Imprimir
Twittear
Ben agora toca conseguir o mesmo para o Vigo medieval

Publicado en

Vigo na Idade Media*

 

Carlos Barros

Universidade de Santiago de Compostela

 

     Boas tardes. Gracias Maruxa. Prometeu ser breve pero non cumpriu, inda que ós amigos máis recentes máis se lle perdoa. Agradézovos estar de novo aquí invitado pola Asociación de Amigos dos Pazos, e poder encontrarme co seu fundador, Xosé Manuel López Chávez, que vén de "retirarse", porque 33 anos son moitos, o día que lle fagades unha homenaxe contade comigo. Ánimo porque esta asociación ha de durar outros 30 anos máis polo menos, pois en función do que imos dicir aquí,  penso que a Vigo lle fai falta.

     En realidade non teño como "especialidade" a historia de Vigo, simplemente son de Vigo, o cal supoño que crea un lazo coa cidade olívica, que a min,  debo confesalo,  sempre me interesou ata agora máis persoalmente que académica e profesionalmente. Para esta conferencia pensaba que bastaría con recoller uns datos e explicarvos, ou mellor dito recordarvos, pois sei que sabedes moito do tema, cal foi a evolución de Vigo no período medieval. Pero repasando datos coñecidos, volvendo a ler ós historiadores locais e traballos recentes, atopeime cun problema historiográfico, na miña opinión, grave.

 

Problema historiográfico

 

                Sorprendeume que aínda hoxe se diga que Vigo sempre foi unha aldea, tamén no período medieval. Así por exemplo, un autor ben intencionado –como todos os que se preocuparon  pola historia de Vigo- nun texto dos   anos 70 caracterizaba a Vigo como unha vila minguante:  fóra a menos como pobo da época castrexa ó período romano, do período romano á época medieval, pasando polo período romano; o núcleo de poboación foi perdendo entidade ata o "crecemento espectacular" do século XVI, que parece un milagre, unha urbe que deste xeito "cae do ceo".

 

                Para un historiador de oficio resulta incomprensible tan estraña evolución. O caso é que este prexuízo está abondo estendido na historiografía viguesa, clarexalo nos levaría un dobre traballo, procurar documentos, extraer datos e interpretalos cronoloxicamente, dunha banda, e ir revisando e actualizando, desde a historia de Taboada Leal (1840) ata hoxe, o que  se foi escribindo. Se fai con gusto porque un é de Vigo, pero resulta, como veremos, que faltan moitos datos e documentos, se ben son suficientes para contradicir a "teoría" de que Vigo "sempre foi unha aldea".

 

     Incomoda ler a Murguía (Galicia, 1888), cando di que a cidade de Vigo non tiña pasado, non tiña historia. A eso contestou José Santiago Gómez,  uns anos despois nunha obriña que constitúe o primeiro intento serio de facer unha historia con documentos que xustificara esa obviedade de que Vigo ten historia. Dende estes dos primeiros historiadores, Taboada Leal e Santiago Gómez, ata a actualidade, un pensaba que historiografía habería evolucionado, e estaría claro que houbo un importante Vigo castrexo, pero no menos un Vigo romano ou Vigo medieval, algo diso houbo, pero aínda queda moito camiño por recorrer, sobre todo para o Vigo medieval. De todos modos quero dar como exemplo de madurez da historiografía local o libro de Vía Láctea, o máis actualizado e que aporta novos datos. Pero aínda aí   latexan este falso problema de que Vigo "non ten pasado medieval". En cambio, Antón Peña Santos, xa deixa claro que este criterio tradicional, tipicamente pesimista, non casa co resultado das investigacións sobre Vigo na época romana.

 

                Eu coido que este prexuízo non só é cousa de historiadores, vén incluso de moi atrás. Seguramente empezou cos conflictos no século XVI entre o porto de Vigo, que vive o comezo dunha grande expansión, con Bouzas, por un lado,  polo problema do dereito a salgalo peixe e conservalo, e por outro lado con Baiona, polo  problema da carga e descarga. Baiona tiña, como vila do Rei, o apoio da Coruña, e Vigo como vila arcebispal  o apoio de Santiago. Teño para min que aí empezou o  problema localista coa súa derivación historiográfica. Dicía o representante do arcebispo que "Vigo era o maior porto de Galicia", ó que respondía Baiona, e incluso Redondela, que diso nada, que Vigo non valía nada.  Máis preto de nós, tamén influiría neste antiviguismo, que logo fomos interiorizando, a disputa do século XIX pola capitalidade entre Vigo e Pontevedra, problema que chegou ata hoxe en día. Este pesimismo decimonónico respecto do noso pasado histórico debería terse superado, cando menos entre os historiadores, pero non foi así.

 

Urbe romana

 

                Vou dedicar a conferencia de hoxe, que imos gravar, transcribir e publicar en rede, a aportar o meu gran de area en favor da existencia de Vigo como cidade medieval, dado que para o período romano este tema está superado. Penso que Fermín Pérez explicou xa algo disto neste ciclo, e tamén escribiron neste sentido tamén Ángel Acuña e o propio Peña Santos. Na última década, ficou claro, como consecuencia das últimas escavacións na zona do que era naquel entón  o Areal (hoxe máis reducido, xa que se lle foi comendo terreo ó mar;  daquela cubría o que agora son as rúas Marqués de Valladares, Rosalía de Castro, Pontevedra e Roupeiro), que había un porto de primeira orde en Vigo, comparable ó porto romano da Coruña, Brigantium, que non só comerciaba co Mediterráneo Oriental, etc., senón que tiña unha industria de salgar o peixe moi importante así como "vilas"  por todo o litoral, e sorte de granxas agrícolas vinculadas á arte de salgar. Para visualiza isto estamos pendentes da musealización prometida, tanto da vila romana de Toralla como dos restos da industria de salgado de Marqués de Valladares.

