Conclusións do III Congreso
Internacional Historia a Debate (14-18 de xullo de 2004)*
Carlos Barros
Universidade de
Santiago de Compostela
Boas noites. Quero
comezar saudando a vosa presencia aquí, nesta Biblioteca Provincial, así como
ós que van escoitar esta conferencia a través da nosa rede dixital, e agradecer
a Carlos Pereira, colega e comisario do
V Premio Manuel Murguía, e por extensión á Deputación de A Coruña, esta
invitación que obrigoume a poñer negro sobre branco unhas primeiras reflexións
sobre o encontro internacional de historiadores que vimos de celebrar en
Compostela hai catro meses.
O comisario puxo
atinadamente o título desta conferencia en plural. Cadra ben coa tradición de
pluralismo e discusión de HaD: a posible conclusión poscongresual nin é "unha"
nin é "única". Cada quén dos que seguiron o congreso presencial ou dixitalmente
terán os seus matices, acordos e
discrepancias que aportar. Os debates e reflexións sobre o III Congreso,
incluindo estas notas, ficarán
permanente abertas, como é habitual, tanto en Internet como nas nosas
actividades presenciais.
Congreso diferente
Imos falar algo logo dos
froitos do III Congreso dende o punto de vista do seu coordenador. Non serán
máis cuns apuntes de traballo, que teñen ademáis carácter provisorio, por dúas
razóns: a) consideraremos máis ben o congreso-acontecemento que o
congreso-actas; b) concedémonos a nos mesmos a liberdade de variar, modular ou
completar as propias conclusións logo dunha (re) lectura detallada das 120
ponencias, da transcripción das mesas
redondas, materiais cuxa publicación está prevista en 2005, das reseñas que
están a facerse por parte dos congresistas máis dinámicos. Haberá entón máis adiante conclusións menos
impresionistas, aínda que sempre inacabadas e abertas a novas (re) lecturas,
como parte que é dun novo consenso historiográfico en construcción.
Debemos informar
primeiro, para quen aínda non o saiba, que cada Ano Xubilar celebramos en
Santiago de Compostela, desde o primeiro Xacobeo en 1993, unha sorte de
peregrinación mundial de historiadores para debater e reflexionar sobre o
estado da nosa disciplina. Nesta terceira edición colaboraron 430 entidades de
máis de trinta países, multiplicouse por 10 la lista de colaboracións
académicas que tivemos no I Congreso. Houbo
nesta terceira edición 150 poñentes que chegaron dos cinco continentes.
Durante 5 días e 3 sesións simultáneas, desenvolveronse 13 seccións temáticas e
17 mesas redondas. Un tercio aproximado do congreso, as catro conferencias plenarias e unha amplia
selección das ponencias e mesas redondas de maior interese público (elemento
diferenciador respecto do congreso-actas), foi transmitido en directo a través
da nosa páxina web (www.h-debate.com),
desde o Auditorio da Facultade de Xornalismo de Universidade de Santiago de
Compostela, gracias ó Centro de
Supercomputación de Galicia (CESGA), creado pola Xunta, o CSIC e as universidades
galegas, que dispón un dos principais ordenadores europeos para estes servicios
que combinan multimedia con Internet. Unhos mil profesores e investigadores de
historia seguiron en tempo real as diferentes intervencións en español, inglés
e francés[i].
Que nos saibamos é a primeira vez que se trasmite así a todo o mundo un
congreso de historia por Internet, demos polo tanto un salto cualitativo no uso
académico das novas tecnoloxías de comunicación, ata o presente restrixido á
videoconferencias puntuais: un paso adiante logo (tamén respecto a outras
disciplinas académicas) para a nova historiografía dixital e global que estamos
a construir desde o espacio académico latino.
Os congresos de Historia
a Debate son, desde logo, internacionalmente únicos na temática de metodoloxía
histórica, historiografía, teoría da historia, historia e sociedad, problemas
laborais e profesionais dos historiadores, historia inmediata[ii]...
Certamente cada cinco anos celébranse felizmente os congresos de ámbito
asimesmo mundial organizados polo Comité Internacional de Ciencias Históricas
(nacido en 1926, vincula institucionalmente a uns 2.000 ou 3.000
historiadores), se ben responden a un enfoque máis tradicional, no sentido de
empírico, e heteroxéneo, reflexo da atomización da disciplina, agravada por
unha estructura fragmentada en comisións nacionais que multiplican a
proposición de temas especializados, malia as intencions homoxenizadoras das
últimas directivas que se renovan cada congreso, dificultandose así una
orientación xeral a diferencia da rede tamática Historia a Debate, cuxa
dirección está vencellada a un proxecto de investigación e recostrucción
historiográfica actual. Doutra banda, os temas metodolóxicos, historiográficos,
teóricos, profesionais ou de historia inmediata non se abordan usualmente nos
congresos clásicos do CISH-ISCH[iii],
que veñen celebrandose un ano despois dos nosos encontros mundiais en
Compostela, de factura máis recente e cunha temática e orientación
complementarias.
As diferencias deste congreso cos que o
precederon residen en que hoxe sabemos máis da enredada situación da
historiografía internacional. HaD ten ademáis maior poder de convocatoria
académica, dispoñendo de ferramentas máis axeitadas, inéditas, organizadas a
partir do II Congreso con fin de articular globalmente o debate e o consenso
dos historiadores:
1) Enquisa Internacional
"O estado da historia", dirixida entre 1999 e
2) Nos anteriores
congresos non existía HaD como comunidade académica de novo tipo, foi creada en
Internet a partir de 1999 por medio de dúas listas de correo electrónico (HaD e
HI) que vencellan diariamente a máis de 3.000 colegas, e unha páxina web
trilingüe (español, francés e inglés) que recibiu nestes primeiros cinco anos
máis dun millón de visitas de historiadores, profesores e tamén estudiantes de
historia. Cantidade considerable se temos en conta que ós historiadores
profesionais interesados polos debates e as reflexións sobre o oficio de
historiador somos unha ampla minoría, se ben decisiva nesta temática. É difícil
hoxe que calquera colega que teña algunha inquietude sobre o método, a
historiografía e a teoría da historia, non estea xa conectado coa nosa red
historiográfica ou mantivera nalgún momento relación con ela, non soamente no
ámbito latino.
3) En terceiro lugar, a
explicitación dunha plataforma historiográfica, o Manifesto historiográfico de
Historia a Debate, que saíu á luz xustamente o 11 de Setembro de 2001 con 18
proposicións para a escritura da historia no século que comeza, asinado ata
febreiro de 2005 por 387 profesores e investigadores de historia de 34 países.
