Imprimir
Twittear

Publicado en

 

O que sabemos dos irmandiños[*]

 

Carlos Barros

Universidade de Santiago de Compostela

 

 

                A iniciativa do Plan Xacobeo de organizar unha exposición sobre os irmandiños, a peregrinación e a Galicia do século XV, é una excelente ocasión para facermos reconto de vinte anos de investigacións irmandiñas, principiadas coa publicación, en 1986, de Mentalidade xusticieira dos irmandiños (tese de licenciatura), seguida, en 1998, de Mentalidade e  revolta na Galicia irmandiña: favorables e contrarios (tese de doutoramento).

 

                O cambio de enfoque metodolóxico cara una historia mixta, global, de mentalidades e de sociedade, en diálogo interdisciplinario coa antropoloxía e a psicoloxía social,  permitiunos aproveitar as 204 declaracións verbais do Preito Tabera-Fonseca (1526-1527, publicado por Don Ángel Rodríguez González en 1984)  nunha sorte de historia oral medieval e moderna que fixo posible coñecermos a rica mentalidade dos irmandiños, os seus descendentes e os seus contrarios populares.  Enfoque imprescindible para avaliar mellor a información factual das testemuñas e os poucos documentos contemporáneos dispoñibles, recompilados en boa parte por Anselmo López Carreira (1991) e ampliados  (aprobación de Henrique IV) por Eduardo Pardo de Guevara (1993).

 

                A volta do suxeito social e da recuperación da memoria histórica, que estamos a vivir, anímanos así mesmo a esbozar esta breve guía, sen notas nin bibliografía (máis información en  www.cbarros.com), sobre o que sabemos da revolta irmandiña, anotando críticamente o que nos aprenderon mal polas deficiencias documentais ou historiográficas da época en que Benito Vicetto e Manuel Murguía descubriron o feito irmandiño e a súa relevancia para una historia de Galicia que lles cumpriu fundar.

 

1. Nome

 

                A denominación irmandiños ten as súas orixes literarias e historiográficas no galeguismo de principios do século XX, que traduciu ‘hermandinos’ por ‘irmandiños”, cunhas connotacións de proximidade e afectivas que non ten en castelán. A documentación coetánea e na tradición favorable ulterior identifícaos máis ben pola institución, “Santa Irmandade do Reino de Galicia”, describindo ós seus compoñentes xeralmente como “pueblos y gente común”, e nalgún caso como palabras “hermanos”. Benito Vicetto os chamou “los hermanos de Galicia” na novela Los Hidalgos de Monforte (1856), de onde saíu con toda probabilidade o nome das Irmandades da Fala (1916). Na tradición contraria nobiliaria os vasalos rebeldes son descualificados como “villanos”, “gente vil”, “chusma”; moi por debaixo da sutileza do imaxinario retrancudo dalgúns contrarios populares.

 

2. Precedentes

 

                A grande revolta de 1467 non caeu do ceo, aínda que moitos o pensaban naquel entón, ni foi producto dunha “conspiración secreta”, veu precedida de múltiples ensaios parciais, por zonas e locais, especialmente intensos a partir da “primeira irmandade que derrocou fortalezas”, en 1451, nas rías de Pontevedra e Arousa. Antes diso houbo como é sabido pola historiografía galeguista a irmandade de 1431 (Roi Sordo) nas terras dos Andrade, e ulteriormente, no reinado de Henrique IV, as irmandade de A Coruña-Betanzos e a súa continuación legal na irmandade de Santiago, Muros e Noia de 1458, en alianza cos cabaleiros de Terra de Santiago. Destes movementos armados baixo a forma institucional de irmandades, os máis semellantes ó levantamento xeral de 1467 foron os dous primeiros. De modos que estamos a propoñer variar a secuencia tradicional dunha primeira (1431) e unha segunda irmandade (1467), por outra tripartita: primeira irmandade (1431), segunda irmandade (1451) e terceira irmandade (1467). Entre unhas e outras tiveron lugar importantes revoltas antiseñoriais urbanas: Allariz, c. 1446-1448; Viveiro, c. 1454; Ourense, 1455; Lugo, 1457. E unha manchea de conflictos entre campesiños e señores na maioritaria Galicia rural. Revoltas e conflictos reflexo dunha crise xeral do feudalismo (post-1348)  agravada no caso de Galicia por unha violenta e cobizosa nobreza trastamarista (post-1369),  que ó longo do século XV, impón unha nova servidume á xente común, agride a burgueses, nobres pequenos e medianos, eclesiásticos e oficiais reais, afrontándose ó cabo con Galicia, a Igrexa e o Estado.