 

     Está claro logo que Vigo, na época romana, non foi unha aldea e agora temos que demostralo mesmo para o Vigo medieval, sorprendentemente non está tan claro como debería de estar Vigo foi unha urbe na Idade Media. O nome non axuda, ‘vicus’ en latín significa aldea, lugar. Busquei Vigo rapidamente na toponimia galega e hai polo menos trinta e dous lugares que se chaman Vigo en Galicia, e todos -menos nós- son en efecto aldeas, de nome se cadra tan antigo como o porto das Rías Baixas pero de seguro que, na súa maior parte, cando menos de orixe medieval. É un pouco "sospeitoso" que estas trinta e dúas aldeas que se chaman Vigo estean nas provincias de Lugo e A Coruña, nas provincias de Pontevedra e Ourense semella que non houbo, ou non houbo tantos, precisamente onde máis podía influír por proximidade a identificación historicamente Vigo-cidade.

 

                Nós defendemos que o noso Vigo histórico nunca foi realmente unha aldea. Desde a baixada de poboadores do Castro á beira do mar, sempre houbo un centro urbano activo cara ó mar, tal e como eran neses tempos os centros urbanos no tocante a entidade. Porto de hábitat concentrado cuxo centro  de gravidade primeiro estivo no Areal (Antigüidade Romana) e logo pasou á ribeira do Berbés (Idade Media). Continuidade relativa no espacial pero terminante clara no económico: a urbe mariñeira de Vigo foi abrangueu de Teis a Coia, segundo os momentos, á unha xente que vivíu da pesca e do marisco, así como da súa comercialización, durante máis de dez séculos. O que inclúe industria de salgar, porto de barcos e con seguridade astaleiros, sempre coas dimensións de cada época.

 

Prexuízo, historia e historiografía

 

     Volvamos ó principio: ¿por que persiste o prexuízo historiográfico sobre o non- pasado de Vigo? Polo regular  somos pouco críticos ca historiografía tradicional -confundindo recoñecemento con devoción- que é moi contradictoria, excluíndo se cadra a Santiago Gómez. Dende Taboada Leal ata Álvarez Blázquez, se reivindica de seguro un Vigo histórico pero se cae arreo na tentación de dicir: "ben, pero antes eramos un pobo pequeno"; o que valería por certo para os resto das vilas urbanas galegas na costa e no interior. Eu mesmo, caín no mesmo prexuízo nun traballo do ano 1998 sobre Xohán de Cangas, Mendiño e Martín Códax, a quen estaba dedicado o Día das Letras Galegas; chegando a escribir unha parvada, que debín ler nalgún sitio, sobre que a Ría de Vigo na Idade Media debería chamarse Ría de Baiona, xa que era o porto principal, sobre todo cara ó exterior e para a Monarquía. Así pois, todos nos deixamos levar un pouco por esa concepción tan viguesa de infravalorar o noso pasado. Polo tanto, temos que ser algo máis que críticos, é dicir autocríticos, revisar ese pesimismo historiográfico para o cal debemos saber de ónde vén a fin de superalo e abordar a historia de Vigo como as restantes historias das vilas galegas.

 

      Unha razón que atranca obxectivamente un mellor coñecemento do pasado medieval de Vigo é a falta de fontes municipais. O  último que puido consultar os fondos medievais do concello foi Francisco Ávila  y La Cueva. A mediados do século XIX, perdeuse o arquivo. Polo tanto non temos para Vigo  libros do concello, libros de escribáns, mazos xudiciais, privilexios reais, etc. O caso é que esta a situación da maior parte das vilas e cidades medievais que houbo en Galicia, salvo algunha documentación conservada en Pontevedra, Santiago, A Coruña e sobre todo Ourense. O  que non quer dicir que non se poida reconstruír a historia medieval destas urbes que chegaron ata hoxe con diferente fortuna, unhas -como Vigo- desenvolvéndose moito máis, outras perdendo peso específico na historia de Galicia.

 

                ¿Como se enche normalmente o relativamente acostumado baleiro  de documentación municipal strictu sensu? Recorrendo á documentación de orixe eclesiástico,  real, nobiliaria, etc. Combatendo ese pre-concepto, que está na base da nosa aflicción historiográfica pre-moderna, de que porque hai unha ausencia de determinadas fontes, hai que concluír que algo que se busca non existe, neste caso o Vigo urbano medieval.

 

                Os restos do pasado, as fontes históricas, sobre todo as fontes escritas, chegan ós nosos días por azares e circunstancias diversas, cando non filtros ideolóxicos ou doutro tipo. O feito de que non haxa un dato sobre algo, non quer dicir automaticamente que ese algo non tivera existido. Poñamos un exemplo, nas sociedades históricas, marcadas polo regular por unha mentalidade patriarcal, as mulleres  aparecen menos que os homes na documentación histórica, do que non se pode deducir que non participaron en tal o cal acontecemento ou proceso históricos. Outro exemplo persoal, cando fixen a tese de doutoramento sobre a revolta irmandiña, utilicei como fonte principal o preito Tabera-Fonseca, relativo ó enfrontamento que tiveron os dous arcebispos composteláns polo estado das fortalezas que botaron abaixo os imandiños. Foron a tal fin convocadas testemuñas de toda Galicia para que falaran de quen as derrocara e porque. Resultando que o tribunal arbitrar non traballou no bispado de Tui (nin tampouco no bispado de Ourense), polo que non aparecen testemuñas de Vigo, de maneira que case non obtemos datos desta revolta en Vigo (a diferencia do Morrazo, si representado no preito). Isto  non quer dicir, loxicamente, que aquí á xente de Vigo non participara na revolta. De feito sábese de fortalezas do arcebispado derrubadas na zona como Teís (hai tamén proba arqueolóxica), pero nada do castelo do Penço que sería o imporante, nin nomes de dirixentes locais, etc.

