Torres, varas e demos.Os irmandiños da ría de MurosNoia

Noia, Editorial Toxosoutos, 2009, 190 páx.

Xosé Francisco CORREA ARIAS

Recentemente, o doutor don Carlos Barros ven de regalarnos un novo libro, unha nova pinga do seu saber histórico, e unha achega importante a historiografía de Galicia na que se amosa, ademais dun amplo dominio das fontes, tanto historiográficas como documentais, o seu profundo coñecemento da Baixa Idade Media Galega, especialmente en todo aquilo que toca ó Movemento Irmandiño.

Trátase da obra Torres, Varas e Demos Os Irmandiños da ría de Muros Noia, traballo que, partindo do contorno irmandiño da ría de Muros Noia , se extrapola a toda a Terra de Santiago e incluso a toda Galicia nos dous últimos séculos da Idade Media.

Unha fermosa edición de Toxosoutos, brillantemente ilustrada con mais de trinta debuxos de Manuel Mariño, noutras tantas recreacións gráficas de personaxes e feitos concretos alusivos ós temas que se tratan no libro. O traballo, divídese en nove capítulos que nos van expoñendo os distintos aspectos que xiran arredor dos distintos compoñentes do Movemento Irmandiño, desde a súa xestación ata a súa eclosión, na segunda metade do século XV. Resulta así esta obra, un froito maduro da extensa labor de investigación e estudo que o doutor Barros ven realizando, sobre a temática irmandiña, desde fai mais de vinte anos cando presentara a súa tese doutoral sobre o tema.

Pero non se trata, como o propio autor advirte, dunha obra de temática exclusivamente irmandiña, senón que, a partir do contorno irmandiño, os temas político-militares mestúranse con outros aspectos da historia social e da historia das mentalidades, nunha brillante aproximación á historia global do mundo irmandiño na Terra de Santiago, e, por extensión, da historia da Galicia medieval; todo elo tomando como referencia e punto de partida o acontecer a comarca de Muros – Noia e as súas conexións con outras comarcas da citada Terra de Santiago, e mesmo de toda Galicia.

O estudo parte da época de don Berenguel de Landoira pero ten constantes referencias a tempos anteriores que nos poñen en coñecemento da evolución urbanística e institucional das vilas de Muros e Noia e as súas relacións coa sede compostelán, a cuxo señorío pertencían. Estas relacións, moitas veces conflitivas, tórnanse con frecuencia de cooperación amigable, na mesma medida en que os cabaleiros establecidos na comarca, especialmente os Mariño de Lobeira, se fan ameazantes.

Desta maneira, don Carlos Barros vainos introducindo nun amplo contexto evolutivo de múltiples relacións entre os distintos sectores sociais que protagonizan os feitos históricos que nos axudan a entender os grandes acontecementos. No senso anterior o autor de Torres, Varas e Demos pon de manifesto as confrontación entre os distintos sectores urbanos, sobre todo entre as oligarquías e os sectores populares, en especial no que se refire á loita polo concello pechado, no primeiro caso, e polo concello aberto no segundo. Este conflitivo mundo urbano, a súa vez, entra no gran xogo da loita os entre cabaleiros e o poder arcebispal mesturados coas sucesivas loitas dinásticas na coroa de Castela – unhas veces ó lado dos primeiros, e, as mais. a prol do arcebispo.

É así, como o anterior, segundo a obra que comentamos, se converte no contexto no que se desenvolve a mentalidade irmandiña, eminentemente popular e xusticeira, cuxos portadores se ven forzados a alianzas non sempre coherentes para defender os seus intereses, como no caso das vilas de Muros e Noia, pero tamén no caso do municipalismo compostelán e doutras cidades galegas para recuperar ou manter un certo equilibrio entre os sectores afrontados.

Esta procura do equilibro perdido, segundo o traballo do doutor Barros, maniféstase nas grandes irmandades, a irmandade do portos de 1451, a irmande das vilas de Muros e Noia con Santiago en 1458, cristalizando en 1467 na Santa Irmandade do Reino de Galicia, neste caso, desde unhas perspectivas e estratexias diferentes a constatación de que acadar o equilibrio cos señores do entorno é imposible; polo tanto, non atopan outra solución que neutralizalos na procura dunha Galicia sen señores, canda menos sen señores bandoleiros.

A nova estratexia é consecuencia de séculos de loitas, moitas veces infrutuosas. Como di autor, a Irmandade no cae do ceo, como conta o clérigo Rui Vasques, – Et por esto quiso Nostro Señor tornar porlo seu pobóó, que era este rreyno de Galiza -, senón que é froito dunha mentalidade e dunhas estratexias que se veñen forxando desde séculos anteriores. Neste proceso, as vilas de Muros e Noia e os seus respectivos alfoces, que abranguían os actuais concellos de Outes e Lousame, seguen – anque non sempre – a estela marcada polo municipalismo santiagués na súa intermitente loita por reducir a presión señorial dos arcebispos. Efectivamente as loitas do concello santiagués, xa desde a época de Xelmírez, ademais de introducir en Galicia este modelo de loita pola autonomía municipal e en defensa dos intereses e liberdades individuais, en alianza ou non con sectores non estritamente urbanos, determina ou cando menos condicionan a evolución das mentalidades colectivas, especialmente na Terra de Santiago e, mais concretamente, nas vilas de Muros-Noia e nos seus respectivos alfoces.

