Imprimir
Twittear

Publicado en

 

Rito e violación: dereito de pernada na Idade Media*

 

 

Carlos Barros

Universidade de Santiago

 

Os inculpados medievais polo delito de violación de mulleres son homes que pertencen a tódalas clases sociais, dende nobres ata servos e maníacos sexuais. Con todo, hai que suliñar un dato significativo, en canto á orixe social de moitos dos agresores: o abuso de autoridade e a violencia ética que entraña a existencia dunha relación social e mental de subordinación entre violador e violada, isto é, parentes, soldados, oficiais públicos e, sobre todo, señores1. O feito habitual de que nobres acusados, directa ou indirectamente, de violación adoiten selo asemade doutros delitos2, ponnos na pista da especialidade medieval en delitos de violación: o dereito de pernada. Uso e costume, segundo veremos, en determinados lugares e momentos da Idade Media, e simple forzamento de mulleres, visto desde a modernidade, e mesmo desde a propia Idade Media, o dereito de pernada préstase, logo, a unha cambiante representación social: institución feudal versus violación.

 

Os nobres, que impoñen o rito do acto sexual coas mulleres vasalas, fano desde o seu dobre poder de homes e señores, o cal obriganos a distinguir radicalmente o estudio da violación no feudalismo do estudio da violación noutros tipos de sociedade. Semella ser tradición admitida, máis ou menos ampliamente, este dereito feudal de que o señor se deitase coa noiva, na súa primeira noite de casada, como xesto de señoría. Conforme este costume perde consenso social, e os señores seguen esixindo -e practicando- a prestación corporal das mulleres, devén, xa no século XV, causa inmediata de revoltas antiseñoriais. O dereito medieval de pernada vai, polo tanto,  perdendo co tempo o terreo que gaña o dereito de revolta.

 

Indicios escritos

 

Non imos atopar demasiadas pegadas de ius primae noctis no dereito escrito: como uso concerne ó dereito consuetudinario3 e como abuso ó dereito de revolta, ambolos dous de expresión fundamentalmente oral4. A través do dereito de revolta, os vasalos contestaron o costume feudal da primeira noite, verténdoa así ó dereito escrito aplicado: a sentencia de Guadalupe, derrogando os malos usos e outros abusos persoais, promulgada por Fernando o Católico para Cataluña en 1486, é o exemplo máis notorio, segundo estudiaremos ó final deste traballo.

 

Claro que o silencio, pleno de significacións, da cultura letrada tout court sobre o dereito señorial de pernada, non é total. Alfonso X e a súa corte de xuristas, empeñados en substituir, na segunda metade do século XIII5, o dereito vello castelán, de matriz goda e localista, pola novidade europea, o dereito común romano-canónico, enfocan a violación como delito moi grave, reservando para si a súa punición  o Rei como caso de Corte. E, indirectamente, refírense ó dereito de pernada, cando fixan en quinientos soldos a multa a pagar en caso de que "alguu ome desonrrar nouho casando ou nouha en dia de voda6".  ¿Que home senón un que fose poderoso, e con ascendente sobre os noivos, pode impor tal aldraxe en tan sagrado día? ¿Non vén a sinalar este delito a posible vixencia, no século XIII, do ceremonial señorial de reservarse a primeira noite das súas vasalas casadas? ¿Non amosa a pena  prevista  o carácter especial de dita inxuria, pouco castigada para ser una violencia sexual e doadamente compensable cun desembolso económico fóra do alcance da xente cativa? ¿Non denota a indecisión lexislativa certa conivencia á hora de identificar ós, virtualmente, poderosos delincuentes? Indeterminación que resta credibilidade á esa decisión paralela de facer da "mujer forzada" un caso de Corte (1274). En troques, resulta patente que, aínda que con vacilacións, o novo dereito non gusta de favorecer ditos agravios sexuais "en dia de voda".

 

Outro indicio da existencia do costume feudal que nos ocupa: o clérigo que cometa pecado de "fornicio" cunha casada e virxe, "o que yogó con ella después de que ovo marido", séxalle retirado o oficio e mailo o beneficio (Partidas I, 5, 35)7. Non se fai aquí mención algunha ó emprego da forza, o que nos  achega ó problema do probable consentemento da recén casada, pero si queda clara á condición do virtual substituto de marido: un clérigo con cargo e beneficio, ou sexa, calquera pequeno, mediano ou grande señor eclesiástico. Non se castigan estas fornicacións como violacións -tampouco no caso anterior-, polo tanto son outra cousa: ben o rito da primeira noite, ben simples actos sexuais  por parte de señores eclesiásticos con casadas ou virxes, o que nos remite ó primeiro suposto, dado o estatus social dos beneficiarios8. Así mesmo, nos conducen ó dereito de pernada, as penas previstas: o clérigo perde a súa condición de señor (beneficio) e o seu estatus eclesiástico (oficio). Un escarmento maior que cando -nas Partidas- quen abusaba do poder era "alguu ome": o estado eclesiástico empeoraba as consecuencias de ditas prácticas sexuais.

 

O Carballotorto

 

A meirande parte das novas explícitas que manexamos sobre o dereito de pernada corresponden, ou teñen nelas a súa orixe última, a fontes orais de tipo xudicial, relacionadas case sempre con conflictos sociais e políticos e/ou coa cultura popular. Son os vasalos, na Baixa Idade Media9, quen, desde a tradición popular, oral e de revolta, desenmascaran o dereito de pernada como unha violación encoberta. Se ben, letrados de Corte primeiro e historiadores eclesiásticos despois, van converxer con esta presión desde abaixo, dando cabida na cultura savante a unha tradición oral antiseñorial que se formou, paseniñamente, desde finais do século XIV, ou antes.

 

En 1385, García Gómes, alcalde maior do reino de Galicia polo Rei de Castela, dicta a sentencia arbitral dun pleito, entre os campesiños de Aranga e o mosteiro de Sobrado, sobre señorío, rendas, xustiza e dereitos de vasalaxe: en favor da abadía en canto a propiedade e xurisdicción10, e en beneficio dos campesiños reconocéndolles usos como pacer o gando e cortar leña nas terras do couto, e eliminando outros constumes, denunciados como abusivos polos veciños, como cobrar maniñádego -o señor quedaba cos bens do difunto sen herdeiros- habendo descendencia, ou o mesmo dereito de pernada.

 

Oíamos ó representante do campesiños, Xoán Nieto: "me dijo e me querello", afirma perante o xuíz real, que "levaban los grangeros de Carballotorto sus mujeres contra su voluntad para facer fueros en la dicha granja, non sabian quales, e que los tenian allá dos o tres dias"11. Non fala claro Xoán Nieto -nunca se fala claro tocante ó dereito de pernada-, pero entender enténdese. A proba de que comprendimos ben, témola no ton do fallo que emite o oficial real: "E otrosí en razon de las mujeres que eran tenudas de ir servir duas vezes en el año al granjero de carballo tuerto en la manera que dicha es fallo que tal servicio é tal fuero que non es onesto e por mal desonestidad que se podria ende seguir mando que tal fuero que non se faga12". Nesta mostra do dereito aplicado, aínda que con sobrentendidos, substituíese o "non sabian quales" de Xoán Nieto, dos misteriosos servizos que as mulleres emprestaban ós do Carballotorto por un aberto "tal fuero non es onesto", aseveración que inculpa ó representante señorial, un clérigo granxeiro13 que, despois disto, terá que ser  nomeado, dise no dictame, mediante acordo do mosteiro cos campesiños: "quando y oviere de poner algun granjero que llamen y dos omes buenos de la dicha ribera que le tomen juramento que ben é verdadeiramente guardara e defender a los dichos omes de la dicha ribera (...) e se contra esto les pasare que le tiren la granja e pongan y otro"14. A autoridade real tenta dar cabo dunhas prácticas señoriais que, teóricamente, como vimos, o dereito legal viña condenando desde as Partidas e o Fuero Real: as medias tintas con que o dereito promulgado abordaba estos costumes sexuais desaparece, un século despois, no dereito aplicado por mor da revolta dos propios vasalos.

