Publicado en

O cerre da fronteira medieval entre Galicia e Portugal*

 

Carlos Barros

Universidade de Santiago de Compostela

        Que o norte de Portugal e Galicia teñan unha historia común ata o século XII, non é algo que se poida esquecer ó estudiarmos as rela-cións posteriores entre as dúas bandas do río Miño. Dentro das «diver-sas alternativas no processo de formçôes nacionais da Península», estaba, no século XII, a «consolidaçâo de um reino de Galiza que englobasse também Portugal», se ben dos acontecementos somente resultou a independencia política da Galicia bracarense[1]. Atrás  quedaban séculos de interrelación e de convivencia social desde o río Douro ata o mar Cantábrico, que acadaron a súa máxima expresión na conformación da lingua galego-portuguesa, feito demostrativo de como debaixo do marco político do reino altomedieval de Galicia, existía unha realidade social homoxénea; o rompemento político que encomeza en 1128 de primeiras non afecta, na mesma medida, ó tecido social e cultural que vencellaba as dúas partes da gran Galicia.

De aí que a fronteira Galicia/Portugal teña algunhas carácteristicas distintas da fronteira Castella-Léon/Portugal. No enfrontamento que dá orixe a Portugal e despois na loita pola hexemonía penínsular, o protagonismo da tensión sitúase entre as monarquías de Castela-Léon e Portugal; ó reino de Galicia atínxelle a conflictividade política e armada con Portugal de xeito indirecto, como parte integrante da Coroa de Castela. E dicir, o pasado nacional común e mailo carácter periférico de Galicia[2] e do norte de Portugal[3], verbo dos respectivos centros do poder político, fan particularmente permeable a fronteira medieval galaico-miñota. De feito, en tódalas guerras que implicaron a Portugal e Castela nos séculos XIV e XV (que van se-lo marco temporal deste traballo), desenvólvese un poderoso bando portugués nas terras de Galicia: 1366-1371, en favor de Pedro I e de Fernando de Castro; 1386-1387, en favor do Duque de Lancaster; 1475-1476, en favor de D.ª Juana e De Pedro Alvarez de Soutomaior. A Pervivencia dunha Galicia nobiliar e urbana pro-Portugal é indicativo,  segundo o noso entender, dunha especial fluidez das relacións sociais, ó longo da Idade Media, entre Galicia e Portugal. En conclusión: a continuidade dos vínculos galego-portugueses vese favorecida pola inestabilidade e febleza das monarquías peninsulares, logo da secesión do século XII.

 

  1. Fronteira política entre dous reis

 

Afonso Henriques ocupa militarmente o sur de Galicia varias veces entre 1130 e 1169, pero neste último ano, feito prisioneiro por Fernando II de Léon e Badajoz, cede definitivamente Tui, as terras de Toroño e da Limia, á Coroa de Léon e Castela[4]. Houbo nobres galegos que colaboraron abertamente co primeiro rei de Portugal , como os condes de Toroño e da Limia en 1137[5]. Fernando II desposeeu ó pro-portugués bispo de Tui cando reconquistou a cidade en 1169[6]. Teñamos en conta que as terras meridionais de Galicia, reivindicadas por Afonso Henriques como herdanza da súa nai D.ª Teresa[7], estiveran integradas durante séculos xunto co condado portucalense, cando o río Miño non era fronteira, no convento xurídico bracarense[8], o cal facilitou sen dúbida unhas relacións que viñan a ser máis distantes e difíciles co norte de Galicia, o antigo convento lucense. En realidade, a nobreza portuguesa que rodea a Afonso Henriques rompe con rei de León e máis cos grandes señores da Galicia lucense: o conde Fernando Pérez de Traba[9] e, sinaladamente, o arcebispo de Santiago, Diego Xelmírez[10]. Quérese dicir que a liña de demarcación galego-portuguesa fixada en 1169, despois de 40 anos de pugnas, é unha consecuencia dos feitos militares que enfrontaron ós grandes señores galegos entre si, segundo foran da parcialidade do rei de Castela ou do rei de Portugal, primeiros protagonistas dos ditos combates pola soberanía. Non parece que a xente común participara de seu nesas loitas fronteirizas[11].

