A morte a lanzadas da
condesa de Santa Marta (1470): unha análise
Carlos Barros
Universidade de Santiago
Teresa de Zúñiga[1]
viña sendo filla de Álvaro de Zúñiga, conde de Plasencia e duque de Arévalo,
quen na guerra civil castelá entre a nobreza de Castela e Enrique IV empeza no
bando nobiliar do principe Alfonso (1465[2])
e pásase logo ó bando do seu irmán Enrique como outros nobres rebeldes (1468[3]);
mentres que na década seguinte apoia a
Afonso V na guerra dos Reis Católicos con Portugal (1474-1479)[4],
o cal promovía en Castela un importante bando portugués (acaudillado en Galicia
por Pedro Álvarez de Soutomaior, vingador en 1470 da morte da filla de don
Álvaro).
Casou Teresa de Zúñiga con Diego Pérez
Sarmiento, adiantado maior de Galicia, primeiro conde de Santa Marta (de
Ortigueira) e señor de Ribadavia (vila dos Sarmientos desde os tempos do seu
avó, Pedro Ruíz Sarmiento). O seu home entrégalle en concepto de arras a vila
de Mucientes (Valladolid), onde vivirá xa de viúva. En 1465 morre don Diego[5],
deixando tras de si un ruidoso preito pola herdanza familiar e unha situación
política complicada -comeza ese ano a guerra civil en Castela e, dous anos máis
tarde, estoupa a revolta social en Galicia -, para dona Teresa e o seu fillo
Bernardino Sarmiento, menor de idade e herdeiro
lexítimo dos estados, rendas e
títulos dos Sarmientos. A condesa de Santa Marta logra, en 1466, de Enrique IV
a titoría do seu fillo e a súa confirmación como sucesor nos señoríos e no
adiantamento de Galicia. Manifestándose sempre enriqueña na pugna civil pola
Coroa de Castela, a condesa trata de asegurar a herdanza dos Sarmientos para o
seu fillo calquera que fose o resultado da guerra, obtendo tamén -supoñemos que
baixo corda- do infante-rei Alfonso, candidato rival de Enrique IV,
ratificación documental dos testamento e
do adiantamento galegos[6].
A condesa e os irmandiños
O 21
de febreiro de 1467, na vila de
Monterrei do seu curmán e amigo Juan de Zúñiga, diante dos persoeiros que chama
"honrados señores alcaldes e diputados e cuadrilleros de la Santa
Hermandad de los reynos de Castilla e de León e de Galisia"[7],
a condesa de Santa Marta principia unha querela contra tres poderosos
cabaleiros galegos da seguinte maneira[8]:
"yo la triste e desonrrada e deseredada condesa de Santa Marta, por mí e
en nombre del conde don Bernaldino Sarmiento, mi fijo, Adelantado e Justiçia
Mayor en el dicho reyno de Galisia por el rey don Enrrique, nuestro
Señor". Exhortación moral onde usa xustamente a súa condición de muller,
viúva e titora desvalida dun conde aínda rapaz, para predispoñer a irmandade no
seu favor, xunto cunha referencia oportuna ó rei lexítimo e, sobre todo, unha
maxistral profesión de fe na "Hermandad" no momento crucial en que
esta se estaba estendendo a Galicia: "seyendo de la dicha Santa Hermandad
en los dichos reynos, como es çierto e notorio"[9].
Non se trata dunha adhesión irmandiña formal, sen coñecemento de causa.
Intelixentemente fai votos a condesa porque "este santo nombre e justa
cosa que començastes vaya adelante, e los pequeños e los medianos e los grandes
vivamos bien e en pas e en sosiego", co obxectivo concreto de pedir xustiza
para a súa causa persoal, amosando unha magnífica combatividade contra os seus
inimigos cabaleiros que contradí, suxetivamente, iso de "triste e
desonrrada e deseredada condesa"; aínda que sexa obxectivamente certo que
os nobres aproveitaron a viuvez da condesa para roubarlle as súas terras
(mellor dito, para quitárllelas pola forza ós irmandiños).
Acomete de primeiras contra Sancho de
Ulloa "al qual en la dicha Santa
Hermandad resçibistes", acusándoo de contradicir gravemente os principios
xusticeiros desta[10]
cando "en un dia deste mes de febrero, en que estamos,..., vino con mano
armada, e con gente armada e con asonada, sobre el dicho castillo e fortalesa
del Castro de Caldelas Dorsellón e lo cercó e lo combatió" e apoderouse
del. Remata brillantemente dona Teresa esta parte do discurso cunha nova
referencia á súa condición de víctima do malfeitor, ex-cabaleiro e traidor Ulloa: "desonrra
las viudas e los huerfanos e su adelantado e justiça"[11].
Dicimos discurso no dobre sentido de razoamento
lóxico e intervención dun orador, porque se trata dunha fonte oral transcrita.
O escribán Diego Sánchez del Castillo toma nota do que dicta a condesa, e do
que contestan os delegados da "Hermandad"; por algo engade os
preceptivos "digo", "dixo", "dixeron", ó final
dun documento que unha vez trascrito "leer fiso" o dito
escribán-notario á condesa demandante. A oralidade da fonte salienta a súa credibilidade como fonte
directa para unha historia social das mentalidades.
Logo de pedirlle á "Santa
Hermandad" que "non deys lugar
a que de mi posesión e de lo mío me quiten", ataca a Diego de Andrade e
Pedro Pardo de Cela -cambiando os argumentos, pois non eran da "Santa
Hermandad" coma Sancho de Ulloa, máis ben
o contrario-, porque "nos çercaron e tomaron la nuestra villa e fortalesa de Santa Marta de
Hortigueira", e ademais o Andrade tiña ocupado "mi coto de
Lero", solicitando en resumo da nova autoridade irmandiña -a quen se lle
recoñece de primeiras, como vemos, un poder extraordinario que ninguén tiña en
Galicia- unha actuación punitiva
directa: "compeliéndolos e apremiéndolos por todos los rigores e premias a
que nos restituyan e dexen libre..., e proçedades contra ellos e contra cada
uno dellos, segúnd el tenor e la forma de los dichos capítulos e leyes e
ordenanças de la Santa Hermandad".
Está claro que eses tres novos lobos da
cabalería galega aproveitábanse da debilidade da casa señorial de Santa Marta
dirixida por unha muller sen home e o seu herdeiro mozo, que non podían coma os
cabezas das outras casas porse á fronte de criados e vasalos para recobrar e
defender os seus estados, nun intre de particular anarquía, de guerra
cabaleiresca de todos contra todos. Neste contexto os xusticeiros irmandiños[12] bótanlle unha man á desolada -pero loitadora-
condesa, e mailo seu fillo orfo de pai en tempos de guerra, que require na
querela do 21 de febreiro de 1467 ós enviados pola "Hermandad" de
Castela que levasen o seu problema á Xunta de Melide a punto de celebrarse para
constituír formalmente a irmandade
galega, obtendo unha resposta positiva:
"estavan prestos de lo notificar"[13].
Damos por seguro que informaron á Xunta, onde estiveron Diego de Andrade e
Sancho de Ulloa[14]
a ver polo seu. Outra fonte oral trascrita, o preito Tabera-Fonseca, permítenos
saber por boca do vello escudeiro Juan de Melide, que "siendo moço pequeño
e bibiendo cn el conde don Sancho de Ulloa serbiendole este testigo de paje
(...) vido que fizieron unas juntas en la villa de Mellid porque hera en la
meitad del Reino (...) se pusieran
contra el dicho conde don Sancho de Ulloa e contra Diego de Andrade (...) ambos
juntamente de miedo que tenian a los de la dicha hermandad se fueran para
Castilla (...) e yendo para alla dize este testigo que vido que la gente de la
condesa de Ribadavia, señora de Muzientes, prendiera a los dicho conde don
Sancho e Diego de Andrade y los tubiera presos por tiempo y hespaçio de dos
años"[15].
Ó final a decidida condesa vingárase ben, coa axuda da Santa Irmandade, dos
seus poderosos agresores[16]
pero non por iso vai recuperar as súas posesións en Galicia. A súa causa particular bate contra a causa xeral da
irmandade da xente común que radicalizará, no sentido primixenio de atacar a
raíz dos problemas, a súa revolta social, pasándose de considerar á señora de
Ribadavia unha "irmá" a vela como unha parte máis dun sistema
señorial que se mantiña pola violencia.
O 8 de abril de 1467, aínda na fase pacífica
da irmandade galega, Enrique IV escribe ós alcaldes das irmandades de "my
Reyno de Galisia" para que a condesa de Santa Marta, e o conde de
Benavente, restitúan ó mosteiro de Celanova o couto de Rabal, e o seu castelo
da Santa Cruz, respectivamente ocupados
"injustamente por los dichos omes poderososos por la dicha
fuerça"[17].
É dicir, que tamén o Rei recoñece e acode á plena autoridade e xurisdicción dos
irmandiños para admistrar unha xustiza -naturalmente, en nome do Rei lexítimo-
en Galicia, que, polo menos no tocante á
defensa da igrexa asoballada, han executar segundo o Rei con independencia das simpatías políticas dos
señores malfeitores. No caso que nos ocupa, o conde de Benavente era partidario
do principe Alfonso e a condesa de Santa Marta estaba como sabemos do lado do
propio rei Enrique. Nada debe estrañar entón se logo os irmandiños aplican o
mesmo criterio indiscriminador no relativo á caída das fortalezas malfeitoras.
O 10
de xuño de 1467, temos xa ó alcalde irmandiño do val de Celanova dándolle
posesión do couto de Rabal ó abade do mosteiro, Álvaro de Oca, quen lle presenta unha carta dos deputados da
Junta de Medina (abril de 1467)[18].
Pero desaparecida a Santa Irmandade, nos anos 70 volve o dito couto ó señorío
de Bernardino Sarmiento, porque o 23 de febreiro de 1487 os Reis Católicos lle
ordenan do novo ó agora conde de Ribadavia
que lle devolva ó mosteiro de Celanova o couto de Rabal xunto con outras xurisdiccións señoriais[19].
Entre a igrexa e os nobres, a monarquía elixe polo regular amparar os señores
eclesiásticos, a parte máis débil e menos conflictiva, aínda que os
recriminados sexan amigos do Rei; se cadra por iso non amosan os monarcas moita
eficacia no desembargo dos bens eclesiásticos galegos, nisto os irmandiños
actuaron con máis resolución que o débil e contradictorio Estado monárquico.
Pero cando teñen que escoller os Reis entre
vasalos e señores, sobre todo se estes son amigos do Rei, as cousas
varían.
Non puido ser
O 25 de abril de 1467, enceta a fase
insurreccional unha irmandade galega cada vez máis consciente do seu poder[20],
e o rei don Enrique incomódase cos
"hermanos de las hermandades de mi regno de Gallisia" non porque botasen abaixo toda canta fortaleza atopaban,
senón porque non respectaban os bens dos seus partidarios:
"avedes tomado e ocupado algunas villas e tierras e fortalesas de doña
Teresa Destúñiga, condesa de Santa
Marta..., e de Juan Déstúñiga, visconde de Monterrey, e tenedes puesto
çerco sobre otras villas e castillos de los susodichos", e manda "si
plaser e serviçio me deseays faser" que desocupen os ditos bens e alcen os
asedios[21].
Nin caso. O 19 de xuño a situación seguía igual -ou peor-, e chega outra carta
do Rei para a "Santa Hermandad del muy noble e leal regno de Gallisia como
aquellos a (a)preçio e amo e de quien
mucho me fío" co fin de que lle devolvan Monterrei non a Juan de Zúñiga [22]
senón ó seu irmán Pedro de Zúñiga, que era do seu consello real e, polo, tanto
máis "myo" -vén a dicir- que o
vizconde de Monterrei[23].
Logo, o 6 de xullo, nunha nova carta, Enrique IV acepta os feitos consumados e
aproba tódolos derrocamentos feitos pola Santa Irmandade, mandando que se
rendan os castelos aínda cercados[24]:
a victoria irmandiña é total (sobre os nobres de Galicia e, en certo sentido,
tamén sobre o Rei[25]).
Aquilo
que dicía a condesa na súa carta de adhesión á irmadade do 21 de
febreiro de que "los pequeños e los medianos e los grandes vivamos bien e
en pas e en sosiego", non puido ser; as contradiccións mentais e sociais
acumuladas excluíron as fortalezas
malfeitoras e os seus donos da irmandade
popular: só permanecen nela cabaleiros como Alonso de Lanzós, Lope
Sánchez de Moscoso, Pedro Osorio, Lope Pérez Mariño de Lobeira, Diego de Lemos
e outros, que asumen e participan do poder irmandiño e da súa acción xusticeira
radical.
