Imprimir
Twittear

Publicado en

 

A historia que vén

 

Carlos Barros

Universidade de Santiago de Compostela

 

            O xeito de escribir a historia implantada entre os historiadores profesionais a partir da II Guerra Mundial, a historia entendida como ciencia, cunha posta en  práctica da que resultou unha historia económica-social, estructural e obxectivista, que propugnou a ambición ideal dunha historia total e a necesidade de estudiar o pasado para comprender o presente e construír un futuro mellor, foi fortemente cuestionada ó longo da pasada década, ó tempo que entrou en crise o proxecto filosófico común que a sustentaba, a idea ilustrada do progreso.

Ata aí a evidencia. Resulta menos claro para todos, e a razón de ser deste traballo é tentar explicitalo, o feito de que a comunidade de historiadores foi formulando, á vez que a crítica, novos consensos sobre como exercer a profesión, con frecuencia sen sabelo, porque o proceso das novas converxencias prodúcese máis na práctica que por medio dun debate explícito. Por algo se di, e con moita razón, que  a crise finisecular da historia -pensemos sobre todo no papel decrecente dos historiadores e da historia na sociedade- está acompañada dun formidable incremento da producción historiográfica, que renovou enormemente temas e métodos, pero dun xeito desigual, sen demasiada reflexión, sen orde nin concerto[1], o que limita gravemente e aínda pode dar ó traste cos posibles resultados. As nosas primeiras reflexións queren ser, xustamente, sobre  a maneira en que as comunidades científicas, en xeral, reconstrúen a través de procesos críticos o seu acervo común.


Interésanos máis, nesta ocasión, saber que historia se fai e sobre todo que historia se debe facer -co cal sobrepasamos consciente e criticamente a función notarial-, que as reprobacións, nalgunhas frontes moi xeneralizadas, ás "novas historias" que caracterizaron as historiografías do século XX, cunha vixencia en certa medida que non deixamos de reivindicar sempre e cando aceptemos -rexeitando polo tanto calquera espírito numantino- todo aquilo que está superado pola práctica científica en xeral, e pola práctica dos historiadores en particular, así como as novas necesidades socias, culturais e xeracionales, ás que a historia e as ciencias sociais deben responder nesta acelerada fin de século, iniciada en 1989, que nun principio impulsou tremendamente as críticas posmodernistas -e aínda máis as premodernistas- para axiña animar unha racionalidade renovada, unha nova ilustración, unha reformulación da idea de progreso que tome en consideración erros e fracasos, esforzo intelectual co que nos sentimos identificados.

Enunciaremos brevemente, mediante 16 teses  ou proposicións argumentadas, os criterios que nos parecen fundamentais para o novo consenso historiográfico en xestación, ca fin de alentar o debate contribuíndo a centralo e promovendo a disidencia, conscientes de que aínda estamos no camiño: non rematou a transición ó paradigma historiográfico común do século XXI, nin siquera é inevitable.

 

1

A historiografía avanza a saltos, e non por simple acumulación, segundo as decisións consensuadas en cada momento pola comunidade de historiadores.

En calquera libro de historiografía que se prece, explícase o progreso do coñecemento histórico marcado por rupturas no xeito de escribir a historia[2]. Foron particularmente importantes: o cambio traumático da historia metafísica, sagrada ou literaria, á historia positivista protagonizada pola escola de Annales e o materialismo histórico, contra o concepto positivista da historia. Precisamente este xeito de concebir a historia da historia, a través de revolucións disciplinales, é debedor da concepción materialista da historia.

Pois ben, Thomas S. Kuhn, un físico reconvertido en historiador da ciencia, aplicando á súa maneira o método da historia ó devir do coñecemento científico, singularmente referido ás ciencias da natureza, revolucionou a filosofía da ciencia a partir dos anos 60[3], poñendo en moi graves apretos ás, daquela, dominantes concepcións neopositivistas (encabezadas por Popper) que coartaron, moito máis do que se pensa, o desenvolvemento do programa historiográfico inicial do materialismo histórico e de Annales.


A diferencia dos positivistas, vellos e novos, Kuhn sitúa a orixe das certidumes científicas máis nas decisións sucesivamente consensuadas, tras períodos de crise e de rivalidade de teorías, pola comunidade científica de cada disciplina, que na verificación (ou falsación) empírica, polo demais indispensable. A aplicación ás ciencias sociais e humanas dos descubrimentos de Kuhn  inférese das súas propias débedas explicitadas coa historia -e tamén coa socioloxía, a psicoloxía social e a epistemoloxía[4]-, ó estudiar a historia das ciencias físicas, e sobre todo da propia experiencia da historiografía, que non por casualidade está hoxe medrando entre os historiadores, que así e todo nunca chegara tan lonxe, como Kuhn, á hora de sistematizar teoricamente a evolución histórica da ciencia, no noso caso, a ciencia da historia.

Nas pasadas décadas, o interese de Kuhn e doutros científicos pola historia non se correspondeu cun interese recíproco dos historiadores pola historia da ciencia e a filosofía da ciencia. A razón reside na separación vixente, a miúdo tinxida de xenreira, entre ciencias e letras[5], entre ciencias "duras" e ciencias sociais e humanas, debido á cal pasou desapercibido o "amolecemento" das ciencias físicas. Cando, excepcionalmente, existiu unha relación entre historia e ciencia estricta, esta se estableceu coa ciencia neopositivista -por exemplo, para importar métodos cuantitativos-, malia á hostilidade manifesta de Popper cara todo historicismo. Polo demais, o espontáneo desinterese do historiador de oficio cara a teoría vén remachar este décalage entre investigación histórica e historiográfica e filosofía da ciencia, ultimamente a rama máis productiva da filosofía.

A saída a actual crise de identidade e de crecemento da disciplina histórica, pasa, na nosa opinión, pola aplicación da teoría de Kuhn sobre o desenvolvemento histórico das ciencias.

 

2

Existe un paradigma común dos historiadores, hoxe en plena crise, que non atopará plena  resolución máis que coa substitución por un paradigma novo.

 


Entendemos por paradigma o conxunto de compromisos compartidos por unha comunidade científica dada: aqueles elementos teóricos, metodolóxicos e normativos, crenzas e valores, que gozan nun momento determinado do consenso dos especialistas. Un paradigma globa está, pola súa banda, formado por paradigmas parciais. O funcionamento dun paradigma común é consubstancial coa existencia dunha disciplina unificada, xustifícanse mutuamente, e non exclúen a pluralidade de enfoques, mesmo de escolas, máis ben o contrario: nunca atoparemos plena homoxeneidade teórica e metodolóxica entre os membros dunha comunidade establecida, nin tampouco é aconsellable en aras da boa marcha dunha disciplina científica. O concepto historiográfico de paradigma foi precisamente creado por Kuhn para explicar os mecanismos reais de aprendizaxe e consenso, no interior de calquera comunidade madura de científicos, necesariamente máis flexibles e  abertos que os propios dunha escola coa súa teoría, os seus líderes e a súa xerarquía.  A historia científica, alén as escolas historiográficas e as historiografías nacionais, non podería establecerse sen un paradigma común.

O recoñecemento suxeitivo do paradigma común dos historiadores do século XX, bate de entrada con dous problemas. A relativa rivalidade das dúas grandes escola historiográficas, Annales e historiografía marxista[6], que artellaron -por vez primeira- o paradigma común historiográfico a mediados do século XX, combatendo exitosamente a historia tradicional: acontecemental, política, narrativa, biográfica. E a persistencia dun terceiro compoñente positivista, raramente admitido polos novos historiadores, que se reflicte no carácter manifestamente empírico que seguiu impregnando o oficio de historiador, co que ten de positivo (crítica e uso de fontes) e de negativo (desprezo pola reflexión e a teoría).

Con independencia do grao de conciencia que teña tal ou cal historiador, ou do grao de aceptación de tal consenso por parte desta ou aquela escola ou historiografía nacional, o paradigma común dos historiadores, existe e funciona. Entra os compartidos paradigmas parciais que constitúen o agora xa vello paradigma xeral do século XX, que coñecemos como a historia científica, hai que contar cos seguintes: historia total, pasado/presente/futuro, historia-ciencias sociais, historia explicativa, historia económico-social, fontes non narrativas, cuantitativismo, monografías rexionais, multiplicidade de tempos.

A posta en práctica deste paradigma Annales-marxismo, a partir da segunda metade do século XX, sufriu, con todo, severas limitacións e desviacións a causa dos seus propios defectos, e da pervivencia do positivismo no método e a teoría,  portador dun obxectivismo que foi axiña reforzado polo economicismo marxista e polo estructuralismo (o paradigma estructuralista dominou amplamente ás ciencias sociais, polo menos ata 1968).


Tres fracasos sucesivos e interrelacionados do paradigma común do século XX, abriron e alimentaron a crise actual, e as reaccións puntuais dos historiadores a ela:

 

1) Da historia obxectivista, economicista, cuantitativista, estructuralista, que dá lugar nos anos 70 a un progresivo retorno do suxeito, primeiro social (historiografía marxista anglosaxona), logo mental (historia francesa das mentalidades) e finalmente tradicional (biografía,  historia política).

2) Da historia total, abandonada como enfoque da investigación, proclamada  como algo imposible de conquerir pero que é necesario manter como "horizonte utópico" dos historiadores, renunciándose logo a ela no plano da teoría, ó tempo que -xa nos anos 80- a historia se desenvolve exactamente no sentido contrario: fragmentándose ata o infinito en temas, xéneros e métodos.