Estamos á espera da selección, transcrición e publicación das Actas do III
Congreso para facermos unha revisión e actualización, global e colectiva, deste
Manifesto académico, cuxo texto foi redactado xa hai tres anos contribeendo notoriamente a evitar que o
temario do noso último encontro adolecese da dispersión habitual nos congresos
de historia ou historiografía.
Dez
conclusións provisorias
Tentaréi logo adiantar os
avances, problemas, ensinanzas para min
máis significativos do congreso de xullo de 2004, sabedores polas experiencias
anteriores de que os Congresos Internacionais de HaD son un excelente barómetro
para medir a coyuntura historiográfica internacional, nun contexto incluso máis
"académico" que os debates cotidiáns na rede a miúdo irreverentes- e cada vez
máis europeo e máis americano, alén do vello eurocentrismo pero aínda pouco
representativo dos outros continentes.
O carácter aberto dos
nosos congresos[v]
ben producindo, no tocante a espontaneidade e representatividade, un resultado
que nos sorprende desde o mesmo momento de facer as consultas previas para
decidir a temática congresual, nesta ocasión sobre unha base moito máis extensa pola existencia da nosa comunidade /
rede internacional, o que nos leva á primeira das nosas conclusións.
1) A rampante fragmentación da historia que
se escribe. En flagrante contradicción coa globalización histórica e
historiográfica que estamos a vivir, observamos con inquietude que, desde 1993,
non deixou de medrar o número de especialidades e microespecialidades
académicas, temáticas e cronolóxicas[vi],
polo efecto negativo da proliferación das vellas, novas e novísimas "formas" da
historia, o que levou a un grande valeiro historiográfico de comunicación e
proposición que explica, no seu anverso, a paralela e fulgurante expansión de
HaD como rede global, e doutras iniciativas historiográficas de vocación
global. A estas alturas temos para nós que a hiperespecialización é o meirande
poblema colectivo que temos que afrontar os historiadores neste novo século, ó
tempo que a maior oportunidade para alternativas historiográficas realmente
novas, cuxas perspectivas dependen xa da súa contribución á resolución deste
grave problema.
A globalización e a
fragmentación van tan xuntas nesta
transición historiográfica e histórica que, estando no primeiro dos
casos, extrañounos[vii]
o número de suscritos da nosa rede temática comprendidos membros activos e
asinantes do Manifesto- que demandaron, no proceso preparatorio do III
Congreso, a "inclusión" de "o seu" tema ou especialidade no programa[viii],
que respondeu finalmente como é habitual en HaD máis aínda nesta fase de
maduración como tendencia- a unha temática global, xeral e transversal. A
excelente resposta recibida[ix]
desde as diversos países e sobre todo especialidades, tocante a globalidade,
novedade e calidade das contribucións, participación física e seguimento por
videoconferencia, contribuiu a unha xeralizada percepción de éxito[x],
mesmo superior a que tivemos no congreso
de 1993, beneficiado por ser o primeiro,
a falla de precedentes[xi]
e a presencia naquel entón posible de
"grandes figuras"[xii]
de Annales e Past and Present[xiii].
Obtivemos xa que logo unha resposta global e innovadora a unha proposta global e
renovadora que abre un camiño de esperanza no proceso emprendido, individual e
colectivamente, de reconstrucción paradigmática desde ámbito académico latino.
O bon resultado do III
Congreso alcanza toda a súa estatura se consideramos as crecentes dificultades
que pode ter un historiador profesional, aínda que o desexe, para tomar parte
activa como ponente nos congresos internacionais de HaD. Desde o I Congreso
exclúense as ponencias puramente empíricas, independientemente da súa calidade,
tendo que versar as propostas
principalmente sobre o método, a historia da historia, a teoría, o ofico... Desde o II Congreso
obrigámonos ademáis a non repetir temas xa tratados, a fin de recoller as
verdadeiras novas de congreso a congreso. Desde o III Congreso, xunto co
anterior, autoesiximonos trascender as puras especializacións históricas e
historiográficas, intervendo desde elas nas temáticas xerais. Autoimpoñéndonos
así unha dinámica de renovación permanente, reclamada pola transición
historiográfica que estamos a vivir, que non todos os colegas novos e vellos-
poden seguir cun grado de protagonismo continuado: a segunda sorpresa é, xustamente, atopar tantos historiadores
dispostos a retomar a innovación historiográfica, incluso tantos colegas
dispostos a seguir tirando do carro renovador tres décadas despois.
Todos nós somos
historiadores que facemos traballo empírico, frecuentamos unha ou varias liñas
de investigación, pertencemos a áreas académicas cronóloxicaso ou temáticas
(Historia Medieval, no meu caso, segundo se dixo na presentación), participamos
nos habituais congresos especializados..., e converxemos en HaD para estudiar
asuntos actuais de metodoloxía, historiografía, teoría, relación historia /
sociedade, historia inmediata e outros relativos ó oficio de historiador e a
escritura da historia. Estamos empeñados pois, desde hai unha década, en
proseguir a renovación, reestructurando no que seña preciso os paradigmas
herdados da vella, nova e nóvisima historia, polo que non ten sentido nin
compensa ós organizadores o esforzo- vernos físicamente cada 5 ou 6 anos para
repetirmos o xa dito anteriormente[xiv],
ignorando os avances diarios nos debates e nas reflexións na rede de centos de
colegas. Houbera sido un grande retroceso na globalización historiográfica que
nós representados "adaptarnos" á inercia e fragmentacion académicas reinantes,
os logros obtidos na reconstrucción
historiográfica han de progresar ata 2010 para facermosdo IV Congreso un
novo fito historiográfico, así será coa axuda de Clio.
2) A segunda reflexión
serían, polo tanto, estes avances na reconstrucción da alternativa
historiográfica, que analizaremos nos restantes puntos. Sabendo que o salto
que demos en xullo do 2004 verémolo máis claro cando analicemos polo miudo
ponencias e debates congresuais e revisitemos o Manifesto-plataforma de 2001.
Dicir de entrada que, con diferencia respecto das edicións anteriores, o
temario do congreso tivo como guía un programa global de investigación e
intervención historiográficas. De xeito que as aportacións recibidas serven
directa e/ou indirectamente, desde o acordo ou a discrepancia[xv],
a nosa intención previa de reconstrucción paradigmática. Directamente,
contribúen aquelas ponencias que respostaron nunha medida apreciable para
ser a primeira vez- a nosa "convocatoria
específica" a desenvolvermos as 18
proposicións historiográficas do Manifesto de HaD e investigarmos a propia experiencia de HAD
entre 1993 e 2004 como comunidade académica, rede temática e/ou movemento
historiográfico. Indirectamente, aportan tamén o resto de textos e
intervencións orales, toda vez que o programa do congreso, é consecuencias
dunha estratexia orientada á reconstrucción plural do consenso historiográfico
na nosa disciplina no século que comeza.