Non volvemos ter novas documentais da condesa
de Santa Marta ata o remate da experiencia irmandiña: coidamos que se mantivo afastada de Galicia, en Mucientes,
ata 1470 (iso si, sen ceibar a Ulloa e
mais a Andrade).
Os irmandiños derrocan na primavera e verán
de 1467 as fortalezas da condesa de
Santa Marta (algunhas en disputa con outros cabaleiros): Arcos, Castro
Cabadoso, Formigueiro, Pena Corneira, A Peroxa, Ribadavia, Roucos, Santa Cruz,
Santa Marta, Castro Caldelas de Orcellón, Vilamarín, Xuvencos... Non sen
problemas internos. O 17 de maio de 1467 un sector burgués[26]
do concello e da Santa Irmandade de Ourense -capital provincial- oponse, sen
resultados, ós derrocamentos espontaneamente protagonizados polos campesiños do
Ribeiro que xa derrocaran Roucos, Formigueiro e Pena Corneira, e dispoñíanse a
botar abaixo A Peroxa, Castro Cabadoso e Xuvencos: "tomaran e as
derrocaran e as querían derrocar sen consultar con eles cousa algua e sen seu
mandado"[27].
Outro sector da Santa Irmandade, comandado polo escudeiro Nuno Dousende
-alcalde maior irmandiño en Ourense, vila e provincia-, apoiándose na acción da
xente común[28]
enceta a revolución irmandiña contra as fortalezas o 22 de abril co derrocamento do Castelo Ramiro, malia os
medos e as prevencións notariais dos cóengos irmandiños[29]
así como -supoñemos nós- doutros membros destacados do concello e da irmandade[30]
. O cambio de fase no levantamento irmandiño está logo vinculado a dúbidas e
resistencias dos sectores máis moderados da irmandade, dos señores que se
adheriran a ela, e do mesmo rei Enrique, se ben todos eles acabarán por asumir
dun ou doutro xeito a nova situación creada pola caída irreversible das
fortalezas do reino.
Cómpre voltar
Dous anos despois, organizan militarmente
fóra de Galicia os nobres recalcitrantes exiliados unha reacción señorial que
gaña a guerra en campo aberto ós irmandiños, pero que vai bater contra as
cidades amuralladas da Santa Irmandade[31]:
entre 1469 e 1472 terá lugar unha segunda batalla polo señorío das cidades e
vilas galegas entre os concellos ex-irmandiños e ex-señores respectivos que
tentaran recuperar o poder perdido entre 1467 e 1469. Loita posirmandiña na que cómpre inscribir as accións da condesa
de Santa Marta (quen non participou, que se saiba, na reacción señorial[32])
para ver de recobrar o señorío de Ribadavia: os acontecementos farán da vila do
Ribeiro o contraexemplo de Santiago, onde Fonseca pactou -logo de fracasar nun
prolongado cerco militar- co concello e os veciños a volta á xurisdicción
arcebispal.
O 27 de abril de 1470, en Mucientes, a nosa condesa
tamén asina un pacto de vasalaxe[33]:
co seu prisioneiro Sancho de Ulloa; perdóao[34],
libérao da cadea[35]
e el pasa ó seu servicio por 40.000 marabedís ó ano co compromiso de axudarlle
a reconquistar Ribadavia e Santa Marta de Ortigueira que "al presente vos
están rebeladas e fuera de vuestra obediençia e servicio" (fagamos notar
que non hai neste intre referencia ningunha á irmandade); prometendo Sancho de
Ulloa o que segue: "trabajaré con todas mis fuerças por aver e cobrar e
ganar e avré e cobraré e ganaré las dichas villas de Santa Marta e Ribadavia e
sus tierras e cada una dellas para vos la dicha señora condesa et entregaré la
posesyon real, libre e paçificamente". O documento que manexamos[36],
unha copia de final de século (10 de abril de 1492) feita polo seu fillo
Bernardino[37],
refírese dúas veces nos protocolos finais
a "dona Ynés la triste condesa de Santa Marta"; coidamos que é
un erro, unha adición significativa do escribán copista[38],
un tal Christobal de la Serna de Valladolid, que coñecendo o seu tráxico final
-o seu fillo lle encarga a copia- compadécese da condesa utilizando un
cualificativo que en vida a propia
Teresa empregaba co mesmo cometido victimista, como vimos na querela do 21 de
febreiro de 1467 presentada á outrora amiga Santa Irmandade contra do outrora
inimigo Sancho de Ulloa, e que agora era o home-guerreiro que ía defendela,
porque había un año que tódolos señores
estaban recuperando as súas terras dos irmandiños menos ela "triste e desonrrada
e deseredada condesa".
Teresa de Zúñiga de novo fica triste, soa e
traizoada porque Sancho de Ulloa, chegando a Galicia, esquécese do pacto coa
condesa e adícase ó seu: a recompoñer o seu poder señorial nesa transición da
Galicia irmandiña á Galicia da restauración señorial chea de oportunidades para
un cabaleiro novo. O 22 de xuño de 1470 xa temos a Sancho de Ulloa no que
quedaba da fortaleza Castro Caldelas de Orcellón[39],
que precisamente motivara a denuncia de 1467 por usurpación da condesa contra
el, asinando un compromiso arbitral con Lope Sánches de Moscoso, para
poñer as "dudas" que poideran
existir sobre a herencia de Lope Sánchez de Ulloa, pai e avó deles, nas mans de
Pedro Álvarez de Soutomaior (novo caudillo das provincias de Tui e Ourense),
Diego de Lemos (ex-capitán irmandiño) e o conde de Lemos (decano de toda a
nobreza galega)[40]. O 3 de novembro de 1470, Sancho de Ulloa e os
catro nobres anteditos, xunto con outros (Juan de Zúñiga, Diego de Andrade e
Suero Gómez de Soutomaior), forman unha confederación nobiliar contra Fonseca, a
marquesa de Astorga e "la hermandad de los pueblos se ha comenzado
nuevamente levantarlos"[41].
O antigo prisioneiro de Mucientes xamais deixará de estar - pronto como conde
de Monterrei- nesa nova cúpula nobiliar da que desaparecen os Sarmientos, peza
clave no pasado como adiantados do reino de Galicia. ¿Por que? Porque a cabeza
real da casa dos Sarmientos era unha muller, e para conquerir e conservar os
estados señoriais en tempos de guerra e revolución era preciso dominar ben o
oficio militar, que estaba ben lonxe das
ocupacións duna dona medieval, por moi botada para adiante que fose. Tódolas
novas[42]
cabezas das grandes linaxes do século XV que se impoñen na segunda metade dos
años 60 son obviamente homes: Sancho Sánchez de Ulloa (conde de Monterrei), Lópe
Sánchez de Moscoso (conde de Altamira), Diego de Andrade (que quixo "ser
gran cavallero que no pequeño conde, quanto más que ser conde de lo suyo"[43]),
Pedro Álvarez de Soutomaior (vizconde de Tui, conde de Camiña e mariscal de
Baiona), Pedro Pardo de Cela (mariscal).
Teresa de Zúñiga, illada en Mucientes, non
tiña moito que facer en Galicia, pero ela non o sabía: ó mes de pactar con
Sancho de Ulloa prepárase para voltar ás súas terras, imaxinámonos que fiaba na
palabra do futuro conde de Monterrei, o seu sobriño[44].
Con todo, o 25 de maio de 1470 fai testamento en Mucientes deixando herdeiro
dos seus bens ó seu fillo Bernardino, o conde de Santa Marta[45]:
proba de que algo temía e de que quería deixar todo en orde antes de viaxar a
Galicia para volver ser, na práctica, a
condesa de Santa Marta. O seguinte documento notarial que fala dela é do 29 de
novembro de 1470, o seu pai Álvaro de Zúñiga, pide a tutela do seu neto
Bernardino polo falecemento da súa filla Teresa[46].
Entre o 25 de maio e o 29 de novembro de 1470 tivo lugar, pois, a súa viaxe a
Galicia e a súa dramática morte, máis preto da segunda data que da primeira: os
familiares non podían deixar moito tempo
naquela situación, sen titor legal, ó conde rapaz, que nos cinco anos seguintes
practicamente desaparece da escena galega, e con el, a casa de Santa Marta e
Ribadavia.
En 1476, Bernardino perde o título de conde
de Santa Marta nun preito familiar[47],
e fica como primeiro conde de Ribadavia -adiantado de Galicia e señor de
Mucientes-[48].
Pero era demasiado pouco e, sobre todo,
demasiado tarde[49]
para tentar emular ós rufos condes e mariscais saídos da contrarrevolución
irmandiña; antes ben, seguirá o camiño dalgún dos seus fillos, servindo ó novo
Estado nas guerras exteriores: Bernardino pertence mentalmente máis ó século
XVI que ó século XV. Cos Reis Católicos e Carlos V, os nobres galegos fanse
cortesáns; de seguro que a esta
transición axudaron dúas mortes violentas: a condesa de Santa Marta en 1470 por
obra dos seus vasalos, e a do mariscal
Pardo de Cela en 1483 por obra de Acuña, o primeiro gobernador e capitán xeral
de Galicia; a segunda morte deu lugar a un mito político-literario
contemporáneo, a primeira non, ¿por que era unha muller? Por suposto, pero ante
todo pola maneira de morrer: nas mans dos seus ex-vasalos. Ós señores mortos
nas loitas sociais medievais non se lles recorda demasiado romanticamente
porque non morren heroicamente (desde o punto de vista da mentalidade
dominante). Ademais os novos aires que trouxera a revolución da Santa Irmandade
impedíalles ós vasalos enorgullecerse da morte dun señor en revolta, e menos
aínda tratándose dunha muller, viúva e nai dun conde orfo.
Morrer en Ribadavia
Dispoñemos de tres fontes históricas, de
finais do século XV e principio de século XVI, que informan da morte da condesa
de Santa Marta: o cronista real Diego Enríquez del Castillo, e mailos
nobiliarios de García de Salazar e Vasco de Aponte. Desgraciadamente en ningún
destes documentos se escribe desde o punto de vista popular, desde a óptica dos
protagonistas da revolta, que non teñen voz, entre otras cousas, porque non
houbo unha represión, digamos legal, nin polo tanto un xuíz que ordenara facer
unha enquisa no lugar dos autos.
Os primeiros historiadores que se achegaron ó
tema encheron á súa maneira, con boas intencións e moi pouco rigor, os baleiros
de información. Non podemos, por conseguinte, continuar sen separar antes o
grao da palla.
Tradición e ficción
A historiografía dos séculos XIX e XX segue
para este acontecemento a fonte máis detallada e mellor divulgada en ambientes
cultos, o Recuento de las casas antiguas del
Reino de Galicia de Aponte, editado como apéndice do tomo VI da Historia de Galicia, de Vicetto, en 1872.
Benito Vicetto cando escribe sobre o feito
loitoso de Ribadavia[50],
segundo a versión de Aponte[51],
trabúcase co nome da condesa (dona Mencía, chámalle[52])
e coa data dos feitos, que sitúa arbitrariamente ó comezo da revolta irmandiña[53],
dando a entender que os irmandiños, para tomaren a vila, tiveron que matar a
condesa, e así o sangue "corrió entonces en la villa de Ribadavia"[54];
ademais diso inventa un "asalto" irmandiño ó castelo de Ribadavia
-que en 1470 estaba, polo demais, derrubado- para matar a condesa, o que non
consta en ningunha fonte contrastada, salvo no maxín literario de Vicetto.
En 1905, a marquesa de Ayerbe, que tivo
acceso a un exemplar do nobiliario de Aponte, reproduce aquela parte onde
relata a morte da condesa de Santa Marta, sen falar para nada da represión
posterior[55],
que, en 1914 e 1915, si que é recollida polo historiador local Leopoldo Meruéndano[56],
que tamén debeu ler a Vicetto- de quen saca o relato da represión por parte de
Pedro Madruga-, pois repite o indocumentado asalto ó castelo e engade novas
invencións que lle "adxudica" a Aponte, o que exclúe en principio que
manexase calquera outra fonte que nós
hoxe non coñezamos: "asaltaron el palacio y el Castillo, apresaron
á aquélla, y después de arrastrarla por las calles de la villa, lo mismo que á
su merino ó juez Pedro Oxea[57],
no menos sanguinario que la Condesa, según el citado Cronista, que refiere el
suceso". Outros erros de Meruéndano: como non coñece o nome da condesa
Teresa (Aponte non fornece o nome de
pía) de Zúñiga chámaa, sen que saibamos o porque, Elvira de Zúñiga; di que o
marido da condesa - imposible, xa que sabemos que era viúva desde 1465-, estaba
preso no momento da súa morte no castelo de Soutomaior; fala dunha suposta
comisión de veciños de Ribadavia que lle pediu á condesa que respectase os
foros e liberdades da vila, e que entón "les maltrató, y entonces
amotinados los habitantes de Ribadavia asaltaron el palacio". En fin,
verdades imaxinarias que cómpre desbotar do campo dunha historia que queira acoutar o seu eido para diferencialo
da ficción, aínda nun caso coma este en que os datos coñecidos non pasan dunhas
liñas nunhas crónicas. Ámbolos dous xéneros, historia e ficción, perden cando
se mesturan con enganos.
