Imprimir
Twittear

Publicado en

 

Os irmandiños da Terra de Lemos*

 

 

Carlos Barros

Universidade de Santiago de Compostela

 

                Entendemos “Terra de Lemos” no seu sentido máis amplio, histórico, xa que na Idade Media non se reducía á comarca de Monforte, chegaba ata Ponferrada, porta do Reino de Galicia[1], abranguendo na segunda metade do século XV as xurisdicións señoriais no Bierzo do Conde de Lemos[2], que, o 24 de febreiro de 1468, consigue unha provisión da “Junta General de la Santa Hermandad de los Regnos de Castilla y León”, axuntada en Madrigal (Ávila), contra os seus vasalos bercianos levantados contra el e as súas fortalezas[3]. Pondo en evidencia o arredamento da revolucionaria irmandade galega da irmandade castelá, que no seu conxunto non rebasará a función orixinal de mantenemento da orde pública, así como a inclusión do Bierzo[4] na dinámica antiseñorial e antifortaleza da Santa Irmandade do Reino de Galicia, constituida na práctica de xeito independiente un ano antes da tardía protesta de Pedro Álvarez Osorio. Derrotado finalmente pola irmandade insurrecta en Monforte, Sarria e Ponferrada, os tres extremos que definen a revolta irmandiña nas terras do primeiro Conde de Lemos (1457-1483), figura emblemática onde as haxa da Galicia baixomedieval.

 

O señor máis poderoso

 

                Escribiu Fernando del Pulgar que o Conde de Lemos era naquel tempo “el mayor señor de aquel reyno de Galicia”[5] Tradición crónistica que repiten outros autores coetáneos (Rades de Andrade, Zurita[6]) cadrando, ademáis, coa tradición oral na súa zona de influencia, de acordo coas testimuñas do Preito Tabera-Fonseca que falan deste Pedro Álvarez Osorio como “el mas poderoso señor de todo este dicho Reyno”; “gran señor y rei” na súa terra[7].  Froito dunha mextura de coacción e consenso, o Conde de Lemos, á diferencia do resto de señores galegos, dispón de partidarios no intre do furacán irmandiño, sobre todo nas vilas que poseía[8], incluida  Monforte, capital dos seus estados en Galicia.

                O Condado de Lemos vén sendo o maior señorío laico na Galicia tardomedieval, complementario territorialmente co señorío da Igrexa de Santiago[9], gracias ó esforzo persoal de Pedro Álvarez Osorio que recuperou a herencia galego-berciana do Duque de Arjona que lle correspondía a súa muller, Beatriz de Castro[10], facendo do vello título dos Castro un condado hereditario e perpetuo[11], xuntando, ni prazo breve (1433-1456) un gran patrimonio feudal que o levou, antes e sobre todo despois da revolta irmandiña, a tentar influir no resto de Galicia. En 1458, resulta decisivo o seu apoio en Santiago ó arcebispo Rodrigo de Luna[12] contra os nobres e cidadáns rebeldes dirixidos polo homónimo Conde de Trastámara, cuxos fillos devolveránlle ó favor en 1467, segundo veremos. En 1470, recuperado o poder na súa propia terra, acada facer do seu irmán o novo bispo de Lugo[13]. En 1471, pugna co Conde de Benavente polo control de Ourense e Allariz[14]. A creación en 1480 da Audiencia de Galicia, mailo seu enfrontamento cos Reis Católicos, frustran que o primeiro Conde de Lemos chegar a ser tamén “gran señor y rei” de Galicia. Os seus sucesores reduciron a súa influencia á non moito máis que a comarca de Monforte, logo da división do Condado de Lemos que separou os bens galegos dos bens bercianos. Tal foi a resolución dos Reis Católicos en 1484 do preito sucesorio, e militar, entre o lexítimo herdeiro Rodrigo Álvarez Osorio, segundo Conde de Lemos, e a súa media irmá María Bazán, consogra do Conde de Benavente, cuxos descendentes constituíron coas terras bercianas de Lemos o marquesado de Villafranca; salvo Ponferrada, que foi comprada polos Reis Católicos, en 1486, para “tener controlada la levantisca nobleza gallega”[15].

