Imprimir

Publicado en:

 

A guerra dos cabaleiros

 

Carlos Barros

Universidade de Santiago

 

O reino medieval de Galicia é un escenario ideal para observamo-la guerra feudal europea.

Na segunda metade do século XII, conta Joan de Ocampo, que os cabaleiros do bispado de Tui estiveron case un século loitando contra os cabaleiros do arcebispado de Santiago: "robaban los vnos a los otros los ganados y talaban los sembrados y que duraron hestas diferençias nobenta y çinco años asta que enpeço a reynar el Rey Dn. Fernando el Santo que particularmente los mando llamar para la guerra contra los moros"[1][2]. Galicia, lonxe de Al-Andalus, viña participando cada vez menos nunha Reconquista que, polo demais, desde a conquista de Alxeciras, en 1344, podemos dar por rematada...ata 1492, cando os Reis Católicos toman Granada. A guerra dos feudais é casemente unha guerra de fronteira: conforme mingua a guerra contra os mouros, prospera a guerra contra os señores veciños. A paz exterior fai medra-la guerra interior dos cabaleiros: seguindo a distintos reis ou, as máis das veces, erguendo cadanseu pendón e partido.

Na segunda metade do século XIV e sobranceiramente durante o século XV, a Galicia medieval vive a idade de ouro da guerra feudal. A refeudalización e a marxinalidade respecto dos centros de poder peninsulares, fan da Galicia baixomedieval un óptimo paradigma da loita de bandos nobiliarios. Un cronista -Alonso de Palencia- da Corte de Castela e León vía así os galegos de finais da Idade Media: "gente hecha a la lucha sangrienta de encarnizados bandos (...) Cuando carecían de recursos, despojaban de los suyos a sus convecinos o atentaban contra su vida entre el encarnizado fragor de las facciones"[3].

                A imaxe dunha Galicia anárquica, dominada por unha nobreza violenta, dividida, tiña na Baixa Idade Media fundamentos ben reais: abonda con le-lo nobiliario de Vasco de Aponte para se convencer. Pero aquí non imos relatar polo miúdo as múltiples liortas internobiliarias do século XV, interesa sabermos que dicían delas os galegos da época. A visión que tiña a propia cultura cabaleiresca dos bandos nobiliarios non cadraba, loxicamente, coa sostida por outros sectores da cultura escrita, e aínda menos coa representación social que das batallas señoriais segregaba a cultura popular e cidadá. Os intercambios e os puntos comúns entre unhas e outras estaban por descontado á orde do día.

Para sabermo-las razóns dese combate tan rexo e arreo entre os nobres feudais hai que partir da mentalidade cabaleiresca, que ennobrece e xustifica-la loita fratricida por medio do código de honor da cabalería, e así mesmo haberemos de considerar aqueloutras mentalidades, de orixe letrada e popular (na Idade Media moito máis vencelladas entre si que nas épocas posteriores), xeradoras das actitudes críticas cara as guerras de cabaleiros, sen deixar de cotexar todo o anterior con datos menos subxectivos, co fin de achegarmo-la conclusións que teñan en conta o contexto psicolóxico á vez que o contexto material.

 

Señores cobizosos

 

 

Tan universal era a guerra na Galicia tardofeudal coma as prevencións da cultura escrita e humanista. Os cronistas baseaban a súa representación negativa da nobreza galega en acusacións de violencia, división, desorde e roubo, e poñían no Rei as maiores esperanzas de paz, unidade, orde e xusticia. Na mesma dirección pero de xeito máis filosófico e providencialista, Fernán Pérez de Oliva, tío de Ambrosio de Morales, no seu Diálogo de la dignidad del hombre, redactado a comenzos do século XVI no tempo en que Aponte escribía o seu nobiliario e testemuñas populares declaraban no preito Tabera-Fonseca, fustriga vicios: "estos son sobervia, cudicia, envidia, enemistad, y otros que ay semejantes, de do nacen las guerras, las muertes, las gravíssimas perturbaciones, en que traen los hombres al mundo"[4]. O humanista Pérez fai nace-la guerra da desviación duns homes pecadores dos modelos e ideais cristiáns de comportamento social; as faltas morais denunciadas conducen sinaladamente ó fondo social do problema a través do pecado da cobiza.

