Imprimir
Twittear

Publicado en:

 

Galicia xudía *

 

Carlos Barros

Universidad de Santiago de Compostela

 

Segundo Américo Castro, cristiáns, mouros e xudeus constituiron España na Idade Media, época histórica polo demais decisiva para a formación nacional de Galicia, anque non poidamos falar neste caso tan claramente dunha converxencia de tres culturas, sobre todo se consideramos a prácticamente nula presencia árabe na Galicia medieval.

 

Dáse a aparente paradoxa de que non houbo mouros na Galicia histórica pero eles están ben presentes na mentalidade popular como mouros imaxinarios, os seres míticos que habitan nos castros; mentres que si houbo xudeus galegos e non obstante se recordan hoxe en día como algo alleo a nós, cando non como unha maneira de escarnecer e maldicir a este ou a aquel. Con esta exposición queremos contribuir á recuperación da nosa historia real, é dicir, plural.

 

Xuderías

 

As comunidades xudías na Galicia medieval foron pouco numerosas pero abondo significativas na vida social de concellos como Ourense, Ribadavia ou Allariz. De conservarse máis documentación municipal daquel tempo de seguro que confirmariamos noutras cidades (A Coruña, por exemplo) a influencia económica e política xudía. Así e todo a consecuencia máis salientable da presencia dos xudeus no medievo galego está nas mentalidades colectivas.

 

Conforme imos na Península cara o Norte e o Oeste disminúe o número de xudeus, se ben dispomos de máis datos sobre Galicia que sobre o resto da cornisa cantábrica. No tocante ó tamaño, as xuderías galegas seméllanse, por tanto, máis a Europa ca España, e cando en 1391 principian as matanzas de xudeus en Andalucia, Castela e Aragón, Galicia seguirá fidel á tradicional tolerancia medieval entre cristiáns e xudeus ata uns anos antes do edicto de expulsión de 1492.


Precisamente nas listas de impostos reais de 1474 a 1491 aparecen comunidades xudías en Allariz, Baiona, Betanzos, A Coruña, Monforte, Ourense, Pontedeume, Ribadavia e Ribadeo (suarez, 65ss). Outras fontes medievais nos falan de xudeus en Tui(libro pdra 49), Lugo(onega 666,202), Pontevedra(BCML II 246-7)... Están documentada asimesmo presencia xudía no mundo rural nos cartularios dos mosteiros de Celanova (século XI) e de Sobrado.

 

Xudeus en Compostela

 

En 1492, do arcebispo de Santiago dependía a xudería de Cacabelos no Bierzo(monsa, teo, 75), ¿había tamén xudeus na mesma Compostela medieval? O máis importante historiador dos xudeus na España cristiá, Yitzhak Baer, deixou escrito que "no lugar santo para toda a Cristiandade onde se ía pregar na tumba do apóstolo, só no século XV hai constancia da existencia de xudeus e en número escaso"(I, 155). En calquera caso, o Camiño de Santiago, cosmopolita, estivo aberto ós xudeus que sin dúbida o percorreron: no Códice Calixtino o Papa León interrógase como pode haber alguén no mundo que "non desexe ampararse no patrocinio de Santiago" e pasa lista a tódolas nacións -maiormente bárbaras- que está a vir a Compostela, significativamente comeza polos francos e remata cos "xudeus e as demais xentes innumerables de tódalas línguas"(Onega, 155; confirma a existencia de xudeus peregrinos un himno de século XI en latín, grego e hebreo que o padre Fita publicou hai anos(idem 663) e máis unha lápida atopada en León onde, en hebreo, se conta como un xudeu foi asasinado no Camiño de Santiago na época de Xelmírez(idem187). Chegando á catedral os peregrinos xudeus podían contemplar no Pórtico da Gloria, e na Porta de Platerías(idem 599), ós seus patriarcas Moisés e Aarón; ós seus profetas Isaías, Xeremías, Oseas, Xoel, Amos, Abdías; o rei David; e outras imaxes que representan ó pobo xudeu de forma ben diversa ó estereotipo antisemita que veía ante todo no pobo de Israel o pobo deicida que crucificou ó fillo do Deus. Outro signo máis da tolerancia mutua entre ámbalas dúas relixións do libro no reino medieval de Galicia.

 

Pasado o tempo, en pleno rigor inquisitorial, no século XVII, Santiago de Compostela será a única sé galega que teña un estatuto de limpeza de sangue que obrigaba a tódolos aspirantes a entrar no cabido da Catedral a demostrar que non tiñán sangue de xudeu ou converso na súa linaxe(idem 569)...