 

Derrota social, debilidade política

 

                A confrontación irmandiña co Conde de Lemos será total, a Santa Irmandade ve nel o seu maior inimigo; precisarán axuda de toda Galicia,  ademais do Bierzo, para vencelo en 1467. De aí que a súa fuxida final cara Ponferrada perseguido polo exército máis numeroso –segundo os datos que temos- xuntado polos irmandiños (30.000 irmáns[16]) fora tan celebrada polos rebeldes como símbolo da súa victoria, máxima concreción del lema irmandiño: “los gorriones abian de correr tras los falcones”[17]. A derrota do Conde de Lemos, o señor máis poderoso, significa a derrota dos señores de Galicia; “porque pues el conde de Lemos no podiera defender las suias [as fortalezas] y se fuera para Castilla que menos lo podieran azer los otros”, argumenta un escudeiro lucense, Afonso do Campo, participante na grande insurrección[18]. Non se trata só dunha tradición oral dos favorables á revolta de 1467, a sona da fuxida de Lemos é recollida polos cronistas en termos parecidos: “En corto tiempo los gallegos no sólo arrancaron de las selvas a los facinerosos y los arrastraron al patíbulo, sino que se apoderaron de fortalezas tenidas por inexpugnables, y al conde de Lemos, el más poderoso de los Grandes de la provincia, obligáronlo a huir y le persiguieron hasta el exterminio”[19].

                A derrota militar exemplificante do Conde de Lemos por obra dos vasalos insurrectos, veuse favorecida pola febleza política da  súa posición cara ós dous reis de Castela en guerra. O 25 de setembro de 1465, o príncipe  Alonso escribe ó Conde de Arcos contándolle que: “El Conde de Lemos e otros muchos caballeros del Reino de Galicia se han juntado conmigo e a mi servicio”[20]. Queda pois claro que o maior señor de Galicia aliñase, despois do destronamento simbólico do rei Henrique en Ávila, coa nobreza rebelde de Castela contra o rei lexítimo[21], que por contra será apoiado arreo pola irmandade galega[22]. Non hai documento posterior que desminta esta posición inicial, que coñecemos por unha carta privada do rei rebelde. Tampouco amósase o Conde de Lemos como afonsino consecuente, de quen recibirá castigo. A indefinición política de Pedro Álvarez Osorio é, sen dúbida, consciente[23], e o coloca nunha situación precaria perante os seus adversarios máis próximos: os Osorios de Trastámara e os Pimentel de Benavente.

                Dous fillos do Conde de Trastámara se poñen desde o comezo coa Santa Irmandade de Galicia e o rei Henrique: Pedro Osorio no cargo de capitán irmandiño na parte de Santiago; Álvaro Pérez Osorio, primeiro Marqués de Astorga pola gracia do rei lexitimo (concedida tamén en 1465), prestándolles axuda cando, logo da súa fuxida de Galicia, tiñan ó Conde de Lemos asediado en Ponferrada: “teniendo los de la hermandad çercado al conde don Pedro en Ponferrada quel Marques de Astorga don Alvaro fauoresçia a la dicha hermandad contra el dicho conde”[24]. Cerco que rematou co derrubamento da fortaleza templaria da capital do Bierzo.

                Doutra banda, o Conde de Benavente, Rodrigo Alonso Pimentel, que chegara a ser para o rei mozo Afonso “mi bien amado don Rodrigo Pimentel, conde de Benavente, del mi Consejo”[25], participando de xeito relevante o 5 de xuño de 1465, na “Farsa de Ávila”, ó quitar a vara de mando á estatua que representaba ó rei Henrique[26]. Pero don Rodrigo terminará por cambiar de bando (entre marzo e  abril de 1468), logo de fallar no intento de asasinar o seu sogro o Marqués de Villena, factótum  do príncipe Afonso[27]. En agradecemento, o 4 de abril de 1468, Henrique IV, prexudicando gravemente ó Conde de Lemos, decide outorgar os bens en disputa que pertencían a Alonso Osorio, fillo de Pedro Álvarez Osorio, ó  Conde de Benavente[28].  Dous anos antes, o 5 de marzo de 1466, xa perdera don Pedro a Pobra do Brollón, na comarca de Monforte, que o rei Alonso entrega a Juan Pimentel, irmán e representante en Galicia do Conde de Benavente, enviando ó comendador Frei Pedro de Castro para tomar posesión advertíndolle ó Conde de Lemos por carta[29]. Parece que o Conde de Lemos, agraviado por Henrique IV, seguía tendo algunha relación co rei Alonso, que non o apreciaba demasiado. Semella que se apartou á vez de ambos reis, non recibindo nos anos da guerra civil nada bo deles, todo co contrario. O 18 de setembro de 1467,  Henrique IV  preme ó sufrido Conde de Lemos para que cedese ó Marqués de Astorga e Conde de Trastámara, henriqueño de verdade, Sarria e Chantada[30], non lle quedou máis remedio que aceptar, coa vana promesa de que lles serían devoltos as terras e bens ocupados polos irmandiños (en alianza co Marqués)[31].   

