A historia que vén
Carlos Barros
Universidade de Santiago de
Compostela
O xeito de escribir a historia implantada entre os
historiadores profesionais a partir da II Guerra Mundial, a historia entendida
como ciencia, cunha posta en práctica da
que resultou unha historia económica-social, estructural e obxectivista, que
propugnou a ambición ideal dunha historia total e a necesidade de estudiar o
pasado para comprender o presente e construír un futuro mellor, foi fortemente
cuestionada ó longo da pasada década, ó tempo que entrou en crise o proxecto
filosófico común que a sustentaba, a idea ilustrada do progreso.
Ata aí a evidencia. Resulta
menos claro para todos, e a razón de ser deste traballo é tentar explicitalo, o
feito de que a comunidade de historiadores foi formulando, á vez que a crítica,
novos consensos sobre como exercer a profesión, con frecuencia sen sabelo,
porque o proceso das novas converxencias prodúcese máis na práctica que por
medio dun debate explícito. Por algo se di, e con moita razón, que a crise finisecular da historia -pensemos
sobre todo no papel decrecente dos historiadores e da historia na sociedade- está
acompañada dun formidable incremento da producción historiográfica, que renovou
enormemente temas e métodos, pero dun xeito desigual, sen demasiada reflexión,
sen orde nin concerto[1], o que limita
gravemente e aínda pode dar ó traste cos posibles resultados. As nosas
primeiras reflexións queren ser, xustamente, sobre a maneira en que as comunidades científicas,
en xeral, reconstrúen a través de procesos críticos o seu acervo común.
Interésanos máis, nesta
ocasión, saber que historia se fai e sobre todo que historia se debe facer -co
cal sobrepasamos consciente e criticamente a función notarial-, que as
reprobacións, nalgunhas frontes moi xeneralizadas, ás "novas
historias" que caracterizaron as historiografías do século XX, cunha
vixencia en certa medida que non deixamos de reivindicar sempre e cando
aceptemos -rexeitando polo tanto calquera espírito numantino- todo aquilo que
está superado pola práctica científica en xeral, e pola práctica dos
historiadores en particular, así como as novas necesidades socias, culturais e
xeracionales, ás que a historia e as ciencias sociais deben responder nesta
acelerada fin de século, iniciada en 1989, que nun principio impulsou
tremendamente as críticas posmodernistas -e aínda máis as premodernistas- para
axiña animar unha racionalidade renovada, unha nova ilustración, unha
reformulación da idea de progreso que tome en consideración erros e fracasos,
esforzo intelectual co que nos sentimos identificados.
Enunciaremos brevemente,
mediante 16 teses ou proposicións
argumentadas, os criterios que nos parecen fundamentais para o novo consenso
historiográfico en xestación, ca fin de alentar o debate contribuíndo a
centralo e promovendo a disidencia, conscientes de que aínda estamos no camiño:
non rematou a transición ó paradigma historiográfico común do século XXI, nin
siquera é inevitable.
1
A historiografía avanza a saltos, e non por simple
acumulación, segundo as decisións consensuadas en cada momento pola comunidade
de historiadores.
En calquera libro de
historiografía que se prece, explícase o progreso do coñecemento histórico
marcado por rupturas no xeito de escribir a historia[2]. Foron particularmente
importantes: o cambio traumático da historia metafísica, sagrada ou literaria,
á historia positivista protagonizada pola escola de Annales e o materialismo
histórico, contra o concepto positivista da historia. Precisamente este xeito
de concebir a historia da historia, a través de revolucións disciplinales, é
debedor da concepción materialista da historia.
Pois ben, Thomas S. Kuhn, un
físico reconvertido en historiador da ciencia, aplicando á súa maneira o método
da historia ó devir do coñecemento científico, singularmente referido ás
ciencias da natureza, revolucionou a filosofía da ciencia a partir dos anos 60[3], poñendo en moi graves
apretos ás, daquela, dominantes concepcións neopositivistas (encabezadas por
Popper) que coartaron, moito máis do que se pensa, o desenvolvemento do
programa historiográfico inicial do materialismo histórico e de Annales.
A diferencia dos positivistas,
vellos e novos, Kuhn sitúa a orixe das certidumes científicas máis nas
decisións sucesivamente consensuadas, tras períodos de crise e de rivalidade de
teorías, pola comunidade científica de cada disciplina, que na verificación (ou
falsación) empírica, polo demais indispensable. A aplicación ás ciencias
sociais e humanas dos descubrimentos de Kuhn
inférese das súas propias débedas explicitadas coa historia -e tamén coa
socioloxía, a psicoloxía social e a epistemoloxía[4]-, ó estudiar a historia
das ciencias físicas, e sobre todo da propia experiencia da historiografía, que
non por casualidade está hoxe medrando entre os historiadores, que así e todo
nunca chegara tan lonxe, como Kuhn, á hora de sistematizar teoricamente a
evolución histórica da ciencia, no noso caso, a ciencia da historia.
Nas pasadas décadas, o interese
de Kuhn e doutros científicos pola historia non se correspondeu cun interese
recíproco dos historiadores pola historia da ciencia e a filosofía da ciencia.
A razón reside na separación vixente, a miúdo tinxida de xenreira, entre
ciencias e letras[5], entre ciencias
"duras" e ciencias sociais e humanas, debido á cal pasou
desapercibido o "amolecemento" das ciencias físicas. Cando,
excepcionalmente, existiu unha relación entre historia e ciencia estricta, esta
se estableceu coa ciencia neopositivista -por exemplo, para importar métodos
cuantitativos-, malia á hostilidade manifesta de Popper cara todo historicismo.
Polo demais, o espontáneo desinterese do historiador de oficio cara a teoría
vén remachar este décalage entre
investigación histórica e historiográfica e filosofía da ciencia, ultimamente a
rama máis productiva da filosofía.
A saída a actual crise de
identidade e de crecemento da disciplina histórica, pasa, na nosa opinión, pola
aplicación da teoría de Kuhn sobre o desenvolvemento histórico das ciencias.
2
Existe un paradigma común dos historiadores, hoxe en plena
crise, que non atopará plena resolución
máis que coa substitución por un paradigma novo.
Entendemos por paradigma o
conxunto de compromisos compartidos por unha comunidade científica dada:
aqueles elementos teóricos, metodolóxicos e normativos, crenzas e valores, que gozan
nun momento determinado do consenso dos especialistas. Un paradigma globa está,
pola súa banda, formado por paradigmas parciais. O funcionamento dun paradigma
común é consubstancial coa existencia dunha disciplina unificada, xustifícanse
mutuamente, e non exclúen a pluralidade de enfoques, mesmo de escolas, máis ben
o contrario: nunca atoparemos plena homoxeneidade teórica e metodolóxica entre
os membros dunha comunidade establecida, nin tampouco é aconsellable en aras da
boa marcha dunha disciplina científica. O concepto historiográfico de paradigma
foi precisamente creado por Kuhn para explicar os mecanismos reais de
aprendizaxe e consenso, no interior de calquera comunidade madura de
científicos, necesariamente máis flexibles e
abertos que os propios dunha escola coa súa teoría, os seus líderes e a
súa xerarquía. A historia científica,
alén as escolas historiográficas e as historiografías nacionais, non podería
establecerse sen un paradigma común.
O recoñecemento suxeitivo do
paradigma común dos historiadores do século XX, bate de entrada con dous
problemas. A relativa rivalidade das dúas grandes escola historiográficas,
Annales e historiografía marxista[6], que artellaron -por
vez primeira- o paradigma común historiográfico a mediados do século XX, combatendo
exitosamente a historia tradicional: acontecemental, política, narrativa,
biográfica. E a persistencia dun terceiro compoñente positivista, raramente
admitido polos novos historiadores, que se reflicte no carácter manifestamente
empírico que seguiu impregnando o oficio de historiador, co que ten de positivo
(crítica e uso de fontes) e de negativo (desprezo pola reflexión e a teoría).
Con independencia do grao de
conciencia que teña tal ou cal historiador, ou do grao de aceptación de tal
consenso por parte desta ou aquela escola ou historiografía nacional, o
paradigma común dos historiadores, existe e funciona. Entra os compartidos
paradigmas parciais que constitúen o agora xa vello paradigma xeral do século
XX, que coñecemos como a historia científica, hai que contar cos seguintes:
historia total, pasado/presente/futuro, historia-ciencias sociais, historia
explicativa, historia económico-social, fontes non narrativas, cuantitativismo,
monografías rexionais, multiplicidade de tempos.
A posta en práctica deste
paradigma Annales-marxismo, a
partir da segunda metade do século XX, sufriu, con todo, severas limitacións e
desviacións a causa dos seus propios defectos, e da pervivencia do positivismo
no método e a teoría, portador dun
obxectivismo que foi axiña reforzado polo economicismo marxista e polo
estructuralismo (o paradigma estructuralista dominou amplamente ás ciencias
sociais, polo menos ata 1968).
Tres fracasos sucesivos e
interrelacionados do paradigma común do século XX, abriron e alimentaron a
crise actual, e as reaccións puntuais dos historiadores a ela:
1) Da
historia obxectivista, economicista, cuantitativista, estructuralista, que dá
lugar nos anos 70 a un progresivo retorno do suxeito, primeiro social
(historiografía marxista anglosaxona), logo mental (historia francesa das
mentalidades) e finalmente tradicional (biografía, historia política).
2) Da
historia total, abandonada como enfoque da investigación, proclamada como algo imposible de conquerir pero que é
necesario manter como "horizonte utópico" dos historiadores,
renunciándose logo a ela no plano da teoría, ó tempo que -xa nos anos 80- a
historia se desenvolve exactamente no sentido contrario: fragmentándose ata o
infinito en temas, xéneros e métodos.
