Imprimir
Twittear

 

Publicado en

Os irmandiños de Galicia. A revolta en Pontevedra*

 

Carlos Barros

Universidade de Santiago de Compostela

               

                No momento no que me pediron o título desta conferencia, dubidaba sobre a importancia que lle ía a dar á revolta en Pontevedra en relación co conxunto de Galicia, explicarei de seguido como o resolvín, porque ten a súa relevancia.  Antes diso quixera agradecer ó concello de Pontevedra, a través de seu concelleiro de cultura Luís Bará a invitación a falarmos dos irmandiños. Celebrando, coido que en nome de todos os que participamos neste ciclo, que por vez primeira unha institución oficial se toma o interese que merece polo tema irmandiño. Estiven facendo memoria e teño participado, desde logo, noutras actividades académico-culturais sobre os irmandiños, pero sempre organizadas por un colega historiador, asociación estudiantil, cultural ou algún particular interesado, con maior ou menor apoio oficial, pero non como algo emprendido de seu pola propia institución[1]. Vaia por diante, xa que logo, os meus parabéns ó concello de Pontevedra.

 

O reino irmandiño de Galicia

 

                Dicía que é capital enlazarmos a historia local coa historia xeral dos irmandiños. O estudio a fondo da revolta irmandiña amosa que ó seu ámbito de actuación -o reino de Galicia daquel entón- non é unha cuestión menor:  a maior revolta da nosa historia[2] soamente resulta compresible considerando o nivel de Galicia como determinante no seu estoupido, desenvolvemento, final e consecuencias históricas e historiográficas[3].  A finais da Idade Media o reino de Galicia non era, desde logo, un simple nome engadido á lista dos reinos e xurisdiccións da coroa de Castela, logo de Castela e Aragón, nin tampouco unha simple superestructura xurídico-cultural ou política. Existía por embaixo unha sobranceira homoxeneidade social  que, ó longo dos séculos,  foise expresando política, lingüística, cultural e mentalmente nun proceso histórico de constitución nacional, tanto se entenda ó xeito nacionalista como seguindo o Título VIII da Constitución española que define a Galicia como nacionalidade histórica (de formación medieval, con certeza), o que permitiu accedermos en 1980 ó Estatuto de Autonomía pola "vía rápida" do artigo 151. Quérese dicir con esta digresión que estamos a tratar cuestións medievais pero moi actuais, importantes para os nosos contemporáneos, para todos nós.

 

                Como é ben sabido a vulgarización do latín no extremo noroccidental do que fora a provincia romana Gallaecia, e posteriormente o reino suevo de Galicia, xera na Plena Idade Media a unha lingua romance, o galego-portugués, signo diferenciador nacionalitario que iguálanos a Cataluña e Euskadi, o que non quer dicir que haxa que identificar sempre nacionalidade e lingua, como xa advertiu Marc Bloch falando xustamente das nacionalidades medievais[4].  A base nacional, escribiu tamén Marx con referencia a tódalas épocas históricas,  é un "producto social", "preñado de materia", que se plasma a cotío na linguaxe que "é a conciencia práctica, a conciencia real"[5]. Non os vai sorprender logo que a grande revolta contra as fortalezas de 1467 abranguera todo o reino de Galicia, que chegaba na Idade Media ata os extremos de Ponferrada e maila parte occidental de Asturias, onde se derrubaron castelos e/ou recrutaron milicias irmandiñas, sen traspasar  finalmente o río Miño.

 

                O espacio social homoxéneo da Galicia lucense e bracarense deu lugar, cara os séculos XII-XIII, ó idioma común galego-portugués, logo a fronteira aberta entre Galicia e Portugal irase pechando producindo estereotipos e inimizades colectivas moi a finais da Idade Media[6] que gardan directa relación con realidades sociais diferenciadas de orixe político, que anuncian futuras disparidades culturais, mesmo lingüísticas, nas idades moderna e contemporánea. O mapa das fortalezas derrocadas proporciónanos logo o perfil dun reino irmandiño de Galicia que cadra –aínda hoxe- co mapa  lingüístico do uso do galego: síntoma, causa e consecuencia dunha sociedade desemellante, mesmo respecto da época fundadora plenomedieval. O que ilustra porque o suxeito histórico da revolta irmandiña é o reino de Galicia, segundo os seus participantes e testemuñas oculares  repetían unha e outra vez no Preito Tabera-Fonseca: "se  levantara la gente común del reino de Galicia contra los señores, caballeros y prelados".

 

                A Galicia irmandiña non era, por tanto,  unha entelequia, expresaba unha sociedade constituída por aldeas, parroquias, bisbarras e vilas -sobre todo no tocante a organización e coordinación como veremos no caso de Pontevedra nas Rías Baixas- que rematan por levantarse en armas, coordinando e administrando xustiza nas zonas e dioceses respectivas, no conxunto do reino.  Os acontecementos locais e xerais son por tanto inseparables, máis aínda no caso das grandes vilas. Pontevedra, xunto con Santiago e A Coruña,  veñen sendo as cidades medievais que representan o protagonismo económico e demográfico da nova Galicia que se forma nos séculos centrais da Idade Media, vinculada ó comercio marítimo, no caso de Pontevedra e A Coruña,  ó Camiño de Santiago no caso de Compostela. Outras vilas galegas  tiveron un papel así mesmo clave máis eclesiástico, como Tui, Lugo, Ourense ou Mondoñedo; máis político, como Betanzos, Ribadavia ou Allariz; ou tamén mariñeiro como Vigo, Redondela, Noia, Muros, Viveiro ou Ribadeo.

 

                O protagonismo económico, mercantil e mariñeiro, de Pontevedra leva ó protagonismo social dos seus armadores, pescadores e artesáns no acontecementos importantes da Galicia baixomedieval. Tanto é así que, o precedente máis importante da grande revolta irmandiña de 1467-1469 terá lugar nas Rías Baixas, lideradas daquela por Pontevedra, centro de gravidade da Galicia meridional.

 

Irmandade primeira

 

                Para a historiografía galega, seguindo a tradición escrita da Crónica de Juan II de Pérez de Guzmán, a primeira revolta a voz de irmandade –"irmandiña"- foi en 1431 nas terras dos Andrade[7], pero non pensaban igual os protagonistas de 1467. Para os irmandiños  sensu stricto, e máis aínda para seus descendentes, sobre todo na Terra de Santiago, o ensaio xeral da grande revolta foi unha revolta nas Rías Baixas dúas décadas antes, descoñecida durante séculos por cronistas e historiadores ata a recuperación da tradición oral  irmandiña en 1984[8], gracias a publicación por parte de Ángel Rodríguez González dos 204 testemuños orais do Preito Tabera-Fonseca. Dicían as testemuñas populares[9] cara 1526-1527, que "hubiera una hermandad que fue la primera que derrocara fortalezas" (labrador de A Estrada); "una hermandad  de juntamiento de gentes que dezian que derrocara çiertas torres en los puertos de la mar" (ferreiro de Santiago)[10].

 

                Son respostas  una pregunta dos representantes de Fonseca acerca de que "puede aber ochenta años o mas tiempo y antes de que el Patriarca [1463] fuese arçobispo da la dicha Sancta Iglesia de Santiago se  llebantaron... e espeçial en la villa de Pontevedra, Ria de Aroça e sus tierras y comarcas los pueblos y gente comun a manera y boz de hermandad contra los señores perlados y caballeros...". Na seguinte pregunta queren saber se "años despues... se tornaron a llebantar e llebantaron los pueblos y gente comun del dicho Reino y entre ellos la çiudad de Santiago, villa de Pontevedra, Ria de Aroça y la gente de los lugares, pueblos y tierras comarcanas y con boz y premision real, llamandose Sancta Hermandad"[11]. O nome providencialista é unha distinción importante entre a primeira e a segunda irmandades, ademais do ámbito de Galicia e a consecución o 6 de xullo de 1467 da aprobación dos derrocamentos por parte de Henrique IV.

 

                Pontevedra foi precoz cabeza[12] dunha revolta social de ámbito  daquela extenso, que por vez  primeira derrocou fortalezas tendo como actores á xente popular, o que foi  imitado masivamente en todo o reino de Galicia en 1467. Ó vir a información sobre esta "irmandade dos portos" de declaracións verbais non vén acompañada dunha  data exacta. Agora ben, apuntando os anos que dicían as testemuñas que pasaran desde a "primeira irmandade", sacamos un arco temporal 1446-1456, do que resulta o ano 1451 como media aritmética de referencia[13], o que vai ser ratificado contemporaneamente polo Libro do Concello de Pontevedra (1431-1463).

 

                Constata o arcebispo Rodrigo de Luna, a finais do ano 51, nas ditas actas municipais unha situación anárquica, onde  cumpría repoñer xa o dominio xurisdiccional –que se daba por perdido- da Igrexa de Santiago. O 3 de decembro de 1451 nomea un representante extraordinario seu para a cidade de Pontevedra: "ynformado de la poco justiçia, insultos, muertes e crues exçesos e otros muchos males e dapnos fechos e cometidos en nuestra villa de Pontevedra" [14] .

 

                Nada se di[15] dos causantes de ditos "exçesos", que nesta ocasión sabemos que non foran cabaleiros inimigos, tampouco deixarían de dicilo. Avanzando no documento imos vendo claro que o "desorde" viña da mesma vila e concello. É normal que Rodrigo de Luna  non quixera falar da insurrección xusticiera  de Pontevedra que provocou a perdida  de importantes fortalezas, pretendía soamente ser aceptado de novo como señor,  aproveitando o refluxo da revolta[16]. Esixe logo que "Conçejo, jues, alcalles, jurados, regidores e vicarios de los mareantes e a los dichos mareantes, ofiçiales e omes buenos de la dicha nuestra villa"[17], acepten ó seu enviado de excepción. Non lle conviña mencionar a soga na casa do aforcado, os seus vasalos rebeldes enarboraran os mesmos argumentos[18] que estudiamos en Mentalidade xusticieira, esto é,  facendo recaer nos señores e prelados,  os insultos, mortes, males, danos e excesos -que dicía o arcebispo no seu documento- que provocaron a ira dos veciños de Pontevedra maiormente contra o propio Rodrigo de Luna.

 

                A nova autoridade non viña, desde logo, en son de paz, pois tiña como primeiro cometido substituír nas súas atribucións ó propio concello[19], constrinxindo xenericamente "a los rebeldes por todo rigor de justiça"[20];  e, como segundo cometido, poñer baixo control da Mitra compostelá calquera proceso de formación de irmandades en  Pontevedra, "si nesçesario fuer". Confirmamos así que a "irmandade dos portos" non estaba xa activa, pois como di unha testemuña ocular, logo dos derrocamentos, os rebeldes "se asosegaran"[21].

 

                Rodrigo de Luna temía, con toda a razón, que a irmandade se reactivara[22], o espírito de rebelión  seguía vivo, só así se entende que reclame a anulación das competencias do concello sobre a cidade, particularmente á hora de organizar irmandades.  O nomeamento de Afonso Vázquez Abril como correxedor plenipotenciario, inclúe a súa exclusiva facultade de ordenar "faser hermandad", precisando que só se podería chamar ás armas ós cidadáns, a voz de irmandade,  "quando por vos [Afonso Vázquez] fueren llamados", escribe imperativo o arcebispo á concello[23].

 

                Sobra dicir que este "corrregidor e justiça maior" imposto será breve, aparece soamente unha vez máis noutro documento do concello. Será despois dun mes, o 3 de xaneiro de 1452, ó carón do concello supostamente relevado, como simple lector doutra carta do arcebispo nomeando os encargados de cobralas alcabalas, practicamente os  mesmos que o concello viña propoñendo cada ano. Catro meses despois, o 13 de maio de 1452,  nomea Rodrigo de Luna como xuíz ordinario e vitalicio  de Pontevedra a Pero Cruu, sen que haxa rastro do tal correxedor, a máxima autoridade da vila será de novo un membro prominente do concello[24]. Supoñemos que o trascordo, a volta a normalidade,  non foi gratis: os sectores máis moderados do concello deberon lle dar á Rodrigo de Luna "tódalas seguridades", quén ten que se enfrontar pronto a problemas maiores.

 

                De resultas do restablecemento de relacións entre a oligarquía urbana e prelado compostelán,  o concello de Pontevedra tardará máis dun ano en xuntarse á irmandade de Santiago, Noia e Muros,  formada  o 7 de xuño de 1458 con poder dunha irmandade anterior A Coruña-Betanzos, en alianza cos cabaleiros da terra de Santiago, todos en aberta rebelión contra o arcebispo Rodrigo, derrotado e morto en estrañas circunstancias a finais de xuño de 1460.  O 14 de setembro de 1459 figura xa Pontevedra entre os concellos irmandados, no lugar que lle corresponde, entre Santiago e Noia[25].