Ata 1169, a inestabilidade e o cambio de dominio, fan das dúas marxes do Miño unha marca, unha rexión de fronteira máis que unha liña definida e estable. Despois de 1169 temos, no fundamental, o que vai se-lo límite xurídico-político entre Galicia e Portugal ata hoxe en día; separa a provincia de Pontevedra de Minho, e a de Ourense de Minho de Trás-os-Montes. Se ben as fronteiras dos países son froito da historia non da natureza[12], as fronteiras naturais coadxuvan grandemente a precisa-los límites políticos, tal é o caso do río Miño, responsable da nítidez da liña divisoria Pontevedra / Minho, mentres que a zona do alto Limia e de Trás-os-Montes préstase a unha maior   vaguedade [13]. Como fronteira estratéxica o río Miño era decisivo: os grandes centros do condado portucalense no século XII -Braga, Guimarâes, Porto- ficaban Entre Douro e Minho[14], compréndese a teímosia do primeiro rei de Portugal en controla-la cidade de Tui e subi-la fronteira alén do Miño, cando menos.

A fronteira galego-portuguesa de finais do século XII tiña como obxecto delimita-las soberanías dos dous reis no noroeste peninsular. Coidamos que a poboación de ámbalas marxes do río Miño, unha vez estabilizada a fronteira política, poucas dúbidas podía ter respecto da xurisdicción real que lles correspondia[15]. Na Francia e na Italia do século XII os habitantes coñecian tamén as fronteiras públicas coa mesma claridade cas fronteiras diocesanas[16]; outra cousa ben diferente é a importancia práctica que daquella lle podían dar ó feito do afastamento xurisdiccional entre dous reis. De entrada somos sabedores de que a fronteira política recén estrenada non afecta ás fronteiras eclesíasticas[17], as cales durante máis de 200 anos non teñen para nada en conta a liña de demarcación estatal.

O que se afecta a formación dunha fronteira política é ó sistema de fortalezas. Mentres a liña divisoria permanece insegura, indecisa, a liña que une os lugares fortificados segue un trazado irregular, que semella ás veces uns dentes de serra. A estabilización do límite entre os poderes monárquicos, o paso dunha franxa a unha liña de demarcación, conduce a unha liña defensiva continua que dobra a fronteira política[18]. Con todo, nas beiras do río Miño, a fortificación medieval non acada as mesmas proporcións que no século XVII[19], nin se dan claramente as características de despoboación e adicación militar dos lugares de fronteira, que obrigaran ós agresores a ter que adentrarse no territorio contrario na procura dunha acción militar decisiva, como acontecia na fronteira Portugal/Léon-Castela[20].       A fronteira entre monarquías medievais incide pouco no tecido social; a súa debilidade garda relación coa febleza do poder real naquel entón. Así se explica que os señores actúen ás veces coma si fosen súbditos de dous reis: igrexas e mosteiros galegos mantiñan relación e recibían donacións indistintamente do rei de Castela e do rei de Portugal[21], e o propio vínculo vasalático contempla a posibilidade de cambiar de señor, mesmo se é o rei[22]; prácticas que se daban maiormente nos señoríos que estaban perto da fronteira. Doutra banda os reis cultivaban unha política de atracción cara ós cabaleiros co obxectivo de organizar un bando propio no lado contrario: nas querras dos séculos XIV e XV funcionaron bandos portugueses nos reinos de Castela e León e bandos casteláns no reino de Portugal. Entremen-tres a fronteira non se moderniza plenamente, sobrevive a idea feudal de negocia-la fidelidade ó rei que mellor favorecese, mesmo nas comunidades populares de fronteira[23]. En 1462 o rei de Portugal, Afonso V, visita ó Miño, concedendo cartas de privilexios ás localidades fronteirizas galegas que se presentaron perante el para solicitalas[24].

O carácter superestructural da fronteira medieval, certa provi-sionalidade consustancial que por forza tiña que influir nas mentalidades colectivas, resultan reforzados se consideramos que ós límites entre Castela e Portugal son, no século XIV e XV, estables pero reversibles[25].

A batalla pola hexemonía peninsular, encomezada en 1356 e renovada en 1474, a quebra en Aljubarrota (1385) do hexemonismo castelán e do hexemonismo portugués en Toro (1476)[26], de maneira que as cousas quedaron como estaban, axudou a manter, a finais da Idade Media, a medievalidade da fronteira galaico-miñota, é dicir, a mobilidade social e cultural entrámbalas partes da antiga Galicia altomedieval.