                En resume, o seu baixo perfil e a falta de compromiso levaran ó Conde de Lemos a percibir mal trato, nos anos 1466-1468, de ámbolos dous reis, especialmente no relativo ó seu patrimonio. Falto de apoio político, en febreiro de 1468 obtén a citada carta de apoio de Junta hermandina de Madrigal, doente pola escisión pro-galega do Bierzo, coa intención de facilitar un recrutamento de xente que lle permitise recobrar o poder feudal,  primeiro no Bierzo logo en Galicia, que non o lograra ata un ano despois, mediante unha contraofensiva coordinada coa alta nobreza galega. En cambio, os Trastámara e os Pimentel, gañan máis porque se comprometen máis e mellor -acertando ó escoller o bando henriqueño-, sabendo mesmo pasar a tempo dun bando ó outro, como o Conde de Benavente. O que só é posible cando se ten algo que ofrecer, todo hai que dicilo. O Conde de Lemos xa antes da explosión irmandiña vive con certa distancia a situación política na Corte, agoniado e afanado polos temores premonitorios a unha rebelión dos vasalos so pretexto de irmandade, polos conflictos co seu fillo, morto prematuramente e emparentado co inimigo Rodrigo Alonso Pimentel. O levantamento xeral de abril de 1467 obrígao a dedicar todo o seu tempo á unha inútil defensa de fortalezas, vilas e terras no triángulo Monforte-Sarria-Ponferrada: sen torres, vasalos e exércitos feudais, malamente podía o señor de Lemos –igual que o resto da nobreza galega- entrar verdadeiramente en liza na guerra castelá dos dous reis. A diferencia co Marqués de Astorga e o Conde de Benavente é que, tendo ambos intereses en Galicia, dispuñan das bases principais do seu poder social e militar fóra do reino irmandiño de Galicia, que incluía o Bierzo pero non Astorga nin Benavente, parte dun reino de León que,  no seu conxunto, estaba máis cerca na dinámica tradicional das irmandades de Castela que dos “excesos” irmandiños galego-bercianos contra as fortalezas e os señoríos feudais.

 

Os irmandiños de Lemos

 

                A derrota humillante do señor máis poderoso, da noticia dunha específica radicalidade da revolta dos irmandiños no Condado de Lemos. Dicimos ‘radical’ no sentido etimolóxico de ir á solución de ‘raíz’ dos problemas socio-económicos que aínda que non detonan a insurrección xusticieira[32], están na súa base estructural e mental,  provocando a súa dimensión antiseñorial[33] cos seus efectos de rebelión fiscal, que alcanzarán incluso as finanzas da Monarquía, cando menos na Terra de Lemos. Non identificamos pois ‘radical’ con violencia social, distinta da violencia militar: a Santa Irmandade en rebeldía utiliza a violencia no cadro das milicias populares organizadas polos cuadrilleiros e capitáns, ou polos propios alcaldes no intre dos derrocamentos, pero non para a persecución social e represiva dos seus contrarios. Polo demais, o primeiro Conde de Lemos tiña máis unha imaxe  de señor feudal de grande poder, patrimonio e xurisdicción (terras, fortalezas, vilas e xente de guerra) que de cabaleiro malfeitor, como Pedro Madruga ou o Pardo de Cela, ante quen presumiu en 1469 da improcedencia dunha represión contra os irmandiños[34].