3) Da relación pasado/presente/futuro onde fallou, por exemplo, a sensibilidade do historiador cara o feminismo, e cara a relación home-medio ambiente, que para a nova historia xeográfica e económica se reducía ó estudio do dominio da natureza por medio do traballo, ou dos condicionamentos xeográficos da sociedade. A hoxe vigorosa historia das mulleres (e o mesmo podemos dicir da historia ecolóxica) desenvolveuse, por tanto, á marxe de Annales e o materialismo histórico, sobre todo nos seus comezos, e contra os hábitos pre-teóricos da persistente influencia positivista. Aínda que onde a derrota da historia, e do conxunto das ciencias sociais, foi máis notoria é na incapacidade de comprender, e máis aínda de prever, as revolucións de 1989-1991 e a transición do socialismo ó capitalismo no Leste europeo, que trastocaron o sentido progresivo da historia no século XX . A historia científica soupo asimilar o marxismo historiográfico, pero resultou incompetente para analizar e explicar as realizacións históricas do marxismo político.

 

Estas e outras anomalías, impugnan o paradigma común da historia como ciencia social, e provocan reaccións diversas, internas e externas, que están contribuíndo, directa e indirectamente, desde os anos 70, a perfilar un novo consenso historiográfico. Proceso de xestación, e tamén de dispersión e incertidume, que non ten para nada garantido un bo final. Existe tamén a  alternativa da marxinalidade: unha historia cada vez máis alonxada das ciencias sociais -e naturais- e más preta á ficción ou ó interese erudito dunha excelsa minoría, unha historia con dificultades crecentes para facer ver a súa utilidade social e o seu papel capital na educación dos cidadáns e na investigación.


No capítulo das  reaccións  internas á crise do paradigma común, reseñaríamos como máis rechamantes: a) os retornos dos xéneros tradicionais (historia política, biografía histórica, historia-relato), que desde o período de entreguerras criamos alleos á historia científica, ou sexa, a "historia historizante" que semellaban ter derrotado Bloch, Febvre e Braudel; b) o conservadurismo academicista de varia orientación, que  quere manter o paradigma historiográfico do século XX, simulando que nada pasa ou argumentando, defensivamente, que é mellor repetir indefinidamente o saber acumulado ca fragmentación e a nada; c) o revisionismo historiográfico, que, aproveitando a conxuntura ideolóxica dos anos 80, pretende dar a volta á historiografía das revolucións sociais da modernidade (francesa e inglesa, maiormente) e das dictaduras implantadas no período de entreguerras en Alemaña, Italia e España.

Externamente, anotemos como a ideoloxía posmoderna inflúe na historiografía actual. A crítica desapiadada da idea de progreso -base filosófica común do paradigma dos historiadores contemporáneos- e o "todo vale" metodolóxico anima a bastantes historiadores a instalarse comodamente na fragmentación actual da historia, considerando incompatible a presente liberdade de temas, xéneros, métodos e teorías coa vixencia de calquera  "paradigma unificador". O carácter máis destructivo que constructivo do posmodernismo frea os seus efectos, e inutilízao como alternativa historiográfica[7].

Os acontecementos de 1989-1991 pareceron, nun primeiro momento, darlle a razón ós predicadores da fin dos intentos modernos de transformar o mundo, para, en certo sentido, quitarlla de inmediato coa paradoxal volta ó poder dos ex-comunistas en case todos os países do Leste mediante eleccións. Este rápido e contradictorio proceso reproducíuse coa proclamación da "fin da historia" que fixo en 1989, antes da caída do muro de Berlín, Francis Fukuyama, asegurando que a modernidade chegara ó seu destino coa xeneralización, como única alternativa, da democracia liberal. A resposta xustamente airada dos historiadores de profesión a unha proposta que bate co noso coñecemento da historia -e cuestiona así mesmo a continuidade da nosa profesión-, non ten que agacharnos a maior ensinanza do debate sobre a "fin da historia" (e que tamén é deducible da crítica posmoderna): o esgotamento da teoría progresiva da historia, o concepto fatalista dunha historia que avanza a unha fin feliz previamente fixada.

 

3

É unha falsa alternativa dicir que a historia como non pode ser unha ciencia "obxectiva" e "exacta", non é unha ciencia.

 

O lento redescubrimento, ó longo dos últimos vinte anos, do rol do suxeito na historia e do libre albedrío do historiador no seu traballo, entre as cinzas da vella historia obxectivista, economicista e estructuralista, sementou, unha vez máis, de dúbidas a profesión tocante a cientificidade da historia como disciplina capaz de reproducir o pasado "tal como foi". A pervivencia deste concepto eminentemente positivista da ciencia, e da historia segundo Ranke, entre os historiadores de formación annaliste e/ou marxista está pois facilitando extraordinariamente o retroceso da historia: ben cara a literatura, exacerbando a subxectividade do historiador, ben cara un novo presentismo sen pretensións de cientificidade, que opón o compromiso social do historiador á súa tarefa como investigador.

As dúbidas prácticas do historiador sobre a vella obxectividade, as súas certezas sobre o relativismo do coñecemento histórico, que en realidade o achegan á última filosofía da ciencia, son paradoxalmente percibidas na comunicade de historiadores -impregnada de positivismo- como un alonxamento das ciencias naturais, como unha volta ás humanidades clásicas, co que se fai táboa rasa de avances fundamentais da historiografía do século XX. A contradicción resólvese facilmente -en teoría, porque é moi difícil traballar guiados por conceptos relativos- reformulando a ciencia histórica de acordo cos últimos avances epistemolóxicos das ciencias sociais e, singularmente, das ciencias naturais.

 

4

A redefinición da historia como ciencia e a nova física.

 


¿O concepto de historia debe cambiar ó mudar o concepto científico da realidade? Coidamos que si. O século XX supuxo a fin da mecánica newtoniana a mans da física cuántica e da teoría da relatividade, sen embargo o obxectivismo e o absolutismo da vella mecánica seguiu condicionando longamente a nova ciencia histórica. O principio de indeterminación (Heisenberg), o principio de complementariedade (Born), a complexidade e o caos, reintroducen o suxeito no proceso, e no resultado, da investigación e relativizan de tal modo a verdade científica que deixan en evidencia todas as prevencións dos historiadores, e outros científicos sociais, sobre o peso da subxectividade nas súas obras. O achegamento real entre as ciencias da natureza e as ciencias sociais (e entre as ciencias físicas e as humanidades), agora moito máis compatibles que a principios do século, foi polo momento máis recoñecido polos científicos "duros" (o éxito do obxectivismo relativo de Kuhn explícase tamén por isto) que polos humanistas que desde os tempos do positivismo (Comte) buscaron, e atoparon, nas ciencias da natureza unha referencia epistemolóxica e metodolóxica científica segura.

A fin de século imponse un concepto de ciencia que dá cabo da separación positivista obxecto/suxeito[8], ¿pode a historia permanecer allea a esta revolución científica, cando a súa propia práctica levouna a concluír que non existe unha verdade absoluta á marxe do observador actual e do suxeito histórico? A historia é, ou pode ser, tan obxectiva como a nova física. A nova ciencia con suxeito non é menos senón máis científica que a vella ciencia (obxectivista) do positivismo. Roto hai xa tempo o consenso historiográfico sobre unha definición e unha práctica obxectivista da nosa disciplina, só se poderá recompoñer asimilando os historiadores a nova racionalidade científica, de signo relativista e transdisciplinar, que vai caracterizar o século XXI. A reconstrucción do paradigma común dos historiadores, sen o cal a historia será incapaz de superar o esmigallamento actual e recobrar o seu papel na sociedade, require tomar nota dos cambios paradigmáticos no conxunto das ciencias sociais, e na concepción xeral da ciencia, dictada onte coma hoxe polas ciencias da natureza ( proba de que a ciencia non abandonou as súas bases de partida materiais, realistas). Conforme a epistemoloxía e a metodoloxía das ciencias "duras" e "brandas" se aproximan, os consensos paradigmáticos deveñen máis inclusivos.

 

5

A historia da humanidade non avanza cara unha meta fixada de antemán, pero tampouco ten volta atrás.

 


O estudio do pasado, a partir dos problemas do presente, é un criterio compartido polos historiadores, que xustifica a utilidade social da historia na loita da humanidade por un futuro mellor. Esta idea ilustrada, inxenua e optimista, do progreso indefinido, segundo a cal o desenvolvemento científico-técnico produce unha sucesión de formas sociais cada vez máis avanzadas, chocou primeiro coas guerras mundiais e os horrores políticos (Auschwitz, Gulag), e máis recentemente cunha conciencia xeneralizada do deterioro irreversible do medio ambiente, e da evidencia de que o benestar económico só favorece a unha minoría de países industrializados e condena ó resto da humanidade á miseria. A relixión laica do progreso indefinido sufriu o seu derradeiro golpe coa caída dos países do chamado socialismo real, que dicían estar a construír unha sociedade final comunista e que agora buscan no réxime social pre-revolucionario, no capitalismo, as solución ós seus problemas económicos e sociais, sen demasiado éxito polo demais.

Non existe unha meta preestablecida da historia da humanidade, como se pensou durante séculos (o xuízo final da historia providencialista, a democracia liberal de Hegel-Fukuyama, a sociedade sen clases de Marx), igual que non existe unha verdade científica fixa e permanente. Tampouco está garantido que a evolución social vaia de peor a mellor ó desenvolverse a economía, a ciencia e a  técnica. O suxeito da historia é máis libre, e o futuro está máis aberto, do que podiamos sospeitar. O cal non quere dicir que o progreso rematara, que a humanidade non deba formular obxectivos -móbiles-, que o proxecto da modernidade chegara á súa fin, sexa porque xa se realizou plenamente (Fukuyama), sexa porque nunca se vai levar a cabo (posmodernismo), sexa porque nos encamiñamos a unha sombría "Nova Idade Media" (Minc[9]).

