Imprimir

Publicado en

Afonso VII, rei de Galicia*

 

 

Carlos  Barros

Universidade de Santiago de Compostela

 

 

                É toda unha fazaña publicar 121 anos despois, e en galego, a obra do párroco de Vedra e logo represaliado defensor do cabido de Santiago, Antonio López Ferreiro:  Don Alfonso VII, rey de Galicia, y su ayo el conde de Traba (1885). Edición oportuna, e necesaria, polo que ten de  recuperación da memoria historiográfica dun reinado esquecido, xustamente agora cando o debate sobre as identidades nacionais en España xira, en exceso, ó redor da (s) monarquía (s), privilexiando nomeadamente –no cadro do retorno da vella historia- o nivel institucional como factor determinante dos acontecementos e procesos históricos.

 

                Superestructuras políticas que, é preciso  recordalo, manifestan profundas realidades desemellantes de orde social, o que nos leva a diferenciar conceptualmente o ininterrompido –aínda que minguante- “reino medieval de Galicia” dos escasos –aínda que significativos- “reis medievais de Galicia”. Remitindo, por conseguinte, a formación de Galicia como nacionalidade histórica, recoñecida polo titulo VIII da Constitución española, á continuidade material, económica e cultural, dun reino social máis que ás avatares, ás veces caprichosos, dunha oligarquía nobiliaria na procura do maior poder posible, apoiándose cando ó precisa base social do reino de Galicia, en tempos de inestabilidade e fragmentación   política.

               

Rei propio

 

 

                López Ferreiro, consecuentemente co título da súa obra, relata os feitos políticos que aconteceron mentres Afonso Raimúndez, nacido en Caldas de Reis de dona Urraca, filla de Afonso VI, tamén galego e rei de Galicia, León e Castela (1040-1109). Criado no reino de Galicia pola familia de Pedro Froilaz, conde de Traba, cabeza da  nobreza laica, é proclamado, por iniciativa do seu aio, rei de Galicia en 1109, logo de morrer o seu avó e ter denunciado o Papa como inválida a voda “incestuosa” da súa nai Urraca, primeira herdeira de Afonso VI, con Afonso de Aragón o Batallador. En 1111 será solemnemente coroado por Xelmírez na catedral de Santiago, que o ratifica de novo como rei de Galicia a finais de 1116, consolidando deste xeito a variable e difícil alianza  Traba-Xelmírez en favor da causa do neno rei –tiña 4 anos en 1109- na guerra civil con Dona Urraca polo control de Galicia e, sobre todo, a sucesión no trono de León e Castela, que incluía formalmente Galicia e Asturias, unificado por vez primeira nos tempos dos seus bisavó, Fernando I (1037-1065), e avó,  Afonso VI (1072-1109).

 

                Ó ano seguinte desta terceira e derradeira proclamación galega como rei do protexido dos Traba, asinan nai e fillo o pauto do Tambre, engadindo Toledo, recuperado ó Islam polo seu avó, ó reino de Galicia, entre os estados que lle correspondían desde xa ó noso Afonso VII para os puidese gobernar –insiste o autor no libro que introducimos- con “completa soberanía e independencia”. A finais deste ano de 1117, resolta a revolta social de Compostela, entrará o neno rei en Toledo, considerando esaxeradamente López Ferreiro que, desde entón, Afonso VII “no se chamou Rei de Galiza tan só, senón de España”. Dando incluso por practicamente terminado o seu libriño, se ben non será ata 1126 cando, pola morte da súa nai, é investido Afonso de Galicia como rei de León e Castela. Ámbolos dous reinos da meseta norte dividiranse outra volta a súa morte en 1157, non sen antes ser proclamado, en 1135, Afonso VII na catedral agora de León –onde está enterrado-  Imperator totius Hispaniae. Unha importante e temperán tentativa de reconstrucción goticista, que abranguía partes do País Vasco e de Cataluña -pero non Portugal-, celebrada despois xeralmente pola historiografía nacionalista española  e tamén recentemente, aínda que  semelle paradoxal, por unha historiografía nacionalista galega que vén de reinterpretar e reivindicar o imperio leonés do século XII como unha feliz expansión do reino de Galicia.