 

  1. Fronteira medieval, fronteira aberta

 

«Vivan los dos reyes, moitos anos», dicían con altas voces as testemuñas de vista presentes cando os de Meaus, na raia de Portugal en Ourense, querían construir unha casa en terreo misto e repartían: «de aquí para allí (y va caminando), por el Rey de Castela; de esta parte a esta, por el Rey de Portugal»[27]. Este couto misto, baseado en privilexios dos dous reis que permitían -a pesar da existencia da aduana- comprar e vender nas feiras de ambos reino sen pagar impostos,  unha reminiscencia medieval: unha pervivencia de longa duración na conducta e na memoria colectiva dos hábitos fronteirizos propios da Idade Media. En 1864, os gobernos de España e Portugal -a iniciativa de Isabel II- deron cabo desa situación de privilexio delimitando de novo a fronteira, non deberon logralo totalmente xa que tiveron que volver sobre o asunto en 1866 e 1896[28]. O problema non era tanto político, de trazar ben a raia afastadora, como de mentalidades colectivas.

Unha cousa é a fronteira política e outra ben distinta a fronteira mental. Dito de outra forma: a fronteira política medieval non é, socialmente, unha fronteira mental tal como a entendemos hoxe. Vexamos outro exemplo. Tocante ó exercicio da xusticia, o concello de Ourense[29] quer obrigar, en 1434, a uns veciños de San Martiño de Presqueira (Baños de Molgas) a devolver-lo trigo que roubaran en Ponte Ambía a uns portugueses de Vinhais[30]; en 1441, saen denovadamente os de concello na defensa dos veciños de Portugal que foran agraviados polos señores ourensáns, Pedro Díaz de Cadórniga e Martín Sánchez, opoñéndose a que os cidadáns mercasen o gando roubado na acción de represalia no país veciño[31].

Por tanto, para a cidade das Burgas os de Portugal tiñan os mesmos dereitos que os naturais de Galicia, con independencia de que os delitos se cometeran dun ou doutro lado da fronteira, coma se esta non estivera aí. Sen embargo, a existencia de legalidades separadas, podía se algo ignoto para os letrados e dirixentes de Ourense? A fronteira legal, xurídica, vén se-la consecuencia directa da fronteira política entre as xurisdiccións dos reis, que na Baixa Idade Media pasan a crea-la lei, tentando o dereito estatal impoñerse ó dereito consuetudinario; isto trae consigo, no caso de nos ocupa, a esixencia dunha política de extradiccións entre os Estados, de xeito que cada un, coa colaboración do outro, poida castiga-los delitos perpetrados no seu ámbito; ou sexa, trátase de facer valer, ó mesmo tempo, a fronteira mental e xurídica e o predominio da xusticia pública. En 1499, os Reis Católicos confirman mediante provisión o acordo con Portugal, para a mutua extradicción de malfeitores, que negociara o alcalde maior de Audiencia de Galicia[32]. No século XV coñecíase ben a existencia da fronteira legal porque quen o precisaba aproveitábase delo arreo: estaba xeneralizada a costume de traspasa-la fronteira Galicia/Portugal para fuxir das responsabilidades penais. Unha proba máis do pouco valor que na Idade Media a xente lle daba ás fronteiras, se cadra porque había moitas.

José Marques investigou as relacións galaico-miñotas a finais da Idade Media[33], concluíndo que na «vida real das populaçôes» as relacións eran intensas e cordiais. A xente vivía coma se non houbera fronteira. Adoitaban os galegos facer casamentos en Portugal[34], bota-la pace-lo gando en Portugal[35], ordenar sacerdotes en Portugal[36]; e viceversa. Pero o gran problema dos reis eran as relacións comerciais, precisaban transforma-la fronteira política medieval nunha fronteira económica moderna. En 1455, Afonso V diríxese ó marqués de Valença e ó conde de Ourém para que puxeran gardas ficais que impediran a entrada en Portugal de mercancías prohibidas -gando, cabalos, armas, moedas-; en 1462, Afonso V concede cartas de vecindade ás vilas galegas fronteirizas – A guarda, Tui, …- para que poidan comprar e vender nas feiras de Camiña, Valença, …, sen pagar tributos, como se fosen portugueses, contradecindo a política real de cerra-la fronteira por necesidades fiscais e económicas[37]. Sen dúbida algunha é a maior ou menor efectividade da aduana económica a medida da implantación dunha fronteira nun sentido moderno, actual.

A pesar de Aljubarrota, e das feridas da guerra de sucesión (1474-1476), en 1485 o concello de Valença chega a un acordo con Tui e seu bispo, «compre a aboa vezinages de uns e dos outros», sobre a cuestión das barcas de pasaxe, de maneira que o «estrageyro», viña se-lo que non era veciño nin de Valença nin de Tui[38].