Xa nas Partidas (II, 26, 2) estaba presente a inquietude por limita-las ganancias e os intereses materiais dos participantes na guerra medieval: "De como los omes se deven guardar, de non querer ser mucho cobdiciosos, en las guerras, e en las otras cosas que se fazen". Pero vai ser nos máis clásicos e cristianizados libros de cabalerías onde a nobreza sofre unha maior descualificación (punto en común da crítica erudita e da crítica popular), onde semella máis degradada éticamente. Lemos en Amadís de Gaula unha severa amoestación contra os señores "codiciosos" que sen temor de Deus "no siendo contentos con aquellos estados que os dio y de vuestros antecesores os quedaron, con muertos, con fuegos y robos ajenos de los que en la ley de la verdad son, queréis usurpar y tomar", insistindo logo o autor nas bondades da guerra xusta e providencial contra "o outro": "volver vuestras sañas y codicias contra los infieles, donde todo muy bien empleado sería"[5].

                Cando se esvaece o recurso da guerra contra o Islam e as guerras civís deveñen endémicas, a monarquía moderna, cunha medida represión antinobiliaria e a instauración de tribunais reais de xusticia, e tamén os letrados -incluídos os relixiosos reformados- coa súa censura intelectual e moral, toman a iniciativa contra o exceso de cobiza e a violencia desaforada da nobreza feudal. Triunfan na medida en que converxen cunha cultura urbana e popular que, desde embaixo, viña impugnando tamén, e non sempre polos mesmo motivos, a degradación cabaleiresca. Reprobación que, hai que dicilo, no caso dos campesiños e artesáns se dirixe principalmente contra os agravios que teñen por víctimas á xente común, sen deixar claro está de censurar en xeral a guerra dos señores[6].

O problema máis arduo estaba no reino de Galicia, no principado de Asturias e nas provincias vascas, "villas e logares que son en la costa del mar", e para pacificar ditos lugares os Reis Católicos dictan, en 1501, unha pragmática mandando que "no ayan nin se nombren parentelas nin otro apellido por vía de vandos", esixindo a todos que perante os escribanos dos concellos: "juren e se partan de que qualquier liga e confederación e vando que tengan hecho, quier dependan de sus antecesores, quier dellos"[7]. É sabido conque eficacia o novo Estado domesticou ós grandes cabaleiros galegos, naquel entón sumamente debilitados pola revolta irmandiña.

                Aínda no ano 1541 -segundo relatara anos despois (1593) o cura Amaro González de Vilanova- un arroutado mordomo do arcebispo de Santiago que viña de gañar Chapa e Cira nun preito contra o conde de Altamira, quen polo visto non aceptaba dito fallo, para impoñe-la decisión xudicial fixo "juntar gran número de gente de todo el arzobispado, y el conde de su parte tenía muchos vasallos y gentes de mucho precio", producíndose unha batalla pero non entrámbolos dous exércitos privados senón coa xente do Rei que segundo parece fixo un escarmento con todos eles: "quiso Dios que llegase un oidor del reino que se llamaba D. Francisco de Castilla y prendió a muchos de los principales y los desbarató y otros fuyeron"[8]. Trátase realmente dun caso excepcional cun mal final: a mediados do século XVI estas guerras particulares estaban ben fóra de tempo e lugar, os preitos ante a Audiencia de Galicia, fundada en 1480, sustituíran con éxito as guerras cabaleirescas. A xusticia pública, no canto da xusticia privada, adquire consenso, organización e forza militar abondo para se amosar eficaz e facer desaparecer paseniño a guerra dos señores por innecesaria e inservible. As novas institucións do Estado, e unha nova mentalidade señorial, van relevar pouco a pouco a guerra feudal como factor de autorregulación social: estamos entrando na modernidade.

 

Roubábanse uns a outros

 

O que para os críticos indulxentes era cobiza en demasía para os máis esixentes viña a ser máis que nada un roubo. Nesto as acusacións dos oficiais públicos cadraban perfectamente coa mentalidade popular. Vexamos as expresións da cultura popular e dos seus intermediarios, sacadas dese imprescindible arquivo oral para coñeremo-la Galicia baixomedieval que é o preito Tabera-Fonseca[9]. Testemuñas de actitudes diversas cara ós señores, e de distinta condición social, veñen dici-lo mesmo: "se robaban y mataban unos a otros y de tal manera que ninguno hera señor de lo que tenía"; "en el dicho Reyno de Galizia abía bandos y desasosiegos se hazían hurtos, robos y muertes de honbres"; "en los tienpos de las guerras los del dicho señor Patriarca hazían saltos y cabalgadas contra sus henemigos e se rrobaban e saqueaban los unos a los otros"[10]. Os cabaleiros eran vistos como homes ladróns e homicidas, e as súas guerras se cualificaban de inimistades particulares, salientándose así que nada tiñan que ver co ben común. Por algo os inimigos de Fonseca tentaban amosar que as fortalezas arcebispais non foran derrocadas polos irmandiños se non "por bandos y henemistades particulares"[11] (andaban a procurar quen pagasen as pedras rotas).