                Na súa dimensión social a irmandade de Lemos é algo distinto, en certo sentido máis esencial, do resto da Santa Irmandade do Reino de Galicia, marcada pola dinámica máis complexa do maior señorío de Galicia, a Terra de Santiago. Cinco serían, entón, os trazos distintivos da revolta 1467-1469 na Terra do Conde de Lemos:

1) Ruralismo. “ Los de la dicha hermandad del condado de Lemos hera la gente de la dicha tierra e condado e ansi derrocadas la dicha çerca e fortaleza de Monforte”[35]. Protagonismo rural declarado por Pedro Carballo, labrador de Santa María de Penela (hoxe no concello de Monforte), xunto co dato excepcional do derrubamento da muralla de Monforte, asaltada desde fóra polos campesiños e fidalgos da comarca. Desde o momento en que a irmandade abrangue o conxunto do reino, o protagonismo social é por suposto maiormente campesiño, pero non ó redor enfrontamento campo / cidade. Tamén na Terra de Lemos trunfa ó longo do ano 1467 unha alianza historicamente excepcional entre campesiños, artesáns, burgueses, fidalgos e nobres segundóns, pero non sen vencer militarmente a resistencias dos partidarios de don Pedro, especialmente en Monforte e Ponferrada.

2) Menos protagonismo urbano. A cidades e vilas galegas levaron en xeral a iniciativa política antes, durante e despois da revolta irmandiña[36], en coalición co rural, que leva sen embargo a iniciativa social ó desencadear en abril de 1467 o derrocamento masivo de fortalezas, en sintonía coa plebe urbana[37]. Non é así na Terra de Lemos, unha proba de cómo Pedro Álvarez Osorio sabía combinar forza e consenso, evitando a perda de hexemonía moral entre os vasalos, e no conxunto da sociedade, típica da nobreza galega da segunda metade do século XV, é a existencia de partidarios seus nas súas cidades e vilas no instante mesmo da insurrección xeneralizada de 1467. Falamos antes de como veciños leais ó Conde se atrincheiran Monforte (coa axuda de Alonso López de Lemos). Algo parecido tivo que pasar en Pontes de García Rodríguez, onde os irmandiños tamén derruban a súa muralla[38]. Citamos xa o dato de como en febreiro e marzo de 1468, estando probablemente todo O Bierzo en mans das irmandades rebeldes, veciños de Ponferrada, Villafranca e Cacabelos,  conspiran co Conde de Lemos perante a “Hermandad de León y Castilla” para tratar de organizar a contrarrevolta[39].

3) Reserva de contrarios. Sesenta anos despois da revolución irmandiña, o entrante arcebispo Tabera pretende obter do saínte arcebispo Fonseca unha compensación económica polas fortalezas da Terra de Santiago, botadas abaixo en 1467 e xamais reedificadas, precisando testemuñas contrarias ós irmandiños que neguen  o seu carácter victorioso, que tiveran permiso real e apoio divino, etc. Para tal obxecto ten que recorrer –a pesar de que o tribunal arbitral non gustaba de saír dos límites do arcebispado- ós criados e vasalos do Conde de Lemos, sobre todo na zona de Monforte[40]. O feito de que na Terra de Lemos se fixera o maior esforzo reconstructor de fortalezas, a conta dos vasalos, beneficiou por outra banda a continuidade no tempo dunha memoria colectiva anti-irmandiña que ocupa o seu lugar, cara 1527, no preito Tabera-Fonseca.

4) Non pagar ó Rei. “No hechaban apellido del Rey ni de otro señor sino de la hermandad  e que tanbien al dicho tienpo no pagavan serviçio al rey ni otra derechura ni al señor de la tierra e questo hes ansi la berdad”[41]. Na  parte do ‘apelido’ (chamamento, invocación) vese como o informante Pedro Carballo, nomeado por Tabera, é ben hostil á revolta, da que foi testemuña ocular podendo ter participado nela pois confesa que ter 20 anos en 1467. Esta  testemuña, labradora e monfortina, repite o que din todos os contrarios sobre a inexistencia dunha provisión real que autorizase os derrocamentos. Non foi así, o rei Henrique emitira, logo de algunhas vacilacións, o 6 de xullo de 1467, cunha coidada redacción de Fernando de Pulgar[42], unha carta aprobatoria dos derrubamentos feitos, chamando ós alcaides cercados que rendesen os castelos á Santa Irmandade. Tampouco lle interesa recoñecer ós contrarios que os irmandiños asaltaban as fortalezas ó grito de “¡Viva El-Rei!”[43], sendo o monarquismo popular un aspecto importante, aínda que non decisivo, da mentalidade de revolta. A información sobre o impago de tributos e servicios feudais ós señores durante o bienio irmandiño está comprobado por  outras fontes, non así o que di Pedro Carballo sobre que  non pagaban a El-Rei os  “servicios”[44] (tributos extraordinarios que as Cortes de Castela e León concedían ó Rei), “ni otra derechura”, tema grave se consideramos as grandes necesidades de Henrique IV por causa da guerra civil. Dato significativo que vén a reforzar a nosa idea do carácter imaxinario máis que real do monarquismo irmandiño[45], así como o utilitarismo con que os sectores ilustrados de ambas partes, irmandade galega e rei Henrique, levan as relacións recíprocas nos anos 1467-1468.

