Imprimir
Twittear

Publicado en

 

Ascenso e caída do mariscal Pardo de Cela

 

Carlos Barros

Universidade de Santiago de Compostela

 

Se hai un feito histórico onde o mito e a realidade coñecida se distancien tanto, este é o caso do mariscal Pedro Pardo de Cela: a súa morte violenta creou as condicións para a invención dunha biografía que o converteu no mártir por excelencia da literatura galeguista tradicional, no máximo representante desa nobreza galega que tiña que ter sido e non foi. O estudio do proceso de mitificación de Pardo de Cela é paradigmático para comprendermos os mecanismos ideolóxicos que transmutan un feito histórico nunha lenda, pasando, neste caso, por unha tradición popular tardomedieval.

 

Cando Vicetto recoñece que non ten fundamentos documentais que xustifiquen a súa versión imaxinaria de Pedro Pardo de Cela, e bota as culpas a Aponte, Molina e Gándara que case non falan do mariscal, non entende como estes ilustres cronistas dos séculos XVI e XVII non situaron o mariscal entre os grandes nobres galegos do século XV.

 

O caso é que Pardo de Cela non foi máis que un nobre mediano, protagonista dun ascenso fulgurante que lle granxeou grandes oposicións populares, eclesiásticas e reais por mor da violencia empregada, polo demais procedemento habitual para medrar daquela. Non chamaría tanto a atención se non fose porque, a principios dos anos 80 de século XV, as circunstancias fixeron del un grande chibo expiatorio. E aínda así os xenealoxistas do reino non lle deron, logo, excesiva importancia á súa morte (outra cousa foi os xenealoxistas das casas señoriais que o tiñan por ascendente).

 

Antes do martirio, Pedro Pardo de Cela era un cabaleiro malfeitor, o mesmo que Pedro Álvarez de Soutomaior, chamado Pedro Madruga; diferenciábaos a pertenza deste último  a unha liñaxe de maior soleira e patrimonio, así como a súa capacidade  máis acusada de intervención política. Hai que dicir que, en xeral, os señores laicos galegos do século XV, eran tidos por malfeitores en Galicia e na mesma Corte de Castela. De aí a representatividade media do noso mariscal.

 

Aponte conta como Pedro Pardo de Cela foi un simple cabaleiro a soldo dos Andrade "asta que fue gran señor", podendo entón reunir -coa axuda do seu xenro Pedro Bolaño- ata 100 escudeiros e 5.000 peóns, gracias a que "comía todo el obispado de Mondoñedo". Despois da revolta irmandiña, aparece, en 1477, entre os grandes señores confederados -o derradeiro da lista- para resistiren ó intento real de resucitar as irmandades; ó ano seguinte comezan os enfrontamentos que, cinco anos despois, causarán a súa ruina.

 

Para García Oro, Pedro Pardo de Cela non foi máis que "un infortunado caballero del siglo XV", e cre que as causas da súa desgracia estaban na febleza do seu señorío, en que non soubo rodearse de aliados e na determinación do gobernador Fernando Acuña por facer valer a autoridade real. Habería que engadir un factor circunstancial, a conxuntura política de 1483, cando os Reis Católicos obrigan a Acuña e Chinchilla a voltaren a Galicia e obter resultados inmediatos no restablecemento da paz e da orde, devolvendo os señoríos eclesiásticos á igrexa. 

 

Da súa familia herda Pardo de Cela castelos e case máis nada. Chegará a ser un grande señor de fortalezas, o que lle vai conferir moito poder coercitivo mais poucos medios económicos directos. Unha boa política matrimonial emparéntao con importantes familias nobres: casa el con Isabel de Castro, filla do Conde de Lemos e sobriña do bispo de Mondoñedo; e casa ás súas fillas con cabaleiros das casas de Saavedra (que si vén no nobiliario de Aponte) e de Ribadeneira (á súa vez emparentado coas casas de Miranda, Bolaño e Ron). En 1464, Pedro Pardo é xa encomendeiro do bispado de Mondoñedo (xa fora o seu pai Juan Núñez Pardo) e alcalde de Viveiro polo Rei, cargo que lle será confirmado o ano seguinte, por parte de Enrique IV, ó pasar a vila á Coroa. Os seus ingresos compleméntanse coas alcabalas dunha grande parte do bispado de Mondoñedo. Esta dependencia dos ingresos alleos (xerados pola igrexa de Mondoñedo, os veciños de Viveiro e a facenda real), para manter un estatus de gran señor, foi o "talón de Aquiles" do noso mariscal Pardo de Cela, sendo nisto tamén moi representativo da nobreza galega do século XV que refeudaliza o país e institucionaliza o agravio como parte sinalada da renda feudal. Polas fontes orais sabemos que foron as rendas do bispado de Mondoñedo as que desencadearon o conflicto que o levará ó cadalso. E das fontes xudiciais tiramos que o cobro das rendas reais xustificou a confiscación pos-mortem dos seus bens.