En 1920, Samuel Eiján edita a súa Historia de Ribadavia[58],
a única existente ata hoxe en día, cita a Ayerbe neste asunto da morte da
condesa de Santa Marta -pero non a Vasco de Aponte-, e reproduce a ficción e os erros engadidos por
Meruéndano como unha falsa cita de Aponte: nome errado da condesa, "marido
prisioneiro", "comisión de veciños", "asalto ó
castelo", "arrastre polas rúas", "morte na praza"
xunto co seu meiriño Pedro Oxea... Feitos que puideron ter sucedido, pero que
non están tirados dos documentos históricos; as cousas puideron acontecer de
xeito moi distinto ó imaxinado por Vicetto e Meruéndano. Non descartamos que
novas fontes boten luz sobre o desenvolvemento dos acontecementos; polo de
agora só sabemos que os vasalos a mataron a lanzadas en Ribadavia.
Por último, en 1934, temos reproducido no
nobiliario de Camarasa, á marxe da tradición historiográfica ribadaviense,
malia estar elaborado con documentos de arquivo e de ter o autor coñecemento do
testemuño de Aponte, o "asalto ó castelo" inventado por Vicetto con
algún engadido pasional tamén imaxinario: "El populacho asaltó el castillo
de los Sarmientos y con una ferocidad pocas veces igualada llegó hasta el
aposento donde se había refugiado la condesa de Santa Marta y allí fué
alanceada sin piedad"[59].
Maneira de morrer que recorda outro asasinato que seguramente o autor coñecía:
a morte sonada de Inés Enríquez, condesa de Camiña, por orde do seu fillo Pedro
de Soutomaior -neto de Pedro Madruga- xulgado e condeado por iso en 1518, que
foi rematada na cama con béstas, espadas
e coiteladas[60].
Sen embargo, nin os historiadores locais nin
os citados autores nobiliarios seguen a Vicetto cando confunde a revolta xeral
irmandiña (1467-1469) coa revolta local (1470) de Ribadavia contra a condesa Teresa. Velaí unha
influencia directa do Recuento de
Aponte, a fonte que mellor detalla os feitos de 1470, diferenciándoos da
revolta irmandiña, contra a cal ademais o autor non agacha a súa xenreira. O
descubrimento e publicación recente das probanzas do preito Tabera-Fonseca,
centradas no levantamento irmandiño[61],
onde nin favorables nin contrarios falan nada da morte da condesa de Santa
Marta, confirma a separación que hai que facer entre os dous feitos históricos.
Feitos documentados
Diego Enríquez del Castillo, na súa crónica
do reinado de Enrique IV[62]
que redactaba "según iban ocurriendo los sucesos"[63], empeza dándonos a data correcta: "En
aqueste año, que se contaron de mil é quatrocientos é setenta años...
concurrieron dos grandes trabajos é muy grandes males en el Reyno", isto
é, unha "grandisima carestia" e mailo
descubrimento dunha "grand falsedad de la moneda"; continuando
logo: "En aqueste mismo tiempo [de grandes males] subcedió que estando la
Condesa de Sancta Marta en Galicia en una villa suya, sus vasallos se
levantaron contra ella é la mataron á puñaladas".
Non establece Enríquez relación ningunha
entre as irmandades -coñecía ben de cerca as homólogas castelás[64]-
e a revolta social ribadaviense: encadrada nas desgracias que aconteceron o
dito ano de 1470 nos reinos de Castela e León. É coma se o cronista participara
da imaxe de "triste condesa" que, difundida en ambientes cortesáns,
malia as razóns políticas que podía ter contra os Zúñiga en Castela polos
enfrontamentos durante a guerra civil[65],
superados en todo caso ó aliñarse finalmente o pai da condesa de Santa Marta,
Álvaro de Zúñiga, conde de Plasencia, con Enrique IV[66].
O clérigo Enríquez del Castillo non ten
noticia, ou ten noticia pero non a considera significativa, do capítulo da
represión; en calquera caso, a súa postura é aceptar os feitos consumados -unha
morte admitida[67]-
e valorar que as augas voltasen á súa canle pacificamente: "é puesto que
asi la mataron, subcedió el hijo pacificamente porque ellos le obedescieron, y
él los perdonó"[68].
O futuro conde de Ribadavia asume a postura negociadora que a súa nai non puido
ou non soubo tomar cando voltou a Galicia, e que resultaba imprescindible en
Galicia para reanudar as relacións vasaláticas despois de viviren os campesiños
e cidadáns galegos dous anos en paz: sen señores[69];
ten o seu valor porque é máis que probable que Bernardino estivese tamén en
Ribadavia cando mataron a súa nai[70].
Dez anos despois, en 1480 e 1482, os veciños de Ribadavia cuestionan de novo o
señorío sobre a vila e o pago dos tributos ó conde, que obtivo dos Reis
Católicos unha cédula ó seu favor[71].
Entre 1471 e 1475, un cabaleiro vasco chamado
Lope García de Salazar, enumera as fortalezas que derrubaron as
"Hermandades" de Galicia e chegando a Santa Marta de Ortigueira escribe: "derribaron el Castillo de
Santa Marta, que era de don Vernaldino, fijo del Conde de Santa Marta, e
mataron los Villanos a la Condesa su muger"[72].
Ós que unhas liñas máis arriba denominaba respectuosamente "fidalgos e
labradores" das irmandades galegas que derrocaban fortalezas e estaban
"contra todos los Caualleros e Señores de Galisia", son agora os
"Villanos" que matan a unha condesa: desde o punto de vista das
mentalidades subxacentes, a diferenciación está clara. A precisión tocante a
nomes e datas non é o que destaca na obra
de don Lope. Salazar obtivera a súa información con toda evidencia oralmente,
falando de oídas e lonxe de Galicia: non sabía que o conde de Santa Marta era
un menor, e di que a súa nai é a súa muller.
Máis adiante[73]
mestura a morte de Bernal Diáñez de Moscoso no asedio á catedral de Santiago un
ano antes da Santa Irmandade (o 22 de agosto de 1466[74])
coa revolta irmandiña (1467-1469) e coa morte da condesa de Santa Marta, un ano
despois da Santa Irmandade (verán-outono de 1470), pero globalmente só se
equivoca nun ano cando resume, para logo poder sentenciar: "Durante estas
cosas e fechos en Galisia, ... por tiempo de tres años, poco mas o menos, como
apareçer de las gentes, Nuestro Señor quiso ferir con su deçiplina a estos
caualleros de Galiçia, e pagando dellos con piedad". O sentido providencialista
e inculpador dos señores de Galicia -viña a dicir que os cabaleiros morrían
xustamente polos seus pecados-, non
evita que o señor da casa-torre de San Martín de Somorrostro tamén
culpabilice ós vasalos, realizando para iso unha especial mestura da acción da
Santa Irmandade -non fornece dato ningún de que directamente matase algún
cabaleiro- coas outras mortes de
señores, anteriores e posteriores, cando continúa escribindo "e viendo
[Nuestro Señor] las demasiado crueldades de los villanos, e la su mucha desouedençia
contra sus naturales señores,..., los dichos Señores, dieron con los dichos
villanos en el suelo".
¿Cal era a situación persoal de Lope García
no tempo en que escribía isto? Tiña 72 anos, vía a morte de cerca (ó ano seguinte
de rematar o libro, en 1476, xa falecera), e estaba preso polo seu propio fillo
na súa casa-torre de Somorrostro, de acordo co que conta el mesmo no prólogo[75].
Non é de estrañar entón un sentimento dobre de culpabilidade, contra si mesmo
-afirma estar "Esperando la mysericordia de Dios"[76]-
e contra o seu fillo carcereiro de quen temía a morte por veleno[77],
que se pode reflectir nesa dobre culpabilidade dos señores e dos vasalos, na
Galicia entre 1466 e 1470, os cales Deus castigaba por igual, ós cabaleiros coa
morte e ós vasalos coa represión -e a reedificación das fortalezas-, polas súas
crueldades, especialmente pola morte da condesa de Ribadavia, que ten que citar
forzosamente antes da caída da Santa Irmandade para xustificar
providencialmente a represión, aínda que para iso teña que variar a orde
crónolóxica dos feitos.
Pero recompoñamos a secuencia e rematemos co
relato que chegou a oídos do cabaleiro vasco encarcerado, da represión da
revolta dos vasalos de Ribadavia, un ano despois do paso da Santa Irmandade por
Galicia: "E despues que mataron los villanos de Ribadavia a la Condesa de
Santamarta, su señora, de cruda muerte, faziendo la pedaços, vino don
Vernaldino, su antenado[78],
contra ellos e mató muchos dellos, e dasatolos de mala manera"[79].
Non foi -nin podía ser- o mozo Bernardino quen vingou a "cruda
muerte" da súa nai, foi Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Madruga
-vainolo deixar claro Aponte-, pero o sentido xeral dunha represión posterior ó
homicidio señorial en revolta, é correcto.
Contra 1530-1535, sesenta anos despois do
homicidio colectivo da condesa de Santa Marta,
Vasco de Aponte comeza as súas referencias ó dito acontecemento
cualificando moi negativamente á víctima: "Y su muger la condesa, muy
endiablada (que después la mataron sus vasallos a lançadas por muchos males que
ella les façía), era muy presuntuosa por deçir que era de los Zúñigas"[80].
Teresa de Zúñiga era endiañada, presuntuosa e mala: case xustifica a súa crúa
morte. Esta hostilidade cara á defunta muller e nai de Sarmientos hai que
entendela, en primeira instancia, como unha toma de partido do autor contra
Diego Pérez Sarmiento, en favor de Álvaro de Soutomaior (irmán do seu ídolo
Pedro Madruga) nas liortas que tiñan entre eles[81].
Os Sarmientos-Zúñigas tiñan "muchas tierras en Galiçia y en Castilla"
pero Soutomaior era "casa muy antigua en este reyno de Galiçia",
razoa Aponte nun arrebato patrio. Con todo, a aversión que Aponte sentía cara á
condesa ía alén das persistentes e antigas loitas de bandos, de feito -como
informa o propio Aponte- Pedro Álvarez de Soutomaior vai ser obxectivamente o
amigo máis poderoso -aínda que
interesado- que lles queda en Galicia ós Sarmientos cando Bernardino fica orfo de pai e nai:
explícase pola misoxinia de Vasco de Aponte.
Pedro Álvarez de Soutomaior, un dos factores
principais da contrarrevolución de 1469, era unha sorte de sobriño de Teresa de
Zúñiga -o segundo sobriño desta historia-: "era bastardo natural (que lo
huviera su padre Fernán Diáñez de una hermana, o prima, o sobrina de la condesa
de Rivadavia, la que murió a lançadas)"[82].
Parece ser que cando resultou evidente que o primeiro sobriño a quen acudiu,
Sancho de Ulloa, non estaba disposto a cumprir o compromiso forzado en
Mucientes[83],
dona Teresa, outravolta "triste e desonrrada e deseredada condesa",
busca noutro sobriño, Pedro Madruga, indiscutible caudillo feudal no sur de
Galicia, ese brazo guerreiro que leva procurando desde que morreu o seu home en
1465, e don Pedro semella estar presto: "Este Pedro Alvarez, apoderado en
la casa de Sotomayor, como sabía que la condesa de Rivadavia, su tía, se avenía
mal con los suyos por las sinraçones que les haçía y que ellos algo revelaban,
y la condesa ymbió por el sobrino, el qual se fue para ella"[84].
Pero hai algo que non cadra: se o señor de Soutomaior estaba coa condesa en
Ribadavia ¿como é que puideron matala os seus vasalos? O único claro é que
Pedro Madruga aparece cando xa está morta Teresa de Zúñiga; segue o texto coa
evidencia da represión: "y luego hiço matar a unos, y a otros cortar pies,
y a otros prender. Y prendió al abad de San Croyo y trájolo por la villa de
Rivadavia ençima de un asno y con una resta de ajos al pescueço. Y allí cortó
la cabeça a Diego Sarmiento"[85].