 

                En resume, para saber máis hai que procurar más fontes, en número e diversidade de orixe, comparar con outras realidades semellantes en tempo ou lugar, e sobre todo aplicar moito o sentido común: se o vaso está medio cheo e medio baleiro, temos que traballar coa parte que está chea, ó tempo que se busca máis auga, para ten máis auga onde botarnos a nadar. No caso de Vigo, como en outras localidades galegas, está por facer unha busca sistemática nos arquivos, dentro e fóra de Galicia, sobre a súa historia medieval.

 

                Outra razón desa especie de autodesprezo do noso pasado histórico, ten que ver con que os que traballamos sobre a historia de Vigo somos, habitualmente, vigueses, participando por conseguinte dunha historia e mentalidade común ben distinta doutras cidades galegas no pasado século XX. O vigués historiador que quer ser hoxe rigoroso, trata xustamente de non ser acusado de localista, de esaxerar o noso pasado por localismo, como se ten feito no pasado, que non fixo máis que medrar no século XX. De certo que a historia local caeu por veces na exaltación do propio, incluso na invención, como por exemplo -critican os colegas de Historia Antiga-  procurando orixes míticas nos gregos e fenicios. É algo que a vella historiografía viguesa comparte coa historiografía tradicional de vilas, familias (nobres, claro está) e países. O que non é de recibo é que se caia, fuxindo do localismo, no outro extremo, concretamente no que respecta a Historia Medieval de Vigo, xa que unha cousa é non facer unha historia de autobombo local e outra, ben distinta, tirar pedras contra o noso propio tellado (non só como vigueses, sobre todo como historiadores).

 

                En ultimo extremo, a mala e estraña relación dos vigueses, ora localista ora antilocalista, coa súa historia ten causas externas ben contemporáneas, recentes, actuais: a longa frustración provocada na cidade pola contradicción entre o seu peso político e o peso económico e demográfico adquirido por Vigo a partir da segunda metade do século XX, ata converter a nosa cidade e zona metropolitana na urbe máis grande de Galicia. Sentimento presente de marxinación que se transmite cara atrás e cara adiante. Nun artigo que me pediron no Faro de Vigo,  "Vigo siglo XXI, ¿un futuro sin pasado?" (5 de xuño de 2005), escribín que non se poden facer proxectos de futuro sen asumir o noso pasado, sen reivindicar o noso pasado, sen caer na ficción, por suposto. A estas alturas non nos vamos a poñer a inventala historia, máis aínda se temos -ou podemos ter- datos abondo como para  facelo dun xeito serio.

 

                Murguía, cando hai máis dun século dicía que Vigo non tiña pasado, baseábase sobre todo  na falta de monumentos, de restos materiais e artísticos dese pasado. Está claro que temos bos monumentos referidos á historia contemporánea, pero non así para outros períodos da historia. Na Idade Media existiron no casco urbano dúas igrexas románicas, Santiago e Santa María, que   desapareceron. O castelo medieval de Vigo, o Penço, non só desapareceu senón que foi substituído pola torre da Pulguiña, tamén desvanecida no tempo. Das casas do Vigo medieval quedan no barrio histórico, sobreviviron as casas de Ceta e Figueroa, hoxe agrupadas e coñecidas como casa de Arines, gracias ó traballo da Asociación de Amigos dos Pazos. Non deixa de ser chocante, porque noutras cidades  galegas cunha historia parecida a Vigo hai patrimonio medieval arquitectónico, sobre todo eclesiástico, e non digamos fóra das vilas: nas aldeas atopamos con facilidade igrexas ou ermidas románicas, góticas e barrocas.

 

                Outro motivo máis para entender porque "non valoramos a nosa historia", o noso pasado: porque non o vemos. No artigo citado de Faro argumentaba que para que haxa futuro ten que haber pasado, propoñendo a creación dun Museo da Historia de Vigo como algo indispensable no século XXI, a partir do que xa temos nao Museo de Castrelos, traendo se nos deixan as estelas romanas do Museo de Pontevedra e o tímpano gótico de Santa María de Vigo e o San Salvador románico que están no Museo Arqueolóxico de Madrid; máis que está saíndo das escavacións arqueolóxicas, e algunhas reproduccións de pezas, planos (falando con Carlos Núñez, pai), situacións e feitos históricos documentados.

 

Urbe medieval

 

     Pasemos xa que logo ó problema da recuperación da historia e memoria do Vigo medieval. Primeiro debemos definir o que entendemos por un centro urbano medieval, pois está a debate se Vigo era ou non unha vila urbana na época medieval, que tamén denominamos burgo, urbe ou  cidade. Interésanos non tanto unha virtual definición "xurídica" como unha definición que teña que ver coa ocupación do espacio e as actividades socioeconómicas dos veciños. Diríamos entón, a partir dunha historiografía actualizada, que un centro urbano é unha aglomeración de casas onde as actividades que practiquen os veciños non sexan soamente agrícolas, senón maiormente artesanais e comerciais, cunha ampla composición social que, no medioevo soe incluír clérigos, escribáns e fidalgos. O que ten a súa peculiaridade á hora de concretar o artesanado e o comercio no caso das vilas costeiras de pescadores, mariñeiros e armadores.

