os golpes).

Como chegara cedo, antes das festas, Lister desculpouse de non poder levarme con el a súa casa. O que eu quería é poder moverme con liberdade nun París acendido pola revolta de Maio. Comecei o meu costume de frecuentar o Barrio Latino cada vez que ía a París para as actividades do PCG e PCE, aínda que non era moi recomendable pola documentación falsa que portaba.

                Disimulaba ben, tiña 22 anos e pinta de estudante, naquel entón non me vía doutra forma. Sorprendeume o saúdo de Santiago cando entramos en contacto nunha rúa parisiense (facía un frío do demo): "¿ti es o perito de Vigo, non?". Había tres anos  que sacara o título de perito industrial electricista  pero non me esperaba que puidese ter un valor identificador no partido. Santiago que era cinco anos máis vello que meu pai, estimaba ter estudos igual que o meu, preocupouse de que os seus fillos tamén estudaran, malia os atrancos da vida familiar clandestina en Francia. Autodidacta por excelencia xamais esqueceu as súas orixes labregas en San Miguel de Outeiro, Valdeorras, onde cursou malamente estudos primarios.

                Duro camiño ata o coñecemento: lendo e escribindo decotío en trincheiras, cadeas e exilios. A súa conciencia e responsabilidades o converteron nun intelectual atípico pero aplicado. Provisto da teimosía dun campesiño, da ambición cultural do marxismo e do galeguismo, da conciencia histórica de saberse partícipe dun movemento socio-político que estaba a transformar o mundo.

                Na legalidade víamonos con máis frecuencia. Nas viaxes por carreteira (cantas faciamos e que malas eran!) falabamos de todo, unha vez díxome: "As veces soño que esperto e son de novo campesiño". Moi noviño fixo a campaña polo Estatuto do 36 con importantes intelectuais do republicanismo e do Partido Galeguista. Ós 23 anos era xa comisario político no V Regimiento. Logo dirixente do PCE o que o levou a ter moitas relacións con movemento comunista internacional, no poder en varios países do globo. Atopaba sempre tempo para ler e escribir de política e de Galicia. Non é estraño que tamaño salto lle producira unha vertixe (nostálxica) a resultas da excepcionalidade da vía de mobilidade social, política e cultural seguida. Característica dos movementos sociais e políticos do proletariado -así diciamos-, desde os tempos de Marx e Engels, que promoveron unha chea de dirixentes políticos e mesmo intelectuais populares de primeiro nivel. O extraordinario de Santiago Álvarez é que non era obreiro industrial senón un campesiño galego que, dalgunha forma, nunca deixou de selo, tampouco quixo.

                Santiago Álvarez, labrego de Valdeorras, organizador con Castelao das Milicias Galegas en 1936, representa na historia contemporánea de Galicia o que foi no século XV Bartolo da Freiría, tamén labrego e capitán irmandiño do Val do Ulla. Campesiñado historicamente rebelde que contradí a imaxe, en parte interesada, duns  campesiños galegos modernamente pasivos, individualistas e conservadores. O que poida haber de certo no pasado século, inda hoxe en día, nese estereotipo vén sendo resultado dos efectos multiplicadores na mentalidade colectiva da represión franquista na Galicia rural, numericamente inferior a que houbo nas cidades pero moito máis efectiva e duradeira. De aí o interese público, social e democrático, de reivindicar no século XXI estas e outras figuras claves da historia do campesiñado galego.

                Santiago conservou moitas das virtudes dos nosos campesiños.  Ante calquera problema, dicía decote: "o sol nace todos os días". Metáfora rural  para una forma de optimismo histórico que resultaba chocante para os mozos revolucionarios que nos formáramos nos anos 60 e 70 coas lecturas marxistas na universidade, sen previa experiencia de vida e menos de traballo manual, que ten no campo un peculiar concepto do tempo que combina a vontade de erguerse cada día (ante unha dificultade) coa certeza de que sempre amañece (fe, esperanza e vitoria). Conciencia campesiña do ciclo da natureza que reafirmara en Santiago a confianza teleolóxica dos militantes obreiros e campesiños no triunfo final do comunismo (sociedade sen clases), que no debemos confundir co voluntarismo dos xoves comunistas urbanos daquel entón.

                O optimismo de Santiaguiño era asemade realista por experiencia, no agro primeiro e na política clandestina despois. Teño gravada no maxín aquela noite electoral do 15 de xuño de 1977 na sé do PCG na viguesa rúa de Marqués  de Valladares: estabamos recibindo abraiados o cativo resultado para o partido que máis loitara e sacrificara pola democracia, mirei para Santiago e dinme conta que el xa o sabía... Contabamos xa con obter escasos votos no rural dominado -aínda hoxe- polo caciquismo franquista, pero non agardabamos que a clase obreira urbana, onde nos movíamos como o seu principal partido, votara en Vigo, capital industrial de Galicia, máis do dobre polo PSOE que pouco ou nada loitara contra a ditadura. Logo organizamos as grandes manifestacións pola autonomía. Nunca más volvín a esperar demasiado das campañas electorais naqueles anos. Ata o rexurdimento actual do PCG e Esquerda Unida, xunto cos novos movementos sociais, que Santiago non viviu (morreu en 2002), pero esa é outra historia.

 

 

 

 



* Artigo preparado para o libro-homaxe a Santiago Álvarez, primeiro secretario de Partido Comunista de Galicia, coordinado por Manuel Peña-Rey, amigo e presidente actual do PCG.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Ver Política de cookies
Privacidad