Dunha tacada Pedro Madruga víngase tres
veces: a) dos vasalos ex-irmandiños de novo revoltados cunha violencia
inusitada, cousa que el, perseguidor de irmandiños e paradigma da nova orde
restauradora[86],
non podía pasar por alto sobre todo en Ribadavia, tan preto do seu ámbito de
influencia; b) do abade de San Clodio con quen, de seguro, algún contencioso
tiña: c) dos seus cabaleiros inimigos, como este señor de Sobroso, Diego
Sarmiento de Soutomaior, un terceiro sobriño da condesa de Santa Marta[87],
que, segundo unha testemuña do preito Tabera-Fonseca, notario de Pontevedra,
lle dera certos motivos ó de Soutomaior para se vingar del.
Estando o tal Diego Sarmiento xunto con Pedro
Álvarez, na casa ribadaviense do conde de Santa Marta[88],
chegou un mensaxeiro do arcebispo Fonseca (logo Patriarca de Alejandría) cunhas
cartas para o señor de Sobroso, que como non o coñecía, pregunta por el a Pedro
Madruga, que lle di: "Yo soy; e quel dicho onbre le diera las dichas
cartas que traia e que las tomara el dicho Peralvarez e por el aviso dellas el
dicho Parlavarez matara al dicho Diego Sarmiento e quedara dende alli enemigo
con el dicho Patriarca". Ó parecer, das cartas tírase "quel dicho
señor Patriarca fuera en consentimiento e acuerdo con el conde de Ribadavia e
con Diego Sarmiento en que degollasen e matasen al dicho Pedro Alvarez"[89].
O enfrotamento de Fonseca cos cabaleiros de Galicia, que rompe a unidade
señorial anti-irmandiña data, cando menos, do 13 de maio de 1470[90]
-é dicir, antes de partir a condesa Teresa de Mucientes-, e tiña causas
socio-políticas: a posesión de fortalezas (mellor dito, o dereito a súa
reedificación), coutos, vilas, terras, rendas e vasalos. Pedro Álvarez de
Soutomaior incorpórase á fronte anti-arcebispal ó longo de 1470: o 3 de
novembro, antes de que Bernardino teña novo titor, aparece xa como un dos
fundamentos da confederación nobiliar contra Fonseca e os ex-irmandiños[91].
Desde o punto de vista estratéxico, en 1470,
o máis importante para Pedro Madruga era a guerra cos cabaleiros competidores no sur de Galicia, que, desde
antes da guerra con Portugal, xa estaban comandados polo arcebispo Fonseca, ó
cal se achegaban tódolos inimigos do novo señor de Soutomaior; entre eles, os que máis odiaba Pedro Madruga
eran os antigos cabaleiros da casa do anterior señor de Soutomaior[92],
o seu irmán Álvaro -morto en marzo de 1468 non sen antes render a cidade de Tui
á Santa Irmandade-, como Diego Sarmiento, que resistían a súa pretensión de
"mandar en toda la tierra"; confésao Aponte no que segue ó relato da represión en
Ribadavia: "Y allí cortó la cabeça a Diego Sarmiento, y quisiera apañar y
maltratar a todos los prinçipales de la casa de su hermano [Álvaro de
Soutomaior], alguno de los quales tomó, pero los mas principales se le fueron,
sacando a Diego Sarmiento[93].
Unos deçían que este conde que después fue [Pedro Madruga] se quejaba dellos por deçir que se
falaban entre sí de no le obedecer por mandar en toda la tierra, y se querían
amellorar con él, y aun matarlo". A
represión dos cabaleiros inimigos parecía máis importante para Pedro Álvarez
que a represión da rebelión. Continuemos con Aponte: "mas ellos [os
ex-cabaleiros de don Álvaro] contra esto deçían que el conde lo hacía por
tomarles lo que ellos tenían, de manera que nunca se pudo averiguar la verdad
desto"[94],
conclúe salomónico Aponte. Pedro Madruga toma logo a represión da revolta
ribadaviense coma un bó pretexto para
axustar contas. A fiabilidade demostrada do nobiliario de Aponte como fonte
histórica acredita a relación da represión dos revoltados populares co desquite
de Pedro Álvarez, aínda que a tradición oral representada polas declaracións do
preito Tabera-Fonseca, que, na década dos anos 20 do século XVI, semella esquecer o homicidio
social de Ribadavia, redúcese á guerra dos cabaleiros como motivación da morte
do señor de Sobroso.
Outra fonte oral trascrita, a declaración
oral feita en 1537 por unha testemuña de noventa e cinco anos, Estevo Gago,
clérigo de Vigo, sobre a morte de Gregorio de Valadares[95],
ofrecénos unha terceira versión da execución de Diego Sarmiento na vila de
Ribadavia, cadra co notario de Pontevedra e con Vasco de Aponte en considerala
unha consecuencia da inimizade entre ámbolos dous cabaleiros, e da militancia
de Diego Sarmiento (e de Gregorio de Valadares) no partido do arcebispo
Fonseca, chegando a dicir que a morte do primeiro fora unha medida preventiva:
"despues de muerto el dicho Gregorio de valadares vio este dicho testigo
que el dicho conde temiendose de muchos parientes e deudos del dicho gregorio
de valadares por que muchos le decian que pues mandara matar al gregorio de
valadares que se guardase que tenia muchos parientes e despues el dicho conde
temiendose de diego sarmiento[96]
senor de la villa de salvatierra lo prendio en la villa de Rivadavia e alli lo
mato e mando degollar"[97].
O caso é que a morte de Gregorio de
Valadares, que participou na batalla de Altamira[98]
(o 13 de xuño de 1471[99]),
foi posterior á morte de Diego Sarmiento (1470); dificilmente logo con esta segunda morte podería Pedro Madruga
(facendo honor ó seu alcume) tratar de evitar a vinganza dos parentes do
asasinado Valadares. Pero a causa de ámbalas dúas mortes está clara: a loita de
bandos nobiliarios no sur de Galicia. O clérigo de Vigo trábucase máis veces na
súa declaración na cronoloxía dos feitos: noutra parte da declaración[100]
sitúa a morte de Bernal Diáñez (1466) cando a batalla de Altamira (1471).
Tamén García de Salazar confundía
cronoloxicamente a morte de Bernal Diáñez en 1466, coa Santa Irmandade de
1467-1469, e coa morte de Teresa de Zúñiga en 1470. É obriga do historiador
profesional restablecer a cronoloxía documentada, pero sen esquecer que a
mestura dos datos son indicios da mentalidade dos autores: son erros que levan
dentro de si unha verdade tanto ou máis histórica cás datas correctas. Para García de Salazar
as mortes de señores daquel período e a Santa Irmandade, eran o castigo de Deus
polos pecados dos cabaleiros de Galicia; o demais era totalmente secundario.
Para o vigués Estevo Gago, o realmente importante era que a morte de Diego
Sarmiento fora un acto calculado contra os cabaleiros fonsecanos, é dicir, que
Pedro Madruga non mataba simplemente por crueldade ós seus inimigos, seguía
unha estratexia que, en derradeira instancia, era defensiva.
Seguindo cos falsos erros.
Aponte, aínda que fala dos irmandiños despois de falar da revolta de Ribadavia,
non precisa confundir a represión de Ribadavia co fin da Santa Irmandade;
inmediatamente despois da última pasaxe citada escribe: "Logo en este
tiempo se levantó la hermandad, que todos los villanos se levantaron contra sus
señores, en que derrocaron quantas fortalezas havía en Galicia, excepto la
fortaleza de Pambre. Este Pedro Alvarez, viendo toda la comunidad contra sí y
sus fortalezas derrocadas, acogiose a Portugal"[101].
Ademais de separar totalmente a revolta antiseñorial de Ribadavia da revolta
antiseñorial irmandiña, Vasco de Aponte fala sorprendentemente ben da primeira
(a condesa era culpable "por las sinraçones que les haçía" ós seus
vasalos) e rematadamente mal da segunda; é natural, os irmandiños obrigaran a
fuxir a Pedro Álvarez e os veciños revoltados de Ribadavia foran castigados por
Pedro Álvarez, ós primeiros chama Aponte despectivamente "villanos" e
ós segundos "sus vasallos", "los suyos" (a diferencia de
García de Salazar).
Certamente en 1470 os ribadavienes mataron a
súa señora, e en 1467-1469 os irmandiños non mataran a ningún señor a xeito de
revolta. Para o sistema de valores aínda medieval de Aponte, que conta unha e
outra vez sen amolecer como se mataban os cabaleiros entre eles, guerreando ou
por engano, sen respectar os lazos de familia, estaba xustificada a morte por
vinganza, o dereito de defensión; por iso precisa deixar claro o mala muller
que era a condesa e o mal que se portaba cos seus vasalos, para asumir a súa
morte dunha maneira, digamos natural, e por conseguinte admitir tamén a
represión como unha resposta así mesmo xusta, ó xeito de vinganza cabaleiresca.
Non é casual que cando Pedro Madruga entra en Ribadavia en 1470, emulando ó seu
irmán Álvaro en 1455[102],
tanto se vingue de Diego Sarmiento, coma do abade, coma dos vasalos que mataran
a endiañada condesa Teresa, arranxando así tódalas contas pendentes.
¿Triste ou endiañada?
As fontes de fóra de Galicia non cualifican
moralmente a condesa de Santa Marta; en cambio os documentos galegos oscilan
entre dúas visións, unha positiva e outra negativa: (A) "yo la triste e
desonrrada e deseredada condesa"; ou (B) a "muy endiablada... muy
presuntuosa" condesa.
A imaxe "triste" é primeiramente mentada
pola propia Teresa de Zúñiga, que querería ser así recordada, ó enviúvar e
perder o control do seu señorío (1467, demanda ante a Santa Irmandade) e logo
propagada polo seu fillo Bernardino (1492, cando manda copiar documentos para o
preito con Sancho de Ulloa). Estamos ante unha tradición familiar, de seguro
que extensible ós seus criados, parecida á tradición xerada pola morte violenta
de Pardo de Cela. Se no caso da condesa
de Santa Marta non transcendeu máis que unha tradición favorable é debido a
unha dobre oposición, curiosamente converxente, da cultura popular e da cultura
nobiliaria, dos veciños de Ribadavia e de Vasco de Aponte, os cales mantendo
posicións mentais diverxentes tocante á revolta irmandiña, cadran en dar por
boa a morte a lanzadas da condesa[103].
A condesa procuraba o fundamento da súa causa
na táctica do vencido[104],
na súa debilidade como muller. Á muller, desde a restauración do dereito
romano, hai que protexela porque é doada de enganar[105]; a función real de defender as mulleres soas,
sen maridos, espállase pouco a pouco co proceso de feudalización[106]; a salvagarda de viúvas e orfos (e clérigos)
acaba sendo pedra de toque do modelo cabaleiresco cristianizado[107].
Esta mentalidade protectora, consecuencia do predominio masculino na sociedade
medieval, tanto nobiliaria coma popular, está ben asumida na Galicia
baixomedieval[108].
A condesa busca, pois, trocar a súa
debilidade en forza, ¿lógrao? En vida, non. Igual que os señores eclesiásticos,
a parte feminina da clase señorial constitúe un elo obxectivamente débil, por
mor da falta de experiencia e adicación á vida militar, en tempos de
agudización -horizontal e vertical- das tensións sociais, da guerra de bandos
dos cabaleiros e da loita de clases cos vasalos. Os mesmos argumentos que explican
a abundancia dos casos de prelados mortos polos seus vasalos revoltados[109],
axudan a comprender o caso da morte en revolta da señora de Ribadavia: os
executores aproveitáronse tamén da súa indefensión como muller[110]. Non temos noticias de pelexa ou resistencia no intre do atentado
de Ribadavia, como nos casos de axustizamento de señores eclesiásticos, a
diferencia do que acontecería de ser o señor un home, por tanto, un guerreiro.
Pero nun aspecto sepárase o caso dos prelados asasinados da morte da condesa de
Santa Marta: alguén da súa liñaxe vingouse.
Doutra banda, dona Teresa non era unha muller
débil senón dura e combativa cos
cabaleiros inimigos -non dubida en ter tres anos presos a Sancho de Ulloa e
Diego de Andrade- e posiblemente cos seus vasalos: deberemos crer a Aponte
cando repite que lles fixo "males" e "sinraçones". O
compromiso asinado con Sancho de Ulloa e logo a demanda da axuda dirixida cara
a Pedro Madruga, ían encamiñados ó uso da forza para reconquistar a vila do
Ribeiro. Houbo con seguridade falta de subtileza por parte da condesa, que
pronto facía valer a súa forza de carácter (viaxe a Galicia para recobrar como
fose os seus dominios) como caía na inxenuidade de fiar de Sancho de
Ulloa. Os excesos nas dúas direccións
labraron a súa desgracia, e ilustran o perfil contradictorio de Teresa de
Zúñiga, a difícil adaptación dunha
muller á función señorial en tempos de guerra e de rebelión social. De seguro
que nunha situación social máis estable, a sucesión no condado de Santa Marta
podería darse cunha titora viúva, pero a mala sorte cebouse na condesa, a conservación do señorío para o seu fillo
fixérona imposible a guerra civil, a revolución social e a división dos nobres;
o seu desacougo estaba xustificado.
