Publicado en

O Reino irmandiño de Galicia, 1467-1469*

 

Carlos Barros

 

Un dos trazos máis salientables que capacita para cualificarmos a gran revolta irmandiña como unha “revolución social”[1], mental e política, é a constitución extraordinaria dun poder irmandiño propio prolongado,  sostido polas armas populares, no Reino medieval de Galicia, dende a primavera de 1467 á primavera de 1469[2]. En rigor foi o único evento que podemos caracterizar coma  revolución na historia de Galicia.

 

Identidade de nación

 

Hoxe queremos desenvolver sucintamente a dimensión identitaria[3] da ruptura irmandiña da orde feudal-vasalática entre 1467 e 1469, e as súas consecuencias. Houbo ensaios anteriores que utilizaron, nun ámbito territorial restrinxido, a ferramenta das irmandades para organizar unha revolta social: nomeadamente a revolta de 1431, no Norte, e a revolta dos portos en 1451, no Sur[4]. O ámbito galego soamente se alcanzou en 1467, o que facilitou a indiscutible vitoria[5] de manter o novo poder irmandiño durante dos anos: non podían vir tropas señoriais doutros lugares de Galicia para abafar o levantamento local, en tal o cal señorío, localidade ou diocese.

Temos para nós que coa revolución irmandiña culmina o proceso socio-político medieval de formación nacional de Galicia[6]. Os propios protagonistas a describían coma un levantamento da “gente común de la Santa Hermandad del Reyno de Galicia”[7]. É por iso que os lindes da mobilización social armada que asaltou e derribou as fortalezas do Reino son os da nación medieval no século XV: o río Miño polo Sur[8] e  o Bierzo[9] -máis parte da Asturias occidental- polo Leste,  espazos onde aínda hoxe se conserva o uso dialectal da nosa lingua: causa e consecuencia decisivas da constitución nacional de Galicia na Idade Media.

Na segunda metade do século XV, os límites políticos do Reino de Galicia son os da Xunta Xeral da Santa Irmandade 1467-1469. Acontece o mesmo cos límites sociais: o ámbito do Reino de Galicia delimita o territorio sen señores e sen fortalezas que xerou a insurrección social e popular, así como o uso preferente do idioma galego. Os documentos conservados da Santa Irmandade galega ós diversos niveis están polo regular enteiramente en galego, salvo os que tiñan como finalidade os representantes da irmandade de Castela e León[10], ou Henrique IV e a súa Corte[11]. Era habitual naquel entón que os notarios coñeceran tamén o castelán, mais preferían o galego. Nas probanzas do Preito Tabera-Fonseca, ambos os dous arcebispos de orixe castelán, os escribáns traducen en tempo real as 204 declaracións en galego das testemuñas, cheas de galeguismos na súa versión escrita. Fixeran pois os irmandiños, entre 1467 e 1469,  unha revolución social galega e en galego.

O 21 de febreiro de 1467 as poucas irmandades que estaban a se formar no Reino de Galicia, estaban representadas na “Hermandad de Castilla y León” pola “hermandad” de Zamora, cuxos delegados estaban, a finais de febreiro de 1467, en Galicia para estar presentes na primeira xuntanza da Xunta Xeral galega en Melide. Onde comeza a irmandade de Galicia a tomar decisións soberanas á marxe -mesmo contraditorias- da irmandade da Coroa de Castela, como tomar posesión de todas as fortalezas existentes en Galicia, despois derrubadas pola  iniciativa popular multifocal co sostén, posterior a Melide, da Xunta superior de Galicia.

Proba desta ruptura pola vía dos feitos do movemento “hermandino”, entre Galicia e Castela-León, é a protesta contra a primeira, o 24 de febreiro de 1468, do Conde de Lemos, perante a “Junta General de la Santa Hermandad de los Regnos de Castilla y León”, que por certo apoiou a Pedro Álvarez Osorio contra as irmandades do Bierzo[12], integradas por decisión propia na “Xunta Xeral da Santa Irmandade do Reino de Galicia”, que botará abaixo ás fortalezas en todo o Reino. O Bierzo incluído, onde precisaron a axuda dos exércitos irmandiños de Lugo, mailos comandados por Alonso de Lanzós e Pedro Osorio, para tomar o castelo de Ponferrada e expulsar ó Conde de Lemos de O Bierzo, é dicir, do Reino irmandiño de Galicia.

