Publicado en

Ascenso e caída de Pedro Pardo de Cela*

 

Carlos Barros

Universidade de Santiago de Compostela

Se hai un feito histórico onde o mito e a realidade coñecida se distancian tanto na historiografía nacionalista é o caso do Mariscal Pedro Pardo de Cela, cuxa morte violenta creou as condicións para a invención no século XIX dunha biografía que o converteu no mártir por excelencia da literatura galeguista, como máximo representante desa nobreza galega que “tiña que ter sido” e non foi. O estudo do proceso de mitificación de Pardo de Cela, pode ser paradigmático para comprendermos os mecanismos ideolóxicos que transmutan un feito histórico nunha lenda culta e politicamente interesada, partindo dunha tradición de principio popular. Comecemos polos datos sabidos a través das fontes escritas.

Cando Vicetto recoñece que non ten fundamentos documentais que xustifiquen a súa versión imaxinaria de Pardo de Cela, bota as culpas a Aponte, Molina e Gándara que case non falan do mariscal, non entende como estes ilustres cronistas dos séculos XVI e XVII non o situaron entre os grandes nobres galegos do século XV[1]. O caso é que Pardo de Cela non foi máis que un nobre mediano, estrela dun ascenso fulgurante que lle granxeou grandes oposicións populares, eclesiásticas e reais a causa da violencia empregada, procedemento habitual na Galicia trastamarista, como vimos no apartado “A guerra dos cabaleiros”, no contexto violento de toda a Idade Media[2]. Non chamaría a atención se non fora porque a principios dos anos 80 do século XV as circunstancias fixeron del un “chibo expiatorio” da acción antinobiliaria do Estado moderno. Nin con esas os xenealoxistas do Reino de Galicia lle deron nos séculos XVI-XVIII importancia á súa morte, que pasou a historia por causa dun romance que lle dedicaron os seus criados ò pouco de ser degolado.

Cabaleiro malfeitor

Antes do “martirio”, Pedro Pardo de Cela era xa que logo un cabaleiro malfeitor[3], parecido a Pedro Álvarez de Soutomaior, chamado Pedro Madruga, que si aparece destacado, e moito, no nobiliario de Aponte. Diferenciábaos a pertenza de Madruga a unha liñaxe de maior soleira e patrimonio, por tanto unha maior capacidade de intervención política. En xeral os señores laicos galegos do século XV, eran vistos como malfeitores tanto na maior parte de Galicia (agás entre os seus criados e seguidores) coma na Corte de Castela. De aí a representatividade do Mariscal asasinado polo novo Estado para escarmentar a outros[4].

Aponte conta como Pedro Pardo de Cela era un simple cabaleiro a soldo dos Andrade “asta que fue gran señor”, poido entón reunir -coa axuda do seu xenro Pedro Bolaño- ata 100 escudeiros e 5.000 peóns, grazas a que “comía todo el obispado de Mondoñedo”[5]. Despois da revolta irmandiña, aparece, en 1477, entre os grandes señores confederados -o derradeiro da lista- para resistir ó intento real de resucitar as irmandades[6], o ano seguinte podemos considerar que  comezan os enfrontamentos que cinco anos despois causarán a súa ruína.

Para García Oro, Pedro Pardo de Cela non fora máis que “un infortunado caballero del siglo XV”, e cre que as causas do seu infortunio estaban no enfraquecemento do seu señorío, en que non soubo rodearse de aliados e na determinación do gobernador Fernando Acuña (“cavallero mancebo muy noble e mucho esforçado”[7]) por facer valer a autoridade real[8]. Habería que engadir a conxuntura política de 1483, cando os Reis Católicos ordenan, por medio de cartas asinadas en León o 31 de marzo, a Acuña e Chinchilla a volver de novo a Galicia con poderes plenos, e obter resultados inmediatos, para restablecer a paz e a orde, forzando ós cabaleiros a ir á Corte e devolvendo os señoríos eclesiásticos á Igrexa[9].

Da súa familia herda Pardo de Cela algúns castelos e case máis nada[10]. Chegará a ser un gran señor de fortalezas, o que lle confire gran poder coercitivo mais poucos medios económicos directos. Unha astuta política matrimonial emparéntao con importantes familias nobres: casa con Isabel de Castro, filla do Conde de Lemos e sobriña do bispo de Mondoñedo. Tamén casa ás súas fillas con cabaleiros das casas señoriais de Saavedra (que vén na listaxe do nobiliario de Aponte) e de Ribadeneira (á súa vez emparentado coas casas de Miranda, Bolaño e Ron)[11]. En 1461 é xa encomendeiro do bispado de Mondoñedo (xa fora seu pai  Xoán Núñez Pardo). En 1465 será confirmado por Henrique IV alcalde de Viveiro polo Rei ó pasar a vila á Coroa[12]. Os seus ingresos compleméntanse coas alcabalas de gran parte do bispado de Mondoñedo[13], ben porque lle correspondía ben por simple usurpación[14].

Esta dependencia dos ingresos alleos (xerados pola Igrexa de Mondoñedo, os veciños de Viveiro e as rendas do Rei) para manter o anelado status de gran señor foi o “talón de Aquiles” do Mariscal Pardo de Cela[15], sendo nisto tamén representativo da nobreza galega do século XV que refeudaliza o país institucionalizando o agravio como parte cuantiosa da renda feudal[16]. Polas fontes orais sabemos que foron as rendas do bispado de Mondoñedo as que desencadearon o conflito que o levará ó cadafalso. E polas fontes xudiciais posteriores que co roubo das rendas reais xustificouse a confiscación post-mortem dos seus bens.

A falla de sentido económico desta nobreza cobizosa e violenta de orixe trastámara, que ben encarna Pardo de Cela, vese naquilo tan sonado que declara unha testemuña do Preito Tabera-Fonseca: “Pedro Pardo, Mariscal dixera al dicho Conde [de Lemos] que ynchiese los carballos de los dichos basallos e quel dicho Conde [dixo] que no queria que no se abia de mantener de los carballos”[17]. Este diálogo tivo lugar no 1469, cando o mariscal volta do exilio (probablemente leonés), baixo as ordes do Conde de Lemos, seu sogro, para recuperar as súas posesións e encomendas tomadas polos irmandiños. Os vasalos rebeldes da Santa Irmandade derrocaran a fortaleza A Frouxeira[18], deixándoo con vida malia a súa fama de bandoleiro, cousa que dezaseis anos despois non farán os oficiais da Raíña Isabel. Pardo de Cela non foi, por conseguinte, o dirixente dos irmandiños que maxinou o novelista Vicetto[19], senón un dos seus inimigos máis recalcitrantes.

Cobizoso

Pedro Pardo quixo emular ós grandes señores aproveitando as oportunidades que ofrecía o turbulento século XV. Non obstante, Alonso de Lanzós que serviu como el a Fernán Pérez de Andrade (o Mozo), seguiu o camiño contrario: elixiu o bando dos vasalos, onde chegou ser un dos capitáns (tamén no bispado de Lugo[20]) máis coñecidos dos irmandiños, despois de sufrir persoalmente os agravios e asaltos de Andrade, Pardo de Cela e outros señores[21]. Á súa vez Alonso de Lanzós é culpable da morte do irmán de Pedro Pardo de Cela[22]. Vidas diverxentes. É coñecida así mesmo a inimizade do mariscal co fidalgo Fernando Díaz Teixeiro, dirixente militar irmandiño en Mondoñedo[23].