 

3. Mentalidade

 

                O sentimento acumulado de agravio trocase en insurrección xusticieira na primavera de 1467, contra os males e danos que os pobos e a xente común recibían desde as fortalezas (refuxios de malfeitores) dos señores, cabaleiros e prelados, dicían as testemuñas do PTF e confirman as fontes contemporáneas. A ira contra as fortalezas levounos de cedo a derrubar canto castelo e torre había en Galicia, “menos o castelo de Pambre”. Os determinantes compoñentes emotivos, imaxinarios e inconscientes da mentalidade irmandiña de revolta, non deberían con todo inducirnos a engano: non foron menos poderosas as segundas intencións presentes no segmento  máis racional da acción colectiva, particularmente na élite dirixente urbana e rural.

                Referímonos ó calculo que supón, e supuxo, para ó futuro do poder señorial,  terminar de raíz co sistema de fortalezas construído entre os séculos X e XV; á tendencia xeneralizada a crebar a relación vasalática, e a non pagar as rendas do señor, salvo foros; ó aproveitamento da baleiro de poder xerado pola guerra civil en Castela, entre Henrique IV e o príncipe Afonso, para erguer un novo poder e acadar lexitimidade política; á resolución colectiva de non vingarse nos señores derrotados e fuxidos, algúns deles escondidos en mosteiros e casas de (ex) vasalos; o respecto polas ermidas que había no interior de fortalezas derrubadas como Torres do Oeste. Decisións conscientes, aínda que impostas -ou suxeridas- a cada paso pola puxante espontaneidade popular, que proporcionaron unha orientación social e política en positivo ó radicalismo da  revolta.

4. Guerra e paz

 

                É un grave contrasentido empregar o termo decimonónico de “guerras irmandiñas” para designar as revoltas -antes dúas, agora tres- que “a voz de irmandade” derrocaron fortalezas. Porque, fóra dos enfrontamentos militares, a violencia social dos irmandiños concentrouse nas pedras, procurando os rebeldes actuar coherentemente –está probado que así o sentían en 1467-  cos resortes mentais de paz, seguridade e xustiza que explicaron e xustificaron tanto a formación da irmandade como a insurrección contra las fortalezas.  As “hermandades” constituíanse para garantir a orde pública en temos de anarquía. A orixinalidade histórica da irmandade galega do 67 está na convicción colectiva de que a desorde viña dos señores, impugnados no seu conxunto como malfeitores, o que transforma a institución delegada da irmandade nunha ferramenta para a demolición dos seus refuxios fortificados. Na mentalidade da época distinguíase nitidamente o “tempo da irmandade” do “tempo de guerra”. Cadrando fontes de formato e orientación diversa en dicir que o bienio irmandiño, 1467-1469, foi un período exemplar de paz, perturbado ó final polo retorno dos señores coas súas guerras intestinas.

 

5. Milicias

 

                Os irmandiños formaron exércitos de milicianos de ámbito rexional, unindo localidades e bisbarras, que se xuntaban para acometer asedios ou batallas grandes, implicando ou tentando implicar nalgunha ocasión ó conxunto de Galicia. Temos probas de que mobilización foi xeral nas cidade e no campo (perdéronse colleitas), alomenos entre a xente común. Todo o mundo tiña armas nas casas e experiencia militar nos exércitos feudais, é erróneo por conseguinte representar ós irmandiños  enfrontándose ós seus inimigos cabaleiros con útiles agrícolas: fouces, gadañas, sachas e forcas. A infantería (moita) e a cabalería (pouca) das milicias irmandiñas usaban ás mesmas defensas persoais que os exércitos señoriais: lanzas, escudos, espadas, dagas, béstas e frechas, cascos, cotas de malla e  algunhas armaduras  cabaleirescas. Nas vilas había mestres armeiros que as facían, tamén se importaban –e exportaban- armas brancas por mar, que logo vendíanse polo miúdo, sobre todo os barbeiros. Aínda que os xefes militares irmandiños eran maiormente cabaleiros (había con todo algún labrador, burgués, letrado), os exércitos irmandiños non tiñan o mesmo grao de xerarquía interna, e externa, que os señoriais. Tódolos capitáns irmandiños están subordinados á Xunta do reino, incluso ós  alcaldes de cada xurisdicción no caso da insurrección antifortalezas. Non está documentado o emprego irmandiño de barcos, trabucos ou pólvora. O dominio inicial das terras que arrodeaban os castelos, fixo innecesaria a guerra naval, documentada na Rías Baixas. Non desbotamos de todo que se empregaran trabucos (catapultas)  e bombardas (canóns activados con pólvora de balas de pedra)  para asaltar as fortalezas, xa que as viñan usando os señores nas súas guerras na Galicia do século XV.