Saussure dicía que «personas que no se comprenden es que hablan lenguas distintas»[39]; pois ben, no século XV, os galegos e os portugueses do norte falavan, e mesmo escribían, prácticamente a mesma lingua[40]. Nun preito de principios do século XVI, argumentábase que o testamento de Maior de Soutomaior era falso porque estaba parcialmente escrito en castelán «y la dicha Doña Maior no sabia hablar castellano sino gallego cerrado por ser vezina e natural deste reyno de galicia y el escrivano de quien sonava estar signado ansi mismo era gallego y no savia hablar castellano»; máis adiante lemos que a tal D.ª Maior «vivia en el reino de Portugal»[41].

Tamén na fronteira Castela/Portugal, máis militar e menos comer-cial, sen o pasado nacional común que vencella as marxes do río Miño, podemos dicir que a fronteira medieval é unha fronteira flexible[42]. Fóra dos períodos de guerra, mesmo os lugares da fronteira peninsular co islam eran a cotío centros de convivencia entre mouros e cristia-nos[43], pese a tratarse da fronteira de dúas formacións económico-sociais[44]. Por último, a fronteira propiamente feudal, que ten como función separa-los señoríos entre si, a miúdo lineal, tamén se caracteriza pola súa permeabilidade[45].

Realmente, hai datos abondo para que algúns autores se teñan preguntado se existe en verdade a fronteira na Idade Media[46]. Dende logo a resposta é non se o que temos na cabeza é o concepto moderno de fronteira. Tampouco está a solución da contradicción, concepto actual/realidade medieval en aplica-la noción de hoxe apostilando que nas fronteiras medievais non hai liñas de demarcación precisas, porque haber hainas. Se por veces a fronteira semella espacialmente confusa, vaga, imprecisa, é, en todo caso, porque a fronteira medieval é bási-camente unha fronteira aberta, vista e sentida no imaxinario colectivo -nunca mellor dito; por definición trátase de unha liña inventada, que cómpre imaxinar– coma un dintel dunha porta aberta, mentres que imaxi-namos a fronteira moderna coma unha porta fechada á que debemos chamar se queremos entrar.

A especificidade da fronteira medieval, límite espacial que corta ben poucas cousas no corpo social, deriva da especificidade da distribución de poderes na sociedade feudal. Os señoríos -e as cidades- porfiaban de tal xeito coa realeza polo control do espacio social, que as  fronteiras e aduanas que xeneraban tiñan tanta ou máis importancia que as estatais, sobre todo no que toca á vida económica, ós vínculos de vasalaxe, ó sistema de fortalezas; a potencia e agresi-vidade dos poderes señoriais e os seus dereitos de paso na Galicia baixomedieval garda relación directa coa debilidade do poder monárquico e das súas fronteiras. A multiplicidade e forza das fronteiras interiores debilitaba as exteriores, que no eido mercantil favorecían -como vimos- o libre tránsito en maior grado que o adoito dentro de cada reino, cuestión esta particularmente certa en toda a fronteira Coroa de Castela/Coroa de Portugal, caracterizada por unha grande liberalidade aduaneira; de feito os ingresos fiscais de rei en Galicia viñan principalmente dos gravámenes sobre o tráfico de mercancías no interior e nos portos de mar, logo, na práctica, eran os señores quenes usurpaban estas contíosas rentas reais[47].

Como na raia de Portugal non habia moito imposto real que usurpar, nin dereitos abusivos de portádego que os señores das forta-lezas poideran impoñer: para os galegos era unha fronteira máis libre para o tránsito cós interiores límites de cada señorío, de cada fortaleza[48]. Cinco anos antes da revolución irmandiña, Afonso V soupo capta-lo grande avaliamento en que os galegos fronteirizos tiñan a liberdade de paso a Portugal, ata o punto de prexudica-los propios intereses comerciais xerais[49] legalizando o contrabando; dando cartas colectivas de vecindade[50] ás poboacións da antiga Galicia bracarense, o rei de Portugal deixaba en efecto a fronteira, amosando ó cabo a súa votade reintegracionista respecto ás comarcas ó norte do Miño.

