Publicado en

Como vive o modelo cabaleiresco a fidalguia medieval galega baixomedieval: os Pazos de Probén[1]

 

Carlos Barros
Universidade de Santiago de Compostela

 

Entendemos como modelo cabaleiresco o conxunto de virtudes pertencentes ó oficio militar da nobreza medieval. “Porque la noble cavallería es el más honrrado ofizio de todos; todos desean subir en aquella honra”[2]. A mediados do século XV esixíanse do cabaleiro dúas cousas: a) Practicar “el exerçizio de la guerra”, porque “no son todos cavalleros los reyes”; b) gardar “la regla”, porque “non faze el ávito al monxe”[3]. Os privilexios da nobreza xustifícanse precisamente porque exercían a función social de defensores dentro do esquema trifuncional vixente. Nas Cortes de Valladolid de 1451 reclamábase, en consecuencia, contra os que se armaban cabaleiros só para non pagaren trabucos e “nin son para ello ni saben lo que cumple al oficio e exerçiçio de la cavallería”, demanda que se reitera nas cortes de Burgos de 1453, respondendo Juan II que el mandará examinar ós novos fidalgos “açerca de los ábitos e cosas perteneçientes a la cavallería”, para “aprovar los que se fallaren ábiles e suficientes para la dicha cavallería”[4].

Segundo o sistema ideolóxico dominante de as tres ordes, o oficio militar (xunto co clerical) non se reduce a unha opción profesional máis ou menos importante: é a adicación que lexitima e significa á clase dirixente. O código de valores cabaleiresco, por conseguinte, busca e consegue certa universalidade ó propoñe-lo ideal do bo cabaleiro coma o exemplo a seguir por tódalas clases sociais, tanto no combate coma na vida en xeral.

O modelo cabaleiresco precisa para ser socialmente eficiente: definición, exemplos vivos e difusión. Os medios empregados para a formalización e vulgarización do modelo -romances, poesía, libros de cabaleirías, tratados de nobreza, crónicas, nobiliarios, obras xurídicas-, para nós, fontes literarias e narrativas, e a mensaxe idealizada que transmiten, non deben facernos pensar que nos estamos a mover nun plano meramente ilusorio, novelesco, “ideolóxico”: o modelo cabaleiresco era, ademais dun ideal, unha realidade social. Os comportamentos individuais e sociais inspirábanse en novelas e romances cabaleirescos, e a literatura “copiaba” os modelos vivos de cabaleiros andantes[5]. A conclusión é que modelos “ideais” e imitadores “de carne e óso” estaban dentro dunha mesma realidade. De ahí que nós desemos en preferi-lo concepto de modelo (exemplo a imitar) ó concepto de ideal, que suxire ou pode suxerir algo inmaterial e inacadable, á marxe do real. A credibilidade con que se acollía no imaxinario colectivo ó heroe-cabaleiro non só por mor da confusión entre fantasía e realidade propia das mentalidades medievais, tamén se explica polo coñecemento público da existencia de heroes reais, nos que as súas aventuras non se diferenciaban grandemente, ás veces, das que estaban escritas nos libros ou das que se oían en romances.

A nosa intención é estudiar algúns aspectos do papel -cambiante- do modelo cabaleiresco na vida da nobreza media e baixa galega, a través do caso concreto da familia Pazos de Probén, dende as últimas décadas do século XIV. Para o cal seguirémo-la historia elaborada cara a 1587, polo letrado Juan de Ocampo, na que o seu título comeza por: Descendencia de los Paços de Probén…[6]. Ocampo serviuse para a redacción e, sobre todo, da crónica nobiliaria -que el continúa- de Xoán Rodríguez de Padrón, ata hoxe sen atopar e á que tamén recorre o P. Gándara no século XVII no seu nobiliario Armas y Triunfos.

A guerra é a tarefa que mellor define o modelo cabaleiresco, dándolle un sentido e un marco moral á nobreza como clase social. Conta Ocampo que logo de noventa e cinco anos de diferencias dos Pazos de Probén e mais outros fidalgos do bispado de Tui, coas liñaxes do arcebispado de Santiago, roubándose os uns ós outros, puxo fin ós bandos “el Rey don Fernando el Santo que particularmente los mandó llamar para la guerra contra los moros” (folios 5 r.-5 v.). Un síntoma e un efecto da crise, na Galicia do século XV, do modelo cabaleiresco, será a súa incapacidade para impedi-lo enfrontamento militar, permanente e sen regras no interior da clase dirixente. Aínda cara a 1366: “entendían los del obispado de Tuy en deleytes y lugurias mugeriles y deferençias entre sí asta que “o mordomo de Pedro I os enrolou para a guerra contra Enrique II (fol. 6 r.). A influencia daqueloutro modelo de comportamento social que pregoa a ideoloxía feudal, o modelo eclesiástico, a cristianización en suma do modelo cabaleiresco, introduce nel valores ascéticos, nos que o seu mantenemento se fai depender así mesmo, da actividade guerreira, antídoto dos costumes pecaminosos.

O carácter militar do modelo fai da valentía unha virtude principal da que dependen outras cualidades como a lealtade, a fama e o honor. O valor cabaleiresco vén a ser unha actitude heroica perante a morte no combate que nos romances -e mais na vida- se resume así: “más vale vivir con honra que con deshonra vivir”[7]. Esta disposición mental básica de arrisca-la vida pola honra impulsa ó cabaleiro a realizar fazañas paradigmáticas. Non calquera tipo de actos heroicos, senón aqueles que disfrutan dun maior recoñecemento público. A tradición selecciona e suliña determinados exemplos de proezas individuais, en primeiro lugar por necesidades militares, por exemplo ser “el primero en atacar la fortaleza”[8], pero tamén pola súa capacidade para callar nas sensibilidades colectivas; doutro modo, dificilmente se integrarían tales feitos extraordinarios na memoria das xentes. O que se acada por dúas vías: provocando unha reacción emotiva e/ou unha representación mental gráfica. Condicións que cumpren os dous tipos relatados no nobiliario de Ocampo que imos estudiar: “el caballero alférez que muere antes de soltar la bandera”[9], e mais “el caballero alcaide que da la vida en defensa del castillo”.