 

A imposición xudicial ó mosteiro dun dereito de veto dos vasalos sobre o seu administrador e cobrador de impostos no couto de Aranga, ademais de evidenciar a súa culpabilidade no asunto do sexo feudal, é un éxito característico do dereito de revolta, simbolizado aquí nese estraño ritual invertido do xuramento que, agora, ha de tomar o representante do señor ¡perante dous vasalos do couto! Como, nesta vez, a tradición oral éralles desfavorable (semellaba costume antiga que as mulleres fosen soas a prestar dito servicio á granxa), os campesiños buscan alicerce no dereito escrito e se dirixen ó alcalde real para que averigue en que documentos consta dita obriga15; quen fundamenta, precisamente, a súa sentencia contra o dereito de pernada en que "no fue mostrado ante mi carta nin privilegio ni recabdo cierto porque lo debiesen hacer16". Ratificamos, deste xeito, o carácter consuetudinario do dereito de pernada, neste caso a versión ampliada que se atribúe por tradición ós granxeiros de Carballotorto, parte e representante do señor colectivo que é a abadía de Sobrado. Fala  o portavoz campesiño Nieto de "sus mujeres", polo que é case seguro que, en primeiro lugar, se refire ás casadas, sendo  posible que dito servicio sexual principiara no día dos seus casamentos. Existe, por conseguinte, unha dobre ampliación do clásico dereito de pernada: no tempo, coa institucionalización periódica do tributo sexual como un foro máis que obrigaba ós vasalos; nos beneficiarios, pois non é o abade nin un granxeiro concreto, senón "los grangeros" -segundo o representante campesiño- quen satisfacen así os seus apetitos terreais17.  Esta pluraridade de persoas que, en nome do señor, parecen percibir este foro tan especial e a importancia aquí da motivación sexual, achéganos  ó fenomeno da dexeneración deste uso e costume, chegándose ó extremo dos alcaides e soldados das fortalezas que violan, sen máis, as mulleres da súa jurisdicción. Onde anteriormente había consentimento -antes da protesta de 1385, presúmese  que as mulleres prestaban pacíficamete o dito servicio-, haberá simple violencia sexual. Daquela, a resposta campesiña non se reducirá a poñer pleito ó señor, e entón, , tamén hai que dicilo, o señorío laico protagonizará principalmente o papel do malfeitor.

 

O dereito de pernada continuará vixente, aínda que impugnado, en Galicia, alomenos ata 1458 -segundo a documentación consultada18-, tanto na súa versión restrinxida e primixenia, señorial e nupcial, como na súa versión ampla, cada vez máis extendida e practicada polos delegados e soldados do señor os restantes días do ano. A noite de vodas, en todo caso, era o privilexio do amo. Ius primae noctis viña sendo un dereito persoal do señor a satisfacer na noite da voda; a súa emulación por parte dos axentes señoriais, á marxe do ritual do casamento, acabará por se diferenciar pouco da violación con abuso de autoridade, degradación final do dereito de pernada. O seu cambio de percepción como violación acompaña, na Baixa Idade Media, ó desprazamento da acción do señor ós seus subordinados.

 

O forzamento de mulleres do común por parte dos homes do señor, especialmente os que vivían en e das fortalezas, será un dos grandes tipos de agravios de desencadean a ira xusticeira e antiseñorial dos irmandiños en 146719. A propagación nos escalóns inferiores do poder señorial dun dereito de pernada en plena decadencia, incrementa tanto número de violacións coma a violencia con que estas se producen, ó medrar, asemade, a contestación dos vasalos contra dito uso metamorfoseado en abuso. O guerreiro do castelo, a diferencia dos nosos sutís granxeiros do Carballotorto, tomará sen máis, pola forza, á doncela que se atopa co gando no monte ou traballando as viñas, violándoa in situ: o revés do preciso ceremonial que fixa o rol sexual do señor como parte do ritual do casamento dunha parella de vasalos, ou do rito de ir ofrecer o tributo sexual determinados días ó ano como se dunha renda máis en especie, en diñeiro ou en traballo, se tratase.

 

Tamén na vila

 

O clima de polarización social e mental, na segunda metade do século XV, contribúe non pouco a sumar mulleres violadas ós múltiples agraviados do reino de Galicia. Aínda vinte anos despois da revolta irmandiña, en 1489, nun dos intentos máis serodios, e inútiles, de voltar á dourada situación anterior a 1467, Nuño Gómez de Puga, alcaide da fortaleza de Allariz por Juan Pimentel, irmán do conde de Benavente, é denunciado polos veciños da vila por ante a xustiza real, baixo a seguinte acusación, entre outras: "tenia consigo en la dicha fortaleza algunos criados e parientes suyos y les consentian que matasen ombres y llevasen mujeres casadas e que matasen despues aquellos que las llevaban a sus maridos e por aquella cabsa en la dicha villa de han desfecho ocho o nueve casas de oficiales"20. O señor aparece ante o pobo como responsable do que fan os seus homes, e estes precisan matar ós artesáns para levar as súas mulleres, proba da tremenda resistencia que, despois do levantamento xeral da Santa Irmandade, tiñan que afrontar os pequenos "señores" para seguir exercendo o dereito degradado de pernada, que, a estas alturas, insistimos, desaparecido todo asomo de consenso vasalático sobre el, posto en práctica por campesiños vestidos de soldados, respostaba a unha imaxe elemental de forzamento de muller que, a pesar diso, recordaba ó tributo do Carballotorto no de levar mulleres casadas da xurisdicción, neste caso urbana. Preguntámonos se nas vilas da Galicia medieval tamén se esixiu o dereito da pernada, ou se o caso de Allariz non é máis cun rebrote illado sen precedentes nos usos e costumes da cidade. Probablemente, o segundo; a temperán tradición de loita comunal, antiseñorial, das vilas galegas, nas que o dereito escrito tiña certa difusión, non facilitaba o uso do dereito do señor sobre as mulleres recén casadas.

 

¿Silencio cómplice?

 

Se hai un silencio sobre o dereito de pernada nas fontes escritas -que se convirte en ruído cando se degrada-, sobre todo nas de tipo legal, tampouco as fontes orais se libran totalmente da tendencia a ocultar as prácticas feudais do sexo, acabamos de velo no discurso dos campesiños de Aranga. É preciso interrogarse porque dito uso señorial entra con tanta frecuencia no terreo do non-dito, do que se fai pero non se di e menos aínda se escribe. Sabemos que os usos e costumes de transmisión oral raramente se transcriben. E que cando a difusión dun dos ditos foros puidera ser causa de mala fama (isto é, cando a ética social comeza a rexeitalo)  para o señor e para os vasalos implicados, tamén estes se repregan a certa cómplice intimidade que vela e enche de ambigüedades os feitos (as mulleres indo silenciosamente ó Carballotorto a non se sabe que servicio). ¿Garda isto algunha relación co silencio outorgante con que as mentalidades da época encubren a libre vida sexual de clérigos, e máis aínda de seglares, antes da reforma e do Concilio de Trento? É posible, pero precisamente as prácticas sexuais que se toleran non se ocultan. O encubremento é índice de mala conciencia e, no peor dos casos, de temor.

 

A privacidade da práctica da pernada sinala o grao do seu deterioro como dereito consuetudinario. Na súa orixe consiste na invasión pública, esixindo o seu dereito e exhibindo o seu poder, por parte do señor do corpo e da privacidade do espacio da muller, dos noivos e da casa familiar, o mesmo día e no mesmo lugar en que parentes e amigos e veciños se reunen para festexar o casamento e visitar ós recén casados. A clandestinidade converte o dereito señorial en aberta violación, en pecado contra a honestidade, en violencia privada con fins sexuais que calquera home, sexa vasalo sexa señor, podería exercer sobre una muller.

 

                Chega un momento en que, perdido todo sentido para a comunidade do ritual sexual da primeira noite, as mulleres e os vasalos se cadra asinten e calan por medo ó señor21, sinten impotencia fronte ó seu poder22, caen nun consenso fatalista que se resigna ás prestacións corporais e actúan, en casos extremos, co servilismo do bo vasalo que procura quedar ben co seu señor, prestándose ó uso da filla, irmá ou esposa como obxectos sexuais.

 

Non hai que esquencer que denunciar ó señor como presunto violador supón, ademais de desafiar a súa ira virtual -o que non estaba doadamente ó alcance dunha muller ou dunha familia individual23-, poñer en evidencia a deshonra da muller e da familia, e, aínda máis, a cobardía dos seus esposos, pais e irmáns... Misión imposible, fóra de conxunturas mentais de revolta. De feito, a práctica do dereito de pernada mingua consonte a mentalidade antiseñorial medra. Antes de que os vasalos tenten vivir sen señor24, esmorecerá o uso señorial da  pernada, ficando como sucedáneo a violación con abuso de poder, anque non por moito tempo.