 

Pegadas


 

Das referencias ós xudeus galegos que tiramos nas fontes narrativas, compre subliñar o que di o cronista Froissart, que viña na compaña das tropas do Duque de Lancaster que toman Ribadavia en 1386: "Así foi a vila de Ribadavia gañada á forza, e houberon os que alí entraron, gran botín de ouro e plata en especial nas casas dos Xudeus". A impresión que sacou o cronista francés da importancia da xudería ribadaviense levoulle a esaxerar notoriamente o número de xudeus (1.500).

 

Tocante ós restos materiais, consérvanse ( Kervyn de LETTENHOVE, ed., Oeuvres de Froissart. Chroniques, tomo XII (1386-1389), Bruselas, 1981, p. 86.)tres lápidas do cemiterio xudío de A Coruña, anteriores ó século XII, con inscripcións hebraicas de tres difuntos chamados dona Xusta, dona Çeti e Abrahám(onega 611). Por contra, nada sabemos do que se topou en 1500 ó se remover o cemiterio xudeu de Allariz (tumbas de pedra en forma de cadeira, lápidas en hebreo, restos de corpos en posición sedente con vestiduras rituais e xoias de ouro e prata). Dende o punto de vista arqueolóxico está aínda todo por facer respecto ós cemiterios e sinagogas xudías en Galicia.

 

Referencias documentais axudaron a localizar o edificio da sinagoga (na rúa que vai da Praza Maior á igrexa da Magdalena) e do barrio xudío de Ribadavia (entre o castelo e a muralla).

 

Noutros lugares de Galicia o recordo da existencia xudía está ben patente na toponimia. Perto de onde se toparon as lápidas coruñesas, na cidade vella, temos unha rúa chamada "Sinagoga"(onega 612); parecida proximidade cemiterio-casa do oración se da en Allariz, onde é popularmente coñecida como "Sinagoga" a rúa Aceñas(Cid 266). Unha aldea da parroquía de Caberta (Muxía) ten o nome de "Sinagoga"voz 11-5-91), e asimesmo fincas en Sobrado e Doncide (parroquia de Silva-Pol)(onega 150). Existen outros topónimos que probablemente fan referencia a unha presencia histórica xudía: a rúa Bautizados en Santiago, o lugar de Sión na parroquia Ribeiras do Sor(onega 150), etc. O mesmo poderiamos dicir da antroponimia: moitos dos nomes bíblicos (David, Salomón, Moisés, Abrahán, Jacob..), que no documentación medieval ourensá e lucense, por exemplo, pertencen a xudeus, seguen en uso hoxe, outros se perderon como Yudá e Donouro.

 

Galicia tolerante


Un sártego coa estrela de David e outras inscripcións significativas, atopado en Vilar de Servoi, permiténos datar a existencia de xudeus en Galicia dende o século IV ata finais do século XV. Estamos en condicións de afirmar que a tolerancia dominou durante un milenio as relacións entre (lovelle)cristiáns e xudeus. Xa o fixeron notar outros autores que escribiron sobre os xudeus galegos como a nota máis orixinal do paso do pobo escollido do Antigo Testamento pola Nosa Terra. Dicimos tolerancia porque coexiste con manifestacións de antixudaísmo (e pola outra banda, de anticristianismo), que se manteñen a niveis soportables. Este dominio da hostilidade por parte da convivencia fíxose patente no século XV: entrementres se reproducían cíclicamente pogroms no resto da península no reino de Galicia no só continuaron as relacións pacíficas senón que nalgúns lugares se incrementaron. En Galicia non teñen lugar nin matanzas populares de xudeus nin conversións forzadas ó cristianismo (ata o grande éxodo de 1492).

 

 Existe un documento exemplar asinado o 20 de maio de 1289 polo concello de Allariz e os seus párrocos, didiante do representante real na vila, con Isaac Ismael, "Xudeu Maor dos xudeus moradores en esta vila", para regular a convivencia pacífica de cristiáns e xudeus. Moito despóis, cando se agudizan as tensións sociais a tolerancia chega a se transmutar en fraternización. No Ourense do ano 1457 na festa de boda dun fidalgo ourensá, os cristiáns invitan ós xudeus, contradecindo a lexislación vixente, e conquiren ademais a reconciliación de dúas familias xudías enfrontadas; dez anos despois, en 1467, a dirección local dos irmandiños bota un pregón para que "leigos e clérigos, judíos e mouros,

 fosen derribar o castelo Ramiro". Xa nos anos oitenta, o concello de Ourense se resiste a aplicar o decreto que obrigaba a afastar ós xudeus na rúa Nova (algún deles se refuxía en 1488 en Allariz para evitar dita marxinación). Así ata 1492.