Conta Ocampo:

yba Jacome Pacos de Proben por Capitán de una Compañía y traiya por Alféres a García de Pacos de Provén su medio hermano el cual perdió la vida hen esta refriega y no la bandera que Goncalo de Pacos de Probén su hermano la defendió (fols. 8 v.-9 r.).

O seu irmán depositou nas súas mans o estandarte, e o outro irmán protexeu a bandeira unha vez que o noso protagonista perdeu a vida na súa defensa. O levar a cabo este feito con este tipo de comportamento heroico, Garçía salvou o seu honor, e o honor da súa liñaxe; de aí a solidariedade dos seus irmáns.

Outras circunstancias que arrodean a esta fazaña amosan como do que se trataba era, sobre todo, de cumprir cun modelo codificado de comportamento no combate. A causa desta batalla na que morreron mil homes foi un dasacodo entre os nobres galegos “sobre quién havía de llevar su gente delante o atrás” (folio 8 v.), cando ían participar na toma de Antequera en 1410)[10]. Para os fidalgos era máis importante segui-las pautas do modelo cabaleiresco cá cuestión pola que puñan en xogo a súa vida, neste caso un tema livián (non para certa mentalidade cabaleiresca, claro). A forza de atracción do modelo queda patente ó comprobarmos que o poñerse en risco de morte coexiste co amor á vida. Os Pazos de Probén procuran, logo da batalla, ó seu irmán morto e entérrano co fillo único dun cabaleiro contrario, pois morreran un fronte do outro pelexando “valerosamente”. Perante os cadavres dos seus debedores, póñense de acordo os fidalgos inimigos para “apagar el fuego ençendido entre sus Cappitanes” (fol. 9 r.). Conseguen os nobres medios para impoñe-la paz cambiando ós grandes señores que capitaneaban os tercios, Moscoso e Soutomaior, causantes da liorta, por outros capitáns: Xácome Pazos de Probén sustitúe ó fronte do tercio Tui-Ourense ó señor de Soutomaior (fol. 9 v.), inimigo sempiterno da súa casa. Este incidente sanguento reflexa ata que punto a baixa e media nobreza podía facer unha lectura do modelo cabaleiresco ben distinta da que facían os grandes señores.

O momento culminante da xenealoxía escrita por Ocampo é a toma en 1476 do castelo de Tenorio por parte de Gómez Pazos de Probén ata a morte, durante a guerra dos Reis Católicos contra Portugal; Pedro Álvarez de Soutomaior encabezaba o bando portugués no reino de Galicia. Ocampo reproduce nos capítulos VIII, IX e X (fol. 14 r. a 20 v.) o relato do nobiliario de Xoán Rodríguez de Padrón, testemuña presencial dos feitos; de maneira moito máis resumida fai referencia tamén o P. Gándara a esta mesma fonte ó describi-lo cerco de Tenorio[11]. O bo facer literario de Rodríguez de Padrón consegue, aínda hoxe, conmover ó lector narrando uns acontecementos dramáticos que (o autor encárgase de anuncialo ó comenzo) conducen a un grande final: “la onrrada muerte del señor Paços de Probén” (fol. 16 r.).

A aprendizaxe da cabalería implicaba a preparación sicolóxica para saber, chegada a hora da verdade, optar pola morte con honra. O noso protagonista chega a castigar, por non te-la lección aprendida, a un fillo bastardo (o autor fai nota-la súa ilexitimidade para que se comprenda ben a súa traizón) que lle pediu licencia para se marchar do castelo asediado porque “el moso tenía voluntad de larga vida” (fols. 17 v.-18 r.). O castigo foi tan grave como a falta:

le voló de la más alta torre diziendo más vale muerto que deshonrrado donde cayó sobre unas peñas y se hizo pedaços en pago de su cobardía (fol. 18 r.)[12].

                 Esta acción exemplarizante xorde no relato inmediatamente despois de que Pazos de Probén, enterado da derrota sufrida por tropas amigas que viñan a descercar Tenorio, reúne ós seus homes: “que ya de ninguna manera esperavan socorro el de Pazos de Probén les hizo un parlamento en que les dijo cómo pensavan morir”. Todos aceptaron seguir con el ata o fin, agás un peón que avisou ó conde de Camiña “todo lo que pasava y que sin duda havían de ser muertos antes que rendirse” (fol. 17 v.).

Os peóns da fortaleza, pobo e mais xente común, vasalos na xerarquía feudal, imitan maioritariamente o modelo cabaleiresco. Aínda que non reaccionan ós mesmos argumentos cós nobres, Pazos de Probén pídelles que resistan ata a morte para “vengar a sus hermanos y parientes y que pues todos los que ayyan havían perdido amigos y deudos”, demandando logo “lo mesmo mayormente” de los hidalgos que “lo havían jurado” (fol. 17 v.). O xuramento e pleito-homenaxe, que prestaban só os fidalgos, viña a se-lo ritual e a fórmula xurídica cabaleiresca que conducía, en situacións extremas, a arriscalo todo, poñendo a proba a asunción individual do modelo. Se non tivesen validez moral, mesmo disuasoria, malamente lle serviría ó alcalde do castelo cercado a lembranza do xuramento que fixeran para enfervorizar ós pequenos nobres que o acompañaban. O propio Gómez Pazos de Probén alude ó texto do xuramento prestado polos cabaleiros que se meteron no castelo de Tenorio, sumamente explícito tocante ó que estamos a afirmar:

cada uno las manos sobre un Christo Cruçificado desía; yo fulano juro a hesta Cruz, figura de Dios nuestro Señor, de ser leal vasallo a los Señores Reyes Don Fernando y Doña Isabel y defender su partido y este Castillo de Thenorio del Conde de Camiña o morir en la demanda; y si lo contrario hiziere Dios no me ajude ni me tenga por hijodalgo gallego (fol. 15 r.).