3) Unha parte importante desta reconstrucción alternativa reside nos adiantos feitos na definición e práctica plural dunha nova historia global. Cada vez se fala e se fai máis, desde lugares e posicións diversas pero converxentes[xvi], dunha "nova historia global". Urxida pola globalización, o concepto de "historia total" do materialismo histórico, asumido por Annales e outras correntes renovadoras nos anos 60 e 70, segue estando vixente xustamente polos seus fracasos nos ámbitos metodolóxico, historiográfico e epistemolóxico, e as súas incapacidades para evitar, ou cando menos frenar, a intensa fragmentación disciplinar nas décadas finais do século XX[xvii]. No congreso de xullo de 2004 fixemos o esforzo de recoller novas iniciativas que tratan de investigar, e ofrecer ó público lector, enfoques globais dos feitos pasados, en lugar de fragmentos de historia especializada. Polo de agora, son tres as vías historiográficas -complementarias- que veñen reclamando a denominación "nova historia global"[xviii]: A) A historia mixta como historia global, xurdida como desenvolvemento do punto V do Manifesto de HaD "contra a fragmentación" da historia, en proceso de experimentación, foi un dos temas de congreso, implica mextura de temas, métodos, liñas de investigación e especializacións académicas[xix], coa intención de facer de novo unha historia total ou global. Non se busca polo tanto unha converxencia casual, circunstancial, nunha investigación concreta como unha estratexia de investigación que, desde a hipótese ata a conclusión, procure manifestamente un resultado global, non parcial, rebasando as especializacións, mexturando subxectos, obxectos, enfoques... B) A historia mundial como historia global. Xerminada en América nos anos 70 foi desenvolvida entre os historiadores tamén en Europa- nos anos 90 ó calor da globalización. Estivo prácticamente allea ata hoxe[xx] á historiografía española e latina. Coidamos que a World History é unha verdadeira nova historiográfica. A importante e diversa representación que tivo no Congreso de Compostela axudará a darlle unha dimensión máis latina e global, alén do ámbito angloamericano. Hai que incitar a historiadores españoles e latinos a levar a cabo investigacións e reflexións históricas de ámbito máis internacional, seguindo o propio de HaD no eido das investigacións e reflexións historiográficas. A propia experiencia e proposta de HaD como historiografía mundial habería de servir para que esta historia mundial-global de base empírica, definida tradicionalmente polo seu ámbito espacio-temporal, non fique reducida a un episodio máis dos "retornos", a un simple cambio de etiqueta para resucitar á historia positivista e descriptivista de sempre, a vella "historia das civilizacións" ou "historia universal". O "perigo" que lle vemos á nova "historia mundial", compartido con outras novas e novísimas historias, é a súa desvinculación co cambio global de paradigmas no que estamos insertos, voluntariamente restrinxidas a unha nova especialización académica que neutraliza o se futuro. ¿É menester cambiar de base os conceptos de historia e historiografía herdados, para pasar da historia nacional do positivismo (en pleno retorno), ou da historia rexional dos "novos historiadores" (con incursións macrorexionais), a unha historia de ámbito mundial? Pensamos que sí[xxi]. C) A terceira variante destas novas historias globais emerxentes é, por descontado, a historia dixital como historia global, efecto da globalización sobre a historiografía pola vía da informática e da revolución das comunicacións. O exemplo de Historia a Debate entre 1999 e 2005 é posiblemente único na historiografía internacional. A nosa perspectiva agora é levar este novo e consolidado ámbito mundial de sociabibilidade académica da historiografía á historia empírica, animando "grupos internacionais de investigación en rede" ó redor de enfoques de investigación histórica e historiográfica que nos permitan seguir avanzando na definición, e posta en práctica, dunha escritura da historia afeita ó século da globalización, sen abandonar por suposto o debate e o consenso sobre o método e a teoría como orientación fundamental da nosa acción historiográfica[xxii].
4) A cuarta conclusión
que tiraríamos sería a consolidación do que vimos chamando Historia
Inmediata. Espacio historiográfico de debate sobre feitos actuais, cunha
importante aportación latinoamericana, nado na nosa rede dixital en xaneiro de
Temos por costume plantexar o problema epistemolóxico de forma inquisitiva: ¿É posible unha Historia Inmediata? ¿É posible tratar cun mínimo de rigor histórico acontecementos actuais? O historiador venezolano José Luis Monzant emplazábanos pública e personalmente no Auditorio da Facultade de Xornalismo a sustituir xa a interrogación por un enunciado positivo. Estaríamos de acordo, desde logo, no tocante ó espacio de debate conseguido -de opinións máis o menos baseadas na historia, pero sempre académicamente siñificativas- a través de mensaxes cortos, o que non é pouca cousa, pero se falamos de investigacións históricas sobre o presente debemos recoñecer que aínda estamos nos inicios, mesmo valorando o importante paso adiante dado no III Congreso. O 26 % do programa refirese por vez primeira nos nosos congresos, máis aínda noutros máis clásico- a temas de actualidade. Certamente o 74 % restante corresponde a ponencias e mesas redondas de metodoloxía, historiografía e teoría de interese para colegas de historia (mediata) antiga, medieval, moderna, contemporánea, colonial, independencia, etc. Non é mala proporción, o historiador de oficio ha de seguir concentrando o seu esforzo no pasado-pasado, polo interese que ten en si mesmo, sinon pouco poderíamos aportar á comprensión do pasado-presente e o pasado-futuro.
O máis salientable durante as xornadas de xullo para os medios de comunicación social foi o Congreso-acontecemento que nós diferenciamos do Congreso-Actas, ou sexa o 11S, o 11M, a globalización, a relación Oriente-Occidente, democracia e dereitos humanos..., temás de hoxe enfocados desde o punto de vista histórico e historiográfico. Escollimos desta maneira, segundo criterios de actualidade, boa parte das conferencias, ponencias e mesas redondas para a transmisión en directo a través de Internet. Tanto acertamos que se xeneraron expectativas de máis: os medios pedíannos con urxencia claves non só históricas para entender os fitos do presente, tamén políticas, económicas, filosóficas ou sociolóxicas. Decatámonos que non soamente faltan congresos de historiadores en España pero tamén fóra- para analizarmos en tempo real o acelerado acontecer histórico que estamos a vivir, deixase notar tamén a ausencia daquelas ciencias humanas de entrada máis centradas no presente, o que coloca ós historiadores de HaD, neste e noutros aspectos como o uso académico de Internet, na vangarda das ciencias sociais.