 

Reino con poder

A primeira Xunta de Galicia da nosa historia foi a erixida polos irmandiños para gobernaren Galicia entre 1467 e 1469. Signo cumprido de identidade nacional que se alonga nos séculos modernos, como mostra da vitoria irmandiña. Se ben a súa continuidade verase reducida a un órgano consultivo sen o poder socio-político de seu como tivo a Xunta Xeral da Santa Irmandade do Reino de Galicia,  axuntada de forma asemblearia polo menos cinco veces, entre 1467 e 1469, en Melide, Betanzos, Santiago, Lugo e Ourense[13].

Nese tempo revolucionario non había ningún outro poder político real no Reino de Galicia. Castela quedaba ben lonxe[14] e tiña naquel entón dous reis que pelexaban entre si. Entrementres, unha tupida rede de irmandades cubría as dioceses e parroquias galegas con seus alcaldes, cuadrilleiros, deputados e capitáns, que viñan a substituír o derrubado poder xurisdicional dos señores laicos, bispos e arcebispo, que andaban escapados ou agachados: sen terras e sen vasalos, espidos como viñeron ó mundo, como gustaba de dicir o clérigo irmandiño da catedral de Santiago, Roi Vázquez[15]. Sen fortalezas nin exércitos privados de carácter feudal, que se puideran opoñer á primeira Xunta de Galicia, ós seus exércitos e ás súas cidades amuralladas. O Reino real de Galicia reunía na Xunta Xeral todo o poder das irmandades locais e diocesanas, do campo e da cidade, nunha sorte de Estado galego  provisorio coas súas competencias plenas,sen render contas a ninguén (“no consintiendo ser mandados, ni regidos por otro sino por si mismos”), nos eidos da xustiza, da facenda e das forzas armadas.

Durante o bienio irmandiño a Xunta de Galicia funcionou, na práctica, como un poder soberano. Recoñecendo a lexitimidade  do rei Henrique IV de Castela, fronte ó reaccionarismo da nobreza rebelde de Castela, imitada pola gran  parte da nobreza de Galicia, que será derrotada historicamente pola Santa Irmandade en 1467. Ter o mesmo inimigo achega moito.

Nada retrata mellor a independencia da Galicia irmandiña que a negativa da Xunta de Betanzos a non derrubar as fortalezas das casas de Ribadavia e Monterrei dos amigos, Sarmiento e Zúñiga, do Rei Henrique. Sería aplicable neste caso a máxima medieval “obedecer pero non cumprir”[16]. Nesa converxencia conxuntural[17] entre a irmandade galega e o Henrique IV, quen, a piques de perder a Coroa, lograba a neutralización da nobreza que sustentaba en Galicia á causa do príncipe Afonso, así como o apoio político do novo Reino de Galicia controlado pola Santa Irmandade co seu “permiso”. Sustento galego na guerra civil castelá que non tivo carácter militar, no caso de que lles fora solicitado, o que dubidamos: a “guerra” que había en Galicia era de clases e estamentos.

Os irmandiños utilizaron con moito proveito as cartas do Rei concedendo permiso para estender a “hermandad” a Galicia, ou dando por bos o 6 de xullo de 1467 os derrocamentos feitos, para lexitimaren deste xeito a sublevación contra as fortalezas, ó tempo que berraban nos asaltos “Viva El-Rei” sen saber sequera, a maioría deles, o nome do Rei -ou Reis- de Castela naquel intre[18]. Valéronse ó cabo da posición pro-irmandiña pública (pregoaban e lían as súas cartas ó longo de todo o Reino) de don Henrique, cos seus mais e os seus menos, para ergueren, por vez primeira na historia de Galicia, un réxime de autogoberno ceibe: “en este Reyno se leuantò la gran Hermandad de todo el comun, no consintiendo ser mandados, ni regidos por otro sino por si mismos”, escribía en 1550 o Licenciado Molina[19].

É por iso que a minoría contraria no Preito Tabera-Fonseca (mal)dicían dela a “hermandad loca”[20]. Mentres que os favorables teimaban, tamén con toda a razón, sesenta anos despois, en que tiveran o permiso do Rei para formar irmandades e derrubar fortalezas. Sen amentar demasiado, claro está, o impago masivo das rendas feudais durante o bienio irmandiño, parte dos “excesos”[21] das irmandades que algúns criticaban dende a Corte de Castela. Medidas sociais que, igual ca masividade da gran revolta, formaban parte do independencia de facto con que actuaba o poderoso Reino irmandiño de Galicia: “no consintiendo ser mandados, ni regidos por otro sino por si mismos”.