3) Da relación
pasado/presente/futuro onde fallou, por exemplo, a sensibilidade do historiador
cara o feminismo, e cara a relación home-medio ambiente, que para a nova
historia xeográfica e económica se reducía ó estudio do dominio da natureza por
medio do traballo, ou dos condicionamentos xeográficos da sociedade. A hoxe
vigorosa historia das mulleres (e o mesmo podemos dicir da historia ecolóxica)
desenvolveuse, por tanto, á marxe de Annales
e o materialismo histórico, sobre todo nos seus comezos, e contra os hábitos
pre-teóricos da persistente influencia positivista. Aínda que onde a derrota da
historia, e do conxunto das ciencias sociais, foi máis notoria é na
incapacidade de comprender, e máis aínda de prever, as revolucións de 1989-1991
e a transición do socialismo ó capitalismo no Leste europeo, que trastocaron o
sentido progresivo da historia no século XX . A historia científica soupo
asimilar o marxismo historiográfico, pero resultou incompetente para analizar e
explicar as realizacións históricas do marxismo político.
Estas e outras anomalías,
impugnan o paradigma común da historia como ciencia social, e provocan
reaccións diversas, internas e externas, que están contribuíndo, directa e
indirectamente, desde os anos 70, a perfilar un novo consenso historiográfico.
Proceso de xestación, e tamén de dispersión e incertidume, que non ten para
nada garantido un bo final. Existe tamén a
alternativa da marxinalidade: unha historia cada vez máis alonxada das
ciencias sociais -e naturais- e más preta á ficción ou ó interese erudito dunha
excelsa minoría, unha historia con dificultades crecentes para facer ver a súa
utilidade social e o seu papel capital na educación dos cidadáns e na
investigación.
No capítulo das reaccións
internas á crise do paradigma común, reseñaríamos como máis rechamantes:
a) os retornos dos xéneros tradicionais (historia política, biografía
histórica, historia-relato), que desde o período de entreguerras criamos alleos
á historia científica, ou sexa, a "historia historizante" que
semellaban ter derrotado Bloch, Febvre e Braudel; b) o conservadurismo
academicista de varia orientación, que
quere manter o paradigma historiográfico do século XX, simulando que
nada pasa ou argumentando, defensivamente, que é mellor repetir indefinidamente
o saber acumulado ca fragmentación e a nada; c) o revisionismo historiográfico,
que, aproveitando a conxuntura ideolóxica dos anos 80, pretende dar a volta á
historiografía das revolucións sociais da modernidade (francesa e inglesa, maiormente)
e das dictaduras implantadas no período de entreguerras en Alemaña, Italia e
España.
Externamente, anotemos como a
ideoloxía posmoderna inflúe na historiografía actual. A crítica desapiadada da
idea de progreso -base filosófica común do paradigma dos historiadores
contemporáneos- e o "todo vale" metodolóxico anima a bastantes
historiadores a instalarse comodamente na fragmentación actual da historia,
considerando incompatible a presente liberdade de temas, xéneros, métodos e
teorías coa vixencia de calquera
"paradigma unificador". O carácter máis destructivo que
constructivo do posmodernismo frea os seus efectos, e inutilízao como
alternativa historiográfica[7].
Os acontecementos de 1989-1991
pareceron, nun primeiro momento, darlle a razón ós predicadores da fin dos
intentos modernos de transformar o mundo, para, en certo sentido, quitarlla de
inmediato coa paradoxal volta ó poder dos ex-comunistas en case todos os países
do Leste mediante eleccións. Este rápido e contradictorio proceso reproducíuse
coa proclamación da "fin da historia" que fixo en 1989, antes da
caída do muro de Berlín, Francis Fukuyama, asegurando que a modernidade chegara
ó seu destino coa xeneralización, como única alternativa, da democracia
liberal. A resposta xustamente airada dos historiadores de profesión a unha
proposta que bate co noso coñecemento da historia -e cuestiona así mesmo a
continuidade da nosa profesión-, non ten que agacharnos a maior ensinanza do
debate sobre a "fin da historia" (e que tamén é deducible da crítica
posmoderna): o esgotamento da teoría progresiva da historia, o concepto
fatalista dunha historia que avanza a unha fin feliz previamente fixada.
3
É unha falsa alternativa dicir
que a historia como non pode ser unha ciencia "obxectiva" e
"exacta", non é unha ciencia.
O lento redescubrimento, ó
longo dos últimos vinte anos, do rol do suxeito na historia e do libre albedrío
do historiador no seu traballo, entre as cinzas da vella historia obxectivista,
economicista e estructuralista, sementou, unha vez máis, de dúbidas a profesión
tocante a cientificidade da historia como disciplina capaz de reproducir o
pasado "tal como foi". A pervivencia deste concepto eminentemente
positivista da ciencia, e da historia segundo Ranke, entre os historiadores de formación annaliste e/ou marxista está pois
facilitando extraordinariamente o retroceso da historia: ben cara a literatura,
exacerbando a subxectividade do historiador, ben cara un novo presentismo sen
pretensións de cientificidade, que opón o compromiso social do historiador á
súa tarefa como investigador.
As dúbidas prácticas do
historiador sobre a vella obxectividade, as súas certezas sobre o relativismo
do coñecemento histórico, que en realidade o achegan á última filosofía da
ciencia, son paradoxalmente percibidas na comunicade de historiadores
-impregnada de positivismo- como un alonxamento das ciencias naturais, como
unha volta ás humanidades clásicas, co que se fai táboa rasa de avances
fundamentais da historiografía do século XX. A contradicción resólvese facilmente
-en teoría, porque é moi difícil traballar guiados por conceptos relativos-
reformulando a ciencia histórica de acordo cos últimos avances epistemolóxicos
das ciencias sociais e, singularmente, das ciencias naturais.
4
A redefinición da historia como ciencia e a nova física.
¿O concepto de historia debe
cambiar ó mudar o concepto científico da realidade? Coidamos que si. O século
XX supuxo a fin da mecánica newtoniana a mans da física cuántica e da teoría da
relatividade, sen embargo o obxectivismo e o absolutismo da vella mecánica
seguiu condicionando longamente a nova ciencia histórica. O principio de
indeterminación (Heisenberg), o principio de complementariedade (Born), a
complexidade e o caos, reintroducen o suxeito no proceso, e no resultado, da
investigación e relativizan de tal modo a verdade científica que deixan en
evidencia todas as prevencións dos historiadores, e outros científicos sociais,
sobre o peso da subxectividade nas súas obras. O achegamento real entre as
ciencias da natureza e as ciencias sociais (e entre as ciencias físicas e as
humanidades), agora moito máis compatibles que a principios do século, foi polo
momento máis recoñecido polos científicos "duros" (o éxito do obxectivismo
relativo de Kuhn explícase tamén por isto) que polos humanistas que desde os
tempos do positivismo (Comte) buscaron, e atoparon, nas ciencias da natureza
unha referencia epistemolóxica e metodolóxica científica segura.
A fin de século imponse un concepto
de ciencia que dá cabo da separación positivista obxecto/suxeito[8], ¿pode a historia
permanecer allea a esta revolución científica, cando a súa propia práctica
levouna a concluír que non existe unha verdade absoluta á marxe do observador
actual e do suxeito histórico? A historia é, ou pode ser, tan obxectiva como a
nova física. A nova ciencia con suxeito non é menos senón máis científica que a
vella ciencia (obxectivista) do positivismo. Roto hai xa tempo o consenso
historiográfico sobre unha definición e unha práctica obxectivista da nosa
disciplina, só se poderá recompoñer asimilando os historiadores a nova
racionalidade científica, de signo relativista e transdisciplinar, que vai
caracterizar o século XXI. A reconstrucción do paradigma común dos historiadores,
sen o cal a historia será incapaz de superar o esmigallamento actual e recobrar
o seu papel na sociedade, require tomar nota dos cambios paradigmáticos no
conxunto das ciencias sociais, e na concepción xeral da ciencia, dictada onte
coma hoxe polas ciencias da natureza ( proba de que a ciencia non abandonou as
súas bases de partida materiais, realistas). Conforme a epistemoloxía e a
metodoloxía das ciencias "duras" e "brandas" se aproximan,
os consensos paradigmáticos deveñen máis inclusivos.
5
A historia da humanidade non
avanza cara unha meta fixada de antemán, pero tampouco ten volta atrás.
O estudio do pasado, a partir
dos problemas do presente, é un criterio compartido polos historiadores, que
xustifica a utilidade social da historia na loita da humanidade por un futuro
mellor. Esta idea ilustrada, inxenua e optimista, do progreso indefinido,
segundo a cal o desenvolvemento científico-técnico produce unha sucesión de
formas sociais cada vez máis avanzadas, chocou primeiro coas guerras mundiais e
os horrores políticos (Auschwitz, Gulag), e máis recentemente cunha conciencia
xeneralizada do deterioro irreversible do medio ambiente, e da evidencia de que
o benestar económico só favorece a unha minoría de países industrializados e
condena ó resto da humanidade á miseria. A relixión laica do progreso
indefinido sufriu o seu derradeiro golpe coa caída dos países do chamado
socialismo real, que dicían estar a construír unha sociedade final comunista e
que agora buscan no réxime social pre-revolucionario, no capitalismo, as
solución ós seus problemas económicos e sociais, sen demasiado éxito polo
demais.