 

                Antes diso, Rodrigo de Luna sentíase persoalmente seguro en Pontevedra –o alcance da reconciliación fora grande- , estando alí o 1 de novembro de  1458[26] acepta á orde de Henrique IV de viaxar á Corte, debendo entregar a antes cidade do Lérez a Álvaro Pérez de Soutomaior, que se pasara ó bando de Rodrigo. O concello estaba daquela baixo a autoridade do Rei Henrique que apoiaba a Rodrigo de Luna contra os cabaleiros e a cidade de Santiago que nomearan arcebispo ó cóengo Luis Osorio, irmán de Pedro Osorio, futuro capitán irmandiño. Juan Jiménez de Arévalo que preside, en nome do rei, o reparto das alcabalas en xaneiro de 1459[27]. Ós pontevedreses non debeu entusiasmarlles demasiado deixar a cidade en mans dos Soutomaior, futuros inimigos da segunda irmandade. Ó longo de 1459 métese dalgunha maneira na irmandade de Santiago e a ría de Noia ata o documento citado do 14 de setembro de 1459. Fracasado o 21 de agosto de 1460 en Roma o intento dos rebeldes de consolidar a Luis Osorio como arcebispo de Santiago, logra impoñer Henrique IV coa axuda de Álvaro de Soutomaior e outros cabaleiros a Alonso de Fonseca, arcebispo de Sevilla, que deixara en 1463 a Mitra compostelá ó seu sobriño Fonseca, pai do Fonseca do preito con Tabera.

 

                Entrementres non se impón o Fonseca de Sevilla, Álvaro de Soutomaior aproveita para apropiarse, entre o  10 e o 19 de setembro de 1460, de 18.000 mrs. das prezadas alcabalas de Pontevedra; o 6 de maio de 1460 xa está gobernando o concello directamente Fonseca-tío[28]. Pedro Álvarez de Osorio[29], pai de Luis e Pedro Osorio[30], rendera na primavera de 1461 a cidade de Santiago ás tropas coligadas de Fonseca, Soutomaior e outros. En poucos anos, cabaleiros e cidadáns, expulsan unha vez máis a Fonseca-sobriño do arzobispado de Santiago, logo se levanta todo o reino en Santa Irmandade.

 

                A confusión e mobilidade de posicións na loita polo poder no arcebispado de Santiago, a maior xurisdicción feudal da Galicia medieval, na cal cidades e irmandades xogaban un papel subordinado,  en ausencia da xente común: todo esto non animou demasiado a que Pontevedra, que viña da experiencia da irmandade de 1451, se implicara máis na irmandade Santiago-Muros-Noia de 1458. A falta de resultados  positivos para as vilas comprometidas na guerra feudal 1458-1461 valeu para que volveran os ollos cara a "irmandade dos portos", revitalizando a súa memoria colectiva e seu valor referencial para a grande revolta irmandiña "contra todos",  señores, cabaleiros e prelados, vista a súa incapacidade  como clase dirixente -que incluía a Henrique IV, aínda que non lles interesara dicilo- de manter a paz, a seguridade e a xustiza no Reino.

 

                O caracter paradigmático da irmandade organizada desde Pontevedra, explícase sen dúbida pola novidade dos derrocamentos con motivacións sociais e éticas  contrapostas á guerra dos cabaleiros, independentemente do número de fortalezas derrubadas, que foron soamente catro, segundo testemuñas de Fonseca:  os castelos do Oeste (Catoira) e Montes (Forcarei) da Igrexa da Santiago, e os castelos de Altamira e Bronllos, propiedade dos Moscoso[31]. Co que sabemos hoxe participaron soamente as rías de Pontevedra e Arousa, con vontade certamente de avanzar cara ó interior: as milicias dos portos rebeldes chegan ata Castro de Montes en Forcarei, e, seguindo a significativa dirección de Santiago de Compostela[32], atacan e derriban Altamira, en Brión, e Bronllos, en Negreira. As Torres do Oeste, Castro de Montes e Altamira foron reparadas[33] e  derrocadas de novo en 1467[34]. O castelo de Bronllos (en San Martiño de Broño) ficou  polo chan ata o día de hoxe.

 

                Coidamos que se da irmandade denominada "primeira" ficou máis memoria que das levantadas posteriormente en Betanzos-A Coruña e Santiago-Noia-Muros, foi, desde logo, polos incompletos ou malos resultados destas experiencias, entre 1454 e 1461, particularmente das alianzas con unha parte da nobreza en posición subalterna para as cidades, pero tamén pola eficacia radical –ir a raíz dos problemas- da principal forma de loita adoptada en 1451,  a caída das fortalezas, inseparable do papel principal que xogou nos portos a  xente común coa súa peculiar mentalidade de revolta de tradición oral e dimensións diversas: xusticieira, antifortaleza,  antiseñorial, imaxinaria real, milenarista...

 

                A mesma participación rectora de Pontevedra na revolta das Rías Baixas garda relación directa co protagonismo do "pobo miúdo"[35]: pescadores e mariñeiros con algún mareante, a xente  da Moureira ocupa os cargos máis importante, incluso dobremente, alcaldes e deputados;  artesáns e labradores da comarca, con algúns burgueses e fidalgos. O concello (amigo) queda desprazado do poder  real  e os dirixentes da élite urbana que participan na dirección da irmandade non veñen da política municipal.

 

                O impacto nas mentalidades colectivas da acción insurreccional de Pontevedra e Arousa, "que derrocara çiertas torres en los puertos de la mar"[36], foi enorme en Santiago de Compostela tanto no campesiñado, no artesanado como na burguesía urbana. Vémolo 75-76 anos despois no preito Tabera-Fonseca.

 

                Un labrador, Gonzalo Carreira, da parroquia de Santa Baia de Oza[37], no Xiro da Rocha, que confesa ter 120 anos en 1526, lembrase de que 80 anos atrás houbera unha "hermandad primera" en Pontevedra e Arousa, que por veces confunde coa segunda,  o que non lle impide asegurar taxativamente  "dicha hermandad [1467] no hacía tanto mal como la primera"[38]. Obxectivamente non foi así, pero a frase de do vellísimo Carreira amosa nitidamente a perturbación que supuxo nas mentalidades campesiñas a proba de que algo así -o levantamento da xente común, a caída das fortalezas- fora posible preto de onde vivían eles. E así foi  transmitiu.

 

                Un vello zapateiro de Santiago contesta "que oio dezir a muchas personas que la vieron e que se allaran en ella[39]; quedando claro que hai una verdadeira tradición oral que vai de Pontevedra e Arousa a Santiago. Gonzalo de Arçeu, arrendador do arcebispado no couto de Piloño, algo más novo cos anteriores, confesa que oíu dicir ó seu pai, Joan de Arçeo, falar que unha primeira irmandade "abia fecho lo susodicho [na pregunta]"[40].

 

                A transmisión oral chegou por  descontado ó concello, ó cabido, á mesa arcebispal: o  chantre Juan Melgarejo, o máis mozo de todos eles (58 anos), "oyo dezir a muchas personas de cuios nombres no se acuerda mas de quanto lo oio dezir a Don Diego Castilla y Fernán Rodríguez, Regidor, que dezian lo contenido en la dicha pregunta"[41]. Diego Castilla foi maiordomo de Fonseca, na xurisdicción da fortaleza de Lobeira, logo da segunda irmandade[42]. Decatémonos que Melgarejo, testemuña nº 1 de Fonseca e bastante favorable a irmandade de 1467, non so evidencia una extensa transmisión oral ("muchas personas"), senón tamén a intensidade desta, do que máis se acorda é xustamente da chea de veces oíu repetir a historia revolucionaria dos portos ós seus informantes, membros importantes do concello e da Igrexa de Santiago.

 

                O feito de que 75-76  anos despois estivese tan viva, cando menos na Terra de Santiago, a memoria da "irmandade dos portos" é realmente extraordinario, explicase tamén polo encadeamento de irmandade e revoltas[43] nas décadas centrais do século XV  no reino de Galicia, expresión asemade dunha crise social prolongada seguida dunha  radical transición de tipo mental, social e política.

 

Inseguridade, revolta e feira franca

 

                A situación xeneralizada de inseguridade previa á grande irmandade do reino, que xa estudiamos polo miúdo en A mentalidade xusticieira dos irmandiños (1986),  resultou amplificada no imaxinario colectivo a mediados do século XV, inicio simultáneo da acumulación mental de agravios e da cadea de revoltas locais e rexionais que conflúen na insurrección total da primavera de 1467[44], coa que se pretende e logra encher o baleiro de poder producido pola a guerra civil entre Henrique IV, rei lexítimo apoiado pola irmandade galega, e o príncipe Afonso XII apoiado maiormente pola nobreza. "Entonces no abia rey ni los caballeros daban por el nada ni osaban yr de Pontevedra a Santiago ni de Santiago a Pontevedra"[45], declarou sesenta anos máis tarde outro campesiño, Alonso Carballo, de 70-80 anos, veciño da parroquia de San Salvador de Sobradelo na ría de Arousa.

 

                Testemuño que ten o seu valor engadido ó vir dun labrador, designado polo arcebispo Tabera,  contrario á Santa Irmandade, que recoñece sen querelo a xustificación ética-política dos favorables à revolta: falta de xustiza, paz e seguridade no reino de Galicia; oposición dos cabaleiros ó rei natural, o que explica tanto o monarquismo imaxinario dos insurrectos antiseñoriais como as razóns para toma do poder da primeira Xunta de Galicia (irmandiña) en nome de "El-Rei"[46]. Escollemos esta cita, entre moitas, polas súas referencias urbanas: "ni osaban yr de Pontevedra a Santiago ni de Santiago a Pontevedra"[47]. Vía para a exportación de peixe e para difusión da tradición de revolta, como vimos,  entre os portos do mar, Santiago e o resto de Galicia. Tramo esencial do Camiño portugués de importancia vertebradora tanto para a Terra de Santiago como para a Galicia atlántica ata hoxe en día[48].

 

                Desde a "farsa de Ávila" en 1465, Henrique IV, a diferencia do que vimos entre os anos 1458 e 1461, procurou o apoio das cidades, e mailo pobo, para contrarrestar a rebelión nobiliaria. O que logrará no Reino de Galicia logo de concederlle unha irmandade de seu, a comezos de 1467, de entrada una simple extensión a Galicia das "hermandades" que viñan funcionando desde o comezo da guerra civil en Castela,  sen prestar atención á forte oposición dunha nobreza galega que en boa parte lle era politicamente desafecta[49].  Pero a maior decisión pro-irmandiña de Henrique IV será a emisión dunha carta real asinada o 6 de xullo de 1467 e redactada por Fernando de Pulgar, dando por bos os derrocamentos feitos "no seu nome", pedindo incluso ós alcaides das fortalezas asediadas que se renderan á Santa Irmandade[50].  Isto a pesar de que a irmandade galega desobedecera varias veces a súa orde de respectar as fortalezas dos nobres galegos do seu bando, o que amosa a intelixencia dos irmandiños de "obedecer pero non cumprir" e a firmeza de Don Henrique, non exenta dos malentendidos, contradiccións e ambigüidades propios das alianzas políticas de tódolos tempos, así como dunha inútil pretensión de monarquía de manter certa función arbitral nunha conxuntura de extrema confrontación social, política e mental[51].

 

                Esa boa aínda que interesada relación de Henrique IV coa Galicia irmandiña, que lle axudou[52] a gañar a guerra civil 1465-1468 pola Coroa de Castela, reflíctase nas mercés irmandiñas a algunhas vilas, precisamente na fase insurreccional, pondo en evidencia que na Corte contaba máis a necesidade de apoio político e social para conservar a Coroa, que calquera inquietude clasista –de feito só lle preocupaba o patrimonio dos seus amigos- ante unha rebelión que crebaba radicalmente[53] a relación entre vasalos e señores no reino, que xa nunca serían as mesmas en Galicia[54].