                Entre os derradeiros señores feudais de Galicia o dereito das armas decidía o status social. Un veciño de O Grove sentencia sobre esta guerra de ricos: "unos heran ricos porque robaban otros y otros ricos heran pobres porque heran robados"[12]. O xeito de ascender rapidamente na nobreza galega baixomedieval non era outro que o uso sen miramentos da forza militar. Os cabaleiros máis aventaxados nesa carreira, correntemente os máis atrevidos e os menos letrados, non habían logo desmenti-la xeral inculpación de orixe popular. Disque dixo Pedro Alvarez de Soutomaior, cando preguntado "para que hazia tantos males, i borraba la memoria de tan Ilustres Solares. Respondió, que en aquella tierra vastaba que quedasse la Casa de Sotomaior, i que no auiaa de quedar otro Señorio"[13]. A este conde Pedro chamado Pedro Madruga podíaselle ben atribuír tachas de soberbia, cobiza, envexa e inimistade: as culpas que segundo o humanista Pérez de Oliva provocaban as guerras feudais. Pero non era normal presumir motu propio de tanto pecado. O normal sería face-la guerra de xeito máis compatible co código cabaleiresco, ou polo menos proclama-la intención, xamais tratar de inimigos a tódolos señores da terra; a non ser que estivera tan desvalorizado o exemplo cabaleiresco que pagara máis a pena ensina-los dentes e amosarse máis cobizoso e malfeitor que ninguén...

 

Cuestión de honor

 

Nunha sociedade medieval na que se desataban doadamente paixóns que rexían accións humanas, mesmo por riba da propia comenencia dos actores[14], é difícil de máis separar motivacións emotivas e motivacións económicas das loitas internobiliarias. ¿Cantas veces perden relevancia as segundas en proveito das primeiras? O caso que sigue é modélico dunha batalla cruenta entre fidalgos por un tema non económico, nin tan sequera salientable, anecdótico (para nós): por unha cuestión de honor só comprensible desde a historia das mentalidades.

                Joan de Ocampo refire (en 1587) que, hacia 1410, o rei Juan II mandou chamar ós tres tercios galegos (cadanseus tres mil homes) para i-la guerra cos mouros: Lugo-Mondoñedo, Santiago e Ourense-Tui. Xuntándose os dous últimos -mandados por Moscoso e Soutomaior, respectivamente- entre Benavente e Puebla, aconteceu que "sobre quien havia de llevar su gente delante o atras, sin otra ocasion vinieron en rompimiento, y de suerte que se dieron batalla formada que duro desde mediodia asta que la noche los departio, y murieron çerca de mill hombres de ambas partes"[15]. Ademais dunha abraiante continuidade secular das inimistades galegas, neste caso entre os cabaleiros do Norte e os cabaleiros do Sur (antes comentamos os seus enfrontamentos no século XII), e dunha previsible esaxeración ó conta-los mortos, a verdade é que por ver quen ía primeiro houbo alí unha grande masacre, que ó cabo resolveuse racionalmente, botouse a sortes e tocoulle a Santiago ir dediante, e ó chegaren a Valladolid foron presos ámbolos dous capitáns. Todo isto fixo exclama-la un cabaleiro galego que andaba a pacificar ós xefes enfrontados: "somos gallegos y no nos entendemos". Froito imaxinario (e durareiro), sen dúbida, da sona daquela Galicia medieval dividida polas liortas señoriais.

A amistade é unha relación afectiva entre persoas, non vinculadas familiarmente, que estaba ben institucionalizada na Idade Media, legal e mentalmente: verticalmente, por mor da lealdade do vasalo hacia o señor e, viceversa, da xenerosidade e amparo do señor hacia o vasalo; e, horizontalmente, polo compañeirismo de armas entre aqueles que tiñan por misión sagrada a defensa da sociedade, os cabaleiros. A lei medieval favorecía grandemente a amistade pero non por iso penalizaba a inimistade, ó revés, a regulaba polo miúdo con normas e rituais: sen inimigos non había amigos, nin vasalos, nin guerras.