De seguido Pazos tivo coñecemento de que as tropas de Soutomaior cercaran á súa muller e ós seus catro fillos no castelo de Pazos de Probén, e comenta o autor a mágoa do cabaleiro: “le pesó grandemente y vien quisiera no haver echo el juramento para volverse” (fol. 15 r.). O conde derruba o seu castelo, prende á súa familia e preséntase cos prisioneiros perante o castelo de Tenorio: “y le dijo que les mandaría aorcar si no le entregaba el castillo y se ponía en sus manos”, respondendo Gómez Pazos que “por ninguna cossa entregaría el castillo pues lo devía a hijodalgo y al pleyto omenaje y juramento que havía echo” (fol. 20 r.). De novo o seu xuramento e a súa condición de fidalgo, é dicir, o modelo cabaleiresco, aparece guiando os seus actos.

A situación arquetípica de sitiadores ameazando con mata-la familia do cabaleiro cercado para toma-la fortaleza é unha variante do tipo de fazañas cabaleirescas de alcaides cercados que estamos a analizar. Posiblemente popularizada na Península a partir da xesta histórica de Alfonso Pérez de Guzmán (el Bueno) en 1294, quen se negou a render a  praza de Tarifa a pesar da ameaza dos musulmáns de matar ó seu fillo. Pedro Álvarez de Soutomaior, conde de Camiña, prototipo de mal cabaleiro, segundo se desprende da obra de Rodríguez de Padrón e Ocampo, emprega métodos bárbaros, non cabaleirescos, coma os mouros de Tarifa; vaillo botar en cara na súa resposta Pazos a Soutomaior dicíndolle que a fama de conde habería de “ganarla de bárbara en dar muerte a quatro ynoçentes sin culpa y ansí que si lo hazía perdería más que ninguno” (fol. 20 r.). O final Herodes-Soutomaior retira o seu ultimátum, non tivera efecto. Esta non é a única vez en que as fontes informan deste engano por parte de Pedro Madruga; ós fidalgos cercados no castelo de Sobroso púxolles en fronte a García Sarmiento: “veis a vuestro señor: si no me dais la casa, cortale he la cabeça”[13]. Sen resultado ningún. E non porque o de Soutomaior non tivese fígados abondo para degolar a un cabaleiro adversario, como veremos logo.

Ademais do dereito de vinganza e do deber do xuramento fidalgo, a Pazos de Probén impórtalle outro rasgo do modelo cabaleiresco, aplicado ó obxectivo de defende-lo castelo ou morrer na súa procura: a fama da liñaxe. A fama da súa liñaxe sobre todo. O miolo do argumento son agora os seus propios fillos. Antes de despenar ó seu fillo bastardo

le subió a lo alto de la torre y por estorvar su intençión le dijo muchos exemplos y enseñó los lugares donde sus tíos y parientes havían muerto por defender aquel castillo, que hiziese él lo mesmo y no manchase su nobleza en ir a ponerse en manos de su enemigo (fol 18 r.).

Cando Soutomaior lle di que vai aforcar ós seus fillos, o noso home,

sin considerar cosa ninguna respondió con gesto grave que mucho le pesaría que sus hijos muriesen aorcados que a lo menos la diese muerte ydalga y que qualquiera que fuese sería perpetuarle su fama y el Conde ganarla de bárbara (fol. 20 r.).

Vivir e morrer como fidalgos cabaleiros para manter e facer medra-lo seu prestixio social e a boa memoria da familia. Este fondo sentido da liñaxe respondía a razóns ideais, pero tamén materiais: o benestar económico da casa estaba condicionado pola fama pública que acumulaban e herdaban as xeracións. Antigamente, din as Partidas, escollíanse cabaleiros ós máis fortes por razón do seu oficio, carpinteiros, ferreiros, pedreiros e carniceiros, pero fuxían no combate: “E por esto sobre todas las cosas cataron que fuesen omes de buen linaje, por que se guardassen de fazer cosa porque podiesen caer en vergüença”[14]. Os fidalgos eran máis valentes cós peiteiros pola súa liñaxe e mais polo seu afán de reproduci-la boa fama cabaleiresca deste. A conservación dos privilexios sociais e económicos da fidalguía tiña moito que ver coa conservación da imaxe pública dos homes da liñaxe como homes valerosos e esforzados.

O tan novelesco e propagandístico da Descendencia de Juan de Ocampo dificulta, ás veces, a distinción dos dous niveis enlazados de motivacións (idealismo e pragmatismo) que puxan ós protagonistas. O cerco do castelo de Tenorio durou cinco meses[15]; entre o xuramento inicial dos pechados e o derradeiro asalto pasaron moitas cousas. En primeiro lugar, os defensores do castelo ata a fin, verosimilmente, mantiveron a esperanza nunha victoria, parcial ou total. Militarmente non era tan doado tomar por asalto un castelo. A Soutomaior sáelle ben por unha circunstancia excepcional, que Pazos de Probén tentou evitar por tódolos medios: un traidor facilitoulle de noite a entrada na fortaleza (fol. 20 r.-v.)[16]. Antes desa noite fatídica, Pazos de Probén e os seus soldados rechazan os ataques dos sitiadores (fol. 15 r.), retíranse ás torres cando cae a muralla (fol. 15 v.), desafían e matan a fidalgos do conde en combates individuais (fol. 18 r.), etc.; e agardan o socorro dos cabaleiros amigos e dos reis. Figueroa, García Sarmiento, Tristán de Montenegro e Valadares, con xente de Pontevedra, Vigo e Sobroso, xuntan 3.000 homes para descercar Tenorio; pero os 68 arcabuceiros extranxeiros de Soutomaior, con aquela arma de fogo que “jamás se havía visto en Galiçia”, véncenos (fol. 17 r.-v.). Outra circunstancia excepcional.