Non existe unha meta
preestablecida da historia da humanidade, como se pensou durante séculos (o
xuízo final da historia providencialista, a democracia liberal de
Hegel-Fukuyama, a sociedade sen clases de Marx), igual que non existe unha
verdade científica fixa e permanente. Tampouco está garantido que a evolución
social vaia de peor a mellor ó desenvolverse a economía, a ciencia e a técnica. O suxeito da historia é máis libre,
e o futuro está máis aberto, do que podiamos sospeitar. O cal non quere dicir
que o progreso rematara, que a humanidade non deba formular obxectivos
-móbiles-, que o proxecto da modernidade chegara á súa fin, sexa porque xa se
realizou plenamente (Fukuyama), sexa porque nunca se vai levar a cabo
(posmodernismo), sexa porque nos encamiñamos a unha sombría "Nova Idade
Media" (Minc[9]).
A historia ensinounos que os
sentimentos de confusión e incertidume acompañan ós períodos de transición, e
que estes rematan antes ou despois coa implantación de novas realidades (e de
novos paradigmas). Por outra banda, o único progreso histórico que existiu é o
progreso relativo: nin absoluto, nin lineal, nin inexorable, medido desde o
presente e non desde o futuro (quitando para viaxeiros do tempo). Un futuro,
pois, aberto a diversas alternativas. E un pasado que nunca volta. Unha nova
idea racional -non teleolóxica- do progreso que seguirá incluíndo rupturas e
revolucións -políticas e sociais, culturais e científicas-, que coloca ó
suxeito no centro da historia, que recoñece o papel mobilizador das utopías
pero non as confunde coas ciencias..
6
Sen o suxeito, do pasado e do presente, non é posible unha
historia obxectiva.
A redefinición da verdade
científica que, incluíndo ó suxeito observador, salienta a función do
historiador no proceso da investigación histórica, vén dar a razón a
determinados paradigmas historiográficos do século XX, como a historia-problema
de Annales ou a función clave da
teoría no materialismo histórico, que toparon a súa aplicación obstaculizada
pola pervivencia da crenza positivista entre os historiadores. O novo concepto
de obxectividade relativa vai mesmo epistemoloxicamente alén, que a vella
historia explicativa, ó restaurar o suxeito forte como fonte de obxectividade
(a comunidade científica de Kuhn como factor definitorio do que é ou non é
obxectivo), ó fundir obxecto e suxeito, postulando que non teñen vidas
separadas. Corresponde cientificamente ó historiador, individual e colectivo,
traballar cos datos para explicar e interpretar, para buscar a causa e o
sentido dos feitos históricos, para construír teoricamente o seu obxecto e
investigar empiricamente, como veñen facendo os científicos "duros" e
moitos científicos sociais. A continuidade dos malos hábitos do positivismo
(que fai desaparecer ilusoriamente ó suxeito-observador) contradí as aportacións máis audaces e inéditas dos
fundadores do paradigma historiográfico do século XX, a práctica
historiográfica vixente, a recuperación plena da cientificidade da historia.
A derivación da escritura da
historia, desde os anos 70, cara unha historia do suxeito mental,
antropolóxico, cultural, e máis recentemente cara unha historia do suxeito
individual, fixo esquecer o suxeito colectivo, social, da historiografía social
anglosaxona, relegado na investigación histórica[10] a causa da depresión
ideolóxica pos-1968, primeiro, e da "onda conservadora" dos anos 80,
despois, ata que foi rescatado para o debate historiográfico polos
revisionistas, desde un punto de vista contrario, e tamén pola historia
inmediata. 1989, é, de novo, a data clave, o ano do Bicentenario da Revolución
Francesa e das revolucións democráticas no Leste.
O retorno da revolución e do
protagonismo político das masas en Europa oriental, entre 1989 e 1991, vivido
en directo a través da televisión en todo o mundo, é o retorno do suxeito forte
da historia que a historiografía do vello paradigma, sexa annaliste sexa marxista, deixara
finalmente de lado, ó compás da conxuntura intelectual, fiel a unha historia
económico-social estructural ou a unha historia das mentalidades (e sucesores)
allea á historia social[11].
A emerxencia conxunta do suxeito
forte da nova epistemoloxía científica e do suxeito forte da historia recente,
non é casual, avísanos de que estamos entrando na era do pos-posmodernismo,
anuncia as pre-condicións para unha nova ilustración. ¿Que vincula a
revalorización colectiva do investigador, dunha banda, e do axente histórico,
pola outra? A resposta está noutro punto incumprido do programa annaliste-marxista, a "historia
humana" de Bloch e Gramsci, os homes facendo e decidindo a súa propia
historia, tanto a historia da ciencia como a historia dos feitos.
Contemplar o suxeito e o
obxecto da historia como unha mesma realidade, é un principio doado de enunciar
mais difícil de aplicar, segundo os esquemas metodolóxicos e ontolóxicos
herdados. Todo un reto para os historiadores do futuro.
7
Da determinación económica e simple á determinación global e
complexa, concreta e revisable, dos feitos históricos.
O paradigma obxectivista e
estructural en activo -segundo Kuhn, ningún paradigma deixa de estar vixente ata
que é plenamente substituído- primou o determinismo da economía, incluso da
xeografía, cando se tenta explicar os feitos históricos, en detrimento da
causalidade subxectiva da loita social, abeirando outras dimensións que
condicionan así mesmo a realidade pasada como a mentalidade e a cultura, a
política e o poder, os individuos e as institucións; determinacións coas cales
o historiador se atopa todos os días nas súas investigacións.
A reacción subxectivista contra
a prioridade da historia económica, infraestructural, levou -aínda que non
sempre[12]-, seguindo a lei do
péndulo, a subliñar a indeterminación dos acontecementos históricos. De xeito
que a historia sería o reino da continxencia absoluta: un suxeito sen obxecto.
Así, nun primeiro momento, a historiografía desinteresouse pola investigación
das causas e das explicacións, para negara máis adiante a posibilidade de
coñecelas, ó tempo que volvían os enfoques máis tradicionais da historia e
anovábase outra idea de orixe neopositivista: a imposibilidade de aprehender a
realidade máis alá do discurso (o linguistic
turn na súa versión máis radical).
A nosa proposta é superar a
polémica determinación/indeterminación levando a cabo "unha análise
concreta de cada situación histórica concreta" coa fin de averiguar, sen
ríxidas posicións previas, o grao posible de determinación dun feito histórico
que, como sabemos, depende das fontes conservadas, os métodos de investigación,
os coñecementos non baseados en fontes, as hipóteses e teorías que empregue o
historiador. O resultado é obviamente revisable na medida que os factores
subxectivos da investigación varían.
A procura prioritaria das
causas da historia na súa base material, revelouse como un enfoque claramente
insuficiente, e en ocasións erróneo. Toda metodoloxía non reduccionista ten que
perseguir, pois, a determinación global dos feitos históricos, máis alá dos
esquemas simplificadores e separadores (obxecto/suxeito, base/superestructura,
economía/política/cultura) propios do impugnado paradigma obxectivista,
economicista e estructuralista. A investigación específica diranos, en cada
caso, o grao de complexidade da combinación das determinacións.
A realidade histórica soe ser
máis complexa que as nosas metáforas mecánicas, a imposición destas afástanos,
en consecuencia, do obxecto de estudio; de certo, mais non sempre é así, os
esquemas simples poden facer plausible nalgúns casos unha descrición, ata unha
explicación, toda vez que a complexidade inclúe a simplicidade[13]. Así é como mantén certa
vixencia a determinación económica da realidade social, política e cultural, no
poucas veces demostrada pola historia e outras ciencias sociais en
investigacións concretas. O problema a resolver, en cada caso, é como artellar
globalmente a economía coas restantes dimensións, que, ademais de estar en
interacción con ela, viven no seu interior: a política e a mentalidade, tamén
forman parte da vida económica e material, e viceversa, de aí a constante
incapacidade da metáfora ríxida do edificio de tres plantas (economía/
política/ cultura[14]) para comprender
cabalmente, e mesmo para describir correctamente, a meirande parte das veces, o
mundo pasado. A determinación económica é tamén, de cotío, unha determinación
global e complexa.
8
O que decide que un tema de investigación ou un xénero
historiográfico sexa válido ou non, é a
aportación do historiador: os problemas formulados, os métodos aplicados, os
resultados obtidos.
O paradigma obxectivista
atribuíu ó obxecto, ó tema de investigación, unha función excesiva, incluso
"máxica", na lexitimación da
cientificidade ou da utilidade social dunha obra de historia. As grandes
innovacións historiográficas do século XX, foron, primeiramente, innovacións
temáticas. En cada época historiográfica privilexiouse un xeito de historia. Á
historia política seguiu a historia económica-social, e a esta a historia desde
o suxeito (mentalidades, antropoloxía histórica, nova historia cultural),
pechándose o círculo, e o século, coa volta da historia política (en bastantes
casos, con novos enfoques). En xeral, obtivéronse bos resultados en cada un
destes xéneros temáticos da historia, baixo a influencia das correspondentes
ciencias sociais: ciencia política, psicoloxía, antropoloxía, socioloxía,
economía, etc. Xa non vale primar ou descalificar a priori, sen antes analizar
os problemas presentados, os métodos aplicados e os resultados obtidos, un tema
ou un xénero historiográfico[15]. A maior parte dos
campos historiográficos que nesta fin de século, a modo de recapitulación e
resume, están enriba da mesa do historiador, obtiveron xa a súa carta de
natureza no mundo da historia profesional.
Esta amplitude de obxectos, sen
precedentes, é unha conquista irreversible da historiografía contemporánea. O
ensanchamento do tipo de fontes empregadas (da documentación escrita a
"todos os documentos", segundo a expresión de Febvre), foi seguido
por tal alongamento do territorio temático do historiador, que se fai, agora,
difícil descubrir novas parcelas historiográficas, e, se ben o presente -e o
futuro- van continuar suxerindo novas materias de estudio, debemos concluír que
o centro de gravidade da renovación historiográfica está a desprazarse cara
enfoques máis metodolóxicos e teóricos.