                Protexíase ós amigos dos inimigos cando se escribía que non podía ser demandado alguén que "honrra a su amigo, maguer estorve a otro" (Partidas VII, 9, 19); ou cando se poñía que se hai "gran enemistad que non pueda ser testigo contra el en ningún preito" (Partidas III, 16, 21). Mesmo estaba permitido ó home engana-la seu inimigo, agás tempo de tregua o seguranza acordada (Partidas VII, 16, 2). Mentir si, pero nunca traiciona-la palabra dada, o xuramento feito, a fidelidade debida, porque todo isto creaba un vencello circunstancial de amistade entre os homes anque fosen inimigos de sempre, e a amistade era arreo un valor superior á verdade.

                Como define esa enciclopedia de leis e mentalidades medievais que son as Partidas a palabra 'inimigo'? Inimigo é aquel que fai "deshonrra" ou "tuerto" a un home "o a los suyos" (II, 19, 1); máis singularmente: "por esta palabra enemigo se entiende aquel quel mato el padre, o la madre, o otro pariente, fasta en el quarto grado, o que le mouio pleyto de seruidumbre" (VII, 33, 6). O lexislador ampara deste modo a vida en xeral, particularmente a vida dos pais, por tanto a integridade -e o honor- da familia e, doutra banda, a integridade do sistema feudal baseado na lealdade vasalática e na servidume. Os primeiros amigos a defender son xa que logo o pai e o señor (ante todo o Rei, señor de señores), de seguida veñen tódolos demais. Na práctica calquera home que agravie ou estorbe a outro é inimigo virtual, con todo o afán clasificador da lei, que non quere deixar cabo solto, especifica os inimigos máis principais: "E son dos maneras de enemigos, los unos de la tierra e los otros de fuera" (II, 19, 1). Os primeiros dan lugar á guerra interior e os segundos á guerra exterior, engadimos nós. Dise dos inimigos internos que "son mas dañosos que los de fuera", posto que como viven na terra non pode o home gardarse ben deles, resumindo a lei que ningunha pestilencia é máis forte "que el enemigo de casa". A guerra feudal fica así abondo favorecida e legalizada. Abofé que "los otros enemigos que son de fuera son aquellos que han guerra con el Rey paladinamente", polo que a lei seguinte ten por título: "Como deve el pueblo guardar al Rey e a todos sus vassallos de sus enemigos" (II, 19, 2). O problema é que, adoito, os enfrontamentos da nobreza pola Coroa e as liortas entre Coroas e diferentes países, transforman as guerras dos reis en loitas de bandos, a guerra exterior en guerra interior, e viceversa.

A diferencia existente entre os pecados de ambición como a soberbia, a cobiza e a envexa, comportamentos malos sen paliativos, e a inimistade cabaleiresca, que tanto a crítica erudita coma a crítica popular dunha maneira ou doutra colocaban ó mesmo nivel, estaba en que as relacións de amistade e inimistade medievais estaban tan normalizadas que non se contemplaba verdadeiramente o perigo dunha inimistade excesiva, exhortábase ós homes a devolver ollo por ollo e dente por dente. Existía mesmo o dereito a matar ó homicida ou ó violador dos familiares máis próximos[16]. O primeiro destinatario do dereito de facer xusticia pola propia man era como é natural a nobreza: "la ley de Caballería por público rigor de batalla da lugar a los cavalleros que tomen vengança de sus enemigos"[17]. Pero a xente común que tomaba parte, no lado das víctimas ou dos agresores, nas guerras dos bandos nobiliarios, tamén tiñan parentes que vingar[18]. E os concellos proclamaban así mesmo os seus inimigos señoriais cando lles interesaba[19]. Alén do ámbito local, xa Huizinga anotou que, tanto para os espectadores coma para os actores, era "a vinganza o intre esencial que rexía as accións e os destinos dos príncipes e dos países"; o que o pobo mellor comprendía da política dos reis eran "os motivos primitivos do odio e da vinganza"[20], dicía o historiador que mellor debuxou o longo outono da Idade Media.

                A declaración de inimistade tiña como resorte mobilizador e lexitimador a defensa do honor, a lei do talión, debendo pasa-lo cabaleiro acusador polo rito previo do desafío, que viña a significar "tornar amistad", retirarlle a confianza a alguén, ritual que acontecía ante testemuñas, establecéndose de contado prazo de días para se por de acordo. Motivos para un desafío: calquera "deshonrra, o tuerto, o daño" que un fidalgo fixera a outro fidalgo (Partidas VII, 11). Por suposto, non sempre tiña lugar dito desafío formal, pensado para a ruptura da amistade entre dúas persoas de condición nobre, pero o mecanismo subxectivo para proclama-la un inimigo seguía os mesmos pasos, en tódalas clases sociais: agravio, recoñecemento público do inimigo-agresor, dereito e deber da víctima a unha resposta. Salvo que houbese perdón, pacto ou concordia, que devolvese ó inimigo a atributo de amigo, o dereito a vingannza resultaba algo inalienable nas mentalidades colectivas.

