Torres, varas e demos. Os irmandiños da ría de Muros-Noia

Noia, Editorial Toxosoutos, 2009, 190 páxinas.

Por Xesús Vila

O estudo da revolta irmandiña non só comprende unha situación xeralizada e coordinada en todo o vello reino de Galicia no ano 1467 contra dos señores e as súas fortalezas. A investigación deste movemento fundamental para comprendérmonos a historia galega comeza desde as bisbarras e localidades que fixeron posible a coordinación política e militar da Santa Irmandade de Galicia. Carlos Barros (Vigo, 1946) como profundo coñecedor do fenómeno irmandiño, aporta novas claves para a comprensión dun acontecemento que resultou protagonista na transformación da Galicia feudal e das fortalezas na Galicia urbana e dos pazos.

O escenario da investigación vai ser a ría de Muros-Noia, co castelo da Serra de Outes controlando e asoballando a súa contorna. Outes convértese no eixo do libro xa que a través desta fortaleza roqueira aparecen diversas chaves para entender a mentalidade irmandiña. Non é casual o protagonismo do castelo de Outes no libro, o preito das fortalezas (preito Tabera-Fonseca) en 1526-1527 aporta unha documentación fundamental que revela non só parte do proceso mental que levou á grande revolta irmandiña de 1467, senón como sesenta anos despois ficaba aínda na mentalidade colectiva impreso os sucesos e o esquema que revela Carlos Barros: cabaleiros-fortalezas-malfeitores. As testemuñas do preito Tabera-Fonseca son tan significativas á hora de relatar as lembranzas da xénese e desenvolvemento da Santa Irmandade galega que aportan imaxes tan vivas como a do veciño de Noia, Pedro Lorenzo de Sarnón quen vería unha aparición demoníaca no castelo de Outes, motivo polo que o castelo se fixera inhabitable nas primeiras décadas do século XVI. É neste proceso de asimilación no que subliña Carlos Barros a idea que os irmandiños tiñan acadado de tantas décadas de agravios: os malfeitores das fortalezas, como a de Outes, eran prontamente transformados na mentalidade colectiva en demos, isto é, en esencia personaxes fóra da realidade cristiá da sociedade.

O protagonismo do castelo da Serra de Outes non é, polo tanto casual, no libro. O control sobre a ría de Muros-Noia que facía desde unha indeterminada data a mediados do século XV, apreixando veciños e violentando á poboación da comarca, impregnaba a lista non escrita de agravios que se cobrarían en 1467 co derrocamento da fortaleza. As vilas de Noia e de Muros, amba-las dúas arcebispais aínda que en diferentes datas, coordinaron esforzos e traballaron en conxunto cos irmandiños da Terra de Santiago. Moi importante, como sinala Carlos Barros, a insistencia das testemuñas noiesas no preito Tabera-Fonseca da xeralización galega do fenómeno irmandiño e non só como un feito localista coordinado entre as diferentes vilas e cidades de Galicia. A importancia comercial e estratéxica de Muros e Noia fomentaba os intereses políticos de diferentes faccións en loita polo poder local. Así as influencias abalarían entre os Moscosos e os Arcebispos composteláns, para o dominio do que era a porta marítima de entrada a Santiago para peregrinos e mercadorías. Neste senso, o castelo de Outes adquiría un papel político ademais do militar. Os Mariño de Lobeira, reivindicadores da pose da fortaleza antes e despois da Santa Irmandade, atópanse na encrucillada política, que caería en favor do bando dos Moscoso ao se casar o seu capitán maior García Martínez de Barbeira con Sancha de Lobeira.

Como salienta Carlos Barros, os veciños de Noia aproveitaron a conxuntura irmandiña para desbotar do goberno urbano ás vellas familias que dominaran o panorama político na vila. É neste contexto no que se comprende o feito de solicitar ao desterrado arcebispo Fonseca a comezos de 1469 a elección municipal, nunha clara estratexia política de procurar a lexitimidade dun proceso que deixaba fóra aos vellos bandos urbanos dominantes ata o de aquela. Para Alonso de Fonseca tamén resultaba proveitoso, procura o contacto cunha das súas vilas e afastaba do poder a familias que apoian aos seus vellos inimigos os Moscoso. A posición de Noia, realmente anunciaba unha nova fase na Santa Irmandade, a de consolidar os logros xusticieiros da revolta, cousa que procurarían co pacto co arcebispo Fonseca a mediados de ese mesmo ano de 1469, baixo a promesa da non reedificación das fortalezas.

Aquí voltaríamos ao protagonismo de Outes, xa que, malia o pacto fonsecano, que atinxía ás fortalezas da mitra, a nobreza galega tan pronto gañou en campo aberto ás forzas irmandiñas traballaría pola reedificación das vellas fortalezas e incluso algunha nova. Sería este o caso do castelo de Outes. O capitán maior de Lopo Sánchez de Moscoso, García Martínez de Barbeira, reconstruiría o castelo voltando a ameazar as liberdades dos veciños da ría de Muros-Noia. Nunha data imprecisa, entre 1477 e 1481, produciríase o novo asedio e derrocamento da fortaleza de Outes, co arcebispo Fonseca á cabeza, armado como cabaleiro e aínda en disposición de escoitar as demandas dos veciños de Noia e de Muros.

O epílogo deste traballo o volvemos centrar no castelo de Outes e sobre todo nos Mariño de Lobeira, que reivindican a xurisdición, xa que o castelo era algo obsoleto, e o recoñecemento á súa antigüidade de liñaxe. Pertencen xa ao mundo dos pazos, herdeiros «amables» das vellas fortalezas medievais, no que a fidalguía procura remontarse en xeracións sen importar o peso negativo que os sucesos históricos ou os procesos mentais impregnaron en varios capítulos do seu pasado. Non importaba que o castelo de Outes fose un lugar maldito, o importante radicaba en presentar probas da súa vella xenealoxía, tal e como outros moitos fidalgos facían nos seus expedientes de limpeza de sangue.

Rematamos sinalando o que di Carlos Barros: o exemplo de Outes e o seu demo aportaría unha interesante mostra da base «real» que as historias de pantasmas e espantos, literatura gótica e semellantes, impregnaron nos relatos románticos do século XIX cos vellos castelos como escenarios. Forman parte da historia das mentalidades e da súa filtración ao través das xeracións.

Os deseños de Manuel Mariño que acompañan ao texto, imprimen carácter ao libro e axudan a completar a visión rica e peneirada da nosa historia que realiza Carlos Barros en Torres, varas e demos, ampliando o coñecemento sobre un momento tan transcendental da historia galega.