Os Reis Católicos envían dous emisarios para lle pedir ó conde de Camiña que levantase o cerco: Fr. Antonio de Pazos de Probén e mailo noso poeta cronista Xoán Rodríguez de Padrón. Foi entón cando Soutomaior tentou forza-la rendición servíndose da familia do alcaide. Os enviados dos Reis non puideron entrevistarse con Gómez Pazos de Probén para lle entregar unha carta dos Reis Católicos,

en que le animaban a su serviçio y que ellos no le podían socorrer por haver entrado el rey de Portugal en Castilla y tener ganadas las çiudades de Zamora y Toro, pero que avissavan al Arçobispo de Santiago y obispo de Tuy y al señor de Sobroço le audasen los quales aunque lo pusieron por obra fue tarde y a tiempo que no hera menester porque un esclavo suyo…(fol. 26 r.).

Chegou antes o traidor á tenda do conde que os reforzos de Santiago e Tui. A coincidencia sucesiva de acontecementos poñen ós defensores perante a dúbida extraordinaria de somete-lo seu valor e o seu xuramento á grande proba. Non sempre acontece deste modo. Unha grande parte dos asedios a fortalezas resólvense, na Galicia do século XV, pactando os contendentes ou a resultas de feitos militares e políticos que teñen lugar máis alá das murallas do castelo. A fereza con que Pedro Madruga levou o cerco de Tenorio (empurrado sen dúbida pola tentativa dos defensores de o asasinaren mediante engano), e a consecuencia cabaleiresca e o amor propio de Pazos de Probén e mailos seus homes, axudan para que a única saída fose, á fin, o heroísmo:

y los que quedaron vengaron vien sus vidas peleando como jente  desesperada, mayormente el de Paços de Probén que çertifica el de Padrón (fol. 20 v.).

O ataque nocturno colleu por sorpresa ós guerreiros máis física ca moralmente. A sicoloxía cabaleiresca e a frustración (que asemade producía desexo de atacar) que xeraron os empeños fracasados de rompe-lo cerco temperaron os ánimos para a eventualidade, cada vez máis real, de teren que “morir en la demanda”, de teren que levar á práctica as grandes palabras. Durante o longo asedio as ideas heroicas confundíanse na mente dos defensores cos cálculos prácticos (artellamento da resistencia, obter axuda exterior, mante-la superioridade moral sobre os sitiadores, etc.) para gañaren a batalla e conservaren a vida. Cando estes obxectivos se esvaen, aínda queda sitio para o pragmatismo.

No ánimo de Gómez Pazos de Probén, por exemplo, é máis que probable que pesasen, ó reflexionar sobre a opción de morrer loitando, dous feitos obxectivos: que a rendición podía non garantirlle a vida; e que a morte con honra redundaría en fama e beneficios para a súa familia. O primeiro é tan certo que Pedro Álvarez de Soutomaior, non moito despois, “procuró con todos sus pensamientos de les cortar las cabaças, y púsolo por obra”, matando a Gregorio de Valadares e mais a Tristán de Montenegro, e xa antes a Diego Sarmiento, e tamén ós Avalle[17]. Na defensa de Vigo, posterior á toma de Tenorio, a xente de Soutomaior cortóulle-la cabeza a dous fillos de Gómez Pazos de Probén e a García Barba de Figueroa (fol. 21 v.). Non lle habería de faltar razón ó alcaide do castelo de Tenorio se desconfiaba da fidelidade do conde de Camiña ó modelo cabaleiresco que esixía que ó vencido “nin le ha de cortar la cabeça, nin de degollar (…) nin aún después de que lo oviesse muerto”[18]. Tanto é así, escribe Ocampo, que logo de morto Pazos

se defendieron unos pocos sin que hiziesen demostraçión de rendirse y aunque lo hizieran el Conde havía mandado los pasassen al cuchillo como se hizo (fol. 20 v.).

Tocante ó seu calculo de beneficiar á súa liñaxe morrendo coma un fidalgo galego, é de supoñer que Gómez Pazos de Probén, que como bo cabaleiro demostraba co exemplo, se autoaplicaba os razoamentos, anteriormente referidos, dirixidos ós seus fillos.

Carlos, o capitán dos arcabuceiros de Pedro Álvarez de Soutomaior, contoulle a Rodríguez de Padrón como morreu matando levándose consigo ó traidor, Gómez Pazos de Probén:

armado de un coselete mató diez delante dél y que herido de diferentes arcabuçasos y saetas vio al moro y arremetiendo a él le mató de una estocada en pago de su trayción, cayendo también muerto (fol. 20 v.).

O respeto que infundía unha morte como esta era tal que o conde de Camiña non só non lle cortou a cabeza ó cadavre, senón que deu licencia para que a súa muller e fillos o puidesen sepultar en Tui cos seus devanceiros (fol. 20 v.).