 

6. Igrexa

 

                Sendo no substancial a revolución irmandiña unha loita de vasalos contra señores, como din as fontes favorables e -aínda máis- as  contrarias, chocaralle a moitos lectores que os irmandiños tivesen tanto apoio da Igrexa galega e da monarquía de Castela. Cómpre relembrar que a primeira víctima da rapacidade dos novos señores da nosa crepuscular Idade Media serán os mosteiros e as catedrais, cuxo patrimonio e señoríos tiñan ocupados ou encomendados en 1467. O primeiro que fixo a Santa Irmandade foi devolver á Igrexa moitos dos bens usurpados pola nobreza laica. Os cabidos catedralicios participaron moi activamente na irmandade con cartos, xurando os seus capítulos, indo a derrocar fortalezas, chegando a estar directamente representados nas Xuntas do reino. O cura Roi Vázquez amosou, na Crónica de Santa María de Iria, que o apelativo “santa” non era gratuíto,  escribindo, en 1468, que Deus castigara coa Santa Irmandade ós cabaleiros polos seus pecados. Ó único prelado belixerante cos irmandiños, o arcebispo Fonseca, cambiou de bando antes de terminar o reaccionario ano de 1469. 

 

7. Estado

 

                A debilidade do Estado medieval levou, en toda Europa, con frecuencia ó Rei a sustentarse nas cidades  e ós pobos para refrear a nobreza feudal, soberana por definición nos seus propios estados,  contradicción que se agudiza a finais da Idade Media favorecendo as grandes concesións ó terceiro estado. A punto de perder a Coroa pola rebelión da nobreza, Henrique IV permitiu ó cabo a extensión da irmandade ó reino de Galicia, demandada polas cidades que lle eran leais a súa persoa, e asinou unha capital carta, o 6 de xullo de 1467, aprobando e legalizando os derrocamentos dos meses anteriores (feitos sen permiso real) e pedindo ás fortalezas  asediadas que se renderan á Santa Irmandade, non sen antes tentar repetidamente -sen éxito algún- que esta respectara os castelos dos seus amigos nobres. En contrapartida, o reino irmandiño de Galicia se mantivo do seu lado contribuíndo á derrota final, en 1468, do príncipe Afonso e da levantadiza nobreza de Castela.  A exemplaridade da acción irmandiña no tocante a administración da xustiza, seguridade nos camiños e anulación da guerra dos cabaleiros (suprimindo os seus castelos e exércitos), servirá de referencia para a implantación dunha xustiza pública no reino de Galicia, a partir de 1480, e tamén no conxunto da Coroa de León e Castela.

 

8. Principio

 

                Haber houbo dous comezos,  cun xiro radical no medio de mentalidade e obxectivos: constitución da irmandade e asalto ás fortalezas. Formada a “hermandad general” de Castela, León,  Galicia..., a finais de 1464, hai constancia,  desde 1465, de demandas das cidades a Henrique IV urxindo á súa extensión a Galicia, así como tentativas organizativas que xeraron  grandes temores na clase señorial. En febreiro de 1467 convócase por fin a  Xunta de Melide, punto de partida da existencia da Santa Irmandade do Reino de Galicia, onde participan tamén os cabaleiros: acórdase que han de deixar axiña tódalas fortalezas (niños de malfeitores) en mans da irmandade, uns aceptan e outros non. Os meses de marzo e abril son dunha grande actividade constituínte, centrada na elección en asembleas de alcaldes (os cargos irmandiños máis importantes) con “varas de justiçia”, deputados para asistir ás Xuntas, cuadrilleiros para organizar as milicias... Asembleas que foron presididas nas grandes vilas como Santiago (Santa Susana) por representantes (correxedores) de Henrique IV, que lían a primeira carta de El-Rei ordenando facer irmandades no reino de Galicia.