 

Don Fadrique

 

Imos analizar de contado algúns casos moi sonados de grandes señores galegos e/ou casteláns (Fadrique Enríquez, Rodrigo de Luna, Fernán Gómez de Guzmán), que, ó longo do século XV, practicaron o dereito á primeira noite, seguindo fontes baseadas na oralidade, no rumor e no romance, vías case únicas para a comunicación de novas sobre tema tan particular e tan silenciado, e que afecta a xente tan poderosa: "e muchas cosas se callaron por algunos grandes varones que se dixeron por otros menores25". Gracias a que á outros señores, ó Rei -e ós seus cronistas-, ou ós mesmos vasalos, interesoulles a denuncia pública para ver de quitar o poder -e a vida, como en Fuenteovejuna26- ó grande malfeitor27 e, de paso, deixan constancia escrita de tamaña e segreda transgresión28. Cando se creba o silencio, dictado primeiro polo consenso e logo pola impunidade de uns e polo medo de outros, a derrota destes usos señoriais, máis ou menos deformados, será estrepitosa (1458, Santiago; 1467, Galicia; 1486, Cataluña). Entrementres, hai que ter claro que cando mellor podemos estudiar o dereito de pernada é cando está en crise: os documentos entón falan del.

 

De Fadrique Enríquez, conde de Trastámara, duque de Arjona, di un "Romance antiguo, que compusieron, diçiendo el Rey, de vos El Duque de Arjona, grandes querellas me dan, que esforçades las mujeres casadas y por casar", segundo recolle o nobiliario de Malaquías de la Vega contra 162529. Nobre de primeira orde na Galicia dos anos 20 do século XV, moi metido nas pugnas da Corte de Castela, morre Don Fadrique axustizado, en 1430, por orde de Juan II e do seu valido Álvaro de Luna. Os datos da tradición oral contemporánea de Don Fadrique sobre esta gran cabaleiro30, amigo de trovadores31, debuxan o perfil dun home adúltero, que maltrata á sua muller Aldonza de Mendoza, rouballe a súa dote e as súas alfaias, e tena durante dous anos en prisión32. A extrema violencia con que reacciona o duque ante a sospeita, ou a certeza, de que donas da súa corte señorial se deitan cun paxe33, e con dous abades34, é máis propia dun amante celoso que dun señor preocupado pola honestidade das damas de compañía da súa esposa35. En 1425, consegue Enríquez de Juan II carta de lexitimación para o seu bastardo Alfonso de Castro, "avido en Aldonça Alfonso de Orense mujer casada36", a quen nomea herdeiro do condado de Trastámara, disposición que non surtirá demasiado efecto a súa morte. Corroboramos pois a afición de Fadrique Enríquez ás "mujeres casadas", no caso que vimos de citar veciña dunha cidade sobre a que, por aqueles anos, o duque exercía de facto como gran e poderoso señor37. Así mesmo, hai evidencia de que as queixas das súas andanzas chegan ata o rei Juan II38. O partido deste, contrario do duque, aproveitará o argumento para desprestixialo cando, por razóns políticas, decide librarse de Don Fadrique mediante a prisión e a morte.

 

Malaquías de la Vega, querendo limpar a memoria do duque de Arjona, engade á letra do romance que o inculpa de forzar mulleres: "Ya se sabe, que no hacia el Duque semejantes delitos, sino un caballero, de su casa, que por librarse de la prision de las justiçias, de noche encubierto, deçia que era el Duque de Arjona y por esto se daban las quejas deses delitos, imponiendolos al Duque39". É dicir que se o forzador fose o propio duque, non se habería de preocupar das xustizas e da prisión: a impunidade característica do dereito de pernada; neste caso na súa versión ampla, igual que no Carballotorto, parece que afectaba sobre todo ás casadas40, sen suxeición ó rito nupcial (ou poida que si, non o sabemos) pero tampouco a un servicio periódico, semella que o duque as collía cando e como quería, de haber algo de certo no que se dicía de que andaba polas noites detrás das casadas e sen casar.

 

Fadrique Enríquez non semellaba precisar de substitutos en cuestión de perseguir mulleres. O cronista nobiliar enfronta así, ó romance antiseñorial, unha tradición oral contraria, exculpadora do cabaleiro logo axustizado polo Rei41; tradición que el mesmo reelabora, e tenta relanzar, co prestixio da cultura escrita.

 

Quizais, sen querelo, ratifica Malaquías a gravidade dos actos sexuais en cuestión, non son conquistas amorosas das que se poida fachendear un cabaleiro, son crímenes perpetrados "de noche encubierto" (segredismo do dereito de pernada na sua fase de decadencia) para "librarsse de la prision", que só poden seren executados por un alter ego, ese hipotético cabaleiro servidor que se disfrazaba de duque de Arjona...

 

Traspasar a un subordinado as feas responsabilidades do señor era, polo demais, algo normal. Xa dixemos que cando o dereito de pernada no século XV perde a roupaxe cerimonial e asume a imaxe da violación: son os axentes señoriais os maiores practicantes. Ambas cuestións recóllense na contra-tradición que quere impulsar o Malaquías de la Vega. Pero acaso haxa máis: un indicio esquizoide moi propio do outono medieval. O desdobramento inconsciente entre o bo cabaleiro e o cabaleiro malfeitor, o "outro" que de noite leva a cabo aquelas maldades que a boa conciencia nega de día42.

 

Tálamo arcebispal

 

Á caída en desgracia e axustizamento, en 1453, de Álvaro de Luna, enterrador do duque de Arjona, seguiu non moito despois, invertíndose os papeis, a do seu sobriño bastardo Rodrigo de Luna, arcebispo de Santiago, acusado en 1458 de practicar o dereito de pernada -como Don Fadrique pero, neste caso, no seu sentido máis estricto e ritual-, expulsado do seu señorío e morto en estrañas circunstancias en 1460. Dous anos despois de recibir un aviso da Corte para ir á guerra e para dar conta do seu comportamento persoal. Escribe o cronista Diego de Valera que Rodrigo, "fue llamado por el rey a causa de algunas ynformaciones que le fueron fechas de su desonesto vivir43". Aínda que noutros tipos de fontes non consta este segundo motivo da convocatoria do monarca.

 

Os documentos reais e eclesiásticos referidos ós feitos dos anos 1458-1460 en Santiago, falan de realidades terreais de guerra, obediencia e señorío, pero non de punición de prelados por pecados contra a honestidade. ¿Non era, por otra banda, costume xeralizado, no século XV, certa despreocupación dos clérigos, incluidos os arcebispos, en gardar votos de castidade e celibato? É no cadro da liberalidade medieval en canto a prácticas sexuais44 como hai que entender o dereito de pernada, rito sexual de vasalaxe avalado polo uso e o costume, o que presupón certo acordo das partes, garantido no caso de mala conciencia pola dobre moral da época baixomedieval, vixente sobre todo nos medios dirixentes, e polo silencio cómplice.

 

Rodrigo de Luna recibiu unha carta real, en marzo de 1458, para reunir o seu exército e acudir á guerra de Granada, mais negáronse a seguilo os cabaleiros feudatarios da Igrexa de Santiago, de xeito que estando o arcebispo fóra do seu señorío ó servicio do rei, rebeláronse contra el, uníndoselleles os veciños de Santiago e doutras cidades e lugares do arcebispado, e mesmo a maioría do cabido catedralicio. Consta que Enrique IV mandou chamar á Corte a ámbalas dúas partes, se ben mantivo, ata a morte do arcebispo en 1460, unha actitude dura e coherente de apoio (envía alí a Juan de Padilla para poñer orde) a Rodrigo de Luna ó fin de que recuperase o poder perdido (do honor non parece inquietarse moito), non mencionando nas súas cartas cominatorias ós concellos, cabaleiros e coengos rebeldes, para que obedezan ó arcebispo e acepten o seu señorío e lle paguen as rendas, nada sobre o presunto "desonesto vivir" do arcebispo45; o contrario sería dar argumentos ós revoltados: silencio cómplice do Rei.

 

Unha vez desaparecido Don Rodrigo, os rebeldes impoñen como novo arcebispo de Santiago, contra a opinión de Enrique IV que postulaba a Fonseca, a Luis Osorio, fillo do conde de Trastámara (xefe do bando nobiliar anti-Luna) e irmán dun Pedro Osorio que chegará a ser, en 1467, un afamado dirixente militar da revolta irmandiña contra Fonseca. As visitas a Roma de ámbalas dúas partes para conquerir o nomeamento pontificio, ben para Luis Osorio, arcebispo de feito, ben para Alonso de Fonseca, quen ó cabo desprazará ó primeiro pola vía das armas, propagou con toda probabilidade na corte de Pío II o rumor dos malos feitos de Rodrigo de Luna e o inevitable desmentido do bachaler Diego de Castro defensor do arcebispo desterrado46.