O primeiro problema teórico a
resolver con espírito anovador é, xustamente, o da fragmentación da historia en
múltiples obxectos[16] desconectados entre si.
A incompetencia da historiografía do século XX para ofrecer unha explicación de
conxunto, unitaria, do pasado dos homes, quedou
patente precisamente onde os seus avances son máis manifestos: a
diversificación temática. O paradoxo está en que baixo a variedade en aumento
de especialidades e subespecialidades, subxace dalgunha forma a procura dunha
historia total (entendida como horizonte utópico), a idea de que hai que
estudialo "todo"; o prezo pagado foi quedarmos sen o fundamental:
unha investigación global da historia dos feitos, períodos temporais ou
civilizacións do pasado.
9
Da necesaria pluralidade da innovación metodolóxica.
O paradigma historiográfico do
século XXI, está na obriga de ser máis global e transnacional que o paradigma
historiográfico do século XX. Unha maior interrelación entre cultivadores de
distintos tipos de historia, e entre historiografías nacionais, remataría con
ese prexuízo académico de descalificar aquelas vías de renovación
historiográfica alleas á propia. Non se trata só de predicar a tolerancia -a
ausencia desta virtude intelectual tería
que acender os sinais de alarma-, a cuestión é que a pluralidade anovadora no
método é, arestora, imprescindible para recompoñer o paradigma común dos
historiadores, e para avanzar de novo, desde as múltiples variedades
historiográficas, cara un terreo común, única forma de conseguir que a disciplina
reconstrúa finalmente os seus sinais unitarios de identidade.
En tempos da hexemonía
obxectivista, a metodoloxía cuantitativista viña sendo o paradigma da
exactitude[17] e da cientificidade;
agora mesmo, o retorno dos métodos cualitativos, corre o perigo de levarnos ó
outro cabo; o máis avanzado sería, desde logo, unha combinación de métodos
cualitativos e cuantitativos se o tema, as preguntas e as fontes, o esixen e/ou
o facilitan.
O método cualitativo por
excelencia dos historiadores, é a narración. Denostada como paradigma dunha
historia tradicional cualificada -non sin razóns- de superficial, descritiva e
acontecimental, pola nova historia annaliste-marxista,
a historia narrativa volta, a mediados dos anos 70, como índice da crise da
historia científica (Stone), sendo posteriormente asimilada por esta a toda
présa. Autores representativos coma Georges Lefebvre e Jerzy Topolsky
defenderon, hai xa tempo, unha
historia-relato explicativa[18], alén da infrahistoria
vulgarizadora, e filósofos coma Paul Ricoeur argumentaron, na mesma dirección,
que toda historia é relato, incluído o Mediterráneo de Fernand Braudel, obra
paradigmática da macrohistoria estructural de longa duración.
A verdade é que, prexuízos
fóra, todos os historiadores empregamos dalgún xeito o relato, a conexión
narrativa, para dar forma ás nosas investigacións, ¿cantas veces as conclusións
non adoptan a súa forma final ata o momento da redacción? A boa ou a mala
historia, tanto se nos referimos á calidade como á orientación, depende máis do
fondo que da forma: é posible unha historia narrativa non positivista, global e
socialmente útil. Non necesariamente unha forma narrativa ha conlevar un
trasfondo de historia conservadora.
Unha das últimas vías de
renovación historiográfica do paradigma obxectivista, economicista e
estructural, que non renuncia á historia explicativa nin ó relato histórico,
está na reducción da escala de observación: a microhistoria (algo ben distinto
da vella historia local). Pero, ó mesmo tempo, mediante a historia comparada
-antigo proxecto crítico alentado por Bloch, que non chegou a formar parte do
paradigma común da posguerra-, propónsenos outra maneira de facer
macrohistoria. A conexión entre a microhistoria e unha macrohistoria renovada
está por facer, así como, en xeral, as investigacións históricas
verdadeiramente globais (máis alá da caricatura mecanicista dos tres niveis). O
cambio de escala, micro/macro, o artellamento dos espacios (e dos tempos), han
ser excelentes camiños para a globalización metodolóxica e teórica da historia,
para a rectificación dun dos aspectos máis negativos da rica -por
complementaria- evolución da historiografía finisecular: a fragmentación de
obxectos e de métodos.
10
O éxito do novo paradigma dependerá da súa capacidade para
xerar e aplicar estratexias globais de investigación.
A maior anomalía coa que se
topou o consenso historiográfico do século XX, é a imposibilidade de levar á
práctica o principio de historia total. Citada ritualmente polos historiadores,
foi converténdose no paradigma compartido máis abstracto: segundo se afastou da
práctica historiográfica, a historia total deveu máis absoluta e
inalcanzable, en resumo, máis idealista.
Cortar este círculo vicioso é condición sine
que non para saír definitivamente da actual crise de crecemento e
desagregación da historia.
Cada vez sabemos máis de menos
cousas. Esta tendencia xeral do coñecemento científico, xunto co fracaso da
historia total, conduciu a creatividade dos historiadores cara unha crecente
especialización. Aínda que, ultimamente, emerxe con grande forza a tendencia
contraria, cara unha converxencia disciplinar e global (a investigación por
parte de filósofos e físicos dunha teoría unificada das forzas físicas, é un
notorio exemplo), que tamén se fai sentir na historia profesional. Moitas das
aportacións recentes máis novidosas son, se nos fixamos ben, froito da
mestizaxe de xéneros e metodoloxías[19]. O contexto actual de
transición paradigmática ofrécenos, xuntamente, o problema e a solución.
Trátase de dar a volta á
historia total, poñéndoa sobre os seus pés, transformando o seu contido (e
quizais o seu nome). Hai que levar este vello concepto paradigmático do
absoluto ó relativo, da idea á práctica, da teoría á metodoloxía, da certeza á
experimentación, do punto de chegada ó punto de partida da investigación; para
o cal é preciso promover sínteses de xéneros historiográficos, converxencias de
liñas de traballo, aproximacións globais, enfoques de conxunto, é dicir, estratexias
globais de investigación. Todo aquilo que o fracasado paradigma compartido da
historia total nin impulsou nin permitiu impulsar, ó longo do século XX, agás
valiosos exemplos que ficaron illados, e que nunca foron máis alá das
aproximacións globais.
Neste grandioso arquipiélago en
que se converteu a historia do século XX, o que fallan son pontes, vías de
comunicación, e outras conexións interhistóricas, que fagan posible xuntar illas para facer continentes historiográficos,
que nos fagan esquecer a espera pasiva do advenimento dunha historia total
sacralizada. A posta en práctica, previo proceso de secularización e
relativización, dunha nova noción de historia global, implicará un esforzo
continuado de renovación historiográfica, que ten que atravesar a
superespecialización académica. Sobre a base dunha experiencia colectiva de
aproximacións globais ó pasado humano, é mester reconstruír teoricamente un
concepto de "totalidade" histórica liberado de toda carcasa kantiana,
e das divisorias positivistas e mecanicistas, do tipo obxecto/suxeito ou
infra/supraestructura, un concepto anovado e axeitado, por tanto, ó novo
paradigma científico xeral, máis relativo ergo máis verdadeiro.
A historia como disciplina
científica non pode permitirse o luxo de renunciar á comprensión global do
pasado. O papel da historia na sociedade, na educación e na investigación, é
inversamente proporcional ó seu esmigallamento disciplinar. Unha pedra de toque
do novo paradigma historiográfico será, en consecuencia, a súa aptitude para
crear e aplicar estratexias globais de investigación, e de divulgación, dos
feitos da historia.
11
Para reforzar a cooperación da historia con outras ciencias,
é preciso avantar na súa unificación interna como ciencia dos homes no tempo.
Non se pode prescindir da
interdisciplinariedade para discernir a potencia innovadora do paradigma
historiográfico do século XX. Da xeografía, a economía, a demografía, a
socioloxía, a antropoloxía, a psicoloxía, a ciencia política, saíron moitos dos
temas e métodos que aplicaron con éxito os novos historiadores de Annales e do marxismo occidental, sen por
iso deixar de moverse nun paradigma historiográfico común (a
interdisciplinariedade é un dos seus compoñentes máis relevantes). E algo
semellante se podería dicir das mentadas disciplinas, que acudiron á historia
para aprehender a súa dimensión temporal, enxendrando subdisciplinas mixtas, a
miúdo con investigadores de dobre procedencia: xeografía histórica, historia
económica, demografía histórica, socioloxía histórica, antropoloxía histórica,
psicoloxía histórica[20], nova historia
política. A necesidade que formulamos, ó inicio deste ensaio historiográfico,
de que os historiadores vaian ó encontro da historia/filosofía da ciencia, proba
que tampouco no terreo da epistemoloxía histórica, e da relación coas ciencias
físicas[21], a historia pode
prescindir do diálogo inter e transdisciplinar, máis ben ten que intensificalo,
como un signo dos tempos, o mesmo que as restantes ciencias naturais e sociais.
Manter e acrecentar a
cooperación da historia coas ciencias sociais (e naturais) é, por conseguinte,
inescusable, para loitar contra a marxinación da historia como disciplina
académica e social. Os rápidos cambios de denominación, do interdisciplinar
(cooperar) ó pluridisciplinar (converxer), do pluridisciplinar ó
transdisciplinar (atravesar e transcender), poñen en evidencia unha actividade
científica que busca independizarse dos clásicos compartimentos académicos, sen
por iso caer na vella ilusión positivista dunha "ciencia unificada".