 

      Doutra banda é fundamental utilizarmos o método comparativo para encher o baleiro de aquilo que non está documentado para Vigo. Servíndonos da historia doutras vilas medievais de Galicia. Hai un libro de Anselmo López Carreira, A cidade medieval galega, no que se fan resumes comparativos de historia urbana, en temas como:  oficios, murallas, urbanismo, composición social, economía, institucións, formación e expansión das diferentes cidades medievais de Galicia. Útil para comprender o contexto de Vigo como urbe mariñeira na Plena e Baixa Idade Media. Tamén son partidario, como outros moitos historiadores, de empregar o método regresivo, como aconsellaba Marc Bloch, acudindo por exemplo a datos de principios da Idade Moderna, sobre todo da primeira metade do século XVI, para entender o final da Idade Media, indo de adiante para atrás, aproveitando o grande incremento da documentación nos séculos XVI-XVII.

 

                Así e todo, cos datos que xa temos sobre Vigo na Idade Media xa podemos tirar algunhas conclusións, como  prometín ó principio. Nunhas condicións normais, se non houbera o mencionado prexuízo social e historiográfico sobre o Vigo histórico, e polo tanto un debate que vén de vello, abondaría o que xa coñecemos para acreditar a Vigo como  cidade medieval entre os séculos XII e XV. Con todo o que vou expoñer esta suxeito ó debate e, por descontado, a novos datos que poidan xurdir, pois estamos lonxe de coñecer todo o que está nos arquivos sobre Vigo na Idade Media. Cómpre, en primeiro lugar,  revalorizar e resumir os datos documentais, moitas veces incompletos, proporcionados polos historiadores locais desde Taboada Leal ata Rafael Sánchez Bargiela, pasando por Santiago Gómez, xunto con algúns outros que obtivemos directamente de fontes publicadas nos últimos anos, e do pouco que se conserva no arquivo municipal de Vigo.

 

Século XII, orixes

 

                Convencionalmente a Idade Media empeza en Galicia coa chegada dos suevos no século V, pero o feudalismo,  o período medieval en sentido estricto, comeza ó redor do ano mil e termina sobre o ano mil cincocentos. As cidades galegas, como outras características  plenamente medievais, remóntase polo regular o século XII, coa excepción de Santiago de Compostela. 

 

                Hai tres documentos sobre Vigo nun período relativamente breve, 60-70 anos, que van dando idea de como se vai formando un núcleo urbano medieval, cara ó mar, nas ladeiras do Monte do Castro: o Berbés, por un lado, e baixando pola prolongación da rúa de Venezuela ata o Areal, polo outro. Nun documento de 1097 establécense os límites de Vigo con Canaledo. É polo de agora ó documento medieval máis antigo no que aparece ó topónimo Vigo, incluso consta un veciño, co usual nome xermánico, chamado Vigoiz. Nun segundo documento de 1136, Afonso VII, rei de Galicia e León, que o confirma en 1156, dona as dúas urbanas, Santiago e  Santa María, a Igrexa de Tui. Santiago de Vigo, a máis antiga, ó bispo de Tui, e Santa María de Vigo, que co tempo será o centro da vila, ó cabido da catedral de Tui. É obvio que ambas remiten a un topónimo anterior romanceado chamado  Vigo, dito doutra maneira, as dúas parroquias xuntas forman o Vigo do século XII, cuxo caracter de vila urbana –non confundir coas individualizadas granxas rurais romanas que subsistirán nos comezos da Idade Media- queda máis claro, se cabe, no terceiro documento de 1169. Trátase doutra doazón do primeiro rei de Portugal Afonso Enriques ó bispo de Tui:  o couto de Bembrive. Na cal o novo rei inclúe na doazón cinco barcos cos seus servidores que o curmán de Afonso VII tiña en Santa María de Vico, que aparece nunha forma intermedia entre o vicus romano e o vigo medieval. Había logo algo máis que dúas parroquias pegadas ó redor do topónimo Vigo: un porto pesqueiro de interese real que supón unha entidade urbana de carácter mariñeiro, que dalgunha maneira engancha o porto romano do Areal ó novo porto pesqueiro do Berbés, translación do centro de gravidade de Vigo que se materializa ó longo da Idade Media, no tránsito da parroquia de Santiago de Vigo á Santa María de Vigo, en cuxo perímetro se construíu con toda probabilidade, a muralla medieval, no seu interior o castelo do Penço e baixando un pouco o novo porto pesqueiro. Hoxe nos parece ben pouca distancia á que podía haber entre o Areal e o Berbés: é preciso relembrar a cativeza das vilas medievais en espacio (cheo de hortas, polo regular) e poboación, especialmente no reino de Galicia.

 

                Na miña opinión, o ano de nacemento da cidade medieval viguesa é, segundo os datos hoxe dispoñibles,  1169. As outras vilas medievais teñen a súa orixe en Galicia neses anos: a cidade de Pontevedra, más importante que Vigo naquel entón, data do mesmo ano de 1169, conforme a carta foral concedida pola monarquía para poboar a nova urbe. No século XII conceden os Reis cartas forais así mesmo á Coruña, Allariz, Padrón, Ribadavia, Noia, Viveiro; seguidas doutras pequenas vilas urbanas no século XIII.  O único que distingue a Vigo de todas elas que  é que non houbo unha carta do Rei dicindo que se estarían exentos de tributos, entre outras facilidades, quen foran habitar eses novos lugares. O que quer dicir que o lugar xa estaba poboando, recuperando, nunha novo contexto e próximo lugar a actividade portuaria dos tempos romanos, absorbendo unha poboación dos arredores, parte da cal nunca debeu deixar ás tarefas pesqueiras.