 

  1. Proceso de cerramento e enemistades colectivas

 

No século XV a idea de reino de Galicia, ou de Portugal, equivale á idea de señorío de Galicia, ou de Portugal[51]: as entidades nacionais e/ou estatais imaxínanse coma grandes señoríos. Febvre escribiu que para tal tipo de estado tal tipo de fronteira, e como na Idade Media o estado distinguíase mal das outras formas de sociedade, tampouco as fronteiras estatais tiñan moita máis importancia cos límites entre as soberanías particulares[52]. Superpoñíanse sen coincidi-las fronteiras señoriais, eclesiásticas e políticas; as fronteiras do rei non eran as que máis incidían na vida cotidiá da poboación. A transición á modernidade vai significa-la emerxencia do estado e o cerre, en diverso grado e de diversa forma, das fronteiras medievais. Da concepción medieval das fronteiras coma un sistema de pontes baixo as cales vemos correr un continuum social e cultural, pasamos a un proceso de concentración da soberanía e de homoxenización do espacio que entraña: o fin das aduanas señoriais interiores[53], a nacionalización das xurisdiccións e señoríos eclesiásticos e o control comercial, fiscal, xudicial, cultural, …, das fronteiras entre os Estados. J.L. Martín Martín estudiou o paso dunha fronteira flexible entre Portugal e Castela a unha fronteira ríxida, sobre todo despois dos feitos de 1383-1385[54].

A finais da Idade Media, na fronteira galego-portuguesa se manteñen relacións intensas de boa vecindade, pero acontece que tamén se ergue unha fronteira moral[55] que co tempo haberá de callar, estragándose en boa medida as relacións tradicionais, deica hoxe[56].

No contexto das guerras pola hexemonía penínsular entre Castela e Portugal, na segunda metade do século XIV e en 1474-1476, costitúen-se no reino de Galicia, segundo a conxuntura, sendos bandos: un pro-Portugal e o outro pro-Castela, que ó cabo triunfou. Síntoma do grado acadado de polarización mental, mesmo nos medios populares, son os alcumes e aldraxes que principían a dirixirse galegos e portugueses, reflexando sentimentos colectivos de hostilidade que, en última instancia, son débedores de vastos procesos de recomposición estatal e social.

Despois de 1385, Joâo I animou ós conegos rebeldes, partidarios do Papa de Roma igual que Portugal, ó bispo de Tui que era, o mesmo que Castela, da obediencia do Papa de Avignon. O problema que estaba debaixo era o da pertenencia das propiedades do bispado de Tui en Portugal, entre o Miño e o Limia, que ó cabo remataron por quedar en Portugal, no marco da nova política de nacionalización das xurisdicción eclesiásticas. Os de Tui chamaban chamorros ós de Valença, -Tui aliñado con Roma e con Portugal. Aínda, en 1424, o cabido de Tui require ó concello para que non deixen entrar na vila ós rebeldes de Valença, debendo prende-los excomulgados, «asi clerigo como leygo»[57]. Máis arriba comprobamos que 60 anos despois as relacións Valença-Tui tiñan recobrada a súa cordialidade. Pero o alcume ficou[58].

        Chamorro quería dicir te-lo pelo corto e a barba rapada, moda propagada en Portugal a partir do rei Fernando (1367-1383), e que valeu para que os casteláns llo puseran de mal nome ós portugueses, «ressentidos de batalha de Aljubarrota, donde os poucos que puderam fugir, levaram eternos motivos de chorar»[59]. Fernâo Lopes pon en boca do derrotado Juan I de Castela: «Fuyo de chamorros …», o que era unha grande «deshomrra»[60]. A verdade é que a voz podía ter unhas connotacións ben pexorativas: «corto de haberes, pobre, vil»[61]. A relación entre andar co pelo corto e o seu sentido aldraxante é máis que probable que estea na identificación simbólica da falla de cabelo coa servidume e a minusvalía[62]. Xa temos a fronteira moral erguida.

Do tempo de Aljubarrota ó tempo de Toro. Durante a guerra de sucesión, casemente un século despois, os galegos e os portugueses desenvolveran tanto xeito en deshonrarse mutuamente que ditas habili-dades pronto tiveron unha boa aplicación militar. Os homes do arcebispo Fonseca e do conde de Monterrei provocaron ós portugueses de Pedro Alvarez de Soutomaior: «sebosos, cabrones, que no eran buenos para nada sino para comer bofes de vaca»; ós portugueses «arremetieron a los enemigos diciendo: `Esperad, ladrones gallegos, páparos, torrezneyros’»; e o de Soutomaior non puido evitar que ós seus homes caíran na celada que os do bando dos Reis Católicos lles tiñan preparada; quedaron mortos ou presos 150 portugueses, defensores da causa de Alfonso V, partidario da reintegración de Galicia en Portugal.

Temos moi serias dúbidas de que o cerre das fronteiras medievais fora real, definitivo, sen o aportamento das enemistades nacionais propias da modernidad. Ningunha medida fiscal ou burocrática lograría quizais mellores resultados, ca difusión de mentalidades refactarias, tocante a afasta-la xente da secular convivencia e do trato inter-nacional; de aí o interese de investiga-las mentalidades de fronteira.