 

                De aí a orixinalidade desta obra publicada en 1885 referida a un rei propio de Galicia, activo como tal -por medio dos seus mentores- entre 1109 e 1126,  tradicionalmente descoñecido pola historiografía española, que vén considerando,  ata o día de hoxe, a dona Urraca como única raíña de León e Castela -e polo tanto de Galicia- neses convulsos anos 1109-1126, tomando claramente partido pola filla de Afonso VI contra os partidarios de Afonso VII, cuxa realeza soamente se recoñece entre 1126 e 1157, polo que antes é nomeado máis que nada como Infante, no que curiosamente tamén cae algún documento  redactado polos seus promotores.

 

                Foi algo habitual na historiografía galega desde século XIX, independentemente das diferencias ideolóxicas,  distinguir reis privativos de Galicia, antes e despois do indiscutible García (1065-1072). Benito Vicetto divide tamén en dous períodos, anterior e posterior ó ano 1126,  o reinado de Afonso VII, que describe como  “monarquía galaica” e “imperio español”, respectivamente.  O mesmo fai Manuel Murguía con Ordoño II (914-924): primeiro rei de Galicia e logo rei de León, que incluía ó anterior, escribe na súa inacabada Historia de Galicia.  A muller deste rei galego de León do século X, Aragonta, abandonada por el e refuxiada ata a súa morte no mosteiro de Salceda de Caselas, recibe tamén de López Ferreiro a cualificación de “reina gallega”. A historiografía galeguista do século XX continuou xustamente esta distinción que afecta a reinados enteiros ou, con frecuencia, a confortable sala de espera para un reinado territorial más extenso, que non sempre chegou.  

 

Nova vella historia

 

                O noso autor utiliza como fonte principal a Historia Compostelá na edición latina (a crónica non será publicada en castelán ata 1950) de Henrique Flórez  (1765), contrastada coa versión do século XIV que se conservaba na catedral de Santiago. Tamén  bota man do  Anónimo de Sahagun e algunha outra documentación que se reproduce no Apéndice do libro. Tanto Vicetto (1872) como Murguía (1898) xa utilizaran a Historia Compostelá para falar do primeiro arcebispo de Santiago, ningún deles tivera por tanto o mesmo obxecto que López Ferreiro nesta obra. A verdade é que sobre Afonso VII como rei de Galicia non dispomos aínda hoxe dunha monografía actualizada desde un enfoque máis social e global. Nin tan sequera existe unha colección documental máis completa relacionada con este rei de Galicia, antes de se transformar no emperador leonés. Esperamos que a reedición da obra de López Ferreiro contribúa a animar a outros historiadores a superar tales deficiencias.

 

                O problema que teñen en común as crónicas medievais e a historiografía decimonónica, que hoxe volve con forza na historia escrita pensando nun público virtualmente interesado polos pasados nacionais, é certo reduccionismo -para nosoutros inaceptable-  da historia colectiva ás “grandes figuras” da historia, e os seus contextos políticos, institucionais, xurídicos e militares. “Nova vella historia” que leva ó lector -e a miúdo ó propio historiador; non é caso de Don Antonio- a perderse entre unha manchea de nomes e lugares, datos e datas. No tema que nos ocupa, o perigo é extraviarse entre as idas e voltas dos actores individuais, das súas alianzas e pautos, que afectaban directamente á formación, separación e anexión dos diferentes e solapados reinos.  Calquera se marea entre tantas rupturas e reconciliacións do fillo coa nai, do conde de Traba con Xelmírez, de Urraca co seu home Afonso de Aragón (cinco reconciliacións detecta o autor), e tamén  dos veciños, cóengos e cabaleiros de Compostela e a súa terra, co seu señor bispo.  