 

                Estando en maio de 1467 en Madrid, El-Rei asina, nun prazo de poucos días[55], documentos confirmando privilexios a Padrón (día 14), Ferrol (día 15) e Neda[56] (día 15), sobre impostos e/ou carga e descarga de mercadorías  polo mar. Pero a máis importante destas cartas irmandiñas vai ser, sen dúbida, a concesión o 17 de maio de 1467 dunha feira franca de 30 días a Pontevedra. Semellante á que concederá o 3 de xullo de 1467 a Betanzos[57], vila de El-Rei que encabeza a revolta no conxunto do reino. Privilexio real betanceiro que Henrique IV asina, xustamente, tres días antes do crucial documento aprobando os derrocamentos, e dez días antes da celebración da Xunta de Galicia na anovada cidade reguenga[58]. O 3 de xullo o rei Henrique fixera  tamén cidade a Betanzos, chegando a recoñecer despois da revolta "el levantamiento y hermandad que fecistes con las otras cidades, vilas y lugares y fortalezas del mi Reino de Galicia", nun terceiro documento onde se  ratifica a concesión en 1467 da súa feira franca[59].

 

                Pero volvamos ó tema que nos trouxo aquí, a feira franca de Pontevedra[60], asinada por El-Rei o 17 de maio de 1467[61], por mor da cal, como é sabido, se lle permitía durante un mes ós pontevedreses, e maila xente que viña a comerciar (estaban protexidos, ademais, por un seguro especial do rei), non pagar alcabalas por comprar ou vender calquera mercadoría, desde 15 días antes ata 15 días despois de San Bartolomeu, data dun mercado antigo que se remontaba ó século XIII. Non é pouco esta exención, a alcabala viña sendo o máis tributo gravoso de carácter indirecto que afectaba á economía urbana (unha sorte de IVA, mutatis mutandis), ademais dunha fonte considerable de ingresos para a monarquía, moi disputada pola nobreza máis belixerante como xa vimos, cando sete anos antes, Álvaro de Soutomaior apropiárase -en nome do rei, naturalmente- das alcabalas dun ano de Pontevedra, 18.000 maravedís, so pretexto de "guarda e defenson da dita vila"[62].

 

                Imos ver como o agradecemento do rei lexítimo  a Pontevedra, vila arcebispal que nese tempo querían mangonear os Soutomaior, ten carácter político[63]: "por que vosotros con toda lealtad e dificilidad que habeis servido es sostenido despues que los mantenimientos presentes se comenzaron en mis Reinos, y por alguna enmienda e remuneración dellos", dise no carta da concesión do 17 de maio de 1467, cando xa se comezaran a botar abaixo torres e castelos por toda Galicia. Alianza antinobiliaria entre Henrique IV e Pontevedra que xa se materializara, o 2 de febreiro de 1467[64], contra o sucesor bastardo de Álvaro de Soutomaior, que o superará en cobiza e inimizade cara Pontevedra, Pedro Álvarez de Soutomaior. Henrique IV ordena en dita data a Pontevedra, igual que a outros concellos, que non lle dean 140.000 mrs. "de juro" (mercé particular sobre as rendas do rei) que seica cedera anteriormente a Pedro Madruga a causa da súa voda[65].

 

                Probablemente a feira franca de Pontevedra non entrou de seguida en vigor, como sabemos pasou coa feira de Betanzos, outorgada dous meses despois, que comezou a regularizarse cara 1478, deixando atrás os revoltos tempos alternos de guerras feudais e levantamentos antifeudais. O que non quita nada de valor político e histórico a estes excepcionais privilexios reais irmandiños[66]. Noutro contexto menos salientable, en canto a mobilización social e paralela aliñación antimonárquica da nobreza, de seguro que Pontevedra, e mailas outras vilas beneficiadas por estoutras "mercés henriqueñas"[67], non as terían acadado tan doadamente.

 

                Se algún día, seguindo o exemplo do concello de Pontevedra, as institucións oficiais de ámbito galego danlle maior importancia á única revolución merecente dese nome que houbo na historia de Galicia, eu espero que alguén con autoridade declare o 25 de abril de 1467[68] o día da Galicia irmandiña[69], do mesmo xeito que cada 14 de xullo os franceses celebran a toma da Bastilla, acontecemento fundador da súa nación, cambiando por descontado o que haxa que cambiar.

 

                Escribimos hai xa vinte anos que "O 22 e 25 de abril xa escomezara o asalto ó Castelo Ramiro"[70]. Dous documentos ourensáns, un municipal  outro do cabido, proporcionan datos da primeira fortaleza derrocada polos irmandiños de 1467 en Galicia, con graos distintos de precisión: o primeiro (22 de abril) transluce opinións a favor e en contra da "da derrocaçon do dito castelo"; mentres que o segundo (25 de abril) é máis concluínte pos fala dun pregón que os da Santa Irmandade "auian lançado" para que "leigos e clerigos, judios e mouros, fosen a derribar o castelo Ramiro", subscribindo ante notario un sagaz cóengo que "era forçado de yr ala ao ajudar a derribar". 

 

                O tempo presente, inmediato, da acción individual e colectiva do texto sitúa logo no 25 de abril  a data mellor documentada, hoxe por hoxe, do inicio da insurrección irmandiña contra os fortalezas, froito en calquera caso dunha obrigada e relativa convención.  Podemos admitir tacitamente unha data de referencia para colocar un feito histórico no calendario –outra convención- sabedores de que este, a insurrección irmandiña, non responde á "consigna" dun "Día D", por moito que a fase dos derrocamentos prendera espontánea e mimeticamente por toda Galicia nun prazo de días ou semanas[71].

               

O levantamento en Pontevedra

 

                Un mercador, rexedor de Pontevedra, Bartolomé de Sigueiro, de 80 anos, declara en 1526: "que siendo este testigo moço podra aber sesenta años poco mas o menos dice que vio que bino a la villa de Pontevedra un alguazil e traia una vara que dezian ser del rey e fiziera pregonar en la dicha villa de Pontevedra que todos los de la villa saliesen con sus armas a derrocar las fortalezas de alderredor de la dicha villa de Pontevedra porque asi lo mandaba el Rey"[72].

 

                Aclarando a continuación que antes diso "ya los vezinos y gente comun de la dicha villa y de las tierras de alderredor della estaban y andaban llevantados en hermandad e tenian sus alcaldes e cuadrilleros"[73]. Todo un símbolo da precedencia da iniciativa popular –algo que os pontevedreses aprenderon motu propio en 1451-  ó  consentimento, tres meses despois, dos derrocamentos por parte de Henrique IV. Os favorables a Santa Irmandade, como o noso mercador, convenlles dicir que El-Rei ordenara abater as fortalezas, e así o crían, aínda que na primavera de 1467 foron xeralmente os alcaldes irmandiños quen chamaban e dirixían a revolta anti-fortaleza. O dato de Pontevedra demostra, en todo caso, que contaron coa participación dalgúns dos oficiais reais que a Corte real enviara, a partir de febreiro do 67, para presidir as asembleas constituíntes das irmandades. Aguaciles e correxedores que personifican, xunto coas cartes reais, a crucial converxencia de intereses antinobiliarios entre El-Rei e os "vezinos y gente comun", que tiñan polo demais na súa testa colectiva un Rei máis imaxinario e xusticieiro que o real Henrique IV.

 

                En Pontevedra, como en Ourense, o pregón é –xunto co toque de campás, como logo veremos- o medio de comunicación social máis utilizado, especialmente eficaz para poñer en armas a todos nun breve prazo de tempo[74], en vilas relativamente pequenas rodeadas de murallas, onde se convocaba a "que saliesen con sus armas a derrocar las fortalezas de alderredor de la villa"[75]. O que quer dicir dúas cousas: 1) que respectaban as murallas coas súas torres, pois Pontevedra, e as cidades do resto de Galicia (quitando Monforte e Tui durante un tempo), eran da Santa Irmandade que tiñan nas murallas urbanas os seus únicos baluartes, o que terán que lamentar en 1469; 2) que  os veciños e xente común tiñan armas de seu, tanto na cidade como no campo, alá onde houbese vasalos que tiveran que prestar servicio de armas o seu señor. É historicamente incorrecto por tanto que campesiños, artesáns e pescadores, andasen –como pode verse no ben intencionado cartel irmandiño da Feira Franca que teño no faldón da mesa- con fouces, gadañas, forcas e outros útiles agrícolas, asaltando castelos ou enfrontándose ós exércitos señoriais. Todo o mundo tiña, ou podía ter, segundo o seu estado (teoricamente), lanzas (cortas, medias u longas),  escudos, cascos, espadas, coirazas, dagas e cotas de mallas,  feitos polos armeiros locais[76], ou importadas e vendidas polos barbeiros, o que está particularmente ben documentado en Pontevedra[77]. Incluso tiñan béstas, a arma máis cobizada que por veces o propio señor regalaba ó vasalo para servirlle militarmente como besteiro: logo este volverá contra o señor a súa arma, maila experiencia adquirida na guerra feudal.

 

                Un veciño de Cambados, Juan Martínez el Viejo, da mesma idade, orientación e recordos que o rexedor Bartolomeu, subministra outros datos[78] sobre o levantamento irmandiño de Pontevedra de interese para o conxunto do levantamento. Dinos que os pontevedreses ían xuntos cos do Salnés a botar abaixo as fortalezas da zona, o que confirman outras testemuñas[79], milicias conxuntas que rememoran a experiencia da "primeira irmandade" que derrocou fortalezas. Dinos ademáis que os alcaldes irmandiños "traian unas baras de justiçia, pintadas en ellas una saeta", representando o xeito xeral de axustizar das "Santas Hermandades"[80]. Declaración xenerosa en imaxes quen nos achega xa que logo a un dos dous símbolos irmandiños documentados[81]. Martínez o Vello permítenos saber doutra bando como a revolta contra as fortalezas tiña un carácter festivo: "e yban a ellas a derrocar como si fueran para la iglesia". Confirmando de paso o respecto da Santa Irmandade polos edificios da Igrexa: un caso visible é a capela románica das Torres do Oeste incólume ata hoxe pese ós derrocamentos sufridos na primeira e segunda irmandades. Por último,  o home de Cambados proporciónanos un dato cuantitativo sobre os irmandiños do "conçejo de Pontevedra que serian hasta quatroçientos onbres"[82].

 

                Por aqueles anos, principios do século XVI, escribía o coruñés Vasco de Aponte asegurando que na época irmandiña os pontevedreses viñan sendo "mil veçinos al menos"[83]. Temos para nós que os 400 irmandiños da testemuña oral equivalen na práctica tódolos homes en condicións de tómalas armas –e posuidores delas- en Pontevedra, validando a sabida xeneralización da revolta. Vémolo, algo despois, nas novas que veñen no nobiliario de Aponte sobre as convocatorias de campá para que os veciños de  Pontevedra "saliesen con sus armas", a favor do arcebispo  Fonseca (reconciliado co concello irmandiño en 1469) e contra Pedro Álvarez de Soutomaior, pois resultan uns cincocentos homes armados: "salian della a un repiquete de campana con quinientos omes de a pie y quarenta lanças"[84].  Contando sempre coa marxe de error propia das cifras nas fontes medievais, na cidade saen máis ou menos os mesmos e as mesmas á revolta social como á guerra feudal, a diferencia está na motivación.

 

Fortalezas derrubadas

 

                As dez testemuñas do Preito Tabera-Fonseca que, en total, falan con algún detalle da revolta irmandiña en Pontevedra e no Salnés, onde vivían naquel entón e viven polo regular no momento das probanzas,  achégannos ante todo nomes de fortalezas derrocadas e de dirixentes irmandiños, cun grao notable de concordancia e complementariedade, facilitado por ser todas elas participantes ou testemuñas oculares dun levantamento, que consideraban maiormente –aínda seis décadas despois- como  algo xusto, necesario e victorioso, polo cuxa actitude favorable foran designadas para dar testemuño polo arcebispo Fonseca, que non consideraba fora de responsabilidade súa, ou de seu pai, o estado ruinoso ou desaparecido das fortalezas do arcebispado.

 

                A xente irmandiña de Pontevedra e o Salnés formando un só exército, ou separándose momentaneamente para dirixirse a dúas fortalezas distintas, botan abaixo cando menos as fortalezas de Lantaño, Lobeira, Peñaflor, Soutomaior, Rianxo, Sobroso, Montes (por segunda vez), Tenorio, Gondar e Cotobade. Castelos propiedade na súa meirande parte de Álvaro de Soutomaior, Sueiro Gómes de Soutomaior e o arcebispo de Fonseca (pai do coprotagonista do preito) na rías de Pontevedra e Arousa, chegando no extremo norte do seu itinerario ata a torre de Rianxo  -deixando esta vez as Torres do Oeste para a irmandade de Santiago- e no extremo Sur, penetrando no interior, ata Sobroso por causa de asegurarse os de Pontevedra que as fortalezas máis importantes dos seus grandes inimigos Suero Gómez e Álvaro de Soutomaior, quedaban polo chan.

