Publicado en

Por unha síntese celto-castrexa da Gallaecia antiga*

 

Carlos Barros

 

Na Gallaecia antiga o celtismo é fito, mito e factor diferencial. Na orixe do celtismo está José Verea y Aguiar, historiador ilustrado que quere defender ós galegos e a Galicia por “hallarse muy maltratada esta en los historiadores” españois[1], que se servían de estereotipos connotados negativamente. A súa é a primeira historia xeral de Galicia (ata Roma), dedicada na súa maior parte á identidade celta da Galicia antiga, partindo das coñecidas mencións dos historiadores romanos sobre os célticos galegos (mesmamente que á celtiberia hispana),  da toponimia máis das semellanzas con Bretaña, Irlanda e Escocia. Verea proxecta imaxinariamente sobre  Galicia a bibliografía europea do momento sobre os celtas, interpreta arbitrariamente os castros no seu conxunto como lugares de culto celta  e entende erroneamente as mámoas como coetáneas cos castros.  O celtismo devén logo mito fundador de Galicia para Vicetto, Murguía, Castelao e a Xeración Nós. Un dos seus membros, Florentino López Cuevillas, precursor da arqueoloxía galega, intenta en A Civilización céltica de Galicia (1953) unha primeira síntese céltica-castrexa[2], desbotada nas décadas seguintes conforme chegan a Galicia os novos aires  historiográficos.

        Nos anos 70, coa profesionalización académica da arqueoloxía na Universidade de Santiago, abandónase o celtismo mítico como marco de interpretación da prehistoria de Galicia[3]. Desenvolvéndose dous tipos de críticas: unha xeral e historiográfica, outra específica e empírica, por esta orde.  No primeiro caso acusase á vella historiografía galeguista de procurar na raza (aria) o signo mítico (orixinario) da nación galega[4]: “non se pode soster na actualidade esta exclusividade céltica da poboación castrexa”[5]. Ata practicamente hoxe en día, a historiografía contemporaneísta ven dando continuidade a esta crítica ó celtismo étnico dos precursores do nacionalismo galego[6]. Doutra banda, o desenrolo da investigación arqueolóxica sobre os castros serve de base, nos anos 90, para negaren -por falta de evidencia empírica, dise- que a “Cultura Castrexa sexa celta”, deixando estrañamente o problema do celtismo galego “ós lingüistas”[7]. Considerado o “mito principal” criado pola “historia nacional e credo patriótico” galego , asevérase -“pese ó seu enorme arraigo popular”- que “na actualidade o termo ‘celta’ non define practicamente nada dende o punto de vista arqueolóxico”, xa que “a investigación arqueolóxica non ten detectado polo de agora nada que se poida identificar como ‘céltico’… dentro da área galaica”, concluíndo xustamente que “a propia historia de Galicia … non necesita acudir  nin á mitificación nin á falsificación históricas para lexitimar unhas características peculiares máis que evidentes”[8]. Ou sexa, substitúese a identidade céltica de carácter mítico do vello galeguismo romántico por unha identidade castrexa dun nacionalismo  historiográfico actualizado neste aspecto grazas á arqueoloxía[9].

        O paradoxo é que, ó mesmo tempo que na derradeira década do século pasado o celtismo decimonónico imaxinario vai desaparecendo[10], rexorde paseniñamente con forza, e bases empiricamente máis sólidas, a identidade céltica da Galicia prehistórica. Refugando o celtismo como cuestión de raza[11], xorden novas liñas de investigación sobre a organización político-institucional, a relixión e a lingua na Galicia castrexa, levadas a cabo por investigadores neoceltistas que se formaron e doutoraron na Universidade de Santiago pero traballan agora fóra dela[12], salvo Marco V. García Quintela[13] que dirixiu en 1989 a pioneira tese de doutoramento de Blanca García Fernández-Albalat sobre Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas (Sada, 1990)[14], utilizando fontes epigráficas. Sen embargo, será  André Pena Graña, arqueólogo e arquiveiro do Concello de Narón, quen a partir de 1992[15] levará a cabo un labor continuado de organización de congresos e promoción da identidade celta galega, fundamentada na investigación dos grupos étnicos[16] (populi romanos) da Gallaecia antiga, cos seus territorios autónomos que se prolongan ata a Alta Idade Media, configurando  mesmo algunhas das nosas comarcas actuais. Reivindicando a base histórica da lenda de Breogán, recollida en Irlanda no século XI no Libro das invasións, que vai amosar a orixe galega da Europa céltico-atlántica[17].