Ser inxenua cadraba coa mentalidade machista
dominante: a súa valentía e dureza de carácter, non. Cando querían insultar a
uns cabaleiros, tratábanos como se fosen mulleres[111].
Se unha muller se manifestaba orgullosa, forte, entraba en xogo o
estereotipo feminino contrario ó da muller
soa e submisa que cumpría amparar: a muller perversa e perigosa que cumpría
arredar.
A misoxinia -xenreira cara ás mulleres
baseada no temor- medieval[112]
remonta as súas orixes á cultura clásica[113], pero vai ser na Idade Media cando
verdadeiramente se sataniza a muller como axente maléfico. Desde Adán, os homes
son tentados ó pecado polas mulleres[114],
as fillas do Diaño[115]. Vasco de Aponte cando lle chama á condesa de
Santa Marta endiañada, facedora de males ós vasalos e presuntuosa cos nobres de
Galicia por vir dos Zúñiga[116],
conecta cunha imaxe de muller perversa que hai que condenar, mesmo punir,
estendida polo cristianismo medieval entre señores e vasalos, ó mesmo tempo cá
imaxe de muller virtuosa que hai que alabar, mesmo protexer. A memoria da
asasinada pero pervesa condesa non hai porque protexela, por tanto, da infamia.
En resumo, Vasco de Aponte descualifica a
Teresa de Zúñiga como muller e como señora de vasalos, a causa da súa toma de partido contra a
cabeza visible da rama máis poderosa dos Sarmientos, pero tamén pola súa
condición misóxena, polo demais moi propia da época, que se reflecte nas
diversas referencias antifemininas no seu nobiliario.
As obras contemporáneas, historias
nobiliarias e historias locais, repiten
as teses de Aponte, abundan na descualificación moral da condesa, por dúas
razóns: é a única fonte galega coetánea que dá noticia do tema; e ademais, ¿non
segue no século XX vixente dalgunha maneira a misoxinia e os estereotipos de
mulleres "malas"?
A marquesa de Ayerbe (1905) reproduce o
parágrafo de Aponte sobre a endiañada condesa que lles facía mal ós seus
vasalos[117].
Leopoldo Meruéndano (1914), escribe o mesmo: "condesa indiablada" que
"hostigó á sus vasallos" que enviaron unha comisión e "les
maltrató" e, daquela, amotináronse e matárona[118]. Samuel Eiján (1920) erre que erre, insiste en
que era endiañanda e presuntuosa, engadindo outros preconceptos anti-femininos
ó aseverar que Aponte "descubre en ella los brotes de orgullo nobiliario
inherentes a los Sarmiento, unidos a los extremos de una crueldad impropia de
su sexo"[119].
Na historia da casa de Camarasa (1934) amplíase a mala fama de Teresa de
Zúñiga, afirmando que "esta Señora que, según parece, era algo intrigante
y no muy discreta" porque, non contenta coa confirmación da sucesión do
seu home morto, de Enrique IV, procura paralelamente outra do príncipe Alfonso[120];
logo o marqués de Camarasa fai á condesa culpable póstuma da represión, por
pedirlle axuda a Pedro Madruga, que
"era un malvado que nada respetaba", quen en Ribadavia "se hartó
de hacer atrocidades", argumentando
que "se comprende que con estas cosas, la madre y tutora del joven señor
de Ribadavia se hiciese odiosa incluso a sus propios vasallos"; intrigante,
indiscreta, odiosa e... altiva: "Asi murió la altiva Dña. Teresa de
Zúñiga", conclúe fatalmente a
historia da casa de Camarasa[121].
¿Que din as xenealoxías inéditas dos
Sarmiento da condesa morta polos seus vasalos? Ben nada, facendo desaparecer
sospeitosamente a Teresa de Zúñiga, a pesar de nomear o seu home e o seu fillo,
a pesar do costume do xenealoxista de sinalar con quen casa cada membro
importante da liñaxe[122].
Ben recollen, como despois fará a bibliografía, a opinión desfavorable de
Aponte: "fue muy endiablada y mala, y que los basallos la mataron despues
a lanzadas por los muchos daños que les hacia"[123],
transmisora dunha tradición fortemente antiseñorial que raramente é transmitida
polas canles da cultura escrita.
Acción e represión
Poucas veces as fontes medievais son tan
unánimes e tan claras á hora de manifestar a
motivación social, antiseñorial, da execución colectiva dun señor por
parte dos seus vasalos como no caso da condesa de Santa Marta. O cronista
real Enríquez escribe que "sus
vasallos se levantaron contra ella é la mataron", e que, logo do axustizamento,
"é puesto que asi la mataron, subcedió el hijo pacificamente porque ellos
le obedescieron, y él les perdonó"[124];
establece así unhas relacións mentais -revolta/violencia, obediencia/paz- que
evidencian a importancia do consenso nas relacións vasaláticas, e deixan
entrever a ruptura deste como causa da violencia purificadora. Acto profano de raíces pre-cristiás, o
sacrificio ritual colectivo do señor natural que incumpre as súas funcións
remite ó ciclo da fertilidade: morte dun mal señor que volta á terra e
resurreción noutro señor[125]
a quen os vasalos obedecen pacificamente porque "él les perdonó".
Non era propio dos señores laicos perdoar ós
vasalos rebeldes, e menos habendo por medio a morte dun señor; os señores eclesiásticos tiñan sen embargo a
posibilidade de condenar eclesiasticamente e perdoar terrealmente, trala doazón
por parte dos arrepentidos matadores de bispos, abades e cóengos[126].
As outras dúas fontes, nobiliarias e laicas, cada unha cos seus matices, para
nada falan de perdón e si da dura represión dos veciños de Ribadavia. A
posición reconciliadora do cronista real parte do principio de realidade
-"é puesto que asi la mataron"-, acepta as consecuencias pero tamén
as causas do homicidio en revolta, un mal indesexable que hai que evitar no
futuro, restablecendo o pacto entre señores e vasalos, onde os segundos
obedecen porque os primeiros os tratan pacificamente.
Unha restructuración das relacións feudais
promovidas polo Estado e a Igrexa á cal non se adaptará verdadeiramente a
nobreza laica galega, que perdoa ós irmandiños só parcialmente a revolta de
1467-1469; non hai represión, pero un sector significativo -entre os que non se
atopa naturalmente o fillo que indultou,
Bernardino Sarmiento[127]-
tenta obrigar ós vasalos a reedificar as fortalezas. A "caída dos
falcóns" a finais do século XV [128],
que será definitiva desde o punto de
vista político [129], non deixa de ter reflexo no sentimento de
culpa do contemporáneo cabaleiro Salazar e na nostalxia de Aponte pola brutal
nobreza feudal representada por Pedro
Madruga a principios do século XVI.
García de Salazar[130],
no cadro da revolta irmandiña como revolta claramente antiseñorial, adopta unha
actitude contraria ós ribadavienses -é o único en chamarlle
"viláns"-, di primeiro que
"mataron los Villanos a la Condesa" para unir logo revolta
antiseñorial con violencia antiseñorial: "e viendo las demasiado
crueldades de los villanos, e la su mucha desouedençia contra sus naturales
señores,..., los dichos Señores, dieron con los dichos villanos en el
suelo". O sentido antiseñorial da revolta de Ribadavia contra a condesa
resulta máis evidente aquí que no texto do cronista real, incluso a conclusión
xustificadora da vinganza ritual sublimadora: o mal goberno dos señores págase
coa morte, pero a rebelión contra os señores "naturales" tamén;
primeiro morre a condesa, pero despois morren moitos ribadavienses rebeldes; e,
ademais, caen tódolos irmandiños, viláns crueis -previa identificación forzada
coa revolta local posirmandiña de 1470-. A falta de represión violenta de
levantamento antiseñorial tan enorme como o da Santa Irmandade de Galicia, tiña
que estrañar ó cabaleiro vasco, quen cría sinceramente que os dous feitos foran
un só. Ningún indicio de perdón laico
nin sagrado: Deus castiga a todos, cabaleiros e vasalos, vén dicir o vello e epocalíptico cabaleiro preso polos
seus fillos na casa-torre de Somorrostro.
Vasco de
Aponte, criado de Andrade e un defensor máis entusiasta da orde señorial
có cabaleiro Salazar -se cadra porque a súa adhesión é máis ben literaria-, é
tremendamente claro na motivación antiseñorial da morte colectiva da condesa de
Santa Marta, porque, no fondo, considéraa causada pola culpa individual dunha
condesa endiañada, presuntuosa e mala cos seus vasalos. Para salvar a súa nostalxia pola derradeira nobreza feudal, violenta pero certamente valerosa, xustifica
o sacrificio da condesa de Santa Marta,
chibo expiatario que carga cos pecados do mundo nobiliar galego, repoboado de cabaleiros ben coñecidos no
reino de Galicia polas súas tropelías e violencias contra os vasalos e a
Igrexa, como Pedro Madruga e o mariscal Pedro Pardo de Cela[131].
Ser muller e de orixe extragalega, facilita a xustificación da morte de Teresa
de Zúñiga pola mentalidade tardonobiliar de Aponte, que se aparta radicalmente
-e en parte tamén as restantes fontes utilizadas neste traballo- do tratamento
que a cultura escrita lles viña dando ás mortes individuais dos señores nas
revoltas desde finais do século XIV[132]:
indicibilidade, descoñecemento do seu sentido xusticeiro, fatalismo
providencialista. Quitando algunha
xenealoxía familiar, a morte da condesa non é indicible, pregóase abondo
en nobiliarios e crónicas (igual, despois de 1483, cá morte de Pardo de Cela[133]).
A súa significación profana como acto colectivo de xustiza privada por mor de
reinvindicacións sociais, vén sendo polo regular recoñecida, ben para xustificar o perdón (cronista real e
posiblemente a cultura popular), ben para xustificar a represión (cultura
cabaleiresca en decadencia). A súa
significación relixiosa pasa do milenarismo total de Salazar, que mete
cabaleiros e vasalos entre os castigados pola ira divina, á demonización da
mala señora - condesa "muy endiablada"- que predica Aponte. Todo
porque despois de gran revolta que conmoveu entre 1467 e 1469 o sistema
señorial, no económico pero aínda máis no imaxinario colectivo, xa non ten
moito sentido tapar por parte dos intelectuais da época a simple morte
individual dun mal señor; é máis conveniente unirse ó coro e insistir en que se
trata dunha excepción (sobre todo tratándose da casa dos Sarmientos, diríanos
Aponte se puidese falar), é dicir, cousa do diaño, con quen ademais non debe
haber tratos e pactos[134].
Non sabe Aponte ata que punto acerta, se lle
damos a volta á súa acusación -de contrarios a favorables, conforme a opinión
maioritaria na Galicia posirmandiña- e facemos da excepción unha regra, xeneralizando a inculpación diabólica
ó conxunto da violenta nobreza trastamarista[135],
porque se pode dicir dos derradeiros señores feudais galegos aquilo que expoñía
un vello relixioso ó cabaleiro Galván: "fuisteis mal siervo y desleal,
pues cuando entrasteis en la orden de caballería no se os metió en ella para
fueseis a partir de entonces siervo del Enemigo, sino para que sirvieseis a
Nuestro Creador y defendierais la Santa Iglesia"[136].
Por moito que Vasco de Aponte xogue coa condición feminina da condesa,
homologable ó demo, nada poder agachar os feitos que el mesmo relata: Pedro
Madruga cando reprime os que mataron a condesa prende e ridiculiza o abade de
San Clodio, ¿de que parte está logo o Inimigo[137]?
O contraste entre a oposición radical de
Aponte á grande revolta antiseñorial, pero sen sanguentas vinganzas persoais,
da Santa Irmandade, e a facilidade con que acepta a pequena revolta
antiseñorial que deu cabo da vida da
condesa, vén confirmar algo que xa concluiamos noutro lugar: "No fondo a morte señorial é inofensiva para o sistema global, que
limítase a sustituír ó amo masacrado por outro, usualmente en mellores
condicións, tanto para os vasalos (que arrincan polo regular concesións) coma
para os señores (que gañan un consentemento perdido)"[138]. A violencia catártica, a morte de cando en
vez dalgún señor a xeito de válvula de escape, permite, pois, a reproducción do
sistema: o derrocamento de tódalas fortalezas e a substitución do poder
señorial polo poder irmandiño, non.