Coido que estamos no
camiño de demostrar que se poden estudiar os feitos recentes co mesmo grado de
rigor, honestidade e pluralidade que os feitos do pasado remoto, contribuindo a
desmentir así o mito positivista[xxv]
que "asegura" que é preciso que pasen 50 anos para que podamos afrontar con
"imparcialidade" un feito histórico. Temos en España, por desgracia, o claro
exemplo no sentido contrario cunha guerra givil que aconteceu hai máis de
cincuenta anos, e outros feitos aínda máis lonxanos da historia de España -ou
da historia das nacionalidades e rexións- aínda hoxe moi polémicos. Por outra
banda hai acontecementos próximos que non suscitan pola súa natureza semellante
polarización ou pluralidade de enfoques e interpretacións, entre os
historiadores e na opinión pública (unha cousa ben coa outra, como sabemos).
5) A quinta conclusión refírese á crecente aceptación no ámbito académico internacional do liderazgo latino que HaD representa, unha década despois do inicio das nosas actividades, nos debates e propostas sobre cuestións actuais de metodoloxía, historiografía, teoría da historia, relación historia-sociedade, etc. Na terceira edición dos nosos congresos houbo un incremento cuantitativo e cualitativo[xxvi] dos ponentes de fala non hispana, especialmente chegados doutros países europeos, en menor medida doutros continentes, salvo América. A traducción simultánea español-inglés-francés permitiunos organizar interesantes debates comúns, ó igual que nos anteriores congresos, cousa polo de agora menos fácil nas listas de debate en Internet[xxvii].
Una boa demostración do
presente poder de convocatoria da nosa
iniciativa historiográfica, española e latina, na América anglosaxona, maís alá das nosas
relacións estreitas desde sempre con académicos hispanos das universidades
norteamericanas, é a entusiasta recepción que está tendo alí e por extensión
no ámbito académico anglófono- a edición en inglés dunha selección de ponencias
do II Congreso de 1999, por parte da editorial The Haworth Press de Nova Iork co título History under Debate. International Reflection on the Discipline[xxviii],
cuxa saída a luz fixemola cadrar coa realización do III Congreso. As reseñas de
historiadores norteamericanos -ou de fala inglesa- solicitadas pola casa
editorial foron unánimes o avaliaren History under Debate como un libro important, stimulating and highly provocative, valuable and revealing... Tamén para os autores é "importante",
"estimulante", "altamente provocativo", "valioso" e ante todo "revelador" que
na historiografía norteamericana haxa sectores que acepten que se pode "aprender"
algo[xxix]
duna iniciativa académica que vén de Galicia, de España, do mundo académico
latino[xxx].
A globalización
historiográfica está a favorecer dúas novidades interrelacionadas, minoritarias
sen dúbida pero preñadas de futuro: 1) unha historiografía norteamericana
aberta e plural disposta a certo
bilateralismo nas súas relacións internacionais, con todo o valor que
isto pode ter hoxe visto o lugar prominente dos EE.UU. hoxe; 2) a ruptura da
tradicional dependencia das historiografías españolas e latinas, por parte dos
seus sectores máis creativas, respecto das
historiografías de países política e económicamente máis potentes. Entre
nós a novidade historiográfica estivo sempre vencellada ó que viña do
extranxeiro, as veces con razón (auténticas innovacións), outras sen ela (esnobismo académico) e
aqueloutras ámbalas dúas cousas. A situación está cambiado radicalmente, desde
hai unha década -ou máis- os antiguos
focos deixaron de irradiar novedades e os tempos revoltos da
globalización fan posibles e necesarias outras relacións internacionais, máis
doadas no eido académico que noutros[xxxi].
6) O III Congreso Internacional de HaD vén a
confirmar, pois, o dinamismo e a autonomía da historiografía española nesta
última década. Non o dicimos só por Historia a Debate, foro e movemento
historiográfico nado en 1993, xurdiron cando menos despois outras dúas
importantes iniciativas españolas sobre a escritura da historia que apuntan na
mesma dirección, cuxos representantes máis cualificados foron invitados,
lóxicamente, ó macrocongreso de Compostela en xullo[xxxii].
Referímonos ós promotores e practicantes -desde 1996- da "Idea Histórica de
España", e mailos promotores e prácticantes -desde 2000- da "Recuperación da
Memoria Historica". Tres proxectos historiográficos tan distintos como complementarios nos contidos, intereses,
medios de comunicación e dimensións. Desde esta diversidade, antitética nalgúns
aspectos, comparten os tres novedades no panorama historiográfico español,
incluso internacional: a) desbordan a dimensión de equipa ou grupo constituindo
correntes historiográficas onde participan, en diverso grado, historiadores e
historiadoras de áreas e especialidades asimesmo diferentes, xenerando
auténticas "tendencias historiográficas
actuais" (con peculiaridades especiais no caso da RMH en canto a composición);
b) responden a acciones académicas españolas ou de orixe español con perfiles
propios, autocentrados, non miméticos ainda que conectados se queira ou no con
tendencias larvadas organizada no caso de HaD- do panorama mundial; c)
constitúen tres formas diferentes da recuperación actualizada da vella idea do compromiso
ético, social e político do historiador co seu tempo (precisaremos máis logo),
a través dunha investigación participativa que
permite avanzar desde unha memoria pasiva, obxecto lonxano de estudio, á
unha memoria activa, actual, contribuindo a amosar así a utilidade cultural,
social e política da investigación histórica e historiográfica.