 

                O sistema era sempre o mesmo, tomaban as fortalezas[85] e -precisa outro mercador de Pontevedra- "despues de las aber tomado e tenido en su poder las derrocaran todas hasta el suelo"[86]; especificando máis unha testemuña, de oficio pescador e tamén pontevedrés: "las derrocaran todas por el pie"[87].

 

                Os irmandiños de Pontevedra, ademais de derrubar a parte que lle tocaba das fortalezas da Igrexa de Santiago, como Lobeira ou Castro de Montes, axudaron ós de Santiago na toma e destrucción da Rocha Branca de Padrón; e ós de Tui na toma da cidade cercada, onde topara refuxio Álvaro de Soutomaior. A verdade é que aínda que as testemuñas[88], por transmisión simplificador da memoria colectiva, dan por tomada a cidade ó mesmo tempo que as fortalezas do señorío derrocadas na primavera e verán de 1467: Tui vai resistir durante un ano o asedio  irmandiño, que terminará en agosto de 1468 ó morrer Álvaro de Soutomaior[89], por causas naturais, quen deixa escrito no seu testamento que a capital tudense fose entregada á Santa Irmandade unha vez que el non estivera.

 

                A división do traballo entre as diferentes irmandades no tocante ó sistemático derrubamento de tódalas fortalezas do reino, xunto coa converxencia precisa en ocasións para afrontar un obxectivo grande (batalla ou cerco), mostra un grao importante de coordinación, sobre todo entre as irmandades máis próximas, como vimos nos casos Pontevedra-Santiago e Pontevedra-Tui, no cadro dunha concertación multilateral e xeral mediante a mesma Xunta da Santa Irmandade do Reino de Galicia, que se axuntou cando menos 5 veces en 5 lugares distintos durante o bienio irmandiño, poñéndose en práctica deste xeito o papel decisivo que dicíamos ó principio xoga a escala galega do levantamento. 

 

Dirixentes pontevedreses

 

                A revolta irmandiña foi por definición un fenómeno colectivo, asembleario á hora de elixir alcaldes e deputados (ou facer xuntas locais, comarcais e de Galicia), quen logo podían ser máis ou menos seguidos nas súas iniciativas, ás veces discutidas entres eles mesmos como sabemos pola documentación ourensá. Pero tiña así mesmo a meirande importancia, como noutros grandes movementos sociais ó logo da historia,  a individualidade, a representatividade, a capacidade organizativa e o prestixio dos seus dirixentes. Sobre todo os alcaldes, cuxas varas pintadas viñan a dicir que eles eran a máxima autoridade, cara dentro e cara fóra da irmandade, por riba dos cargos estrictamente militares, que eles asumen directamente na toma e abatemento das fortalezas. Outra cousa serán algunhas batallas a campo aberto que terán lugar  sobre todo ó final da revolución xusticieira, onde as milicias irmandiñas pasan a ser comandadas por cabaleiros experimentados no oficio da guerra, nomeados capitáns da Santa Irmandade dunha ampla xurisdicción como Alonso de Lanzós, Pedro Osorio, Diego de Lemos, Fernando Días Teixeiro ou Lopo Pérez Mariño de Lobeira, aínda que tamén houbo capitáns burgueses, labradores e notarios, dos que temos poucas noticias porque non veñen en  nobiliarios e cadros xenealóxicos.

 

                Malia falta da documentación municipal ou irmandiña pontevedresa para eses anos 1467, 1468 e 1469, coñecemos relativamente ben a composición dos cadros  irmandiños, mercé á información facilitada polas testemuñas da localidade e bisbarra no preito Tabera-Fonseca.

 

                Os 10 cargos institucionais –alcaldes principalmente[90]- da Santa Irmandade en Pontevedra mellor  recordados, más de medio século despois, son (por orde alfabética): (1) Alonso de Camba, zapateiro, alcalde e deputado SI (vicario da Confraría San Xiao dos zapateiros, en 1445)[91]: (2) Álvaro Afonso Jacob, alcalde SI[92]; (3) Afonso Mouriño, alcalde e deputado SI (fiel ou encargado da alcabala do viño en 1459)[93]; (4) Diego Zapateiro, cuadrilleiro SI; (5) Gómez Barbeiro, alcalde SI (criado de Pero Fernández Barbeiro e  recibido como veciño en 1444)[94]; (6) Joan Cabaneiro, pescador, alcalde SI[95]; (7) Joan Domínguez, carniceiro, alcalde SI (fiel da alcabala da carne en 1454 e 1456)[96]; (8) Joan Rodríguez, O Pancho da Moureira, mareante, alcalde e deputado SI; (9) Lope Pérez Mariño de Lobeira, cabaleiro, capitán SI; (10) Pero García de Cangas, pescador, alcalde e deputado SI. Habería que engadir os dous dirixentes, Juan García de Barla e Juan García Chichontes, pescadores e/ou labradores dos arredores de Pontevedra (non aparecen na documentación municipal) pero  integrados dalgunha forma na súa irmandade, que protagonizan o episodio heroico da Lanzada (onde morreu cando menos un deles, como veremos ó final).

 

                 A meirande parte dos dez líderes irmandiños[97] son xente do mar e diferentes gremios artesanais (zapateiros, carniceiros, barbeiros), con frecuente experiencia na xestión e representación dos gremios. A diferencia doutras cidades[98], os mercadores non semellan estar tan representados[99], habendo ademais unha neta separación, como xa dixemos máis enriba, entre cargos do  concello[100] e cargos da irmandade[101]. Distinción de responsabilidades respecto do concello, que afecta tamén ó mareante Pancho e ó cabaleiro Lopo, dirixentes saídos da élite social pero cun importante  prestixio no "pobo miúdo"[102] que copa, con máis contundencia que noutras vilas, os postos da Santa Irmandade  en Pontevedra[103].

 

                Entre os dirixentes irmandiños de  Pontevedra o máis citado[104], e polo tanto recordado, entre as testemuñas do preito Tabera-Fonseca, é o mareante[105] Pancho da Moureira. O seu liderado persoal vese cualitativamente na declaración verbal do labrador de Nogueira (Meis),  Fernán da Bouza, que dixo: "bio benir mucha gente de la villa de Pontevedra de la hermandad con la qual benia Pancho da Moureira que hera alcalde de la dicha hermandad y traia bara de justiçia y este testigo los bio yr azia Lantaño que hera de Suero Gomez y que la iban a derrocar y que despues este testigo la bido derrocada"[106].

 

                Un bo exemplo de como os alcaldes irmandiños máis representativos se poñían á fronte[107], cos seus bastóns de mando, das tarefas de asalto e derrubamento dos castelos, o que redundaba na súa maior autoridade e sona entre á xente común iracunda coas as fortalezas. A razón diso é  que a toma e derrocamento dos castelos se consideraba máis unha acción de xustiza (maior) que unha acción de guerra, polo que correspondía ós alcaldes non ós capitáns levar a iniciativa, o que non quer dicir que todos destacaran por igual nesa labor: só o Pancho sobresae como cabeza da insurrección. Favorecido, sen dúbida, polas intensas relacións persoais desde o barrio de pescadores, extra muros, coa xente mariñeira das rías de Pontevedra, Salnés e Morrazo (Rianxo), que tiñan que levar as capturas ó arrabalde da Moureira  para salgar e vender o peixe, como xa dixemos[108].

 

                O segundo dirixente que cómpre subliñar[109], a pesar de que suscita menos atención[110] no preito Tabera-Fonseca[111] que os dirixentes populares, é o xefe militar dos irmandiños de Pontevedra, Lopo Pérez Mariño de Lobeira ou Valadares, fillo de Paio Mariño de Lobeira e Elvira de Valadares, tivo na súa relevante intervención na loita irmandiña –que logo analizaremos- o feito máis relevante da súa vida, segundo a memoria xenealóxica familiar[112]. Cabaleiro segundoxénito[113], como outros nomeados capitáns nas diferentes xurisdiccións da Santa Irmandade do Reino, habitualmente parte así mesmo da comunidade de agraviados[114] pola rapacidade dos grandes señores polo seu patrimonio, poder militar e agresividade social[115]. A pequena e media nobreza irmandiña veu tamén, nos tempos excepcionais de xustiza revolucionaria que protagonizaron, unha boa oportunidade de recuperar propiedades e xurisdiccións.

 

                Así, o 2 e 7 de maio de 1468, Lopo Pérez Mariño de Lobeira, co apoio dos alcaldes irmandiños de Pontevedra (Álvaro Afonso Jacob) e terra de Morrazo (Iohan Feixoo) recobra, en nome da súa avoa, Maior Rodrigues d’Aldao, sen facer constar nos documentos o seu cargo na irmandade e presentado documentos que  xustifican a demanda, o padroado da igrexa de Hío e a posesión dun casal na mesma parroquia[116]. Algo que, polo demais, a Santa Irmandade fixo por toda Galicia en favor, ante todo, dos bens eclesiásticos ocupados, a miúdo desde había moitos anos,  polos señores das fortalezas.

 

Un encontro, dúas versións

 

                Na primavera de 1469, entran en Galicia tres exércitos señoriais desde Salamanca (Fonseca), O Bierzo (Conde de Lemos) e o norte de Portugal, organizado este último por Pedro Álvarez de Soutomaior, que chegou ata o río Lérez con 100 lanzas dacabalo e 2000 peóns[117], seguindo o fundamental Camiño portugués –neste caso vía de comunicación militar da contrarrevolta- coa intención de xuntarse coas outras dúas mesnadas contrarrevolucionarias en  Santiago[118]. As tropas galego-portuguesas de Pedro Madruga, superiores en número á milicia urbana que podía  convocar a Santa Irmandade de Pontevedra, 400-500 homes segundo vimos[119], por moito que estivesen reforzados polos pescadores e campesiños dos arredores, segundo veremos. O capitán Mariño de Lobeira sitúa os seus homes na porta da vila, botando peito porque malamente podían aspirar a vencer a Madruga abertamente logo da derrota irmandiña –na que é posible que participaran pontevedreses- no castro de A Framela, entre Tui e Pontevedra, ante "cuatro o çinco mil villanos",  se cremos a Vasco de Aponte[120].

                Contrarios e favorables danos, nas fontes escritas e nobiliarias, visións diferentes do encontro, máis simbólico que físico, de ámbolos dous exércitos nas portas de Pontevedra. Apesáranos non dispoñer sobre esta confrontación de vontades e imaxes bélicas unha versión da tradición oral e popular pro-irmandiña, que non soe referirse ó final da revolta, ó contrario dos nobiliarios de inclinación anti-irmandiña vinculados a grande nobreza (Aponte e Gándara[121]) que se recrean na descrición das victorias -logo de dous anos de derrotas- dos señores máis refractarios nalgunhas batallas campais de 1469[122]. Por fortuna demos cunha tradición  escrita  defensora da obra xusticieira da Santa Irmandade, vinculada ós pequenos liñaxes de grande influencia local na Galicia meridional, polo que foron dezmados con teimosía e total falta de escrúpulos polo novo señor de Soutomaior[123].

 

                Poñamos primeiro a versión de Aponte, entusiasta de Don Pedro Madruga[124]: "pasaron junto a Pontevedra, y pasó el río de Lérez, y quisieron los villanos pelear con él, y no osaron"[125]. Máis adiante precisa: "Y desde allí [A Framela] fue su camino adelante [cara Santiago]; y el más seguro era por Pontevedra, aunque era reçio paso. Y llegando fuera de la villa, que son mil veçinos al menos, y con forasteros y otros de los términos que eran muchos, levantaron por capitán a Lope Pérez Mariño". Relatando de seguido que "saliéndose fuera de la villa pusiéronse donde lo esperar; mas él, como los vido, puso su gente en ordenança, delante de la cual para escudarse puso lanças largas y ballesteros, y en pos de ellos los cavalleros pegados a ellos, y yendo más adelante, y él cerca dellos".

 

                 Información de interese para unha (nova) historia militar  do baixomedievo  galego, onde Pedro Álvarez xurde da man de Aponte como o cabaleiro máis valente e experimentado, imaxe que o propio Madruga alimenta de continuo, respondendo cunha exhibición de forza ó reto insolente dos irmandiños de pretender impresionalo cunha presencia armada diante da vila, seguramente sen orde algún polo que el organiza a súa xente "en ordenança".