Tampouco é certo que Pardo de Cela militara no bando da Beltraneja e de Portugal contra Isabel a Católica na guerra de sucesión 1476-1479[24]. Todo o contrario, aliñouse co bando isabelino que encabezaba o arcebispo Fonseca e que comprendía a case que toda a nobreza galega (aínda que o entusiasmo despregado foi moi desigual), de tradición integracionista logo da separación de Portugal como sabemos, coa notoria excepción de Pedro Álvarez de Soutomaior que defendeu a opción portuguesa. En 1476, estivo o mariscal “con todos los otros Pardos y Rivadeneyras” no gran cerco a Pedro Madruga en Pontevedra[25]. En 1477 -segundo xa dixemos- participa nunha confederación señorial que sendo isabelina, “guardando servicio del rey e reina nuestros señores”, está pensada para resistir a orde real de recrear a Santa Hermandad[26]: os intereses de clase por riba de calquera fidelidade política. A partir de aí sucédense unha serie de problemas puntuais do Mariscal cos oficiais dos Reis Católicos sen que iso supoña, claramente, un cambio de bando.

Nobres contra Reis

Os teimosos enfrontamentos de Pardo de Cela cos oficiais reais (sucesivamente) Ladrón de Guevara, Fernando Cerón e Fernando de Acuña, serían marxinais para a historia da Galicia, no tránsito da Idade Media á Idade Moderna, senón fora polo desenlace mortal deste conflito enquistado. Polo regular, os señores feudais de Galicia gobernaban os seus estados proclamando lealdade cara un afastado Rei de Castela, ó tempo que se apropiaban das súas rendas. Cando a Raíña Isabel quere facer efectiva a autoridade real no Reino de Galicia, resucitando irmandades[27] e procurando o sostén das cidades, xorden grandes conflitos de poder e  xurisdición entre os representantes directos dos Reis e cada un dos grandes señores de fortalezas, incluíndo os que foran partidarios de Isabel entre 1476 e 1479.

O arcebispo Fonseca foi o primeiro que se encastelou, en 1480, na catedral de Santiago para resistir ó Gobernador Acuña que pretendía o control das fortalezas arcebispais que quedaran. O contencioso resolveuse levando os Reis ó fiel Fonseca á Corte como Presidente do Consello Real, e deixando claro está que Acuña e Chinchilla continuaran en Galicia coa súa “campaña depuradora”[28]. Polo mesmo motivo, isto é, o control das fortalezas episcopais sobreviventes ou reconstruídas, o tamén isabelino Conde de Lemos “el mayor señor de aquel Reyno de Galicia”, asedia, en 1483, o castelo de Lugo, que fora tomado por Acuña, considerando o Conde que dita intromisión constituía un agravio cara o seu irmán Alonso Enríquez de Lemos o bispo de Lugo[29]. Don Pedro non obedece as ordes directas dos Reis Católicos para que alzase o sitio, polo que o propio Rei Fernando “partió para el Reyno de Galicia á punir al Conde por aquella osadía que cometió”, de nada valeu que o Conde de Lemos levantara entón o cerco, o exército real continuou cara a Lugo coa intención de poñer no seu sitio ó maior señor de Galicia. En Astorga decatouse o Rei consorte que o vello Conde -tiña xa 80 anos de idade- morrera (febreiro de 1483) e suspendeu a operación militar. En 1486, o conflito renovouse co novo Conde de Lemos, Rodrigo Álvarez Osorio[30].

Neste contexto de loita xeneralizada polo poder entre a alta nobreza, derrotada trece anos antes polos irmandiños co apoio do Rei Henrique, e a monarquía unificada castelo-aragonesa de signo renacentista, teñen lugar os incidentes que learon ó oportunista Pardo de Cela ó patíbulo como cabeza de turco. Salvo no caso do portuguesista Pedro Madruga, ningún dos nobres que tiveron problemas cos homes do Rei presentaron problemas de disidencia político-ideolóxica co novo Estado, máis ben ó contrario: o que estaba en cuestión era o poder social no Reino de Galicia.

Para a implantación da autoridade real en Galicia foi necesaria pero non suficiente a superación dos desacordos con Fonseca, dono do maior señorío feudal de Galicia, e co Conde Pedro Álvarez Osorio, decano da nobreza galega do século XV. Ata Pedro Madruga, reconvertido ó isabelismo triunfante, buscou abrigo co Conde de Lemos fronte Acuña, porque “aunque este disimulaba de allá [Lemos] les venía el consejo a todos porque lo tenían por padre”[31]. A cuestión para todos é que Pedro Álvarez Osorio morre de xeito natural en febreiro[32] de 1483 e s seu xenro Pardo de Cela morre meses despois por Acuña, e os seus, a modo de escarmento.

A orfandade nobiliaria que entraña a perda do Conde vello de Lemos é percibida polo resto da nobreza como un golpe tanto ou máis importante que a posterior decapitación exemplar de Mondoñedo: “Ansi que, viendo los señores falleçido al conde de Lemos y muerto a Pedro Pardo, acordaron todos de ser a una”. A nova confederación nobiliaria está formada por Ulloa, Andrade, Moscoso, Suero Gómez e Pedro Madruga, ten como fin obedecer ó Rei -pola boca pequena- pero “no consentir a los governadores todo lo que quisiesen façer”[33]. Os enviados dos Reis fixéranse case que tan perigosos que as pasadas irmandades revolucionarias dos vasalos. Neutralizado o rebelde Fonseca, cabeza do partido isabelino e xefe da Igrexa galega; desaparecido o rebelde Conde de Lemos, xefe natural dos señores laicos galegos, o golpe de efecto de Acuña degolando a un cabaleiro de segunda orde como Pardo de Cela, axudou non pouco a meter en cintura ós señores feudais galegos -quedaba claro que esta vez ía en serio- que, en 1486, visitando os Reis Católicos Santiago de Compostela son compelidos de novo a marchar cara a Corte, deixando Galicia en mans da anovada autoridade real, en alianza coas cidades e o pobo irmandiño, que obtén así “dende arriba” a paz, a seguridade e a xustiza que, “dende abaixo” conquistara polas armas en 1467 con sostén político -non exento de contradicións- do anterior Rei irmán de Dona Isabel.

Certamente, co tempo a integración plena de Galicia no novo Estado moderno leva consigo a centralización, a dependencia e a marxinación paseniña do idioma galego, mais este problema nacional, exposto no século XIX polo Rexurdimento, nin existía nin formaba parte das reivindicacións sociais dos galegos do século XV[34], e menos aínda ós nobres feudais. Cando os feudais galegos -comezando por Pardo de Cela- defendían nos anos 70 e 80 do século XV as súas parcelas de poder, fronte ós corrixidores e gobernadores dos Reis de Castela e Aragón, non quer dicir que sustentaran un proxecto político para o Reino de Galicia distinto do secular integracionismo na Coroa de Castela e Aragón. Nin sequera no caso de Pedro Madruga. Pedro Álvarez de Soutomaior, nobre fronteirizo que servía a dous Reis, á vez Vizconde de Tui e Conde de Camiña, casado cunha nobre portuguesa e con moitos intereses e amigos en Portugal (de alí trouxo, en 1469, as súas tropas para combater ós irmandiños), non quería máis que gañaran a Coroa de Castela, Juana la Beltraneja e o seu home Afonso V, Rei de Portugal para, deste xeito, chegaren á unificación de Castela e Portugal (fronte á alternativa axiña triunfadora da confederación de Castela e Aragón).

A dinámica histórica pedía, no limiar da Idade Moderna, avanzar cara grandes Estados. Cumpría superar na Península Ibérica a fragmentación política medieval de Reinos e Coroas. Así e todo, obxectivamente, a unión de Castela e Portugal implicaría o reencontro, no cadro dunha entidade política peninsular máis ampla, da Galicia bracarense e da Galicia lucense, nada máis e nada menos  O que sería unha alternativa moito máis beneficiosa para a nacionalidade plenomedieval galego-portuguesa. Daquela a lingua galega (galego-portuguesa, en rigor) sería  hexemónica tanto na sociedade e a cultura como na administración do novo Estado portugués-castelán, pola vía (im) positiva de non confrontación con Castela.

