Imprimir
Twittear

Entrevistas


Prólogos

Número especial "Xudeus na Galiza" da revista Raigame Deputación de Ourense, nº 11, novembro 2000, p. 2.

Presentación

Carlos Barros
Universidade de Santiago de Compostela

O pasado xudeu de Galicia non é aínda abondo (re)coñecido, tanto pola memoria das xentes como porparte dos historiadores que nos dedicamos á investigación e á docencia en universidades e no ensino medio,se comparamos co avanzado nalgunhas comunidades autónomas. Trátase dunha eiva da historiografía galega que dificultou, ata hai pouco, a toma de conciencia dos galegos sobre a súa ascendencia xudía, e, polo tanto, sobre a nosa historia plural, étnica e relixiosa, conflictiva mais tolerante.

O punto de inflexión desta situación deficitario foi a celebración, no outono de 1991, do Congreso Internacional "Xudeus e conversos na historia", e a publicación das súas Actas, por iniciativa do "Centro de Estudios Medievais de Ribadavia", asociación cultural que tamén retomou a centenaria tradición da "Festa da Istoria" transformando, co apoio institucional necesario (local, provincial e galego), a mentalidade de todos nós sobre as nosas orixes xudías. Iniciativas posteriores en Pontevedra
e Monforte amosan que está a medrar o interese pola historia xudía de Galicia.

Na provincia de Ourense atópanse tres vilas que foron ben significativas no mapa xudeu e xudaizante de Galicia nas Idades Media e Moderna: Ourense, Ribadavia e Allariz, sobre as cales se conservan documentos e tradicións importantes que permiten investigacións como as que hoxe presentamos aquí. Anselmo López Carreira, bo coñecedordos arquivos da cidade de Ourense e investigador especializado na súa historia urbana medieval, escribe sobre a comunidade xudía de Ourense na Idade Media: fontes, colocación, número, profesións, vida interna, etc. O que fai da ourensá a xudería medieval galega mellor coñecida, gracias á documentación conservada, que deu lugar xa hai anos ós traballos de Xesús Ferro Couselo e Benito Fernández Alonso, seguidos hoxe en día, cunha metodoloxía actualizada e máis documentación, por Anselmo López Carreira, profesor de historia medieval na UNED. Gloria de Antonio Rubio, que está a facer a súa tese de doutoramento sobre os xudeus galegos na Idade Media, investigación que coidamos vai dilatar significativamente o noso coñecemento da Galicia xudía, escribe sobre a "moito nobre persona" de Abrahám de León, recadador de impostos e prestamista documentado entre 1434 e 1479, corenta e sete anos repartidos entre Ourense e Ribadavia, onde foi mordomo de Conde de Santa Marta. Xosé Ramón Estévez, do Centro de Estudios Medievais ribadaviense, teimudo investigador dos xudeus de Ribadavia, escribe sobre os xudaizantes de Ribadavia procesados pola Inquisición, por causa da delación de Jerómino Bautista de Mena no ano 1606: sen dúbida a persecución de xudeu-conversos máis sonada de Galicia, e punto de partida dunha memoria histórica agora reavivada. Xosé Ramón Estévez e Gloria de Antonio redactaron así mesmo, para esta publicación da Deputación de Ourense, unha breve síntese sobre o escrito ata agora sobre as xuderías galegas, con especial mención ás tres vilas ourensás antes citadas.

Sobre os xudeus de Allariz escribe de xeito monográfico Antonio Blanco Rodríguez, ensinante, historiador e concelleiro de Cultura, resumindo de maneira clara as aportacións da historiografía e da tradición local. Traballo que continúan as arqueólogas María Ángeles López e Cristina Varela, situando no plano as tres colocacións sucesivas da xudería que as tradicións oral e erudita foi situando en San Pedro, Socastelo e San Estevo. Felipe Aira, historiador actual de Monforte de Lemos aporta a esta edición de Raigame, sobre xudeus públicos e xudeus conversos no antigo Reino de Galicia, tres artigos de gran interese polas súas referencias documentais inéditas sobre xudeus medievais, a familia xudaizante dos Gaibor, e as orixes inquisitoriais da tradición que dicía que os xudeus monfortinos azoutaban a Cristo na súa "infame sinagoga". Por último, damos a coñecer novos documentos sobre a xudería e a sinagoga de Ribadavia, transcritos polo arquiveiro Gregorio Casado, no camiño indispensable de asentar a historia e a tradición dos xudeus galegos sobre datos certos que, unha vez publicados, poidan ser verificados e interpretados así mesmo por outros investigadores. En resume, un feixe de traballos que haberán de animar os estudios xudeus en Galicia, así como a recuperación pola sociedade civil e as institucións representativas da memoria silenciada dos nosos antergos.

Carlos Barros
Universidade de Santiago de Compostela
Instituto de Estudios Galegos
"Padre Sarmiento"

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Ver Política de cookies
Privacidad