A historia non é insensible ó
clima transdisciplinar, consecuencia directa da auxe finisecular do coñecemento
científico, puro e aplicado. Así, a revista Annales
elixe como eixe do seu tournant critique
(1989), a alianza renovada da historia coas ciencias sociais, e recompón o seu
comité de dirección, que recupera así o perfil pluridisciplinar que tivo nas
súas orixes, incorporando un grupo de xoves non historiadores. A nova
licenciatura de humanidades en España ilustra, no terreo da educación
universitaria, esta propensión xeral ó reencontro das disciplinas, contrapunto
das tendencias centrífugas dos anos 80 (que aínda seguen actuando no interior
de cada disciplina).
Nos anos 80, a coincidencia da
dispersión, e do esmorecemento, do paradigma historiográfico do século XX, cun
incremento da colaboración coas disciplinas veciñas, xerou nalgúns
historiadores unha reacción contra o perigo da dilución da historia noutras
ciencias sociais, que conduciu ós máis radicais a rexeitar a
interdisciplinariedade, e incluso a definición da historia como ciencia. O
intercambio desigual historia-ciencias sociais non se resolve, sen embargo, coa
involución da historia, retrocedendo a unha historia pre-paradigmática de corte
tradicional; resólvese atacando a raíz do problema. A historia é feble fronte
outras disciplinas, porque estas estiveron, e están, máis preocupadas pola
teoría (a socioloxía, a antropoloxía ou a crítica literaria), e iso lles
permitiu actuar de xeito "imperialista" no interior do sistema das
ciencias sociais e humanas, exportando métodos e conceptos, problemas e
teorías, con intencións asimiladoras. Este problema da historia é tan antigo
coma a mesma disciplina, e só ten unha solución: que os historiadores
desenvolvamos as consecuencias teóricas e
metodolóxicas das investigacións históricas, cos ollos postos no
conxunto de problemas que teñen as ciencias e a sociedade actuais. É tan
sinxelo coma deixar de centrar a crítica nos demais (nas súas teorías) e ser
máis autocríticos (desenvolvendo as nosas propias reflexións). Chegamos a tal
extremo que a interdisciplinariedade que vimos practicando xa non poderá
avanzar máis[22], se antes a historia
profesional non recobra un mínimo de unidade interna e de globalidade no seu
quefacer.
Nada fai máis vulnerable á
historia, no conxunto das ciencias, que a súa fragmentación interna. A
interdisciplinariedade ben entendida habería de empezar, pois, por nós mesmos.
Unha aportación maior da historia ás ciencias sociais e humanas, coas que
colabora habitualmente -especialmente, nas investigacións de vangarda-,
requiriría un reencontro das múltiples subdisciplinas históricas (de orixe
académica, temática e/ou metodolóxica) nun terreo común, dito con outras palabras,
unha recomposición do paradigma común dos historiadores que non opoña a
imprescindible cooperación e converxencia coas ciencias sociais coa, se cabe
máis urxente, cooperación e converxencia entre as ramas sucesivamente
desgaxadas do tronco da historia. Esta sorte de interhistoria que propugnamos,
no cadro da colaboración interdisciplinar historia-ciencias sociais, entraña
unha maior preocupación dos historiadores, de todos os campos, pola metodoloxía
histórica, pola historiografía, pola teoría da historia, en definitiva, polo
acervo común da historia. As demandas crecentes de interdisciplinariedade
soamente poden ser satisfeitas por unha disciplina histórica consciente da súa
unidade e da súa irreductible singularidade.
12
O futuro da historia está condicionado
polo que se preocupe a historia polo futuro.
Seguindo á Ilustración que
confiaba na razón para cambiar o mundo, e acadar desta maneira o benestar da
humanidade, a historiografía predominante no século XX autodesignouse como obxectivo:
estudiar o pasado a fin de comprender o presente, e de construír un futuro
mellor. O materialismo histórico insistiu máis na contribución da historia a un
proxecto de transformación social, cara
un futuro que se sabía socialista, e a escola de Annales puxo máis o acento na conexión epistemolóxica
pasado-presente (comprender o presente polo pasado, comprender o pasado polo
presente, escribiu Bloch), participando todos da crenza xeral na utilidade
social da nova ciencia histórica.
A liña de progreso con que os
membros da comunidade historiográfica, e en xeral os científicos sociais,
vencellaban o pasado co presente e o futuro, rompeu cos feitos de 1989, ó
encetarse as transicións europeo-orientais do socialismo real ó capitalismo, ó
entrar nunha crise conxunta todas as vías de progreso histórico-social de orixe
ilustrada, previamente socavadas polos nocivos efectos que estas causaron, ó
longo do século XX, na supervivencia da especie e da natureza. E o que é peor:
a historia científica non o advirtiu.
Na medida en que a evolución
progresiva cara a felicidade humana non está garantida, a historia perde
interese público. Empúrrase deste xeito ó historiador ás marxes da sociedades;
axciña poden volverse actuais as críticas, dos artífices da revolución historiográfica
do século XX, ós historiadores-anticuarios, alleos á vida e á actualidade
(Bloch). O desencanto cara ó presente conduce a buscar refuxio no pasado de
dúas maneiras: a ficción, desde o punto de vista do público, (auxe da novela
histórica), e a academia, desde o punto de vista dos investigadores
(erudición). Para ambas as dúas viaxes, quérese "liberar" á historia
da carga que supón a súa definición como ciencia preocupada -o mesmo que as
restantes ciencias da sociedade e da natureza- polo presente e polo porvir dos
homes.
Mais, mentres o posmodernismo
ambiental leva ós historiadores á subalternidade, nos debates intelectuais que
tentan de tirar conclusións dos feitos traumáticos de 1989[23], úsanse profusamente os
datos da historia, e da filosofía da historia, para botar luz e polémica sobre
o confuso futuro da humanidade. É o caso das controversias mundiais
principiadas por Francis Fukuyama en The End
of History? (verán de 1989), e por Samuel P. Huntington en The clash of civilizations (1993). O segundo
desmentiu a finalista "paz capitalista e liberal" do primeiro,
agoirando unha inminente guerra mundial dos fundamentalismos relixiosos. Non
sempre son ensaístas -filósofos políticos nos casos citados- os que acoden á
historia para intervir no futuro máis inmediato, tamén o fixeron historiadores
coma Paul Kennedy que, en The Rise and Fall
of Great Powers (1987), adicou sete capítulos a analizar, durante
cinco séculos, a auxe e a caída das potencias nacionais de cada época, para
concluír cun capítulo titulado "Cara o século XXI", onde suxire as
"perspectivas máis probables" de evolución de cada goberno e do
sistema das grandes potencias no seu conxunto.
Atopámonos ante referencias ó
pasado e con análises históricas que pretenden incidir no presente... a través
do futuro, que é o que realmente inqueda ós homes de hoxe. Téndese
conseguintemente a substituír o vello paradigma pasado/presente/futuro por
outra formulación, pasado/futuro/presente, na que pasa a primeiro plano aquilo
que está por vir. Fronte ó novo presentismo que nada quere saber do futuro e
que inmobiliza o que agora temos, fronte ás incertidumes sobre o mundo que nos
agarda á volta do milenio, o intelectual dilixente -o optimismo da
intelixencia- rastrexa perspectivas alternativas botando man do pasado, dos
coñecementos que temos sobre a evolución -ou involución- histórica das
sociedades e das mentalidades.
Antes diciamos que a historia
ten que axudarnos a vivir mellor, a transformar a sociedade, a emanciparnos
nunha palabra dun presente ominoso, pero hoxe variaron dramaticamente os termos
do problema, en especial para as novas xeracións: o máis abominable non é xa o
presente senón a falla de futuro, de calquera futuro. Sábese que o
desenvolvemento científico-técnico seguirá medrando ata dominar todo o globo,
pero tamén se sabe que das súas vantaxes, en Occidente, está excluído o chamado
Cuarto Mundo, e masas crecentes de xente nova -moitos deles con formación
universitaria, cada vez máis- que non terán xamais acceso ó traballo; no Sur,
os excluídos son países enteiros abocados á fame e á superpoboación; e por todas as partes, a natureza rebélase contra o
galopante dominio produtivista, cuestionando o sentido dun desenvolvemento científico-técnico
que, unha e outra vez, entra en contradicción cos intereses humanos.
É tarefa da historia, hoxe en
día, demostrar que sempre houbo futuros plurais; que nada é seguro, que todo
cambia, ás veces sorprendentemente; que a humanidade en varios milenios
resolveu historicamente problemas tanto ou máis difíciles -e con menos medios-
que os que agora temos enriba da mesa. Hai pois futuro, porque hai historia.
Ademais, son futuros alternativos. Hai esperanza porque hai historia. Claro que
para facelo comprender ós demais, debemos antes convencernos nós mesmos,
abandonando o obxectivismo mecanicista, coa súa secuela de fatalismo e
conformismo, para encamiñarmonos cara un suxeito histórico máis libre (que non
ha esquecer os seus condicionamentos), e polo tanto máis forte, no pasado e no
presente.
Pensar historicamente o futuro,
é logo transformar o presente, empezando por impedir que ser repitan os grandes
erros do século XX: o fascismo, que agroma novamente en Italia, e o racismo, en
ascenso par tout; o socialismo
sen liberdade, que afundiu catastroficamente en 1989; o tribalismo, o
nacionalismo agresivo e o fundamentalismo relixioso, alimentados por mitos e
irracionalidades que o historiador ten a obriga de combater, e que están na
orixe de moitas das guerras que hoxe ameazan a paz mundial. Demándase un novo
racionalismo, unha nova ilustración, que nos permita seguir progresando, e a
historia e os historiadores non podemos permanecer á marxe desta demanda
intelectual e social.