 

Antonio López Ferreiro, historiador e coengo, que recoñece como verosímil o mal vivir que se decía de Don Rodrigo47, non obstante, pregúntase: "¿Qué se hizo, pues, de los capítulos de acusación presentados contra D. Rodrigo, y en particular del principal? En ninguno de los documentos coetáneos que acabamos de recorrer (...) se halla el menor indicio de lo que a nuestro Prelado se atribuye48". O silencio documental nos arquivos catedralicio e arcebispal é tan espeso que revela ben o delito segredo, posto que tampouco se argumenta nada contra o rumor  na corte de Castela que recolle Diego de Valera. Ten a súa lóxica que nos propios documentos do arcebispado, emitidos cando o presunto implicado gobernaba, non se atopen mencións a súa inculpación moral, o mesmo que nas cartas do seu amigo e protector o rei Enrique IV. Toda publicidade do caso debilitaba a loita por repoñer a Rodrigo de Luna na cadeira arcebispal. Os graves problemas sociais suscitados pola insumisión xeral de vasalos da Terra de Santiago, relegaban ademáis a un segundo plano toda outra consideración, sobre todo moral. A "torpeza" de Don Rodrigo que contribuira altamente a desencadear a rebelión que o levou ó exilio, era, no mellor dos casos, un mal pasado que non tiña remedio.

 

A evidencia de orixe oral dos cronistas ven a substituir o silencio da evidencia escrita dos notarios arcebispais e reais. Diego de Valera, con moi poucas simpatías por Enrique IV e polo sobriño de Álvaro de Luna, afastado do contorno real por aqueles anos49, aínda que testemuña directa da política cortesana (morre en 1487), está moi interesado en poñer por escrito as "ynformaciones" (con toda seguridad verbales), sobre o arcebispo deshonesto de Santiago, que os cabaleiros contrarios fixeron chegar ó Rei e espeta na súa crónica: "Y entre otras cosas asaz feas que este arçobispo avia cometido, acaescio que estando una novia en el tálamo para celebrar las vodas con su marido, el la mando tomar y la tuvo consigo toda una noche50".

 

Unha boa aproximación á práctica ritual do dereito de pernada esta descripción ofrecida por Valera. Tálamo significa "el aposento donde los novios celebran sus bodas y reciben las visitas y los parabienes" e/ou "la cama de los mismos novios51". Parece ser que o axente señorial chega no momento das visitas, xusto antes de que se consuma en privado o matrimonio, e públicamente lévase á noiva por orde do arcebispo sen aparente impedimento, facendo valer a autoridade que representa e, sen dúbida, o peso dun antigo costume; ven sendo o heraldo que anuncia o comezo do ritual. Non se trata dun rapto furtivo a man armada con ulterior fuxida: non é un rapto con fins sexuais. Tampouco unha simple violación, onde a forza bruta e as ameazas físicas o son todo52. Aquí o decisivo é a coacción moral... fundamentada na tradición. O poder señorial "manda", "toma", "tiene consigo" -segundo o relato do cronista- perante todos, como quen fai uso dun dereito lexítimo que só hai que reclamar. Se o apremio era necesario para o cobro dos dereitos señoriais53, canto máis para requerir un tributo corporal desas características: "toda una noche". O acto sexual non se nomea, sobreenténdese, ata pode que non tivese lugar, o realmente importante é que a cerimonia chegou á súa conclusión pois "la tuvo consigo toda una noche" -ius primae noctis-, e que o señor sustituiu ao marido na noite de vodas, consumindo no seu lugar o matrimonio. E chegamos deste xeito ó fondo do problema, principalmente simbólico. Mediante o rito de pasar coa noiva a primeira noite o señor significa e ensina, símbolo e pedagoxía, a preeminencia do seu poder sobre a nova relación, tamén de poder, que se constitúe nese intre: a familia conxugal. A muller ten que obedecer ó marido, pero non despois de obedecer ó señor, serva do señor antes que esposa, ó igual que o marido, que consentindo en ser substituído a noite de vodas, amosa ser antes vasalo que esposo, e asi os demáis homes da casa, pai e irmáns. Todos pasaron ou terán que pasar con dor pola mesma aprendizaxe: o poder do cabeza de familia é subsidiario do poder do señor, o señor é a única e máxima fonte do poder. Discurso imaxinario e conductual que choca, naturalmente, coas pretensións eclesiásticas de facer do matrimonio un lazo sacramental, polo que dificilmente a Igrexa como institución puido avaliar o dereito de pernada, anque probablemente o tolerou como tolerou os matrimonios clandestinos ou a sexualidade dos clérigos e das propias xerarquías eclesiásticas.

 

Pero voltemos ó fío da narración de Diego de Valera, que despois de describir a posta en escena señorial na noite de vodas, reseña a revolta, que adiviñamos coa súa dimensión xusticeira, dos cabaleiros, facendo fincapé na falla de resposta do Rei, na súa alta responsabilidade en todo o asunto: "Y como desto se querellasen al rey, y como ya fuese ynformado de su desonesto vivir, no se dio a ello ningún remedio, de que se siguiesen grandes daños, muertes y robos en aquel reyno de Galicia54". Esta relación causa-efecto, que tan ben establece o testimuña Valera desde a Corte, entre a deshonesto vivir  de Rodrigo de Luna e o desorde posterior, ou sexa, entre o rito arcebispal da pernada  e a revolta de tódolos feudatarios -fidalgos e plebeios- da Igrexa de Santiago, xunto coa hipersensibilidade fronte ós agravios señoriais que sabemos existía na Galicia pre-irmandiña e moi particularmente na Terra de Santiago cara a 145855, da coherencia ó conxunto dos datos coñecidos sobre a caída do arcebispo Don Rodrigo, alén dos silencios e das ambiguedades das fontes, proba como o dereito de pernada transformouse converte agora no agravio da pernada.

 

Remata o capítulo do Memorial de diversas hazañas remachado o autor que nunca máis Rodrigo de Luna recuperou o arcebispado: "y asi murio derramado y pobre, por sus grandes culpas y deméritos"56. A loita polo poder na Corte favorece, no caso de Rodrigo de Luna, a ruptura do silencio cómplice e o salto dos datos  da tradición oral á tradición culta.

 

Galíndez de Carvajal, cronista e conselleiro dos Reis Católicos e maís de Carlos V, copia literalmente de Valera o relato de como o arcebispo tomou á noiva57, insiste en que foi chamado Rodrigo de Luna por Enrique IV, ó obxecto de "ponerse medio e dar orden de los grandes males que del se dezian", sendo despois o propio arcebispo, coñecida a revolta en Santiago, quen presenta a súa vez queixas ó Rei, "Desta nueva el rey ovo asaz enojo", con todo -di o cronista- non se move con prontitude en favor do deposto arcebispo de Santiago a causa do malestar que lle produciran as novas das súas deshonestidades58. Non foi así, as fontes documentais desminten á fonte narrativa: a resposta de Enrique IV en favor de Rodrigo de Luna contra os cabaleiros rebeldes foi incondicional e fulminante59, e nada fixo o Rei en relación coa acusación puntual do rito sexual coa rapaza tirada do tálamo familiar. Enrique IV non era precisamente un Rei que destacara persoalmente pola súa inquietude xusticeira en relación con mulleres forzadas60, por moito que a mellor intención de Galíndez ennobleza a súa reacción no caso que nos ocupa61. En xeral, Galíndez tende a moderar os xuizos apaixoados sobre os pasados reis; como xurista destacado -oídor da Chancelería de Valladolid desde 1499, ós 27 anos- e defensor da institución monárquica, molestaríalle sen dúbida que o Rei non tivera feito xustiza severa nunha cuestión tan grave como a cuaseviolación perpetrada por un arcebispo62. De novo a converxencia, característica da Baixa Idade Media, entre a tradición oral de revolta -que recollera Valera- e o dereito escrito cortesano que representa o xurista Galíndez, o cal retoca a dita tradición para axeitala as súas concepcións monárquicas de letrado.