 

                Unha virtude do libro de López Ferreiro é que esclarece abondo as confusas e revoltas novas que veñen na Historia Compostelá,  resumindo, ordenando e clasificando os datos segundo o seu obxecto de estudio, seguindo a nova historiografía positivista: a máis avanzada do mundo (occidental) a finais do século XX. Coetáneo de Ranke, o párroco de Vedra foi pioneiro e mestre dunha historia feita “con documentos”, o que non lle impediu escoller temas e  fontes, e interpretar os datos de acordo coa súa ideoloxía, igual que fixo desde Alemaña o fundador desta tendencia historiográfica, Leopold von Ranke, sen faltar por suposto a certa deontoloxía profesional (naquel entón, en formación). Formado na Escuela Superior de Diplomática, recen creada en Madrid, tivo Antonio López o recoñecemento como historiador erudito por parte da historiografía galega (Murguía) e española (Menéndez   Pelayo).

 

                Outra cousa é que, máis dun século despois, teñamos ou non a obriga crítica de poñer de manifesto a falta dun enfoque máis social da historia, que está máis presente noutras obras do autor; dito doutra maneira: o papel do conxunto do reino de Galicia, entendido como espacio socio-cultural,  nese drama de reis, condes e bispos, tan ben descrito polos autores da Compostelá e compendiado por López Ferreiro e outros (en especial nas biografías de Xelmírez). Estamos obviamente propoñendo unha nova acepción de ‘reino’, documentada histórica e historiográficamente, que aínda non vén nos diccionarios. Estes soen entender restrictivamente ‘reino’ como “territorio o Estado con sus habitantes sujetos a un rey” (DRAE)  ou “territorio gobernado por un rei” (DRAG), confundindo “reino’ (espacio) con “reinado” (tempo), eliminando da historia os reinos sen reis privativos como foi Galicia na meirande parte das idades medieval e moderna.

 

Ollada rexionalista

 

                O rexionalismo político e historiográfico de López Ferreiro levoulle a tratar ó reino de  Galicia do século XII como unha patria, país e nación, en plena Restauración centralista e canovista, a pesar da súa coñecida devoción medular pola patria española, derivada do seu tradicionalismo católico, antiliberal e filocarlista, que lle permitía vincular doadamente “patria grande” con “patria chica”. Anticipando, en 1885, o enfoque de “El Regionalismo” (1889) de Alfredo Brañas -22 anos máis novo- como parte dos seus anovados “ideales de reorganización política y social de España”, ben diversos do federalismo e o confederalismo de raíz liberal e revolucionaria.

 

                O feito certo de que o noso cóengo historiador baseara a identidade de Galicia nas institucións tradicionais, Igrexa e Monarquía, en lugar da “da súa etnia, costumes, hábitat” como facía Murguía (Ramón Villares), non resta mérito ós seus traballos sobre a historia medieval de Galicia, pero obríganos, co pretexto da segunda edición da súa obriña sobre Afonso VII, a actualizar e afondar -desde embaixo- na súa interpretación, partindo incluso da súa selección de datos, condicionados de entrada polos tres autores da haxiografía do primeiro arcebispo compostelán. Defensor sempre de Diego Xelmírez, López Ferreiro, adorna as súas calidades con axeitadas citas dos seus biógrafos e tamén cóengos composteláns, Nuno, Hugo mailo francés Xiraldo, que o presentan como o “escudo”, “patrón” e “facho” de Galicia,  titor e xefe de tódolos  galegos: Gallicianorum dux et tutor. Non chega tan lonxe o autor gabando, en 1885, ó conde de Traba cando o relaciona así mesmo coa patria e o país galego. Pero deixa ben claro, seguindo a crónica de Xelmírez, que será a unidade final de ámbolos dous líderes da nobreza galega,  ó redor de Afonso Raimúndez, o que fará posible que o reino de Galicia  teña primeiro un rei de seu, e logo un emperador en León. Pedro Froilaz, facedor e titor do rei neno,  xura amizade a  Diego Xelmírez e reparto de cargos na Corte galega: “Respecto da entronización do Infante Don Afonso, e da distribución das dignidades e cargos da súa Casa, xuro obrar con Vós de común acordo mentres o tiveramos no noso poder”.