Dixemos que a cada tipo de sociedade e de Estado corresponde, en liñas xerais, un tipo de fronteira; valería dicir así mesmo que a cada tipo de fronteira corresponde un tipo de autoconciencia nacional. Por conseguinte, o fenómeno do feche da fronteira medieval, i non vai parello coa tendencia a expresa-lo coñecemento colectivo da propia identidade de forma negativa, contra as comunidades veciñas?

 

* Publicado en “O cerre da fronteira medieval entre Galicia e  Portugal”, Sociedade, cultura e mentalidades na época do “Cancioneiro Geral” (Actas do Congresso Internacional “Bartolomeu Dias e a sua época”, Porto, setiembre de 1988), volume IV, Porto, 1989, pp. 461-473; “La frontera medieval entre Galicia y Portugal”, Medievalismo, Madrid, nº 4, 1994, pp. 27-39; “Portugal, fronteira aberta”, ¡Viva El-Rei! Ensaios medievais, Vigo, 1996, pp. 117-133; www.cbarros.com.

     [1] José MATTOSO, O essencial sobre a formaçâo da nacionalidade, Lisboa, Imprensa Nacional-Casa da Moeda, 1985, pp. 39-40.

     [2] Conforme nos achegamos ós tempos modernos, fanse máis longas as ausencias dos reis de Castela e León no cada vez máis lonxano reino de Galicia. Cf. Carlos BARROS, A mentalidade xusticieira dos irmandiños, Vigo, Edicións Xerais, 1988, pp.40-41.

     [3] Humberto BAQUERO MORENO, Areas de conflicto na fronteira galaico-minhota no fim da Idade Media, II Colóquio galaico-minhoto, I, p. 54.

     [4] Pascual GALINDO ROMEO, Tuy en la Baja Edad Media (siglos XII-XV), Madrid, Instituto E. Flórez , 1923, pp. 21-24; Alexandre HERCULANO, História de Portugal, I, Amadora, Liv. Bertrand, 1980, pp. 401-403, 407-408, 413-421, 437-438, 559-566.

     [5] A. HERCULANO, op. cit., pp. 413-415; Benito VICETTO, Historia de Galicia, Ferrol, 1872. Ed. facsímil, Lugo, Alvarellos, 1979, pp. 106-111; J. MATTOSO, Identificaçâo de um país, I, Lisboa, Estampa, 1985, p. 187.

     [6] P. GALINDO ROMEO, op. cit., p. 24.

     [7] A. HERCULANO, op. cit., p. 401.

     [8] A. RODRIGUEZ COLMENERO, Galicia meridional romana, Bilbao, Universidad de Deusto, 1977, pp. 14 ss.

     [9] A. HERCULANO, op. cit., pp. 373 ss.

     [10] Entre 1124 e 1131, sucédense os problemas pola legacía e a xurisdicción eclesiástica co arcebispo de Braga e co bispo de Coimbra, Historia Compostelana, ed. de José CAMPELO, Santiago, Porto, 1950, pp. 358, 394, 434-435, 458; Xelmírez acompaña en 1127 co seu exército a Alfonso VII contra os portugueses, idem, pp. 397-398; en 1137 contribúe con dous mil soldos para que o emperador de León recupere Tui, de novo conquistada por Afonso Henriques, e disponse a xuntar outro exército, idem, p. 508.

     [11] Consta que Xelmírez, en 1127 obligó a los compostelanos, parte con ruegos, parte por la fuerza, a seguirle en aquella expedición», Historia Compostelana, p. 398.

     [12] Lucien FEBVRE, Frontière: le mot et la notion, Por une histoire à part entiére, Paris, SEVPEN, 1962, p. 21.

     [13] J. MATTOSO, Identificaçâo de um país, pp. 194-195; en 1418, ten lugar un acto notarial na terra da Limia, para marcar e divisar en o termo entre Portugal e Galiza con homes bos dambos dos Reinos en esta maneira, resultando uns lindeiros precisos, a raia de Portugal, baseados en puntos de referencia da paisaxe, publica José Ramón FERNANDEZ OXEA, ed. Descripción de los Estados de la Casa de Monterrey en Galicia, por D. Pedro González de Ulloa (1777), Santiago, CSIC, 1950, pp. 92-9.

    [14] Joaquim VERISSIMO SERRAO, História de Portugal, I, Póvoa de Varzim, Verbo, 1978 (2.ª ed.), pp.87-88.