Outro futuro

Que ficou do revolucionario Reino irmandiño de Galicia cara o futuro? Unha Galicia sen cabaleiros e fortalezas niños de malfeitores, con paz, xustiza e seguridade, se tomamos como referencia a anarquía nobiliaria, violencia desmedida e sobreexplotación sufrida no século anterior, agora “garantida” polo novo Estado castelán-aragonés. (A) Unha revisión das rendas xurisdicionais, por parte das novas institucións galegas, que foi deixando os contratos de foro como a principal renda agraria, permitindo ó acceso á propiedade privada do campesiñado galego. (B) Unhas institucións permanentes que recoñecen a identidade galega, aínda que xamais na medida que  esta se manifestou durante o Reino independente1467-1469: Gobernador e Capitán Xeral de Reino (o primeiro foi Fernando de Acuña), Audiencia de Galicia e Xunta de Galicia.

Por que non perdurou en maior grado a revolución socio-política e identitaria irmandiña? Porque os tempos non eran chegados. (A) A idade das revolucións burguesas que rematarán en Europa co goberno dos señores de vasalos, e terá na Revolución francesa de 1789 ó seu maior referente, será cousa dos posteriores tempos modernos e contemporáneos. (B) A viabilidade dos Estados-nación en formación facía necesario un territorio e unha poboación o máis ampla posible. A Península Ibérica foi neste sentido modélica, procreando dous Imperios coloniais que fixeron plausible a conversión dos dous Estados modernos, castelán-aragonés e portugués, en Estados absolutos que abafaron no primeiro cas as nacións sen Estado de seu: Galicia, Euskadi e Cataluña. Que preservaron en Galicia a identidade nacional de orixe medieval[22] no seo dunha cultura popular de orixe histórico irmandiño, durante séculos, ata o Estatuto de Autonomía de 1981, certamente por debaixo da autodeterminación irmandiña de 1467-1469, pero moi por riba do que foi institucionalmente o Reino de Galicia no Antigo Réxime.

 

 

 

 

 

 

 

* Artigo solicitado pola web orgullogalego.gal para o programa “Reino de Galiza, coñecer o pasado para construírmos o futuro”. Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2022.

[1] Punto 10 do artigo “O que sabemos dos irmandiños”, Os capítulos da Hermandade. Peregrinación e conflito social na Galicia do século XV, Santiago, 2006, pp. 375-376. (https://www.h-debate.com/cbarros/spanish/articulos/historia_medieval/xacobeo.htm)

[2] “Revuelta de los irmandiños. Los gorriones corren tras los halcones”, Historia de Galicia, fascículo nº 24, Vigo, 1991, pp. 457-458  (https://www.h-debate.com/cbarros/spanish/revuelta.htm).

[3] Resumindo as nosas investigacións sobre a revolta irmandiña, nas que sempre tivemos en conta o ámbito específico xeográfico, económico-social, político e mental, onde tivo lugar.

[4] “1431: Irmandiños en el Camino Inglés a Compostela”, El libro del Camino Inglés, A Coruña, 2014, pp. 120-121 (https://www.academia.edu/12384298/1431_irmandi%C3%B1os_en_el_Camino_Ingl%C3%A9s_a_Compostela); Mentalidad  justiciera de los irmandiños, siglo XV, Madrid, 1990, p. 32 (https://cbarros.com/libros/).

[5] Vencedores e vencidos na revolta irmandiña. Conferencia de Carlos Barros no espazo cultural Portas Ártabras, organizada pola Asociaçom Cultural O Facho. A Coruña, 24 de abril de 2018 (https://www.youtube.com/watch?v=vKAhzBkJzIc).

[6] La formación nacional de Galicia en la Edad Media. Conferencia de Carlos Barros en el Seminario de Adeline Rucquoi, “Savoir et pouvoir dans la Péninsule ibérique au Moyen Âge” en la École des Hautes Études en Sciences Sociales. París, 12 de marzo de 2012. (https://www.youtube.com/watch?v=d8cLsUsRjr0).