                Así pois o código de honor cabaleiresco procuraba a regulación e dignificación das loitas polo poder no interior da clase dirixente, e por extensión do conxunto da sociedade feudal. Formaba parte das mentalidades da época de tal xeito, e as liortas interindividuais (houbera ou non intereses económicos) xeraban tal morea de agravios xustificando a acción xusticieira un día si e outro tamén, que é practicamente imposible, como xa dixemos, saber onde terminaban as motivacións emotivas e onde principiaban as motivacións materiais nas guerras cabaleirescas. Con grande facilidade os amigos deviñan inimigos, e os inimigos deviñan amigos, pero tamén se reproducía individual e colectivamente a mala vontade con teimosía. Vellos agravios podían conservar moito tempo activa unha vella inimistade entre persoas, liñaxes ou lugares, alén das causas económicas iniciais, no caso de que estas houberan existido. Pola súa banda, as contendas dos cabaleiros polas terras e os vasalos orixinaban tal chea de roubos, homicidios e inxurias que chegaban para manter ben viva durante moito tempo a guerra entre as casas señoriais. Só estudiando cada loita de bandos en concreto poderemos coñece-los roles e a proporción específica de factores mentais e materiais que explican a súa orixe, desenvolvemento, permanencia e final. Multideterminación que, temos para nós, non dilúe o peso decisivo da economía nas guerras realmente importantes dos bandos nobiliarios, é dicir, as que comprometían partes moi significativas da sociedade: non o vían doutra forma os contemporáneos.

 

Fama, poder, rendas

 

Da honra dun cabaleiro e da súa liñaxe, que tiña que superar unha e outra vez a proba ritual de replicar con valor cando apandaba agravios, dependía o seu prestixio social, que non resultaba alleo á consecución, custodia e incremento de bens materiais que, asemade, lle estaban asignados -segundo o vixente esquema trifuncional- para que puidera cumprir coa súa función social de defender coas armas a todos, cousa que malamente podía facer quen non se sabía defende-la si mesmo e a súa familia. Podía logo semellar un grande desprestixio social perder poder e riquezas na guerra cos inimigos: a súa defensa e acrecentamento viña sendo para moitos señores cabaleiros un deber social máis que un estímulo pecadento que cumpría agachar. Reflexión esta que axuda a ve-lo vínculo, en calquera caso difícil de establecer, da arroutada antedita de Pedro Madruga, gabándose de esmaga-los demais señoríos do bispado de Tui, coa mentalidade cabaleiresca. Se cadra non soamente hai que distinguir entre ideal e realidade cabaleiresca, ou recoñece-lo influxo degradante da crise baixomedieval sobre a ética señorial, haberá tamén que diferencia-la mentalidade cabaleiresca da mentalidade señorial, por moito que aquela sexa considerada como a ideoloxía oficial desta.

                Un notario de Pontevedra declara no preito Tabera-Fonseca que Bernal Diáñez de Moscoso prendeu o arcebispo de Santiago "segun que el testigo lo oio dezir porque el dicho señor Patriarca no le queria confirmar los feudos quel tenia de la Iglesia de Santiago"[21]. O móbil das grandes loitas interseñoriais do século XV era maiormente o poder xurisdiccional, ou sexa, a posesión de terras e vasalos. O Rei de Castela preguntou o concello de Ourense pola situación social na Galicia preirmandiña; consérvanse as respostas por escrito: "e las causas e rasones porque an avido las dichas guerras no sevemos quales [fueron] nin quales non fueron agresores o causadores dello -maneira de lle quitar valor ás motivacións cabaleirescas-, non embargante que se dise -referencia á cultura oral- que parte de las dichas guerras que han los condes es sobre algunas villas e logares e juridiciones que a cada uno dise pretender aver a ellos derecho, asy a la propiedad como al posisorio"[22]. Pelexar por terras e vasalos viña a se-lo mesmo que combater polo dereito a cobra-las rendas, así temos que o arcebispo de Santiago "tobiera guerras con los caballeros del Reino de Galizia que todos heran contra el y los de la çiudad de Santiago y que tenian con ellos las dichas guerras por las rentas"[23] (veciño de Betanzos); outro testemuño sobre o mesmo tema: "tubo muchas guerras e preitos sobre dichas rentas que le tomaban dellas"[24] (mercador de Noia).