Os Reis Católicos decretan o 31 de marzal de 1492 a expulsión nos reinos de Castela e Aragón de tólolos xudeus que non se quiseran bautizar. Temos para nós que os máis dos xudeus galegos se converteron ó cristianismo, e seguiron a practicar clandestinamente a súa relixión coa conivencia dos seus veciños cristiáns. Outros se exiliaron para non renegar públicamente da fe dos seus maiores. Así o prateiro coruñés Isaac foi denunciado en 1493 por embarcarse para o exilio con ouro, prata e demais tesouros, o que estaba prohibido; non foi o único caso, os representantes reais en A Coruña, así coma mercaderes e capitáns de barcos do seu porto, resultaron ser cómplices da fuxida clandestina de xudeus galegos e doutros lugaresa. Na liña dunha tradición de convivencia que chocaba en Galicia coa tradición de persecución que tentaba impoñer o sonado decreto estatal e mailo establecemento da Inquisición. Faltaba en Galicia unha corrente de antisemitismo popular que servese ó Santo Oficio e ó novo Estado para apoiar e xustificar a súa laboura depuradora.

 

A Inquisición en Galícia

 

No reino de Galicia podemos considerar instalada a Santa Inquisición cara 1574 (o Tribunal de Santiago foi o último en establecerse)( CONTRERAS, Jaime, El Santo Oficio de la Inquisición en Galicia (poder, sociedad y cultura), Madrid, 1982, p. 60.), case un século despois da súa fundación en Castela. Un reflexo serodio pois do desfase medieval entre unha Galicia tolerante e unha Castela medieval cunha tendencia máis marcada ó antixudaísmo. A resistencia galega ó Santo Oficio é global, duradeira e nun principio bastante efectiva. Ademais dunha constante e difusa resistencia popular( CONTRERAS, Jaime, óp. cit., pp. 681-685; LISÓN TOLOSANA, C., óp. cit., pp. 27 ss.), a Inquisición que viña de Castela ten múltiples enfrontamentos cos concellos, os oficiais reais e a propia Igrexa galega( CONTRERAS, J., óp. cit., pp. 23 ss., 35-39, 57 ss.). De feito o Tribunal non afronta decididamente en Galicia o problema dos xudaizantes ata que os inmigrantes portugueses obrigan a tomar, no século XVII, cartas no asunto( CONTRERAS, Jaime, óp. cit., 467, 591-592, 599-604.). É dicir, que despois da conversión forzosa de 1492 trascorre casemente un século antes de que sexan reprimidas as prácticas relixiosas e os costumes dos nosos xudeuconversos.

 

O proceso inquisitorial de Ribadavia (1606-1609) encetou coa denuncia feita por Jerónimo Bautista de Mena contra 200 veciños (incluída a súa familia) que xudaizaban e rematou coa condena de 42 deles. Entrementres o tal Jerónimo, que chegara a estudiar a lei de Moisés nas sinagogas de Venecia, Pisa e Salónica, un gran malsín (traidor) por tanto para os seus, apareceu morto na vila. As prácticas denunciadas foron: no traballar e vestir roupa limpa o sabado (o día santo xudeu), encender o candelabro e cambiar a muda da cama a víspera, non comer carne de porco, desangrar a carne, xaxuar en setembro, etc. O grupo máis numeroso dos xudeuconversos condenados na vila do Avia eran xóves de 20 a 30 anos; o 77% dos inculpados eran de Ribadavia e doutros lugares de Galicia, e o 23% portugueses; en total, entre 1492 e 1606 a relixión xudaica se practicou e transmiteu de país a fillos, mántendose para tal fin unha boa relación coas sinagogas de Italia,

 Grecia e Francia (Baiona)(José Ramón, Os xudaizantes de Ribadavia). Sobra dicir que a maioría dos xudaizantes ribadavienses detentaban certa posición social: mercadores, rexidores, funcionarios, médicos, boticarios, abogados, estudiantes...

 

 


En 1680, no Auto Xeneral de Fe celebrado en Madrid participan 21 xudaizantes veciños de Galicia, aquí son maioría os procedentes de Portugal (como Juan Bautista Pereira, 37 anos, tratante, natural de Monforte de Lemos pero orixinario de Portugal)(Onega 506).