 

A tradición letrada sobre o arcebispo de Santiago presunto violador de doncelas recén casadas, iniciada por Valera non moito despois dos feitos, bebendo das fontes da oralidade e da revolta, pasa, cara a segunda metade do século XVI, á tradición eclesiástica postridentina. Os historiadores eclesiásticos da contrarreforma transmítenos o xuizo moral e político máis radical sobre o asunto de Don Rodrigo63: dan claramente a razón ós vasalos rebeldes e fan de Rodrigo de Luna un contramodelo de prelado cristián, seguindo polo regular a Valera tocante á narración da acusación central, voltando así, dalgún xeito, á tradición oral difundida primixeniamente desde Galicia.

 

O Padre Mariana, en 1601, escribe: "en especial era grande la disolución de los eclesiásticos; á la verdad se halla que por este tiempo don Rodrigo de Luna, arzobispo de Santiago, de las mismas bodas y fiestas arrebató una moza que se velaba, para usar della mal; grande maldad y causa de alborotarse los naturales debajo de la conducta de don Luis Osorio, hijo del Conde de Trastámara. En enmienda de caso tan atroz despojaron aquel hombre tan facineroso y malvado de su silla y de todos sus bienes; lo que le quedó de la vida pasó en probreza y torpezas, aborrecido de todos por sus vicios y infame por aquel exceso tan feo64". A mesma relación entre dereito señorial á primeira noite e revolta  que establece Valera, máis unha valoración ético-relixiosa que no momento dos feitos tamén debeu estar presente.

 

En 1645, Gil González Dávila, dominico e cronista real desde 1612, empeza por acusar a Álvaro de Luna de conceder, nepóticamente, dignidades eclesiásticas a "personas indignas" e pon de exemplo "a Don Rodrigo de Luna su sobrino, que estudiava Gramatica en la ciudad de Avila, le hizo dar el Arçobispado de Santiago, con escandalo del Reyno"65, e, seguindo a outro historiador eclesiástico de mediados do século XVI66, engade: "vivio como quiso, con deshonor de su Dignidad, y persona. Dice san Juan Crisostomo, que el que no estima la fama de su nombre es cruel, y capital enemigo de su alma. El Rey don Henrique le mandó venir a su Corte para ponerle en razon...67". Lava a imaxe do rei Enrique -ó xeito de Galíndez- sacrificando a sona e a alma de aquel Don Rodrigo que aprendeu na súa propia carne que os tempos e os dereitos feudais xenuinamente  medievais estaban chegando á súa fin.

 

Co affaire de Rodrigo de Luna conclúen as nosas referencias documentadas das prácticas por parte de grandes señores do dereito de pernada en Galicia; á altura do ano 1458 dito uso ritual perdera xa toda traza de consenso social, voltábase en contra do poder señorial. Entre 1458 e 1467, non atopamos pegadas que impliquen a grandes señores en delitos que poideran parangonarse con violacións, malia ó importante número de agravios señoriais que temos recollido nas declaracións orais das testemuñas do pleito Tabera-Fonseca, quenes non pasarían por alto calquera nova sobre grandes cabaleiros ou prelados violadores. Ó estoupar en 1467 a sublevación irmandiña o dereito de pernada, no seu sentido orixinal, propiamente feudal, era xa auga pasada como práctica social. Proba indirecta tamén do tremendo eco popular que tivo que preceder e seguir á desposesión de Rodrigo de Luna, acusado de forzamento ritual.

 

Non dispomos de listas de agravios dos rebeldes da cidade e Terra de Santiago contra Rodrigo de Luna: coñecemos as súas opinións máis ben a través das fontes adversas, documentos reais e arcebispais. A irmandade e confederación dos veciños de Santiago, Noia e Muros cos cabaleiros para a mutua defensa, asinada o 7 de xuño de 1458, é un pacto bilateral escrito que,  casemente, só se refire o inimigo común, o arcebispo Rodrigo de Luna, para acordar que "prometemos de non faser pas ni concordia con el arçobispo de Santiago"68. Nin rastro dos motivos concretos desencadeantes da revolta69. A nosa investigación sobre os levantamentos baixomedievais, na segunda mitade do século XV, ensinouos que, a diferencia do pleito legal, onde se presentan desde o primeiro momento cuestións de rendas, señorío e xurisdicción, a revolta armada estoupa como indignación colectiva ante un(s) agravio(s) intolerable(s), estabilizándose máis ou menos axiña como protesta social e económica70. Soamente unha mentalidade xusticeira moi asentada puido transformar, en xuño de 1458, a revolta nobiliaria contra Rodrigo de Luna  en, ademais, unha revolta popular e mesmo clerical71, cimentando no sentimento colectivo de agravio unha dispar, conxuntural pero triunfal alianza de cabaleiros, cidadáns e coengos contra o arcebispo de Santiago.

 

A condición eclesiástica de Don Rodrigo intensificou, con toda probabilidade, ante o pobo cristián, a representación agraviante da práctica señorial da pernada. Por moito menos puxeron o berro no ceo, en 1456, os feligreses das parroquias de Betanzos ó protestar porque as ofrendas que facían os días festivos para a "Redención de sus animas y de sus difuntos (...) son osorpadas et apropiadas al uso et comunicacion de los usos umanos", tendo o arcebispo Rodrigo de Luna que ceder ós parrocos o seu cobro: "para evitar el escandalo et mormuracion entre los parrochianos et feligreses de las dichas iglesia"72. Así de temible podía ser o efecto do rumor daquela. Imaxinémonos agora o escándalo colectivo producido ó coñecer estes e outros parroquianos do arcebispado a nova da "cosa asaz fea" que Valera recollerá  de viva voz na Corte de Castela. Non é estraño  que os nobres, os cidadáns do concello e os coengos do cabido (e despois deles os inemigos de Don Rodrigo e do seu tío, recén executado, na Corte), consideraran que os tempos eran chegados para actuar e presentar cadansúas reivindicacións pendentes, aproveitandoa vulnerabilidade do outrora todopoderoso arcebispo.

 

Fuenteovejuna

 

A función do dereito de pernada como detonante -agravio intolerable- dunha revolta social está aínda máis clara na documentación do levantamento de Fuenteovejuna en 1476 contra o seu señor, o comendador da Orde de Calatrava, monxe e soldado, Fernán Gómez de Guzmán: "hizo tantos y tan graves agravios a los vezinos de aquel pueblo, que no pudiendo ya sufrirlos ni disimularlos, determinaron todos, de un consentimiento y voluntad, alzarse contra el y matarle". O texto é de Francisco Rades de Andrada, cronista da Orde73, que é quen traslada con maior fidelidade a realidade histórica, e polo tanto a tradición oral, da revolta á cultura escrita74, dando lugar posteriormente a unha rutilante tradición literaria que ten o seu máximo expoñente na famosa comedia de Lope de Vega.

 

Xa en 1477 Alonso de Palencia recollera oralmente na súa crónica real, coa clara intención de defender ó comendador e de dar pulo á tradición contraria (tentativa fracasada a medio e longo prazo), a sensación de intolerabilidade dos veciños: "Para disculpar de algún modo sus crímenes, acusaron al difunto de torpezas y corrompidas costumbres; pidieron volver al señorío de Córdoba y avisaron al Rey que los habían cometido por no ser más tiempo víctimas de maldades que ningun hombre libre podia tolerar75". A parcialidade de Palencia coártao para explicitar o carácter sexual do agravio -silencio cómplice-, con todo aporta matices que apuntan ó dereito de pernada: "torpezas y corrompidas costumbres" que ningún home libre podía tolerar, escribe transmitíndonos deste xeito unha opinión popular que Rades, segundo veremos logo, explicita mellor como forzamentos de mulleres, consecuencias da corrupción dun constume, o dereito de pernada, que se converte en "torpeza" na segunda mitade de século XV. A caída do comendador Fernán Gómez en  1476 equivale para Castela, o que a caída de Rodrigo de Luna en 1458 para Galicia  ou a sentencia de Guadalupe en 1486 para Cataluña: o canto do cisne do dereito feudal de pernada.

Como o benintencionado clérigo Rui Vázquez no caso de Rodrigo de Luna, opón Palencia, á motivación xusticeiro-insurreccional, a reivindicación económica antiseñorial -sen dúbida omnipresente- para explicar a sublevación, sempre menos perigosa que a temible impugnación moral colectiva: "La única queja del vecindario parecía ser el aumento de pechos por causa de las rentas anuales. Y este fue el pretexto para la conjuración"76. Enténdese que a xustificación antiagravio dos protagonistas é, segundo Palencia, improvisada a posteriori. A verdade é que a formación de mentalidade de revolta en Fuenteovejuna é un caso máis da función detonante dos agravios no estoupido das revoltas medievais; ó raro sería o contrario: unha revolta violenta antiseñorial sen motivacións xusticeiras, éticas.