Agora ben, que houbese chibos expiatorios dos
males do sistema non quere dicir para Aponte que os vasalos asasinos tiveran de
ficar impunes. Morte admitida pero non perdoada. ¿Como fai casar Aponte a súa
actitude pro-señorial coa súa
consideración case xusta da morte da condesa? Substituíndo o esquema mental
vasalos/señores polo esquema cabaleiresco da lei do Talión. Se os vasalos se
vingaron a lanzadas da condesa dos "muchos males que ella les façia",
o seu sobriño Pedro Madruga vingárase dos vasalos facéndoos "matar a unos,
y a otros cortar pies...". O dereito de vinganza era unha parte importante
da vella orde feudal, non tanto a práctica do perdón. O mesmo ritual violento
que escenifican os veciños de Ribadavia para acabar coa condesa ("la
mataron á puñaladas" -escribe Enríquez[139]-;
"cruda muerte, faziendo la pedaços" -escribe Salazar-[140];
"la que murio a lançadas" -escribe Aponte[141]-),
serve para describir a vinganza posterior de Pedro Álvarez de Soutomaior que
"hiço matar a unos, y a otros cortar pies, y a otros prender. Y prendió al
abad de San Croyo y trájolo por la villa de Rivadavia ençima de un asno y con
una resta de ajos al pescueço. Y allí cortó la cabeça a Diego Sarmiento"[142].
Exceso de sangue e mutilacións, moi
propio da violencia ritual medieval[143],
que se vai repetir cando a Inés Enríquez, segunda condesa de Camiña, nora de
Pedro Madruga, "le despedaçaron e fizieron pedaços su cuerpo e
cabeça" por orde do seu fillo Pedro de Soutomaior, neto de Pedro Madruga,
condenado a morte polo xuíz real en 1518: "Y ansí bajó la casa de
Sotomayor", sentencia Aponte[144].
A lei do Talión será substituída pola xustiza
pública nun proceso encetado en Galicia pola revolución exemplarizante de
1467-1469. Un ano despois, a revolta homicida de Ribadavia, resulta anacrónica,
mira cara ó pasado, cadra máis coa mentalidade medievalizante de Pardo de
Cela, Madruga e Aponte (que recupera
simbolicamente a revolta de 1470) que coa mentalidade modernizante dos
irmandiños, dos oficiais reais, de sectores importantes da Igrexa e da
fidalguía, que conformarán outra Galicia entre finais do século XV e comezos do
século XVI, escollendo como chibos expiatorios dos males do sistema social as
fortalezas, as pedras en vez das persoas, aínda que os cabaleiros fosen
culpables e merecentes dos maiores
castigos.
[1] Tamén aparece como Teresa Stúñiga
ou Estúñiga; non a debemos confundir con Teresa de Zúñiga e
Biedma, filla do seu curmán Juan de Zúñiga, vizconde de Monterrei, a primeira
esposa de Bernardino Sarmiento, fillo da nosa Teresa de Zúñiga, condesa de
Santa Marta, Pedro GONZÁLEZ
ULLOA, Descripción de los Estados de la casa
de Monterrey en Galicia [1777], Santiago, 1950, p. 41; AGS-RGS,
IX-1487, fol. 10, publica José GARCÍA
ORO, La nobleza gallega en la Baja Edad
Media. Las casas nobles y sus relaciones
estamentales, Santiago, 1981, pp. 116-117.
[2] Juan TORRES FONTES, El príncipe don Alfonso, 1465-1468,
Madrid, 1971, pp. 100-101, 109; Itinerario de
Enrique IV de Castilla, Murcia, 1953, p. 181 n 16.
[3] Juan TORRES FONTES, Itinerario de
Enrique IV de Castilla, Murcia, 1953, p. 211 n 1.
[4] Luis SUAREZ FERNANDEZ, Nobleza y monarquía. Puntos de vista sobre la
historia política castellana del siglo XV, Valladolid, 1975, p. 253.
[5] O ano anterior, 1464, temos o conde de Santa Marta con Enrique IV na
negociación cos nobres rebeldes, encárgase de gardar na fortaleza de Mucientes
o conde de Benavente como refén do pacto, Diego ENRÍQUEZ DEL CASTILLO, Crónica
de Enrique IV, BAE nº 7O, p. 139 ; Apuntes para el historial de la
Casa de Camarasa,
San Sebastián, 1934, pp. 77, 79.
[6] ídem, p. 80.
[7] Os representantes
zamoranos (Zamora tiña a voz de
Galicia nas Cortes de Castela) da "Hermandad" de Castela, estaban
axudando a constituír formalmente a irmandade galega: no documento fálase dunha xuntanza previa en
Ourense e da inminente Xunta da Santa Irmandade do reino de Galicia en Melide,
que terá carácter constituínte.
[8] AHN, Diversos, Colección Diplomática, publica Eduardo PARDO DE GUEVARA, "Notas para una relectura del fenómeno
hermandino de 1467", Señorío y
feudalismo en la Penísula Ibérica, ss. XII-XIX, Zaragoza, 1993, pp.
100-103.
[9] Continúa dicindo: e estando yo e el
dicho conde, mi fijo, e todos nuestros bienes sobre seguro e hamparo e
defensión del dicho señor Rey e de la dicha Santa Hermandad, e teniendo mandado
por mis cartas a mis alcaydes de las fortalesas mías e del dicho conde, mi
fijo, que se metiesen en la dicha Santa Hermandad con vosotros para guardar e
complir los capítulos e hordenanças, loc. cit., pp. 100-101; a súa orixe e
relacións de veciñanza en Castela, onde a "Hermandad" funcionaba desde
había tres anos como institución pacificadora, coadxuva a explicar este
temperán aliñamento coa irmandade galega da condesa de Santa Marta, que
contrasta coa resistencia nese mesmo momento doutros nobres como o conde de
Lemos (Carlos BARROS, Mentalidade
xusticieira dos irmandiños, Vigo, 1988, p. 88).
[10] dicho
Sancho de Ulloa, vuestro hermano, non temiendo a Dios ni al Rey nuestro Señor, ni a la dicha Santa
Hermandad que para vedar las fuerças e
opresiones fue prinçipada, e para punir e castigar los malfechores, loc. cit., p.
101.
[11] O modelo cabaleiresco esixía especificamente a defensa de viúvas e orfos;
a traizón na Idade Media era un delicto político contra o Rei, neste caso
contra o seu Adiantado en Galicia (e tamén contra a irmandade, véxase a nota
15).
[12] Sobre a sensibilidade irmandiña cara ás mulleres e nenos, véxase Mentalidade xusticieira, pp. 174 ss.
[13] loc.
cit., p. 103.
[14] Pardo de Cela non estivo, o que cadra ben co seu visceralismo
anti-irmandiño reflectido naquela metáfora represiva que aconsellou ó conde de Lemos, unha vez rematada a
irmandade: que ynchiese los carballos de los
dichos basallos e quel dicho Conde dixera que no queria que no se habia de
mantener de los carballos, Fortalezas,
p. 162.
[15] Publica Angel RODRÍGUEZ
GONZÁLEZ, Las fortalezas de la Mitra
compostelana y los "irmandiños", Pontevedra, 1984, pp.
477-478; a testemuña termina de contar que el e os
demais criados do conde Sancho voltaron a Galicia, e que despois a xente os
chamaba "traidores", tanto ós
dous nobres fuxidos coma ós seus criados.
[16] Estarán Ulloa e Andrade os dous anos de poder irmandiño presos en
Mucientes, e aínda un ano máis, ata 1470;
o 27 de abril de 1470 perdoa e libera a condesa ó primeiro, conforme
veremos logo, e nese mesmo ano (antes do 20 de xuño de 1470, data do duelo da
ponte Sionlla, onde participa contra Sancho de Ulloa): Diego de Andrade quando salió de la prisión, donde lo
tenía preso la condesa de Santa Marta, Vasco de APONTE, Relación de las
casas antiguas del Reino de Galicia, Santiago, 1986, pp. 147, 195,
227.
[17] Publica Boletín
de la Comisión de Monumentos de Orense, tomo II, 1904, pp. 310-311.
[18] mandava e mandou da parte
da Santa Yrmandade e del rey nro Señor don Enrrique aos moradores e vasalos
do dito couto que no recodisen des oje este dito endeante ao dito señor conde
nin condesa nin a outra persona algua con has rendas e señorío do dito couto,
saluo a dito señor abbade de Çelanova,
publica Xesús FERRO COUSELO, A vida e a fala
dos devanceiros, I, Ourense, 1967, pp. 147-148.
[19] Manuel MARTÍNEZ SUEIRO, Fueros municipales de Orense, Ourense,
1978, pp. 89-90.
[20] Mentalidade
xusticieira, p. 103.
[21] AHN, Diversos, Colección Diplomática, Serie Real, publica Eduardo PARDO, op. cit., pp. 103-104.
[22] Desmíntese así o documento do 25 de abril;
agora semella non preocuparlle ó
Rei a
condesa de Santa Marta, enriqueña en Galicia pero Zúñiga en Castela (o 30 de maio de 1467, o seu pai entraba
victorioso en Toledo acompañando ó príncipe Alfonso, Alonso de PALENCIA, Crónica
de Enrique IV, I, BAE nº 257, p. 214); estas fluctuacións cortesás,
guiadas polo variable interese da
política do Rei, tiñan por forza que
restarlle autoridade a Enrique IV ante unhas irmandades galegas que cada vez
máis tiñan o seu propio criterio e interese.
[23] A pelexa entre os medio-irmáns Juan
Zúñiga e Pedro Zúñiga polo señorío de Monterrei é anterior á irmandade e mesmo
continuará despois; Juan de Zúñiga é menos de fiar para os enriqueños: en 1465
tamén recibira do príncipe Alfonso a confirmación dos seus bens contra o seu
irmán enriqueño (ADA, Casa de Lemos, C-2-50a), e ata 1469 non coñecemos un
posicionamento seu favorable de Enrique -agora contra Isabel- (Publica Boletín de la Comisión de Monumentos de Lugo,
III, 1947, p. 211).
[24] Eduardo PARDO, op. cit., pp.
105-106.
[25] Unha resposta evasiva da Xunta irmandiña de Betanzos datada o 13 de xullo,
sobre este asunto de Monterrei, deixa as cousas como están, isto é, nas mans da
Santa Irmandade.
[26] Tres das autoridades locais que encabezan o escrito son coñecidos
mercadores: Juan de Meixonfrio, procurador do concello; Gonçalvo Rodrígues de
Olveda, procurador da Santa Irmandade; e Gonçalvo Péres de Requeixo, rexedor do
concello.
[27] Publica Xesús FERRO COUSELO, A vida e a
fala dos devanceiros, II, Ourense, 1967, p. 376.
[28] Xa na revolta de 1455 se dera esta converxencia, Mentalidade xusticieira, pp. 54 ss.
[29] Publica Xesús FERRO, op. cit., pp. 373-375.
[30] Os que aparecen protestando no documento do 15 de maio polos derrocamentos
campesiños no Ribeiro é de supoñer que tampouco verían con demasiado entusiasmo
o derrubamento polos ourensáns, na súa propia cidade, do veciño e odiado Castelo Ramiro.
[31] Carlos
BARROS, "Revuelta de los irmandiños. Los gorriones corren tras los
halcones", Historia de Galicia,
fasc. nº 24, Vigo, 1991, pp. 453 ss.
[32] O seu curmán, Juan de Zúñiga, sen embargo, segundo unha testemuña
xuntárase con Fonseca no exilio e con el
voltara a Galicia en 1469, Fortalezas,
p. 286.
[33] En realidade son dous, asinados na mesma data e lugar, un para liberalo da
prisión (ADA, Casa de Lemos, Caja 84-36)
e outro cos compromisos de Sancho (AHN, Diversos, Colección Diplomática, leg.
43).
[34] la dicha
sennora condesa dixo Sancho de Ulloa sobrino yo vos solte de la prision en que
vos tenya por los danos que a mi e a mi fijo el conde don Bernardino e en
nuestras tierras e fortalesas e vienes avedes fecho, ADA, Casa se Lemos, C-84-36; este testemuño exclúe calquera motivación da
prisión que teña que ver directamente coa irmandade ou coa guerra civil
1465-1468, circunstancias en todo caso coadxuvantes.
[35] Intercederan polo preso ante a condesa: me
escrivio el Rey e la rreyna nuestros sennores e muchos grandes deste rreyno e
lo trataron muchos dellos commigo, loc.
cit.