Partindo do principio provocador  dunha “cultura castrexa inexistente”[18], adiantan estas novas investigacións e enfoques sobre os fundamentos heurísticos de inscricións romanas, relecturas dos clásicos,  lendas medievais[19]  e artefactos arqueolóxicos (menos do desexable). Por último, aínda que non se trata exactamente dun revival do celtismo historiográfico galego, debemos ter en consideración ós historiadores[20] e lingüistas que veñen traballando sobre as linguas celtas e pre-celtas na Galicia castrexa, a  antroponimia e a toponimia, con datos así mesmo obtidos da epigrafía latina e as fontes clásicas[21]. En suma, unha rehabilitación, agora con maior rigor, dalgunhas fontes narrativas e  dunha historia trasatlántica (comparada) que xa usara ó seu xeito Verea, douscentos anos antes, para imaxinar con certa inxenuidade unha Galicia celta[22] e europea[23].

        O auxe dos estudos célticos en Galicia nas dúas ultimas décadas, e os seus convincentes froitos, imponnos á obriga de rebordar posicións académicas contrapostas alentando sínteses historiográficas[24], tanto no plano da investigación e interpretación como da divulgación e do ensino. A realidade é unha, tanto vale facer arqueoloxía como filoloxía ou etnohistoria, urxe xa que logo un enfoque global, intra e interdisciplinario, se queremos coñecer e dar a coñecer unha Galicia antiga que, nesta altura da investigación e do debate, só pode ser castrexo-céltica ou céltico-castrexa, segundo a especialidade de cada quen[25].

        Non vai ser doado, polas preguizas académicas e, ante todo, por se tratar  dun problema historiográfico xeral: a hiperespecialización disciplinaria. É habitual que diferentes fontes e/ou enfoques leven a diferentes resultados[26]. Emporiso, temos lanzado hai anos en Historia a Debate a proposta de superar a fragmentación da nosa disciplina aplicando un enfoque de “historia mixta como historia global”, mesturando tipos de fontes, métodos e xéneros historiográficos co fin de obter unha aproximación máis próxima, polo tanto máis científica, da realidade histórica.

        Así e todo, non é pouco ter desbotado, cando menos no caso do celtismo, os excesos de imaxinación da historiografía galeguista, que hoxe por hoxe luce un importante pluralismo metodolóxico e hermenéutico nun contexto de avances dun coñecemento histórico tan realista como comprometido coa sociedade, clave para acadar o noso futuro como nacionalidade histórica.

* Parte da revisión en curso do artigo “Mitos de la historiografía galleguista”, Manuscrits. Revista d’història moderna, nº 12, Barcelona, 1994, pp. 245-266 (https://www.h-debate.com/wp-content/old-debates/cbarros/spanish/mitos.htm).

[1] José VEREA Y AGUIAR, Historia de Galicia, Ferrol, 1838, p. 74.

[2] Francisco J. GONZÁLEZ GARCÍA (coord.), Los pueblos de la Galicia céltica, Madrid, 2007, pp. 54-55.

[3] O propio Carlos Alonso del Real, catedrático de prehistoria anti-celtista, dende 1955 en Compostela, non deixaba de recoñecer así e todo elementos celtas na Galicia castrexa: “No se trata de que no haya habido celtas en Galicia, pero no son todos los que están ni están todos los que son”, “Las raíces de Galicia”, Grial, nº 24, 1969, pp. 166-171.