7) No III Congreso
visibilizouse por conseguinte algo que
xa agromara no II Congreso, para desconcerto dalgúns: o retorno do
compromiso historiográfico, se ben con novos xeitos, o que non estaba tan
claro en 1999, de aí algunhas rasgaduras de vestiduras (académicas). Cando se
fala, para ben ou para mal, de "compromiso" tense na mente o concepto e a
experiencia militantes vividos nos anos 60 e 70. O caso é que a historia e a
historiografía cambearon enormemente nestes últimos 30 ou 40 anos, tendo
abandonado a maioría dos historiadores as "absorventes" militancias ou simpatías,
historiográficas e políticas, daquel
entón. O compromiso dos historiadores rexurde por tanto con renovados rasgos
que cómpre recoñecer: A) O novo compromiso do historiador tende a
realizarse desde a profesión, incluso entre os historiadores cunha práctica
máis politizada, sexa coas instutucións sexa coa sociedade civil. A separación
esquizofrénica -por irreal e inútil- entre prácticas historiográficas e
inquietudes extraacadémicas, que seguiu a crise nas novas historias, está sendo
sustituida[xxxiii]
por novos xeitos de facer historia que demostran a compatibilidade (diversa)
entre o rigor profesional e a utilidade pública da historia investigada e
ensinada. B) O compromiso que se impón
entre os historiadores máis avanzados é democrático, pluralista, tolerante co
"outro" historiográfico, máis interesado en convencer que en "vencer", en
contraste co compromiso a miúdo sectario, pola vía das tendencias
historiográficas, políticas ou de ambas, herdado das pasadas vanguardias. É da
meirande importancia para o presente e o
futuro da historia, que precisa da reconstrucción dos seus paradigmas compartidos, aceptar dun xeito
natural a lexítima multiplicidade de enfoques historiográficos e ideolóxicos,
do debate e do consenso, sen renunciarmos á propia posición, individual ou
colectiva, polo xeral nada neutral pero desvencellada dunha disciplina
"blindada" cun partido ou tendencia. Falamos sempre desde a nosa propia
experiencia como red tematica "especializada" no debate e na reflexión
historiográfica. Máis de 6.000 historiadores conectados connosco diariamente, a
través da web e das nosas listas, evidencian a posibilidade hoxe de normalizar
o respeto mutuo os interlocutores nos debates historiográficos, mesmo
ideolóxicos, máis comprometidos, sen menoscabo dos consensos productivos. C)
Nas súas versións máis adiantadas esta nova forma de entender o compromiso
historiográfico tende a ser solidaria seguindo o signo dos tempos. Os que non
queremos -nin debemos facelo, por cuestión de rigor- exercermos o oficio de historiador á marxe da
realidade histórica vivida, temos que asumir activamente a globalización ou
universalización hoxe dos grandes valores da paz e da xusticia, da igualdade e
da democracia, escribindo unha "historia con valores" (punto XVI do Manifesto de HaD). Desde unha
aportacíón fundamentalmente profesional e académica, a universidade está a
colaborar en España (voluntariado, Prestige, guerra do Irak, etc.), e noutros
lugares do mundo, coas grandes causas humanitarias. A aportación específica de
HaD, como se poido ver con último congreso e de cotío na rede, consiste en
operar como unha sorte de "historiadores sen fronteiras", o que case non ten
precedentes, priorizando a solidariedade colectiva cos colegas historiadores
que poidan sofrir persecución en calquera parte do mundo no exercicio da súa profesión, o que vimos
chamando e practicando como Academia
Solidaria.
Nas Actas do III Congreso
que sairán a luz neste ano de 2005 atoparemos máis elementos, que en calquera
outro congreso nacional ou internacional de historiadores, menos que nos
anteriores congresos de HaD, sobre estas novas maneiras de levar a cabo o de
compromiso historiográfico[xxxiv],
reactivadas e redefinidas polo novo presentismo da globalizadora sociedade da
información e o dinamismo dun oficio centenario. Un dos grandes logros de HaD
está sendo investigar e dar a coñecer as comunidades de historiadores como
realmente son, non soamente como din ser segundo discursos historiográficos que
forman asimesmo parte importante das nosas realidades académicas.
8) Nos cinco días de
xullo que compartimos en Compostela evidenciouse un adianto, insuficiente pero
significativo, sobre todo no plano da miña consciencia historiográfica e
doutros colegas, na tarefa urxente de ampliarmos a comunidade e historiadores
á investigación histórica non universitaria. Unha das señas de identidade
de HaD en Internet é a participación activa de historiadores non vinculados a
institucións superiores de ensino e de
investigación -que conforman, en todo
caso, a maior parte da nosa comunidade académica internacional-. Participarción
extrauniversitaria sempre máis sinxela na redes dixitais que nos congresos,
aínda sendo tan pouco convencionais como os nosos. De congreso a congreso
estamos acadado algunhas participacións, cada vez máis, dos investigadores que
traballan no ensino medio ou noutros lugares. A clara insuficiencia desta
incorporación activa, que diferenciamos da simple asistencia, anímanos a elevar
esta necesidade á conclusión pos-congresual
co fin de ir estirando o concepto de historiador máis alá do profesorado
universitario, achegando paseniñamente a historiografía oficial á
historiografía real. Unha parte nada despreciable da investigación histórica
ademáis da didáctica e da divulgación- faise xa fóra das plantillas docentas
das universidades e dos escasos centros de investigación[xxxv].
En moitos casos estes historiadores non profesionais no sentido da que gañan a
vida con outra profesión- teñan unha cualificada formación universitaria e
historiográfica, ademáis dun acusado carácter vocacional e comprometido[xxxvi],
algo do que estamos moi precisados.
Historia a Debate non é o unico exemplo de apertura, compartimos con
outros grupos, redes e movementos
historiográficos esta nova experiencia de abrirnos desde a universidade a
outros historiadores, profesores ou "aficionados" pola historia. A diferencia
reside en que, a partir do III Congreso, queremos transformar esta práctica
espontánea en teoría conscente, reinvindicando a (re) inclusión da
historiografía non universitaria nas novas comunidades e paradigmas que estamos
a precisar nas universidades, nos institutos e nas múltiples asociacións,
fundacións, webs, listas e outras organizacións ou redes de historia -con
ningunha ou escasa relación coa academia- que xurdiron como fungos nos últimos
anos en España e noutros países.