[36] AHN, Diversos, Colección
Diplomática, leg. 43.
[37] en
guarda de su derecho en los pleitos que los dichos sus partes han e tratan con
don Sancho de Ulloa conde de Monterrey sobre o
castelo de Caldas de Orcellón, ídem.
fol. 3; Bernardino, vintecinco anos despois, segue polo tanto a loita da súa
nai, que dera lugar á demanda diante da Santa Irmandade aquel 21 de febreiro de 1467.
[38] Trabúcase as dúas veces co seu nome, en vez de dona Teresa escribe dona
Inés, que xustamente no comezo do documento orixinal aparece como nai de Sancho
de Ulloa: Inés de Castro, a viúva de Lope Sánchez de Ulloa.
[39] Derrocada primeiro polas guerras entre Sarmientos e Ulloas, logo pola
Santa Irmandade e derradeiramente polos Reis Católicos: entremedios reparábana;
cando o preito Tabera-Fonseca estaba caída, Fortalezas,
pp. 172, 475, 478, 480.
[40] Existe copia en Museo de Pontevedra, Col. Sampedro, C-81-1.
[41] ADA, Casa de Lemos, C-85-32, publica José GARCIA ORO, Galicia en la Baja Edad Media.
Iglesia, señorío y nobleza,
Santiago, 1977, pp. 251-252.
[42] Salustiano
PORTELA PAZOS, Galicia en tiempo de los
Fonseca, Madrid, 1957, pp. 76-78.
[43] Vasco de APONTE, Recuento,
p. 190.
[44] Casou coa filla de Juan de Zúñiga, vizconde de Monterrei, tamén chamada Teresa
de Zúñiga, pasando a ser logo o primeiro conde de Monterrei, Pedro GONZÁLEZ ULLOA, Descripción
de los Estados de la casa de Monterrey en Galicia [1777], Santiago,
1950, p. 4.1
[45] José GARCÍA
ORO, La nobleza gallega en la Baja Edad
Media. Las casas nobles y sus relaciones
estamentales, Santiago, 1981, pp. 98-99.
[46] ídem, pp. 99, 105.
[47] O novo conde de Santa Marta é Francisco Sarmiento, fillo de García
Sarmiento, irmán rival de Bernardino, que non debemos confundir co seu tío,
tamén García Sarmiento, señor de Sobroso (o neto chamarase igual).
[48] Apuntes para el historial de la Casa de Camarasa, San Sebastián, 1934, pp. 81-82; adiantado de Galicia é desde
a morte do seu pai un título honorífico, pola debilidade dos Sarmientos, e
sobre todo porque desde 1480 os Reis Católicos teñen en Galicia un gobernador e
outros funcionarios reais permanentes.
[49] Contra 1530-1535, Aponte non inclúe a casa dos Sarmientos no seu nobiliario, e di que el conde de Ribadavia e el conde de Ribadeo eran
castellanos, Recuento,
p. 146.
[50] Historia
de Galicia, VI, pp. 106-107.
[51] Carlos
BARROS, "Cómo construye su objeto la historiografía: los irmandiños de
Galicia", Hispania, nº 175,
1990, pp. 859-860.
[52] Que viña sendo a muller do irmán bastardo -García Sarmiento- do fillo
favorito de Teresa de Zúñiga, Bernardino Sarmiento, Marqués de CAMARASA, Apuntes para el historial de la Casa de Camarasa, San Sebastián, 1934, p. 79.
[53] Ó non haber noticias verdadeiras de señores asasinados polos irmandiños, non
quedaba outro remedio que poñer a revolta de Ribadavia no momento, ou ó
principio, da Santa Irmandade; esta lóxica que vencella a
violencia-revolta-represión xa levou ó coetáneo García de Salazar a facer a
mesma operación no seu nobiliario, que Vicetto non coñeceu.
[54] Para Vicetto, testemuña das revoltas liberais fracasadas da segunda metade
de século XIX, concretamente do levantamento militar de 1846 en Galicia que
rematou nos "mártires de Carral", se non corría o sangue é que non se
trataba dunha revolución verdadeira, é por iso que paradoxalmente prefire os
relatos "contrarios" sobre os irmandiños e outras revoltas sociais
medievais, onde os nobres, ou os seus criados, despachábanse a gusto contra os
"villanos".
[55] Marquesa de AYERBE, El Castillo del Marqués de Mos en Sotomayor.
Apuntes históriocos, 1905, pp. 41-42.
[56] Leopoldo
MERUÉNDANO, Los judíos de Ribadavia. Origen
de las 4 parroquias [1914-15], Lugo, 1981, pp. 11, 85-86.
[57] Existe o escudeiro Pedro Ouxea de Alván, que efectivamente estivera ó
servicio do marido da condesa, conforme documentos de 1438 e 1441 (Xesús FERRO
COUSELO, op. cit., II, pp. 260,
270), pero segundo informa o propio Aponte, en 1470 está xa ó servicio de
Sancho de Ulloa, participa ó seu lado no duelo cabaleiresco de sete contra sete
na ponte Sionlla, contra a xente de Lope Sánchez de Moscoso, pola herdanza do
pai e avó de ambos, feito de armas acontecido inmediatamente antes de chegaren
ó acordo arbitral do 22 de xuño de 1470 (Recuento,
pp. 147, 194-195).
[58] Samuel EIJÁN, Historia de Ribadavia y
sus alrededores [1920], Lugo,
1981, pp. 281-282.
[59] Marqués de CAMARASA, Apuntes para el historial de la Casa de Camarasa, San Sebastián, 1934, pp. 80-81.
[60] Carlos BARROS, "Violencia y muerte del señor en Galicia a finales de
la Edad Media", Studia Histórica, Salamanca, vol. IX,
1991, pp. 128-130.
[61] Carlos BARROS, "Cómo construye su objeto la historiografía: los
irmandiños de Galicia", Hispania,
nº 175, 1990, pp. 845-846.
[62] Crónica
de Enrique IV, BAE nº 70, pp. 204-205.
[63] Julio
PUYOL, "Los cronistas de Enrique IV", Boletín de la Real Academia de la Historia, tomo 78, 1921,
p. 413.
[64] Diego Enríquez del Castillo, cronista oficial e capelán de Enrique IV,
xoga un papel moi activo en maio de 1467 no levantamento da
"hermandad" para impedir a viaxe a Béjar do Rei na compaña
precisamente da condesa de Plasencia, nai ou madrasta de Teresa de Zúñiga, que
estaba no bando rebelde do principe Alfonso, Juan TORRES FONTES, Estudio sobre
la "Crónica de Enrique IV" del Dr. Galíndez de Carvajal
[ppo. s. XVI], Murcia, 1946, pp. 288-289; Alonso de PALENCIA, Crónica de Enrique IV, I, BAE nº 257, p.
213.
[65] Despois da batalla de Olmedo, en setembro de 1467, o cronista fora preso
en Segovia polos partidarios de don Alonso, entre os que estaba o pai da
condesa de Santa Marta (Juan TORRES FONTES,
El príncipe don Alfonso, 1465-1468,
Madrid, 1971, p. 156), e de seguido condenado a morte por las falsedades que contenía el manuscrito de la
"Crónica" que se encontró..., librándole su condición de clérigo,
conforme conta o cronista Palencia, daquela inimigo declarado de Enrique IV, Alonso de PALENCIA, Crónica de
Enrique IV, III, BAE nº 267, p. 280.
[66] Véxase a nota 2.
[67] A tolerancia cara as mortes de señores en revoltas sociais non é un
fenómeno excepcional, Carlos BARROS,
"Violencia y muerte del señor en Galicia a finales de la Edad Media", Studia Histórica, Salamanca, vol. IX, 1991, p. 157.
[68] Galíndez de Carvajal repite abreviadamente a versión de Enríquez, Juan TORRES FONTES, Estudio
sobre la "Crónica de Enrique IV" del Dr. Galíndez de Carvajal
[ppo. s. XVI], Murcia, 1946, p. 394.
[69] O paradigma desta actitude realista é un dos inimigos máis declarados dos
irmandiños e xefe de filas da nobreza galega daquela, o conde de Lemos, que
cando retoma a súas terras, resulta que a xente que andara na irmandade se ausentara e fuyera por miedo del dicho Conde e quel
dicho Conde los asigurara y ellos tornaran a asentar en la dicha tierra otra
bez (Fortalezas, p. 162), continuando a testemuña co que lle respondeu
a Pardo de Cela, cando lle dixo que enchera os carballos cos vasalos, que non
se había de manter dos carballos (véxase
a nota 14); en 1472, o conde de Lemos, conxuntamente co conde de Benavente,
perdoan así mesmo os veciños de Allariz e Castro Caldelas polos yerros pasados asy fechos en el tiempo de la hermandad,
AHN, Osuna, leg. 417-172, fol. 5.
[70] Sen Bernardino a condesa non podía tomar posesión de Ribadavia: o poder
legal tíñao o seu fillo, ela soamente
era a titora do conde, aínda que era condesa polo seu marido.
[71] José
GARCÍA ORO, La
nobleza gallega en la Baja Edad Media.
Las casas nobles y sus relaciones estamentales, Santiago,
1981, p. 118.
[72] Lope GARCÍA DE SALAZAR, Las Bienandanzas e Fortunas. Códice del siglo XV,
IV, Bilbao, 1965, p. 417.
[73] ídem, p. 419.
[74] Antonio LÓPEZ FERREIRO, Historia de la
Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela, Vol. VII [1904],
Santiago, 1983, p. 253.
[75] Bienandanzas,
pp. XXI- XXV.
[76] Nos anos de 1462 e 1467 morréranlle na guerra os dous fillos maiores, o
herdeiro do seu señorío e o seu primoxénito; un terceiro fillo, Juan de Salazar
"el Moro", coa axuda doutro irmán e da súa nai, préndeno e obrígano a
cederlle os seus bens, ídem, pp. X-XI.
[77] estando preso en la my casa de San Martjn de los que yo
engendré e crié e acrecenté e temeroso del mal beuedizo... E yo temjendome de
la desordenada codiçia que es por leuar mjs bienes..., ídem,
pp. XXI-XXII.
[78] Fillo nacido antes do matrimonio, Alonso de PALENCIA, Universal
Vocabulario [1490], Madrid, 1957, p. 10;
Sebastián COVARRUBIAS, Tesoro de la lengua
castellana o española [1611], Madrid, 1984, p. 124; agora achégase
máis á realidade García Salazar: é probable que Bernardino non fose fillo
natural de Teresa de Zúñiga, José
GARCÍA ORO, La
nobleza gallega en la Baja Edad Media.
Las casas nobles y sus relaciones estamentales, Santiago,
1981, p. 98 n 82.
[79] Bienandanzas, p. 419.
[80] Recuento, p. 218.
[81] O 13 de maio de 1455, o conde e a condesa de Santa Marta ceden Salvaterra
e Castro Cabadoso a Álvaro de Soutomaior, mercé á arbitraxe de Juan de Zúñiga,
e perdóanlles ós Soutomaior la entrada en Ribadavia y prisión de dicho conde, RAH, col. Salazar y Castro, M-60, fol. 56 r,
publica José GARCIA ORO, La nobleza gallega,
pp. 222-223; pero o 25 de abril de 1458, temos de novo a Diego Pérez Sarmiento,
en Mucientes, chegando a un acordo de
confederación co conde de Benavente contra Álvaro de Soutomaior para ver de
recobrar la villa de Salvatierra é todos los otros bienes que tiene ocupados de mí
el dicho conde de Santa Marta, publica Memorias de Don Enrique IV de Castilla, Madrid, 1835-1913,
pp. 159-160; en 1463, acórdase o matrimonio entre Bernardino Sarmiento e María
Pimentel, aínda nenos, para darlle continuidade á alianza de 1458 contra Pedro
Madruga, José GARCIA ORO, op. cit.,
p. 105; moito despois, o 3 de agosto de 1479, o conde de Benavente forma unha
confederación de nobres galegos, contra terceiros, e aparece entre eles
Bernardino, AHN, Osuna, mazo 417-266.
[82] Recuento, p. 219; Pedro Álvarez era fillo bastardo de Fernán Diáñez de Soutomaior,
que o tivera cunha curmá de Teresa de Zúñiga, Constanza de Zúñiga (filla de
Diego López de Zúñiga, o pai de Juan de Zúñiga, vizconde de Monterrei), segundo
informa un dos fillos de Pedro Madruga, Diego de Soutomaior, na súa Descendencia de la Casa de Soutomaior,
AHN, Diversos, Colección Diplomática, fol. 1.