 

A falla de "sentido económico" desta nobreza advenediza e violenta de orixe trastámara, que tan ben encarna Pardo de Cela, vese naquilo que "Pedro Pardo, Mariscal dixera al dicho Conde [de Lemos] que ynchiese los carballos de los dichos basallos e quel dicho Conde que no queria que no se abia de mantener de los carballos". Este diálogo tivo lugar contra o ano 1469, cando o mariscal volta do exilio (interior ou exterior, non o sabemos), ás ordes do Conde de Lemos, seu sogro, para recuperar as súas posesións tomadas polos irmandiños. Os vasalos rebeldes derrocaran a fortaleza A Frouseira "donde prendieron al Mariscal Pedro Pardo", deixándoo con vida malia a súa sona de bandoleiro, cousa que dezaseis anos despois non farán os oficiais da raíña Isabel a Católica. Pardo de Cela non foi logo o dirixente dos irmandiños que imaxinou o novelista Vicetto en "Los hidalgos de Monforte", senón un dos seus inimigos máis teimudo.

 

Pedro Pardo quixo emular ós grandes señores aproveitando as oportunidades que ofrecía o turbulento século XV. Sen embargo, outro cabaleiro que serviu coma el a Fernán Pérez de Andrade, Alonso de Lanzós, seguiu o camiño contrario: elixiu o bando dos vasalos, e chegou a ser un dos capitáns (no bispado de Lugo) se cadra máis coñecidos dos irmandiños, despois de sufrir persoalmente os agravios e asaltos de Andrade, Pardo de Cela e outros señores. Pola súa banda, Alonso de Lanzós é culpable da morte dun irmán de Pedro Pardo de Cela. É coñecida, así mesmo, a inimistade do mariscal co fidalgo Fernando Díaz Teixeiro, dirixente militar irmandiño en Mondoñedo.

 

Tampouco é certo, como dixo a vetusta historiografía galeguista, que Pardo de Cela militara no bando da Beltraneja e de Portugal contra Isabel la Católica na guerra de sucesión (1476-1479). Todo o contrario, aliñouse co bando isabelino que encabezaba o arcebispo Fonseca e que abranguía case toda a nobreza galega (aínda que o entusiasmo despregado por estes señores foi ben desigual), de tradición integracionista como sabemos, coa notoria excepción de Pedro Álvarez de Soutomaior que defendeu a opción portuguesa. Así, en 1476, estivo o mariscal "con todos los otros Pardos y Rivadeneyras" no grande cerco a Pedro Madruga en Pontevedra, e, en 1477 -segundo xa dixemos-, participou nunha confederación señorial que sendo isabelina, "guardando servicio del rey e reina nuestros señores", estaba máis ben pensada para resistir a orde real de recrear a "Santa Hermandad"; os intereses de clase estaban por riba de calquera fidelidade política. A partir de aí sucédense unha serie de problemas puntuais do mariscal cos oficiais dos Reis Católicos,  que non levan consigo un cambio de bando. Non existe pois noticia documental ningunha do aliñamento, en calquera momento, de Pardo de Cela con Pedro Madruga e os portugueses durante a guerra de sucesión.

 

Os enfrontamentos de Pardo de Cela cos oficiais reais (sucesivamente: Ladrón de Guevara, Francisco Cerón e Fernando de Acuña) serían marxinais para a historia da Galicia no tránsito da Idade Media á Idade Moderna, se nón fora polo desenlace final,  mortal, deste conflicto. Os señores de Galicia gobernaban os seus estados proclamando a lealdade cara a un afastado Rei de Castela, a quen lle roubaban polo demais as súas rendas. Cando a raíña Isabel pretende facer máis efectiva a autoridade real en Galicia, restablecendo as irmandades e procurando o sostén das cidades, xorden grandes conflictos de poder, ou sexa, de xurisdicción, entre os enviados dos Reis e cada un dos grandes señores de fortalezas, empezando polos partidarios de Isabel.