A historia ensinounos que os sentimentos de confusión e incertidume acompañan ós períodos de transición, e que estes rematan antes ou despois coa implantación de novas realidades (e de novos paradigmas). Por outra banda, o único progreso histórico que existiu é o progreso relativo: nin absoluto, nin lineal, nin inexorable, medido desde o presente e non desde o futuro (quitando para viaxeiros do tempo). Un futuro, pois, aberto a diversas alternativas. E un pasado que nunca volta. Unha nova idea racional -non teleolóxica- do progreso que seguirá incluíndo rupturas e revolucións -políticas e sociais, culturais e científicas-, que coloca ó suxeito no centro da historia, que recoñece o papel mobilizador das utopías pero non as confunde coas ciencias..

 

6

Sen o suxeito, do pasado e do presente, non é posible unha historia obxectiva.

 


A redefinición da verdade científica que, incluíndo ó suxeito observador, salienta a función do historiador no proceso da investigación histórica, vén dar a razón a determinados paradigmas historiográficos do século XX, como a historia-problema de Annales ou a función clave da teoría no materialismo histórico, que toparon a súa aplicación obstaculizada pola pervivencia da crenza positivista entre os historiadores. O novo concepto de obxectividade relativa vai mesmo epistemoloxicamente alén, que a vella historia explicativa, ó restaurar o suxeito forte como fonte de obxectividade (a comunidade científica de Kuhn como factor definitorio do que é ou non é obxectivo), ó fundir obxecto e suxeito, postulando que non teñen vidas separadas. Corresponde cientificamente ó historiador, individual e colectivo, traballar cos datos para explicar e interpretar, para buscar a causa e o sentido dos feitos históricos, para construír teoricamente o seu obxecto e investigar empiricamente, como veñen facendo os científicos "duros" e moitos científicos sociais. A continuidade dos malos hábitos do positivismo (que fai desaparecer ilusoriamente ó suxeito-observador) contradí as  aportacións máis audaces e inéditas dos fundadores do paradigma historiográfico do século XX, a práctica historiográfica vixente, a recuperación plena da cientificidade da historia.

A derivación da escritura da historia, desde os anos 70, cara unha historia do suxeito mental, antropolóxico, cultural, e máis recentemente cara unha historia do suxeito individual, fixo esquecer o suxeito colectivo, social, da historiografía social anglosaxona, relegado na investigación histórica[10] a causa da depresión ideolóxica pos-1968, primeiro, e da "onda conservadora" dos anos 80, despois, ata que foi rescatado para o debate historiográfico polos revisionistas, desde un punto de vista contrario, e tamén pola historia inmediata. 1989, é, de novo, a data clave, o ano do Bicentenario da Revolución Francesa e das revolucións democráticas no Leste.

O retorno da revolución e do protagonismo político das masas en Europa oriental, entre 1989 e 1991, vivido en directo a través da televisión en todo o mundo, é o retorno do suxeito forte da historia que a historiografía do vello paradigma, sexa annaliste sexa marxista, deixara finalmente de lado, ó compás da conxuntura intelectual, fiel a unha historia económico-social estructural ou a unha historia das mentalidades (e sucesores) allea á historia social[11].

A emerxencia conxunta do suxeito forte da nova epistemoloxía científica e do suxeito forte da historia recente, non é casual, avísanos de que estamos entrando na era do pos-posmodernismo, anuncia as pre-condicións para unha nova ilustración. ¿Que vincula a revalorización colectiva do investigador, dunha banda, e do axente histórico, pola outra? A resposta está noutro punto incumprido do programa annaliste-marxista, a "historia humana" de Bloch e Gramsci, os homes facendo e decidindo a súa propia historia, tanto a historia da ciencia como a historia dos feitos.


Contemplar o suxeito e o obxecto da historia como unha mesma realidade, é un principio doado de enunciar mais difícil de aplicar, segundo os esquemas metodolóxicos e ontolóxicos herdados. Todo un reto para os historiadores do futuro.

 

7

Da determinación económica e simple á determinación global e complexa, concreta e revisable, dos feitos históricos.

 

O paradigma obxectivista e estructural en activo -segundo Kuhn, ningún paradigma deixa de estar vixente ata que é plenamente substituído- primou o determinismo da economía, incluso da xeografía, cando se tenta explicar os feitos históricos, en detrimento da causalidade subxectiva da loita social, abeirando outras dimensións que condicionan así mesmo a realidade pasada como a mentalidade e a cultura, a política e o poder, os individuos e as institucións; determinacións coas cales o historiador se atopa todos os días nas súas investigacións.

A reacción subxectivista contra a prioridade da historia económica, infraestructural, levou -aínda que non sempre[12]-, seguindo a lei do péndulo, a subliñar a indeterminación dos acontecementos históricos. De xeito que a historia sería o reino da continxencia absoluta: un suxeito sen obxecto. Así, nun primeiro momento, a historiografía desinteresouse pola investigación das causas e das explicacións, para negara máis adiante a posibilidade de coñecelas, ó tempo que volvían os enfoques máis tradicionais da historia e anovábase outra idea de orixe neopositivista: a imposibilidade de aprehender a realidade máis alá do discurso (o linguistic turn na súa versión máis radical).

A nosa proposta é superar a polémica determinación/indeterminación levando a cabo "unha análise concreta de cada situación histórica concreta" coa fin de averiguar, sen ríxidas posicións previas, o grao posible de determinación dun feito histórico que, como sabemos, depende das fontes conservadas, os métodos de investigación, os coñecementos non baseados en fontes, as hipóteses e teorías que empregue o historiador. O resultado é obviamente revisable na medida que os factores subxectivos da investigación varían.


A procura prioritaria das causas da historia na súa base material, revelouse como un enfoque claramente insuficiente, e en ocasións erróneo. Toda metodoloxía non reduccionista ten que perseguir, pois, a determinación global dos feitos históricos, máis alá dos esquemas simplificadores e separadores (obxecto/suxeito, base/superestructura, economía/política/cultura) propios do impugnado paradigma obxectivista, economicista e estructuralista. A investigación específica diranos, en cada caso, o grao de complexidade da combinación das determinacións.

A realidade histórica soe ser máis complexa que as nosas metáforas mecánicas, a imposición destas afástanos, en consecuencia, do obxecto de estudio; de certo, mais non sempre é así, os esquemas simples poden facer plausible nalgúns casos unha descrición, ata unha explicación, toda vez que a complexidade inclúe a simplicidade[13]. Así é como mantén certa vixencia a determinación económica da realidade social, política e cultural, no poucas veces demostrada pola historia e outras ciencias sociais en investigacións concretas. O problema a resolver, en cada caso, é como artellar globalmente a economía coas restantes dimensións, que, ademais de estar en interacción con ela, viven no seu interior: a política e a mentalidade, tamén forman parte da vida económica e material, e viceversa, de aí a constante incapacidade da metáfora ríxida do edificio de tres plantas (economía/ política/ cultura[14]) para comprender cabalmente, e mesmo para describir correctamente, a meirande parte das veces, o mundo pasado. A determinación económica é tamén, de cotío, unha determinación global e complexa.

 

8

O que decide que un tema de investigación ou un xénero historiográfico  sexa válido ou non, é a aportación do historiador: os problemas formulados, os métodos aplicados, os resultados obtidos.

 


O paradigma obxectivista atribuíu ó obxecto, ó tema de investigación, unha función excesiva, incluso "máxica",  na lexitimación da cientificidade ou da utilidade social dunha obra de historia. As grandes innovacións historiográficas do século XX, foron, primeiramente, innovacións temáticas. En cada época historiográfica privilexiouse un xeito de historia. Á historia política seguiu a historia económica-social, e a esta a historia desde o suxeito (mentalidades, antropoloxía histórica, nova historia cultural), pechándose o círculo, e o século, coa volta da historia política (en bastantes casos, con novos enfoques). En xeral, obtivéronse bos resultados en cada un destes xéneros temáticos da historia, baixo a influencia das correspondentes ciencias sociais: ciencia política, psicoloxía, antropoloxía, socioloxía, economía, etc. Xa non vale primar ou descalificar a priori, sen antes analizar os problemas presentados, os métodos aplicados e os resultados obtidos, un tema ou un xénero historiográfico[15]. A maior parte dos campos historiográficos que nesta fin de século, a modo de recapitulación e resume, están enriba da mesa do historiador, obtiveron xa a súa carta de natureza no mundo da historia profesional.

Esta amplitude de obxectos, sen precedentes, é unha conquista irreversible da historiografía contemporánea. O ensanchamento do tipo de fontes empregadas (da documentación escrita a "todos os documentos", segundo a expresión de Febvre), foi seguido por tal alongamento do territorio temático do historiador, que se fai, agora, difícil descubrir novas parcelas historiográficas, e, se ben o presente -e o futuro- van continuar suxerindo novas materias de estudio, debemos concluír que o centro de gravidade da renovación historiográfica está a desprazarse cara enfoques máis metodolóxicos e teóricos.

O primeiro problema teórico a resolver con espírito anovador é, xustamente, o da fragmentación da historia en múltiples obxectos[16] desconectados entre si. A incompetencia da historiografía do século XX para ofrecer unha explicación de conxunto, unitaria, do pasado dos homes, quedou  patente precisamente onde os seus avances son máis manifestos: a diversificación temática. O paradoxo está en que baixo a variedade en aumento de especialidades e subespecialidades, subxace dalgunha forma a procura dunha historia total (entendida como horizonte utópico), a idea de que hai que estudialo "todo"; o prezo pagado foi quedarmos sen o fundamental: unha investigación global da historia dos feitos, períodos temporais ou civilizacións do pasado.