 

Rades de Andrada fala con máis transparencia do "mal tratamiento a sus vasallos" que inflinxía o señor de Fuenteovejuna: "Ultra desto el mismo comendador Mayor avía hecho grandes agravios y deshonras a los de la villa, tomándoles por fuerza sus hijas y mujeres, e robándoles sus haziendas para sustentar aquellos soldados que tenía"77. Aínda que non aporta detalles de cómo tiveran lugar as tomas de mulleres, e ata que punto seguía ou non o señor de Fuenteovejuna o ritual tradicional de tomar posesión dos seus corpos na primeira noite de casadas (dúbidas que tamén tíñamos no caso de duque de Arjona). Sen máis datos, o único que diferencia as supostas violacións perpetradas polo comendador das violacións comúns, é a súa identidade señorial, o abuso de poder que supón -o dereito de pernada no sentido amplo-, o que non debía de ser pouca cousa: costoulle a vida. É o único dos casos de serodia aplicación do dereito de pernada que coñecemos no que a contestación dos vasalos non para ata acadar o axustizamento encarnizado do señor78.

 

Cataluña, abolición

 

Catro circunstancias que concorren na Cataluña da segunda metade do século XV, rompen o acostumado silencio temeroso e/ou cómplice sobre o dereito de pernada que, durante o mesmo periodo, temos detectado en Galicia e Castela, e que nos obrigou a rastrexar ó xeito dos arqueólogos a documentación savante na procura dos restos deste dereito señorial consuetudinario de expresión oral.

 

Primeiro, a supervivencia en Cataluña da servidume persoal, provocou de certo unha maior vixencia no tempo e no espacio do dereito feudal á primeira noite dos recén casados.

 

Segundo, a experimentada organización sindical e a loita dos payeses de remensa permiten dispor de testemuñas directas campesiñas, así como de listas elaboradas por eles mesmos coas súas reivindicacións.

 

Terceiro, a tendencia negociadora e arbitral da monarquía (sentencia de Guadalupe de 1486) e aínda da nobreza (proxecto de concordia de 1462), fai posible unha expresión legal e escrita, como parte do novo dereito escrito e promulgado, do punto de vista campesiño.

 

Cuarto, a abolición das remensas, dos malos usos, do dereito de pernada e doutros abusos persoais. Dispomos, gracias a esta victoria campesiña, da máis clara transcripción do ritual sexual señorial da noite de vodas.

 

Lemos na sentencia de Guadalupe: "ni tampoco puedan [os señores] la primera noche quel pages prende mujer dormir con ella o en señal de senyoria la noche de las bodas de que la mujer sera echada en la cama pasar encima de aquella sobre la dicha mujer"79. A primeira parte é diáfana, ¿que pretenden algúns señores cataláns80?: ius primae noctis. O verbo "prender", no sentido de privar de libertade81, connota o obxectivo que subxace no acto matrimonial de sumisión da muller (nomeada polo seu sexo) ó home payés (nomeado pola súa categoría social, que o elevou a interlocutor do Rei), acto de soberanía que o señor interrumpe, momentáneamente, para, substituíndo ó marido, poñer en evidencia a precedencia do seu poder. A proba de que a importancia do cerimonial consuetudinario é sobre todo simbólica, está na segunda parte, onde se desvela alternativamente unha variante moderada, sen penetración, que deixa a salvo o ritual de poder: bótase á moza sobre a cama e o señor pasa por "encima" dela "en señal de senyoria"82.

 

A diferencia entre dereito de pernada e unha violación simple, ademais da relación social e de poder que existe entre os protagonistas, reside en que os xestos e os significados son, de primeiras, máis importantes que o mesmo acto sexual. Pero este, ademais do que poida supoñer como desafogo sexual e sensación de poder para o señor violador, non está exento do seu propio imaxinario. Nos rituais feudais de toma de posesión adoita colocarse "encima" do posuído a representación do posuidor, pero tamén, tratándose de casas e fortalezas, entra e sae o posuidor no edificio posuído "en señal de señorío". Temos motivos para pensar que a misoxinia da época non tiña á muller en mellor consideración que ós obxectos materiais referidos. O ritual señorial máis efectivo e pedagóxico, na noite de vodas, sería pois: deitarse coa noiva virxe. O dereito pleno de pernada comprende entón necesariamente a violación da recén casada polo seu señor feudal. Conforme a promoción real e imaxinaria da muller, e a loita xeral contra as prestacións corporais e o omnímodo poder señorial, avanza durante a Baixa Idade Media, ius primae noctis vai malogrando a súa aceptación como rito feudal, quedando pouco a pouco reducido nas mentalidades colectivas á violación que se perpetra en calquera momento e lugar contra mulleres doncelas, casadas, viuvas ou relixiosas. Entre a admisión do rito e a resistencia á violación transcurren varios séculos: os que precisan a miúdo os homes para desprenderse do cárcere do seu imaxinario social, froito último -ou primeiro, segundo se mire- das súas condicións de producción e existencia.

 

                Ó final, o dereito de pernada, residual na súa aplicación, xa non interesa a ninguén. Argumentan, moral e prácticamente, sobre a súa "infructuosidade", os campesiños remensas, en 1462, para convencer ós señores de que renuncien a dito costume ritual: "e com aço [esto] sia infructuos al senyor e gran subiugatio al pages, mal eximpli e occasio de mal"83. Ó que respostan os nobres por partes: ratifícanse en que nada diso está xa vixente no Principado (recoñecen, por conseguinte, o seu carácter tradicional), o cal seguramente viñan repetindo fronte ás acusacións campesiñas84, para contradecirse de contado -como xa fixeran na concordia de 146285- e aceptar a anulación da servidume da primeira noite convindo cos payeses no motivo: por ser cosa "molt iniusta e desonesta"86.

 



* Versións anteriores: "Rito y violación: derecho de pernada en la Baja Edad Media", Primeras Jornadas de Historia de las Mujeres, Luján (Argentina), 28-29 de agosto de 1991; "Rito y violación: derecho de pernada en la Baja Edad Media", Historia Social, Valencia, nº 16, primavera-verano 1993, pp. 3-17; "Rito e violación: dereito de pernada na Baixa Idade Media", Revista de História das Ideias, Coimbra, vol. 15, 1993, pp. 31-52.

1 A. PORTEAU-BITKER, "La justice laïque et le viol au Moyen Age", Revue historique de droit français et étranger, nº 3,  1988, pp. 499-504.; B. S. ANDERSON, J. P. ZINSSER, Historia de las mujeres: una historia propia, I, Barcelona, 1991, pp. 140-142, 301, 462.

2 C. BARROS, Mentalidad justiciera de los irmandiños, siglo XV, Madrid, 1990, pp. 204-205; A. PORTEAU-BITKER, op. cit., p. 502.

3 M. ALBISTUR, D. ARMOGATHE, Histoire du féminisme français, 1, Cher, 1977, p. 47.

4 Esta falla de novas lexislativas alentou e alenta dúbidas, na nosa opinión infundadas, sobre a existencia real do dereito de pernada na época medieval, con independencia do ulterior proceso  de mitificación; unha excelente representación da posición contraria á que nós sostemos: Alain BOUREAU, Le droit de cuissage. La fabrication d’une mythe (XIIIe-XXe siècle), París, 1995.

5 Cousa que non se consigue ata, ó menos, pasado un século, o cal  quere dicir que as medidas legais alfonsinas que podían prexudicar a práctica do dereito da pernada non terán, polo momento, grandes consecuencias nos feitos.

6 Fuero real, ed. de AZEVEDO FERREIRA, Braga, 1982, p. 164;  o presunto desvirgamento da noiva  era tamén unha deshonra para o seu noivo.

7 Edición de J.A. ARIAS BONET, Valladolid, 1975, p. 89.

8 Nun sentido estricto, o dereito de pernada equivale ó dereito á primeira noite; nun sentido máis amplo, cómpre considerar así mesmo dereito de pernada cando un señor -grande ou pequeno, laico ou clérigo- se deita cunha vasala -casada ou solteira; o día da voda, ou antes, ou despois- facendo valer a súa condición social, con ou sen o consentemento da muller.