Para que non se perdese a memoria do acontecido, Rodríguez de Padrón pono na escrita. Anos despois o conde de Lemos, Rodrigo Álvarez Osorio, escandalízase de que os de Vigo fixesen pagar trabucos a un fidalgo coma Xácome Pazos de Probén, “pues nieto hes del Señor Paços de Probén que murió en Tenorio” (folios 36 v.-37 r.). Xoán de Ocampo, que tanto salienta ó heroe de Tenorio ó narra-los feitos de “los hombres señalados de esta Casa”, adica a obra en setembro de 1587 ó cardeal Quiroga pola súa amistade con “don Antonio de Pazos que fue de esta Casa”, e “por ser el Cardenal de lo bueno de Galicia “. Sen embargo, cara a 1530-1535, Vasco de Aponte, que non ocultaba certa admiración por Pedro Alvarez de Soutomaior, “uno de los grandes sufridores de trabajos que havía en España toda”[19], garda silencio no seu nobiliario sobre a fazaña de Gómez Pazos de Probén. O punto de vista adoptado por Aponte, que consiste en referir especialmente as fazañas dos grandes señores, diminuía o seu interese por xestas como a que nos ocupa. Gándara, pola contra, tenta conciliar máis a súa actitude favorable ás liñaxes máis poderosas coa mención a feitos coma o cerco de Tenorio que eloxian a lembranza de casas nobres menos poderosas pero máis fieis á causa dos Reis Católicos.

As fontes de que dispoñemos non nos permiten saber como incidiu na memoria popular (tradición oral) a morte valerosa de Pazos de Probén e dos demais defensores do castelo. Tampouco dispoñemos dos nomes dos peóns que morreron combatendo en Tenorio. O que importaba que perdurase era a morte do cabaleiro, dende logo para os cronistas de mentalidade cabaleiresca, pero tamén en certa medida para a mentalidade popular. A morte do cabaleiro nunca pasa desapercibida. As novas sensibilidades baixomedievais que fomentaban a alegría de vivir e tomaban conciencia do igualitarismo ante a morte van salienta-la atención que provoca a morte fidalga, sobre todo se se daban as circunstancias que rodearon a fin de Gómez Pazos de Probén.

En calquera época o home que morre por defende-los seus ideais é causa de admiración entre tódalas clases sociais, na Idade Media un aspecto da ideoloxía dominante consistía en facer do valor cabaleiresco unha regra de ouro da conducta dos señores de vasalos. Que un cabaleiro coñecido levase ata as derradeiras consecuencias a actitude heroica cara a morte que conlevaba o modelo cabaleiresco tiña que maravillar ás xentes. Por suposto, a mortalidade de cabaleiros na guerra concentrábase nos estratos baixo e medio da clase señorial, tanto en números absolutos coma relativos; en xeral, non era un acontecemento cotián que un nobre, puidendo teoricamente salva-la vida, optase pola morte en combate. Pero hai algo máis. A conmoción mental que orixina a morte heroica, ¿non tiña tamén unha base inconsciente?. A imaxe de Cristo crucificado para redimir ós homes, abondo coñecida por moi pouca formación relixiosa que se tivese; a difusión de “vidas de santos”, onde homes e mulleres eran degolados, apedreados, queimados, mortos de mil maneiras por non renunciaren ás súas crenzas; é dicir, o engaiolamento e a adoración que enchoupaban a relixiosidade baixomedieval ante a visión da morte do Fillo de Deus e máis dos mártires santos: configuraban un cadro mental emotivo que non deixaba de multiplica-lo efecto da morte heroica laica sobre o imaxinario colectivo.

Acerquémonos agora ó estudio da relación -estreita- entre o modelo cabaleiresco e a situación de clase, a saber, o estatus dos fidalgos como posuidores de vasalos e rendas. O período que andamos a analizar é de grande mobilidade social. A posición económica do nobre estaba condicionada polo exercicio do oficio da cabalería. Cara a 1369, Enrique II de Trastámara confiscou as terras de Gaspar Pazos de Probén, deixándolle soamente o castelo e corenta vasalos no seu redor (fol. 7 v.). Os pazos foron á guerra, era o seu oficio, onda Pedro I; resultaron derrotados e descenderon varios chanzos na xerarquía feudal. Os nobres vencedores na guerra civil, mellores combatentes segundo a mentalidade dominante, beneficiáronse das mercés heriqueñas e melloraron a súa situación económico-social dando pé á nova nobreza trastamarista.

O golpe definitivo ó patrimonio familiar dos Pazos de Probén deúno, naturalmente a casa de Soutomaior. Estando o señor de romería en Xerusalén, tivo lugar unha rifa Soutomaior/Pazos de Probén polo apastamento do gando, que se arranxou coa ocupación do castelo de Pazos de Probén, matando os de Soutomaior á señora (avoa do que morreú en Tenorio) e apropiándose da fortaleza e mais dos seus vasalos (fol. 10 v.). O fillo adolescente, Diego Pazos de Probén, sabendo

la desgraçia de su madre pidió liçençia al Rey que hera su donçel para venir acá que su padre estava en la romería, e haviendo Consejo se lo negó (fol. 10 v.).

O avó e mailos parentes de Diego non teñen éxito na súa empresa de vinganza e recuperación de bens, segundo demandaba o código cabaleiresco. Ha ser el quen, despois de dous anos da morte da súa nai, acade a reparación da afronta e o recobro do estatus de clase. Para isto segue punto a punto as pautas de comportamento cabaleiresco:

1º Armarse cabaleiro: Diego, que era mozo pero “exercitado en las armas”, foise ó Bierzo -esta vez sen licencia real- onda o duque de Arjona, “y él lo armó cavallero que podía, y dió un cavallo y armas” (fols. 11 v.-12 r). Acadar, mediante o ritual correspondente, a calidade de cabaleiro era condición sine qua non para se capacitar legalmente para realiza-la fazaña prevista. Nacíase nobre pero non cabaleiro, que esixía unha aprendizaxe; o acto simbólico (pero non gratuíto ou meramente formal) de iniciación non podía ter lugar antes dos catorce anos[20]; Diego Pazos de Probén superaba esta idade, se ben non chegaba ós vinte anos.