A guerra de Cela

Digamos máis agora sobre a guerra particular de Pardo de Cela cos oficiais reais, á que fixemos referencia. En 1476, Ladrón de Guevara, cunha carta dos Reis Católicos para pedir axuda contra o bando portugués, chega a Viveiro, en mans de Pardo de Cela, que resistíuselle: “halló a Pardo Pardo con todo su vando muy poderoso… le hizo dejar la villa”[35]. Non obstante, o Mariscal estará ese mesmo ano,  igual que Ladrón de Guevara, no gran cerco organizado por Fonseca en Pontevedra a Pedro Madruga[36]. Este primeiro conflito de Pardo de Cela cun oficial dos Reis Católicos, non afectou -como nos demais casos xa citados: Fonseca e Conde de Lemos- á súa fidelidade á Raíña Isabel. A verdade é que transformar estes enfrontamentos locais nun problema político global viría agravar a situación dos cabaleiros implicados. Un luxo que non se podían permitir, cando os novos Reis estaban consolidando a ollos vistas o seu poder, por iso buscaban unha e outra vez o sostén dos Reis Católicos contra as decisións que consideraban inxustas dos seus representantes en Galicia. A única posibilidade que tiñan era crear contradicións entre estes e os Reis, afeitos polo demais a actuar como árbitros… Pardo de Cela demandou e obtivo mesmo reparación dos Reis polo comportamento agraviante de Ladrón de Guevara en Viveiro[37]. O que estaba enriba da mesa en todas estas confrontacións entre os señores e a monarquía unificada é que poder ía predominar sobre tal fortaleza, cidade ou xurisdición: ¿os oficiais do Rei ou o señor local? A maiores os homes do Rei defendían a xurisdición eclesiástica fronte ás xeneralizadas usurpacións nobiliarias laicas. A política de aliados da monarquía en Galicia illou a unha nobreza montaraz que xa fora derrotada estrepitosamente polo pobo en 1467.

A particularidade da guerra de Pardo de Cela, respecto doutros señores, é que non pugnaba cos outros cabaleiros polas terras e as rendas[38], se non contra a Igrexa (bispado de Mondoñedo) e o Estado (impostos e cidades de reguengo). Entidades máis vulnerables, e polo tanto menos riscos que enfrontarse a exércitos privados das grandes casas, sobre todo en Lugo onde mandaba o seu sogro.

Os problemas de Pardo de Cela cos homes do Rei estaban dende, o punto de vista económico e de poder, na cidade de Viveiro, na Igrexa episcopal de Mondoñedo e nas rendas reais recadadas no bispado[39]; socialmente, os campesiños do bispado e os cidadáns das vilas, que levaban sempre a peor parte. Dende o punto de vista militar a clave estaba en quen controlaba as fortalezas do bispado que foran máis ou menos reedificadas despois da revolta irmandiña. Varios documentos do Registro General del Sello -empregados xa por Francisco Mayán a principios dos anos 60- de 1477 a 1480 permítenos coñecer os puntos de desacordo entre os Reis Católicos e Pardo de Cela, parte do proceso de desmitificación da figura do Mariscal, que buscaba exclusivamente beneficios persoais. Dúas cartas de 1477 ilustran a vontade dos Reis de manter a Viveiro como seu, en situación de reguengo[40],  e defender á Igrexa de Mondoñedo fronte a cabaleiros malfeitores[41]. Pronunciamentos xenéricos que se concretan, en 1478[42], en varias requisitorias do Rei Fernando contra Pardo de Cela, encomendándose o seu cumprimento ó corrixidor de Viveiro, Francisco Cerón: que desocupe lugares, coutos e freguesías en Viveiro; que devolva as alcabalas e outras rendas reais usurpadas; que cese de edificar fortalezas en Viveiro e a súa terra; que non constrúa portos propios en competencia con Viveiro, etc. A mediados de ano, o Rei Católico desterra a Pardo de Cela de Viveiro e convoca a todo o bispado a pechar filas en torno ó corrixidor Cerón. Todo isto cinco anos antes da decapitación do Mariscal: chovía sobre mollado.

A través de influencias na secretaría real, Pardo de Cela fai valer a súa fidelidade política e consigue paradoxalmente cartas de seguro dos Reis nas seguintes datas: 27 de agosto de 1478 (contra cabaleiros e outras persoas)[43], 11 de setembro de 1480 (contra o propio Francisco Cerón)[44], 4 de novembro de 1480 (contra cabaleiros e outras persoas)[45]. Cartas de amparo que se entrelazan e alternan coas de abandono e represión, e son xa incapaces de frear (neste e nos demais casos de nobres galegos en corentena) o enfrontamento creado pola incompatibilidade de fondo entre o poder do Mariscal e o novo poder real nas terras de Mondoñedo. Demóstranse con todo dúas cousas: que os oficiais reais de cada xurisdición ou Reino actúan con certa autonomía respecto da Corte, e que os Reis daban con frecuencia unha de cal e outra de area, sobre todo á hora de expedir cartas (obxecto incluso de corrupción), non tanto cando estaba en xogo en verdade a autoridade real.

No verán de 1480, o corrixidor Cerón desenvolve unha violenta campaña contra Pardo de Cela que leva a este a se laiar perante os Reis, porque Cerón “le ha husurpado e husurpa la juridición del obispado de Mondoñedo”[46], o que dá lugar á xa mencionada carta de seguro de setembro de 1480, a pesar da cal a confrontación vai in crescendo por unha simple razón: Pardo de Cela non cedía diante o poder real e as cartas conseguidas na Corte pouco valían, ademais contradicirse entre si. A contenda pasa pronto ó terreo militar porque nesta ocasión os homes do Rei están dispostos -tiñan as ordes para iso- a se quedar en Galicia ata establecer a nova orde.

O 3 de agosto de 1480 os Reis Católicos mandan a Galicia con poderes de excepción ó cabaleiro Fernando de Acuña e ó xurista López de Chinchilla. A carta de seguro do 4 de novembro coa  sinatura da Raíña Isabel vai dirixida precisamente ó gobernador Acuña a fin de que protexa a Pardo de Cela dos seus inimigos, pero quen protexe a Pardo de Cela do novo e expeditivo gobernador?

Un ano e medio despois da súa chegada a Galicia, temos a Fernando de Acuña, e ó seu capitán Mudarra, cercando Pena Frouxeira[47], coa axuda dos ex-irmandiños. O asedio é sanguento[48] -segundo Diego Valera, cronista dos Reis Católicos- dura oito meses e remata coa rendición da fortaleza baixo “çiertas condiçiones”. O Mariscal non estaba presente[49];  os seus fican libres, pese o sangue perdido, grazas á entrega da fortaleza. De seguido Acuña derrócaa de todo[50]. Os problemas económico-sociais que enfrontan ó gobernador real con Pardo de Cela en 1480-1483 non son distintos dos que aparecen nos citados documentos de 1477-1480, só que agora,  en canto a adversarios locais, a cidade de Viveiro cede o seu protagonismo ó bispo de Mondoñedo[51], centrándose a loita no control das fortalezas do bispado. O carácter netamente militar desta fase, encetada en 1481, contribúe a entender o xuízo sumarísimo e posterior axustizamento.

Despois da caída de A Frouxeira vén a revolta en Lugo contra Acuña do sogro do mariscal, o Conde de Lemos, “lumbre y luz de los caballeros de Galicia” segundo Aponte, que pon en evidencia un estado latexante de rebelión dos señores galegos, cada un pola súa banda defendendo as súas fortalezas. Semella complicada unha confederación señorial en toda regra contraria ós representantes dos Reis Católicos podería contradicir a lealdade unha e outra vez proclamada de todos e cada un deles cara Isabel. Alianza que  será realidade despois da decapitación de Mondoñedo. Incluso Pedro Madruga, que cando a xente de Acuña asedia A Frouxeira no norte de Galicia está tomando el no sur o castelo de Fornelos[52], manda á súa muller á Corte para gañar a simpatía da Raíña Isabel[53].