 

Existen tamén casos de cristiáns vellos convertidos ó xudaísmo, Caro Baroja deu noticia dun clérigo da catedral de Ourense, Jacinto Vázquez Arauxo, que en 1687 declarou a súa crencia na lei de Moisés, sendo de contado denunciado, foxe a pe en dirección a Madrid, pero fica preso pola Inquisición perante a cal declara voluntariamente por escrito, o que non lle librou máis tarde da tortura porque non quería enmendarse. Confesou valerosamente Jacinto que "aunque toda su familia han sido Christianos viejos, este confte. quiere ser Judío nuevo". Non tiña moitos coñecementos da relixión xudía, salvo o que aprendera nun panfleto antisemita que lera, pero reinvindicaba que "en defensa desta Ley de Moyses se han sacrificado muchos hombres que a quemado el Santo Oficio de la Inquisición y mujeres que con ser del sexo fragil y pusilamines se han arrojado a las llamas". O noso xudeu novo cumpría a súa maneira cos ritos xudaicos -mesmo no cárcere inquisitorial- e pedía a Deus nas súas oracións libertade e piedade para o pobo de Israel "repartido por varias partes del mundo, y perseguido de los cristianos y otras naciones", adicando os seus xaxúns ós mártires da Inquisición. Logo de torturado, teimoso, berraba que quería morrer na lei de Moisés. Como voltaba sempre a súa fe no xudaísmo, coidaban que estaba tolo e mandaron vir ós medicos que sen embargo acreditaron que estaba no seu san xuício. A finais de 1688 foi condenado a cadea perpetua e a levar o sambenito, degradado verbalmente, perdeu os seus bens e o seu hábito. Un persoaxe extraordinario(onega 507) dino da nosa memoria colectiva.

 

 

Tradicións


 

A imaxe negativa dos xudeus en Galicia é un fenómeno moderno, vinculado á persecución levada a cabo pola Inquisición nos séculos XVII e XVIII; é entón cando empezan a correr historias imaginarias de rituais anticristiáns: sacrificio dun neno cristián (Lugo), imaxes de Cristo azoutadas (Monforte, Ribadavia), profanación de hostias consagradas (Ourense). (otro admitido)Falsas acusacións que propagaron a mala fama do xudeu, que pasou a considerada palabra inxuriosa e malsonante. Anque tamén a Inquisición tivo moi mala sona en determinados medios populares e cultos do Antigo Réxime.(Lisón) Tradición alternativa que deu lugar no século XIX a celebracións reivindicativas do pasado xudeu e xudeuconverso de Galicia.

 

A máis coñecida é a festa da Historia de Ribadavia, que tiña lugar en setembro, cando a Virxe do Portal, e consistía na representación por parte dos veciños dun episodio da historia do pobo de Israel, como a batalla contra os filisteos, onde morre o rei Saúl, berrando entón a tódolos presentes o director da pantomima: "Llorad, hijos de Jerusalem, la muerte de vuestro rey Saúl"; segundo conta Meruéndano(p. 22). A Festa da Historia foi recuperada recentemente. En 1992 se representou o proceso inquisitorial de 1606-1609 e a morte do malsín Jerómino Bautista de Mena. En 1993 se representou una boda xudía.

 

 

 

 

 

Bibliografía

 

ALONSO F., Benito, "Los judíos en Orense (siglos XV al XVII)", Boletín de la Comisión de Monumentos de Orense, tomo II, 1904.

 

BARROS, Carlos, "O outro admitido. A tolerancia cara os xudeus na Idade Media galega", Actas do Congreso Internacional "Xudeus e Conversos na Historia" (Ribadavia, outubro 1991).

 

CONTRERAS, Jaime, El Santo Oficio de la Inquisición en Galicia. (Poder, sociedad y cultura), Madrid, Akal, 1982.

 

DEAÑO, Carlos, "Judíos", Gran Enciclopedia Gallega, tomo XVIII, 1974.

 

ESTEVEZ, José Ramón, "Os xudaizantes de Ribadavia", Actas do Congreso Internacional "Xudeus e Conversos na Historia" (Ribadavia, outubro 1991).

 

FILGUEIRA VALVERDE, Xosé, "Os xudeus nas Cantigas de Santa María", Actas do Congreso Internacional "Xudeus e Conversos na Historia" (Ribadavia, outubro 1991).

 

L. QUIROGA, Jorge, R. LOVELLE, Mónica, "¿Un testimuño da presencia xudía en Galicia na temprana Idade Media?", Actas do Congreso Internacional "Xudeus e Conversos na Historia" (Ribadavia, outubro 1991).

 

LÓPEZ CARREIRA, Anselmo, "Os xudeos en Ourense no século XV", Boletín Auriense, tomo XIII, 1983.

 

MERUÉNDANO, Leopoldo, Los judíos de Ribadavia (1915), Lugo, Alvarellos, 1981.

 

ONEGA, José Ramón, Los judíos en el Reino de Galicia, Madrid, Editora Nacional, 1981.

 

 



* Galicia xudía, Santiago, Concello de Santiago, 1994, 29 pp. (Folleto de la exposición en el Pazo de Bendaña, abril/mayo de 1994).

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Ver Política de cookies
Privacidad