5) Dirixentes irmandiños. A dureza do enfrontamento militar en 1467 nas terras de  Lemos, en comparación coa rebelión na Terra de Santiago e nos restantes  señoríos laicos, con noticia de batallas ó principio da revolta (A Pedrosa, Monfierro) e grandes exércitos, xustifica que practicamente non coñezamos nomes dos alcaldes irmandiños, deputados e outros dirixentes civís, soamente chegaron a nós nomes de dirixentes militares da revolta, fidalgos rurais na súa maioría. O que constitúe unha eiva por ser os alcaldes as autoridades máximas da rebelión, tanto  no ámbito local como xeral (Xunta de Galicia), pero tamén unha vantaxe porque bota luz sobre o papel da baixa nobreza na grande revolta dos irmandiños. 

 

 

 

 



* Versión escrita da conferencia dictada o 5 de maio de 2007 no simposio  “O Condado de Lemos na Idade Media”, organizado polo Plan Xacobeo (Xunta de Galicia) e o Concello de Monforte de Lemos.

[1] Aínda no século XVII se dicía “Galicia es la huerta y Ponferrada la puerta”, Gonzalo CORREAS, Vocabulario de refranes y frases provebiales, 1627.

[2]  É por iso que algunha testemuña dos arredores de Monforte, fala do preito Tabera-Fonseca de forma indistinta e aditiva da irmandade na “tierra y condado” de Lemos como ámbito da revolta, véxase a cita da nota 35.   

[3] 1468, Provisión de la Junta de Madrigal sobre levantamientos en El Bierzo contra el Conde de Lemos (facilitada por Eduardo Pardo de Guevara).

[4] O documento de Madrigal termina cominando ós “vezinos e moradores del Bierzo” a “enbiar las gentes e dineros”  que lle correspondían á irmandade xeral de Castela e León, segundo os repartimentos previstos; temos constancia de que os bercianos participan militarmente nas accións da irmandade galega contra o Conde de Lemos, con seguridade integráronse tamén cos galegos noutras actividades (financiamento, xuntas, etc.).

[5] Fernando PULGAR, Crónica de los Reyes Católicos, Madrid, 1943, II, p. 54.

[6] Índice de la Colección Salazar y Castro, Real Academia de la Historia, tomo 33, p. 30.

[7] Las fortalezas de la Mitra composte­lana y los "irmandiños", Ángel Rodríguez (edit.), Pontevedra, 1984, pp. 491, 496.

[8] Na demanda anti-irmandiña, resolta favorablemente na  Junta de Madrigal de febreiro de 1468,  acompañan ó Conde “representantes” das vilas de Ponferrada, Villafranca e Cacabelos, que no mes seguinte sacan un traslado (copia ante notario)  na propia Ponferrada co obxecto de promover a defensa dos intereses condais fronte a Santa Irmandade galego-berciana.

[9]  A Terra de Santiago superou en xurisdicción territorial, de todas as maneiras, a calquera outro señorío no reino medieval de Galicia.

[10] Alfonso FRANCO, “El señorío de Villafranca de El Bierzo (siglos XIV-XV), Boletín de la Real Academia de la Historia, tomo 179, enero-abril 1982, pp. 45 ss.

[11] O 26 de xuño de 1456, Henrique IV decreta que “considerando los muchos e buenos e leales servicios que aquellos donde vos venides hicieron a los reyes de gloriosa memoria, mis progenitores, e vos havedes fecho e facedes a mi cada dia, e confiando de vos que me serviredes mucho mas adelante... es mi merced que... para toda vuestra vida, seades conde de la tierra de lemos [e] vos podades llamar e nombrar don Pedro Alvarez Osorio, conde de Lemos”, Malaquías de la VEGA, Cronología de los jueces de Castilla, BN ms. 19.418, fol. 344 v.

[12] Antonio LÓPEZ FERREIRO, Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela, VII, Santiago, 1983, p. 115.