9) A penúltima ensinanza
que inferimos do noso encontro internacional é a demostración, por terceira vez
no tocante a congresos, da nosa vontade de non facer táboa rasa do que foron
as vangardas do século XX, nin de
ningunha outra tradición historiográfica que aportara algo á definición -sempre
en construcción, aínda que algúns non o saiban- do oficio de historiador desde
os remotos tempos de Leopold von Ranke. De aí que a conferencia inaugural fose encomendada
a Etienne Bloch, xuíz retirado, historiógrafo non profesional, fillo do
cofundador de Annales, grande
coñecedor e albacea da súa obra. Na
recepción oficial da Universidade de Santiago de Compostela no Pazo de Fonseca,
berce da nosa universidade hai cincocentos anos, puxémonos en pé para cantarmos
a Marsellesa un 14 de xullo, cando os franceses celebran a toma da Bastilla, en
homaxe a Marc Bloch, exemplo imperecedero de historiador innovador e asemade
comprometido co seu tempo, xustamente no sesenta cabodano da seu fusilamento
polos nazis en Lyon. Outras dúas conferencias plenarias foron impartidas por
André Gunder Frank e Ciro Flamarión Cardoso, inesquecibles representantes
latinos o primeiro por adopción- dese materialismo histórico que tanto nos
aportou nos anos 60 e 70, referente historiográfico hoxe para afrontar os retos
do presente e do futuro da historia, sobre todo da man dos escasos colegas
daquela xeración que seguen a interesarse polos cambios e o porvir. É
complicado, xa o dixemos[xxxvii],
atopar personalidades das correntes da época dourada que estean aínda disponibles na procura de máis
renovacións e compromisos. Unha das excepcións é André Gunder Frank,
historiador e teórico, sociólogo e politólogo, profesor emérito de
universidades de varios países, que amósanos coa súa proposta ReOrient (1998) tanto a necesidade de
reorientar a escrita da historia e das ciencias sociais, como o papel
sobranceiro que vai a xogar Oriente na historia do século XXI, nun exercicio de
historia inmediata e prospectiva, de historia e historiografía mundiais, de
orde diversa á súa aportación antolóxica
á teoría da dependencia nos militantes anos 70. Evolución exemplar logo que
xustifica a súa relevante participación no III Congreso de HaD, incluidos
naqueles debates nos puido intervir. Nada máis ilustrativo logo da forza
colectiva das tendencias que fixeron posible no século pasado estas "grandes
figuras", está por ver se no século que estamos seremos capaces de repetir a
experiencia, desde HaD estamos por suposto a facer o posible por xerar esos
novos movementos historiográficos de base o que fagan realidade.
Sen embargo, estamos
noutro tempo, noutra tesitura historiográfica. Precisamos unha "nova nova
historia" que, sen deixar de asumir (auto)críticamente as incapacidades pasadas
e os retos presentes, reivindique o que tiña de xusto e necesario aquela
"revolución historiográfica do século XX". É por iso que procuramos no noso
último congreso ir recuperando e actualizando debates e reflexiones sobre
historia total, formacións sociais e transicións, estado e sociedade civil,
"grandes homes" e suxeitos colectivos na historia, "grandes historiadores" e tendencias
colectivas, compromisos historiográficos e fins da historia.... De primeiras,
tal como esperábamos o resultado desigual, pero signficativo. Cómpre deixarmos
claro que os historiadores marxistas e
annalistes non se trabucaron tanto hai 30, 40 ou máis anos, como se
pretende hoxe desde posicions extremas neorankeanas ou posmodernas. Temos para
nós que a recuperación da memoria histórica non será eficaz nin completa[xxxviii]
ata que sexamos quén de recobrarmos tamén a memoria historiográfica, sabendo
como sabemos que non se trata, por suposto, nin de "repetir" a historia nin de
"repetir" a historiografía, senón de implementar unha memoria historiográfica e
históricas activas, integradas nas tarefas do presente e alumbradores dun
futuro simplemente mellor.
10) Termino por facer
unha reflexión pensando non soamente que participaron no evento de 2004,
presencial ou dixitalmente, sin tamén nos que esteades a seguir este analise
provisorio escoitando a conferencia ou lendo este texto, visualizando o video
gardado na web ou estudiando as súas Actas: ¿qué interese teñen os nosos
traballos congresuais cara a sociedade? Cuestión pertinente precisamente
agora que se está ampliando enormemente a nómina dos interesados pola historia
en España e noutros países. Veño de dicir nunha emisora de radio, que pediume
un adianto do que íamos departir aquí, que unha cousa son os "veraneantes" da historia
e outra os que nos quedamos nela todo o ano. Se cadra fun un pouco
lixeiro, pero hai no dito algo de
verdade, é preciso distinguir. Para a nosa disciplina, teóricamente sen saídas
profesionais, é moi bo que desde gobernos é outras institucións, políticos,
auténticos aficionados e outros profesionais se interesen, falen e escriban
sobre la historia, que non é nin debe ser monopolio de ninguén, tampouco dos
historiadores. É ben positivo que determinados medios de comunicación social[xxxix]
estean dispostos a publicar cousas de historia[xl].
É moi bo que as grandes editoriais, e tamén algunhas pequenas, debezan polas
biografías dos "grandes persoeiros" da historia, novelas históricas e outras
demandas do mercado máis o menos reais. Toda esta recente atención pública
sobre a historia[xli],
non exenta de pluralidade e novidade serve desde logo, como pasou noutros
períodos históricos, para formar a ciudadanía outra cuestión e o debate dos
contidos- e xenerar vocacións de historiadores[xlii],
pero tamén hai que denunciar os seus efectos perversos ó "obrigar" ó historiador a traballar "por
encargo", condicionando sen disimulo non soamente os temas históricos a
escribir, senón tamén os enfoques historiográficos, cando non as interpretacións
históricas[xliii].
A pasada crise das novas historias, e a subseguinte aceleración fragmentadora,
levounos a historia a unha situación de debilidade que fixo posible que os
poderes externos exerzan unha influencia sobre unha parte sustancial da
historia académica que non coñecíamos desde o século XIX[xliv].
Debater e consensuar entre historiadores o perfil do noso oficio neste novo
século é capital para restaurar a nosa
autonomía, decidindo libre e colectivamente o que, o como e o porque da nosa aportación desde a historia á historia
que estamos a vivir, tentando desenvolver motu
propio iniciativas académicas e públicas que máis conveñan á historia como
disciplina. Non foi eso o que pasou cando o "debate das humanidades" que seguíu
a victoria do Partido Popular nas eleccións de 1996, produxo centos de artigos
de prensa, tamén de historiadores, xulgando a intención gubernamental de
incrementar a presencia da historia, a filosofía e as línguas clásicas, no
ensino medio. Iniciativa política institucional que tivo os seus mellores
resultados atraendo a importantes historiadores marxistas, annalistes
e neopositivistas-, editoriais e media,
á tarefa de recuperar a "idea histórica de España" e as súas "grandes figuras", sen lograr claramente potenciar o ensino e
menos aínda a investigación da historia en España, fóra das citadas "grande
figuras".
Gustaríanos que este remozado interese público pola historia se mantivera co cambio de goberno do 14 de marzo de 2004[xlv] de xeito menos instrumental, pero esto esixe por moito máis da nosa parte: utilizar a liberdade de cátedra para decidir o que debe ser hoxe en día a responsabilidade cultural, social e política do historiador, nos diferentes ámbitos territoriais e sociaiis. O III Congreso vai axudar, sen dúbida, para que escritura académica da historia sirva mellor ó conxunto da sociedade, que financia cos seus impostos a maior parte da historia investigada e ensinada. Sobre unha base común deontolóxica os enfoques han de ser plurais e heteroxéneos, tamén na súa relación política, institucional e social, pero tamén dicimos que é preciso unha "discriminación positiva" a favor la relación da historia académica e a sociedade civil, pois está manfiestamente desiquilibrada en favor das institucións políticas, mediáticas e editoriais, o que se traduce historiograficamente nun abandono dos suxeitos colectivos en favor das "grandes figuras". Repondendo, en resume, a pregunta que encabezaba esta décima conclusión final sobre HaD III, dicir que o que nós podemos ofrecer, reflexionando e actuando colectivamente, cara afóra é o rigor e a honestidade no tratamento dos datos dunha vella profesión con vocación de servicio social e (re)asunción de valores, no cadro da autonomía que lle é propia a universidade institución aínda máis vella que o Estado (moderno)- respecto dos diferentes poderes, a fin de que a historia, e os seus practicantes e actores, disfrute neste novo seculo dunha nova primavera. Moitas gracias.