2º Vingar á sua nai: O duque aceptoú armalo cabaleiro porque Diego “le dijo a lo que venía, que hera vengar la muerte de su madre”, e ademais animouno: “hazía vien ir a bengar a la de su madre y le havía dado un abraço y echado la su vendiçión, porque hera el Duque pariente de los Paradas” (fol. 12 r.). Fazaña cabaleiresca típica do infante vingador:

¡Helo, helo por do viene

 el infante vengador

caballero a la jineta

en caballo corredor![21]

Sendo frecuente o casamento do deber cabaleiresco da vinganza e mailo sentido filial da liñaxe:

Pensativo estaba el Cid

viéndose de pocos años

para vengar a su padre

matando al conde Loçano;

mirando al bando temido

del poderoso contrario[22].

O estado de ánimo do recen estreado cabaleiro, dirixíndose cara a Galicia, ¿podía ser moi diferente do que describe o romance?. De novo a ficción e a realidade nun mesmo plano, intercambiándose papeis.

3º Duelo cabaleiresco: Sen que consten as formalidades de desafío previo, Diego amáñase para, no primeiro encontro cos de Soutomaior, loitar co asasino da súa nai, Xiraldo de Montes, ó que vence sen dificultades:

De una lançada cayó del su cavallo y allí lo quiso atropellar  su contrario y él le esperó con la su lança, le yrió al cavallo  de muerte, y con la rabia corrió y dio en un barranco donde le mató que si no fuera desta guisa hera fuerte fijodalgo de a cavallo y sin duda corriera peligro Diego de Pazos de Probén  (fol. 12 r).

Morto Xiraldo ó tiralo o seu cabalo ferido polo barranco, o autor di que Diego Pazos o aforcou: “muerto Giraldo a quien Diego Paços de Provén aorcó en un roble de un monte alto y después le llaman de Giraldo” (fols. 12 r.-v.). A morte por aforcamento era aldraxante para un fidalgo; era unha morte plebeia. Por outra banda, de acordo co texto, Diego Pazos pendurou da árbore o cadavre. A acción simbólica do vingador triunfante, ¿que sentido ten?. Coidamos que nega-la condición fidalga do asasiño da súa nai: “un mal ynfançón fijodalgo que hera Giraldo de Montes que le dio con un puñal de que murió” (fol. 10 v.). Logo tentaría o conde de Camiña algo parello ameazando con aforcar ós netos de Diego Pazos de Probén, segundo vimos anteriormente. A segunda morte de Xiraldo de Montes tería outra intención: expoñer públicamente (nun lugar alto) a proba de que Diego Pazos de Probén fixo xusticia (forca era símbolo do exercicio da alta xusticia, civil e criminal) co asasiño da súa nai, para que permaneza na memoria das xentes a fazaña do novo cabaleiro. Que os veciños bautizaran o monte como “de Xiraldo” amosa ata que punto tivo utilidade a segunda morte -simbólica- do malfeitor.

Días despois chegou a nova da morte en Roma do pai de Diego Pazos, quen volvía de Xerusalén; de seguido o herdeiro, coa axuda dos seus parentes nobres, ocupa unha noite o seu castelo de Pazos de Probén

que hestaba en poder de los Sotomayor con poca guarda por

 las muertes del alcayde Pedro Meléndez y de Giraldo Montes y los

 echaron fuera sin hazerles ningún daño (fol. 12 v.-13 r.).

                 Dedúcese que tomaron o castelo sen moita loita. Os homes que o tiñan probablemente non ofreceron resistencia: quedaran sen xefes. Caeu primeiramente o alcaide Meléndez, a quen desafiou e matou o parente Antonio Pazos de Probén. Estes duelos cabaleirescos, especialmente o segundo, decidiron a posesión do castelo cos seus 40 vasalos. Os pasos dados polo xove Diego, imitando o modelo cabaleiresco, tiveron efecto: reproduciron a situación de clase anterior á agresión dos de Soutomaior.

Así foi como o pai de Gómez Pazos de Probén recuperou o castelo e mailo solar orixinario da súa liñaxe: comportándose coma un verdadeiro cabaleiro. Compréndese que Gómez herdara un exemplo e unha educación que sementou nel a observancia leal ó modelo cabaleiresco que patentizou, de maior, en Tenorio. Pero o modelo cabaleiresco como guía para a acción tiña os seus límites obxectivos. Os pazos de Probén non chegarán nunca a recupera-lo val[23], e tódalas posesións que tiñan con anterioridade ó triunfo Trastámara na guerra civil do século XIV. O mesmo aconteceu con outras liñaxes do bando perdedor afectadas pola renovación da clase señorial que tivo lugar nos reinos de Galicia, Castela e León. Os de Soutomaior foron dos que atoparon daquela a súa oportunidade[24]. Ocampo propónse, precisamente na historia dos Pazos de Probén que estamos a citar, contar cómo la destruió por el suelo Pedro Alvares de Sottomayor e inclúe o longo título da súa obra (edición de 1587).

Un pouco antes de matar a Gómez Pazos, Pedro Alvarez de Soutomaior despenou o seu castelo de Pazos de Probén, desbotando desta maneira a posibilidade de que algún descendente pretendese repeti-la fazaña do seu pai Diego. E Pedro Madruga fixo algo máis: morto o cabeza de familia de Tenorio, desexou acabar con seus descendentes. A Gómez e mais a Fernando mátaos e córtalle-la cabeza, como xa dixemos; a Vasco gáñao o conde para a súa causa, logo de telo prisioneiro no castelo de Soutomaior, cansándoo en Camiña, Portugal (fol. 23 r.); quedaba o que se chamaba coma o seu avó: enterrou ós seus dous irmáns degolados, e logo dunha rifa co conde de Camiña, de quen se librou abríndose camiño coa espada, acolleuse no castelo do Penzo de Vigo (fol. 22 v.), ensinando ós defensores o uso dos arcabuces e artillería contra o de Soutomaior, quen se laiaba “de su negligençia en no haver muerto o puesto en priçión a Diego Pazos de Probén” (fol. 23 v.-24 r.).