 

                Pero continuemos coa Relación:  "viéndolos en esta orden los de la villa dijeron a su capitán que se acogiese dentro de los muros. Y así lo hiçieron, y dejáronle pasar", absolutamente impresionados polo "orden" das súas tropas. O autor deixa por covardes ós defensores de Pontevedra, sobre todo ós plebeos irmandiños que tacha unha e outra vez de "villanos" na súa obra, porque ó capitán que respecta por ser nobre, queda máis ben como mal acompañado e, por tanto, mal aconsellado. Sen considerar que se trata obxectivamente dunha fuxida, remata Aponte a "fazaña" de Madruga: "Y él  por la mar, bajando la marea, pasó el río Lérez, caminando de prisa hacia Santiago, pasando puentes y pasos peligrosos. Y porque iba muy feroz nadie se le paraba delante"[126]. Sorprende que un criado da casa dos Andrade escolla como paradigma da nobreza baixomedieval, o seu representante menos presentable, pola súa crueldade e mañas incompatibles co modelo cabaleiresco, en pleno deterioro a finais da Idade Media na alta nobreza galega[127].

 

                O autor anónimo das glosas ó cadro xenealóxico dos Mariños de Lobeira ofrécenos a outra versión do famoso encontro: "Lopo Peres Marinho, que viveu em 1469, bizarro capitâo, e defensor estrenno de Pontevedra contra as hostes de Pedro Madruga"[128]. Onde Aponte vía retirada e covardía, os Mariño de Lobeira vían "defensa extrema" (perante un inimigo superior) e bizarría cabaleiresca. Referencia infelizmente breve e baseada, seguramente, noutros documentos e tradicións anteriores e posteriores[129] ó nobiliario de Aponte[130]. A data de 1469 distingue este enfrontamento irmandiño, sen sangue, de Pontevedra con Pedro Madruga dos que tiveron lugar nas épocas previa e posterior á revolta irmandiña.

 

                A "defensa estrenna" de Pontevedra por parte dos irmandiños non casa coa versión pro-Madruga de Vasco de Aponte, pero tampouco oculta o carácter defensivo da acción do "bizarro capitâo" Lopo e a súa xente. Na outra banda, tamén Pedro Madruga ensina os dentes pero non morde: non ataca ós concentrados, renuncia ó asedio da vila -necesariamente longo e pouco útil-, escapa a todo correr cara a Santiago deixando a cidade irmandiña de Pontevedra as súas costas. Alén dos discursos lexitimadores, resulta evidente a converxencia tácita, partindo de estratexias opostas, entre os irmandiños que non querían arriscar o control da cidade nunha aberta confrontación de final dubidoso, e un Pedro Madruga que non podía  se entreteñer en Pontevedra se quería chegar a tempo a Santiago. Foi así como acadou xuntarse en Balmalige con Fonseca e Juan Pimentel antes de que  chegaran máis irmandiños, facendo fuxir persoalmente -de novo segundo Aponte- ó seu capitán, agora Don Pedro Osorio[131]. A situación de Pontevedra quedará, xa que logo, en empate: Pedro Madruga non perderá ocasións posteriores de axustar contas con eles.

               

Acordo final

 

                O feito de que deixar Pontevedra nas mans dos irmandiños condicionará o desenlace do bienio revolucionario na parte sur de Galicia, en favor dos irmandiños e logo do arcebispo Fonseca, que pronto cambia de bando[132] vistas as dificultades para controlar a Terra de Santiago, tomada polos nobres laicos que pasan axiña de aliados a inimigos. O problema da contrarrevolta é que gaña batallas en campo aberto pero non son quen de reconquistar as urbes amuralladas –derradeira liña da defensa irmandiña- polo que vense forzados a pautar dunha forma ou outra cos concellos irmandiños. O caso máis explícito, radical e documentado é o acordo de Fonseca con Santiago, Pontevedra e demais  vilas da Terra de Santiago, chegando a aliarse  militarmente co capitán Alonso de Lanzós e outros guerreiros irmandiños contra  os novos inimigos comúns da cabalaria laica.

 

                Desde Pontevedra, un pescador do arrabalde, Roi da Fontaiña, proporciónanos a versión popular de como se xestionou na primavera-verán de 1469 o pacto irmandiños-arcebispo Fonseca (Patriarca de Alexandría e pai do Fonseca do preito): "bino de alla [Castela] y traxo mucha gente de caballo y çercara la billa de Pontevedra y los de la dicha villa le respondieron que se fuera a la dicha çiudad de que hera cabeça e que si alli le obedesçiesen que asi arian ellos e estonçes el dicho Patriarca con la dicha gente se fuera a la dicha çiudad de Santiago y lo obedesçieran   en ella y luego la dicha villa de Pontevedra le obedesçiera"[133]. O pacto de Fonseca coas cidades irmandiñas da Terra de Santiago, implicará a transcendental concesión da  non reedificación das fortalezas arcebispais derrubadas, o que provocará seis décadas despois o preito Tabera-Fonseca.

 

                Este segundo fracaso na toma da Pontevedra irmandiña é posterior á batalla de  Balmalige, dispersándose a continuación os señores confederados  a fin de recuperar cada quen a súa xurisdicción. Fonseca o intenta en Pontevedra, pon un cerco imposible e seguindo o consello dos pontevedreses viaxa cara Santiago, que tampouco puidera reconquistar, para unha negociación global que funciona. Cóntanos o que segue, a citada testemuña do couto de Lérez: "e despues que lo vido aseñoreado de Santiago y de Pontevedra dize este testigo quel dicho Pedralbares se tomara a desconçertar con el dicho Patriarca sobre los dichos çincoenta mill maravedis que dicho tiene"[134]. Trátase da parte que corresponde a Pontevedra dos 140.000 mrs. de xuro que –dixemos antes[135]- Henrique IV doara a Pedro Madruga por mor do seu casamento, ordenando El-Rei unha vez constituída a irmandade que ás vilas da terra de Santiago non lle pagaran tal.

 

Irmandiños na Lanzada

 

                O derradeiro enfrontamento documentado entre os irmandiños de Pontevedra e Pedro Madruga, terá lugar na antiga fortaleza de A Lanzada no tempo en que Don Pedro andaba no Salnés tentando "desfacer a irmandade", dicían  testemuñas de Tabera, que nos contan como un grupo de labradores e pescadores irmandiños, dirixidos polos peóns Juan García de Chichontes e Juan García de Barla, ocuparon para fortalecelo o que quedaba do castelo da Lanzada, entre Sanxenxo e o Grove, no límite entre a ría de Pontevedra e a ría de Arousa.

 

                Na Lanzada había naquel momento, ademais da ermida románica da romaría[136],  unha torre "de un onbre y medio"[137] cercada polo mar, cunha ponte levadiza. Pequeno castelo da Igrexa de Santiago dos tempos do bispo Sinando (século X), medio derrubado, que estaba sen habitar nin tiña alcalde desde antes da Santa Irmandade, segundo coinciden tódalas testemuñas. Seis das cales, cinco delas nomeadas por Tabera e veciñas  das mesmas rías de Pontevedra e Arousa, relatan como se meteron dentro do seu recinto  6 ou 7, 7 ou 8, 10 ou 12, 11 ou 12, 20 ou 30, "peones labradores y pescadores"[138] irmandiños dos arredores de Pontevedra[139]: o número varía segundo cada informante e o momento da acción[140]. Unha vez que non deixaron en pe canto castelo ou fortaleza  había en Galicia, non lles quedaba máis remedio ós irmandiños que aproveitar  castros e torres abandonadas para facer fronte en campo aberto á contraofensiva señorial.

 

                Despois de Balmalige, Pedro Madruga enviou -non sabemos exactamente cando- uns escudeiros a expulsar ós irmandiños do baluarte da Lanzada, onde fixeran unha "palizada" para tapala "la terçia parte [de] lo que le faltaba", e tamén un "murezico de piedra seca" para impedir o acceso á ponte levadiza. A xente de Madruga presentáronse a "requerirlos que se saliesen de alli y que los de dentro salieron fuera de la dicha torre a pelear con los dichos escuderos e le firieran un onbre o dos y mataran un onbre de Noguera". Coa súa valente acción, os defensores impediron a toma da torre, pero tiveron baixas, a fin de vingalas "despues en Fefiñanes prendieran unos dos de los dichos escuderos  e los llebaran  a Pontevedra e los ahorcaran". Co que se demostra que os ocupantes da Lanzada non estaban cercados nin probablemente perseguidos nun principio por ninguén, movíanse libremente entrambas rías,  de Pontevedra ó Salnés, do Salnés a Pontevedra, onde a Santa Irmandade seguía funcionando como referencia xurisdiccional e centro de coordinación das forzas irmandiñas nas dúas rías. A decisión tomada en Pontevedra de vingar ós peóns mortos e feridos da Lanzada aforcando de xeito plebeo[141] a dous escudeiros de Madruga, posiblemente fidalgos, implica unha dobre afronta para eles, ás súas familias e o seu amo.

 

                A resolución militar de facer da Lanzada un bastión de retagarda, se tomou probablemente tamén en Pontevedra, co obxecto de dificultar os movementos de Pedro Madruga e outros cabaleiros polo Salnés. Que as testemuñas taberanas interpreten que os irmandiños estaban alí refuxiados por "temor de Pedro Alvarez"[142], formaba parte da minoritaria pero efectiva tradición oral anti-irmandiña no sur de Galicia ó redor da figura imaxinaria de Pedro Madruga, que tiña en Aponte o seu representante máis letrado, favorecida no episodio da Lanzada polo final que ó parecer tiveron os seus ocupantes: "el dicho Conde de Camiña los bino a desbaratar e debarato"[143].

 

                Pero continuemos coa testemuña do Grove, Pedro Brión, bastante contrario na súa actitude cara os irmandiños e cuxo relato estamos seguindo: "E que despues con aquel henojo [aforcamento dos seus escudeiros] biniera el dicho Pedro Alvarez" con outros cabaleiros "sobre la dicha torre e hestaba dentro el dicho Juan Garçia con hasta siete u ocho honbres y los conbatieran y los tomaran", o que finalmente só foi posible porque "los bendiera uno de los questaban de dentro", rematando esta cadea de vinganzas moi ó gusto daqueles tempos e mentalidades tardofeudais: "aorcaron dos de ellos e los otros mataron a llançadas"[144]. Dous aforcados por dous aforcados[145], o resto -5 ou 6 se levamos ben as contas- pasados polo aceiro, unha vez tomado o baluarte da praia da Lanzada. Veremos que outros declarante menos contrarios ou máis favorables á irmandade que Pedro Brión contan este final doutro xeito.

 

                Madruga puido, por fin, alimentar a súa lenda cruel e invencible cunha vinganza sanguenta sobre os "villanos" irmandiños de Pontevedra, que lle derrocaran Soutomaior, Sobroso e Cotobade, que tivera que esquivar a súa volta de Portugal, que se atreveran a axustizarlle dous escudeiros cando tentaba impoñerse como única autoridade na Galicia meridional. O caso é que tivo que empregar unha forza militar desproporcionada para poder desaloxar unha cativa torre defendida por 7 ou 8  peóns, o que di moito da moral e capacidade combativa de Juan García e maila súa xente, non das virtudes militares e cabaleirescas de Don Pedro, segundo queren convencernos os seus admiradores.

 

¿U-los heroes?

 

                Completamos o relato do asalto final coa declaración dun labrador máis moderado (algo contrario) que "bibe al pie de la dicha casa de Lançada": "a la dicha bara de casa los dichos caballeros le tiraron muchas bonbardadas y que hera tan rezia que no la podian hazer daño e ansi la tobieran çercada çinco o seis dias e despues por la parte de la mar la tomaran"[146]. A vella torre (vara de casa) era de argamasa, non de pedra seca, dise esta e outras testemuñas, pero unha forza militar tan superior,  dirixido persoalmente polo xenio militar de Pedro Madruga, ben podía entrar nela doadamente pola "palizada" (valo) de estacas,  salvando antes o "murizico", que fixeran os defensores no perímetro da Lanzada. O problema para Madruga foi a resistencia numantina -provocada como no caso do castelo Tenorio pola súa fama- dos 7 ou 8 homes bombardeados, asediados, asaltados por terra e por mar e ó cabo traizoados, unha  fazaña obxectivamente moito máis verdadeira que a que se atribúe ó Conde de Camiña.

 

                As lombardas ou bombardas viñan sendo canóns  de boca ancha, de uso frecuente na Europa dos séculos XIV-XV, que tiraban proxectís de pedra, desde a terra ou o mar. Temos outro relato oral no preito Tabera-Fonseca de como Pedro Madruga, na súa guerra particular con Fonseca logo da revolta irmandiña, tomou con bombardas desde unha galera e unha nao a fortaleza de Palmeira  (Santa Uxía de Ribeira) da Igrexa de Santiago, situada xustamente fronte da Lanzada, na outra banda da ría de Arousa[147]. Rematando a continuación da Lanzada co outro obstáculo fortificado que lle impedía dominar as entradas nas rías de Pontevedra e Arousa. Todo gracias o seu dominio do mar é da pólvora para usos militares, que polo de agora non temos documentado por parte da Santa Irmandade, aínda que si por parte de Fonseca que semella usar o mar máis que nada para o transporte de tropas[148]. Todo  sempre desde Pontevedra, porto de pescadores e mareantes preparado para a guerra naval  que se facía naquel entón.