[4] Ramón MAÍZ, “Raza, volksgeist y mito céltico en la construcción teórica del nacionalismo gallego”, Revista española de investigaciones sociológicas, nº 25, Madrid, 1984, pp. 149 ss., 152, 154, 158, 160 ss.  (extracto da súa tese doutoramento na USC, 1982).

[5] Ramón VILLARES, A Historia, Vigo, 1984, p. 26; Historia de Galicia, Vigo 2004, p. 34; “A invención do celtismo”, Identidade e afectos patrios, Vigo, 2017, pp. 141-176.

[6] Xosé Ramón BARREIRO FERNÁNDEZ, “La historia de la historiografía gallega (siglos XVI-XIX)”, Historiografía gallega, IV Xornadas de Historia de Galicia, Ourense, 1988, pp. 73-80; Justo G. BERAMENDI, “Les valències de la tradició. El cas del galleguisme”, L’avenç. Revista d’Història, nº 204, 1996, pp. 51-52; Xosé Manuel NÚÑEZ SEIXAS, “De Breogán a Pardo de Cela, pasando por América: notas sobre la imaginación del nacionalismo gallego”, Historia Social, nº 40, 2001, pp. 54-55; Justo G. BERAMENDI, Historia mínima de Galicia, Madrid, 2016, pp. 28-30.

[7] Francisco CALO LOURIDO, A cultura castrexa, A Nosa Terra, 1993; Historia Xeral de Galicia, A Nosa Terra, 1997, p. 35; Os celtas. Unha (re)visión dende Galicia, Vigo, 2010.

[8] Antonio PEÑA SANTOS, “Os pobos castrexos antes da conquista romana”, O feito diferencial galego. I. Historia, vol. I, Gerardo PEREIRA-MENAUT coord., Santiago de Compostela, 1997, p. 145; no mesmo sentido  Gerardo PEREIRA-MENAUT , “El celtismo de Galicia: ciencia y leyenda reconciliadas”, Museo de Pontevedra, nº 61, 2007, pp. 135-148.

[9] Tamén nos anos 90, coincidindo coa súa relativa conversión ó autonomismo da UPG e do BNG, o mito celta esváese: “el espíritu popular o Volksgeist, la apelación discursiva a la raza y al celtismo han desaparecido del discurso actual del galleguismo”, Xosé Manuel NÚÑEZ SEIXAS, op. cit.,  p. 65, n. 40.

[10] O declive foi rápido e recente, cando en 1994 resumimos criticamente o catálogo de mitos historiográficos do nacionalismo galego estaban ben vivos, houbo moito respaldo pero tamén resistencias, non obstante, algúns mitos aínda sobreviven no ámbito político e divulgativo.

[11] Na conferencia inaugural en 2011 do III Congreso Internacional da Cultura Celta de Narón, Anxo Carracedo descartaba a posibilidade de que a historia xenética puidera  definir hoxe por hoxe como celtas á poboación do Noroeste hispano que 20.000 a. de C., trala última glaciación, migra a Gran Bretaña e a Bretaña francesa configurado unha área cultural atlántica cuxo carácter celta habería que investigar -afirma- con criterios arqueolóxicos, lingüísticos e toponímicos (https://elpais.com/diario/2011/04/16/galicia/1302949101_850215.html).

[12] Beatriz DÍAZ SANTANA, Os celtas de Galicia. Arqueoloxía e política na creación da identidade galega, Noia, 2002, p. 107.

[13] Marco V. GARCÍA QUINTELA, “Galicia en el mundo celta”, Sémata, Santiago de Compostela, nº 11, 2000, pp. 33-64; con Manuel SANTOS ESTÉVEZ, Santuarios de la Galicia céltica, Madrid, 2008.

[14] Blanca GARCÍA FERNÁNDEZ-ALBALAT, “Antigüedad: la religion de los castreños”, Las religions en la historia de Galicia, Marco GARCÍA QUINTELA, coord., Santiago de Compostela, 1990, pp. 33-90.