 

                Ata aquí nada distingue a irmandade galega das “hermandades” de  Castela, León, Asturias, Andalucía, etc. O 25 de abril de 1467 (que estamos a propoñer como Día da Galicia irmandiña) temos noticia do derrocamento da primeira fortaleza (Castelo Ramiro, preto de Ourense), coa resistencia dunha parte da dirección local irmandiña, pois tal cousa non fora acordada na Xunta de Melide. Non hai dúbida do carácter incontrolado do salto cualitativo que significa a insurrección da xente común contra as fortalezas, co apoio dos dirixentes propios ou afíns, rememorando e imitando as revoltas e irmandades anteriores máis efectivas. Nesta segunda e decisiva fase da revolta irmandiña non se fixeron distingos entre fortalezas entregadas e resistentes, amigos ou inimigos da irmandade ou de El-Rei,  nin sequera excluíron do vendaval anti-fortaleza, que abrangue axiña a toda Galicia, ós  propios cabaleiros que facían de capitáns na irmandade. Estando as cidades pola irmandade, respectaron as súas murallas (salvo Monforte, onde resistiu xente do Conde de Lemos), igual que respectaron as igrexas e catedrais, moitas verdadeiras fortalezas. A carta real do 3 de xullo de 1467 contribuíu abondo a rematar coas fortalezas que aínda  resistían, excepto Tui, onde ficou ata agosto de 1468, illado e asediado, Álvaro de Soutomaior.

 

9. Protagonistas

 

                Na revolta irmandiña contra os señores da fortalezas participaron xentes de tódalas clases, ordes e grupos sociais, a “sociedade civil” no seu conxunto, se ben lóxica e cuantitativamente a maioría dos irmandiños foron campesiños, pescadores e artesáns. Entre os 150 cargos da Santa Irmandade que temos  localizados, dáse tamén esa composición maioritaria de xente traballadora. O que vén a ratificar a citada caracterización unánime que fan as variadas fontes do levantamento como algo feito polos  “pobos e a xente común”: “villanos” na tradición nobiliaria máis ruín. Con todo, o protagonismo irmandiño foi coral, cada clase ou sector xogou un papel específico segundo a súa función na rebelión, de maior ou menor alcance conforme o  momento, ademais de participaren todos na dirección e xuntanzas da súa irmandade local, comarcal,  diocesana...

 

                A minoritaria burguesía urbana (mercadores, mareantes, escribáns, fidalgos urbanos e cóengos), víctima tamén dos agravios señoriais, de consideración “villana” para a oligarquía feudal, levou a dirección política,antes e durante a formación de irmandades, maila relación coa Corte, tarefas probablemente compartidas cos grandes dirixentes rurais nas asemblearias Xuntas de Galicia.

 

                Á maioritaria xente da terra, dos gremios e do mar, correspondeulles o protagonismo social, e polo  tanto o maior mérito histórico, ó seren os “miúdos” quen deciden desde embaixo, coa forza da masa, a decisoria insurrección de abril contra as fortalezas, o arrasamento total destas  e a tendencia xeneralizada a “non pagar” rendas nin cumprir cos servicios feudais, empezando polas obrigas militares. 

 

                Os cabaleiros irmandiños (Alonso de Lanzós, Pedro Osorio, Diego de Lemos, Lopo Mariño de Lobeira..., ata 14 fidalgos con mando en tropa temos documentados) cumpriron unha sinalada función militar como capitáns da Santa Irmandade nas diferentes zonas, xogando o seu maior rol nas batallas finais: os asaltos ás fortalezas estiveron máis ben dirixidos e presididos  polos alcaldes (xustizas maiores). Con todo, o líder irmandiño máis popular, Joan Branco, notario de Betanzos, consta como capitán xeral da irmandade, elixido nunha Xunta de Galicia, e outros capitáns eran como xa dixemos labradores (Bartolo de Freiría na  cunca do Ulla), cambiadores (Joan Domínguez e Pedro Arousa en Santiago) ou monxes-soldados (Sueiro de Noguerol, comendador hospitalario de Portomarín). 

 

                A función providencialista e milenarista da Igrexa témola ben representada polo cura de aldea citado (Roi Vázquez), máis que polos cabidos insertos  na irmandade a través do seu papel secular como élite urbana. Foi así mesmo primordial o papel institucional e legalizador dos oficiais que tiñan nun sentido estricto “varas del rey”, que   representaban nas reunións e asembleas irmandiñas, tanto no período constituínte como -algúns deles- na fase insurreccional, ademais de actuar paralelamente na mesma dirección con eficacia na Corte como escribáns e asesores de Henrique IV, o mellor exemplo:  Fernando de Pulgar.