 

                En resume, o que empeza sendo un punto forte relativamente estable (algúns levaron incluso a familia[149]) da irmandade na fronteira extrema das rías dos portos aliados de Pontevedra e Arousa desde a "primeira irmandade que derrocou fortalezas", pasa a ser,  por unha cuestión de honor e de poder (xente popular versus Don Pedro Madruga), unha inédita tradición irmandiña sobre os heroes da Lanzada igual que foi, en 1476, a defensa numantina da fortaleza de Tenorio para a outra tradición nobiliaria galega[150].

 

                A diferencia reside en que memoria de Juan Garçia e os peóns, labradores e pescadores, resistentes ata a morte na Lanzada non prosperou na tradición oral maioritariamente favorable ós irmandiños  porque esta se baseou en victorias máis que en derrotas: co paso dos anos esqueceron o que tivera de negativo a grande revolta de 1467-1469, de xeito inconsciente pero tamén consciente, esporeados polo choque coa tradición oral minoritaria dos populares que se arrimaron os señores nas décadas posteriores.

 

                Tampouco tiveron os irmandiños, nos tempos que seguiron a revolta, un pequeno glosador como Lopo Mariño de Lobeira que glorificase na súa defensa sen sangue de Pontevedra, e menos un cantor - historiador como Juan Rodríguez de Padrón que os inmortalizase na escrita como a Gómez Pazos de Probén e os demais inmolados –aínda que innominados- no castelo Tenorio 6 ou 7 anos despois que A Lanzada, polo mesmo Pedro Madruga coas mesmas mañas de "mal cabaleiro"[151].

 

                Se cadra foi mellor así, e tiñan razón os irmandiños e seus sucesores en basear a tradición irmandiña nos feitos positivos. ¿Que pasaría se o romanticismo de Vicetto lle levara a construír en base á "masacre da Lanzada" o mito dos "últimos irmandiños" ó xeito dun medieval Monte Medulio[152]? Que esqueceriamos o que tivo de triunfo histórico a grande revolta da xente común do Reino de Galicia, tanto subxectiva como obxectivamente. Nin sequera Pedro Madruga, modelo galego de cabaleiro cruel pero home astuto[153], organizou a represión contra os irmandiños nos seus señoríos, nin cando ocupou Pontevedra na guerra contra Fonseca. Polo que sabemos, os dirixentes irmandiños morreron de vellos, en xeneral, cousa que non permitiu o Conde de Camiña coas cabezas dos pequenos liñaxes que lle estorbaban, para o cal aproveitou obviamente as súas victorias militares, como se pode verificar no anti-nobiliario de Aponte: Descendencia de los Pazos de Probén.

 

                Ó mesmo tempo compre, claro está, combater o posible mito da fazaña de Pedro Madruga na Lanzada. Precisamos para iso volver ós informantes máis próximos, por razóns temporais, xeográficas e/ou familiares, ós irmandiños da Lanzada: o labrador Alonso de Sontallo, algo contrario, que vivía o pé da torre; e o pescador de Vilanova a Arousa Juan Goldrino, algo favorable, cuxo sogro fora un dos soldados irmandiños da Lanzada. Os aspectos que aportan discordantes co discurso pro - Madruga de Pedro Brión, afectan a tres temas: o papel de Fonseca no cerco, o alcance da vinganza de Madruga e o derrocamento posterior da torre.

 

                O do Grove, que tiña na súa contra non ser unha testemuña directa, sitúa estrañamente a Tristán de Montenegro,  Pedrares de Aldao e outros  "que bebian con el dicho señor Patriarca", xunto a Pedro Madruga no intre de asaltar á Lanzada irmandiña[154]. Por contra o pescador Goldrino,  xenro do irmandiño que se metera coa súa  muller na Lanzada, dinos que, logo de ver a fortaleza tomada e derrocada por Madruga, andando "el testigo en un barco a pescar cabe de la dicha torre e que otro dia por la mañana el arçobispo de Santiago enbiara gente de Pontevedra en unos trincados[155] para socorrer a los de la dicha fortaleza e que ya hallaran la dicha torre e fortaleza derrocada e desecha como dicho tiene", engadindo que "el dicho Pedro Álvarez fuyera"[156]: algo moi propio dun favorable ós irmandiños. Resultan pois datos contradictorios, Tristán de Montenegro (anos despois tamén caído nas más de Madruga[157]) será o alcaide de Pontevedra posto por Fonseca, en 1470[158], despois de chegar a un acordo cos concellos irmandiños de Santiago e Pontevedra, e Pedrares de Aldao un cabaleiro tránsfuga que estivo, sucesiva e alternativamente coa irmandade, Fonseca, Sueiro Gómez e Pedro Madruga.

 

                A cuestión de fondo, o enfrontamento irmandiños-Madruga na Lanzada, non cambia se tivo lugar no breve tempo en que Fonseca, a mediados de 1469, estando cercando Pontevedra puido hipoteticamente prestoulle ós seus cabaleiros máis valiosos como Tristán de Montenegro e Pedrares de Aldao a Don Pedro para resolver o seu problema de Madruga na Lanzada, que por riba era do mesmo arcebispo non de Soutomaior. O máis probable é que episodio acontecera, ó igual que a citada toma por mar da  Palmeira[159], nun tempo despois de que Fonseca se desconcertara con Madruga polos 50.000 mrs. de marras,  antes incluso da confederación nobiliaria que os cabaleiros constitúen en todo o Reino (3 de novembro de 1470) contra o arcebispo Fonseca, a Marquesa de Astorga (cuñada do irmandiño Pedro Osorio) e as irmandades, coa acusación principal dirixida cotra Fonseca por  ter "comenzado nuevamente levantarlos [os pobos] en hermandad para los destruir e ocupar las casas e fasiendas de los sobredichos caballeros e fidalgos". Entre os confederados anti-irmandiños , e agora anti-Fonseca,  estaban, ademais o Conde de Lemos, Sancho de Ulloa, Juan de Zúñiga, López Sánchez de Moscoso, Diego de Andrade, Sueiro Gómez de Soutomaior, Pedro Madruga e Diego de Lemos (que cambiara de bando)[160].

 

                No tocante á vinganza contra os resistentes da Lanzada, o testemuño ocular de Goldrino,  que tivera ó seu sogro dentro e polo tanto sabía de que falaba, infórmanos soamente que Pedro Madruga os "debaratara" e roubara, sen aludir ós aforcamentos e ás mortes a lanzadas de todos eles[161].  O terceiro testemuño directo do labrador Sontallo que vivía preto da Lanzada bota máis luz sobre a dimensión do desbaratamento: "entraran con los de la dicha hermandad e mataran muchos de ellos e los hecharan de alli e derrocaran la dicha fortaleza"[162]. Quérese dicir que Madruga non matara a todos os defensores, como teimaba o seu admirador do Grove, Pedro Brión, que curiosamente non confirma que, logo de tomada,  a Lanzada fora derrocada polo mesmo Madruga –aparte do dano producido polas bombardas- senón por Fonseca-Patriarca que lle dera o encargo a un escudeiro de Noia, Jorge Pérez, para que "derrocase la dicha torre"[163], da que hoxe queda un resto da famosa vara de casa (torre) de argamasa.

 

                As testemuñas máis directas non confirman,  xa que logo, o que di o bastante contrario, e moi indirecto nos seus testemuño, o grovense Brión, que Fonseca  axudara a Madruga na toma da Lanzada, todo o contrario, tentou salvalos, nin que Madruga matara a tódolos resistentes, pois parte dos 7-8 defensores simplemente se foron de alí, nin que Madruga derrocara a fortaleza, xa que foi recuperada por Fonseca coa xente fonseca-irmandiña de que levou nos trincados e logo derrocada por innecesaria. En fin, así se escrebe a historia, diversamente. 

 

 



* Transcrición, revisada e ampliada polo autor, da conferencia "Os irmandiños de Galicia. A revolta en Pontevedra" dictada en Pontevedra o 27 de agosto de 2004, no ciclo de conferencias Galiza no século XV. Os irmandiños no seu contexto histórico, organizado na Casa das Campás polo Concello de Pontevedra con motivo da conmemoración anual da concesión á vila, en 1467, da Feira Franca por parte de Henrique IV (audio disponible en https://www.h-debate.com/cbarros/spanish/audio.htm). 

[1] No intre de revisar este texto (abril 2006) temos xa datos que indican un certo cambio de situación, no tocante ó tema irmandiño e outros relacionados coa historia de Galicia, como consecuencia da nova Xunta de Galicia saída das eleccións de 2005.

[2] Gústanos dicir que a revolta dos irmandiños é a nosa Revolución Francesa, pese ós  seus diferentes contextos históricos, véxase "Search-for-justice mentality in social revolts (Middle and Modern Ages)", International Conference "Justice/Violence/Hegemony", The Berlin Institute of Critical Theory (INKRIT)-Freien Universität Berlin. Berlín, 1-4 de xuño de 2000 (dispoñible así mesmo en castelán,  https://www.h-debate.com/cbarros/spanish/articulos/historia_medieval/berlin.htm).

[3] Véxase "Cómo construye su objeto la historiografía: los irmandiños de Galicia", Hispania, nº 175, 1990, pp. 841-866.

[4]  "Nada há de mais absurdo do que confundir a língua com a nacionalidade. Mas não o seria menos negar o seu papel na cristalização das consciências nacionais", citado en  "A base material e histórica da nación en Marx e Engels", Dende Galicia: Marx. Homenaxe a Marx no 1º centenario da súa morte, A Coruña, 1985, p. 157.

[5] ídem, p. 151.

[6] ¡Viva El-Rei! Ensaios medievais, Vigo, 1996, pp. 130-133.

[7] ídem, p. 149.

[8] Demos a coñecer catro anos despois esta revolta de mediados do século XV en A mentalidade xusticieira dos irmandiños, Vigo, 1988, pp. 44, 84 (Mentalidad justiciera de los irmandiños, Madrid, 1990, pp. 32, 82).

[9] Poñéremolo en castelán porque así vén nas probanzas do preito arbitral entre os dous arcebispos, cumpría con todo facer a traducción inversa, as testemuñas contestaban polo regular en galego que, asemade, os escribáns pasaban ó castelán.

[10] Ángel RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Las fortalezas de la Mitra composte­lana y los "irmandiños". Pleito Tabera-Fonseca, Pontevedra, 1984, pp. 286, 297, 307, 320, 340, 344, 353,  358, 383, 389, 394.

[11] ídem, pp. 265-266.

[12] O liderado de Pontevedra nesta "primeira irmandade" veuse favorecido pola constante ligazón do seu barrio de pescadores cos portos das rías de Pontevedra, O Salnés e incluso O Morrazo, cuxos pescadores tiñan a obriga de levaren o peixe capturado á Moureira para salgar e vender, Elisa FERREIRA, Galicia en el comercio marítimo medieval, A Coruña, 1988, p. 133.

[13]  Mentalidad justiciera de los irmandiños, p. 82.

[14] Libro do Concello de Pontevedra (1431-1463), Pontevedra, 1989, p. 201.

[15]  O libro do concello non é unha crónica dos acontecementos, que poden ou non verse reflexados nel, se ben silencios ou mencións indirectas poden ser significativos, como no caso que nos ocupa, tamén a ausencia total de referencias á rebelión xeral da Terra de Santiago contra Rodrigo de Luna na documentación 1458-1460.

[16] Un pescador de Pontevedra, Ruy de Fontaiña, que citaremos máis veces e unha das poucas testemuñas que viron esta revolta de 1451 conta, como finalmente se tranquilizaron, sen máis: "siendo este testigo mochacho pequeño hes acordado que vio andar en la villa de Pontevedra e sus comarcas las gentes comunes della rebuelta e dezian que heran contra los caballeros para defenderse dellos resçibian agrabio y ansi andobieran alterados algun tiempo contra ellos y despues se asosegaran", Pleito Tabera-Fonseca, p. 394.

[17] Libro do Concello de Pontevedra (1431-1463),  p. 202.

[18] Véxase a nota 16.