Axustizamento

Ós seis meses de morrer o Conde de Lemos, comenta Aponte: “cortaron a cabeça a Pedro Pardo o mariscal. Y todos los señores reçelaban”[54]. O sentido da oportunidade de Acuña impúlsao a marchar de presa[55], dende Sarria, contra o castelo de Castro Douro onde se refuxia Pedro Pardo de Cela, moito despois de que botaran ós seus da Frouxeira. Os motivos xerais son as súas violencias contra a Igrexa de Mondoñedo, máis a urxencia de Acuña en rematar, despois da súa segunda vinda a Galicia en abril de 1483, co problema enquistado do Mariscal. Detido en Castro Douro e levado preso a Mondoñedo, e xulgado e condenado, fai testamento e é axustizado xunto con varios dos seus. O cronista Pulgar engade (dato tamén probablemente de orixe oral) que os presos pretenderon comprar as súas vidas, e que os oficiais reais non aceptaron as “grandes sumas de oro para la guerra de los moros” ofrecidas polo Mariscal[56], quen temía pola súa vida logo da violencia cruzada e as xenreiras amonteadas.

Diego Valera da os nomes dos que foron degolados co Mariscal: Pero de Miranda, casado cunha neta de Pardo de Cela[57], García Rodríguez de Bordel, Bartolomé de Bahamonde e “un fijo del mariscal, e a otro hijo de Pedro de Miranda, los quales todos por su mandado[58] fueron degollados, los quales eran hombres de estado e linaje”, é dicir, cabaleiros[59]. De seguido veñen as louvanzas a Fernando, que “fizo restituyr a los obispos en sus cibdades e iglesias e fortalezas”[60], así como os premios: “En galardón de lo qual fué ordenado que en las dichas iglesias se ficiese perpetua comemoración por don Fernando  de Acuña, por aver dél recebido tan gran benefiçio”[61]. Cousa que cando menos o arcebispo Fonseca non debeu facer, polos enfrontamentos que tivo con Acuña e outros oficiais reais enviados a Galicia por Isabel e Fernando para impoñer a nova autoridade real.

Neste contexto a execución de Pardo de Cela e os seus homes necesita de máis explicacións que a simples negativa a aceptar a autoridade do gobernador real, e renunciar por tanto ás fontes extraordinarias de ingresos baseadas na coacción, porque o resto da alta nobreza galega estaba nunha parecida actitude. Hai que pensar nunha resposta ó sangue derramado por Pardo de Cela (Pedro Madruga, sen dúbida o superaba, pero tiña máis respaldo) e, sobre todo, nun escarmento politicamente consciente para a recalcitrante nobreza galega (pensemos, ademais, na resistencia á organización das novas irmandades[62]), atacándoa por un flanco feble e nunha conxuntura axeitada: desaparecido en xuño o vello Conde de Lemos e compelidos Acuña e Chinchilla polos Reis, mediante as cartas que logo veremos do 31 de marzo de 1483, a conseguir como fose a pacificación do Reino.

A tradición oral favorable a Pardo de Cela, cativa pero bulideira, infórmanos do conflito violento (négao primeiro e acéptao despois) do Mariscal coa Igrexa de Mondoñedo (paralelo ó que tiña Pedro Madruga co bispo de Tui) como explicación directa das intervencións armadas de Acuña contra el e indirectamente da propia sentencia de morte. Habería que engadir a resistencia pertinaz á autoridade dos oficiais do Reis e a negativa a acudir á Corte a renderlles contas.

Acabamento da nobreza medieval

Non cabe subestimar a intencionalidade preventiva das degolacións dos cabaleiros Pedro Pardo de Cela e algún dos seus próximos, nin os seus efectos positivos para impoñer a xustiza pública en Galicia[63], mais hai que dicir que non se trata de feitos illados, segundo vimos no apartado da morte do señor no primeiro capítulo deste libro. En 1452 Juan II de Castela executara a Álvaro de Luna, no mesmo ano de 1453, o 20 de xuño, Joaô II de Portugal decapita ó Duque de Braganza. A traizón e a desobediencia xustificaban plenamente dende o punto de vista do dereito en vigor, e da mentalidade da época, as sumarias execucións reais.

Aínda seguiron un tempo as rebeldías particulares dos Condes de Camiña, Altamira e Monterrei, Diego de Andrade e Suero Gómez de Soutomaior,  tamén dos familiares de Pedro Pardo. Mais en outubro de 1483 producírase en Mondoñedo un punto de inflexión, sen retorno, nas relacións entre a nobreza galega e a monarquía castelán-aragonesa. Os Reis Católicos, en 1486, teñen aínda que brandir ante o Conde de Altamira a ameaza de morte para obrigalo a marchar á Corte[64]. En xaneiro de 1486 Pedro Madruga fai testamento e despois, non moito despois de dita data, morre en Alba de Tormes cando por medio do Duque de Alba pretendía, sen éxito, obter o favor dos Reis Católicos na vergoñosa pelexa que tiña co seu fillo pola fortaleza e o señorío de Soutomaior[65]. Entre o ano 1483 e o ano 1486, por medio da morte, provocada ou non provocada (Pedro Pardo de Cela, Pedro Álvarez Osorio, Pedro Álvarez de Soutomaior), mailo exilio cortesán, decídese a desaparición da nobreza medieval como clase dirixente en Galicia. Os vasalos non choraron polo regular a “perda” dos seus señores, a diferencia da primeira historiografía galeguista, máis ben aledáronse, principalmente porque veu precedida ou acompañada da derruba -seguindo o método irmandiño- da maioría das fortalezas reedificadas na década reaccionaria que seguiu á Santa Irmandade revolucionaria. Todo un cambio de réxime social.

Denantes de penetrar nos limbos tan reais da lenda e do mito, deixemos claro o que sentían os contemporáneos, aproveitando de testemuños posteriores a 1483, sobre a morte da nobreza feudal galega, simbolizada na decapitación de Mondoñedo. Daquela se falaba pouco ou nada da esencia económica -describilo é tarefa de historiador- da loita polo poder que enfrontou inevitable a Pardo de Cela cos oficiais dos Reis Católicos. As fontes insisten maiormente en explicacións moralistas, xustificativas, que relacionan a mentalidade xusticeira da época coa morte violenta do nobre de Mondoñedo. Tamén evitan vencellar de xeito directo a decapitación de Pardo de Cela cos Reis Católicos, facendo responsables ós seus enviados Acuña e Chinchilla. Sobre o Gobernador e o Xustiza Maior de Galicia recaen -en parte, con razón- tanto o mérito como a culpa pola execución, segundo a actitude sexa contraria ou favorable cara o Mariscal e os seus. En calquera caso, nun documento  de 1487, catro anos despois, os Reis Católicos proban que asumen a xusteza da execución e subseguinte incautación de propiedades: “sepades que al tiempo que fue hecha justicia del Mariscal Pedro Pardo de Cela fueron confiscados y aplicados todos sus bienes…”[66].

A verdade é que os Reis estiveran urxindo ós seus representantes unha solución inmediata  á insubordinación da nobreza galega, impacientes porque en tres anos non se resolvera moito[67]. O 28 de xuño de 1482, escriben a Acuña para que “proçedades contra los delinquientes e contra sus bienes, faziendo para ello los ayuntamientos e llamamientos de gentes” (antigos irmandiños na meirande parte), citando concretamente os bispados de Lugo e Mondoñedo[68]. O 31 de marzo de 1483, comunican a Acuña e Chinchilla (que volveran á Corte) que “agora nuebamente an suçedido algunos escándalos e ynvonvenientes” no Reino de Galicia, ordenándolles que “tornedes a él con los mismos cargos e con los poderes… que de nos llebastes”[69]. Noutras dúas cartas do mesmo día 31 de marzo[70], mándanlles que quiten as encomendas de bispados e mosteiros ós nobres laicos, e que desterren de Galicia ó Conde de Monterrei, ó Conde de Altamira, a Diego de Andrade, a Fernando de Castro e a Pedro Bolaño. Significativamente non se nomea nin a Pardo de Cela nin a Pedro Madruga (nin ó falecido Conde de Lemos): non os consideraban xa recuperables como cortesáns. Tal é o contexto oficial no que ten lugar o enfrontamento que leva á execución e o nacemento das tradicións contraria e favorable sobre Pardo de Cela, “chibo expiatorio” dos pecados da nobreza galega.