[13] José GARCIA ORO, Galicia en la Baja Edad Media. Iglesia, señorío y nobleza, Santiago, 1977, p. 70.

[14] 1472, capitulaciones Conde de Lemos / Conde de Benavente, AHN Osuna Legajo 417-17 (2), publica Eduardo PARDO DE GUEVARA, Los señores de Galicia. Tenentes y Condes de Lemos en la Edad Media, A Coruña, 2000, tomo II, pp. 192-200.

[15] Alfonso FRANCO, op. cit., pp. 63-64, 76.

[16] A cifra foi aportada polo mesmo Conde a un criado seu, Ares de Rigueira, testemuña dobre no preito Tabera-Fonseca, Las fortalezas de la Mitra composte­lana,  p. 490

[17] Las fortalezas de la Mitra composte­lana,  p. 429.

[18] ídem, p. 482.

[19] Alonso de PALENCIA, Crónica de Enrique IV, I, BAE nº 257, p. 192, ten máis valor que o diga Palencia que Pulgar, notorio simpatizante irmandiño como redactor da carta de lexitimación real dos derrocamentos do  6 de xullo de 1467.

[20] Galicia Histórica, tomo I, 1901, p. 94.

[21] O Conde de Lemos desobedecera xa anteriormente a demanda do 21 de marzo de 1465 por parte de Henrique IV para que contribuíra á liberación do arcebispo Fonseca preso polos Moscosos na fortaleza de Altamira,   Eduardo PARDO DE GUEVARA, op. cit., p. 363.

[22] Outra clara diferencia coa “Hermandad de Castilla y León” dividida entre don Henrique e don Alonso, Alonso de PALENCIA op. cit., p. 193.

[23] Veremos que a ambigüidade de Pedro Álvarez Osorio de Lemos é máis froito da necesidade que da “virtude”, para nada alcanzou a mestría “política” de Juan Pacheco, marqués de Villena, especialista en nadar entre os dous reis.

[24] Ares de Rigueira, como testemuña agora de Tabera, Las fortalezas de la Mitra composte­lana,  p. 429

[25] 15 de xaneiro de 1467, carta real a favor dunha tendeira do Conde de Benavente, Dionisia RODRÍGUEZ, Documentación de Don Alfonso de Trastamara em el Archivo General de Simancas (1460-1468), Valladolid, 1981, p. 41.

[26] “Por la tercera, que merescia perder la gobernacion del Reyno; é así llegó Don Rodrigo Pimentel, Conde de Benavente, é le quitó el bastón que tenia en la mano”, ENRÍQUEZ DEL CASTILLO, Crónica de Enrique IV, BAE,  nº 70, p. 144.

[27] ídem, p. 172.

[28] Publica Eduardo PARDO DE GUEVARA, op. cit., pp. 181-186; o documento contén un requeremento formal, pero surrealista, ás irmandades de Galicia para que apoien a decisión real; asina o secretario Iohán de Oviedo, menos interesado e informado que o tamén secretario Fernando de Pulgar sobre a situación en Galicia un ano despois da insurrección xeral: as fortalezas estaban destruídas e o poder xurisdiccional en mans irmandiñas, nin Lemos nin Benavente  podían tomar posesión, naturalmente, pero crecían as expectativas da reacción señorial ante o final da guerra civil, que rematará tres meses despois coa morte do príncipe Afonso e o pacto de Guisando. 

[29] Alfonso FRANCO, op. cit., p. 57; ó ano seguinte a Pobra do Brollón fica, como toda a Terra de Lemos, baixo a xurisdicción irmandiña, acontecendo que o 3 de outubro de 1467, xente de Carlos de Castro, ex-señor de Castroverde, na comarca de Lugo, tentan facerse coa vila con privilexios reais, “y los villanos de la Puebla se defendieron y dixeron que eran vasallos del Rey” (viña sendo a forma irmandiña de xustificar o seu autogoberno), Cronología de los jueces de Castilla, fol. 313 v.