     [15] Na Corte de Castela, séculos despois, por contra seguían algúns sen ver claro onde remataba Galicia e empezaba Portugal, posto que escribía o cronista que, en 1372, avian tomado un logar de Galicia que dicen Viana, Crónica del rey Enrique II, BAE, nº 68, Madrid, Atlas, 1953, p. 14.

     [16] Rita COSTA GOMES, «sobre as fronteiras medievais: A Beira», Revista de História Económica e Social, 21, 1987, pp. 58-59; a fronteira do río Miño malamente pode considerarse imprecisa como di Roger Dion, e só referenciable por medio de castelos e poboacións fortes, segundo Herculano, ibidem, anque tales afirmacións sexan correctas para o período anterior a 1169.

     [17] J. MATOSSO, Identificaçâo de um país, II, pp. 194-195.

     [18] Lucien FEBVRE, op. cit., pp. 22-23.

     [19] Jaime GARRIDO RODRIGUEZ, Fortalezas de la antigua provincia de Tuy, Pontevedra, Deputación Provincial, 1987, p. 250; A.H. OLIVEIRA MARQUES, Portugal na crise dos séculos XIV e XV, Lisboa, Presença, 1987, p. 347.

     [20] José Luis MARTIN MARTIN, «Notas sobre la frontera medieval entre Portugal y Castilla», 1383-1385 e a Crise Geral dos Séculos XIV/XV. Jornadas de História Medieval. Actas, Lisboa, História & Crítica, 1985, pp. 156-157.

     [21] Ermelindo PORTELA SILVA, La Región del Obispado de Tuy en los siglos XII a XV, Santiago, Deputación Provincial de Pontevedra, 1976, pp. 244 ss.; véxanse cartas reales portuguesas en favor do mosteiro de Oia, 1340-1455, Luis SANCHEZ BELDA, Documentos reales de la Edad Media referentes a Galicia, Madrid, Ministerio de Educación Nacional, 1953, pp. 462, 465, 533, 538, 539, 543, 559, 560, 565.

     [22] De Paio Sorred, cabeza da linaxe dos Soutomaior de Galicia, di o xenealoxista: tan buen Cavallero como otro qualquier de su tiempo, preciado tanto de los Reyes, i altos señores, que cada uno le queria consigo, Nobiliario del Conde de Barcelos, Madrid, 1646, p. 381.

     [23] J. MATTOSO, Identificaçâo …, II, p. 195.

     [24] José MARQUES, Acçâo governativa de D. Afonso V durante a visita ao Minho, em 1462, Braga, 1984.

     [25] En 1476, despois da súa victoria na batalla de Toro, Afonso V propón -sen resultado- ós Reis Católicos, dentro do tratado de paz, que polos dereitos que, como esposo da filla de Enrique IV, tinha nos Regnos de Castella, lhe soltassem liuremente algua parte do senhorio della, e que esta seria ho regno de Galiza com todos seus termos, Crónica do Príncipe D. Joâo de Damiâo de Góis, ed. de Graça Almeida Rodrigues, Lisboa, Universidade, 1977, p. 128.

     [26] A. H. OLIVEIRA MARQUES, Portugal na crise dos séculos XIV e XV, p. 317.

     [27] Descripción de los Estados de la Casa de Monterrey en Galicia, pp. 180-181.

     [28] Ibidem.

     [29] O seu alonxamento da liña fronteiriza fai máis representativa do conxunto dos galegos a mentalidade ó respecto dos burgueses ourensáns.

     [30] Publica Xesús PERRO COUSELO, A vida e a fala dos devanceiros. Escolma de documentos en galego dos séculos XIII ao XVI, II, Vigo, Galaxia, 1967, pp. 258-259.

     [31] Idem, pp. 271-272.

     [32] Arch. General de Simancas, Cámara de Castilla, Leg. 2763, fol. 28 s.

     [33] José MARQUES, Relaçôes económicas do norte de Portugal com o reino de Castela, no século XV, Braga, 1978; Relacôes galaico-bracarenses, no século XV, segundo as matrículas de ordens do Arquivo Distrital de Braga, Ponte de Limia, 1981; Acçâo governativa de D. Afonso V durante a visita ao Minho, em 1462, Braga, 1984; O mosteiro de Oia e a granja da Silva no contexto das relaçôes luso-castelanhas dos séculos XIV-XV, Porto, 1985; Cartas inéditas de D. Joâo I do Arquivo Histórico Nacional de Madrid, Braga, 1985.   