* Conferencia dictada as 20 horas do 17 de novembro de 2004 na Biblioteca da Deputación Provincial de A Coruña (Galicia, España) no cadro dos actos do V Premio de Ensaio "Manuel Murguía" (arquivo de audio en "Presentaciones" nº 52 de www.h-debate.com).
[i] Coidamos que no momento en que esto se difunda o CESGA haberá colocado xa de xeito permanente o video do congreso na nosa páxina web.
[ii] Escribimos "historia inmediata" no sentido máis riguroso: toda investigación e interpretación que trate de xeito histórico ou historiográfico relevantes feitos ou procesos contemporáneos ó propio historiador.
[iii] O actual presidente do CISH-ISCH (www.cish.org), Jürgen
Kocka, foi membro do Comité Científico do I e do II Congreso Internacional
Historia a Debate (1993 e 1999), está a continuar os esforzos de actualización
emprendidos polo seu predecesor, François Bédarida, engadindo algúns "grandes
temas" históricos de interés actual, sen que as análisis polo de agora cheguen
ata o presente.
[iv] Ó longo da pasada década fumos elaborando unha base de datos coas direccións postales e electrónicas de decenas de miles de colegas, que vén funcionando ó xeito dunha vasta lista de distribución (coa posibilidade individual e continua de se borrar dela) con varios mensaxes ó ano para difundirmos as nosas grandes iniciativas.
[v] A partir do II Congreso a presentación de ponencias está aberta a calquera colega, con independencia do seu estatus académico ou nacionalidade, en igualdade de condicións polo tanto cos restantes relatores, sempre e cando naturalmente a proposta se adapte o noso temario.
[vi] A cuestión non é tanto de fragmentación académica como de fragmentación mental, coidamos que pódese mesmo débese- "estar" nunha especialidade historiográfica pensando e traballando globalmente.
[vii] A toma de conciencia da gravidade deste atranco
historiográfico determinou o contido da nosa conferencia plenaria: Historia a Debate, un paradigma global para
la escritura de la historia (no
prelo nas Actas do III Congreso).
[viii] A razón académica promoción curricular- que se pode aducir para comprender a agudización da tendencia (posmoderna) ó individualismo historiográfico, logo da "caída" das "grandes escolas" do século XX, semellanos así e todo insuficiente, cando máis se falamos dunha comunidade académica tan socializada como HaD: o problema de fondo é metodolóxico, historiográfico e -antes que nada- epistemolóxico.
[ix] A elevada cantidade de ponentes inscritos permitiunos una escolleita coherente coa pertinencia temática e asemade co nivel das propostas.
[x] Confirmando ampliamente a nosa percepción, un ano antes da realización do congreso, de que íamos levar a cabo "el congreso más importante" (vexase a "Preconvocatoria" do 31 de xullo de 2003, no apartado adicado o III Congreso na nosa web).
[xi] Fallaron tamén outros continuadores de certa entidade, por causa da concentración do interese pola historiografía en HaD e pola cativez e discontinuidade dalgunha que outra tentativa, por ausencia sempre de proxecto historiográfico, global e teórico.
[xii] Once anos despois a meirande parte das figuras representativas das vangardias xa pasadas no están entre nós, teñan problemas para viaxar e participar en grandes eventos ou, no peor dos casos, perderon logo de tantos anos o interese polo presente e o futuro da innovación, salvo excepcións como os conferenciantes plenarios do III Congreso ou Eric J. Hobsbawm (1917) encarnación viva da historiografía marxista occidental.
[xiii] Hobsbawm vén de criticar en novembro de 2004, na clausura dun congreso británico sobre a historiografía marxista, á escola de Annales por teren renunciado (os seus herdeiros institucionais) á "reconstrucción da razón" historiográfica e histórica, nunha sorte de Manifiesto individual pola renovación da historia (publicado en "Mensaxes Listas" 4/1/05), que tantas semellanzas ten co noso Manifesto colectivo de 2001: ogallá atope (Hobsbawm) seguidores pola renovación entre os herdeiros actuais de Past and Present.
[xiv] Temos xa nove volumes publicados de actas de congresos sobre investigaciones e reflexións historiográficas, que pronto serán doce, segundo os esquemas positivistas resucitados, estaría todo dito, demostrar congreso a congreso que non é así forma parte da revolución historiográfica que HaD está a implementar conscientemente (cando menos desde a súa dirección).
[xv]
Dícimolo así para sermos pedagóxicos, en realidade para nós é o mesmo o acordo e o desacordo, nutríimos o
consenso do debate e o disenso, practicamos de xeito cotidiá o que en galego se
chama trasacordo.
[xvi] Cómpre insistir que interésannos tanto neste tema e neutros as ideas "propias" como as ideas "alleas", susceptibles de aportar algo malia as acostumadas deficiencias teóricas derivadas da especialización- ó novo consenso (paradigma) que pretendemos.
[xvii] Cómpre recordar que a "historia total como horizonte utópico" valeu sobre todo de coartada teórica para justificar o fraccionamento estructural dos novos historiadores.
[xviii] O problema non é tanto de palabras como de contidos, reemplazamos usualmente "total" por "global" pola finitude, realismo e actualidade do segundo término, cuxos diversos usos dilucídanse doadamente segundo o contexto, o mesmo que calquera outra entrada do diccionario.
[xix] A
proposta é asimismo consecuencia da miña experiencia personal, véxase "Historia social y mentalidades: nuevas perspectivas", Medievalisme:
noves perspectives, Lleida, 2003, pp. 81-108
[xx] O 12 de xaneiro de 2000 abrimos un debate "Historia mundial / historia global" que se pode consultar na nosa web, case non tivo seguimento, agardamos que o III Congreso o reanime.
[xxi] O mesmo acontece coa historia inmediata, coa recuperación da memoria histórica ou -retrocedendo máis no tempo - coa historia oral, a historia das mulleres ou a historia ecolóxica: encerradas nas especilizacións empíricas, academicistas, van perdendo pouco a pouco a súas potencialidades innovadoras.