[30] Pasado o poder irmandiño, o Conde de Lemos restaura  o seu señorío nas dúas vilas, coas súas xurisdiccións, ata que en 1483  o novo Conde de Lemos, Rodrigo Enríquez Osorio, casa coa irmá do Marqués de Astorga, convindo ambos en que o Conde seguira  con Sarria, logo de compensar economicamente ó Marqués, que pola súa parte pasa a ser o novo señor de  Chantada, Cronología de los jueces de Castilla, fol. 387; a alianza familiar Osorios de Lemos e  Osorios de Trastámara permitiu a  estes recuperar, a principios do século XVI, todo o seu patrimonio histórico (Astorga e outros lugares leoneses; Sarria, Castroverde e Santa Marta de Ortigueira),  José GARCÍA ORO, La nobleza gallega en la Baja Edad Media, Santiago de Compostela, Bibliófilos Gallegos, 1981, p. 52; igual lle pasou, en 1468, ó primeiro conde de Lemos que perdeu por un tempo os bens do seu fillo Alonso, casado coa irmá do Conde de Benavente, por decisión de Henrique IV.

[31] Dise no documento que os irmandiños “contra toda raçón y justiçia, tomaron al Conde de lemos todas sus tierras, destruyéndole las fortaleças, y robádole sus bienes y los de sus vasallos (...) tomaban las tierras que querían, y dábanlas a quienes se les antojaba, tan absolutamente, que el Rey no los podía subjetar”, Cronología de los jueces de Castilla, fol. 341r, 354v; como dixemos nas notas anteriores, trátase de convenios sen efecto práctico, a Santa Irmandade non cambiaba polo regular uns señores por outros (as excepcións teñen que ver coa Igrexa) gobernaban as terras señoriais por medio da súa propia estructura local, provincial e xeral do Reino (nomeando oficiais en determinadas xurisdiccións), e nesto certamente “el   Rey  no los podía subjetar”, véxase senón o pouco caso que a Xunta de Betanzos fixo, en xuño de 1467, á orde de Henrique IV de devolución de Monterrey a Juan de Estúñiga en “As orixes medievales da Xunta de Galicia”, O poder na historia de Galicia, Santiago, 1999, pp. 73-83  (http://www.h-debate.com/cbarros/spanish/xunta.htm).

[32] “La mentalidad justiciera en las revueltas sociales de la Edad Media y Moderna”, Mentalities/Mentalités, New Zealand, vol. 17, num. 1, 2002, pp. 32-44 (http://www.h-debate.com/cbarros/spanish/articulos/historia_medieval/berlin.htm).

[33] "Vivir sin señores. La conciencia antiseñorial en la Baja Edad Media gallega", Señorío y feudalismo en la Península Ibérica, IV, Zaragoza,  1993, pp. 11-49 (http://www.h-debate.com/cbarros/spanish/vivir_sin_senor.htm).

[34] Véxase “Ascenso e caída do mariscal Pardo de Cela", Antón Losada Diéguez. 10 anos dun premio, Concello de Carballiño, 1995, pp. 85-89 (http://www.h-debate.com/cbarros/spanish/ascenso.htm).

[35] Las fortalezas de la Mitra composte­lana,  p. 168.

[36] “O que sabemos dos irmandiños”, Os capítulos da Hermandade. Peregrinación e conflito social na Galicia do século XV, Santiago, 2006, pp. 375-376 (http://www.h-debate.com/cbarros/spanish/articulos/historia_medieval/xacobeo.htm).

[37] A mentalidade xusticieira dos irmandiños, Vigo, 1988, p. 108.

[38] Alfonso FRANCO, op. cit., p. 56.

[39] Véxase a nota 8

[40] No preito Tabera-Fonseca as posicións más duras danse entre testemuñas favorables do arcebispado, nomeadas por Fonseca, e testemuñas contrarias da Terra de Lemos, nomeadas por Tabera, Mentalidad y revuelta en la Galicia irmandiña: favorables y contrarios, Santiago de Compostela, 1989.

[41] ídem, p. 169.

[42] Véxase a nota  36.

[43] “¡Viva El-Rey! Rey imaginario y revuelta en la Galicia bajomedieval”, Studia Histórica. Historia Medieval, nº 12, Salamanca, 1994, pp. 83-101 (http://www.h-debate.com/cbarros/spanish/viva_el_rey.htm).

[44] Existe no reino de Galicia toda unha tradición de rebeldía fiscal respecto dos servicios, desde 1431 (cadrando coa primeira revolta irmandiña), por desacordo co repartimento (argallado por unhas Cortes nas que Galicia no estaba representada directamente),  Miguel Angel LADERO QUESADA, La Hacienda Real en Castilla en el siglo XV, La Laguna , 1973,p. 208.

[45] Véxase a nota 43.