 

No contexto dunha loita xeneralizada polo poder, entre a nobreza e a monarquía, teñen lugar os incidentes que levaron a Pardo de Cela ó cadalso como o grande cabeza de turco. Quitando o caso de Pedro Madruga, ningún dos nobres que tiveron liortas cos homes do Rei presentaron problemas de disidencia política coa nova monarquía, máis ben ó contrario.

 

Certamente, co tempo a integración plena de Galicia no novo Estado entraña a centralización, a dependencia e a marxinación (do idioma galego en primeiro lugar), mais a realidade que non podemos cambiar é que esta cuestión non preocupaba demasiado ós galegos do século XV, e menos aínda ós nobres feudais, entre outras cousas porque a dita asimilación non vai ter lugar ata ben avanzada a Idade Moderna. Subxectivamente, é un anacronismo cavilar que os señores galegos cando defendían nos anos 70 e 80 do século XV as súas parcelas de poder, fronte ós corrixidores e gobernadores dos Reis de Castela e Aragón, sustentaban un proxecto político para Galicia distinto do secular integracionismo na Coroa de Castela e Aragón. Nin sequera no caso de Pedro Madruga, se pode afirmar con rigor que pretendía unha Galicia independente. Pedro Álvarez de Soutomaior, nobre fronteirizo que servía a dous Reis, asemade Vizconde de Tui e Conde de Camiña, casado cunha nobre portuguesa e cunha chea de intereses e amigos en Portugal (de alí trouxo, en 1469, as súas tropas para combater ós irmandiños), non quería máis que gañaran a Coroa de Castela Juana a Beltraneja e o seu home, o Rei de Portugal, para deste xeito chegar á unificación de Castela e Portugal (fronte á alternativa, axiña triunfadora, da confederación de Castela e Aragón). A dinámica histórica pedía, no limiar da Idade Moderna, avanzar cara a grandes estados. Obxectivamente, a unión de Castela e Portugal implicaba o reencontro, no cadro dunha entidade política peninsular máis ampla, da Galicia bracarense e da Galicia lucense, nada máis e nada menos (non se pode negar que sería unha alternativa máis beneficiosa para Galicia desde o punto de vista nacional). Todo o demais é afastarnos do terreo dos feitos demostrables e pasar ás especulacións, saírmos de historia real e entrarmos na filosofía (idealista) da historia, ou, no mellor dos casos, substituír a historia polo mito literario.

 

 

Bibliografía

 

BARROS, Carlos, "Mitos de la historiografía galleguista", Manuscrits, Barcelona, nº 12, 1994, pp. 245-266.

 

VICETTO, Benito, Historia de Galicia, VI, Ferrol, 1872; ed. facsímile, Alvarellos, 1979.

 

GARCÍA ORO, José, Galicia en la Baja Edad Media. Iglesia, señorío y nobleza, Santiago, Bibliófilos Gallegos, 1977.

 

APONTE, Vasco de, Recuento de las casas antiguas del reino de Galicia, Santiago, Xunta de Galicia, 1986.

 

FERNÁNDEZ VEGA, Laura, La Real Audiencia de Galicia, III, A Coruña, Deputación Provincial, 1982.

 

PARDO DE GUEVARA, Eduardo, El Mariscal Pardo de Cela y la Galicia de fines del siglo XV, Lugo, Alvarellos, 1981.

 

SAAVEDRA, Pegerto, Economía, Política y Sociedad en Galicia: la provincia de Mondoñedo, 1480-1830, Madrid, Xunta de Galicia, 1985.

 

RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Ángel, Las fortalezas de la Mitra compostelana y los "irmandiños", Pontevedra, Fundación Barrié de la Maza, 1984.

 

MOLINA, Bartolomé, Descripción del Reyno de Galicia (1550, Mondoñedo), Madrid, 1675.

 

Memorial de la Casa de Saavedra, Granada, 1674.

 


MAYÁN FERNÁNDEZ, Francisco, El Mariscal Pardo de Cela y la Iglesia de Mondoñedo a la luz de nueva documentación histórica, Viveiro, 1962.

 

 

 

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Ver Política de cookies
Privacidad