[15]  En Narón, un concello con historia de seu (Santiago de Compostela, 1991) xa propusera un enfoque celtista para pescudar e interpretar a Galicia antiga.

[16] Andrés PENA GRAÑA, Treba y Territorium. Génesis y desarrollo del mobiliario arqueológico institucional de la Gallaecia, tese de doutoramento  dirixida por Raquel Casal  na Universidade de Santiago de Compostela, 2004; tamén sobre etnias e institucións Rosa BRAÑAS, Indíxenas e romanos na Galicia céltica, Santiago de Compostela, 1995.

[17] André PENA GRAÑA, “Galicia, cuna de los celtas de la Europa Atlántica”, Anuario brigantino, nº 30, 2007, pp. 57-88; hipótese en parte confirmada polo grupo de Anxo Carracedo, segunda dixemos supra, aínda que xa levaba un tempo circulando entre os investigadores europeos: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2006/09/21/celtas-colonizaron-gran-bretana-procedian-galicia/0003_5128294.htm, https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2006/10/20/teoria-investigadores-italianos-situa-galicia-cuna-mundo-celta/0003_5211444.htm; ver tamén Ramón SAINERO, Los orígenes de la leyenda de Breogán, Madrid, 2013, pp. 37 ss., 46-47, 75-76, 78-79, 84.

[18] André PENA GRAÑA, “A cultura castrexa inexistente. Constituição política celta das galaicas Trebas e Toudos. Etno-arqueología institucional”, Cátedra. Revista eumesa de estudios, Pontedeume, nº 21, 2014.

[19] Lendas medievais historiográficamente válidas nun dobre sentido: 1) conteñen polo común unha parte realmente histórica;  2) permiten estudarmos á transmisión da tradición celta da prehistoria á historia medieval, reforzada pola emigración na época sueva de celtas británicos a Galicia, onde fundaron Bretoña no século V, berce da actual diócese de Mondoñedo, Antonio GARCÍA GARCÍA, Historia de Bretoña, Lugo, 2000, pp. 20-21.

[20] Salientar Manuel ALBERRO, Los celtas de la antigua Gallaecia, Noia, 2004;  Carlos JORDÁN, Os celtas da Península Ibérica, Noia, 2008, pp. 70 ss., 149 ss., 309 ss.

[21] Antonio Tovar, Jurgen Untermann, Eulogio Losada Badía, Javier de Hoz, Carlos Búa, Joaquín Gorrochategui, Carlos Jordán Cólera, Juan José Moralejo…

[22]  Así como unha reivindicación actual do celtismo histórico galego que permita integrarmonos plenamente na comunidade euro-atlántica dos países célticos, Manuel GAGO, “Os celtas na Cabina do Doutor Who: a constante reinvención dunha realidade”, Historia das historias de Galicia, pp. 71-73; debate “Somos celtas ou castrexas? Ou as dúas?”, Sermos Galiza, Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2017 (https://www.sermosgaliza.gal/video/cultura/pepa-rei-felipe-senen-debaten-galiza-celta-castrexa/20170704162901059218.html).

[23] Con todo o que sabemos hoxe cómpre revisitar as análises de historia comparada que practicou Cuevillas nos anos 50 respecto da arqueoloxía celta británica e francesa.

[24] “Identidade galega na historia: prehistoria e antigüidade”, seminario de Carlos Barros sobre a formación histórica da nacionalidade galega no Master de Estudos Medievais da Universidade de Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2013  (https://youtu.be/Us3OtqKZNuA).

[25] En múltiples aspectos, non se pode comprender a Galicia castrexa sen unha historia comparada cos países célticos irmáns da Europa atlántica, máis dotados de fontes non arqueolóxicas.

[26] Nun traballo noso sobre a relación homes / natureza na Idade Media, xa observamos  como os historiadores da economía deducen que os primeiros dominan á segunda, e os historiadores das mentalidades que a segunda domina ós primeiros, ambos teñen razón cando, como e de que esteamos a falar: urxe o pulo dunha nova historia global.