 

Do Areal ó Berbés

 

                Hai un interesante documento do século XVII onde se fala deste traslado do Areal, onde estivera o porto romano, ó Berbés, porto medieval e moderno. O publicou no seu momento Taboada Leal, que como tódolos eruditos daquel tempo non di de onde o sacou, aínda que felizmente da a coñecer un amplo e convincente extracto.

 

                Este desprazamento que condiciona a construcción da muralla maila fortaleza da vila, foi algo habitual –historia comparada- na Galicia urbana da Idade Media, presupoñendo un burgo anterior  (en Santiago de Vigo no noso caso) e xogando un papel clave o interese militar e orográfico.  Fernando II obriga a trasladar Tui a un lugar máis elevado, onde está hoxe a catedral, para mellor defensa da cidade. Igual pasou na Coruña no paso da peixería á  "cidade vella"; en Ribadavia desde a Santa María do Burgo ou da Oliveira á onde están hoxe o restos do castelo dos Sarmientos, na parte alta, e a praza medieval de Santa María de Magdalena, máis abaixo, ambos cercados pola muralla que deixou fóra o vello burgo, como de seguro pasou na formación do Vigo medieval. A excepción foi Santiago, que se mantivo sempre ó redor do sepulcro, basílica e logo catedral, en por si lugar ben situado no caso de ataques e asedios.

 

                Dos castros se baixou ó mar –ou a chaira para cultivar a terra- con Roma, para logo subir de novo  coas novas cidades na Idade Media, estendendo cara arriba a continuidade do hábitat costeiro. O que obriga ás veces a construír a maior torre defensiva, o Penço, non tan alta como o castro prerromano, como en Vigo, pois dise –pendente de mellores comprobacións arqueolóxicas ou documentais- que estaba onde o castelo moderno de San Sebastián, máis abaixo do Castro, o que marcaría probablemente o límite máis alto dunha ocupación urbana medieval que sen dúbida chegaba ata o Berbés (onde os monxes de Melón tiñan intereses portuarios). Vese ben esta disposición espacial nos debuxos e gravados do século XVI e mesmo posteriores, a pesar do crecemento da poboación extramuros.

 

     O centro neurálxico do Vigo medieval estará nun lugar intermedio entre o castelo e porto, no adro de Santa María de Vigo, igrexa románico-gótica desaparecida, en cuxo lugar fíxose moito despois a actual Colexiata de Vigo. Nun plano debuxado de Vigo, en 1597, que conseguiu Jaime Garrido no Arquivo de Simancas vese baleirado de poboación costeira a parroquia de Santiago de Vigo (o Areal maila ladeira esquerda do Castro), agora chea de árbores, proceso de concentración ó redor do casco medieval que, seguramente, rematou ó longo do século XVI. Vese ben aí o típico triángulo das cidades medievais co castelo na punto.  No século XVII repobóase o Areal.

 

                Hai certa confirmación arqueolóxica recente do traslado da poboación pre urbana dunha ladeira a outra do Castro, paralela á mudanza máis abaixo do porto do Areal ó Berbés, unidos tradicionalmente polo "camiño vello", do que falaba o documento de Taboada Leal. Descubríronse dous sartegos de pedra, datados entre os séculos V e XI,  chamados de estola, con tapas de estilo xermánico, que amosan un hábitat altomedieval de algunha entidade: un  apareceu na prolongación da rúa Venezuela, outra na propia colexiata de Santa María de Vigo. O que nos bota luz sobre a continuidade e o desprazamento do poboamento, entre o final de Roma e a Plena Idade Media, entre o fin da vida urbana e o seu renacer coas cidadelas medievais. A presencia de habitantes na zona da Pedra, con anterioridade a construcción da Igrexa románica de Santa María que cantou Martín Códax, danos pistas sobre a temperán formación do que será o núcleo final do Vigo medieval, cuxos límites serán descubertos conforme se fagan novas escavacións que permitan saber máis das súas igrexas, castelo e murallas.

 

                Outro factor indirecto que ratifica a formación dun Vigo medieval urbano é a incidencia na zona do crecemento demográfico nos séculos XII-XIII, exceso de poboación que fixo posible o renacemento urbano na Europa medieval. Un dato máis que significativo, incluso impresionante, é a existencia documentada de 15 igrexas románicas (séculos XII-XIII) nas parroquias do que agora é o concello de Vigo (quedan en pe soamente tres: Castrelos, Beade e Coruxo). O mundo rural tiña excedentes económicos para construír e manter tantas igrexas e, á vez, facer posible e alimentar un núcleo urbano preto do mar, que o primeiro que vai facer é prover de peixe e marisco a zona de Vigo, e mesmo exportar productos do mar, ó mesmo cos restantes portos das Rías Baixas.