 

10. Grande revolta, revolución

 

                Diferenciamos un conflicto social dunha revolta social conforme houbera (revolta) ou non (conflicto) violencia e utilización de armas por parte dos seus protagonistas. A meirande parte das revoltas medievais son de carácter local, como tódalas que houbo no reino medieval de Galicia ata o levantamento xeral de  1467. O que as cidades piden clara e insistentemente a Henrique IV, desde a formación da “hermandad general” de Castela que integra formalmente ó reino de Galicia, é a constitución dunha específica “Santa Irmandade do Reino de Galicia”. Esta inédita  dimensión galega xunto coa radicalidade da fase iniciada o 25 de abril de 1467, en termos de masividade, nova mentalidade e feitos consumados, xustifica en rigor a conveniencia de definila revolta irmandiña como unha “revolución”. Escribimos a miúdo “grande revolta”, para diferenciala das anteriores e das posteriores, como sinónimo da cualificación de  “revolución”, se cadra máis correcta, non houbo outra revolta na historia de Galicia merecente dese nome. Tamén no contexto do horizonte histórico do seu tempo, a revolta dos irmandiños habería que reconsiderala como unha revolución social, ¿en que lugar de Europa chegou tan lonxe unha revolta popular nacional en obxectivos e resultados?

 

                O problema que temos é que empregarmos o concepto de “revolución” no século XV, da lugar a malentendidos, esixe unha explicación adicional previa, que pode ser compartida ou non, segundo o que se queira ou interese entender  por “revolución”. En termos historiográficos, enténdense  tradicionalmente a ‘revolución’ como un fenómeno estrictamente moderno que remite as “revolucións burguesas” dos séculos XVII e XVIII, en Inglaterra, Estados Unidos e sobre todo Francia (1789), ou as “revolucións proletarias” iniciadas en 1917 na Rusia tsarista; vinculadas, respectivamente, coas transicións históricas do feudalismo (moderno) ó capitalismo,  e do capitalismo ó socialismo (realmente existente). A revolución irmandiña de Galicia encadrase, en troques, na transición do feudalismo (medieval) ó réxime social do Antigo Réxime, entre os séculos XV e XVI, da Idade Media á Idade Moderna, que moitos aínda cren –erroneamente, no noso sentir- que soamente “afectou” á superestructura cultural e política.

 

11. Xunta

 

                Un feito estrañamente descoñecido ou ignorando da historia institucional de Galicia son as orixes medievais e irmandiñas da actual Xunta de Galicia. Historicamente, igual que en Asturias coa “Junta del Principado” ou no País Vasco coas “Juntas Generales” (réxime foral provincial), a primeira “Junta General deste Reyno de Galizia” –dise nun documento ourensán- xurdiu das “hermandades” da época dourada do rei Henrique IV. O que distingue a  Xunta galega é que, por mor da revolución mental, social e política que acompaña o seu  nacemento e prolonga a súa duración, foi alén dunha simple coordinación de irmandades territoriais: “regian y gobernaban el Reino”, dise a tradición oral.                

 

                En efecto, a Xunta das irmandades galegas asume entre 1467 e 1469, destronados os señores, as atribucións típicas do poder na Idade Media: xustiza, exército e facenda. Poderíase dicri tamén as Xuntas irmandiñas asumían, ó mesmo tempo, os poderes executivo, lexislativo e xudicial. Sempre en nome do Rei, naturalmente. Xuntábanse nelas os alcaldes e deputados das irmandades das “ciudades, villas y lugares” do reino; tamén notarios, cuadrilleiros e  procuradores (a miúdo con mandatos concretos); ademais de capitáns –supoñemos- e seguramente non poucos participantes sen cargos. No preito Tabera-Fonseca dise se reuniran na Xunta de Santiago “mas de cuarenta baras de hermandad”, o que nos da unha idea do número de xurisdiccións irmandiñas representadas.  Houbo cinco Xuntas durante o período irmandiño, sempre na primavera: Melide (marzo 1467), Betanzos (xuño 1467), Santiago (sen data coñecida), Lugo (marzo - abril 1468) e Ourense (maio 1469).  Deixan de xuntarse obviamente durante os difíciles anos 70 por causa da reacción señorial e das guerras civís. No tempo de Acuña e Chinchilla volven de inmediato as Xuntas –só con  representantes urbanos- en 1480, 1482 e 1483. A partir de 1500, tamén “desde enriba”, institucionalizase a “Junta del Reino de Galicia” con representantes das cabeceiras urbanas das chamadas cinco provincias: Santiago, Betanzos, Lugo, Mondoñedo e Ourense. As mesmas vilas onde se radicou a itinerante Xunta da Galicia irmandiña, se cambiamos Mondoñedo por Melide, que fora escollida ó comezo de revolta “porque era en la mitad del Reino”.