A Santa Irmandade de 1467 é resultado dun proceso de maduración histórica, tanto no que se refire ás mentalidades colectivas como ás estratexias que o Movemento adopta para acadar o control durante mais de dous anos da práctica totalidade do Reino de Galicia, unha Galicia sen señores.

Por outra parte, o carácter antiseñorial, pero non anticlerical, como xa acontecera en épocas pasadas, leva a Irmandade de 1467, a ser pragmática no senso de distinguir entre os dereitos razoables de bispos e abades do seu cometido señorial. Por iso, moitos bispos e abades, non foxen coma os cabaleiros – incluso cabidos e eclesiásticos colaboran co Movemento e, mesmo cando se postula a posibilidade de volver á orde señorial, en 1469, envían os cobrados á Fonseca, que os ratifica sen reparos desde Salamanca, dando así ámbalas dúas partes mostras de pragmatismo e diplomática estratexia.

A longa historia de formación das mentalidades colectivas, neste caso o movemento irmandiño, mais ala de episodios illados, leva a este movemento en 1467 a pesar dos cualificativos denigrantes de cronistas contrarios como Aponte – a rexeitar todo tipo vinganzas e radicalismos, contra os que precisamente estaba en loita, conseguido darlle a Galicia dous anos de paz e de xustiza, sen señores. Precisamente, as reunións asemblearias que os irmandiños levan a cabo en distintas cidades galegas para unificar formas de actuación en todo o Reino, levan á don Carlos Barros a afirmar que a Santa Irmandade de 1467 é un precedente da Junta de Galicia do Estado Moderno.

Finalmente, o autor de Torres, Varas e Demos, afirma que, si ben o movemento irmandiño despois de Balmalige queda desartellado, sobre todo no seu aspecto militar, na Terra de Santiago, acada unha gran parte dos seus obxectivos. Neste senso, insiste o autor, as fortalezas non urbanas – a Rocha Forte de Santiago, A Rocha Branca de Padrón -, incluso algunha urbana como a torre da Catedral, non son reconstruídas. Neste senso, un caso significativo é o castelo de Outes desde onde, o odiado García Martínez de Barbeira, o diaño de Outes, despois de reconstruír a fortaleza, aterrorizaba ás poboacións de Muros e Noia. Este será derruído dúas veces, a primeira en 1467 pola Irmandade e a segunda dez anos despois polos mesmos irmandiños agora aliados de Fonseca.

A tese defendida brillantemente polo doutor Barros é a de que, Fonseca, para facerse co control da cidade de Santiago, pacta co que queda da Irmandade despois da batalla de Bamalige, pacto por outra parte xa implícito segundo a autor en xaneiro de 1469, cando Fonseca asina, sen reparo algún os cobrados de Noia. O pacto cos irmandiños de Santiago esténdese sen embargo a tódolos territorios deste señorío e, de forma específica, ós territorios de Noia, Muros e Outes, como acabamos de ver a propósito do segundo derrocamento do castelo de Outes.

O aliñamento dos irmandiños da Terra de Santiago con Fonseca, prodúcese no contexto do afrontamento deste cos cabaleiros, especialmente con Lope Sánchez de Moscoso, co que militaba García Martínez de Barbeira, ó que algunha testemuña do preito T/F identifican co demo, o demo de Outes, aludindo así a outra dimensión do afrontamento, o das mentalidades.O pacto de Fonseca e os Irmandiños de Santiago tamén pacta con don Afonso de Lanzós na zoa de Betanzos e Pontedeume – significa por unha parte o pragmatismo dos irmandiños ó escoller a opción menos traumática e a aceptación arcebispal de parte das demandas irmandiñas, por outra, sinala, segundo o autor de Torres, Varas e Demos, o triunfo da Irmandade despois da desfeita militar.

Para rematar, sinalar que autor sinala precisamente ó movemento irmandiño e á súa organización como precedente dos feitos que se dan na Época Moderna. Por unha parte, como xa dixemos, as Xuntas que os irmandiños celebran en varias cidades galegas para unificar criterios e métodos de actuación, entre 1467 e 1469, o verdadeiro órgano de goberno da Galicia sen señores, constitúe un precedente da futura Junta del Reino de Galicia, o mesmo que, as milicias populares que acompañan ós gobernadores enviados á Galicia polos Reis Católicos en varias campañas, significan a continuidade das actuacións levadas a cabo polas milicias da Irmandade.

En definitiva, este novo libro, constitúe unha importante apartación á historiografía galega da Baixa Idade Media, non soamente da temática irmandiña senón que, ó mesmo tempo, ás constantes referencias a temas transversais nos sitúan na perspectiva dunha historia global para Galicia.

Inclúe ademais este traballo un interesante apéndice documental realmente significativo para o estudo da época á que nos vimos referindo. En definitiva, unha obra que vale a pena lela