O cronista Pulgar -home clave de apoio de Henrique IV ós irmandiños en 1467- reflexa ben a tradición culta, próxima á monarquía, cando avalía como xustiza exemplar a que exerceron Acuña e Chinchilla ó facer pagar caro os seus crimes ós cabaleiros Pedro Miranda e Pedro Pardo, que pola súa condición social “no creían que podía venir tiempo en que la justicia los osase prender”[71]. Por contra Vasco de Aponte, admirador dos violentos nobres galegos do século XV, non pode admitir que os axustizados foran malfeitores, deixando sen explicación as razóns de Acuña para mandalos matar, cousa que non fai a tradición oral.

A tradición popular representada polos testemuños do Preito Tabera-Fonseca di de Pedro Pardo, á vez que recorda como aconsellou en 1469 ó vello Conde de Lemos colgar ós vasalos irmandiños dos carballos, que foi degolado polo gobernador Acuña porque desde A Frouxeira “robaba e hazia males”[72]. Dos doce testemuñas que falan sobre do tema, once reiteran o argumento xusticeiro e antifortaleza, calquera que foran os seus oficios, veciñanzas (3 de Lugo, 3 de Betanzos, 1 de Monforte, 1 de Padrón e 4 de aldeas do arcebispado) ou posicións ideolóxicas[73]. Só unha das testemuñas de posicións contrarias ós irmandiños (próxima á nobreza), cala o axustizamento do mariscal, soamente fai referencia ó derrocamento da Frouxeira[74], afirmando que iso fora porque “se llebantaran contra el rey”[75]. Antes admitían a súa rebeldía fronte a monarquía que as súas malfeitorías cara á xente. Á maioría das testemuñas que consideran relevante o caso, non lles parecía a desobediencia ós Reis tan importante para explicar a punición do Mariscal como o seu comportamento delituoso como cabaleiro malfeitor[76]. Nisto a tradición galeguista orixinaria se afastará logo da antiga tradición popular contraria a Pardo de Cela[77].

En fin, podemos dicir sen temor a nos trabucar que para a opinión pública galega de fins do século XV e de comezos do século XVI, o Mariscal Pardo de Cela non fora máis que un malfeitor feudal con quen,  felizmente,  a xustiza publica e real arranxou contas. Tamén que non hai fonte algunha que relacione claramente ó Mariscal, e menos a súa morte legal, co bando da Beltraneja, tampouco cunha estratexia de “defensa de Galicia” fronte ó “centralismo” dos Reis Católicos, os nobres galegos non estaban niso, outra cousa o que se poida interpretar hoxe “obxectivamente”.

Francisco Mayán asevera que “durante el siglo XVI estaba muy difundida la creencia en toda clase de atentados cometidos por parte del Mariscal y sus seguidores”, presentando como proba a carta executoria dun preito, entre 1549 e 1554 (non remata ata 1624), onde o neto dun criado de Pardo de Cela do infortunio do seu avó que “andava en compañia e servicio cometiendo muchos delitos e fuerzas como era publico e notorio en el dicho nuestro Reyno de Galicia”[78]. Ratificando o carácter da tradición oral contraria a Pardo de Cela no século XVI, como xa vimos no Preito Tabera-Fonseca.

Agora ben, non todo o mundo miraban mal ó Mariscal, no círculo dos seus familiares e criados fieis desenvólvese unha conmovedora tradición no seu favor[79], que catro séculos despois pasa á novela histórica e á ideoloxía galeguista (no sentido marxista de falsa conciencia), que presenta no Rexurdimento como maioritaria unha tradición oral que foi marxinal no seu tempo. A morte por decapitación do cabaleiro de Mondoñedo préstase abondo ó romance romántico, fagamos pois o camiño historiográfico, secular e descontinuo, do mito da tradición oral e popular (entre séculos XV-XVI) ó mito da tradición escrita, intelectual e política (séculos XIX-XX). A súa importancia non se debe minusvalorar (motiva este apartado), porque as mentalidades e actitudes, crenzas e ideoloxías son feitos salientables que repercuten na historia dun país, outrosí cando se trata das tradicións orais próximas ós feitos sanguentos tratados pola memoria histórica do século XX.

Os Reis Católicos retiran do Reino de Galicia ó gobernador Acuña pero volven a envialo, ante as dificultades existentes, con poderes se cabe máis excepcionais, meses antes da execución de Mondoñedo[80]. Logo de cumprir a súa misión[81] será substituído -aínda que non deixa de botar unha man-  por Diego López de Haro, home ó parecer máis sutil[82]. Pese a todo ten que organizar de inmediato o sitio da fortaleza de Vilaxoán onde se atrincheirara, despois de morrer Pardo de Cela, Fernando Arias de Saavedra (sogro do Pedro Miranda tamén executado) que estaba casado coa súa filla menor Costanza de Castro, que morre neste cerco por beber auga contaminada[83]. O xenro do mariscal salva a vida porque o novo gobernador traía novos aires e Diego de Andrade intercede no seu favor[84]. O 12 de marzo de 1484, aínda Acuña, que contribúe a difícil transición, transferira o novo gobernador as fortalezas de Lugo e Mondoñedo[85]. O 16 de agosto de 1484, Diego López de Haro ten xa no seu poder a fortaleza de Vilaxoán. O control das fortalezas foi clave para o éxito do cometido pacificador da alianza renovada entre o Estado e o pobo galego, que durou na súa parte máis dura case tres anos. Segundo as crónicas derrocáronse unhas corenta e seis fortalezas, reedificadas despois da revolución irmandiña. En 1526-1527, as testemuñas sentiron os feitos antinobiliarios 1480-1483, incluso a morte de Cela[86], como una segunda rolda da revolta popular de 1467-1479[87].

A viúva de Pardo de Cela, Isabel de Castro, tenta recuperar, no mesmo ano de 1484, os bens do Mariscal confiscados polo Gobernador Acuña, sen resultados de primeiras, pois os Reis Católicos avalaban a expropiación ilegal porque “dicho mariscal en su vida tovo ocupados e detenidos muchos bienes nuestros”[88]. Polo  demais testamenteiro, acredores e outros puxeran man tamén en ditos bens, o cal complicou tremendamente o proceso legal. En 1489, o Rei Fernando concede á filla e ós seus criados carta de seguro contra algúns cabaleiros[89]. En 1494, esta filla maior de Pedro Pardo, Beatriz de Castro, reclama o seu dereito como herdeira universal perante o Consello Real e  consegue a “devolución” de Carballo de Galdo, fronte ás pretensións do testamentario Roi Gonçalez de Ribadeneira, que “so color de complir el dicho testamento del Mariscal… entro e tomo el logar de Carballo de Galdo”[90]. Non se fixo tal. O de Ribadeneira quedouse co lugar[91], a pesar de ser un ben propio de Pedro Pardo (“que conpre a Pedro de Pumarinno, vezino de Santa Marta”[92]). A filla do Mariscal logrou sentencias favorables sobre Galdo na Audiencia de Galicia, a Chancelería  de  Valladolid e tamén no Consello Real. O caso de Galdo é único e estará vivo durante un século, entre recursos e cambios de instancia, dende 1494 ata 1598 (sentencia definitiva)[93]. É por iso que esta relativa devolución tivo un grande certo impacto nos ambientes fidalgos pro-Mariscal[94], impulsando en xeral a tradición popular favorable, pero non semella que houbera outras devolucións[95]. Pese a que, cara 1494, Dona Beatriz se querelara ante os Reis contra a negativa de veciños de Viveiro a devolverlle “muchos bienes muebles e rayzes, que ella pertenescen” como filla de Pardo de Cela[96].