 

9

Da necesaria pluralidade da innovación metodolóxica.

 


O paradigma historiográfico do século XXI, está na obriga de ser máis global e transnacional que o paradigma historiográfico do século XX. Unha maior interrelación entre cultivadores de distintos tipos de historia, e entre historiografías nacionais, remataría con ese prexuízo académico de descalificar aquelas vías de renovación historiográfica alleas á propia. Non se trata só de predicar a tolerancia -a ausencia desta virtude intelectual  tería que acender os sinais de alarma-, a cuestión é que a pluralidade anovadora no método é, arestora, imprescindible para recompoñer o paradigma común dos historiadores, e para avanzar de novo, desde as múltiples variedades historiográficas, cara un terreo común, única forma de conseguir que a disciplina reconstrúa finalmente os seus sinais unitarios de identidade.

En tempos da hexemonía obxectivista, a metodoloxía cuantitativista viña sendo o paradigma da exactitude[17] e da cientificidade; agora mesmo, o retorno dos métodos cualitativos, corre o perigo de levarnos ó outro cabo; o máis avanzado sería, desde logo, unha combinación de métodos cualitativos e cuantitativos se o tema, as preguntas e as fontes, o esixen e/ou o facilitan.

O método cualitativo por excelencia dos historiadores, é a narración. Denostada como paradigma dunha historia tradicional cualificada -non sin razóns- de superficial, descritiva e acontecimental, pola nova historia annaliste-marxista, a historia narrativa volta, a mediados dos anos 70, como índice da crise da historia científica (Stone), sendo posteriormente asimilada por esta a toda présa. Autores representativos coma Georges Lefebvre e Jerzy Topolsky defenderon, hai  xa tempo, unha historia-relato explicativa[18], alén da infrahistoria vulgarizadora, e filósofos coma Paul Ricoeur argumentaron, na mesma dirección, que toda historia é relato, incluído o Mediterráneo de Fernand Braudel, obra paradigmática da macrohistoria estructural de longa duración.

A verdade é que, prexuízos fóra, todos os historiadores empregamos dalgún xeito o relato, a conexión narrativa, para dar forma ás nosas investigacións, ¿cantas veces as conclusións non adoptan a súa forma final ata o momento da redacción? A boa ou a mala historia, tanto se nos referimos á calidade como á orientación, depende máis do fondo que da forma: é posible unha historia narrativa non positivista, global e socialmente útil. Non necesariamente unha forma narrativa ha conlevar un trasfondo de historia conservadora.


Unha das últimas vías de renovación historiográfica do paradigma obxectivista, economicista e estructural, que non renuncia á historia explicativa nin ó relato histórico, está na reducción da escala de observación: a microhistoria (algo ben distinto da vella historia local). Pero, ó mesmo tempo, mediante a historia comparada -antigo proxecto crítico alentado por Bloch, que non chegou a formar parte do paradigma común da posguerra-, propónsenos outra maneira de facer macrohistoria. A conexión entre a microhistoria e unha macrohistoria renovada está por facer, así como, en xeral, as investigacións históricas verdadeiramente globais (máis alá da caricatura mecanicista dos tres niveis). O cambio de escala, micro/macro, o artellamento dos espacios (e dos tempos), han ser excelentes camiños para a globalización metodolóxica e teórica da historia, para a rectificación dun dos aspectos máis negativos da rica -por complementaria- evolución da historiografía finisecular: a fragmentación de obxectos e de métodos.

 

10

O éxito do novo paradigma dependerá da súa capacidade para xerar e aplicar estratexias globais de investigación.

 

A maior anomalía coa que se topou o consenso historiográfico do século XX, é a imposibilidade de levar á práctica o principio de historia total. Citada ritualmente polos historiadores, foi converténdose no paradigma compartido máis abstracto: segundo se afastou da práctica historiográfica, a historia total deveu máis absoluta e inalcanzable,  en resumo, máis idealista. Cortar este círculo vicioso é condición sine que non para saír definitivamente da actual crise de crecemento e desagregación da historia.

Cada vez sabemos máis de menos cousas. Esta tendencia xeral do coñecemento científico, xunto co fracaso da historia total, conduciu a creatividade dos historiadores cara unha crecente especialización. Aínda que, ultimamente, emerxe con grande forza a tendencia contraria, cara unha converxencia disciplinar e global (a investigación por parte de filósofos e físicos dunha teoría unificada das forzas físicas, é un notorio exemplo), que tamén se fai sentir na historia profesional. Moitas das aportacións recentes máis novidosas son, se nos fixamos ben, froito da mestizaxe de xéneros e metodoloxías[19]. O contexto actual de transición paradigmática ofrécenos, xuntamente, o problema e a solución.


Trátase de dar a volta á historia total, poñéndoa sobre os seus pés, transformando o seu contido (e quizais o seu nome). Hai que levar este vello concepto paradigmático do absoluto ó relativo, da idea á práctica, da teoría á metodoloxía, da certeza á experimentación, do punto de chegada ó punto de partida da investigación; para o cal é preciso promover sínteses de xéneros historiográficos, converxencias de liñas de traballo, aproximacións globais, enfoques de conxunto, é dicir, estratexias globais de investigación. Todo aquilo que o fracasado paradigma compartido da historia total nin impulsou nin permitiu impulsar, ó longo do século XX, agás valiosos exemplos que ficaron illados, e que nunca foron máis alá das aproximacións globais.

Neste grandioso arquipiélago en que se converteu a historia do século XX, o que fallan son pontes, vías de comunicación, e outras conexións interhistóricas, que fagan posible xuntar  illas para facer continentes historiográficos, que nos fagan esquecer a espera pasiva do advenimento dunha historia total sacralizada. A posta en práctica, previo proceso de secularización e relativización, dunha nova noción de historia global, implicará un esforzo continuado de renovación historiográfica, que ten que atravesar a superespecialización académica. Sobre a base dunha experiencia colectiva de aproximacións globais ó pasado humano, é mester reconstruír teoricamente un concepto de "totalidade" histórica liberado de toda carcasa kantiana, e das divisorias positivistas e mecanicistas, do tipo obxecto/suxeito ou infra/supraestructura, un concepto anovado e axeitado, por tanto, ó novo paradigma científico xeral, máis relativo ergo máis verdadeiro.

A historia como disciplina científica non pode permitirse o luxo de renunciar á comprensión global do pasado. O papel da historia na sociedade, na educación e na investigación, é inversamente proporcional ó seu esmigallamento disciplinar. Unha pedra de toque do novo paradigma historiográfico será, en consecuencia, a súa aptitude para crear e aplicar estratexias globais de investigación, e de divulgación, dos feitos da historia.

 

11

Para reforzar a cooperación da historia con outras ciencias, é preciso avantar na súa unificación interna como ciencia dos homes no tempo.

 


Non se pode prescindir da interdisciplinariedade para discernir a potencia innovadora do paradigma historiográfico do século XX. Da xeografía, a economía, a demografía, a socioloxía, a antropoloxía, a psicoloxía, a ciencia política, saíron moitos dos temas e métodos que aplicaron con éxito os novos historiadores de Annales e do marxismo occidental, sen por iso deixar de moverse nun paradigma historiográfico común (a interdisciplinariedade é un dos seus compoñentes máis relevantes). E algo semellante se podería dicir das mentadas disciplinas, que acudiron á historia para aprehender a súa dimensión temporal, enxendrando subdisciplinas mixtas, a miúdo con investigadores de dobre procedencia: xeografía histórica, historia económica, demografía histórica, socioloxía histórica, antropoloxía histórica, psicoloxía histórica[20], nova historia política. A necesidade que formulamos, ó inicio deste ensaio historiográfico, de que os historiadores vaian ó encontro da historia/filosofía da ciencia, proba que tampouco no terreo da epistemoloxía histórica, e da relación coas ciencias físicas[21], a historia pode prescindir do diálogo inter e transdisciplinar, máis ben ten que intensificalo, como un signo dos tempos, o mesmo que as restantes ciencias naturais e sociais.

Manter e acrecentar a cooperación da historia coas ciencias sociais (e naturais) é, por conseguinte, inescusable, para loitar contra a marxinación da historia como disciplina académica e social. Os rápidos cambios de denominación, do interdisciplinar (cooperar) ó pluridisciplinar (converxer), do pluridisciplinar ó transdisciplinar (atravesar e transcender), poñen en evidencia unha actividade científica que busca independizarse dos clásicos compartimentos académicos, sen por iso caer na vella ilusión positivista dunha "ciencia unificada".

A historia non é insensible ó clima transdisciplinar, consecuencia directa da auxe finisecular do coñecemento científico, puro e aplicado. Así, a revista Annales elixe como eixe do seu tournant critique (1989), a alianza renovada da historia coas ciencias sociais, e recompón o seu comité de dirección, que recupera así o perfil pluridisciplinar que tivo nas súas orixes, incorporando un grupo de xoves non historiadores. A nova licenciatura de humanidades en España ilustra, no terreo da educación universitaria, esta propensión xeral ó reencontro das disciplinas, contrapunto das tendencias centrífugas dos anos 80 (que aínda seguen actuando no interior de cada disciplina).