[19] Trátase dunha imposición que forma parte da reacción señorial que segue a toda revolta éxitosa, para nada é o caso do acordo de 1469 entre o arcebispo Fonseca e concellos de Santiago, Pontevedra e outras vilas, de volver á xurisdicción arcebispal  sobre a base de respectar Fonseca os usos e costumes urbanos e de non reedificar os castelos derrubados en toda a Terra de Santiago.

[20]  Libro do Concello de Pontevedra (1431-1463), p. 203.

[21] Véxase a nota 16.

[22] Tardará dez e seis anos en levantarse de novo Pontevedra en armas coas  mesmas características que en 1451, pero aumentando a mobilización militar e o número de fortalezas derrubadas (dez en 1467).

 

[24] Libro do Concello de Pontevedra (1431-1463),  pp. 206-209.

[25] Antonio LÓPEZ FERREIRO, Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela, vol. VII [1904], Santiago, 1983, p. 120 (Apéndice).

[26] ídem, pp. 229-230.

[27] Libro do Concello de Pontevedra (1431-1463), pp. 219-222.

[28] ídem, pp. 225-227.

[29] O xefe dos Osorios e Conde de Trastámara morre o 1 de xuño de 1461 un ano despois que seu adversario Rodrigo de Luna, ambos en estrañas circunstancias, "yerbas venenosas" , no caso de Álvarez Osorio, segundo Antonio LÓPEZ FERREIRO, op. cit., p. 245.

[30] ídem, pp. 244-245

[31] Pleito Tabera-Fonseca, pp. 320, 344, 358; as testemuñas ratifican dúas das  tres fortalezas da Igrexa que viñan na pregunta (op. cit., p. 266), engadindo outras dúas dos Moscoso, pero non confirman o castelo de Melide, polo cal non o consideramos, salvo que aparezan novos datos, en todo caso estaba demasiado lonxe do escenario da revolta dos portos,  foi derrocado con todo en 1467.

[32]  Igual fixera a revolta "irmandiña" en 1431 de Ferrol, Pontedeume e Vilalba que, segundo  Fernán Pérez de Guzmán, mesmo tentou tomar Santiago, Crónica de Juan II, BAE, nº 68, p. 493.

[33] Os derrocamentos de 1451 foron probablemente parciais, os informantes dinos (Pleito Tabera-Fonseca, p. 266) que "çercaron las dichas fortalezas de Oeste y el castillo de Montes… y las de que començaron a derrocar"; a diferencia de cando falan da revolta de 1467, entón porfían en dicir que a irmandade (definitiva) non deixou pedra sobre pedra.

[34] Esta segunda vez foi a irmandade de Santiago, como era lóxico  quen derrocou Oeste e Altamira (Castro de Montes seguía sendo cousa dos portos), axudando a irmandade de Pontevedra-Arousa  ós compostelanos a derrocar a Rocha Blanca de Padrón, podendo así adicarse a botar abaixo as fortalezas de Álvaro de Soutomaior e Sueiro de Soutomaior, seus inimigos cabaleirescos máis directo cara 1467.

[35] Denominación baixomedieval documentada en Pontevedra en 1440, Libro do Concello de Pontevedra (1431-1463), Pontevedra, 1989, p. 150.

[36] Pleito Tabera-Fonseca,  p. 353.

[37]  Hoxe é Santa Olalla (cultismo) de Oza, Teo.

[38] Pleito Tabera-Fonseca, p. 297.

[39] ídem, p. 344.

[40] ídem, p. 307.

[41]  ídem, p. 286.

[42]  ídem, p. 213.

[43] A memoria de 1451 foi revalorizada pola xeración de 1467 por contraste coas irmandades frustradas de 1454-1461, chegando ó limite das tradicións orais en 1526-1527 polo impulso exitoso da grande revolta de 1467-1469, debedora das ensinanzas dos portos do mar das Rías Baixas difundidas, probablemente, no resto de Galicia por medio de Santiago de Compostela.

[44] Mentalidad justiciera de los irmandiños, pp. 82 ss.

[45] Pleito Tabera-Fonseca,  p. 231.

[46] Véxase "As orixes medievais da Xunta de Galicia", O poder na historia de Galicia, VII Semana Galega de Historia, Santiago, Asociación Galega de Historiadores, 1999, pp. 73-83.

[47] Os irmandiños de Pontevedra non deixan pasar,  en 1469, a Pedro Madruga e o seu exército de contrarrevolta cara a Santiago, "y el [camiño] más seguro era por Pontevedra" , Vasco de APONTE, Relación de las casas antiguas del Reino de Galicia, Santiago, 1986, p. 223.

[48] Xosé Manuel SOUTO, "El Camino portugués y el Eje Atlántico", Los Caminos de Santiago y el territorio, Actas del  Congreso Internacional de Geografía, Santiago, 1993, pp. 725-753.

[49] Véxase "La revuelta de los irmandiños. Los gorriones corren tras los halcones", Historia de Galicia, fascículo nº 24, Vigo, 1991, p. 443 (así mesmo en www.cbarros.com).

[50]  ídem, p. 451.

[51] Mentalidad justiciera de los irmandiños, pp. 64-80; ¡Viva El-Rei! Ensaios medievais, pp. 223-233.

[52]  O apoio da Santa Irmandade do Reino de Galicia ó rei Henrique IV foi de retagarda, máis político que directamente militar, socialmente neutralizador dunha nobreza galega que lle era maiormente contraria e que os irmandiños deixaran sen vasalos, nin fortalezas nin exércitos.

[53] ¡Viva El-Rei! Ensaios medievais, pp. 223-233.

[54] Ídem, pp. 267-269.

[55] O que supón coincidencia de emisarios destes concellos maiormente mariñeiros perante El-Rei.

[56]  O privilexio irmandiño de Neda, tan lexítimo e veraz como os restantes, non chegou a funcionar, sendo simbolicamente confirmado en 1746 por Fernando VI, Elisa FERREIRA, Galicia en el comercio marítimo medieval, pp. 82-83.

[57]  Motivo tamén da celebración dunha festa medieval, desde 1998, como a de  Pontevedra.

[58] Probablemente participou na xestión o propio Joan Branco, escribán que coñecía persoalmente a El-Rei, pois dous anos antes representara a Galicia nas Cortes de Salamanca, recuperando momentaneamente o voto en Cortes e demandando en nome de Betanzos a ampliación da irmandade a Galicia,  onde chegou a ser o seu líder máis significado, Revuelta de los irmandiños. Los gorriones corren tras los halcones,  pp. 443, 451, 459.

[59] ídem, p. 443.

[60] Razón de ser da festa medieval cuxa 5ª edición xustifica este texto.

[61] Copia no Museo de Pontevedra, col. Sampedro, caixa 30-B; publ. Enrique FERNÁNDEZ VILLAMIL, Privilegios reales del Museo de Pontevedra, Pontevedra, 1942, pp. 155-158;  dispoñible en https://www.feirafranca.org/.

[62] Libro do Concello de Pontevedra (1431-1463), pp. 222-225.

[63]  Apoio que foi recíproco, vimos máis enriba como Pontevedra deixou abondo de apoiar, entre 1458 e 1461, ós seus irmáns de Santiago, Noia e Muros, rebeldes contra o arcebispo Rodrigo de Luna, porque Hernrique IV sostía a súa causa (perdida): en 1467 chegou a hora do premio.

[64] Coidamos que en febreiro do 67 a irmandade estaría fundada ou a piques de fundarse en Pontevedra, Mentalidad justiciera de los irmandiños, p. 87.

[65] AHDS, leg. 21, fol. 142-143; véxase tamén a nota ¡Error! Marcador no definido..

[66] Foi, polo tanto, un grande acerto historiográfico xuntar feira franca e revolta irmandiña, pola parte do Concello, nesta V edición da festa medieval de Pontevedra.

[67] A historiografía tradicional denominou  "mercedes enriqueñas" as concesións xurisdiccionais á alta nobreza do primeiro rei da Casa Trastámara, Henrique II, logo da súa victoria en 1369 contra Pedro I, quen tivo o sostén da maior parte do reino de  Galicia, empezando polas cidades: un século despois o sentido das mercés de Henrique IV invértese claramente.

[68] Véxase "O día dos irmandiños" no apartado de "Efemérides" de A Voz de Galicia, o 25 de abril de 2006.

[69] O triunfo da Santa Irmandade do Reino de Galicia supón, entre outras cousas, a fundación histórica da Xunta de Galicia, a primeira experiencia de autogoberno galego (daquela, en nome do Rei, naturalmente), véxase As orixes medievais da Xunta de Galicia en www.cbarros.com.

[70]A mentalidade xusticieira dos irmandiños, p. 103; Mentalidad justiciera de los irmandiños, pp. 106-107.

[71] O 15 de maio aínda estaban derrubando castelos no Ribeiro, con persistentes posicións favorables e contrarias entre os membros do concello, ibídem.

[72] Pleito Tabera-Fonseca,  p. 383.

[73] ibídem.

[74] De aí que cando o cóengo "forzosamente" irmandiño escoita o pregón, apresurase ir ó notario porque tocaba ir sen dilacións ó Castelo Ramiro, todo no mesmo día, publ. Xesús FERRO COUSELO, A vida e a fala dos devanceiros, I, Ourense, 1967, p. 375.

[75] Pleito Tabera-Fonseca,  p. 383.

[76] Os armeiros pontevedreses fixeran popular no século XV unha sorte de escudos de medio corpo chamados "de Pontevedra", José ARMAS, Pontevedra en los siglos XII a XV. Configuración y desarrollo de una villa marinera en la Galicia medieval, Pontevedra, 1992, p. 167.

[77] As armas viñan de Valencia, Vizcaya e outros portos, onde se levaban tamén a reparar, sendo especialmente activos como intermediarios os barbeiros de Pontevedra, Elisa FERREIRA, Galicia en el comercio marítimo medieval, pp. 211-212.

[78] Pleito Tabera-Fonseca,  p. 532.

[79] ídem, pp. 526, 527.

[80] Na Coroa de Castela as irmandades  axustizaban cravando frechas de béstas ("ballestas") no corpos do malfeitores, como no martirio de  San Sebastián: os irmandiños asetearon, por exemplo, a un delincuente que colleron roubando unha pescada no mercado de Santiago, dise no preito Tabera-Fonseca.

[81] O outro símbolo son as bandeiras brancas que levaban como mortallas ou sudarios, véxase Mentalidad y revuelta en la Galicia irmandiña: favorables y contrarios, Santiago de Compostela, 1989.

[82] Pleito Tabera-Fonseca,  p. 532.

[83] Relación de las casas antiguas del Reino de Galicia, p. 223; o que podría cadrar cos cinco mil de Fernando de Colón cara 1517-1523, sempre que foran habitantes, contando mulleres e nenos, Javier RUIZ ALMANSA, La población de Galicia, 1500-1945, según los documentos estadísticos y descriptivos de cada época, vol. I,  Madrid, 1948, p. 37.

[84] Relación de las casas antiguas del Reino de Galicia, pp. 238, 243.

[85] Non sempre precisaban tomar as fortalezas ó asalto: moitas rendíanse de seu á Santa Irmandade ou xa estaban nas mans desta desde antes de comezaren as demolicións.

[86] Pleito Tabera-Fonseca,  p. 399.

[87] ídem, p. 395.

[88] íbídem.

[89] Sucederalle logo, daquela maneira –reconquistando pola forza o señorío en mans irmandiñas-,  Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Madruga.

[90] O concello elexía regularmente dous alcaldes por ano, no caso da irmandade deberían nomear cando menos tres por ano, porque temos oito alcaldes irmandiños no noso listado para os anos 1467-1469.

[91] Libro do Concello de Pontevedra (1431-1463),  p. 187.

[92] Un Álvaro Afonso aparece como alcalde do concello, en 1460,  ídem, p. 225; outro Álvaro Afonso é o mariñeiro que aparece de primeiro, en 1459, na lista da nao de O Pancho da Moureira,  Elisa FERREIRA, Fuentes para la exportación gallega de la segunda mitad de siglo XV:  el peatge de mar de Valencia, Santiago, 1984, pp.37, 115.

[93] Libro do Concello de Pontevedra (1431-1463, p. 221.

[94] ídem, p. 176.

[95] Atopamos un Joan Cabaneiro, mareante, en 1433, Minutario notarial de Pontevedra (1433-1435), Santiago, 1992, p. 60; e, com maior probabilidade, un Johan Peres Cabaneiro, embarcado como mariñeiro nunha nao de Pontevedra, en 1494, Fuentes para la exportación gallega de la segunda mitad de siglo XV, pp. 47, 237.

[96] Libro do Concello de Pontevedra (1431-1463,  pp. 214, 216.

