Publicado en

Como constrúe a historiografía o seu obxecto: os irmandiños de Galicia*

 

Carlos Barros

Universidade de Santiago de Compostela

 

O resultado do traballo do historiador, ¿é a verdade histórica ou é a verdade que el mesmo fabrica?. A dúbida asalta ó investigador, consciente das mediacións existentes entre os feitos tal como sucederon e a reconstrución posterior que el leva a cabo. Ás limitacións derivadas das fontes conservadas hai que engadir a propia subxectividade do historiador, quen selecciona tema, documentos, métodos, e interpreta continuamente a información dese xeito obtida, sen para iso despegarse totalmente dos seus preconceptos, da súa mentalidade como historiador e como cidadán. Sen embargo, a ciencia histórica progresou enormemente. O historiador, ó construir o seu obxecto, descúbreo: cada vez sabemos máis e mellor os feitos do pasado. Mediante as aproximacións sucesivas coñecemos unha verdade cun relativismo que garante o seu carácter científico.

Factor de progreso do coñecemento histórico é o rexurdir cíclico; ese leitmotiv de que a historia é imposible, redúcese a unha “invención” de quen a cultivan, toda ela é contemporánea, a historia non é unha ciencia, etc.; contrapeso necesario e revulsivo crítico para que asi o historiador non durma nos laureis dun neopositivismo, acotío inxenuo, fundado na crenza de que basta cun estudo crítico e /ou cuantitativo das fontes -condición necesaria pero non suficiente- para asegurar o resultado científico dunha investigación.

Os dous pilares que fixeron avanzar a historia como disciplina científica son: as fontes depuradas criticamente e a análise destas por medio do coñecemento xeral acumulado polo historiador. Nas dúas direccións, o pulo recibido ultimamente é impresionante.

Imos cara unha nova erudición: o concepto de fonte histórica ampliouse enormemente, do narrativo ó notarial, do escrito ó oral, a propia inexistencia de documentos -o silencio- é un dato de primeira man; as ciencias auxiliares ensánchanse para facer espacio á informática, e xunto con disciplinas tradicionais como a Diplomática, a Numismática ou a Xenealoxía, actualmente o método crítico esixe a colaboración coas disciplinas veciñas e coas ciencias sociais, non só coa Xeografía e a Lingüística, tamén coa Economía e a Socioloxía, e máis recentemente coa Psicoloxía e a Antropoloxía; para obter a verdade contida nos documentos é preciso engadir, pois, nos manuais de historia un apartado para as ciencias cooperantes, ó obxecto de non marxinar á historia dos avances científicos que afectan ós métodos, ás técnicas e ás teorías para obter a información veraz que se atopa nas testemuñas do pasado.

Por outra banda, integrar a subxectividade do historiador no discurso histórico é requisito previo e científico para avaliar a súa obxectividade, e un factor enriquecedor dos estudos históricos por comportar pluralidade de enfoques e metodoloxías, pero, ante todo, este coñecemento non directamente baseado en fontes, é “la pricipal condición del progreso de la investigación histórica”[1], permite ó investigador buscar, inventariar e empregar os datos das fontes, que á súa vez a continuación pasan a formar parte do coñecemento non basado en fontes.

Debemos a Jerzy Topolsky o desenvolvemento teórico deste concepto do coñecemento non basado en fontes, e a plena toma de conciencia do seu papel esencial na investigación histórica. O coñecemento non basado en fontes está constituido por dúas partes:  o coñecemento xeral e corrente do historiador (senso común, cultura, sistema de valores), que fai posible o seu labor de busca de datos, selectiva e interpretativa, e o coñecemento estritamente científico referido ás restantes ciencias e ó saber filosófico e metodolóxico[2]. A non integración da subxectividade do observador no proceso da investigación é frecuentemente xerme de mala conciencia no historiador, cando non fomenta a desconfianza na propia cientificidade e utilidade da historia, descoñecéndose non poucas veces que as ciencias da natureza, punto de referencia supremo da historiografía máis empirista, contemplan, así mesmo, no seu proceder científico un importante compoñente filosófico, metodolóxico e cultural non baseado en fontes.