 

Século XIII, auxe cultural

               

     No século XIII, o Vigo medieval vive un auxe cultural extraordinario, propio dunha base urbana, económica e socialmente falando, manifestado na poesía cantada en galego. Cultura trobadoresca que non está vinculada a unha corte señorial ou real, senón a unha cidade costeira, poboada con mariñeiros e pescadores, sector maioritario en Vigo durante e despois da Idade Media, pero tamén con artesáns, fidalgos e mercadores, vila mariñeira desenvolvida, tanto social como culturalmente, que fai de capital cultural da principal das Rías Baixas. O emblema desta nova cultura é, sobre todo, Martín Códax, cuxa presencia está documentada en Vigo na segunda metade do século XIII. Nas súas cantigas conservadas, das que excepcionalmente conservase a música, fala de Vigo, incluso cando di "Ondas d´o mar", se refire sen nomealo ó mar  Vigo, amosando un espírito significativamente reivindicativo de Vigo, do adro da súa igrexa principal Santa María, da súa estreita relación co mar. Temos logo pequena cidade medieval conectada coa alta cultura da época, coa poesía lírica galeguizada da Corte de Afonso X "O Sabio" e coa cultura trobadoresca francesa.  Sinala algún historiador as orixes humildes de Martín Códax, que non obstou para que recibira una alta formación, que utiliza para, dominando as cantigas de amigo, conta unha historia de amor co fin de demostrar que existe un mar vivo nas costas de Vigo, vila da que fai tanta propaganda que temos que concluír que alí existía daquela una conciencia de cidade, que proba pola vía da cultura e a mentalidade colectiva a forza de Vigo na Idade Media.

 

Señorío eclesiástico

 

    A cidade de Vigo pertenceu sempre a señores eclesiásticos, como a maior parte das vilas da Galicia medieval (salvo  Betanzos, A Coruña, Viveiro e Baiona, segundo as conxunturas). Os mosteiros de Melón e Celanova, tiveron xurisdicción señorial sobre algúns veciños das parroquias de Vigo, que fundamentalmente foi señorío do bispado de Tui, primeiro, e logo do arcebispado de Santiago de Compostela. Hai dúas teses de doutoramento sobre a Terra de Santiago nas que o porto de Vigo aparece pagando cantidades importantes en concepto de décimos e mordomía (aluguer do mordomo que cobra as rendas do arcebispado): outro dato que amosa que hai un porto e vila medieval importantes.

 

                Dise que o perenne señorío eclesiástico de Vigo, a necesidade pagar sempre rendas a abades, bispos e arcebispo puido frear o desenvolvemento urbano. Nada máis incerto pois outras cidades galegas puideron desenvolverse como tales, economicamente, baixo o señorío tamén arcebispal como Santiago e Pontevedra.

 

                Sobre a "xerarquía" de portos nas Rías  Baixas a finais da Idade Media, preocupeime de buscar referencias no nobiliario de Aponte e no preito Tabera-Fonseca, por exemplo. Na meirande parte dos casos, aparece primeiro Pontevedra, logo Vigo e Redondela, por esta orde, así como Muros e Noia, o Morrazo e o Salnés.

 

Cidade medieval

 

     Unha cidade medieval implica un perímetro de murallas, sempre houbo dúbidas  no tocante a Vigo, sen embargo hai dous datos certos. En 1388, Froissart fala da entrada en Vigo das tropas inglesas do duque de Lancaster (que reivindicaba tardiamente o trono de Castela como pai da herdeira de Pedro I), especificando con toda claridade que os veciños  nun momento estaban dentro dos muros, e noutro fóra deles. Tratase na súa crónica contemporánea seria, apoiada en informacións directas. En 1461, un foro,  depositado na Fundación Penzol da Praza da Constitución,  fala dunha "rua da çerca da Lagea"; ‘cerca’ é o nome medieval habitual para denominar as murallas que arrodeaban a vila. O que nos situaría preto na Laxe, preto de onde estivo o baluarte da muralla moderna.

 

                Probablemente a muralla medieval de Vigo non era gran cousa como muro de pedra ou mesmo madeira, pois nas guerras feudais pos-irmandiñas o batalla se libraban no castelo do Penço, e no século XVI rexístranse queixas da falta dunha verdadeira muralla defensiva en Vigo, o que permitirá en 1589,  que Francis Drake asole Vigo, queime a igrexa de Santa María e  trescentas casas: número moi respectable de familias urbanas, que reflexa o incremento demográfico baixomedieval e altomoderno.

 

                Tamén hai datos de 1333 e 1356 sobre a cerca de Redondela; incluso lugares como Milmanda  e Manzaneda en Ourense, tiñan os seu perímetro defensivo de pedra. No obra citada, López Carreira toma, a falta de mellores informacións, a muralla do século XVII como posible base da muralla medieval de Vigo.

 

                A fala de datos sobre o sistema defensivo do Vigo medieval, inclúe o castelo de Penço, que o arcebispo Fonseca bota abaixo en 1488 a petición dos veciños, pero non sabemos moito máis da súa historia anterior, nin exactamente que pasou con el na revolta irmandiña, sendo posible que, como aconteceu con outras torres urbanas, ficase nas mans do concello irmandiño para a defensa da vila.

 

                Vigo foi unha vila urbana cun castelo enriba, cerca e casas. ¿Que sabemos delas? Temos varias mencións documentais: un foro de Melón do XV fala de casas no Berbés, pertencentes á parroquia de Santa María; as pedras do Penço foron para a casa que fixo Diego Pazos de Probén preto de Santa María. En 1495 a documentación do cabido de Tui confirma o  un incremento demográfico do século XV, pois se lle recorda ós vasalos que tiñan que pedir permiso para construír. Con todo, nas vilas medievais había casas pero tamén hortas, casais, viñas, devesas. Ata moito despois da Idade Media a economía urbana é simbiótica, mestura de diversas actividades. Tampouco debemos pensar en casas de pedras, salvo  igrexas, pazos e torres, usábase máis ben palla-barro e/ou madeira.