Os escudeiros de Pardo de Cela, despois da súa morte, capitaneados polo seu sobriño Pedro Pardo de Cabarcos, van á guerra de Granada para se congraciar cos Reis. Buscando manter legalmente a súa condición de fidalgos, obtida de feito como todo o que facía o Mariscal, fronte á opinión da nova irmandade popular organizada polos Reis Católicos que non os consideraba como tales e os empadroa. En 1515-1517 e 1528, os representantes reais actúan contra as cartas e testemuños falsos fabricados co fin facer fidalgos ós escudeiros do Mariscal[97].

* Publicada unha primeira versión máis reducida en “Ascenso e caída de Pardo de Cela”, Antón Losada Diéguez. 10 anos dun premio, Poio, Concello de Carballiño, 1995, pp. 85-89.

[1] Benito VICETTO, Historia de Galicia, 1872, VI, pp. 188-189.

[2] Exemplos de violencia contra clérigos para quedarse cos seus cartos en José GARCÍA ORO, Galicia en la Baja Edad Media, Santiago, 1977, p. 158; tamén contra fidalgos adversarios en Vasco de APONTE, Recuento de las casas antiguas del reino de Galicia [c. 1530], Santiago, 1986, p. 133.

[3] Practicaba persoalmente o secuestro (rescate), como cando prendeu ó clérigo de Bundián, Gonzalo García, que deixou libre previo pago de 4.000 marabedís, que “estuvo fuydo por miedo del [Mariscal]tres años fuera del Reyno de Galizia, fasta que el dicho Pero Pardo murió”; en 1483, no seu testamento pediu perdón e devolveulle 2.000 marabedís, José GARCÍA ORO, op. cit., p. 158; nas copias do testamento recentemente  recuperadas aparece como Gonçalo Garçía, “bachiller de la gramatyca”, pediulle perdón e  a devolución dos 2.000 marabedís, pero nada di do secuestro,  El testamento del Mariscal Pardo de Cela, p. 200.

[4] “cortaron la cabeça a Pedro Pardo o mariscal. Y todos los señores se reçelaban”, Vasco de APONTE, Recuento de las casas antiguas del Reino de Galicia, Santiago, 1986, p. 253.

[5] ídem, pp. 132, 142, 167, 170.

[6] José GARCÍA ORO, op. cit., pp. 255-258.

[7] Diego de VALERA, Crónica de los Reyes Católicos, Juan Carriazo edit., Madrid, 1927, p. 103.

[8]  José GARCÍA ORO, op. cit., pp. 170-171.

[9] “no les consistáis entrar ni estar en el dicho reino sin mi liçencia y especial mandado”, Laura FERNÁNDEZ VEGA, La Real Audiencia de Galicia, III, A Coruña, 1982, pp. 12-17.

[10] Eduardo PARDO DE GUEVARA, El Mariscal Pardo de Cela y la Galicia de fines del siglo XV, Lugo, 1981, p. 111.

[11] Vasco de APONTE, op. cit., p. 142; Eduardo PARDO DE GUEVARA, op. cit., pp. 110-111; José GARCÍA ORO, op. cit., pp. 157-158.

[12] Amparo RUBIO, “Los primeros vizcondes de Altamira en la villa de Viveiro: adquisición y pérdida de un señorío en el Reino de Galicia”, Cuadernos de Estudios Gallegos, nº 125, 2012, p. 99; Viveiro foi vila de reguengo dende 1346, logo varios nobres trastamaristas a ocuparon, ou tentaron ocupala: Fernán Pérez de Andrade, Gómez Pérez das Mariñas, Alonso Pérez de Viveiro e Pedro Pardo de Cela, José GARCÍA ORO,  Historia de las diócesis españolas. Lugo-Mondoñedo-Ferrol-Orense, Madrid, 2002, p. 234.

[13] Eduardo PARDO DE GUEVARA, El Mariscal Pardo de Cela y la Galicia de fines del siglo XV, pp. 110-111.

[14] A usurpación do bispado polo Mariscal, faise completa despois da revolta irmandiña, coa complicidade forzada, ou interesada do bispo e dun novo cabido; vese claramente nun documento do 15 de maio de 1473 en que o Mariscal xulga e sentencia en favor da Igrexa, sobre a posesión de varios termos, contra o alfaiate Pedro Martínez, publica José GARCÍA ORO, Galicia en la Baja Edad Media, pp. 252-253; Enrique CAL PARDO, Catálogo de los documentos medievales, escritos en pergamino, del Archivo de la Catedral de Mondoñedo, Lugo, 1990, p. 601.

[15] Pegerto SAAVEDRA, Economía, Política y Sociedad en Galicia: la provincia de Mondoñedo, 1480-1830, Madrid, 1985, p. 34; “Da Idade Media a Idade Moderna: As bases do Antigo Réxime Galego”, III Xornadas de Historia Galega, Ourense, 1986, p. 26.

[16] Carlos BARROS, “Vivir sin señores. La conciencia antiseñorial en la Baja Edad Media gallega”, Señorío y feudalismo en la Península Ibérica (siglos XII-XIX), Zaragoza, 11-14 de decembro de 1989, pp. 628-630; Mentalidad justiciera de los irmandiños, siglo XV, Madrid, 1990, p. 242; ¡Viva El-Rei! Ensaios medievais, Vigo, 1996, pp. 236-237.

[17] Testemuño oral de Pedro Paxariño, veciño de Monforte, Ángel RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Las fortalezas de la Mitra compostelana y los “irmandiños”, I, Pontevedra, 1984, p. 162.

[18] Licenciado MOLINA, Descripción del Reyno de Galicia [1550,  Mondoñedo], Madrid, 1675, p. 107; logo foi reedificada polo Mariscal e derribada de novo por Fernando de Acuña en 1482, Las fortalezas de la Mitra, pp. 137, 148, 245; Bartolomé MOLINA, Descripción del Reyno de Galicia [Mondoñedo, 1550], 3ª edición, Madrid, 1675, p. 107; “asimismo le derrocaron los irmandiños las restantes fortalezas de su propiedad”, Memorial de la Casa de Saavedra, Granada, 1674, p. 139.

[19] Carlos BARROS, “Cómo construye su objeto la historiografía: los irmandiños de Galicia”, Hispania, nº 175, 1990, pp. 861-862.

[20] “Irmandiños, guerra e paz”, conferencia de Carlos Barros no curso “Guerra e paz en Galicia”, organizado pola Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia. Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2018 (https://youtu.be/9UrklqDaNDw).

[21] Carlos BARROS, Mentalidad justiciera de los irmandiños, siglo XV, Madrid, 1990, p. 229; a data de referencia desta agresión de Fernán Pérez de Andrade, Gómez Pérez das Mariñas, Pedro Pardo de Cela e outros cabaleiros que derribaron os castelos herdados por Alonso de Lanzós (Serantes, hoxe no concello de Ferrol; As Mestas, hoxe no concello das Somozas na comarca de Ferrol; e Ortigueira) é circa 1446: cando Xoán II ordena a Pedro Álvarez Osorio, futuro Conde de Lemos, que faga o posible que lle sexa devoltos a Alonso de Lanzós, “mi vasallo… ciertos bienes muebles e rayses e casas fuertes e posesiones e otras heredades”, pois sendo “menor de hedat, algunas personas poderosas… se apoderaron de los bienes e posesiones que el dicho su padre dexó e pertenescen a él e que ge lo tienen tomado e ocupado por fuerça e contra su voluntad”, Eduardo PARDO DE GUEVARA, Los señores de Galicia. Tenentes y Condes de Lemos en la Edad Media, A Coruña, 2000, tomo II, pp. 88-89.

[22] Eduardo PARDO DE GUEVARA, op. cit., p. 111, n. 43.