Cando, logo da II Guerra
Mundial, se instituíu o paradigma científico da historia, non era tan
necesaria, coma hoxe, a súa defensa fronte ás disciplinas científico-técnicas,
que en diferente grao e ritmo -segundo cada país-, desprazan ós saberes
históricos e humanísticos do ensino e da investigación; está nos seus inicios
un alarmante proceso de desprofesionalización da historia. De xeito que o
primeiro compromiso do historiador preocupado polo futuro, é a inquedanza pola
súa propia disciplina: é mester volver demostrar a utilidade crítica e social da
historia. Para facer fronte ó pensamento tecnocrático, filosoficamente
desfasado, mais politicamente activo, hai que distinguir la historia-ciencia da
historia-ficción, e guerrear pola recuperación da presencia da historia no
sistema educativo e nos medios sociais de comunicación. A aldea global que vén,
sen a historia e as ciencias humanas, será o futuro das cousas, xamais o futuro
dos homes.
13
O historiador do futuro
reflexionará sobre metodoloxía, historiografía e teoría da historia, ou non
será.
Estivo moi xeneralizado desde a
epistemoloxía (Piaget, Habermas), a socioloxía (Durkheim) ou o estructuralismo,
considerar á historia como unha disciplina non teórica, simple fornecedora de
datos empíricos para as ciencias sociais e a filosofía. División do traballo
que, aínda que nos doa dicilo, o historiador adoita aceitar de bo grao,
alentado por unha tradición empirista de longa duración, orixinada no século
XX..
Malia ós esforzos do
materialismo histórico, e da escola de Annales,
a historiografía contemporánea seguiu sendo positivista nun punto capital: o
desprezo sinceiro pola teoría, e en menor medida pola historiografía e a
metodoloxía; actividades científicas tidas por secundarias, e pode dicirse que
case inexistentes na obra de moitos dos historiadores que consideramos
consagrados. A comparación non chegou a practicarse (ata que a socioloxía
histórica a retomou); a historia-problema abandonouse en favor da anovación
temática e da colaboración interdisciplinar; a elaboración teórica estivo
practicamente ausente. Só algúns filósofos viñeron preocupándose pola teoría da
historia, xeralmente sen considerar as aportacións dos historiadores, sen
relacionar a teoría da historia coa práctica da historia, contribuíndo así ó
vixente diálogo de xordos entre a filosofía e a historia.
As consecuencias do inductismo
e do pragmatismo dos historiadores, da falla de reflexión sobre a historia que
se fai, da carencia de debate sobre os seus métodos, as súas hipóteses e as
súas interpretacións, vímolas xa: fragmentación de temas, métodos e
especialidades; atraso e dependencia respecto doutras ciencias sociais;
desconexión dunha sociedade á que deberiamos estar ofrecendo, desde a historia:
ideas, propostas e perspectivas ós seus problemas.
Este Congreso Internacional A historia a debate, é, non obstante, un vivo exemplo de que algo está cambiando. O
interese dos historiadores pola metodoloxía, a historiografía e a teoría da
historia, medra nesta complicada fin de século. Tal vez porque "conforme crece
la ciencia, disminuye el poder de la evidencia empírica"[24],
e aumentan uns interrogantes que ningunha outra disciplina, por moi avanzada
que estea, pode resolvernos, porque son específicos da historia. Unha historia
profesional que, en todo caso, aborda con máis facilidade a reflexión sobre o
método, ou sobre a historia da historia, que a fabricación e o emprego de
hipóteses e de teses, de sínteses e de xeneralizacións, nas investigacións, por
mor sen dúbida da formación recibida e do fracaso parcial do marxismo-Annales, ambas as dúas cuestións moi
entrelazadas. Só a introducción de asignaturas de metodoloxía, historiografía e
teoría da historia[25], desde os primeiros
cursos das licenciaturas de historia, para acostumar ós futuros historiadores á
reflexión sobre a súa materia, permitirá equiparar a historia ó resto das
ciencias.
A disxuntiva do historiador do
futuro, é: ou adicar unha parte do tempo[26] de traballo a coñecer e
producir obras de metodoloxía, de historiografía e de teoría histórica[27], en competencia (e
colaboración) coas disciplinas veciñas; ou sucumbir definitivamente á
marxinalidade no seo da ciencia e a sociedade.
Que sexa difícil para o
historiador alternar o traballo empírico co traballo teórico, non quere dicir
que sexa unha cousa doutro mundo: a maior parte das ciencias sociais e humanas[28] veñen practicando,
desde hai moito tempo, esta combinación teoría/práctica. Esgotada en boa medida
a innovación temática, á historia quédalle, entón, a metodoloxía, a
historiografía e sobre todo a teoría, continente persistentemente ignorado,
para seguir progresando e para cumprir coas súas responsabilidades científicas
e sociais.
Unha maior reflexión sobre o
que fai o historiador redundará nunha alza do nivel da investigación histórica,
nunha maior comprensión global do pasado, nunha mellor interrelación coas
restantes ciencias (intercambio igual), nun incremento da contribución directa
dos historiadores á teoría da historia (e por conseguinte da sociedade) que
demandan os acontecementos do século XX e os interrogantes do século XXI. Soía
dicirse que se un historiador facía teoría deixaba de selo. Se non se desminte
este lugar común, a historia nunca superará a subalternidade respecto doutras
ciencias sociais, non sobrevivirá o século XX como disciplina científica tal
como a coñecimos, sobre todo tal como a quixemos.
14
Por unha historia arreo a debate.
De entrada, o debate non é un
uso académico. Os novos historiadores, annalistes
e tamén marxistas, reproduciron o sistema vertical da tradición universitaria
que transmite o saber xerarquicamente; as lecturas das teses doutorais son un
bo exemplo do que queremos dicir. Sen embargo, nas súas orixes revolucionarias,
Annales predicaba que o debate e
a heterodoxia eran consubstanciais coa definición científica da historia:
"en el origen de toda adquisición científica existe
el no-conformismo. Los progresos de la ciencia son fruto de la discordia. De la
misma manera que las religiones se refuerzan con la herejía de que se
alimentan"[29].
É preciso recuperar este espírito inconformista, crítico, resucitando a
historia-debate, para sair da crise finisecular da historia, e tamén para,
despois diso, alimentar o novo paradigma común, aprendendo da historiografía
pasada.
Á
comunidade de historiadores tócalle decidir sobre os problemas historiográficos
que temos e as súas posibles solucións, pero ¿como facelo se as dificultades e
as alternativas non se expoñen libre e polemicamente? Sen potenciar o debate, é
imposible chegar a novos consensos[30],
e as situacións críticas -ensina a historia- chegan a apodrecer.
Kuhn
formulou que, en toda ciencia, o cambio de paradigmas -as crises, as
revolucións científicas- leva aparellado o debate[31],
mais
como non se poden estar reformulando eternamente os fundamentos dunha
disciplina, nos períodos que el chama de ciencia normal, cede a rivalidade de
teorías, deixan de explicitarse regras e presupostos, diminúe o interese pola
teoría, e discútense soamente aquelas cuestións que non son principais para a
práctica dos investigadores[32]. O mesmo Kuhn exclúe,
por descontado, ás ciencias humanas e sociais, destes períodos
"normais" de ciencia sen debate, recoñecendo a función creadora da
confrontación e a crítica permanente, por exemplo, en filosofía e en historia[33], no cal, por certo,
coincide co seu adversario Popper[34]. Mesmo nas ciencias
naturais, trinta anos despois das obras principais de Kuhn, temos moi serias
dúbidas de que sexa aplicable, no relativo á controversia, unha separación tan
neta entre ciencia normal e ciencia extraordinaria[35]; a crítica interna que
toda disciplina viva tería que institucionalizar, é hoxe, ademais, unha obriga,
considerando a velocidade coa que os descubrimentos científicos se suceden,
alomenos nalgunhas ciencias.
No caso da ciencia histórica, a
perentoriedade dun debate constante, a historia-debate como parte do paradigma
a establecer, máis alá polo tanto da urxencia da crise actual, xorde da
expansión da historia como disciplina, da súa peculiaridade como ciencia dun
pasado humano, que é interrogado e interpretado desde un presente e desde un
futuro que son móbiles -e fan móbil ó pasado investigado-, e da propia
experiencia dos historiadores durante os últimos vinte anos. A falla dun debate
explícito e suficientemente centrado prolongou excesivamente unha deplorable
situación inestable, onde o novo no acaba de impoñerse e o vello non acaba de
desaparecer, onde as posicións se polarizan ou se dispersan, sen que ninguén
efectúe e divulgue sínteses sucesivas que aseguren a reformulación do consenso.
O desfase entre a práctica plural dos historiadores (fragmentada pero
fructífera, innovadora pero recuperadora de vellos xéneros) e unha teoría, que
por inercia segue remitindo ó paradigma marxista-annaliste do século XX, é máis que evidente. Para corrixilo,
hai que debater a tumba aberta, recoñecendo a crise -sen enganarnos a nós
mesmos con "jeremiadas" ou con doses extremas de voluntarismo-, e
chegar a conclusións que nos sitúen nunhas novas coordenadas paradigmáticas. O
cal supón a reimplantación de hábitos de tolerancia cara as posicións
contrarias, sabendo aceptar as súas aportacións á recomposición do paradigma
común[36]. A dinámica de
rivalidade e cooperación, entre a escola de Annales
e o materialismo histórico, que fixo viable a victoria do paradigma
historiográfico do século XX, é a mellor proba
do que estamos defendendo: as diverxencias fructíferas son unha
elemental esixencia dunha historiografía sa.
15
A madurez dun paradigma está nas escolas que o animan.