Sen embargo, o novo Diego de Pazos xa non tiña un castelo con vasalos que reconquistar, e á par que nos acercamos ó novo século hai menos sitio para os cabaleiros andantes de carne e óso; de aquí en diante si que se van inza-los de papel, os modelos idealizados sen cotexo na realidade. A liñaxe sustituirá ó valor como virtude fidalga principal.

Diego Pazos namórase da filla maior de Alvaro Alfonso de Figueroa. A nai opónse á voda porque non tiña “sino las armas que trahiya y que a su hija la pedían los ricos y los mejores de aquella tierra”, respondéndolle o xove que “aunque pobre conservava la nobleza de su linaje” (fol. 24 v.-25 r.). Marcha Pazos, coa carraxe no corpo, a Portugal, e volve para levar a cabo outra fazaña cabaleiresca arquetípica: o rapto da noiva con forza de xente de armas e a voda posterior en Ponte da Lima, Portugal. A fin, o pai aceptou o casamento e fixo ó seu xenro tenente gobernador de Vigo polo arcebispado de Santiago (fols. 25 r.-v.). O señor de Figueroa, o amigo do seu pai, quen organizara as tropas para o socorrer en Tenorio, valoraba a nobreza de liñaxe por enriba de todo[25]. Axúdao asemade o arcebispo Fonseca dándolle as pedras do castelo do Penzo, coas que o matrimonio de fixo unha torre en Vigo (fols. 26 v.-27 v.). Con Diego a casa de Pazos de Probén urbanízase; cambio que vai te-la súa transcendencia.

A sona de boa liñaxe amoreada, especialmente polas fazañas do seu pai, Gómez, e mais do seu avó, Diego, permitían a Diego recompoñer, de momento, pola vía do matrimonio, o seu estatus de clase. E máis, cando Diego Pazos de Probén, mal adaptado á cidade, ó seu novo cargo, ó novo, fracasa e arruínase, o seu apelido valerá, aínda, para casar ás súas tres fillas con tres nobres, pois “la nobleza y virtud fue siempre más poderosa que todos los thesoros del mundo” (fol. 30 v.). Por último, pide no seu testamento “que sus desçendientes conçervasen el apellido de Paços” (fol. 31 r.). Non obstante, del non van herdar nin posesións nin boa fama, malia os seus bos comezos como cabaleiro.

O esforzado fidalgo que morreu matando en Tenorio foi o derradeiro gran cabaleiro, ó vello uso, dos Pazos de Probén. As balas de fogo dos “xermanos” de Pedro Madruga que acabaron con Tristán Montenegro, García Barba de Figueroa, Gómez y Fernando Pazos de Probén…, mataron á cabalería. O oficio de guerrear a cabalo perde a súa hexemonía cando calquera peón vasalo que saiba disparar lle pode a un cabaleiro por moi blindado que se presente ó combate[26]. En xeral os cambios económicos e sociais fan entrar en crise moitos valores establecidos, tamén o modelo cabaleiresco, no período de transición de finais do século XV e comezos do século XVI.

¿Como viven en Pazos de Probén a decadencia do modelo cabaleiresco?. Como un drama, que lle tocou protagonizar a Diego Pazos en tres actos: 1) Unha revolta de fidalgos e labregos do val depono como gobernador da xurisdicción de Vigo (fols. 27 v.-28 r.); 2) Perda de consenso que agravou ó cometer un acto anti-cabaleiresco, matar a puñaladas de noite e ás escondidas ó fidalgo Rodríguez Vilar, xefe dos rebeldes (fols. 28 r.), polo cal o gobernador de Galicia polos Reis Católicos, Acuña, condenouno, en rebeldía a morrer degolado; 3) A súa derradeira aventura foi aplica-lo modelo cabaleiresco ó oficio do comercio, que a súa muller viña exercendo con notable éxito. Contra a vontade da súa muller-mercader (que se ha integrar na nova clase social para mante-la familia) cargou dúas naves, gastando naquilo o que tiñan, e sendo asaltado polos mouros perdeuno todo; estivo tres anos cativo; a súa muller logrou rescatalo e morreu pobremente na súa torre de Vigo (fols. 30 r.-v.), pero cun gran apelido que levaran grandes cabaleiros.

O papel central xogado pola muller de Diego Pazos de Probén é, de seu, indicativo da crise do modelo cabaleiresco, de virtudes eminentemente masculinas[27]. A muller correspondía o rol de reproduci-la liñaxe, pero non transmitía nobreza (só os fillos lexítimos do varón). O cabaleiro correspondía defender á muller, en particular á viúva, e máis a tódolos “débiles”. A Xácome Pazos de Probén, fillo de Diego, os veciños de Vigo empadroárono, obrigándoo a pagar trabucos, negándolle por tanto a súa condición de nobre, porque “tratándolos mal de palabra se ynclinaron contra él” (fol. 36 r.). A súa muller “juró de no dormir en cama con él ni comer a su mesa” mentres non tirase en Valladolid a carta executoria de fidalguía; e cumpriuno (fol. 36 r.).

Xácome Pazos

siendo moço dio apariençia de no ser menos que sus passados y así se alló en la conquista del reyno de Nápoles donde fue Alféres de Infantería (fol. 36 r.).

Se interpretamos o termo apariencia como “o que á vista ten bo parecer e pode enganar no intrínseco e sustancial”[28], profundizaremos no sentido da cita. O modelo cabaleiresco continúa, pero doutra maneira. Trala apariencia das mesmas calidades de valor, lealdade, fama e liñaxe, encerra outra realidade ben distinta dos, a partir de agora, tan louvados literariamente cabaleiros medievais. O oficio militar perde preeminencia social e ideolóxica globalizante para se transformar (dos tres estados medievais pasarase a unha concepción que multiplica os estados ou oficios) organizada polo novo Estado. Os nobres que sigan a carreira das armas van levar a cabo as súas fazañas valerosas como oficiais dun exército permanente, fóra de Galicia e de Castela-León, defendendo unhas fronteiras estatais ou a expansión do imperio en Europa e América.