9 Paralelamente á difusión e posta en práctica do dereito común.

10 En 1349, o adiantado maior do Rei xa pronunciara outra sentencia contra os mesmos campesiños, que non compareceran ó xuízo e víñanse negando a acatar o señorío de Sobrado e a lles pagar determinadas rendas, publica M. C. PALLARES, El monasterio de Sobrado: un ejemplo de protagonismo monástico en la Galicia Medieval, A Coruña, 1979, pp. 326-329.

11 Publica B. VICETTO, Historia de Galicia, VI, Ferrol, 1872, p. 57.

12 ibídem, p. 62.

13 Membro, con toda seguridade, da comunidade relixiosa de Sobrado, monxe ou irmán converso, véxase M. C. PALLARES, op. cit., pp. 193-194; non nos estraña que no pleito non se faga referencia á condición eclesiástica do representante monacal, neses tempos predominaba unha actitude tolerante cara a vida sexual do clero.

14 B. VICETTO, op. cit.,  p. 63.

15 e que me pedian que yo que sopiese por los dichos previlegios o por quantas partes pudiese, quales fueros eran tenidos a facer los dichos omes de Aranga e que ellos lo farian, ídem, p. 57.

16 ídem, p. 62.

17 Cando menos o sustantivo plural fai referencia á sucesión temporal dos perceptores destes servicios sexuais establecidos polo costume; non descartamos, con todo, que, vista a grande afluencia de mulleres (semella afectar este uso a tódalas mulleres dos campesiños do couto, que ían á granxa varios días e dúas veces ó ano), fosen varios os monxes e/ou os conversos que cobraban dito "dereito" naquela granxa, habería que saber se rexía ou non esta renda feudal nas restantes granxas de Sobrado.

18 A meirande parte da documentación publicada, desde finais do século XIV ata principios de século XVI, e bastantes fontes de arquivos municipais, eclesiásticos, reais e nobiliarios.

19 Mentalidad justiciera, p. 203.

20 Arquivo de Simancas, Rexistro Xeral do Selo, II-1489, fol. 172.

21 Cando o violador é un axente señorial, o temor é máis físico, menos complicado, e, por parte da familia da víctima, máis sinxelo o proceso de equiparación mental e legal a un malfeitor común.

22 B. S. ANDERSON, J. P. ZINSSER, op. cit, p. 140; impotencia feminina tamén fronte ó poder dos homes da súa familia que -¿podemos dubidalo?- se aviñan máis fácilmente que as víctimas a pagar sen rechistar o tributo corporal.

23 A maior parte das denuncias por violación contra axentes señoriais que atopamos son colectivas.

24 Remitimos ó lector ó derradeiro ensaio deste libro (II.4).

25 D. VALERA, Prosistas castellanos del siglo XV, I, BAE nº 116, Madrid, 1959, p. 9.

26 Tamén os outros nobres estudiamos, o duque de Arjona e Rodrigo de Luna, tiveron un final violento, xustificado nas mentalidades colectivas polas acusacións de violadores feudais, para quen a morte era, en teoría ó menos, pena obrigada segundo.

27 Sen desbotar teóricamente a eventualidade dunha falsa acusación; se ben nos casos estudiados  demos por suficientemente probadas, logo de examinar e contrastar fontes, as actuacións sexuais señoriais que deron orixe ós escándalos.

28 ¿Non era o segredo medieval  a compaña habitual da mala conciencia e das malas obras?

29 Chronología de los jueces de Castilla, BN ms. 19. 418, fol. 321; dato oral por partida dobre: por ser un romance e por iniciar a nova cun diçiendo el Rey.

30 Armou cabaleiro no Bierzo a Diego Pazos de Probén, o infante vingador, conforme vimos no capítulo anterior.

31 Plógole mucho la sciencia del trovar y gusto de tener en su casa grandes trovadores (Marqués de Santillana), citado por A. LÓPEZ FERREIRO, Historia de la S. A. M. Iglesia de Santiago, VII, Santiago, 1983, p. 44.

32 Segundo información verbal de testemuñas recollida en 1443, Arquivo do Duque de Alba, C-85-1.

33 Mandou botar da torre abaixo a un paxe do que sospeitaba -demostrouse que sen razón- dormia con las damas, "1480, información de hidalguía de López de Marceo", Boletín del Museo Arqueológico de Orense, VI, 1950-1, p. 116.

34 Testemuña un clérigo que o duque derrubou a fortaleza de Marceo: por dous abades que lle durmian con las damas e acolléronse a la fortaleza, ídem, p. 118.

35 É perfectamente compatible, desde a subxectividade do cabaleiro, contemplar como lexítima e ata honesta, a relación sexual do señor coas súas mulleres dependentes (dereito de pernada) e como algo deshonesto se elas fan o mesmo con outros homes; o honor é unha cuestión de posesión.

36 Chronología de los jueces de Castilla, fol. 308.

37 En 1426, o alcalde do duque confirma unha sentencia por homicidio dada polo concello de Ourense, publica X. FERRO COUSELO, A vida e a fala dos devanceiros, Vigo, 1967, pp. 119-123.

38 Despois de derrubar Marceo, so pretexto de que alí se tiñan acollidos ós monxes que se deitaran coas súas damas, o seu agraviado dono, foise queixar al rey por la fortaleza e logo el duque foi citado a corte por aquelo e por al, "1480, información de hidalguía...", p. 117.

39 Chronología de los jueces de Castilla, fol. 321; segue escribindo o noso autor que en negoçio de haçiendas no se sabe las tomasse a nadie, como se este fose o delito que habería que considerar máis que iso de levar mulleres, sempre, a posteriori, susceptible dunha disculpa donjuanesca: Don Fadrique pasó a la historia como un audaz conquistador de emblecas, es decir, de mujeres casadas, J. GARCÍA ORO, La nobleza gallega en el siglo XV, Santiago, 1981, p. 39.

40 Véxase a nota anterior.

41 O mellor exemplo galego: a tradición oral en defensa do Mariscal Pardo de Cela, axustizado tamén,  en 1483, polo gobernador dos Reis Católicos.

42 As raíces culturais do mito literario de Stevenson sobre o Doctor Jekyll e Mister Hyde (1866) son máis antigas do que puidera crerse.

43 Memorial de diversas hazañas, Madrid, 1941, pp. 52-53.

44 A visibilidade, familiaridade e liberdade para o sexo perduran ata o século XVII, segundo M. FOUCAULT, Historia de la sexualidad, 1, Madrid, 1987, pp. 9 ss.

45 Véxanse os documentos do arcebispo Rodrigo de Luna do Arquivo da Catedral de Santiago publicados por A. López Ferreiro en dúas obras: Historia de la S. A. M. Iglesia de Santiago, VII, pp. 219ss.; Apéndice, pp. 115-123; e  Don Rodrigo de Luna, Santiago, 1884, pp. 31ss.; e, sobre todo, as cartas de Enrique IV dos anos 1458-1460  conservadas no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago, leg. 21, fols. 45r, 51r, 60r, 66r, 72r, 73r, 73v, 78r, 84r, 86r, 89r, 93r, 95r, 96r, 101r, 103v, 107r-109r, 112r-126r, 134r-135r.

46 A. LÓPEZ FERREIRO, Historia, VII, p. 242; Apéndice, p. 129.

47 No es intrinsecamente imposible que Don Rodrigo hubiese cometido las torpezas que se le achacan y que hubiese tenido el fin que se le supone. Don Rodrigo de Luna, p. 6.

48 ídem, p. 57.

49 Aliñado cos nobres que encetaban a conspirar contra Enrique IV, Diego de Valera escribe ó Rei, en 1462, dándolle uns consellos que, en realidade, son acusacións: que se concedía dignidades eclesiásticas a onbres indinos, no mirando servicios, virtudes, linages, ciencias; que se muchas cosas se callaron por algunos grandes varones que se dixeron por otros menores. Silencio cómplice que o asinante rompe, no caso de Rodrigo de Luna, ameazando indirectamente a Enrique IV, pois de seguido, Valera, agora con toda a intención intimidatoria, pasa revista ós reis e papas que foron depostos, e incluso mortos, por manos de sus vasallos, por su mala governación, e remata a epístola aconsellando ó Rei: conviene tomar los caminos contrarios de los que fasta aqui llevastes, Prosistas castellanos del siglo XV, Madrid, 1959, pp. 8-9.

50 Memorial, p. 53.

51 S. COVARRUBIAS, Tesoro de la lengua castellana o española (1611), Madrid, 1984, p. 951; A. PALENCIA, Universal Vocabulario (1498), Madrid, 1957, p. 181.