A crise de crecemento e,
xuntamente, paradigmática, pola que atravesou a historiografía mundial nos anos
80, desagregou o seu paradigma común e xenerou tendencias centrífugas que disgregaron
os seus compoñentes, divorciando ás historiografías nacionais e ás grandes
escolas do século XX.
Xunto co debilitamento e o
cuestionamento dos paradigmas compartidos que lles concedían funcionalidade,
relacións mutuas e autoridade conxunta, a escola de Annales e a escola marxista de historia social, seguindo -e
animando- a tónica xeral, diversificáronse internamente durante a última
década, foron obxecto dunha acerba crítica externa e interna[37], e distanciáronse entre
si, de sorte que hoxe moi poucos manteñen, ou aceptan, que sigan sendo escolas
historiográficas con cabezas de fila, programas unificados de investigación,
disciplina e órganos de expresión.
Na dirección colexiada da
revista Annales reina na
actualidade unha diversidade -rica- de liñas historiográficas, que teñen o seu
punto de encontro na relación co exterior: a interdisciplinariedade. Esta falla
de nexo interno, é máis evidente conforme ampliamos o círculo ó Centre de Recherches Historiques da École des Hautes Études en Sciences Sociales, e, por último, ás
universidades francesas. O fraccionamento da escola de Annales, nada en 1929, non é máis que
unha consecuencia -e unha causa- da dispersión xeral da historia no último
tercio do século, que afecta tamén abondo ós historiadores próximos ó marxismo.
O nacemento en 1976 de History Workshop,
as polémicas entre E. P. Thompson e Perry Anderson -e outros-, sobre o
estruturalismo (1978-1980), e entre Lawrence Stone e Eric J. Hobsbawm sobre o
retorno da narrativa (1979-1980), marcan as tensións dunha diversificación que
axiña se converterá en críticas á historia social que representa Past and Present[38], revista que, en todo
caso, nunca tivo un carácter de escola tan delimitado como Annales. En ambos os dous casos, o resultado
é o mesmo, un big bang inicial e
unha expansión posterior que rematou por fragmentar e enfrontar as partes.
Xeralizóuse, en total, entre os
historiadores a crenza de que as grandes escolas do século XX son xa cousa do
pasado, tradicións de referencia[39] pero xa non escolas
activas[40]. A mellor referencia
que temos dunha tradición historiográfica non organizada como escola, é o
positivismo. O marxismo e Annales,
nestes tempos, nos anos 90, seméllanse máis ás vellas tradicións
pre-paradigmáticas, sorte de tendencias difusas, que a verdadeiras escolas de
pensamento e acción historiográfica. É curioso observar como, a medida que a
rivalidade se impón á cooperación entre ambas escolas, moi poucos se decatan
-de ai a importancia das dúas primeiras teses da nosa proposta- de que as
crises sofridas pola historiografía marxista e por Annales, gardan unha íntima relación, van paralelas na súa
fase final e remiten ambas as dúas a unha crise xeral do paradigma común, á súa
vez influída polos cambios de paradigma científico global, e polas
transformacións socioculturais finiseculares.
O decaimento do paradigma común
e das grandes escolas que o sostiñan, nun contexto de desenvolvemento da
historiografía mundial, enxendrou fenómenos ata certo punto contradictorios: 1)
O individualismo historiográfico, alentado pola necesidade e/ou o gusto polo
currículum académico, e pola auxe do individualismo como mentalidade colectiva
nos anos 80. 2) Un maior peso das tradicións historiográficas
"naturais" que identifican ós investigadores por riba de calquera
anterior referencia paradigmática ou de escola: a) a área de coñecemento,
conforme os esquemas convencionais de clasificación universitaria (en Europa
occidental: historia antiga, medieval, moderna e contemporánea); e b) as historiografías
nacionais. 3) A tendencia á mundialización da historiografía, sobre a base
dunha intensificación dos contactos internacionais; proceso de interrelación
que afecta a unha minoría, pero que ten ó seu favor a aceleración do mundo
presente cara a "aldea global", en todos os ámbitos da vida.
A revitalización da historia
como ciencia social reclama un rol activo da comunidade de historiadores
arredor dun programa historiográfico, reclama proxectos colectivos máis alá dos
cadros académicos e tamén nacionais -por suposto, ambos os dous ineludibles-,
reclama combates pola historia do
estilo das escolas historiográficas que herdamos. Por moito que a realidade
está a encargarse de rebasar ampliamente ás vellas escolas, o "espírito de
escola" historiográfica, tan específico do século XX, é, aquí e agora,
máis necesario que nunca.
Escribimos "escolas"
en plural e non "escola" en singular, porque cremos que, nin no
pasado nin no futuro, "paradigma común" equivale -equivalerá- a
"escola única" de teoría e práctica historiográficas. O ton crítico e
autocrítico, a historia-debate, a vitalidade dun paradigma, están, nunha
palabra, máis garantidos cunha diversidade de escolas, grandes e pequenas,
internacionais e nacionais, interdisciplinares e disciplinares... A diversidade
académica, nacional, ideolóxica, xeneracional, da comunidade de historiadores
-ou doutra ciencia social- obriga, pois, a combinar eficazmente pluralidade con
consenso.
A primeira tarefa da
historiografía do século XXI é reformular e revitalizar os aspectos válidos
-uns xa aplicados, outros aínda inéditos- das grandes escolas do século XX, o
que implica novos focos de intervención historiográfica, dentro e/ou fóra de
ditas tradicións, que ademais de buscar a diverxencia procuren a converxencia,
aquelas sínteses sucesivas que nos permitan avantar e saír do pantano da
transición paradigmática. Tendo moi claro que o paradigma común que vén non
será, non está sendo xa, unha repetición do paradigma común, de raíz annaliste-marxista, do século XX.
Para "asimilarlo a lo
nuevo, lo antiguo debe ser revalorado y reordenado"[41]. É mester un balanzo
finisecular da historiografía annalista
e marxista (sen omitir o positivismo), por separado e conxuntamente, que tome
nota dos éxitos e dos fracasos, das limitacións internas e externas, dos
obxectivos realizados e dos puntos incumplidos. A maior aportación das escolas
do século XX ó novo consenso historiográfico, urxido por novas necesidades
científicas e sociais, é unha autocrítica que, incidindo na renovación e o
abandono das súas partes mortas, non se prive de defender os seus aspectos máis
actuais, ou máis imprescindibles. Sexamos radicais en ambos os dous sentidos,
na anovación e na vixencia. Enfrontémonos ó pensamento simplificador que veda
levar a cabo simultaneamente as dúas operacións, e ó posmodernismo que
proporciona a crítica pero néganos a síntese, esa tensión esencial entre
tradición e cambio, entre pensamento diverxente e pensamento converxente[42], que é a base, en
resumidas contas, do progreso científico e social.
A revista Annales deu exemplo lanzando a fins de
1989 un tournant critique[43] que catro anos despois,
ofrece uns froitos restrinxidos -ilustración das grandes dificultades para
promover o cambio desde o centro das grandes tradicións-, isto é, unha
significativa renovación xeneracional, pero ben poucas propostas programáticas.
A escasez de debate nas páxinas da revista e a desconexión francesa coa
evolución recente da historiografía marxista, principalmente anglosaxona,
coadxuvaron ó restrinxido eco do tournant
critique de Annales,
que sinala así e todo unha nova etapa para a corrente fundada por Bloch e
Febvre, que acadará un perfil final aínda por decidir.
Desde a historiografía marxista
non se intentou, ata agora, nada semellante. Hai actitudes reivindicativas e
defensivas, e tamén outras realistas e severamente autocríticas, ambas útiles e
irremediables, pero tinxidas de pesimismo, faltas de alternativas cara o
futuro. O maior obstáculo é "externo": a parálise que atenaza ó
pensamento crítico marxista desde 1989. Estamos convencidos de que a reacción
non se fará esperar, porque sen a contribución do materialismo histórico é
imposible saldar contas -non só historiograficamente- co século XX e entrar no
século XXI, onde nos atoparemos con realidades sociais que, en bastantes
aspectos, son peores cás que deron orixe ó marxismo, e contextualizaron as
actuais ciencias sociais e humanas. Todo iso sin deixar de lado, claro está, os
desmentidos dramáticos que o século XX está dando ás previsións marxistas sobre
a inevitabilidade da transición histórica do capitalismo ó socialismo.
Así como os paradigmas xerais,
economicista e estruturalista, que sobredeterminaron o paradigma común dos
historiadores do século XX, matando o suxeito, foron rexeitados en xeral polos
historiadores, non ocorreu o mesmo co
paradigma neopositivista, de influencia máis clandestina pero non menos eficaz.
Romper co positivismo "malo" (antiteórico e antihistoricista) sen
abandonar o positivismo "bo" (rigor crítico documental) é, na nosa
opinión, un paso obrigado para entrar no século XXI historiográfico, e poder deste xeito desenvolver -noutro
contexto- aqueles elementos paradigmáticos de Annales
e do materialismo histórico que, tendo o consenso da comunidade
historiográfica, remataron sepultados polo obxectivismo cientifista de raíz
positivista, economicista e estruturalista. Por todo iso, é recomendable
remontarse ás orixes das dúas grandes escolas historiográficas do século XX,
para gañar en perspectiva e poder así avaliar mellor o que serve e o que non
serve, o que hai que reflotar -e reformular- e o que hai que rexeitar, cos
ollos sempre postos no futuro.
Se dicimos que non hai metas
fatalmente pre-fixadas senón obxectivos continuamente revisables, é que non
podemos saber con certeza a configuración final do paradigma historiográfico en
formación, nin o rol que nel xogarán as tradicións do século XX, ou as novas
escolas que podan constituírse nos anos próximos. É a comunidade de
historiadores quen decide en última instancia o camiño a seguir, que nos pode
levar a un novo paradigma común con escolas (como na segunda metade do século
XX), a varios paradigmas contradictorios con escolas (romanticismo versus
positivismo no século XIX), ou a outra configuración específica do século XXI.