 

                Os galegos de hoxe temos que agradecer ós irmandiños de onte que durante todo o Antigo Réxime, persistira un mínimo recoñecemento político diferencial na “Junta del Reino de Galicia”;  que recuperou o seu espírito e contido orixinais no século XIX, do levantamento guerrilleiro de 1808 ata revolta liberal dos “Mártires de Carral”, en 1846, Volvendo á vida no século XX, cada vez que Galicia se afirmaba como tal: Xunta do Estatuto de 1936, Xunta democrática de Galicia da oposición antifranquista, Xunta pre-autonómica, Xunta actual do Estatuto de 1980.

 

12. Simbolos

 

                Carecendo dunhas representacións cultas, literarias ou artísticas, do levantamento irmandiño, temos que servirnos das descricións orais dos seus participantes e testemuñas oculares, por fortuna moi ricas en imaxes da revolta. Os símbolos irmandiños máis representativos son, certamente, os bastón de mando dos máximos dirixentes, os alcaldes:  varas de irmandade ou varas de xustiza que alguén  describe como “varas pintadas” cunha seta (frecha). Tamén están documentadas o uso de bandeiras brancas (“sudarios como pendones”, declara con retranca un contrario). A representación victoriosa da revolta servíase dunha metáfora campesiña que demos a coñecer hai 15 anos: “os gorrións corren tralos falcóns”. As cartas irmandiñas de El-Rei (do cal poucos sabían o nome) líanse publicamente e gardábanse como tesouros, nas casas máis irmandiñas, como proba emblemática da lexitimidade da grande revolta contra as fortalezas. O único berro de combate que temos documentado, no intre de asaltar e derrubar as fortalezas, é: “¡Viva El-Rei!”; serviunos de titulo para o título dun libro. Sobre dicir, por último, que o Deus fratesque Gallaicae (“Dios y los hermanos de Galicia”) que o liberal Vicetto puxo, en 1856, na voz dos irmandiños, é pura invención literaria, por moito que se correspondera co providencialismo e igualitarismo da revolución popular de 1467 que, gracias a Benito Vicetto,  pasou a formar parte da historia de Galicia, da historia do mundo.

 

13. Identidade

 

                A revolución irmandiña é, de seguro, a última manifestación da identidade de Galicia fabricada  dende abaixo, por medio da fala e doutros instrumentos, ó longo da Idade Media. A formación final dun poder político de seu, construído tamén de embaixo a enriba, mantido tanto tempo, non ten precedentes na historia de Galicia. A xeografía da revolta social e dos derrocamentos irmandiños, ata o Miño polo Sur,  Ponferrada polo Leste e a  parte occidental de Asturias polo Nordeste, cadra, e non por casualidade, co mapa lingüístico da Galicia medieval, demostrándose deste xeito que a realidade nacional  do reino medieval de Galicia non era soamente cultural, senón política, económica e social,  e tiña fondas raíces populares. Non foi felizmente una construcción artificial dunha nobreza feudal, condenada a morrer historicamente no outono da Idade Media, o que permitiu a supervivencia secular  da identidade galega -como Cataluña e Pais Vasco, pero non da mesma maneira- a pesar do longo proceso de integración centralista no Estado moderno e absolutista.