Os documentos históricos proveen de datos ó historiador, de acordo cos esquemas previos deste, e fan posible a verificación de hipóteses, a resposta de preguntas e a elaboración de conclusións; o vaivén entre a fonte e o coñecemento, a experiencia investigadora e a teoría, é a clave da historia como disciplina científica, e elucida o que queremos decir cando aseveramos que o obxecto histórico se descubre conforme se constrúe.

O obxecto histórico como edificio está formado por materiais moi diversos, con frecuencia de orixe extra-histórica no senso máis restritivo e empírico do termo “histórico”. A toma de conciencia da importancia capital do coñecemento non baseado en fontes é de especial utilidade se facemos a historia da historia: non é outro o enfoque deste traballo; tentamos entender como o presente do historiador influíu na reconstrución do pasado, comprobando que o avance historiográfico en Galicia -as súas luces e sombras- resulta tributario de múltiples factores non baseados en fontes, dende a difusión do liberalismo á formación da ideoloxía nacionalista.

Pretendemos esbozar brevemente a evolución, e o progreso, do coñecemento historiográfico da revolta popular da Santa Irmandade, que tivo lugar no Reino de Galicia entre 1467 e 1469, partindo das fontes e da tradición oral producidas polos protagonistas, analizaremos as aportacións da historia pragmática, crónicas e nobiliarios, e da historia romántica que dará paso ás historiografías nacionalista e positivista.

A historiografía galega descubriu a revolta de 1467 como obxecto histórico a mediados do século XIX. O achádego dos irmandiños posibilita a fundación dunha historiografía netamente galega e, máis alá, constitúe un sinal de identidade nacional: é na actualidade un dos acontecementos históricos máis coñecidos de Galicia, e por todo iso un dos máis necesitados da atención dos historiadores de profesión. Aínda hoxe, recuperadas xa as fontes máis directas do levantamento e dos seus protagonistas, non se superou enteiramente a mitificación que acompañou a representación do feito irmandiño dende a súa reentrada na historia da man dos historiadores románticos e galeguistas.

Cada historiador contribuirá ó coñecemento da revolución galega de 1467,segundo os seus coñecementos non baseados en fontes, as súas concepcións e coñecementos históricos, poñendo o acento en tal ou cal fonte ou método de análise, dando maior olu menor importancia histórica ó evento irmandiño, caracterizado social e nacional de distinta maneira, valorando máis o que tivo de vitoria ou o que tivo de derrota, posicionándose en xeral a favor ou en contra dos sublevados, sobre todo ó principio.

Este problema de que o observador toma partido ante o acontecemento irmandiño, ten vixencia mentres permanecen activas as tradicións opostas que nacen nos anos 1467-1469, mentres siguen vivos os problemas histórico-sociais de fondo que a rebelión dos vasalos contra os señores medievais suscita: ó longo do século XX, a cincocentos anos da revolución irmandiña, existen plenas condicións científicas e culturais para unha síntese obxectiva e imparcial dos feitos. A polémica historiográfica prosigue, pero os temas a debate hai moito que non derivan duns posicionamentos favorables ou contrarios ós irmandiños, que terían levado a unha nefasta historia de buenos y malos[3], nin aínda nas épocas romántica e nacionalista, cunhas historiografías respectivas que fixeron seu o carácter antiseñorial do levantamento, a idealización dos irmandiños supuxo a satanización dos seus enemigos, moi ó contrario, posto que tamén algúns os ensalzan e mitifican, como é notorio no caso do mariscal Pardo de Cela e de Pedro Álvarez de Soutomaior, chamado Pedro Madruga, sen deixar de revelarse decididos partidarios dos irmandiños.

 

       Tradición oral

 

As fontes susceptibles de ser interrogadas en col dos feitos do pasado sofren unha triple selección: a) a pegada que deixan os actores da súa participación nos acontecementos é moi desigual, segundo sexan analfabetos ou non, urbanos ou rurais, populares ou señoriais, e segundo a idade, o sexo e a profesión; b) non todos os documentos producidos no seu momento se conservaron por igual, e durante o mesmo período de tempo; c) o historiador explora e manexa normalmente unha parte das testemuñas dispoñibles, que enfoca metodoloxicamente de acordo co seu persoa coñecemento non baseado en fontes.