 

                Sobre as rúas o  Vigo medieval semella ter algunhas peculiaridades, pois nos documentos fálase más ben das  fontes –ou da cerca ou da igrexa- como referencias para situara s casas. No padrón de 1561, constan soamente cinco "rúas" que equivalen realmente a "barrios". No  plano debuxado de 1597 vese máis ben unha sorte de "terrazas" que parece prefigurar un "urbanismo caótico" consecuencia da presencia intramuros de hortas e campos, e tamén posiblemente orografía en pendente, se nos deixamos levar pola  "historia regresiva" da longa duración. Como en tantas cidades medievais non había pavimentación,  constituído xa que logo a vila  unhas aglomeracións de casas ordenadas máis ou menos paralelamente ó mar, de xeito que malamente se podían definir rúas, incluso no século XVI.

 

                 Con respecto ós oficios e as categorías sociais no Vigo medieval, non imos topar nada que sexa distinto doutras cidades medievais, quitando o feito específico das vilas costeiras de seren maioría social os pescadores e os mariñeiros, constante viguesa ata os tempos contemporáneos. Sobre o peso da pequena nobreza que vivía ou tiña relación con Vigo, entre os séculos XII-XV, fixo un estudio Rafael Sánchez fixo unha relación da pequena nobreza que vivía ou que tiña relación con Vigo entre o XII e o XV. Un foro de 1462 fala da presencia de mercadores. Como outras veces, as mellores referencias son de principios do século XVI. No padrón 1513 aparecen as profesións de 31 veciños, estando representados tódolos oficios populares, agrupados en cinco confradías, forma urbana de organización artesanal que adquirirá grande desenvolvemento ó logo no século XVI. Outro censo de 1533 na Falperra revalida a riqueza e diversidade artesanal que o Vigo moderno herda do Vigo medieval.

 

     Outra cuestión a debate é a participación de Vigo no comercio medieval. O licenciado Molina escribiu en 1550 que de Vigo e Redondela saían moita sardiña, pescada e polbo, nutrindo a toda Galicia e parte de Castela, por medio de recuas e de arrieiros. Temos polo tanto razóns para considerar que no Vigo medieval exportaban pola vía terrestre os excedentes de peixe e marisco, aínda que temos datos dos século XV de un importante desenvolvemento do comercio marítimo,  ata o punto de interesar a nobreza. Os datos son contradictorios, Elisa Ferreira que estudiou o comercio marítimo na época medieval, soamente atopou dous casos de barcos fretados desde Vigo; sen embargo, a muller do citado Diego Pazos de Probén, o que se aproveitou as pedras do Penço, metese a mareante e comercia con Francia, Italia e Inglaterra, seguindo, con toda probabilidade, o exemplo doutros armadores vigueses. Actividade baixomedieval que se prolongou e amplificou, como é sabido, nas décadas posteriores. No século XVI cando ven o forte conflicto con Baiona polo tema da carga e descarga, queda claro que os barcos estranxeiros empezaban a preferir Vigo en vez de Baiona, para introducir mercadorías en Galicia e  Portugal. O feito de que o Vigo moderno importe máis que exporte por mar, fainos pensar que o comercio de arrieiros de que falaba Molina, nese mesmo intre, viña de moi atrás.

 

Vigo nas crónicas

 

    Vigo sae nas crónicas medievais, igual que outras vilas, cando os acontecementos históricos que interesaban ós cronistas (político-militares, sobre todo) pasan por Vigo. É o caso das dúas guerras entre bandos portugueses e casteláns, a fins do século XIV e  a fins do século XV, pola coroa de Castela. Vigo consta de maneira salientable en 1378 na crónica de Froissart (asalto do Duque de Láncaster), xorde de novo na historia escrita daquel entón, un século despois, no nobiliario de Aponte, e, desde un ángulo xenealóxico oposto, na descendencia do Pazos de Probén. Estas dúas últimas fontes narrativas son de principios do século XVI, pero falan do período baixomedieval, nelas aparecen as  guerras feudais e políticas entre Pedro Madruga e o arcebispo Fonseca, dirixentes en Galicia dos bandos portugués e castelán na guerra sucesoria entre Juana la Beltraneja e Isabel la Católica, tendo lugar na zona de Vigo grandes feitos, incluso heroicos, como a defensa do castelo Tenorio, a batalla de Coia e a loita polos castelo do Penço.

 

                 A descendencia do Pazos de Probén que recolle unha crónica perdida do poeta Juan Rodríguez de Padrón, descuberta por Xosé María Álvarez Blázquez (ver Vigo en su historia), é un documento único como nobiliario dunha pequena familia nobiliaria, orixinaria do actual Pazos de Borbén (Redondela) e vinculada ó Vigo medieval e moderno, onde destacan, no século XV, Diego Pazos de Probén e, no século XVI, Gregorio Pazos de Probén.

 

                O prior da Colexiata de Santa María deixounos o testemuño escrito da razzia do corsario luterano Francis Drake en Vigo (1589), con loas a Gregorio Pazos de Probén, "capitán del pueblo", pola defensa da vila. Coa curiosidade de anunciar que no asalto soamente morreron dúas mulleres, e que gracias a Gregorio Pazos de Probén os homes conseguiron matar a 300 luteranos. 

 

Século XV, auxe demográfico

 

                Por últimos, imos referirnos ós datos documentais sobre ó alza do poboamento de Vigo a finais do século XV e principios do século XVI que non cae do ceo, é unha consecuencia do desenvolvemento urbano iniciado no século XII, como pasa noutras vilas. Vimos antes como, en 1495, o cabido de Tui apresurase a lembrar ós seus vasalos da zona do Berbés que han de pedir permiso para construír casas novas porque –dicían os monxes- hai moita xente que quer ser veciña de Vigo. De 1497 data a fundación da Colexiata, pasando a Igrexa de Santa María de ter un párroco, que chamaban abade, a dispor dun prior, naturalmente un cóengo de Tui, transformación xustificada polo incremento de veciños na principal freguesía da cidade.

