Imprimir
Twittear

Divulgación

Suplemento "150 años con Vigo", 3 de diciembre de 2002, pp. 32-34.

Texto en html


"O Vigo dos obreiros", Faro de Vigo, Suplemento "150 años con Vigo", 3 de diciembre de 2002, pp. 32-34.



O Vigo dos obreiros

Cando Ceferino de Blas faloume de contribuír cun artigo ó 150 Aniversario de Faro de Vigo, estabamos ámbolos dous baixo o impacto da película Lunes al sol, que ningún vigués debería deixar de ver, sobre os efectos sociais da reconversión naval. Pensaba que eu podía aportar un testemuño escrito, social, pola miña pasada vinculación co movemento obreiro vigués, que tivo a súa orixe remota en Coia, onde nacín na posguerra dunha traballadora de La Artística S.A. e dun traballador de Hijos de J. Barreras S.A. Tentarei, ademais, ser fiel un concepto académico de historia global, que poña en evidencia as caras contradictorias da realidade, que relacione pasado, presente e futuro, segundo escribiamos no Faro da Cultura o 6 de xuño deste mesmo ano.

A fermoso e comprometido relato de Lunes al sol fálanos soamente dunha parte da realidade social dos anos 80, do que tivo de derrota para o movemento sindical, da crise da construcción naval, nada de di das victorias históricas do movemento obreiro nos años 70, nin da recuperación dos estaleiros e da industria viguesa no anos 90, nin do novo movemento obreiro que está a nacer. Esta por facer, entre nós, un filme de ficción como La sal de la tierra, Novecento ou Germinal, que reflicte as grandes loitas sociais e o seu papel histórico. Estar por pensar, doutra banda, o futuro de Vigo en termos non só económicos e locais, tamén sociais e globais.

A nosa tese é que o Vigo contemporáneo é froito de dúas forzas económicas e sociais, industriais e obreiros: sen o capital non se fan barcos, sen os traballadores aínda menos. Intereses contradictorios de seu pero converxentes en determinados temas e momentos, como a recuperación da democracia, que podemos simbolizar na presencia de Valentín Paz Andrade e Waldino Varela na esquecida Xunta Democrática de Vigo.

Os anos 70

O movemento social, igual que o movemento económico, está suxeito a procesos de nacemento, crecemento e morte (estancamento ou repregue). O movemento sindical que hoxe coñecemos nace nos anos 60, coas primeiras grandes folgas baixo o franquismo, nun Vigo industrial que ten as súas orixes lonxanas nos albores do século XX. Ningún vigués debería deixar de ver tamén o excepcional documental de 43 minutos quee Xosé Gil fixo, cara 1928, sobre La Artística de Vigo S.A. amosando as máquinas daquela máis modernas manexadas por un proletariado xa industrial, sobre de todo mulleres, oito anos antes de Tempos Modernos.

A partir das folgas de 1962 vanse formando as Comisións Obreiras que organizarán, en setembro de 1972, a dura folga xeral de 15 días que suporá un antes e un despois na historia recente de Vigo, por tres motivos: 1) Sitúa a Vigo, e a Galicia (antes foran as folgas de Ferrol e o movemento estudiantil de Santiago), na primeira liña da loita democrática (véxase o noso xornal Vigo Obreiro, reeditado pola Unión Comarcal de CC. OO. e a Fundación 10 de Marzo), facendo posible, despois, a conquista dunha autonomía para Galicia ó mesmo nivel, como nacionalidade histórica, que Cataluña e Euskadi. En 1972 empezou realmente a transición á democracian en Galicia. 2) En setembro do 72, os traballadores e o pobo de Vigo, aprenderán como se fai unha folga xeral, haberá outras xa na democracia reconquistada, a última, e a máis importante, o 20 de xuño de 2002, que amosou como tres décadas despois, os obreiros de Vigo, recuperada a crise dos anos 80, seguía na vangarda sindical de Galicia e España. 3) No ano crucial de 1972 sentáronse as bases do actual sindicalismo democrático, de clase e galego, factor principal do noso sistema democrático e autonónimo.