Seguindo cos exemplos que ilustran e dan sentido ó noso razoar. Unha inimistade interseñorial de moita sona por aqueles anos é a que enfronta ó arcebispo Fonseca de Santiago, logo Patriarca de Alexandría, co no menos célebre Pedro Madruga, e todo por culpa de 150.000 marabedís de xuros situados sobre as rendas de Pontevedra. Primeiro, cando se enfrontaron xuntos ós irmandiños, "Pedro Albarez, conde de Camiña, hera amigo del dicho Patriarca", mais axiña, "dicho Pedralbares se tomara a desconçertar con el dicho Patriarca sobre los dichos çincoenta mill [sic] marabedis que dicho tiene e quedara su henemigo"[25]  (pescador de Lérez). Un labrego de O Morrazo, máis partidario de Fonseca que de Camiña, relata tamén esta pasaxe da amistade á inimistade entrambos señores polos ditos marabedís de Pontevedra: "dicho señor Patriarca no quisiera consentir que los llebase ni tobiese en la dicha villa e que sobre hesto tenian las dichas enemistades e se azian las dichas guerras"[26].

                A fin de contas era de dominio público, no amplo cadro da cultura popular en que nos movemos pescudando a base económica das liortas interseñoriais, que os cabaleiros de Galicia guerreaban incesantemente entre si polo control das xurisdiccións e das rendas que pagaban ós vasalos, anque dicían os seus favorables que o facían sobre todo polo honor da cabalería. Os cronistas reais confirman a versión popular crítica; así como tamén non poucos documentos daquel tempo. A outra parte da verdade, o punto de vista subxectivo, polo regular ético, das loitas cabaleirescas, está nas fontes estrictamente nobiliarias e, naturalmente, nas novelas de cabalería.



[1]

[2] Joan de OCAMPO, Descendencia de los Paços de Probén, 1587, fol. 5-5v.

[3] Crónica de Enrique IV, BAE nº 267, tomo III, p. 170.

[4] Fernán PÉREZ DE OLIVA, Diálogo de la dignidad del hombre, Madrid, 1982, p. 88.

[5] Garci RODRÍGUEZ DE MONTALVO, Amadís de Gaula, Barcelona, 1984, tomo I, p. 271.

[6] Carlos BARROS, Mentalidad justiciera de los irmandiños, siglo XV, Madrid, 1990, p. 64.

[7] Eloy BENITO RUANO, Hermandades en Asturias durante la Edad Media, Oviedo, 1971, p. 52.

[8] Publica Manuel Murguía en Boletín de la Real Academia Gallega, VI, A Coruña, 1913, p. 239.

[9] Publica Ángel Rodríguez González en Las fortalezas de la Mitra composte­lana y los "irmandiños". Pleito Tabera-Fonseca, Pontevedra, 1984.

[10] Pleito Tabera-Fonseca, pp. 324 (ciudadano), 569 (escudero), 187 (clérigo).

[11] Idem, p. 19.

[12] Idem, p. 215.

[13] Felipe de la GÁNDARA, Armas y  triunfos. Hechos heroicos de los hijos de Galicia, Madrid, 1662, p. 390.

[14] Johan HUIZINGA, El otoño de la Edad Media, Madrid, 1978, p. 29.

[15] Descendencia de los Paços de Probén, fol. 8v-9.

[16] Partidas VII, 17, 13; Jesús LALINDE ABADIA, Derecho histórico español, Barcelona, 1974, pp. 393-394.

[17] Juan MATA CARRIAZO, edit., Crónica de Don Álvaro de Luna,  Madrid, 1940, p. 117.

[18] Descendencia de los Paços de Probén, fol. 17v.

[19] “Una carta de Hermandad entre los Reinos de León y Galicia” (1300), Galicia Diplomática, Santiago, 1883, tomo II, p. 205.

[20] El otoño de la Edad Media, pp. 29-30.

[21] Pleito Tabera-Fonseca, p. 407.

[22] Publica José GARCIA ORO, Galicia en la Baja Edad Media. Iglesia, señorío y nobleza, Santiago, 1977, p. 246.

[23] Pleito Tabera-Fonseca, p. 422.

[24] Idem, p. 555.

[25] Idem, p. 397.

[26] Idem, p. 86.juuus