Nos anos 80, a coincidencia da dispersión, e do esmorecemento, do paradigma historiográfico do século XX, cun incremento da colaboración coas disciplinas veciñas, xerou nalgúns historiadores unha reacción contra o perigo da dilución da historia noutras ciencias sociais, que conduciu ós máis radicais a rexeitar a interdisciplinariedade, e incluso a definición da historia como ciencia. O intercambio desigual historia-ciencias sociais non se resolve, sen embargo, coa involución da historia, retrocedendo a unha historia pre-paradigmática de corte tradicional; resólvese atacando a raíz do problema. A historia é feble fronte outras disciplinas, porque estas estiveron, e están, máis preocupadas pola teoría (a socioloxía, a antropoloxía ou a crítica literaria), e iso lles permitiu actuar de xeito "imperialista" no interior do sistema das ciencias sociais e humanas, exportando métodos e conceptos, problemas e teorías, con intencións asimiladoras. Este problema da historia é tan antigo coma a mesma disciplina, e só ten unha solución: que os historiadores desenvolvamos as consecuencias teóricas e  metodolóxicas das investigacións históricas, cos ollos postos no conxunto de problemas que teñen as ciencias e a sociedade actuais. É tan sinxelo coma deixar de centrar a crítica nos demais (nas súas teorías) e ser máis autocríticos (desenvolvendo as nosas propias reflexións). Chegamos a tal extremo que a interdisciplinariedade que vimos practicando xa non poderá avanzar máis[22], se antes a historia profesional non recobra un mínimo de unidade interna e de globalidade no seu quefacer.

Nada fai máis vulnerable á historia, no conxunto das ciencias, que a súa fragmentación interna. A interdisciplinariedade ben entendida habería de empezar, pois, por nós mesmos. Unha aportación maior da historia ás ciencias sociais e humanas, coas que colabora habitualmente -especialmente, nas investigacións de vangarda-, requiriría un reencontro das múltiples subdisciplinas históricas (de orixe académica, temática e/ou metodolóxica) nun terreo común, dito con outras palabras, unha recomposición do paradigma común dos historiadores que non opoña a imprescindible cooperación e converxencia coas ciencias sociais coa, se cabe máis urxente, cooperación e converxencia entre as ramas sucesivamente desgaxadas do tronco da historia. Esta sorte de interhistoria que propugnamos, no cadro da colaboración interdisciplinar historia-ciencias sociais, entraña unha maior preocupación dos historiadores, de todos os campos, pola metodoloxía histórica, pola historiografía, pola teoría da historia, en definitiva, polo acervo común da historia. As demandas crecentes de interdisciplinariedade soamente poden ser satisfeitas por unha disciplina histórica consciente da súa unidade e da súa irreductible singularidade.

 

12

O futuro da historia está condicionado polo que se preocupe a historia polo futuro.

 


Seguindo á Ilustración que confiaba na razón para cambiar o mundo, e acadar desta maneira o benestar da humanidade, a historiografía predominante no século XX autodesignouse como obxectivo: estudiar o pasado a fin de comprender o presente, e de construír un futuro mellor. O materialismo histórico insistiu máis na contribución da historia a un proxecto de transformación social,  cara un futuro que se sabía socialista, e a escola de Annales puxo máis o acento na conexión epistemolóxica pasado-presente (comprender o presente polo pasado, comprender o pasado polo presente, escribiu Bloch), participando todos da crenza xeral na utilidade social da nova ciencia histórica.             

A liña de progreso con que os membros da comunidade historiográfica, e en xeral os científicos sociais, vencellaban o pasado co presente e o futuro, rompeu cos feitos de 1989, ó encetarse as transicións europeo-orientais do socialismo real ó capitalismo, ó entrar nunha crise conxunta todas as vías de progreso histórico-social de orixe ilustrada, previamente socavadas polos nocivos efectos que estas causaron, ó longo do século XX, na supervivencia da especie e da natureza. E o que é peor: a historia científica non o advirtiu.

Na medida en que a evolución progresiva cara a felicidade humana non está garantida, a historia perde interese público. Empúrrase deste xeito ó historiador ás marxes da sociedades; axciña poden volverse actuais as críticas, dos artífices da revolución historiográfica do século XX, ós historiadores-anticuarios, alleos á vida e á actualidade (Bloch). O desencanto cara ó presente conduce a buscar refuxio no pasado de dúas maneiras: a ficción, desde o punto de vista do público, (auxe da novela histórica), e a academia, desde o punto de vista dos investigadores (erudición). Para ambas as dúas viaxes, quérese "liberar" á historia da carga que supón a súa definición como ciencia preocupada -o mesmo que as restantes ciencias da sociedade e da natureza- polo presente e polo porvir dos homes.

Mais, mentres o posmodernismo ambiental leva ós historiadores á subalternidade, nos debates intelectuais que tentan de tirar conclusións dos feitos traumáticos de 1989[23], úsanse profusamente os datos da historia, e da filosofía da historia, para botar luz e polémica sobre o confuso futuro da humanidade. É o caso das controversias mundiais principiadas por Francis Fukuyama en The End of History? (verán de 1989), e por Samuel P. Huntington en The clash of civilizations (1993). O segundo desmentiu a finalista "paz capitalista e liberal" do primeiro, agoirando unha inminente guerra mundial dos fundamentalismos relixiosos. Non sempre son ensaístas -filósofos políticos nos casos citados- os que acoden á historia para intervir no futuro máis inmediato, tamén o fixeron historiadores coma Paul Kennedy que, en The Rise and Fall of Great Powers (1987), adicou sete capítulos a analizar, durante cinco séculos, a auxe e a caída das potencias nacionais de cada época, para concluír cun capítulo titulado "Cara o século XXI", onde suxire as "perspectivas máis probables" de evolución de cada goberno e do sistema das grandes potencias no seu conxunto.


Atopámonos ante referencias ó pasado e con análises históricas que pretenden incidir no presente... a través do futuro, que é o que realmente inqueda ós homes de hoxe. Téndese conseguintemente a substituír o vello paradigma pasado/presente/futuro por outra formulación, pasado/futuro/presente, na que pasa a primeiro plano aquilo que está por vir. Fronte ó novo presentismo que nada quere saber do futuro e que inmobiliza o que agora temos, fronte ás incertidumes sobre o mundo que nos agarda á volta do milenio, o intelectual dilixente -o optimismo da intelixencia- rastrexa perspectivas alternativas botando man do pasado, dos coñecementos que temos sobre a evolución -ou involución- histórica das sociedades e das mentalidades.

Antes diciamos que a historia ten que axudarnos a vivir mellor, a transformar a sociedade, a emanciparnos nunha palabra dun presente ominoso, pero hoxe variaron dramaticamente os termos do problema, en especial para as novas xeracións: o máis abominable non é xa o presente senón a falla de futuro, de calquera futuro. Sábese que o desenvolvemento científico-técnico seguirá medrando ata dominar todo o globo, pero tamén se sabe que das súas vantaxes, en Occidente, está excluído o chamado Cuarto Mundo, e masas crecentes de xente nova -moitos deles con formación universitaria, cada vez máis- que non terán xamais acceso ó traballo; no Sur, os excluídos son países enteiros abocados á fame e á superpoboación; e por  todas as partes, a natureza rebélase contra o galopante dominio produtivista, cuestionando o sentido dun desenvolvemento científico-técnico que, unha e outra vez, entra en contradicción cos intereses humanos.

É tarefa da historia, hoxe en día, demostrar que sempre houbo futuros plurais; que nada é seguro, que todo cambia, ás veces sorprendentemente; que a humanidade en varios milenios resolveu historicamente problemas tanto ou máis difíciles -e con menos medios- que os que agora temos enriba da mesa. Hai pois futuro, porque hai historia. Ademais, son futuros alternativos. Hai esperanza porque hai historia. Claro que para facelo comprender ós demais, debemos antes convencernos nós mesmos, abandonando o obxectivismo mecanicista, coa súa secuela de fatalismo e conformismo, para encamiñarmonos cara un suxeito histórico máis libre (que non ha esquecer os seus condicionamentos), e polo tanto máis forte, no pasado e no presente.

Pensar historicamente o futuro, é logo transformar o presente, empezando por impedir que ser repitan os grandes erros do século XX: o fascismo, que agroma novamente en Italia, e o racismo, en ascenso par tout; o socialismo sen liberdade, que afundiu catastroficamente en 1989; o tribalismo, o nacionalismo agresivo e o fundamentalismo relixioso, alimentados por mitos e irracionalidades que o historiador ten a obriga de combater, e que están na orixe de moitas das guerras que hoxe ameazan a paz mundial. Demándase un novo racionalismo, unha nova ilustración, que nos permita seguir progresando, e a historia e os historiadores non podemos permanecer á marxe desta demanda intelectual e social.


Cando, logo da II Guerra Mundial, se instituíu o paradigma científico da historia, non era tan necesaria, coma hoxe, a súa defensa fronte ás disciplinas científico-técnicas, que en diferente grao e ritmo -segundo cada país-, desprazan ós saberes históricos e humanísticos do ensino e da investigación; está nos seus inicios un alarmante proceso de desprofesionalización da historia. De xeito que o primeiro compromiso do historiador preocupado polo futuro, é a inquedanza pola súa propia disciplina: é mester volver demostrar a utilidade crítica e social da historia. Para facer fronte ó pensamento tecnocrático, filosoficamente desfasado, mais politicamente activo, hai que distinguir la historia-ciencia da historia-ficción, e guerrear pola recuperación da presencia da historia no sistema educativo e nos medios sociais de comunicación. A aldea global que vén, sen a historia e as ciencias humanas, será o futuro das cousas, xamais o futuro dos homes.