A isto nos referiamos antes cando falabamos das victorias históricas do obreiros vigueses, antes da transición democrática, pois non loitaban, arriscando postos de traballo, cárceres e malos tratos, soamente polo seu senón polas liberdades de todos. Nas grandes fábricas de formouse, antes que noutros sectores sociais e económicos, unha conciencia clara de que sen democracia e liberdade Vigo, Galicia, España, non tiñan futuro. Ninguén se movilizou tanto, en condicións tan difíciles, por facer posible obxectivos históricos hoxe celebrados por todos, nin con tanta lucidez. Algúns tivemos a fortuna de coñecer vellos traballadores, nos estaleiros e outras empresas grandes, sen estudios pero cunha formación política e social abraiante, orixinal, para nada libresca, oral, xurdida da memoria histórica e da experiencia colectiva, da radio (clandestina) ou da lectura en oblicuo do Faro (sinónimo daquela de xornal). Oxalá vaian adiante os plans de gravar, antes de que sexa demasiado tarde, o tesouro desta tradición oral fundamental para entender a recente historia de Vigo e a súa xente (¿hai aínda quen coida que pode existir unha historia sen xente?).

Esto que veño de dicir sobre o papel histórico do movemento obreiro e as súas organizacións na loita pola democracia, o saben miles e miles de vigueses da miña xeración, sen embargo é algo escasamente recoñecido. A cidade de Vigo ten unha débeda histórica cos obreiros anónimos que loitaron pola democracia, a amnistía e o Estatuto de Autonomía, e con todos aqueles que se uniron, desde a universidade e outros eidos, ós valedores da liberdade pagando, uns e outros, o seu precio en represións e desarraigos laborais e profesionais. Temos certamente as esculturas da praza da Industria (hoxe de Eugenio Fadrique) e da Gran Vía, no máis puro "realismo socialista", do alcalde Soto Podíanse certamente poñer nomes dos feitos democráticos locais a algunhas rúas,: así como hai una rúa "Irmandiños", podería n bautizarse outras como "Setembro do 72" ou "4 de Nadal". Pero non serviría de moito: para que non se perda a memoria da historia compría aprendar ben ás novas xeracións que houbo unha vez unha dictadura e hoxe hai una democracia, e o que houbo que facer en Vigo para que dita transición fora posible, asi como as fallas que tivo tal empresa histórica, se queremos que as xeracións nacidas na democracia, ou por nacer, saiban valorala e mellorala.

Unha falla ben notoria da transición española á democracia, internacionalmente modélica noutros aspectos, foi, sen dúbida, a amnesia histórica que provocou, sobre todo nas institucións, nos medios e na cultura escrita. Eiva que agora, 25 anos despois, comeza a se rectificaren paseniñamente. O pasado 20 de Novembro, 27 aniversario da morte de Franco, todos os partidos políticos, incluído o Partido Popular, aprobaron por unanimidade unha resolución parlamentaria condenatoria da dictadura pola que se rehabilita ós fusilados e exiliados da guerra, e ós represaliados polo antigo réxime (¿farase eco o Concello de Vigo deste belo exemplo institucional?). Cando saian a luz os miles e miles de persoas que pasaron -pasamos- polo Tribunal de Orden Público poida que sexa doado escribirmos a verdadeira historia da transición española, que de xeito nada responsable estase aínda a difundir polos medios de xeito restrictivo como froito dun contubernio perfecto de 4 ou 5 grandes persoeiros.

Na citada resolución do Congreso de Deputados vénse a dicir que escavar as fosas comúns buscando os desaparecidos do 36, como pediu a ONU, ou recoñecer no antifranquismo os lexítimos precursores da democracia actual, non debe levar a remover as brasas da enfrontamento civil, como se 66 anos despois da guerra, e 25 anos logo da transición, fose ese o problema da democracia española. A responsabilidade democrática, hoxe, é explicarmos o que tivo a transición á democracia, e ó Estado das Autonomías, de reivindicación obreira, universitaria, intelectual, das nacionalidades... É dicir difundir unha explicación histórica que fale das discontinuidades que habidas entre dictadura e democracia, dos protagonistas colectivos da transición, de como se deu o cambio á democracia en cada lugar. Estaremos así en mellores condicións de defender un Estado democrático que algúns, manipulando a historia, queren identificar, entre quenes non coñeceron a dictadura, cun pretendido "Estado policial" continuador do franquismo, para así "lexitimar" mellor a violencia contra a democracia o os seus representantes.

Os anos 80

O desencanto político que, despois da transición, afectou en maior ou menor medida ós seus primeiros protagonistas, veuse redobrado no Vigo obreiros e industrial dos anos 80, por unha severa crise que tivo por epicentro o sector naval, eixe da economía local e do movemento obreiro democrático, e de esquerdas, que tivo que facer varias folgas xerais, coa habitual eficacia viguesa, contra aqueles gobernos socialistas que aplicaron sen perdón, nin posible negociación, unha política de reconversión industrial de consecuencias funestas para xente obreira e loitadora como Santa, paradigma das loitas sociais dos anos 70, e seus deprimidos e conmovedores compañeiros do bar de Coia da miña nenez onde fixeron Lunes al sol.