 

Rei e nobreza

 

                Está claro que o derradeiro rei privativo de Galicia é, como os que o precederon, unha creación política da alta nobreza laica e da Igrexa, o que non quer dicir, naturalmente, que unha e outra non actúen conxuntamente como clase dirixente dunha sociedade feudal, espacial e  culturalmente diferenciada, que, no século que segue, dará lugar a un idioma oficial e unha literatura propios, que brillarán nunha Corte de Castela, que xa non estará “no noso poder”.  O feito de que a identidade lingüística de Galicia se formara nos séculos XII-XIII nas dúas beiras do río Miño, independentemente da pertenza da vella Gallaecia sueva a dous reinos e coroas diferentes, ratifica a sabida dimensión sobreestructural das débiles e transitorias monarquías medievais, síntomas e consecuencias de complexos, variables e diversos fenómenos de formación nacional, que responden a  causas más fondas e de longa duración, inseparables polo demais da incidencia social e cultural dos resultados finais das loitas das elites polo poder territorial na península ibérica.

 

                Antonio López Ferreiro aposta, como a maior parte dos historiadores galegos que se interesaron por aquel período, polo partido nobiliario-eclesiástico que enarboraba a Don Afonso contra Dona Urraca, asegurando que era “a causa popular en Galiza; a que espertaba o entusiasmo das masas, e a considerada como única solución xusta e proveitosa ao benestar xeral do país”. Proseguindo coa Historia Compostelá narra así como Afonso VII é recibido (novembro de 1116) en Santiago de Compostela como rei de Galicia, por “case todos os habitantes”, os homes presentando armas ó xeito de homenaxe, as mulleres cantando a coro loanzas ó “novo Rei”, proclamado por segunda vez na catedral. O caso é que estes mesmos gozosos composteláns non tardarán semanas en levantarse en armas contra Xelmírez, o conde de Traba e o rei de Galicia, co interesado apoio inicial de Dona Urraca.

 

Rei e revolta

 

                A cuestión é que, desde a revolta comunal de Compostela en 1117 ata a revolta irmandiña de 1467 (expresión final do verdadeiro e permanente  reino medieval de Galicia), vasalos e cidadáns, campesiños, artesáns, burgueses, cóengos e cabaleiros da baixa nobreza saberán aproveitar as guerras feudais e políticas da aristocracia (especialmente o baleiro de poder xerado polas conxunturas de “dous Reis”), para rebelárense contra os seus amos –¿é preciso recordar que Galicia era daquela unha sociedade feudal?- con posibilidades de éxito. O que provocaba indefectiblemente que os señores e reis en disputa se uniran, durante un tempo, para restablecer unha orde social volta do revés, que xa non vai ser igual que antes: así construían tamén o país as clases populares.

 

                Durante o reinado galego de Afonso VII (1109-1126) terán lugar dous levantamentos populares que terminan indo na súa contra, na medida en que ían contra os seus apoios feudais e conselleiros políticos en Galicia. A irmandade campesiña do Ribeiro de 1111 que pon cerco, converxendo cunha liga de pequenos nobres da Terra de Santiago, a Afonso Raimúndez e a familia de Traba, que recen o nomeara rei de Galicia,  na fortaleza do Castro de Miño, co sostén circunstancial e aproveitado do bispo de Santiago, celoso do dominio que exercía Pedro Froilaz sobre o rei neno. Ó cabo reconcílianse tódolos señores e reis afectados pola revolta (Xelmírez e  o conde de Traba,  Urraca e o seu fillo), renuncian á vinganza contra os cabaleiros rebeldes que levaran entón ó rei novo de Galicia ó castelo de Pena Corneira. Logrando así a súa liberación, procedendo axiña a súa primeira coroación na catedral de Santiago. Nada lamenta máis o autor da biografía galega de Afonso VII que estas disidencias internas de tipo social, que se volverán a repetir aumentadas, en 1117, na propia Compostela, capital política de Galicia xa naquel entón.