[23] Francisco MAYÁN FERNÁNDEZ, El Mariscal Pardo de Cela y la Iglesia de Mondoñedo a la luz de nueva documentación histórica, Viveiro, 1962, p. 38.

[24] “Es completamente falso [que] haya militado jamás entre los secuaces de La Beltraneja”, Francisco MAYÁN FERNÁNDEZ, op. cit., pp. 43-45, 78; Eduardo PARDO DE GUEVARA, op. cit., pp. 133-138.

[25] Vasco de APONTE, op. cit., p. 232.

[26] José GARCÍA ORO, op. cit, p. 258.

[27] O decreto de formación das novas irmandades é do 18 de febreiro de 1480, sendo encomendada a súa organización a Antonio de Paz, arcediago de Camaces (Salamanca), e ó licenciado Fernando Gómez de Tordehumos: o longo dese ano participan xa na guerra contra Pedro Madruga e toman fortalezas de Sueiro Gómez de Soutomaior e Fernán Pérez Parragués, Galicia en la Baja Edad Media, pp. 139-140, 154; a partir da chegada de Acuña e Chinchilla constitúen o canle principal para articular o apoio popular á  súas accións militares contra Pardo de Cela, o Conde de Lemos e outros nobres galegos, inimigos históricos dos populares e rebeldes ós Reis Católicos; entre 1486 e 1496, resolto o problema dos nobres malfeitores, se suceden in crescendo os conflitos entres os pobos e a nova  Hermandad polos seus tributos, ídem, pp. 142-143.

[28] José GARCÍA ORO, op. cit., pp. 145-149.

[29] A posesión da Mitra lucense simbolizara a vitoria de Pedro Álvarez Osorio, en 1469, sobre o cabido e a Santa Irmandade da cidade e diocese de Lugo.

[30] Fernando PULGAR, Crónica de los Reyes Católicos, BAE nº 70, pp. 380-381, 432.

[31] Vasco de APONTE, op. cit., p. 253.

[32] José GARCÍA ORO, La nobleza gallega en la Baja Edad Media, Santiago de Compostela, 1981, p. 304

[33] Vasco de APONTE, op. cit., p. 254.

[34] As cidades mesmas, teoricamente interesadas en conseguir representación directa (a tiñan a través de Zamora) nas Cortes de Castela,  non a reivindicaban porque o aproveitaban para negaren o pago dos pedidos reais: cara 1465 o Concello de Ourense dille a Henrique IV que non está obrigado a pagar os tributos do Rei xa non tiveron ocasión de decidilo por non estar o Reino de Galicia representado directamente nas Cortes, publica José GARCÍA ORO, Galicia en la Baja Edad Media.  Iglesia, Señorío y Nobleza, Santiago de Compostela, 1977, p. 247.

[35] Vasco de APONTE, op. cit., p. 148.

[36] ídem, pp. 230, 232.

[37] Documento que nos ofrece unha versión dos feitos distinta ó que di Aponte, Francisco MAYÁN, op. cit., p. 44.

[38]  O que non é óbice para intenten, sen éxito, os seus descendentes argumentar que o Mariscal perdera o favor dos Reis pola “envidia” dos outros cabaleiros.

[39] O 10 de xuño de 1478 os Reis esixen a Pardo de Cela que pague, sen excusas nin pretextos, o que debía o fisco real en “pedidos, monedas, alcabalas, diesmos e alfolís”, José GARCÍA ORO, Galicia en la Baja Edad Media. Iglesia, señorío y nobleza, Santiago de Compostela,1977, p. 161.

[40] Sobre o interese directo dos Reis no axustizamento de Pardo de Cela, insiste Bernardo Herbella na importancia da Viveiro, vila real: “el Processso, i Sentencia contra el Mariscal Pedro Pardo, que havia preocupado al Rei [por] la villa de Vivero, condenándole a la muerte de Garrote [ó fin o degolaron como cabaleiro], que sufrió; i penando extraordinariamente a otros cómplices, para que, sirviendoles de ejemplo el espectáculo, se consiguiesee el fin de la Justicia”, Derecho práctico i estilos de la Real Audiencia de Galicia, Santiago de Compostela, 1768, cap. I, nº 8, p. 8.

[41] José GARCÍA ORO, Galicia en la Baja Edad Media, p. 160.

[42] José GARCÍA ORO, op. cit., pp. 161-163; Francisco MAYÁN FERNÁNDEZ, op. cit., p. 49-51.

[43] Cédula do 27 de agosto de 1478, Archivo General de Simancas, Registro General del Sello, fol. 67.

[44] Laura FERNÁNDEZ VEGA, La Real Audiencia de Galicia, II, A Coruña, 1982, p. 249, nº 2.

[45] Publica Francisco MAYÁN, op. cit., pp. 54-55.

[46] José GARCÍA ORO, op. cit., p. 163.

[47]  APONTE, op. cit., p. 123; José VILLAMIL y CASTRO, “El Mariscal Pardo de Cela”, Galicia Histórica, 1901, nº 2-3, p. 155; cando o “conde viejo de Lemos, … aun era vivo [morre en febreiro de 1483]… Don Fernando de Acuña arto tenía que haçer, porque tenía çercado a Pedro Pardo en Peña Frouxeira”, APONTE, op. cit., p. 253.

[48] A Acuña “le mataron muchos hombres e fueron asaz muertos de los que en ella estavan”, Diego VALERA, op. cit., p. 103.

[49] José VILLAMIL Y CASTRO, op. cit., p. 156; Pedro Pardo tiña moitos frontes que atender como para ficar oito meses varado na Frouxeira, ademais da mala experiencia pasada, en 1467, cando os irmandiños toman a Frouxeira e o prenden.

[50]  Diego VALERA, op. cit., p. 103; a derruba tamén está confirmada na versión C (1752) do romance do Mariscal: “El castillo de la Frouseira fue del todo derrivado pues ahora nibestixios deel seencuentran en el rreferido monte”, pub. Eduardo PARDO DE GUEVARA, op. cit., p. 193; nas coplas da versión B xa se dicía que fora derribada a Frouxeira, o novo agora é o testemuño de vista do século XVIII.

[51]  Fernando Saavedra explica, tirando da tradición oral, o brutal e persoal enfrontamento entre a xente do bispo e Pardo de Cela entre o fin da revolta irmandiña e a chegada de Acuña a Galicia: escribe (falsamente) que un descoñecido bispo de Mondoñedo “doulle en dote [a Isabel de Castro, filla do Conde de Lemos] a renta do seo Obispado por días da sua vida”, a fin de casar con Pedro Pardo de Cela: “co esso andaban à mal facer… donde se encontravan as suas gentes avan as maos”,  os do bispo e os do Mariscal, de xeito que éste “por defender à dote, pegava nos cregos, è segrares, è os matava, è podia mais co Bispo, è outros Cavaleyros”, avisaron ós Reis que o chamaron á Corte, desobedecendo Pedro Pardo e refuxiandose na Frouseira co argumento que tiña “pavor o queyrian matar, ou desterar dos Reinos de Spana”, Memorial de Saavedra, fol. 138.

[52] O Gobernador non pode estar en todas partes, vai tomando as fortalezas rebeldes unha tras outra coa axuda das milicias populares, encadradas nas novas irmandades que ordenaron facer os Reis Católicos, convocadas por eles para prestar “favor e ayuda” ós seus enviados contra os cabaleiros e as fortalezas “dañosas”, Laura FERNÁNDEZ VEGA, La Real Audiencia de Galicia, III, pp. 8 (1480), 15 (1483).

[53] Vasco APONTE, op. cit., pp. 253-254.

[54] Vasco de APONTE, op. cit., p. 253.

[55] Diego VALERA, Crónica de los Reyes Católicos, p. 103.

[56]  Fernando PULGAR, Crónica de los Reyes Católicos, BAE, nº 70, p. 357.