 

14. Final

 

                A Galicia irmandiña, sen señores nin Rei que a mandasen, coa soa autoridade que eles mesmos se deron -denunciaban coa súa razón os contrarios-,  foi un verdadeiro milagre –¿do apóstolo da bandeira branca?- que sobrevivise dous anos. Tres exércitos señoriais entran en Galicia na primavera de 1469: Pedro Madruga desde Portugal, o arcebispo Fonseca e Juan Pimental desde Salamanca e o Conde de Lemos desde Ponferrada. Seguindo nesa mesma orde os Camiños portugués, vía da prata e francés, que antes levaron as ideas e as xentes da revolta. As dúas primeiras mesnadas atópanse en Balmalige, preto de Santiago, vencendo -segundo Aponte- a un exército irmandiño, dirixido por Pedro Osorio, que esperaba reforzos.  A partir de aí divídense, cabaleiros e prelado, para veren de recuperar os seus dominios, eso si, tornando de seguida a pelexar entre eles.

 

                Os irmandiños dan algunhas batallas en castros ou campo aberto (A Framela, Castro Gondían e outras que non sabemos) con resultados polo regular favorables á cabalería feudal da contrarrevolta. Que nada puido, non obstante, contra as cidades amuralladas da Santa Irmandade, o que obrigou ós señores máis importantes a pactar, axudándolles logo algúns  irmandiños,  sen solución de continuidade, a combater os novos inimigos compartidos. Primeiro pacta o arcebispo Fonseca con Santiago e Pontevedra (contra os cabaleiros da Terra de Santiago); logo o Conde de Lemos con Ourense e Allariz (contra o conde de Benavente). Durante os anos 1470 e 1471 as cidades de A Coruña, Pontedeume, Viveiro, Ribadavia, Lugo e Mondoñedo, resisten os cabaleiros máis teimudos co auxilio dalgunha carta máis de Henrique IV, dos capitáns irmandiños aínda activos, e dos novos aliados señoriais. A impotencia militar dos feudais contra as cidades, o espírito para nada arrepentido ou derrotista dos irmandiños, o rexurdir da guerra feudal, a falta de mortes que vingar,  e, antes que nada, o carácter masivo da revolta invicta dos vasalos en 1467, acostumados xa a vivir sen señores,  explica que non houbera represión despois de Balmalige. “No se abía de mantener de los carballos”, xustificou o Conde de Lemos cando o malvado Pardo de Cela lle aguilloaba a que “ynchiese los carballos de los dichos vasallos”.

 

                Non o tivo fácil a contrarrevolución señorial dos anos 70, enfrontados axiña entre si agudizaron a súa división social e política, entre 1474 e 1479, coa guerra civil pola Coroa de Castela entre o bando portugués (Pedro Madruga) e o bando castelán  (Fonseca). A guerra feudal permanente, os pactos inevitables nos anos 1469-1472, a non posibilidade dun escarmento represivo anti-irmandiño, maila continuidade da probada resistencia campesiña dos vasalos fixo imposible a pretendida reedificación señorial das  fortalezas derrubadas en 1467, parte das que así e todo foron reconstruídas (unha minoría) foron novamente derrocadas polos enviados dos Reis Católicos, de 1480 en diante, por suposto coa axuda de antigos irmandiños, que aplaudiron loxicamente ó exilio dourado, e definitivo, na Corte de Castela, dos seus inimigos de clase.

 

15. Balance

 

                Analizadas as actitudes psico-sociais cara a revolución irmandiña das representativas 204 testemuñas –tamén populares na súa maior parte- do preito Tabera-Fonseca,  sácase unha clara maioría favorable á obra demoledora da Santa Irmandade, sesenta anos despois da sublevación, e unha minoría contraria vinculada ós señores laicos derrotados en 1467. Esta dobre, desigual e paradoxal tradición oral ten máis que ver coa tensións e debates sobre as reedificacións na década dos anos 70 do século XV, que co propio levantamento e poder irmandiño sostido con grande consenso social en 1467, 1468  e 1469, o que se reflicta na súa boa e alongada memoria. Imaxe positiva e encoraxada dos irmandiños que se contrapón coa imaxe negativa e apoucada que proporciona, poucos anos despois, o Recuento de las casas antiguas de Galicia de Vasco de Aponte. Onde os populares ven victoria, o portavoz dos nobres ve derrota: a “grande desfeita” que pasou, infelizmente, á literatura e á historiografía galeguista cando non se tiña acceso á memoria  transmitida polos propios irmandiños.