 

                Procurando nun principio o sostén político, agora da raíña Urraca, os cidadáns rebeldes –entre eles salientan a Compostelá e López Ferreiro uns “conspiradores” do cabido, inimigos de Xelmírez-  toman o control da cidade e derrocan o pazo de Xelmírez. Á fin póñense a ben todos, como en 1111, Urraca regala como proba da nova alianza a Xelmírez a cabeza de Santiago Alfeo,  coa que bispo e raíña entran con grande cerimonia en Santiago  sendo recibidos, segundo os autores da Historia Compostelá, ou sexa Feitos de Don Diego Xelmírez, primeiro arcebispo de Santiago (nome completo), no medio dun “indescritible” gozo e  grande emoción do xentío, comenta o noso cóengo case oito séculos despois. De seguido terá lugar o famoso “pauto do Tambre” que confirma o poder en Galicia do seu fillo como monarca privativo, e o sitúa na liña de saída como herdeiro de toda a Coroa de León e Castela co adianto da  súa soberanía persoal sobre Toledo.

 

                Nun e outro caso, 1111 e 1117, o fortalecemento dunha monarquía galega xorde como a mellor “solución” para unificar á clase señorial e facer volver ós vasalos en revolta á obediencia señorial.  O asunto é que os seus promotores, e posiblemente os seus aparentemente silenciosos súbditos, sempre viron como ocasional e temporal a entronización dun rei galego: tiñan a vista posta no precedente “reino de reinos” con capital en León de Afonso VI, base dunha ulterior expansión imperial, como sabemos. O breve e superestructural reino de Galicia de Traba e Xelmírez foi, en definitiva, tanto a revelación e afirmación dun reino social de Galicia “realmente existente”, o territorio humanizado da formación de Galicia como nacionalidade medieval, como a plataforma política para a reconstitución dunha macro entidade estatal de ámbito peninsular, continuadora do preterido e chorado Estado visigodo.

 

Rei breve

 

                Dúas cuestións atrancaban, no século XII, o sustento popular á estratexia da aristocracia en prol dunha monarquía galega, no momento da maior plenitude dos sistema social que aquela representaba:

 

                1) A minoría de idade do rei Afonso VII que terá de 4 a 12 anos na fase máis conflictiva social, militar e politicamente do seu reinado galego (1109-1117). O que facilitou a súa instrumentación como parte esencial dos proxectos políticos e eclesiásticos de Traba e Xelmírez, impedíndose deste xeito a función arbitral  que fixo posible certa cohesión social e, xa que logo, a persistencia da institución monárquica ó longo da historia, cando non a súa desfeita ou imposible consolidación en intres determinados.

 

                2)  A tendencia desta nobreza da Galicia lucense (que educa sen dúbida a Afonso Raimúndez para herdar o seu avó e nai gobernando totius Hispaniae desde Toledo) a procurar o poder na Corte de León e Castela, a diferencia da nobreza da Galicia bracarense que constituirá pronto (1139) un novo reino en base ó condado portucalense do reino da Galicia de Afonso VII, cuxo primeiro rei foi o seu curmán Afonso Henríquez. Afonso R. Castelao considerou en Sempre en Galiza unha “traizón a Galicia” o que fixo Xelmírez –seguindo ó conde de Traba, lembremos- ó crear “un Emperador para Toledo en vez de formar un Rei para Compostela”. Pola contra, Camilo Nogueira dálle audazmente a volta ó argumento, en 2001, reivindicando ós reis galegos de León e Castela (Afonso VI, Afonso VII, Fernando II, Afonso IX) como reis de Gallaecia, para anoxo non tanto dos epígonos de Don Ramón Menéndez Pidal como dos asturianos e  leoneses celosos das súas historias rexionais que lexitiman as institucións autonómicas de hoxe. Sen dúbida, cómpre unha síntese interpretativa deste vello debate sobre o reino de Galicia que nos congracie coas realidades histórica e actual, sen por iso contentarnos co horizonte rexionalista conservador de López Ferreiro e Brañas, cuxos proxectos historicistas estarían hoxe sobradamente satisfeitos coa Constitución autonomista de 1978.

 



* Prólogo á reedición  e traducción do libro de Antonio LÓPEZ FERREIRO, D. Afonso VII, Rei de Galiza, e o seu aio o Conde de Traba (1885), Noia, Editorial Toxosoutos, 2006.