52 Con toda probabilidade, a violación producese logo, nos aposentos do arcebispo, no tálamo señorial.

53 Na revolta que seguiu a estes feitos, os vasalos negáronse a pagarlle nada ó arcebispo,  e sustraíronse totalmente da súa xurisdicción, AHDS, leg. 21, fols. 45-135.

54 Memorial, p. 53; o cronista fálanos de dúas embaixadas á Corte, unha antes da rebelión (onde informan do desonesto vivir) e outra despois.

55 Mentalidad justiciera, pp. 58-63.

56 Non resiste a tentación de tirar o máximo partido da moralexa: De todos los hombres, por grandes estados que sean, deven tomar exemplo, y guardarse de fazer lo que no devan, confiando en su gran poder; acordándose ser Nuestro Señor tan justo que ni dexa mal sin pena ni bien sin galardón, ídem, p. 54.

57 O propio Galíndez era fillo lexitimado dun arcediano e unha doncela nobre, J. TORRES FONTES, Estudio sobre la "Crónica de Enrique IV" del Doctor Galíndez de Carvajal, Murcia, 1946, p. 21.

58 No dio en esto tanto remedio quanto dar se deviera, antes se creyo aver avido plazer de los movimientos cometidos contra tan desonesto perlado, y por eso tardo de proveer cosa alguna de lo que el arçobispo cumplia, ídem, p. 142.

59 O 19 de marzo de 1458 néganse os cabaleiros da Terra de Santiago a seguir ó arcebispo, o seu señor, á guerra de Granada, e o 7 de abril de 1458 asina o rei Enrique a primeira carta ordeando que os cabaleiros en rebeldía abandoen a cidade de Santiago da que se apoderaran, A. LÓPEZ FERREIRO, Don Rodrigo de Luna, pp. 35-37; AHDS, leg. 21, fol. 45.

60 Cara 1455, conta Valera dous casos de servidores de Enrique IV, un mouro e un capitán, que tomaron pola forza a doncelas, e indo os familiares e o pobo a pedir xustiza perante o Rei, este reaccionou facendo responsable por omisión ós pais, por aver puesto muy mal recado en su casa y fija dexándola sola, ameazando incluso con azoutar ós demandantes, Memorial, p. 28.

61 Aínda que dá por boa a versión de Valera sobre os raptos de doncelas que Enrique IV deixara, escandalosamente, sen punición, J. TORRES FONTES, Estudio..., pp. 109-110.

62 Recordemos que por deitarse un clérigo cunha casada virxe estaba prevista como pena quitarlle os seus bens e o seu oficio eclesiástico, Partidas, 1, 5, 35; os rebeldes xusticeiros de Santiago e a súa Terra non fixeron outra cousa, destroaron a Rodrigo de Luna da mitra arcebispal e expropiaron os seus beneficios terreais.

63  Moito antes de que os liberais do século XIX, por razóns diversas, fustigaran o dereito de pernada e outros usos feudais, fixérono, ó seu modo, os humanistas e os reformistas católicos dos séculos XV, XVI e XVII.

64 Remata o noso clérigo historiador cunha disquisición non exenta de valor relixioso-filosófico sobre as consecuencias dun instante de placer: Desta forma en breve penó el breve gusto que tomo de aquella maldad con gravísimos y perpetuos males, con que por justo juicio de Dios fue, como lo tenia bien merecido, rigurosamente castigado, "Historia de España", Obras del Padre Juan de Mariana, 1854, p. 150.

65 Teatro Eclesiástico, I, Madrid, 1645, p. 76;  Rodrigo de Luna foi nomeado arcebispo á idade non canónica de 24 anos (sendo xa capelán maior do rei Juan II, tesoureiro da Igrexa de León e notario apostólico), mediante o truco de designalo administrador apostólico, ata que, cumpridos os 27 anos, puido entón exercer plenamente como arcebispo, A. LÓPEZ FERREIRO, Historia de la S. A. M. Iglesia de Santiago, VII, pp. 87-193.

66 Véxase A. LÓPEZ FERREIRO, Don Rodrigo de Luna, p. 5, n. 2.

67 y estando en ella, mientras le dava la regla y forma de bien vivir, el conde de Trastamara Pero Alvarez Osorio, y otros caballeros, le tomaron sus villas y fortalezas, las quales mientras vivio no las pudo cobrar. Murio desterrado de su Iglesia, ídem, p. 77; na versión do Padre Mariana os cabaleiros rebeldes semellan instrumentos divinos, e Enrique IV Moisés entregando as táboas da lei, representación que non é propia do Padre Mariana, crítico feroz de dito rei, senón probablemente dos textos máis moderados de Valera e Galíndez.

68 Publica Colección Diplomática de Galicia Histórica, Santiago, 1901, p. 26; avaliamos este documento en Mentalidad justiciera, pp. 58-60.

69 De non ser así, tiña que aparecer o tema do tálamo arcebispal, salvo que os asinantes compostelanos fosen menos arroutados,  ou máis cómplices, que os campesiños de Aranga, setenta e pico anos atrás, non o cremos; en calquera caso, o asunto de marras, e outros semellantes, transitan con dificultade da cultura oral á cultura escrita.

70 En 1468, o clérigo Rui Vázquez describe a revolta popular contra Rodrigo de Luna como unha loita antiseñorial: Por lo cual indo a mandado de noso señor el Rey, se levantaron contra el, non querendo obedescer por señor, et esto por los pedidos grandes que el deitara ena çidad et villas e lugares desasperaron del, Crónica de Santa María de Iria, Santiago, 1951, p. 44; difícil sería atopar aquí a acusación contra Rodrigo de Luna por forzamento, en xeral, Rui Vázquez, pasa por alto calquera crítica que poida afectar á Igrexa e ós seus prelados, el mesmo escribe dita crónica por encargo dun coengo de Santiago, e centra toda a súa hostilidade milenarista contra o mal vivir dos cabaleiros de Galicia que Deus castigara enviando ós irmandiños...

71 O cabido divídese; os minoritarios partidarios de Don Rodrigo foxen de Compostela e refúxianse durante dous anos en Padrón, A. LÓPEZ FERREIRO, Historia, VII, p. 226.

72 A. LÓPEZ FERREIRO, Historia, VII, p. 208.

73  Chrónica de las Tres Ordenes y Cavallerías de Santiago, Calatrava y Alcántara (1572), Barcelona, 1976, fol. 79-80.

74 R. GARCÍA AGUILERA, M. HERNÁNDEZ OSORIO, Revuelta y litigios de los villanos en la encomienda de Fuenteobejuna (1476), Madrid, 1975, p. 124; E. CABRERA, A. MOROS, Fuenteovejuna, la violencia antiseñorial en el siglo XV, Barcelona, 1991, p. 148.

75 Crónica de Enrique IV, BAE nº 258, pp. 286-287.

76 ibídem.

77 Chrónica, fol. 80.

78 En plena refrega o Comendador quere pactar: y les preguntó la causa de tanta saña, o si deseaban la restitución de las rentas que habia cobrado (Crónica de Enrique IV, p. 286); pero móstranse irreductibles -proba que a cuestión de tributos non estaba tanto a primeiro plano- e continúan loitando ata darlle crúa morte, para aplacar así a súa cólera xusticeira e lavar o honor mancillado polos forzamentos.

79 J. VICENS VIVES, Historia de los remensas (en el siglo XV), Barcelona, 1978, p. 342.

80 A formulación no proxecto de concordia de 1462 é semellante, co importante matiz do recoñecemento que fan os nobres asinantes da vixencia parcial da esixencia da pernada: que lo senyor no puxe dormir la primera nit ab la muller del pages. Item pretenen alguns senyores que com lo pages pren muller, lo senyor ha a dormir la primera nit ab ella, E. HINOJOSA, El régimen señorial y la cuestión agraria en Cataluña durante la Edad Media, Madrid, 1905, apénd. p. 8.

81 Vale asir, pero comunmente se toma por llevar a la cárcel, S. COBARRUVIAS, Tesoro de la lengua..., p. 880.

82 Adoita traducirse "dereito de pernada" como o acto consistente en poñer a perna do señor sobre o leito dos vasalos a noite de vodas, o cal sería aínda máis moderado como ritual de apropiación simbólica.

83 E. HINOJOSA, loc. cit.

84 Responden los ditos senyores que no saben ne crehen que tal servitut sia en lo present principat ni sia may per algun senyor exhigida, loc. cit.

85 Véxase a nota 80.

86 loc. cit.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Ver Política de cookies
Privacidad