 

13

O historiador do futuro reflexionará sobre metodoloxía, historiografía e teoría da historia, ou non será.

 

Estivo moi xeneralizado desde a epistemoloxía (Piaget, Habermas), a socioloxía (Durkheim) ou o estructuralismo, considerar á historia como unha disciplina non teórica, simple fornecedora de datos empíricos para as ciencias sociais e a filosofía. División do traballo que, aínda que nos doa dicilo, o historiador adoita aceitar de bo grao, alentado por unha tradición empirista de longa duración, orixinada no século XX..

Malia ós esforzos do materialismo histórico, e da escola de Annales, a historiografía contemporánea seguiu sendo positivista nun punto capital: o desprezo sinceiro pola teoría, e en menor medida pola historiografía e a metodoloxía; actividades científicas tidas por secundarias, e pode dicirse que case inexistentes na obra de moitos dos historiadores que consideramos consagrados. A comparación non chegou a practicarse (ata que a socioloxía histórica a retomou); a historia-problema abandonouse en favor da anovación temática e da colaboración interdisciplinar; a elaboración teórica estivo practicamente ausente. Só algúns filósofos viñeron preocupándose pola teoría da historia, xeralmente sen considerar as aportacións dos historiadores, sen relacionar a teoría da historia coa práctica da historia, contribuíndo así ó vixente diálogo de xordos entre a filosofía e a historia.

As consecuencias do inductismo e do pragmatismo dos historiadores, da falla de reflexión sobre a historia que se fai, da carencia de debate sobre os seus métodos, as súas hipóteses e as súas interpretacións, vímolas xa: fragmentación de temas, métodos e especialidades; atraso e dependencia respecto doutras ciencias sociais; desconexión dunha sociedade á que deberiamos estar ofrecendo, desde a historia: ideas, propostas e perspectivas ós seus problemas.


Este Congreso Internacional A historia a debate, é, non obstante,  un vivo exemplo de que algo está cambiando. O interese dos historiadores pola metodoloxía, a historiografía e a teoría da historia, medra nesta complicada fin de século. Tal vez porque "conforme crece la ciencia, disminuye el poder de la evidencia empírica"[24], e aumentan uns interrogantes que ningunha outra disciplina, por moi avanzada que estea, pode resolvernos, porque son específicos da historia. Unha historia profesional que, en todo caso, aborda con máis facilidade a reflexión sobre o método, ou sobre a historia da historia, que a fabricación e o emprego de hipóteses e de teses, de sínteses e de xeneralizacións, nas investigacións, por mor sen dúbida da formación recibida e do fracaso parcial do marxismo-Annales, ambas as dúas cuestións moi entrelazadas. Só a introducción de asignaturas de metodoloxía, historiografía e teoría da historia[25], desde os primeiros cursos das licenciaturas de historia, para acostumar ós futuros historiadores á reflexión sobre a súa materia, permitirá equiparar a historia ó resto das ciencias.

A disxuntiva do historiador do futuro, é: ou adicar unha parte do tempo[26] de traballo a coñecer e producir obras de metodoloxía, de historiografía e de teoría histórica[27], en competencia (e colaboración) coas disciplinas veciñas; ou sucumbir definitivamente á marxinalidade no seo da ciencia e a sociedade.

Que sexa difícil para o historiador alternar o traballo empírico co traballo teórico, non quere dicir que sexa unha cousa doutro mundo: a maior parte das ciencias sociais e humanas[28] veñen practicando, desde hai moito tempo, esta combinación teoría/práctica. Esgotada en boa medida a innovación temática, á historia quédalle, entón, a metodoloxía, a historiografía e sobre todo a teoría, continente persistentemente ignorado, para seguir progresando e para cumprir coas súas responsabilidades científicas e sociais.


Unha maior reflexión sobre o que fai o historiador redundará nunha alza do nivel da investigación histórica, nunha maior comprensión global do pasado, nunha mellor interrelación coas restantes ciencias (intercambio igual), nun incremento da contribución directa dos historiadores á teoría da historia (e por conseguinte da sociedade) que demandan os acontecementos do século XX e os interrogantes do século XXI. Soía dicirse que se un historiador facía teoría deixaba de selo. Se non se desminte este lugar común, a historia nunca superará a subalternidade respecto doutras ciencias sociais, non sobrevivirá o século XX como disciplina científica tal como a coñecimos, sobre todo tal como a quixemos.

 

14

Por unha historia arreo a debate.

 

De entrada, o debate non é un uso académico. Os novos historiadores, annalistes e tamén marxistas, reproduciron o sistema vertical da tradición universitaria que transmite o saber xerarquicamente; as lecturas das teses doutorais son un bo exemplo do que queremos dicir. Sen embargo, nas súas orixes revolucionarias, Annales predicaba que o debate e a heterodoxia eran consubstanciais coa definición científica da historia: "en el origen de toda adquisición científica existe el no-conformismo. Los progresos de la ciencia son fruto de la discordia. De la misma manera que las religiones se refuerzan con la herejía de que se alimentan"[29]. É preciso recuperar este espírito inconformista, crítico, resucitando a historia-debate, para sair da crise finisecular da historia, e tamén para, despois diso, alimentar o novo paradigma común, aprendendo da historiografía pasada.

Á comunidade de historiadores tócalle decidir sobre os problemas historiográficos que temos e as súas posibles solucións, pero ¿como facelo se as dificultades e as alternativas non se expoñen libre e polemicamente? Sen potenciar o debate, é imposible chegar a novos consensos[30], e as situacións críticas -ensina a historia- chegan a apodrecer.


Kuhn formulou que, en toda ciencia, o cambio de paradigmas -as crises, as revolucións científicas- leva aparellado o debate[31], mais como non se poden estar reformulando eternamente os fundamentos dunha disciplina, nos períodos que el chama de ciencia normal, cede a rivalidade de teorías, deixan de explicitarse regras e presupostos, diminúe o interese pola teoría, e discútense soamente aquelas cuestións que non son principais para a práctica dos investigadores[32]. O mesmo Kuhn exclúe, por descontado, ás ciencias humanas e sociais, destes períodos "normais" de ciencia sen debate, recoñecendo a función creadora da confrontación e a crítica permanente, por exemplo, en filosofía e en historia[33], no cal, por certo, coincide co seu adversario Popper[34]. Mesmo nas ciencias naturais, trinta anos despois das obras principais de Kuhn, temos moi serias dúbidas de que sexa aplicable, no relativo á controversia, unha separación tan neta entre ciencia normal e ciencia extraordinaria[35]; a crítica interna que toda disciplina viva tería que institucionalizar, é hoxe, ademais, unha obriga, considerando a velocidade coa que os descubrimentos científicos se suceden, alomenos nalgunhas ciencias.


No caso da ciencia histórica, a perentoriedade dun debate constante, a historia-debate como parte do paradigma a establecer, máis alá polo tanto da urxencia da crise actual, xorde da expansión da historia como disciplina, da súa peculiaridade como ciencia dun pasado humano, que é interrogado e interpretado desde un presente e desde un futuro que son móbiles -e fan móbil ó pasado investigado-, e da propia experiencia dos historiadores durante os últimos vinte anos. A falla dun debate explícito e suficientemente centrado prolongou excesivamente unha deplorable situación inestable, onde o novo no acaba de impoñerse e o vello non acaba de desaparecer, onde as posicións se polarizan ou se dispersan, sen que ninguén efectúe e divulgue sínteses sucesivas que aseguren a reformulación do consenso. O desfase entre a práctica plural dos historiadores (fragmentada pero fructífera, innovadora pero recuperadora de vellos xéneros) e unha teoría, que por inercia segue remitindo ó paradigma marxista-annaliste do século XX, é máis que evidente. Para corrixilo, hai que debater a tumba aberta, recoñecendo a crise -sen enganarnos a nós mesmos con "jeremiadas" ou con doses extremas de voluntarismo-, e chegar a conclusións que nos sitúen nunhas novas coordenadas paradigmáticas. O cal supón a reimplantación de hábitos de tolerancia cara as posicións contrarias, sabendo aceptar as súas aportacións á recomposición do paradigma común[36]. A dinámica de rivalidade e cooperación, entre a escola de Annales e o materialismo histórico, que fixo viable a victoria do paradigma historiográfico do século XX, é a mellor proba  do que estamos defendendo: as diverxencias fructíferas son unha elemental esixencia dunha historiografía sa.

 

15

A madurez dun paradigma está nas escolas que o animan.

 

A crise de crecemento e, xuntamente, paradigmática, pola que atravesou a historiografía mundial nos anos 80, desagregou o seu paradigma común e xenerou tendencias centrífugas que disgregaron os seus compoñentes, divorciando ás historiografías nacionais e ás grandes escolas do século XX.

Xunto co debilitamento e o cuestionamento dos paradigmas compartidos que lles concedían funcionalidade, relacións mutuas e autoridade conxunta, a escola de Annales e a escola marxista de historia social, seguindo -e animando- a tónica xeral, diversificáronse internamente durante a última década, foron obxecto dunha acerba crítica externa e interna[37], e distanciáronse entre si, de sorte que hoxe moi poucos manteñen, ou aceptan, que sigan sendo escolas historiográficas con cabezas de fila, programas unificados de investigación, disciplina e órganos de expresión.