A historiografía dos irmandiños é, en primeiro lugar, a historia da recuperación de tódalas fontes irmandiñas, dende o nobiliario de Vasco de Aponte ás probanzas do Preito Tabera-Fonseca.

As primeiras fontes en atoparse foron as narrativas, en especial as nobiliarias, despois saíron á luz documentos entresacados dos arquivos catedralicios e monásticos e por último as actas notariais dalgún concello urbán (Ourense). Conforme a historia se fai máis erudita, amplíase o conceito de fonte histórica, danse a coñecer máis documentos e máis puntos de vista sobre a revolta -cunha importancia que xa fora descuberta pola historia romántica-, acercándonos asi ós seus protagonistas populares. Pero chegamos demasiado tarde, por exemplo, para rastrexar testemuñas irmandiñas nos arquivos municipais, a maior parte da súa documentación medieval xa non existe, co agravante de que, entre os principais suxeitos sociais da revolta, só as cidade chegaran a xerar un sistema de notarios oficiais e de arquivos. O achádego do Preito Tabera-Fonseca (1926), e en especial a súa edición completa (cincuenta e oito anos despois por parte de Ángel Rodríguez González[4], compensa o relativo baleiro de testemuñas urbanas e resolve sobre todo un problema fundamental, que en moi poucas revoltas medievais está solventado: dar a voz ó mundo campesiño e rural, e en xeral á xente común, protagonista masivo dos feitos revolucionarios de 1467-1469. Péchase deste xeito un ciclo heurístico que vai dende a fonte literaria e nobiliaria máis contraria ás testemuñas orais e populares máis favorables[5]. Folga dicir que dita gradación social actitudinal e psicolóxica das fontes irmandiñas con que o historiador se foi atopando, inflúe na reconstrución da revolta como obxecto histórico.

A función complementaria, respecto do estudo do documento escrito, que a historia oral dos tempos presentes asigna á análise das testemuñas orais[6], hai que engadir, para a Idade Media, o carácter case sempre insubstituíbel dos documentos que podemos considerar orais para acceder ó punto de vista popular dos feitos, cando non o xeito de obter datos factuais. Unha boa parte das novas que coñecemos sobre a insurrección da primavera de 1467, proceden do Preito Tabera-Fonseca, se ben a aportación histórica máis importante desa fonte emana -na nosa opinión- do exame cuantitativo das 204 declaracións orais (sobre o como e o porque do derrocamento de fortalezas en 1467, entre outras preguntas e respostas) transcritas de que constan as probanzas, co fin de indagar a mentalidade colectiva dos sublevados e dos seus descendentes, e o impacto da gran irmandade na memoria colectiva do reino de Galicia. Medios e fins factibles coas cotas acadadas hoxe polo coñecemento histórico non baseado en fontes, concretamente, a revalorización de determinadas fontes notariais como peculiares arquivos orais e a converxencia da historia social das mentalidades coa psicoloxía social e a antropoloxía.

As probas orais do Preito Tabera-Fonseca teñen lugar en 1526 e en 1527, sesenta anos despois da revolta; a maioritaria tradición oral favorable que alí temos detectado, principalmente sustentada por testemuñas campesiñas e artesáns, ¿ata cando dura? Non máis de cen anos. Xa Mircea Eliade precisou que a memoria popular tiña serias dificultades para manter no tempo o recordo fiel dun acontecemento histórico, sen transformalo en arquetipo[7], e non atopamos indicio algún que indique a supervivencia da Santa Irmandade como mito tradicional na cultura popular moderna. En 1604 os campesiños xa non recordan a revolta de 1467, que sen embargo permanece oralmente viva aínda (pero confundida coa memoria das comunidades de 1520-1521), ó longo de todo o século XVI, entre cóengos e eclesiásticos favorables[8]. En colectividades que non empregan a escritura como medio de transmisión, dificilmente se mantén a memoria dun feito histórico máis de cento cincuenta anos na época moderna e actual[9], se ben é certo que na Idade Media o habitual é concederlle a unha memoria fiel unha duración de cen anos[10].