[xxii] HaD é ante todo un proxecto metóloxico e
historiográfico, o que nos distingue
dos partidarios do retorno a Ranke que camuflan a súa aposta epistemolóxica
"asegurando" que o "único que vale" na investigación histórica é a empiria;
vontade teórica que nos achega ós historiadores posmodernos consecuentes, por
muito que non coincidamos coa súa proposta filosófica (fin da "idea de
progreso"), epistemolóxica (xiro lingüístico, narrativismo) e historiográfica
(paradigma fragmentario).
[xxiii] A "historia do tempo presente" é máis unha ampliación ó século XX da área de Historia Contemporánea, que unha historia realmente actual, sempre algo máis comprometido, un motivo máis por tanto para empregar un término académicamente menos ambiguo como Historia Inmediata, tamén susceptible naturalmente dun uso espurio.
[xxiv] A falta de tolerancia e de respeto ó interlocutor no debates de actualidade, amparada as veces no anonimato, é un problema constante en Internet, outros foros de historia tiveron pechar por este problema ou renunciar á polémica reducindo as "listas de debate" a simples canles de disfusión da información académica, asimismo necesaria e que nos vimos publicando no tablón de anuncios da web.
[xxv] O mito da "neutralidade" do historiador, teórico "notario" perante unhas fontes teóricamente "inocentes", foi nun principio hai máis de 100 anos- positivo na loita contra a historia-ficción, pero hai moito que está a obstaculizar a adaptación da nosa disciplina a evolución histórica, historiográfica, científica, arriscando con facernos retroceder á marxinalidade "erudita" nestes tempos de globalización presentista.
[xxvi] A mengua da presencia de "grandes figuras" que imos detectando de congreso a congreso (véxase a nota 12), veuse compensada en 2004 por unha mayor participación historiadores máis xóves e representativos das historiografías emerxentes, o que resulta vital cara o futuro de HaD.
[xxvii] Co tempo o obstáculo lingüístico desaparecerá tamén en Internet.
[xxviii] Os editores do libro fumos o profesor Lawrence J. McCrank e máis eu, pero xusto é recoñecer que o mérito principal da súa publicación e do editor nortemericano (hispanista, medievalista, especialista en bibliografía e información histórica dixital), da propia editorial e dos informantes do libro profesores Georg G. Iggers (Universidade de Buffalo), Ronald W. Davis (Universidade de Michigan), David E. Thornton (Universidade de Bilkent, Turquía), a todos eles os noso agradecemento público en nome dos autores e do conxunto de HaD.
[xxix] Para atopar formas de intercambio igual non nos sirven as vangardas do século XX: historiografías tan avanzadas como a francesa de Annales ou a inglesa de Past and Present, ensinaban máis que aprendían (no sentido que tén o verbo na língua castelá) das consideradas "periferias", países latinos e americanos, incluidos os EE. UU., o que creou malos hábitos ("colonialistas") entre os emisores e os receptores daquel entón.
[xxx] Outra evidencia máis dos efectos positivos,
democráticos, igualadores, da globalización das comunicacións, no ámbito das
relacións académicas internacionais, que tan ben coñecemos: véxase "Historia a Debate, tendencia historiográfica
latina y global", Aula-Historia Social,
Valencia, nº 13, primavera 2004, pp. 84-90.
[xxxi] Vese mellor a excepcionalidade da experiencia de HaD, se a comparamos fóra do ámbito académico- co intercambio desigual e unilateral existente entre El País, La Republica, Le Monde e outros xornáis europeos co The New York Times: os primeiros están a publicar semanalmente un suplemento cunha selección de antigos do NYT que para nada corresponde dando a coñecer nos EE. UU. as novas e opinións da prensa europea.
[xxxii] Véxase a nota 16.
[xxxiii] Os bós historiadores saben, como M. Bloch, que o profesional da historia, queiramos ou non, parécese máis o seu tempo que ós seus pais.
[xxxiv] Xunto con outras formas de compromiso menos novas, ubicadas a ambos lados do espectro historiográfico e político, que teñen dereito a expresarse e son ademáis parte esencial do debate.
[xxxv] É unha consecuencia da falla de prazas, situación que vaise aliviar na próxima década coa xubilación do profesorado da xeneración baby boom, fenómeno sinalado que afectará escasamente ós actuais historiadores non universitarios.
[xxxvi] De seguro que non podemos decir o mesmo do espírito renovador nos métodos e nos enfoques, pero tampouco andamos moi sobrados diso agora nas universidades.
[xxxvii] Véxase a nota 12.
[xxxviii] Eficaz no sentido de implicar máis á academia historiográfica; completa no sentido de abranguer toda a historia, non soamente o século XX.
[xxxix] Os media tradicionais pasaron dunha función crítica como cuarto estado nos anos do Watergate á formar parte nos anos 90 do poder establecido, aínda que non todos os medios escritos e televisivos sufriron a mesma evolución, naturalmente.
[xl] Sobre todo se están enfocados ó seu gusto historiográfico e/ou ideolóxico, o dirixismo dos medios máis influentes está cambiando -para mal- o sentido do que Gramsci chamou os "intelectuais orgánicos".
[xli] Auxe relacionado entre nós por el retorno da historia de España, dúas décadas despois de que floreceran pendularmente as historias das nacionalidades e rexións, quedando para un futuro (inexorable) a historia mundial.
[xlii] Formacións e vocacións con certa tendencia ó conservadurismo historiográfico que debemos combater non soamente entre os alumnos.
[xliii] Non o foi o caso da Xunta de Galicia que financiou os nosos Congresos de Historia a Debate nos Xacobeos 1993, 1999 e 2004, sen condicionamento algún en canto a temas, enfoques, invitados, etc., como temos posto de releve en varias ocasións.
[xliv] Esta influencia política, mediática e editorial sobre determinda historiografía veu reemplazar á influencia doutras ciencias e movementos sociais, características do século XX, reflejando un novo presentismo institucional, que naturalmente ten outras lecturas e influencias compensatorias desde a sociedade civil e a globalización alternativa.
[xlv] Con todo, o novo goberno do PSOE non semella ter entre as súas prioridades a historia, a diferencia do goberno anterior, coa salvedade relativa do Centenario do Quixote, non desenvolvendo ata o momento ningunha iniciativa a favor dunha historia plural de España, o que se corresponderia en apariencia co seu proxecto político, onde si cabe o seu apoio loable, non dirixista, ás asociacións pola recuperación da memoria histórica da guerra civil e do franquismo.