 

                No itinerario de Fernando Colón (1517-1523) colócase a Vigo entre as cidades galegas de certa entidade. Non se trata dun padrón, senón dun libro de viaxe, polo tanto interesan máis os datos relativos que absolutos, a relación xerárquica entre cidades que os números absolutos que hai que entender máis como habitantes que como veciños ou cabezas de familia. Temos así tres grandes cidades, Santiago, A Coruña e Pontevedra, Santiago, e de seguido un grupo no que aparece Vigo, por riba de Ribadavia e Allariz, vilas de grande importancia no século XIII, o que amosa a importancia do comercio no desenvolvemento urbano baixomedieval. Anselmo López Carreira no libro que citei  fai un cálculo aproximado de habitantes urbanos, multiplicando por un coeficiente as hectáreas das vilas galegas amuralladas, tal como se fai para medir as manifestacións. Vigo, segundo este calculo tamén aproximativo, estaría nunha situación intermedia, en importancia económica e demográfica.

 

                Doutra banda, dispomos de padróns de habitantes de principios do século XVI, fonte  válida por proximidade para finais do século XV, que ratifican o anterior, estudiados por María del Carmen González, que escribiu en Vigo y su Historia a parte da Idade Moderna. Son datos máis precisos, que inclúen os  prezos das cousas e outras moitas cuestións, como rúas e oficios. Obtemos así para as dúas primeiras décadas do século XVI o número de 300 veciños, ou sexa 300 fogares, o que nos colocaría nuns 1200-1500 vigueses, cifra de total de habitantes realmente importante inmediatamente despois da época medieval. As 300 casas das que falan os padróns de inicios do século XVI  equivalen ás que queimou Drake a finais de século, en 1589, de xeito que confirmamos tamén o crecemento demográfico da cidade de Vigo ó longo do século XVI, que puido multiplicar por dous incluso por tres.

 

A historia por facer

 

      Para rematarmos, ¿qué queda por facer sobre a historia do Vigo medieval? Conseguir máis datos e documentos que fagan posible afinar, ampliar ou desmentir a interpretación que vimos de ofrecer, neste sentido non diríamos que queda todo por facer pero si que existe un déficit do que coñecemos de Vigo na Idade Media, considerando o que potencialmente temos nos arquivos e/ou no subsolo da cidade. 

 

                Igual que pasa noutras vilas, os arqueólogos están abondo activos en Vigo, máis na arqueoloxía de urxencia ou de xestión por mor das obras, que seguindo un plan de escavacións, como sería de desexar, o que faría posible pasar da arqueoloxía romana á arqueoloxía medieval, que non sempre podemos separar. Xa falamos dos dous sartegos altomedievais que nos indican o transito da poboación do Areal á parte do monte do Castro pola que se baixa o Berbés. Se fixo algo en 2001 nos arredores de Santa María, habería que insistir porque é probable que o seu adro fixese de praza maior na Idade Media. Así mesmo cumpría pescudar a situación da primitiva igrexa de Santiago de Vigo, os restos de Santa María e de ámbalas dúas necrópoles, onde puido estar o castelo do Penço e, sobre todo, o que poida quedar das febles murallas medievais, seguindo ou non o trazado das murallas modernas. De maneira que se puidese debuxar con máis precisión o plano do Vigo na Idade Media.

 

                No tocante á documentación escrita, avanzouse algo no libro da editorial Vía Láctea que proporciona novos datos extraídos da documentación de Tui, Santiago e Melón. Pero está aínda pendente unha procura e publicación sistemática de documentos completos sobre  Vigo na Idade Media nos arquivos diocesano e das catedrais de Tui e Santiago, no Museo de Pontevedra, no Arquivo do Reino de Galicia, así como no arquivos estatais de Simancas, Histórico Nacional, Biblioteca Nacional e Chancelería de Valladolid, por poñer os máis importantes.

 

                Un problema común das historias locais en Galicia, salvando algún caso excepcional, é unha dependencia excesiva dos datos e interpretacións proporcionados polos historiadores locais da segunda metade do século XIX e primeira do século XX, que con frecuencia non dicían de onde sacaban os documentos e menos aínda os publicaban, aplicando a súa comprensión métodos e enfoques que hoxe consideramos tradicionais, polo que precisaríamos unha recolleita de fontes e elucidación historiográfica actualizada, o que no quer dicir que no se valoren  as primeiras historias de Vigo, sen as cales hoxe non tería obxecto que eu estivera aquí falándovos de Vigo na Idade Media. 

 

                Máis nada, que novas pescudas nos sigan iluminando facendo avanzar e que,  paralelamente, vaia adiante a rehabilitación e recuperación do casco vello para disfrute consciente da súa historia dos vigueses de hoxe. O momento é importante porque Vigo non se interesou tanto como hoxe pola súa historia, imprescindible para construír o Vigo do século XXI. Que todo eso vaia adiante e o poidamos celebrar pronto no adro de Santa María cunha festa medieval. Moitas gracias.

 



*  Transcrición, revisada polo autor, da conferencia dictada o 21 de abril de 2006, na Fundación Caixa Galicia, organizada pola Asociación de Amigos de los Pazos, no cadro do ciclo de conferencias "O Vigo ignorado".

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Ver Política de cookies
Privacidad