 

[1] Publicado en “Cómo vive el modelo caballeresco la hidalguía gallega bajomedieval: los Pazos de Probén”, Galicia en la Edad Media  (Actas del Coloquio de Galicia, 13-17 julio de 1987), Madrid, Sociedad Española de Estudios Medievales, 1990, pp. 231-246 (reproducido, traducido al gallego y actualizado como “Fazañas cabaleirescas” en el libro ¡Viva El-Rei! Ensaios medievais, Vigo, 1996).

     [2]  Guiterre DIEZ DE GAMES, El Victorial, Crónica de Don Pero Niño, conde de Buelna, ed. Juan de Mata CARRIAZO, Madrid, Espasa-Calpe, 1940, páx. 42.

     [3]  Ibídem.

     [4]  Cortes de los antiguos Reinos de León y Castilla, III, Madrid, RAH, 1866, páxs. 613, 646.

     [5]  Martín de RIQUER, Caballeros andantes españoles, Madrid, Espasa-Calpe, 1967.

     [6]  Empregarémo-la copia manuscrita que nos foi amablemente facilitada pola familia de Xosé María  Alvarez Blázquez, cronista da cidade de Vigo recentemente finado.

     [7]  Romance del rey Marsín do ciclo carolinxio; véxase tamén o Romance sobre un desafío sobre o Cid, Cancionero de Romances Viejos, México, Universidad, 1972, páxs. 40, 121.

     [8]  Antonio de Fonseca, señor de Coca, que no asalto a Toro foi el primero que escaló las murallas, capitaneando a seiscientos hombres, F. GANDARA, Armas y triunfos. Hechos heroicos de los hijos de Galicia (Madrid, 1662) Santiago, Bibliófilos Gallegos, 1970, páx. 388; Un escudero valiente y bien armado (…) se llegó a las puertas de la fortaleza y empezó a cortarlas muy sin miedo; VASCO DE APONTE, Recuento de las casas antiguas del reino de Galicia, Santiago, Xunta, 1986, páx. 188.

     [9]  Véxanse outros casos históricos da fazaña do alférez nos nobiliarios: APONTE, op. cit., páx. 186; e GANDARA, op. cit., páx. 385.

     [10]  O recurso da guerra contra os mouros para neutraliza-la loita de bandos, deixa de funcionar na Galicia do século XV, como xa o fixemos notar supra.

     [11]  GANDARA, op. cit., páxs. 390-392.

     [12]  Las Partidas (II, 18,9) especifican que o alcaide para gardar ben o castelo debe de facer xusticia cando un home o quere traicionar, engadindo logo que los antiguos usaron a despeñar a los que fallavan durmiendo.

     [13]  APONTE, op. cit., páx. 240.

     [14]  Partidas, II, 21,2.

     [15]  GANDARA, op. cit., páx. 390.

     [16]  A condición de traidor, escravo do alcaide e mouro de Granada, ben especificada polo cronista dos Pazos de Probén, pon en harmonía o abominable feito coas concepcións cabaleirescas propostas; a primeira mostra de sabiduría que esixía do alcaide dun castelo cercado era impedir que algún abrise a porta sen o seu permiso, o traidor debería ser castigado con la más cruel muerte que le puedan darPartidas, II, 18,13.

     [17]  APONTE, op. cit., páxs. 221, 244, 252, 253.

     [18]  Partidas, II, 26, 17; a Pedro Madruga apoñíanlle os seus críticos, que o eran tamén do bando portugués (perdedor) que el simbolizaba, o emprego dunha violencia desmedida allea ó modelo cabaleiresco que, sen desmenti-los méritos tocante a Soutomaior, asemade practicaban chegado o caso os seus adversarios; como Antonio Pazos de Berducido que cortou a cabeza ó alcaide de Soutomaior (fol. 11 v.), ou o arcebispo Fonseca que entrou no castelo do Penzo pasando a coitelo ós defensores (fol. 26 v.).

     [19]  APONTE, op. cit., páx. 261.

     [20]  Partidas, II, 21,11.

     [21]  Romance del infante vengadorEl Romancero, Zaragoza, Ebro, 1973, páx. 287.

     [22]  De como el Cid vengó a su padre, íbidem, páx. 136.

     [23]  Segundo Ocampo dieron su nombre a una aldea (fol. 13 r.); hoxe en día existe un concello chamado Pazos de Borbén, e a súa capital Pazos dista 28 Kms. de Pontevedra capital provincial, e no seu ámbito temos asemade outra parroquia que se chama Borbén.

     [24]  J. GARCIA ORO, La nobleza gallega en el siglo XVI Xornadas de metodoloxía aplicada das ciencias históricas, II, Santiago, Universidade, 1975, páx. 295.

     [25]  Naqueles anos unha boa liñaxe era un bo partido. Suero de Oca foi desposuído da súa facenda polo arcebispo Fonseca, pero, era tan estimada su calidad, que alló casamiento en Orense de mucha Nobleza, i de gran dote con una señora, GANDARA, op. cit., páx. 395; a comenzos do século XVI os cabaleiros casaban xa con fillas se homes ricos non fidalgos, denuncia o xenealoxista APONTE, op. cit., páx. 218.

     [26]  APONTE, op. cit., páx. 252.

     [27]  O sexo feminino relacionábase coa cobardía: les insultaban y se burlaban de ellos, llamándoles caballeros femeninos y opinaban de ellos que no defendían ya sus castillos ni se enardecían por las faenas bélicasHistoria Compostelana, ed. de JOSE CAMPELO, Santiago, Porto, 1950, páx. 150.

     [28]  S. COVARRUBIAS, Tesoro de la lengua Castellana o española (1616), Madrid-México, Turner, 1984, páx. 130.