[7] “Los irmandiños. La Santa Hermandad del Reino de Galicia”, Historia de la Iberia Vieja. Revista de Historia de España, Madrid, nº 22, 2007, pp. 54-59 (https://www.h-debate.com/cbarros/spanish/articulos/historia_medieval/iberiavieja.htm).

[8] “O cerre da fronteira medieval entre Galicia e Portugal”, Sociedade, cultura e mentalidades na época do “Cancioneiro Geral” (Actas do Congresso Internacional “Bartolomeu Dias e a sua época”, Porto, setembro de 1988), volume IV, Universidade do Porto, 1989, pp. 461-473 (https://cbarros.com/spanish/frontera_gallego.htm).

[9] “Os irmandiños da Terra de Lemos / The Irmandiños of Terra de Lemos”, O Condado de Lemos na Idade Media/ The County of Lemos in the Middle Ages,  (Anselmo López Carreira, edit.), Santiago, Xunta de Galicia, 2008, pp. 196-204, 395-400, 452 (https://www.h-debate.com/cbarros/spanish/articulos/historia_medieval/lemos.htm).

[10] Eduardo PARDO DE GUEVARA, “Notas para una relectura del fenómeno hermandino de 1467”, Señorío y feudalismo en la Penísula Ibérica, ss. XII-XIX, Zaragoza, 1993, pp. 100-103.

[11] Pub. José GARCIA ORO, Galicia en la Baja Edad Media. Iglesia, señorío y nobleza, Santiago, 1977, pp. 245-248; Carlos BARROS, “As orixes medievais da Xunta de Galicia”, ¿Quen manda aquí? O poder na historia de Galicia, VII Semana Galega de Historia, Santiago, Asociación Galega de Historiadores, 1999, pp. 81-82 (https://www.h-debate.com/cbarros/spanish/xunta.htm).

 

[12] “Os irmandiños na Terra de Lemos”, O Condado de Lemos na Idade Media, Santiago, Xunta de Galicia, 2008, p. 195 (https://www.h-debate.com/cbarros/spanish/articulos/historia_medieval/lemos.htm).

[13] “As orixes medievais da Xunta de Galicia”, ¿Quen manda aquí? O poder na historia de Galicia (https://www.h-debate.com/cbarros/spanish/xunta.htm).

[14] Facía un século cun Rei de Castela non viña a Galicia, Mentalidad  justiciera de los irmandiños, siglo XV, p. 29.

 

[15] “A condesa de Santa Marta e os irmandiños no último terzo do século XV”, Liceo franciscano. Revista de estudio e investigación, Santiago de Compostela, nº 217, julio-diciembre de 2021 (https://cbarros.com/condesa-santa-marta-e-os-irmandinos-no-ultimo-terzo-do-seculo-xv/).

[16] “As orixes medievais da Xunta de Galicia”, ¿Quen manda aquí? O poder na historia de Galicia (https://www.h-debate.com/cbarros/spanish/xunta.htm).

[17] Relativamente conxuntural, reflicta os primeiros pasos da fonda transición entre os séculos XV e XVI, que levara á desaparición da clase dirixente feudal-medieval en todo o Occidente medieval.

[18] “¡Viva El-Rei. O Rei imaxinario na Galicia irmandiña”, Cuestións de historia galega, VIII Xornadas de Historia de Galicia, Ourense, Deputación Provincial, 1995, pp. 70-73.

[19] Descripción del Reyno de Galicia, Madrid, 1675, p. 107; como bo humanista Molina coñecía o concepto romano de república (res publica), documentado na Coroa de Castela como sinónimo de revolta e autogoberno dende mediados do século XV, ¡Viva El-Rei! Ensaios medievais, 1996, Vigo, p. 199 (https://cbarros.com/libros/).

[20] Carlos BARROS, Mentalidad y revuelta en la Galicia irmandiña: favorables y contrarios, Universidade de Santiago de Compostela, 1989, pp. 169-183 (https://cbarros.com/libros/).

[21] “Revuelta de los irmandiños. Los gorriones corren tras los halcones”, p. 451.

[22] “Identidades medievales en la Península Ibérica”, lección 11 do curso de Carlos Barros sobre a “Historia medieval de los Reinos Hispánicos” na Universidade de Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2015 (https://youtu.be/xcb5lsZDLmA).