A nosa opción é clara: paradigma común con escolas -se cadra máis numerosas e
de menores dimensións- que promovan unha ciencia histórica con suxeito:
tolerante e con debate; innovadora e tradicional; empírica e teórica;
unificada, interdisciplinar e global; belixerante contra o futuro inhumano que
din que nos espera.
16
Os cambios socioculturais dos anos 90 favorecen á historia e
ás ciencias do home.
Reivindicamos un novo paradigma
común que faga saír das catacumbas á historia e ás humanidades. A conxuntura
mental dos anos 90 é, neste sentido, máis favorable ca conxuntura dos anos 80,
caracterizada polo yupismo, a adoración dos cartos e do poder, a onda
conservadora de Thatcher e Reagan, que parecía culminar brillantemente, contra
1989, devolvendo ó Leste a un capitalismo que axiña se manifestou especulativo,
corrupto e mafioso. A reacción dos anos 90 contra ese capitalismo salvaxe e
inhumano no Leste de Europa, o movemento politically
correct en USA, as folgas xerais obreiras e estudiantís europeas
contra o paro e os recortes sociais do Estado de benestar, a revolta de
Chiapas, a auxe das organizacións non gubernamentais e da solidariedade co
Terceiro Mundo, a procura dun novo
compromiso ético nas ciencias físicas, biolóxicas e da saúde, a contestación ó
posmodernismo- que fai críticas que é capital considerar- desde unha nova
racionalidade, están creando un clima mental, intelectual e moral, ben
diferente, menos individualista e máis humanista, a medida que nos achegamos ó
ano 2000. Ou a humanidade devolve ó home, e ó seu medio ambiente, ó centro de
interese da actividade política e económica, ou o descalabro final -ecolóxico,
demográfico, ético, social-, a mans da terceira revolución tecnolóxica e da
prepotencia do Primeiro Mundo, está asegurado. A historia e as ciencias humanas
teñen algo que dicir, e van dicilo, sempre e cando o paradigma historiográfico
culmine satisfactoriamente o cambio en curso, que non ten meta pre-establecida:
depende de nós.
1 Os Congresos Internacionais de Ciencias
Históricas xa non xogan, como na posguerra, un papel vertebrador e orientador
da disciplina histórica.
2
Ó contrario que os libros de
texto das ciencias físicas, os libros de historia da historia tenden a
disimular os elementos de continuidade en beneficio das diferentes escolas e
teorías historiográficas.
[3] Thomas S. KUHN, La estructura de las revoluciones científicas,
México, 1975 (Chicago, 1962); La función del
dogma en la investigación científica, Valencia, 1979 (Nueva York,
1963); Segundos pensamientos sobre
paradigmas, Madrid, !978 (Illinois, 1973); La tensión esencial. Estudios selectos sobre la
tradición y el cambio en el ámbito de la ciencia, México, 1983
(Chicago, 1977).
. [4] La estructura
de las revoluciones científicas, p. 3; nos últimos trinta anos perderon forza as afimacións de Kuhn
acerca de que a peculiaridade das ciencias sociais respecto das ciencias
naturais, consiste na maior relación daquelas coa sociedade ó elixir temas de
investigación, ídem, p. 254;
ramas da bioloxía, a física e a química relacionadas coa saúde e o medio
ambiente están hoxe, por exemplo, tanto ou máis conectadas coas necesidades
sociais que as ciencias sociais.
[6] A primeira, de orixe francesa, desenvólvese
precozmente (Annales fúndase en 1929) e está constituída
principalmente por historiadores medievalistas e modernistas; a segunda, de
base anglosaxona, madura moito máis tarde (Past
and Present nace en 1952) e está formada sobre todo por
historiadores contemporaneístas.
[7] Denominar posmoderna a toda nova historia é
dobremente erróneo, esquece as derradeiras implicacións filosóficas do
posmodernismo, e pasa por alto a modernidade da nova historia, sexa annaliste, sexa marxista.
[8] Para algúns trátase dunha revolución
paradigmática máis importante ca do século XVII Edgar MORIN, Introducción
al pensamiento complejo, Barcelona, 1994 (París, 1990), p. 156.
[9] Alain MINC, La nueva Edad Media. El gran vacio ideológico,
Madrid, 1994 (París, 1993); o uso da imaxe pexorativa que sobre a Idade Media
tiñan renacentistas, humanistas e ilustrados, denuncia ata que punto, malia
todo, seguimos pensando cos esquemas da modernidade.
[10] O desinterese polos conflitos, as revoltas e as
revolucións, foi maior entre os historiadores medievalistas e modernistas, que
entre os historiadores contemporaneístas.
[11] Carlos BARROS, "Historia de
las mentalidades, historia social", Historia
Contemporánea, Bilbao, nº 9, 1993, pp. 111-139; "Historia de
las mentalidades: posibilidades actuales", Problemas actuales de la Historia, Salamanca, 1993, pp.
49-67; "La contribución de los terceros Annales y la historia de las
mentalidades. 1969-1989", La otra historia:
sociedad, cultura y mentalidades, Vitoria, 1993, pp. 87-118.
[12] Outros colegas, debedores aínda
do vello esquema simplificador, propoñen reemprazar a historia económica pola
historia política, o pola historia cultural, como factores principalmente determinantes
da historia.
[14] Este sistema tripartito, xordido
do desdobramento da superestructura do sistema bipartito base /
superestructura, ten variantes: economía / sociedad / cultura, economía /
sociedad / política...
[16] Os grandes xéneros
historiográficos citados (historia económica, historia social, historia mental,
historia política) son á súa vez divisibles, e aínda habería que engadir outros
como a historia dos xéneros, do medio ambiente ou da sexualidade; a transición
historiográfica na que estamos inmersos, o declive do vello paradigma común e
das escolas anexas, disparou aínda máis a dinámica de dispersión.
[17] Hai un certo malentendido: a historia cuantitativa
incorpora a incertidume ó traballar con series das que, tratadas
estadisticamente, só se poden inferir conclusións probables.
[18] Non é casual que o concepto da
historia utilizado por Kuhn para revolucionar a filosofía da ciencia sexa
narrativo-explicativo, vexáse "Las relaciones entre la historia y la
filosofía de la ciencia", La tensión
esencial. Estudios selectos sobre la tradición y el cambio en el ámbito de la
ciencia, México, 1983 (Chicago, 1977), pp. 32-33, 39.
[19] Por exemplo, a fusión da historia social con
subdisciplinas "superestructurais" como a historia das mentalidades,
a historia cultural, a historia política.
[21] Verbigracia, a historia ecolóxica que precisa dos
coñecementos que a física e a bioloxía proporcionan sobre o medio ambiente.
[22] Máis ben pode retroceder, ó perder o principio de
interdisciplinaridade consenso como compoñente do paradigma común dos
historiadores.
[23] Focalizados máis en Estados Unidos ca en Europa,
onde quizáis non superamos aínda a etapa "destructiva", nihilista,
iniciada nos anos 70 e acelerada a década posterior.
[24] Imre LAKATOS, La metodología de los progamas de investigación
científica, Madrid, 1983 (Cambridge, 1978), p. 33
[25] En España, nos novos plans de
estudio, comezou a facerse, pero non no tocante á teoría da historia, que sigue
considerándose máis tarefa de filósofos que de historiadores.
[26] Por suposto que, como en
cualquera outra disciplina científica, a meirande parte do traballo está e
estará relacionada coas fontes e os datos; os historiadores non corremos o
risco de esquecer isto.
[27] Que vaian xuntos -método, historiografía e
teoría-, é unha garantía fronte ás recaídas empiristas, e ás fuxidas cara
adiante do teoricismo abstracto.
[30] Controversias e consensos, están
a producirse xa, aínda que os seus efectos historiográficos están freados polas
propias restriccións dun debat, implícito e fragmentado, que non conseguíu aínda
interesar ó conxunto da profesión.
[31] Thomas S. KUHN, La estructura de las revoluciones científicas,
México, 1975 (Chicago, 1962), p. 87; La
función del dogma en la investigación científica, Valencia, 1979
(Nueva York, 1963), p. 22; La tensión esencial.
Estudios selectos sobre la tradición y el cambio en el ámbito de la ciencia,
México, 1983 (Chicago, 1977), p. 297.
[32] Thomas S. KUHN, La estructura de las revoluciones científicas,
pp. 143, 276-277; La función del dogma en la
investigación científica, pp. 9, 19, 21.
[35] Separación que en calquera caso
é vital para entender o progreso da ciencia; o que queremos dicir é que sendo
de distinta entidade, o debate nas crises paradigmáticas e o debate durante os
tempos de estabilidade, non cabe subestimar ou eliminar o segundo, entre outras
cousas porque é a garantía do primeiro.
[36] O medo a caer no eclecticismo pódese superar lendo
-ou relendo- o que Hegel e Marx ensinaron en canto a lóxica dialéctica, hoxe
reflotada pola teoría da complexidade e os repetidos fracasos dos determinismos
estrictos.
[37] Carlos BARROS, "La
'Nouvelle Histoire' y sus críticos", Revista
d'Història Moderna. Manuscrits, nº 9, 1991, Barcelona, pp. 83-111.
[38] Desde finais dos anos 70 se
llela critica, mesmo desde o marxismo, por perder o espírito innovador,
mostrándose conservadora ante a historia da familia, a historia das mulleres, a
historia oral; por abandonar a historia política, os enfoques cualitativos e a
historia-problema; por ser débiles ante a tradición whig da historiografía británica, moralista, liberal e
positivista...