Está por facer aínda un balance repousado da reconversión e as súas consecuencias económicas e sociais para Vigo e Galicia. Non hai máis que ler a reportaxe do Faro cos dirixentes da longa loita de ASCÓN para decatarse de non se sinten cómodos coa imaxe de "derrota total" que se desprende do guión da película, ó parecer inspirado na loita dun estaleiro asturiano hai dous anos. Porque sabemos que, na década seguinte, a construcción naval de Vigo recobra o seu esplendor económico, ¿tamén social?

Os anos 90 e o futuro

A clase obreira semellaba agonizar na longa década dos anos 80, xunto coa economía industrial de Vigo. Os poderosos sindicatos de clase nacidos contra o franquismo parecían condenados a tarefas de xestión dun número decrecente de afiliados. Cando se produce a resurrección de ámbolos dous factores da vida económica e social viguesa, industria e acción sindical. A poboación ocupada en Vigo e área de influencia pasa de 126.092 en 1991 a 171.100 en 2000, un 36 % de incremento, concentrado na segunda metade dos anos 90, pois é cando medra un 61 % a afiliación a Seguridade Social, mentres baixa o paro. Certamente os cambios estructurais respecto dos anos 60 e 70 son importantes: maior peso dos concellos próximos (Porriño, Mos e Gondomar), do sector servicios respecto do sector industrial, que así e todo recobra claramente o seu tradicional papel de motor da economía de Vigo, cidade industrial de Galicia por excelencia. As grandes empresas de Vigo constitúen hoxe o 35 % das que teñén en Galicia máis de 500 traballadores (datos tirados da memoria económica do profesor da USC Xavier Vence, e o seu equipo, para o PXOM de Vigo). Os estaleiros de Vigo, e máis aínda Citröen, recuperan, mesmo superan, o número de traballadores de hai 30 anos, que axudou abondo a facer do noso movemento obreiro unha potencia social e política, pero existe unha diferencia capital e inquietante cara o futuro: unha parte substancial destes novos traballadores son temporais, non aparecen nas estatísticas, producen riqueza pero non xeran demanda, todo no contexto dunha globalización galopante que non asegura a estabilidade a ninguén. Mentres non se resolva este grave problema, nun ámbito máis global, naturalmente, o presente crecemento económico e social hai que consideralo provisional.

Estes novos traballadores de Vigo pola súa xuventude non teñen experiencia sindical -nin podían tela alonxados da actividade laboral- pero empezan a participar na vida sindical, animando o novo ciclo de movilizacións sociais que estamos a vivir. Xóves precarios invisibles para as estatísticas oficiais fixéronse ver claramente, neste ano de 2002, na grande manifestación de 20 de xuño contra o paro (que fixo recordar a moitos o 4 de Nadal de 1979), e nas asembleas seguidas dunha folga de 5.000 traballadores 52 empresas, grandes e pequenas, do sector naval, demandando o 24 de octubro seguridade laboral, logo do accidente mortal de Bouzas. Menos formados social e politicamente que a xeración do 72, esta nova xeración obreira tivo unha mellor formación escolar, naceu na democracia pero ben pode ser máis crítica, menos entusiasta, co actual sistema político, perante as dificultades para conseguir traballo, ou para exercer os seus dereitos democráticos na empresa cando o logran: ¿tendo un contrato temporal tense a mesma liberdade de afiliación sindical, de facer asembleas e de ir a folga que os vellos traballadores con contrato fixo? Sabemos que non, o caso é que hoxe os necesitan as empresas, e poden así organizarse, aprender, loitar asumindo ás veces parecidos riscos de perder o posto de traballo que nos anos 70, o que demostra que retrocedimos democraticamente maís do que se pensa.

O despedimento de 90 xoves traballadores das contratas auxiliares de Izar-Astano en Ferrol no pasado mes de agosto, que esixían mellores condicións laborais e económicas, é significativo. A ameaza do paro está a converter en inútiles, nalgunhas empresas, os dereitos sindicais conquistados nos anos 70, consolidados legalmente na Constitución de 1978. ¿Como van sentir estes novos traballadores o "patriotismo constitucional" de Jürgen Habermas do que tanto se fala en España? A folga salvaxe e violenta de La Unión de Pontevedra, saldada mesmamente co despedimento colectivo de 40 conductores, estanos a indicar a outra alternativa que se lle ofrece ó novo movemento obreiro cando se pechan os canles democráticos establecidos para expresar, e negociar, os intereses contradictorios na empresa. A paz social e o carácter democrático do novo movemento obreiro dependen da paulatina substitución do emprego eventual por emprego estable, o que esixe a aceptación plena dos dereitos sindicais para os traballadores eventuais, senon ¿como van expresar, e negociar, a súa situación laboral? Os despedimentos colectivos non solucionan nada, como demostra a historia do movemento obreiro: a conciencia de clase nos desaparece coa represión laboral maís ben se reforza. Que eu saiba en Vigo non se deu aínda ningún episodio tan nefasto como os citados de Ferrol e Pontevedra. De darse probablemente daríase un movemento solidario noutras empresas.