Na dirección colexiada da revista Annales reina na actualidade unha diversidade -rica- de liñas historiográficas, que teñen o seu punto de encontro na relación co exterior: a interdisciplinariedade. Esta falla de nexo interno, é máis evidente conforme ampliamos o círculo ó Centre de Recherches Historiques da École des Hautes Études en Sciences Sociales, e, por último, ás universidades francesas. O fraccionamento da escola de Annales, nada en 1929, non é máis que unha consecuencia -e unha causa- da dispersión xeral da historia no último tercio do século, que afecta tamén abondo ós historiadores próximos ó marxismo. O nacemento en 1976 de History Workshop, as polémicas entre E. P. Thompson e Perry Anderson -e outros-, sobre o estruturalismo (1978-1980), e entre Lawrence Stone e Eric J. Hobsbawm sobre o retorno da narrativa (1979-1980), marcan as tensións dunha diversificación que axiña se converterá en críticas á historia social que representa Past and Present[38], revista que, en todo caso, nunca tivo un carácter de escola tan delimitado como Annales. En ambos os dous casos, o resultado é o mesmo, un big bang inicial e unha expansión posterior que rematou por fragmentar e enfrontar as partes.

Xeralizóuse, en total, entre os historiadores a crenza de que as grandes escolas do século XX son xa cousa do pasado, tradicións de referencia[39] pero xa non escolas activas[40]. A mellor referencia que temos dunha tradición historiográfica non organizada como escola, é o positivismo. O marxismo e Annales, nestes tempos, nos anos 90, seméllanse máis ás vellas tradicións pre-paradigmáticas, sorte de tendencias difusas, que a verdadeiras escolas de pensamento e acción historiográfica. É curioso observar como, a medida que a rivalidade se impón á cooperación entre ambas escolas, moi poucos se decatan -de ai a importancia das dúas primeiras teses da nosa proposta- de que as crises sofridas pola historiografía marxista e por Annales, gardan unha íntima relación, van paralelas na súa fase final e remiten ambas as dúas a unha crise xeral do paradigma común, á súa vez influída polos cambios de paradigma científico global, e polas transformacións socioculturais finiseculares.

O decaimento do paradigma común e das grandes escolas que o sostiñan, nun contexto de desenvolvemento da historiografía mundial, enxendrou fenómenos ata certo punto contradictorios: 1) O individualismo historiográfico, alentado pola necesidade e/ou o gusto polo currículum académico, e pola auxe do individualismo como mentalidade colectiva nos anos 80. 2) Un maior peso das tradicións historiográficas "naturais" que identifican ós investigadores por riba de calquera anterior referencia paradigmática ou de escola: a) a área de coñecemento, conforme os esquemas convencionais de clasificación universitaria (en Europa occidental: historia antiga, medieval, moderna e contemporánea); e b) as historiografías nacionais. 3) A tendencia á mundialización da historiografía, sobre a base dunha intensificación dos contactos internacionais; proceso de interrelación que afecta a unha minoría, pero que ten ó seu favor a aceleración do mundo presente cara a "aldea global", en todos os ámbitos da vida.


A revitalización da historia como ciencia social reclama un rol activo da comunidade de historiadores arredor dun programa historiográfico, reclama proxectos colectivos máis alá dos cadros académicos e tamén nacionais -por suposto, ambos os dous ineludibles-, reclama combates pola historia do estilo das escolas historiográficas que herdamos. Por moito que a realidade está a encargarse de rebasar ampliamente ás vellas escolas, o "espírito de escola" historiográfica, tan específico do século XX, é, aquí e agora, máis necesario que nunca.

Escribimos "escolas" en plural e non "escola" en singular, porque cremos que, nin no pasado nin no futuro, "paradigma común" equivale -equivalerá- a "escola única" de teoría e práctica historiográficas. O ton crítico e autocrítico, a historia-debate, a vitalidade dun paradigma, están, nunha palabra, máis garantidos cunha diversidade de escolas, grandes e pequenas, internacionais e nacionais, interdisciplinares e disciplinares... A diversidade académica, nacional, ideolóxica, xeneracional, da comunidade de historiadores -ou doutra ciencia social- obriga, pois, a combinar eficazmente pluralidade con consenso.

A primeira tarefa da historiografía do século XXI é reformular e revitalizar os aspectos válidos -uns xa aplicados, outros aínda inéditos- das grandes escolas do século XX, o que implica novos focos de intervención historiográfica, dentro e/ou fóra de ditas tradicións, que ademais de buscar a diverxencia procuren a converxencia, aquelas sínteses sucesivas que nos permitan avantar e saír do pantano da transición paradigmática. Tendo moi claro que o paradigma común que vén non será, non está sendo xa, unha repetición do paradigma común, de raíz annaliste-marxista, do século XX.


Para "asimilarlo a lo nuevo, lo antiguo debe ser revalorado y reordenado"[41]. É mester un balanzo finisecular da historiografía annalista e marxista (sen omitir o positivismo), por separado e conxuntamente, que tome nota dos éxitos e dos fracasos, das limitacións internas e externas, dos obxectivos realizados e dos puntos incumplidos. A maior aportación das escolas do século XX ó novo consenso historiográfico, urxido por novas necesidades científicas e sociais, é unha autocrítica que, incidindo na renovación e o abandono das súas partes mortas, non se prive de defender os seus aspectos máis actuais, ou máis imprescindibles. Sexamos radicais en ambos os dous sentidos, na anovación e na vixencia. Enfrontémonos ó pensamento simplificador que veda levar a cabo simultaneamente as dúas operacións, e ó posmodernismo que proporciona a crítica pero néganos a síntese, esa tensión esencial entre tradición e cambio, entre pensamento diverxente e pensamento converxente[42], que é a base, en resumidas contas, do progreso científico e social.

A revista Annales deu exemplo lanzando a fins de 1989 un tournant critique[43] que catro anos despois, ofrece uns froitos restrinxidos -ilustración das grandes dificultades para promover o cambio desde o centro das grandes tradicións-, isto é, unha significativa renovación xeneracional, pero ben poucas propostas programáticas. A escasez de debate nas páxinas da revista e a desconexión francesa coa evolución recente da historiografía marxista, principalmente anglosaxona, coadxuvaron ó restrinxido eco do tournant critique de Annales, que sinala así e todo unha nova etapa para a corrente fundada por Bloch e Febvre, que acadará un perfil final aínda por decidir.

Desde a historiografía marxista non se intentou, ata agora, nada semellante. Hai actitudes reivindicativas e defensivas, e tamén outras realistas e severamente autocríticas, ambas útiles e irremediables, pero tinxidas de pesimismo, faltas de alternativas cara o futuro. O maior obstáculo é "externo": a parálise que atenaza ó pensamento crítico marxista desde 1989. Estamos convencidos de que a reacción non se fará esperar, porque sen a contribución do materialismo histórico é imposible saldar contas -non só historiograficamente- co século XX e entrar no século XXI, onde nos atoparemos con realidades sociais que, en bastantes aspectos, son peores cás que deron orixe ó marxismo, e contextualizaron as actuais ciencias sociais e humanas. Todo iso sin deixar de lado, claro está, os desmentidos dramáticos que o século XX está dando ás previsións marxistas sobre a inevitabilidade da transición histórica do capitalismo ó socialismo.

Así como os paradigmas xerais, economicista e estruturalista, que sobredeterminaron o paradigma común dos historiadores do século XX, matando o suxeito, foron rexeitados en xeral polos historiadores,  non ocorreu o mesmo co paradigma neopositivista, de influencia máis clandestina pero non menos eficaz. Romper co positivismo "malo" (antiteórico e antihistoricista) sen abandonar o positivismo "bo" (rigor crítico documental) é, na nosa opinión, un paso obrigado para entrar no século XXI historiográfico, e  poder deste xeito desenvolver -noutro contexto- aqueles elementos paradigmáticos de Annales e do materialismo histórico que, tendo o consenso da comunidade historiográfica, remataron sepultados polo obxectivismo cientifista de raíz positivista, economicista e estruturalista. Por todo iso, é recomendable remontarse ás orixes das dúas grandes escolas historiográficas do século XX, para gañar en perspectiva e poder así avaliar mellor o que serve e o que non serve, o que hai que reflotar -e reformular- e o que hai que rexeitar, cos ollos sempre postos no futuro.


Se dicimos que non hai metas fatalmente pre-fixadas senón obxectivos continuamente revisables, é que non podemos saber con certeza a configuración final do paradigma historiográfico en formación, nin o rol que nel xogarán as tradicións do século XX, ou as novas escolas que podan constituírse nos anos próximos. É a comunidade de historiadores quen decide en última instancia o camiño a seguir, que nos pode levar a un novo paradigma común con escolas (como na segunda metade do século XX), a varios paradigmas contradictorios con escolas (romanticismo versus positivismo no século XIX), ou a outra configuración específica do século XXI. A nosa opción é clara: paradigma común con escolas -se cadra máis numerosas e de menores dimensións- que promovan unha ciencia histórica con suxeito: tolerante e con debate; innovadora e tradicional; empírica e teórica; unificada, interdisciplinar e global; belixerante contra o futuro inhumano que din que nos espera.  

 

16

Os cambios socioculturais dos anos 90 favorecen á historia e ás ciencias do home.