[97] Propusemos na conferencia que, nestes celebrados tempos de recuperación da memoria histórica, a vila e concello de Pontevedra debería lembrar nas súas rúas os nomes desta ducia de "grandes homes" irmandiños.

[98] O exemplo contrario é Santiago de Compostela onde os cambiadores xogarán un sinalado papel, dándose ademais unha maior coincidencia entre os dirixentes do concello e os dirixentes da irmandade.

[99] En todo caso, fáltanos por localizar profesionalmente os números 2 e 3 do listado.

[100] Tal vez explicable pola actitude remisa do concello despois da irmandade de 1451.

[101] Existe a posibilidade (véxase a nota 92) de que o alcalde irmandiño Álvaro Afonso Jacob sexa, ou fora, ó mesmo tempo, alcalde do concello.

[102] Salientemos o caso do Gómez Barbeiro, vinte e tres anos atrás un "simple" criado e agora alcalde da Santa Irmandade; probablemente deixara xa de servir a outro barbeiro; de seguro que a súa presencia na dirección irmandiña contribuíu, de haber necesidade, á provisión de armas (véxase a nota 77).

[103] Unha situación distinta é a de Ourense: por un lado está o procurador do común, Nuno Dousende, escudeiro e alcalde maior da Santa Irmandade na cidade e a provincia (diocese), que leva a iniciativa co apoio da "sociedade civil"; polo outro, os tamén dirixentes  irmandiños, Gonçalvo Rodrigues d’Olveda, mercador, e Pedro Lopes da Barreira, escudeiro, que actúan ó principio e ó final da revolta como contrapunto conservador, Mentalidad justiciera de los irmandiños, pp. 51, 226-229, 262-263.

[104] Seguido do pescador Pedro García de Cangas, do barbeiro Gómez é de Afonso Mouriño; o feito de que o mareante Pancho e o pescador Pedro, sexan alcaldes e tamén deputados (igual que Mouriño), confirma que tiñan a confianza popular, e doutra banda o peso da xente do mar na revolta de Pontevedra.

[105] Propietario como xa anotamos (véxase a nota 92) dunha nao que consta levando peixe a Valencia en 1459.

[106] Pleito Tabera-Fonseca, p. 530.

[107] Mentalidad justiciera de los irmandiños, pp. 232-233.

[108] Véxase a nota 12.

[109] Conservase a casa familiar dos Mariño de Lobeira no nº 6 da rúa César Boente, Inventario Pazos y Torres. 7.  Pontevedra y Tierra de Montes, Vigo, 1985, p. 359.

[110] Ó revés que nos nobiliarios, a tradición oral favorable deixa nun evidente segundo plano a participación de cabaleiros e fidalgos na revolta irmandiña, sendo así que o notario Joan Branco de Betanzos, alcalde, deputado e capitán xeral da irmandade, resulta o máis citado espontaneamente nas probanzas, por riba dos afamados capitáns cabaleirescos Alonso de Lanzós,  Diego de Lemos e Pedro Osorio,  "La revuelta de los irmandiños. Los gorriones corren tras los halcones", Historia de Galicia, fascículo nº 24, p. 459.

[111] Soamente unha testemuña, o notario pontevedrés Afonso Fruitoso, cita a Mariño de Lobeira, entre os dirigentes irmandiños, Pleito Tabera-Fonseca, p. 404.

[112] MP Colección Sampedro, Caixa 11, Carta Executoria Mariño de Lobera, fol. 1-2, 10-11.

[113] A súa irmá Sancha Mariño de Lobeira fica como herdeira universal da súa nai Elvira de Valadares, ídem, fol. 1-2.

[114] Puxemos como exemplo de cabaleiro agraviado a Alonso de Lanzós en Mentalidad justiciera de los irmandiños, pp. 229-236.

[115] O irmán do noso capitán irmandiño, Pedro Álvarez de Valadares, foi asasinado polo señor de Sobroso, Diego Sarmiento, quen a súa vez foi degolado por Pedro Madruga, Relación de las casas antiguas del Reino de Galicia, p. 221; véxase a nota 112.

[116] MP Col. Sanpedro, Caixa 81-1.

[117] Relación de las casas antiguas del Reino de Galicia, p. 223.

[118] "La revuelta de los irmandiños. Los gorriones corren tras los halcones", p. 454.

[119]  Véxase así mesmo a nota 148.

[120] Relación de las casas antiguas del Reino de Galicia, p. 223.

[121] Aponte e Gándara cadran na súa mentalidade social de clase pero discrepan sobre a valoración da nobreza da época, verémolo axiña.

[122] Enfrontamentos á campo aberto, ou arredor dos castros (Framela, Gondían), que cómpre recoñecer non chegarían a nós, e nada saberíamos deles, se non fora por las fontes nobiliarias contrarias.

[123]  Véxase a nota 130.

[124] Esta nostalxia pola nobreza feudal perdida, asumindo paradoxalmente os seus aspectos máis salvaxes encarnados en Pedro Madruga, non é maioritaria na tradición nobiliaria galega (véxanse as notas seguintes) e aínda menos na castelá, que non perdoará a Pedro Álvarez de Soutomaior ter defendido a Afonso V e a Beltranexa contra os Reis Católicos na guerra 1474-1979 pola sucesión de Henrique IV na Coroa de Castela, Felipe de la GÁNDARA, Armas y  triunfos. Hechos heróicos de los hijos de Galicia, Madrid, 1662, pp. 389 ss.

[125] Relación de las casas antiguas del Reino de Galicia, p. 106.

[126] ídem, p. 223.

[127] Ó contrario da pequena e media nobreza que fai bandeira ó longo do século XV dos valores cabaleirescos sustentando a Santa Irmandade e/ou enfrontándose á brutalidade e avaricia de poder da nobreza tardofeudal tipo Pedro Madruga, "Cómo vive el modelo caballeresco la hidalguía gallega bajomedieval: los Pazos de Probén", Galicia en la Edad Media, Madrid, 1990, pp. 231-246.

[128] MP, Colección Sampedro, Caixa 7; o propio Sampedro deixou una nota sobre Lopo: "Capitán de las fuerzas de Pontevedra contra Pedro Álvarez de Soutomaior, 1469", inspirada no texto citado que forma parte dunhas "Annotaçoes á memoria genealógica" dos Mariño de Lobeira de autoría portuguesa.

[129] Con seguridade xuntouse aquí a tradición familiar dos Mariño de Lobeira, activa no século XVI (nun contexto favorable como veremos na próxima nota), coa necesidade do glosador do seu nobiliario de responder as acusacións contra Lopo Pérez vertidas no  Recuento de las casas antiguas del Reino de Galicia, escrito cara 1530, que o glosador non cita pero semella coñecer.

[130] A memoria pro-irmandiña dos Mariño de Lobeira cadra con outras memorias familiares das casas solariegas –sinaladamente a Descendencia de los Paços de Probén (1587) de Juan de Ocampo-  que seguiron, na década dos anos 70, a un arcebispo Fonseca reconciliado cos irmandiños, e partidario dos Reis Católicos, contra o bando portugués de Pedro Madruga, quen eliminou sistematicamente á pequena nobreza no Sur de Galicia (case dúas ducias de liñaxes decapitados nomea Gándara) presumindo logo da súa "fazaña", pois cando lle preguntaron "para que hazia tantos males, i borraba la memoria de tan Ilustres Solares", respondeu co neso de que "en aquella tierra vastaba que quedasse la Casa de Soutomaior, i que no auiaa de quedar otro Señorio",  Armas y  triunfos. Hechos heróicos de los hijos de Galicia, pp- 389-390.

[131] Relación de las casas antiguas del Reino de Galicia, p. 224.

[132] ídem, p. 226

[133] Pleito Tabera-Fonseca, p. 397.

[134]  íbidem.

[135]  Véxase a nota 65.

[136] Un pescador de Vilanova de Arousa declara: "podra haber sesenta años poco mas o menos que yendo el testigo con su padre a Sancta Maria de Lançada la bido [a torre] pasando por cabe della … no bebia nadie en ella",  Pleito Tabera-Fonseca, p. 217.

[137] ídem, p. 211.

[138] ídem, p. 220.

[139] Os pescadores e labradores da bisbarra de Pontevedra estaban dalgunha forma vinculados a Santa Irmandade da cidade -o mesmo que en Santiago de Compostela e outras vilas- polo que participan con eles nos asaltos ós castelos, defenden cos cidadáns Pontevedra fronte a Madruga ante ou encárganse de facer un baluarte na Lanzada en contacto con Pontevedra.

[140] Pedro Brión do Grove, distingue na mesma declaración que cando entraron os irmandiños para  fortificar A Lanzada eran 20 ou 30 pero logo, cando os ataca Madruga,  estaban dentro gardándoa soamente 7 ou 8,  Pleito Tabera-Fonseca,  p. 211.

[141] "Cómo vive el modelo caballeresco la hidalguía gallega bajomedieval: los Pazos de Probén", p. 242.

[142] ídem, p. 206.

[143] ídem, p. 217.

[144] ídem, p. 211.

[145] O máis seguro é que foran tamén dous os finalmente mortos da irmandade no primeiro combate: o número é importante para entender a aplicación cabaleiresca do "ollo por ollo".

[146] Pleito Tabera-Fonseca, p. 201

[147] ídem, p. 221.

[148] Veremos logo que Fonseca  enviará desde Pontevedra uns barcos trincados a socorrer ós da Lanzada e, máis adiante, 400 ou 500 homes nunha galera e uns trincados dirixidos por Tristán de Montenegro para recuperaren o castelo do Penço en Vigo ocupado por Madruga, ídem, pp. 514-515.

[149] Juan Goldrino, pescador de Vilanova de Arousa, testemuña favorable, di que entre os 6 ou 7 da Lanzada estaba "un suegro deste testigo y su mujer", engadindo algo que tal vez non diría un seguidor popular de Madruga, pois declara que cando os desbaratou "robara a algunos", ídem, p. 206.

[150] Véxase o que di o Conde de Lemos en "Cómo vive el modelo caballeresco la hidalguía gallega bajomedieval: los Pazos de Probén", p. 239.

[151] ídem, pp. 234-241.

[152] A idea da revolta irmandiña como unha "grande desfeita" que pasou de Aponte á historiografía galeguista a través de Vicetto, veríase reforzada co mito dun Medulio irmandiño, felizmente non puido ser xa que a tradición oral, popular e contraria que transmitiu o episodio da Lanzada estaba felizmente lonxe da tradición escrita, nobiliaria e contraria que se reflexa o Recuento de Vasco de Aponte.

[153] Salvo nos combates, naturalmente, pois Pedro Madruga tiña por hábito castigar coa morte ós que collía prisioneiros, incluso esaxerando os mortos e feridos causados, formaba parte do seu "prestixio", sobre todo cando lle producían baixas entre os seus ou lle interesaba desfacerse dun competidor.

[154] Pleito Tabera-Fonseca,  p. 211

[155].O trincado era una barco grande de pesca típico das rías, tirado por remos, con dúas proas e por veces una vela, preparado para levar grades redes... ou xente armada, Galicia en el comercio marítimo medieval , pp. 266-268; véxase  a nota 148.

[156]Pleito Tabera-Fonseca, p. 206

[157] Tristán de Montenegro morre intentando tomar á fronte do exército de Fonseca as Torres de Pontevedra ocupadas, cara 1474-1479, polo Conde de Camiña, ídem, pp. 387, 397, 411, 569.

[158] Pontevedra en los siglos XII a XV, p. 297; Tristán xa fora alcalde das Torres de Pontevedra, en nome de Fonseca, entre a primeira e segunda irmandade,  véxase Libro do Concello de Pontevedra (1431-1463), Pontevedra, 1989.

[159] As preguntas e as respostas sobre A Lanzada e a Palmeira van sempre xuntas no preito Tabera-Fonseca, coa diferencia de que no primeiro caso a irmandade leva a iniciativa, sendo os feitos probablemente tamén anteriores; tal vez non estaba logo tan confundido Juan Martínez el Viejo, un vasalo cambadés de Fonseca (80 anos, bastante favorable, no proporciona  datos moi precisos de mentalidade) cando di  que en "tienpo de guerras", distinto do tempo da irmandade, "se acogiera en la Lanzada unos diez o doze onbres de la tierra", e tamén en Palmeira , onde a xente da terra foran cercados e matados por cabaleiros,    Pleito Tabera-Fonseca, p. 533.

[160] "La revuelta de los irmandiños. Los gorriones corren tras los halcones", p. 455.

[161] Pleito Tabera-Fonseca, p. 206; véxase a nota 149.

[162] ídem, p. 201

[163] ídem, p. 211

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Ver Política de cookies
Privacidad