Os datos ofrecidos polo Boletín da Fundación Pro-Vigo sobre a economía viguesa no ano 2000 describe un panorama abondo optimista na construcción de automóbiles e barcos, no sector conservero, no comercio por tren, barco e avión, etc. Coincidindo un 41 % de empresarios vigueses consultados que o factor que máis dificulta, hoxe en día, a expansión da producción é a falta de demanda. Non son os custos laborais (19 %), nin as materias primas (19%), os problemas coas exportacións (13 %) ou co financiamento (0 %), é a falta de demanda o que pon en perigo a actual expansión económica. Certamente ¿como vai haber nova demanda para mercar coches, conservas ou pisos, se os novos consumidores teñen un traballo precario ou non teñen aínda traballo?

Para que unha economía historicamente productiva como a viguesa, que entrou con bo pé no século XXI, teña futuro é preciso un cambio neto e global da política económica. 180 economistas veñen de asinar un manifesto declarando esgotado o modelo neoliberal baseado na especulación financeira, o fundamentalismo do mercado, as políticas monetaristas, o despedimento libre, propoñendo máis economía real, máis papel do Estado, máis emprego estable, máis demanda... O novo movemento obreiro tenta xa frear a vella política para favorecer unha nova: a folga xeral do 20-X contra o "decretazo" foi toda unha sinal. Os empresarios que se opuxeron a folga por cuestións ideolóxicas, a diferencia da folga xeral de 1988, se trabucaron, a proba é que o Goberno popular, intelixentemente, anulou pronto o "decretazo" para volver ó diálogo social (e beneficiar a súa maioría electoral). Con seguridade farán falta máis folgas e manifestacións para que outra economía -máis social e productiva- sexa posible, contodo a solución é hoxe global, a diferencia dos anos 70 e 80, de haberá que seguir con atención a experiencia inédita de Lula da Silva en Brasil, ou o movemento anti-globalización que vén de reunir a 1 millón de persoas en Florencia. Pensar globalmente, actuar localmente, e viceversa. Vendo como empurrar na dirección da historia para que os cambios que veñan traian máis benestar e paz, o que só é posible se seguimos profundizando na democracia con participación e xustiza social.

Carlos Barros
Curriculum breve

Nacido en xullo de 1946 en Vigo. Estudia no Instituto Santa Irene das Travesas, logo na E.T. de Peritos Industriais de Vigo (1964-1965). Fundador do SDEUM (Sindicato Democrático de la Universidad de Madrid) na E.T.S. de Inxenieiros Industriais (1967-1968), onde ingresa no PCE. Dirixente das Comisións Campesiñas de Ourense (1969-1970). Responsable político do movemento obreiro do PCG en Vigo durante a folga do 1972. Organizador da Xunta Democrática de Vigo e da manifestación do 4 de Nadal de 1979. Logo da transición, volve ós estudios universitarios en Santiago de Compostela. Licenciado en Xeografía e Historia (1986), Doutor en Historia (1988), bolseiro posdoutoral do CSIC (Madrid), profesor de Historia Medieval na Universidade de Santiago de Compostela desde 1990 ata hoxe. Doutor vinculado do CSIC (Instituto Padre Sarmiento). Autor de "Mentalidade xusticiera dos irmandiños", "Viva El-Rei. Ensaios medievais", "Historiografía, fin de siglo"..., máis de 80 artigos e traballos publicados sobre historia medieval, metodoloxía histórica e historiografía. Coordinador científico dos Congresos Internacionais Historia a Debate, editor dos 9 volumes das súas Actas, coordinador da rede académica internacional do mesmo nome exentendida hoxe a 50 países (www.h-debate.com). Profesor visitante en: École des Hautes Études en Sciences Sociales de París, Universidad Nacional Autónoma de México, Universidad de Cagliari, Universidad de Klaguenfurt, Universidad de La Habana, Universidad Autónoma de Chiapas, Universidad de Buenos Aires, Universidad de Rosario, Université Catholique Louvain-la-Neuve, The Berlin Institute of Critical Theory (INKRIT)-Freien Universität Berlin, Università degli Studi di Parma, University of Rutgers ( USA), Universidad de San Marcos de Lima...