 

Reivindicamos un novo paradigma común que faga saír das catacumbas á historia e ás humanidades. A conxuntura mental dos anos 90 é, neste sentido, máis favorable ca conxuntura dos anos 80, caracterizada polo yupismo, a adoración dos cartos e do poder, a onda conservadora de Thatcher e Reagan, que parecía culminar brillantemente, contra 1989, devolvendo ó Leste a un capitalismo que axiña se manifestou especulativo, corrupto e mafioso. A reacción dos anos 90 contra ese capitalismo salvaxe e inhumano no Leste de Europa, o movemento politically correct en USA, as folgas xerais obreiras e estudiantís europeas contra o paro e os recortes sociais do Estado de benestar, a revolta de Chiapas, a auxe das organizacións non gubernamentais e da solidariedade co Terceiro Mundo, a  procura dun novo compromiso ético nas ciencias físicas, biolóxicas e da saúde, a contestación ó posmodernismo- que fai críticas que é capital considerar- desde unha nova racionalidade, están creando un clima mental, intelectual e moral, ben diferente, menos individualista e máis humanista, a medida que nos achegamos ó ano 2000. Ou a humanidade devolve ó home, e ó seu medio ambiente, ó centro de interese da actividade política e económica, ou o descalabro final -ecolóxico, demográfico, ético, social-, a mans da terceira revolución tecnolóxica e da prepotencia do Primeiro Mundo, está asegurado. A historia e as ciencias humanas teñen algo que dicir, e van dicilo, sempre e cando o paradigma historiográfico culmine satisfactoriamente o cambio en curso, que non ten meta pre-establecida: depende de nós.



 1 Os Congresos Internacionais de Ciencias Históricas xa non xogan, como na posguerra, un papel vertebrador e orientador da disciplina histórica.

 2 Ó contrario que os libros de texto das ciencias físicas, os libros de historia da historia tenden a disimular os elementos de continuidade en beneficio das diferentes escolas e teorías historiográficas.

 [3] Thomas S. KUHN, La estructura de las revoluciones científicas, México, 1975 (Chicago, 1962); La función del dogma en la investigación científica, Valencia, 1979 (Nueva York, 1963); Segundos pensamientos sobre paradigmas, Madrid, !978 (Illinois, 1973); La tensión esencial. Estudios selectos sobre la tradición y el cambio en el ámbito de la ciencia, México, 1983 (Chicago, 1977).

. [4] La estructura de las revoluciones científicas, p. 3; nos últimos trinta anos perderon forza as afimacións de Kuhn acerca de que a peculiaridade das ciencias sociais respecto das ciencias naturais, consiste na maior relación daquelas coa sociedade ó elixir temas de investigación, ídem, p. 254; ramas da bioloxía, a física e a química relacionadas coa saúde e o medio ambiente están hoxe, por exemplo, tanto ou máis conectadas coas necesidades sociais que as ciencias sociais.

 [5] C. P. SNOW, Las dos culturas y un segundo enfoque, Madrid, 1977 (Cambridge, 1959)

 [6] A primeira, de orixe francesa, desenvólvese precozmente (Annales fúndase en 1929) e está constituída principalmente por historiadores medievalistas e modernistas; a segunda, de base anglosaxona, madura moito máis tarde (Past and Present nace en 1952) e está formada sobre todo por historiadores contemporaneístas.

 [7] Denominar posmoderna a toda nova historia é dobremente erróneo, esquece as derradeiras implicacións filosóficas do posmodernismo, e pasa por alto a modernidade da nova historia, sexa annaliste, sexa marxista.

 [8] Para algúns trátase dunha revolución paradigmática máis importante ca do século XVII Edgar MORIN, Introducción al pensamiento complejo, Barcelona, 1994 (París, 1990), p. 156.

 [9] Alain MINC, La nueva Edad Media. El gran vacio ideológico, Madrid, 1994 (París, 1993); o uso da imaxe pexorativa que sobre a Idade Media tiñan renacentistas, humanistas e ilustrados, denuncia ata que punto, malia todo, seguimos pensando cos esquemas da modernidade.

 [10] O desinterese polos conflitos, as revoltas e as revolucións, foi maior entre os historiadores medievalistas e modernistas, que entre os historiadores contemporaneístas.

 [11] Carlos BARROS, "Historia de las mentalidades, historia social", Historia Contemporánea, Bilbao, nº 9, 1993, pp. 111-139; "Historia de las mentalidades: posibilidades actuales", Problemas actuales de la Historia, Salamanca, 1993, pp. 49-67; "La contribución de los terceros Annales y la historia de las mentalidades. 1969-1989", La otra historia: sociedad, cultura y mentalidades, Vitoria, 1993, pp. 87-118.

 [12] Outros colegas, debedores aínda do vello esquema simplificador, propoñen reemprazar a historia económica pola historia política, o pola historia cultural, como factores principalmente determinantes da historia.

 [13] Un exemplo é a mecánica newtoniana, aínda útil entre a microfísica e a macrofísica.

 [14] Este sistema tripartito, xordido do desdobramento da superestructura do sistema bipartito base / superestructura, ten variantes: economía / sociedad / cultura, economía / sociedad / política...

 [15] Raphael SAMUEL, Historia popular y teoría socialista, Barcelona, 1984 (Londres, 1981), p. 64.

 [16] Os grandes xéneros historiográficos citados (historia económica, historia social, historia mental, historia política) son á súa vez divisibles, e aínda habería que engadir outros como a historia dos xéneros, do medio ambiente ou da sexualidade; a transición historiográfica na que estamos inmersos, o declive do vello paradigma común e das escolas anexas, disparou aínda máis a dinámica de dispersión.

 [17] Hai un certo malentendido: a historia cuantitativa incorpora a incertidume ó traballar con series das que, tratadas estadisticamente, só se poden inferir conclusións probables.

 [18] Non é casual que o concepto da historia utilizado por Kuhn para revolucionar a filosofía da ciencia sexa narrativo-explicativo, vexáse "Las relaciones entre la historia y la filosofía de la ciencia", La tensión esencial. Estudios selectos sobre la tradición y el cambio en el ámbito de la ciencia, México, 1983 (Chicago, 1977), pp. 32-33, 39.

 [19] Por exemplo, a fusión da historia social con subdisciplinas "superestructurais" como a historia das mentalidades, a historia cultural, a historia política.

 [20] Historia das mentalidades en Francia, psicohistoria en Estados Unidos.

 [21] Verbigracia, a historia ecolóxica que precisa dos coñecementos que a física e a bioloxía proporcionan sobre o medio ambiente.

 [22] Máis ben pode retroceder, ó perder o principio de interdisciplinaridade consenso como compoñente do paradigma común dos historiadores.

 [23] Focalizados máis en Estados Unidos ca en Europa, onde quizáis non superamos aínda a etapa "destructiva", nihilista, iniciada nos anos 70 e acelerada a década posterior.

 [24] Imre LAKATOS, La metodología de los progamas de investigación científica, Madrid, 1983 (Cambridge, 1978), p. 33

 [25] En España, nos novos plans de estudio, comezou a facerse, pero non no tocante á teoría da historia, que sigue considerándose máis tarefa de filósofos que de historiadores.

 [26] Por suposto que, como en cualquera outra disciplina científica, a meirande parte do traballo está e estará relacionada coas fontes e os datos; os historiadores non corremos o risco de esquecer isto.

 [27] Que vaian xuntos -método, historiografía e teoría-, é unha garantía fronte ás recaídas empiristas, e ás fuxidas cara adiante do teoricismo abstracto.

 [28] Pensemos por exemplo na lingüística de Saussure, base da teoría estructuralista.

 [29] Lucien FEBVRE, Combates por la historia, Barcelona, 1975, (París, 1953 ), p. 34.

 [30] Controversias e consensos, están a producirse xa, aínda que os seus efectos historiográficos están freados polas propias restriccións dun debat, implícito e fragmentado, que non conseguíu aínda interesar ó conxunto da profesión.

 [31] Thomas S. KUHN, La estructura de las revoluciones científicas, México, 1975 (Chicago, 1962), p. 87; La función del dogma en la investigación científica, Valencia, 1979 (Nueva York, 1963), p. 22; La tensión esencial. Estudios selectos sobre la tradición y el cambio en el ámbito de la ciencia, México, 1983 (Chicago, 1977), p. 297.

 [32] Thomas S. KUHN, La estructura de las revoluciones científicas, pp. 143, 276-277; La función del dogma en la investigación científica, pp. 9, 19, 21.

 [33] La tensión esencial, p. 34.

 [34] ídem, p. 296.

 [35] Separación que en calquera caso é vital para entender o progreso da ciencia; o que queremos dicir é que sendo de distinta entidade, o debate nas crises paradigmáticas e o debate durante os tempos de estabilidade, non cabe subestimar ou eliminar o segundo, entre outras cousas porque é a garantía do primeiro.

 [36] O medo a caer no eclecticismo pódese superar lendo -ou relendo- o que Hegel e Marx ensinaron en canto a lóxica dialéctica, hoxe reflotada pola teoría da complexidade e os repetidos fracasos dos determinismos estrictos.

 [37] Carlos BARROS, "La 'Nouvelle Histoire' y sus críticos", Revista d'Història Moderna. Manuscrits, nº 9, 1991, Barcelona, pp. 83-111.

 [38] Desde finais dos anos 70 se llela critica, mesmo desde o marxismo, por perder o espírito innovador, mostrándose conservadora ante a historia da familia, a historia das mulleres, a historia oral; por abandonar a historia política, os enfoques cualitativos e a historia-problema; por ser débiles ante a tradición whig da historiografía británica, moralista, liberal e positivista...

 [39] "Conversaciones con Roger Chartier", Manuscrits, 11, 1993, p. 39.

 [40] Na súa nova etapa, Annales, acusando as críticas recibidas, nin siquera se define como unha escola senón coma un lugar de experimentación: "Histoire et sciences sociales: un tournant critique", Annales, 6, 1989, p. 1317.

 [41] Thomas S. KUHN, La tensión esencial, p. 249.

 [42] íbidem.

 [43] Carlos BARROS, "El 'tournant critique' de Annales", Revista de Història Medieval, Valencia, nº 2, 1991, pp. 193-197.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Ver Política de cookies
Privacidad