Imprimir
Twittear

Entrevistas


Prólogos


Publicado en:

José Antonio MARTÍNEZ DOMÍNGUEZ,  Os clérigos na Idade Media, Noia, Editorial Toxosoutos, 2001, pp. 7-8.

 PRESENTACIÓN 

Carlos Barros
Universidade de Santiago

Este libro se corresponde coa tese de licenciatura, O modelo eclesiástico segundo os sínodos medievais galegos (ss. XIII-XVI), presentada en novembro de 1999, na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, e cualificada coa máxima nota por un tribunal constituído polos profesores Fernando López Alsina,  Xosé Ramón Barreiro Fernández, Elisa Ferreira, Xavier Castro e eu mesmo como director do traballo.

Non é doado tratar con rigor académico un tema tan delicado e polémico, ó longo da historia, como a discrepancia entre a teoría conciliar e sinodal sobre o modelo de comportamento eclesiástico e a práctica dos clérigos no tocante á sexualidade e a familia, a violencia e o poder. Desfase que acada na Idade Media unha grande amplitude.  O padre Azcona escribiu na súa biografía de Isabel a Católica que, cando esta empezou a reinar, era notorio que los tres prelados más poderosos no eran celibatarios: Alfonso Carrillo, Pedro González de Mendoza y Alfonso Fonseca, que presidían las iglesias de Toledo, Sevilla y Santiago respectivamente. O feito de que os arcebispos, que presidían sínodos das súas dióceses co fin de "impoñer" o modelo oficial (chamado "A" polo autor), non fosen  célibes (solteiros) pode danos unha idea da extensión do modelo "B" entre os clérigos de base.

O papel da Igrexa, de mosteiros e de catedrais, na Galicia medieval é ben coñecido desde o punto de vista da historia económica e social pero moito menos no tocante á historia das mentalidades. Este libro é un bo avance nesta dirección. O poder económico e social da Igrexa medieval é indisociable da súa influencia nas mentalidades colectivas, e o modo de vida dos clérigos é fundamental para comprendermos a súa relación cos laicos, a relixiosidade da época, a base na que se asentaba a hexemonía eclesiástica en boa parte da Idade Media galega.

Un dos atractivos dos temas que se tratan neste libro é que seguen de actualidade, especialmente a cuestión do celibato eclesiástico. Un mellor coñecemento do pasado nos pode facilitar logo a comprensión do presente, e viceversa, pero só si tomamos a precaución de previr o anacronismo. Porque sería anacrónico "xulgar" os comportamentos eclesiásticos medievais, desde unha parroquia galega ata o Vaticano, cos esquemas mentais difundidos e ordenados con posterioridade ó Concilio de Trento. A función do historiador profesional é precisamente a contraria:  tentar de aprehender os fenómenos históricos sen apriorismos ideolóxicos, políticos ou relixiosos, que nos leven a negar ou manipular, máis ou menos conscientemente, a realidade -certamente suxeita a interpretación- extraída dos documentos e outras fontes históricas. O arcebispo Fonseca, humanista,  mecenas e fundador da Universidade compostelá, tido arreo por modelo de prelado, deixa de selo polo feito coñecido de ser fillo de arcebispo e pai de familia, que recomenda o coidado desta ó emperador Carlos V ás portas da morte? Temos para nós que para a mentalidade medieval a resposta é non, sabedores de que estaba constituída por moitos paradoxos como este. O que para unha mentalidade  moderna (contrarreformista, no caso que nos ocupa)  é unha contradicción racional para o home medieval, acostumado a asumir imaxe e realidade como unha soa cousa, a pesar das aporías (racionalistas), non era asemade Xesús fillo de Deus e home carnal? 

Vallan estas reflexións metodolóxicas para animar a Xosé Antonio Martínez a concluír a súa investigación doutoral, manexando agora aquelas fontes históricas non-oficiais onde se poida estudiar mellor o funcionamento dos modelos eclesiásticos, o que pensaban  dos clérigos os laicos e aínda eles mesmos dos seus supostos "pecados" (por exemplo, nos testamentos).

A historia da Igrexa e a historia de Galicia, indisociables na época medieval e no Antigo Réxime, resultarán deste xeito esclarecidas, e teremos avanzado, pola vía da historia social das mentalidades, na aproximación global á noso pasado, que forma parte do presente e haberá de iluminar o futuro.

 

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Ver Política de cookies
Privacidad