[57] Vasco de APONTE, op. cit., p. 123.

[58] Insiste Valera, igual que fará despois Aponte, en que a decisión de axustizar a Cela, e os seus, é exclusivamente cousa do Xustiza Maior e Gobernador Fernando de Acuña, moi felicitado por iso na Corte real.

[59] Na versión C, falando da detención de Pardo de Cela en Castrodouro, dise: “yjuntamente prendieron muchos hidalgos y Labradores onrados quesehallaban allí sin sersavedores delatraizión” (pub. Eduardo PARDO op. cit., p. 188); en referencia á condición social do grupo de cabaleiros, escudeiros e peóns que acompañaban ó Mariscal na defensa do Castro Douro, entre eles puido ben saír a parte máis primitiva do romance; iso de que non sabían da traizón da Frouxeira abunda na presenza simultánea na tradición oral dos dous feitos militares separados no tempo, 1482 (caída da Frouxeira)  e 1483 (caída de Castro Douro).

[60] Diego de VALERA, op. cit., p. 104; no se refire só a Mondoñedo, senón a toda Galicia, onde os bispos poucas fortalezas lles quedaban en pé despois da revolución irmandiña primeiro e das 46 que foron feitas novamente e tirou abaixo o propio Acuña.

[61]  Ibidem; en 1493 témolo de Virrei en Sicilia por orde dos Reis Católicos.

[62] Non debería pasar desapercibida a presenza de Camaces, o organizador das novas irmandades,  xunto con  Acuña e Chinchilla, nas loita contra á nobreza recalcitrante e as súas fortalezas reedificadas: “bio despues de  pasadas las dichas hermandades [revolta irmandiña] venir a este dicho Reino de Galizia al dicho arçediano de Camazes e Liçençiado de Chinchilla e don Fernando de Acuña por Gobernador y los otros justiçias del Rey y que despues de benidos dize dicho testigo aquellos derrocaran a Castro Doiro que hera de Pedro Pardo e le cortaran la cabeça en Mondoñedo”,  Las fortalezas de la Mitra compostelana y los “irmandiños”, p. 417.

[63]  Pola que tanto loitaron os irmandiños, que non axustizaron a ningún señor, como xa vimos.

[64] Fernando PULGAR, op. cit., p. 134.

[65] Vasco de APONTE, op. cit., p. 260.

[66] José GARCÍA ORO, op. cit., p. 167.

[67] Non é certo, derrubaran ducias de fortalezas reedificadas logo da gran revolta de 1467-1469.

[68] Laura FERNÁNDEZ VEGA, La Real Audiencia de Galicia, III, pp. 10-11.

[69] ídem, p. 14.

[70] ídem, pp. 12-13, 16-17.

[71] Fernando PULGAR, op. cit., p. 357.

[72] Acusación que estendían a toda a nobreza galega daquel entón, todo hai que dicilo, ¡Viva El-Rei! Ensaios medievais, pp. 224-225.

[73] Ángel RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Las fortalezas de la Mitra compostelana y los “irmandiños”, 2 vol., Pontevedra, 1984, pp. 134, 137, 176, 188, 245, 417, 420, 425, 428, 489, 565.

[74] Sobre o peso da Frouxeira nos acontecementos que levan á morto do Maríscal hai máis unidade de criterio.

[75] Las fortalezas de la Mitra compostelana, p. 215; o mesmo di APONTE, op. cit., p. 123.

[76] Di unha testemuña: “lo degollaran porque dicho Pedro Pardo dezian que robaba y hazia males”, Las fortalezas de la Mitra compostelana, p. 565.

[77] Situación que non se debería corresponder coa realidade actual do nacionalismo galego, reconstruído en democracia sobre unha base popular se cadra máis clara que o nacionalismo histórico.

[78] Francisco Mayán, El Mariscal Pardo de Cela y la iglesia de Mondoñedo a la luz de la nueva documentación histórica, Viveiro, 1952, pp. 75-76

[79] Probablemente os primeiros redactores e difusores estaban entre os que acompañaban ó Mariscal na defensa de Castro Douro, moitos deles aprehendidos logo -xunto co seu señor-  en outubro de 1483.

[80] Laura FERNÁNDEZ VEGA, La Real Audiencia de Galicia, I, p. 108.

[81] Fernando de Acuña será despois ben recompensado polo seu papel pacificador en Galicia:  en 1493, témolo de Virrei en Sicilia en nome dos Reis Católicos, RAH, Colección Salazar y Castro, tomo I, fol. 217-218.

[82] Antonio LÓPEZ FERREIRO, Galicia en el último tercio del siglo XV, Vigo, 1968, p. 111.

[83] Vasco de APONTE, op. cit., p. 123.

[84] “… y el rey le aseguró la vida porque le sirvió en la de Málaga, mas nunca le quiso ver”, Vasco de APONTE, op. cit., pp. 123-124; a relación amigable de López de Haro e Diego de Andrade evidencia os cambios ocorridos a partir da parcial substitución de Acuña.

[85] José GARCÍA ORO, op. cit., p. 174.

[86] Cumpre distinguir o pacifismo irmandiño entre 1467 e 1469 que respectaba a vida dos cabaleiros derrotados -conforme vimos no primeiro capítulo- e o asañamento da nova monarquía contra o nobre malfeitor Pardo de Cela no intre histórico da recuperación do monopolio  da violencia por parte do Estado moderno.

[87] “Vencedores e vencidos na revolta irmandiña”, conferencia de Carlos Barros no espazo cultural Portas Ártabras, organizada pola Asociaçom Cultural O Facho. A Coruña, 24 de abril de 2018 (https://youtu.be/vKAhzBkJzIc).

[88] AGS, RGS, V-1484, fol. 83.

[89] Boletín de la Comisión de Monumentos de Lugo, IX, pp. 33-34.

[90] José GARCÍA ORO, op. cit., pp. 165-169; dez anos despois o padre Oro  inclúe este texto noutra obra borrando o parágrafo onde  dicía,  sen xustificación,  que “Las hijas del Mariscal parecen haber conseguido su intento reivindicador”, Galicia en los siglos XIV y XV, tomo  I, Pontevedra, 1987, p. 364.

[91] O truco foi véndelo en pública poxa, co obxecto de cumprir coas mandas testamentarias do Mariscal, e adquirilo el mesmo, José GARCÍA ORO, op. cit., p. 169; dubidamos que Ribadeneira entregara ós beneficiados as cantidades que lles viñan atribuídas no testamento.

[92] El testamento del Mariscal Pedro Pardo de Cela, p. 201.

[93] José GARCÍA ORO, Galicia en la Baja Edad Media, p. 169; véxase tamén José GARCÍA ORO, María José PORTELA SILVA, “Osorios, Bolaños, Pardos y Ribadeneiras: Las casas nobles lucenses, camino de la Modernidad”, Anuario brigantino,  nº 25, 2002, p. 160

[94] O interpretaban como unha demostración da súa inocencia: “se o mataran por cousa má quel overa feyto, non lle bolveran seuos bes, ni as netas casaran tan nobremente “, Memorial de Saavedra, fol. 137 v.

[95] “No queda evidencia documental de que estos bienes significativos reclamados a primera hora fuesen devueltos”, José GARCÍA ORO, María José PORTELA SILVA, op. cit., p. 159; veremos ademais supra ó falar do testamento do Mariscal como, en 1542, outros descendentes perden outro preito contra a Igrexa de Mondoñedo, foi o normal; na versión da Relazón reivindicando a Pardo de Cela dise claramente, falando de Beatriz de Castro, filla e herdeira principal do Mariscal, e as súas fillas: “non lle bolveran seuos bes, ni as netas casaran tan nobremente”,  Memorial de Saavedra, fol. 137 v.

[96] José GARCÍA ORO, Galicia en la Baja Edad Media, p. 169.

[97] Boletín de la Comisión de Monumentos de Lugo, VII, pp. 77-79.