 

                ¿Correspóndese esa mentalidade social de gañadores, a principios do século XVI, coas consecuencias obxectivas da acción histórica irmandiña? Si, os factores obxectivos son mesmo más claros que os factores subxectivos, se ben cómpre velos en conxunto. Cinco razóns “externas” nos asisten para avaliar como exitoso o balance histórico da revolución irmandiña, e elucidarmos de paso a tradición maioritaria de victoria: A) O feito de non houbese a curto prazo, como era de esperar dunha verdadeira -e polo tanto cruel- reacción señorial, un “castigo exemplar” contra os vasalos de Galicia que se foran quen de volverse contra os seus señores. Non fora obxectivamente “posible”, polo carácter masivo e “irresistible” do movemento  antifortaleza e antiseñorial, dise unha e outra vez no preito Tabera-Fonseca. Nin sequera os voceiros posteriores dos nobres “falcóns”, Aponte e Gándara, reivindican represalias -ou dan noticias delas- polo levantamento en si. Axudou tamén que os irmandiños non aproveitaran a victoria total de 1467 para vingarse nas persoas dos cabaleiros derrotados que tiveron ó seu alcance. A falta de represión permitiu, finalmente, á irmandade conservar forzas e ánimos enteiros, nos anos críticos que seguiron, tanto na súa base social como na elite dirixente.  B) A citada non reedificación da meirande parte das fortalezas demolidas, ausentes hoxe da paisaxe galega, sobre todo ás máis grandes, a diferencia do que podemos observar indo cara Portugal ou Castela. C) As rendas xurisdiccionais dos señores foron anuladas, reconvertidas e revisadas  á baixa mediante numerosos conflictos,  preitos e cartas executorias, a partir da implantación da Audiencia de Galicia en 1480. D) O cambio drástico de clase dominante, nun primeiro intre dos parasitarios señores das fortalezas  á Igrexa, que recuperou a súa centralidade plenomedieval na clase señorial galega, e logo, dos señores eclesiásticos á fidalguía intermediaria, o que eliminou asemade a extracción violenta e ilegal  do excedente económico que viñan practicando de antigo os cabaleiros. E) A garantía pública da paz, a xustiza e a seguridade no reino que comportou o traspaso do poder dos feudais ó Estado moderno, o que houbera sido imposible no reino de Galicia sen a previa creba irmandiña do poder señorial baseado nas fortalezas.  Esta fundamental transición histórica dunha formación social a outra,  deuse en toda Europa, nos séculos XV-XVI, se ben en ningún outro lugar por medio dunha revolución popular apoiada na maioría da sociedade. De aí a significación histórica da revolta irmandiña.

 

                Para nós a historia da Idade Moderna galega comeza en 1467, non en 1480, cando chegan os representantes dos Reis Católicos. Para a historia de Europa o levantamento dos irmandiños implica outro modelo de superar o réxime feudal medieval,  caracterizado pola insurrección da xente labrega e cidadá. Tódolos grupos, estamentos e clases sociais que se comprometeron, máis ou menos activamente, coa revolución irmandiña gañaron coa ruptura histórica que ela provocou, ó pasarmos da Galicia das fortalezas, da nobreza devastadora e da renda puramente feudal, á Galicia dos pazos, da fidalguía intermediaria e dos contratos do foro (non cuestionados pola práctica  irmandiña). Entre os que máis gañaron, en condicións de vida, de traballo e de futuro, esta o campesiñado que consolidou a súa pequena propiedade in secula seculorum.

 

                Tan radical, triunfal e temperán revolución antifeudal trouxo como consecuencia, pasados os séculos, a frustración  dunha auténtica revolución burguesa en Galicia. Do mesmo xeito que o feito de servirse os irmandiños do embrionario Estado moderno para tombar á inaturable cabalería medieval facilitou, a prazo longo, unha forte intrusión uniformadora e centralizadora daquel, que así mesmo potenciou o posterior atraso económico de Galicia. Agora ben, ¿podemos acusar os irmandiños do século XV de non ter prevista unha filosofía da historia propia das ideoloxías liberal-burguesas, marxistas ou nacionalistas dos séculos XIX e XX? Non, sería unha traizón ós nosos mellores devanceiros, ademais dun anacronismo. Cada época ten o seu afán. Os irmandiños resolveron os problemas do seu tempo, está por ver que nós saibamos ser quen de facelo no século XXI.

 



[*] Contribución ó libro colectivo Os capítulos da Hermandade. Peregrinación e conflito social na Galicia do século XV, Santiago, 2006, editado pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo con motivo da exposición que, co mesmo nome, terá lugar na catedral de Lugo (xullo 2006) e en Santiago de Compostela (outono 2006).