     [34] J. MARQUES, Relaçôes económicas …, pp. 12, 14, 16, 48.

     [35] J. MARQUES, Idem, p. 14.

     [36] Fenómeno indicativo de unha forte relación informativa, J. MARQUES, Relaçôes galaico-bracarense …, p. 342.

     [37] J. MARQUES, Relaçôes económicas …; Acçâo governativa …; é moi posible que o interese do rei de Portugal en manter boas relacións co reino de Galicia e coa rexión do Minho teña que ver a política de Afonso V, manifestada catorze anos despois, de integra-la Galicia no reino de Portugal, véxase a nota 25.

     [38] ACT, Libro Becerro, I, fol. 244-245, publ. Ernesto IGLESIAS ALMEIDA, Los antiguos «portos» de Tuy y las barcas de pasaje a Portugal, Apéndice, doc. nº 2.

     [39] Ferdinand de SAUSSURE, Curso de Lingüística general, Madrid, Akal, 1980, p. 269.

     [40] Véxanse, por exemplo, os documentos portugueses mentados nas notas 30 e 38; tamén Henrique CHAO ESPINA, «Algumas diferenças entre o Galego e o Português», Bracara Augusta, n.os 59-62, 1971-1972, pp. 238-248.

     [41] Memorial ajustado del pleito Teresa de Sotomaior / García Sarmiento sobre la fortaleza de Fornelos, Biblioteca Museo de Pontevedra, Colección SOLLA, caja 60, fol. 9, 10, 55.

     [42] J.L. MARTIN MARTIN, «Notas sobre la frontera medieval entre Portugal y Castilla», 1383/1385 …, pp. 155, 157, 158; J. MARQUES, Relaçôes económicas …, pp. 17, 18, 39.

     [43] Angus MACKAY, La España de la Edad Media. Desde la frontera hastal el Imperio (1000-1500), Madrid, Cátedra, 1985, pp. 214-222.

     [44] Reyna Pastor, Del islam al cristianismo. En las fronteras de dos formaciones económico-sociales, Barcelona, Península, 1985, pp. 9-17.

     [45] P. PEYVEL, «Structures féodales et frontières médiévales: l’exemple de la zone de contact entre Forez et Bourbonnais aux XIIIe et XIVe siècles», Le Moyen Age, 1, 1987, pp. 80 ss.

     [46] José Antonio MARAVALL, Estado moderno y mentalidad social (siglos XV a XVII), I, Madrid, Revista de Occidente, 1972, p. 121; P. PEYVEL, op. cit., p. 51; R. COSTA GOMES, op. cit., pp. 57-58, 61.

     [47] Miguel Angel LADERO QUESADA, La Hacienda Real de Castilla en el siglo XV, La Laguna, Universidad, 1973, pp. 80, 119-125.

     [48] C. BARROS, A mentalidade xusticieira dos irmandiños, pp. 117 ss.

     [49] M.A. LADERO, op. cit., p. 120.

     [50] J. MARQUES, Relaçôes económicas …; Acçâo governativa …

     [51] Véxanse os documentos citados nas notas 30 e 31.

     [52] L. FEBVRE, op. cit., p. 18.

     [53] J.A. MARAVALL, op. cit., pp. 129-132.

     [54] «Notas sobre la frontera medieval entre Portugal y Castilla», 1383/1385.

     [55] L. FEBVRE, op. cit., p. 19.

     [56] Para os tempos máis recentes, véxanse Ramón VILLARES, «As relacións da Galiza con Portugal na época contemporánea», Grial, 81, 1983, pp. 301-314.

     [57] P. GALINDO ROMEO, op. cit., p. 55.

     [58] «En la comarca norte de Galicia aún hace pocos años se daba este nombre a los gallegos de la raya del Miño», Boletín de la Comisión de Monumentos de Orense, XII, 1939-1940, p. 235.

     [59] Joaquim de SANTA ROSA de VITERBO, Elucidário das palavras, termos e frases, II, Porto-Lisboa, Civilizaçâo, 1966, p. 93; A.H. OLIVEIRA MARQUES, A Sociedade medieval portuguesa, Lisboa, Sá da Costa, 1981, p. 61.

     [60] F. LOPES, Crónica de D. Joâo I, II, Porto-Lisboa, Civilizaçâo, 1983, pp. 110, 157.

     [61] J. COROMINAS, Diccionario crítico etimologico castellano e hispánico, II, Madrid, Gredos, 1984, p. 320.

     [62] J. de SANTA ROSA, op. cit., pp. 55-56.