[83] Ben o sabía Pedro Madruga que fora o 22 de xuño de 1470 árbitro do acordo de Sancho de Ulloa con Lope
Sánchez de Moscoso citado supra.
[84] Recuento,
p. 220.
[85] ídem, pp. 220-221.
[86] Y él no
se contentando de recobrar y ganar lo suyo, quiso valer a quantos cavalleros
havía en Galiçia (...) mandó Pedro Alvarez
llamar los señores ..., y anduvo al pie con ellos asta apoderarlos a
todos y restituirlos en quanto tenían perdido y les tenía tomado los villanos
revelados, ídem,
pp. 222, 224.
[87] Diego Sarmiento viña sendo fillo do irmán de Diego Pérez Sarmiento (señor
de Ribadavia e conde de Santa Marta), García Sarmiento (señor de Sobroso) e de
Teresa de Soutomaior: o avó de Diego Sarmiento, Paio Sorred de Soutomaior,
era por conseguinte bisavó de Pedro
Madruga.
[88] É de supoñer que todo isto ten lugar unha vez morta a condesa, visto que
Pedro Madruga reprime ó mesmo tempo a Diego Sarmiento e os vasalos revoltados.
[89] Fortalezas, p. 71; non é crible que o conde mozo que contaba con don Pedro para pór
orde en Ribadavia conspirase na súa contra, pero tampouco o atopamos do seu
lado nas guerras contra outros nobres e menos aínda contra os Reis Católicos;
pola contra, conservará a hostilidade
cara a Sancho de Ulloa (véxase a nota 37).
[90] Enrique IV apoia por carta a Fonseca contra os cabaleiros que lle tomaban
o seu nos portos, José GARCIA ORO, Nobleza,
p. 198.
[91] Estará de novo presente na
confederación do 20 de febreiro de 1471 en Carboeiro, pero falta na asinada o
17 de outono de 1477 en Lugo: Pedro Madruga, daquela, batallaba en solitario no
bando portugués contra os Reis Católicos, que tiñan o apoio máis ou menos
activo de resto da nobreza galega.
[92] Vasco de Aponte dinos quen son por orde: Diego Sarmiento, Gregorio de
Valadares, Tristán de Montenegro, Diego Suárez, Gonçalo de Avalle, Francisco de
Avalle, Recuento, p. 216.
[93] Logra Pedro Madruga matar máis tarde a G. Valadares, a T. Montenegro e ós irmáns Avalle, Recuento, pp. 244, 252; véxase tamén, Fortalezas, pp. 260, 387.
[94] Recuento, p. 221.
[95] Véxanse as notas 92 e 93.
[96] Diego Sarmiento casara con Leonor de Meira e Valadares.
[97] 1537, Información do arquivo do Valadares sobre devolución de bens
(copia), Museo de Pontevedra, col.
Sampedro, caixa 81, fols. 4r-4v.
[98] Recuento, p. 183.
[99] Publica Antonio LOPEZ FERREIRO, Histoira,
VII, p. 270.
[100] 1537, Información, fol. 1v.
[101] Recuento, pp. 221-222.
[102] Véxase a nota 81.
[103] Partimos da máxima probabilidade de que os veciños de Ribadavia
tivesen unha visión maioritariamente
favorable do axustizamento da condesa, que eles mesmos protagonizaran, e da revolta irmandiña, do mesmo xeito có
resto de Galicia, segundo a enquisa do preito Tabera-Fonseca e outras fontes
orais e escritas.
[104] As orixes da táctica do vencido
están no Novo Testamento, onde Xesús proclama que hai que ofrecer a outra
meixela: os seus expoñentes sofriron, coma a nosa condesa, mortes violentas,
Jay HALEY, Tácticas de poder de Jesuscristo
y otros ensayos, Buenos Aires, 1973 (New York, 1969), pp. 51-55.
[105] Maïté ALBISTUR, Deniel ARMOGATHE, Histoire du féminisme fraçais, I, París,
1977, p. 24
[106] Georges DUBY, Mâle
Moyen Age. De l'amour et autres essais, París, 1988, p. 122.
[107] Philippe CONTAMINE, La guerra en la
Edad Media, Barcelona, 1984 (París, 1980), pp. 343, 345.
[108] No mesmo ano de 1470 en que matan a condesa, en Milmanda (tamén na
provincia de Ourense), Aldonça Roz pide porqee
o senhor coregedor faça dele juistyça,
por que soo uiuua e desamparada e nom poso yr aos seus pees, que me matou o
dito Fernam de Sam Payo o meu marydo e meu yrmaao Goçaluo Roz,
publica Xesús FERRO COUSELO, op. cit.,
p. 362.
[109] Carlos BARROS, "Violencia y muerte del señor en Galicia a finales de
la Edad Media", Studia Histórica, Salamanca, vol. IX,
1991, pp. 152-153.
[110] Se na Galicia posirmandiña non era doado para calquera cabaleiro restaurar
a autoridade señorial, menos doado o sería para unha muller.
[111] les
insultaban y se burlaban de ellos, llamándoles caballeros femeninos, y opinaban
de ellos que no defendían ya sus castillos ni se enardecían por las faenas
bélicas, Historia
Compostelana, Santiago, 1950, p. 150.
[112] Histoire du féminisme français, I, p. 19.
[113] María-Helena SÁNCHEZ ORTEGA, "La mujer como fuente del mal; el
maleficio", Manuscrits, 9,
1991, p. 47.
[114] demasiado
lo indica el ejemplo de Eva, nuestra primera madre; el audacísimo ánimo de la
mujer viola lo más santo: todo le es igual, lo lícito y lo vedado, Historia Compostelana, p.
301; Entonces pensó [o Inimigo] numerosas maneras de cómo podría derrotarte hasta que
por fin creyó que lo más rápido para hacerte caer en pecado mortal sería a
través de una mujer, lo mismo que Salomón, el más sabio de todos los hombres y
Sansón Fortín, el más fuerte, y Absalón, el hijo de David, el más hermoso del
siglo, Demanda del Santo Graal,
Madrid, 1982, p. 160.
[115] Bonnie S. ANDERSON, Judith P.
ZINSSER, Historia de las mujeres: una
historia propia, vol. I, Barcelona, 1991, p. 457.
[116] Resultaba, por tanto, mala para todos: un reflexo máis do illamento de Teresa
de Zúñiga nos cinco derradeiros anos da súa vida.
[117] Marquesa de AYERBE, El Castillo
del Marqués de Mos en Sotomayor. Apuntes históricos, 1905, pp.
41-42.
[118] Leopoldo
MERUÉNDANO, Los judíos de Ribadavia. Origen
de las 4 parroquias [1914-15], Lugo, 1981, pp. 85-86; puido ser así, pero como xa dixemos non hai datos documentados que o
xustifiquen.
[119] Samuel EIJÁN, Historia de Ribadavia y sus alrededores
[1920], Lugo, 1981, p. 281; a diferencia
de Pedro Madruga e doutros homes, nobres cabaleiros da época, non se coñece da
condesa de Santa Marta ningún acto cruel; non podemos dicir o mesmo do tamén
axustizado Pardo de Cela que quería
colgar dos carballos ós irmandiños, e sen embargo foi recordado como unha
víctima e mesmo como un "heroe".
[120] En realidade, son moitos os casos de nobres que tiñan relación cos dous
bandos ou mesmo que cambiaron de bando, algo que nunca fixo a condesa de Santa
Marta.
[121] Marqués de CAMARASA, Apuntes para el historial de la Casa de Camarasa, San Sebastián, 1934, pp. 79- 81.
[122] Linaje
y armas de los Sarmientos y Acuñas, BN de
Madrid, ms. 8631, fol. 60.
[123] Villa
de Ribadavia. Su fundacion y Antiguedades, Museo
de Pontevedra, Mat. Ávila y La Cueva,
caixa 47-48, fols. 6-7.
[124] Crónica
de Enrique IV, BAE nº 70, pp. 204-205.
[125] Este proceso obxectivo non necesariamente é concibido así,
subxectivamente: no imaxinario utópico dos protagonistas, no intre da revolta
homicida, se mataban o señor era para vivir sen señores.
[126] Carlos BARROS, "Violencia y muerte del señor en Galicia a finales de la Edad Media", Studia Histórica, Salamanca, vol. IX,
1991, p. 149
[127] Bernardino Sarmiento non aparece implicado en nigunha reedificación
posirmadiña; salvo excepcións (o propio castelo de Ribadavia) non se levantaron de novo a ducia de
fortalezas da casa; na reconstrucción forzada de Arcos, a única que aparece no
preito Tabera-Fonseca, consta como responsable da imposición de serventías, o
seu alcalde (polo conde de Ribadavia) Fernando de Camba, Fortalezas, pp. 504, 508.
[128] Carlos
BARROS, "Revuelta de los irmandiños. Los gorriones corren tras los
halcones", Historia de Galicia,
fasc. nº 24, Vigo, 1991, pp. 450-460.
[129] Ramón VILLARES, "La sociedad del Antiguo Régimen: hidalgos y
campesinos", Historia de Galicia, fasc. nº 32, Vigo, 1991, pp. 599-604.
[130] Bienandanzas, pp. 417-419.
[131] Comparemos a asepsia nobiliar con que Aponte trata a Pardo de Cela,
mariscal (Recuento, pp. 123, 132,
133, 142, 144, 146, 148, 151, 167, 170,192, 196, 232, 253, 254), e a
hostilidade popular cara ó dito Pardo de Cela inferida das declaracións orais
do preito Tabera-Fonseca, polos mesmo anos (Fortalezas,
pp. 134, 137, 162, 176, 188, 215, 245, 417, 420, 425, 428, 489, 565).
[132] Analizamos oito casos en Carlos
BARROS, "Violencia y muerte del señor en Galicia a finales de la Edad Media", Studia Histórica, Salamanca, vol. IX, 1991, pp. 140-157.
[133] Con todo, Aponte para nada comenta os motivos polos que o gobernador Acuña
executou a Pardo de Cela (Recuento, pp. 123, 253-254), que están
unanimemente espallados na tradición oral desa época: roubaba e facía males
desde a Frouseira e demais fortalezas, onde acollía ladróns, "vivía
mal" e as levantaba contra o Rei, e por iso prendérono e degolárono (Fortalezas, pp. 134, 137, 176, 215, 245,
420, 425, 428, 489, 565); a belixerancia anti-irmandiña do mariscal (Fortalezas, p. 162) axuda a explicar o silencio de
Aponte, representante da cultura nobiliaria, e o ruído na cultura popular.
[134] O xenealoxista Aponte de seguro que non lle perdoa a Teresa de Zúñiga a súa
temperá militancia na Santa Irmandade; a infernalización dos irmandiños subxace
tamén no cualificativo despectivo que lle puxeran contrarios como Aponte: irmandade fusquenlla,
Carlos BARROS, Mentalidad y
revuelta en la Galicia irmandiña: favorables y contrarios, Santiago
de Compostela, 1989, pp. 212-216.
[135] Sería máis certo e mesmo máis xusto, porque á condesa de Santa Marta non
se lle coñecen grandes agravios ós vasalos nin violencias contra outros
señores (aínda que non está exenta de
acusacións, véxase a nota 17), despois de enviúvar nin siquera puido
perpetralos: entrou na Santa Irmandade en 1467, exiliouse en Mucientes ó non
poder impedir o derrocamento das súas fortalezas e morreu en Ribadavia a pouco
de voltar; sen embargo foi víctima ó quedar sen home da rapacidade de Sancho de
Ulloa, de Diego de Andrade, de Pardo de Cela.
[136] Demanda
del Santo Graal, p. 84.
[137] Neste tema a distancia entre cultura popular, oral, que santifica a
insurrección irmandiña, e certa cultura cabaleiresca, escrita, que segue a
defender o indefendible, faise enorme a finais da Idade Media galega; véxanse
tamén as notas 131 e 133.
[138] Carlos BARROS, "Violencia y muerte del señor en Galicia a finales de
la Edad Media", Studia Histórica, Salamanca, vol. IX,
1991, p. 137.
[139] Crónica
de Enrique IV, pp. 204-205.
[140] Bienandanzas,
p. 419.
[141] Recuento, p. 220
[142] ídem, pp. 220-221
[143] Esta maneira de matar encarnizadamente, de orixe prehistórica e
institucionalizada na Idade Media, segue activa no mundo civilizado de hoxe en
día; en Occidente está reducida polo ensino e o Estado á marxinalidade social,
pero ocupa o centro do escenario nas mentalidades colectivas mercé ó cine, á
televisión e ós xogos de ordenador.
[144] Carlos BARROS, "Violencia y muerte del señor en Galicia a finales de
la Edad Media", Studia Histórica, Salamanca, vol. IX,
1991, pp. 128-132.