Os recordos permanecen máis ou menos tempo segundo a importancia que teñan para os seus portadores sociais; ó desaparecer primeiro -a fins do século XV e principios do século XVI- a xeración campesiña que fixo a revolución irmandiña, e despois -cara a segunda metade do século XVI- a xeración que viviu os enfrentamentos posteriores arredor da reedificación dos castelos derrocados en 1467: a tradición oral e popular irmandiña extínguese. Conforme o perigo de que volvan as fortalezas, a violencia e sobre explotación señoriais amplíase, e as causas maiores que desencadearon os feitos de 1467 perden vixencia na Galicia do século XVI, a mentalidade de revolta propiamente irmandiña queda sen o contexto social que a mantiña activa, e é progresivamente substituída pola memoria escrita, nobiliaria e contraria, que predomina xa abertamente no século XVII[11], servindo de base para algúns lugares comúns e mistificacións aínda hoxe difundidos en col dos irmandiños. A memoria corta do campesiñado fronte á memoria longa da nobreza, para quen a conservación do recordo familiar e colectivo era un medio e unha expresión do seu poder social[12]. A mediados do século XVI córtase a posibilidade de coñecer e estudar, por métodos históricos tradicionais, a visión que da irmandade tiñan os seus propios protagonistas populares: ata practicamente os tempos presentes…

 

       Crónicas

 

Simultaneamente coa tradición oral dos vasalos participantes en 1467, desenvólvese unha tradición escrita de tipo narrativo e savante, plasmada singularmente nas crónicas dos reis e nas xenealoxías dos documentos orais de orixe notarial en que, sendo así mesmo fontes bastante directas[13], son tamén os primeiros pasos da historiografía irmandiña, respondendo a fins propagandísticos precisos en pro dunha monarquía en auxe ou dunha nobreza medieval en declive, que xa non existe. Predominando no primeiro caso a actitude positiva  ós rebeldes, e no segundo máis ben o contrario, continuando asi uns e outros os posicionamentos que os oficiais reais por un lado e os grandes señores laicos por outro, adoptaran xa en 1467.

O feito de que algunhas crónicas insiren as novas irmandades noutras que atinxen ós reinos de Castela e León, vendo ós galegos como unha parte máis da Coroa real, e que os nobiliarios polo contrario subliñen o carácter e o contexto galego dos feitos relatados, sen establecer unha conexión especial por aqueles anos coa situación de Castela e cos seus rei, e dándolles en suma máis transcendencia: facilita a diverxente fortuna que terán na cultura galega do século XIX unha e outra tendencia historiográfica. As crónicas manteranse máis no esquecemento como fontes e relatos historiográficos dos sucesos da irmandade de 1467; as narracións nobiliarias serán, pois, a principal referencia historiográfica, é decir, aquelo que contaban os representantes e herdeiros dos antagonistas dos sublevados permanecerá ata o século XX case como a versión oficial, culta e, ademais, para moitos a única coñecida, dos feitos da Santa Irmandade do Reino de Galicia.

Alonso de Palencia, cronista oficial do reino de Castela, legounos unha relación breve pero substanciosa, redactada cara 1477, da formación e actividade da irmandade galega. Presenta a irmandade de Galicia como a máxima realización da irmandade xeral de Castela e León nada cara 1465 en Segovia, e mostra o seu entusiasmo pola eficacia do seu labor xusticieiro e antiseñorial, tomando fortalezas tidas por inexpugnables e perseguindo ata o exterminio ó señor máis poderoso de Galicia, o conde de Lemos, escribe o oficial real[14]. O mesmo Palencia conta cómo traballou con risco para a súa vida para implantar -1466- a irmandade en Andalucía, tentándoo de novo -1476- en tempos dos Reis Católicos[15]. Brinda incluso, no seu afán por defender ós irmandiños, unha peculiar explicación dos seus “excesos” facendo responsables ós mesmos nobres que finxíndose os seus partidarios, esaxeraron as súas facultades levándoas á beira do precipicio…[16]. Despois da testemuña de Alonso de Palencia, obxectivamente, non quedan dúbidas sobre a conexión entre a irmandade de Galicia e a irmandade de Castela e León, nesta estaba en principio integrada a primeira, como sabemos doutra banda polas fontes coetáneas. Agás a crónica de Enrique IV de Galíndez de Carvajal que recolle nas  Décadas de Palencia parte de dita información sobre Galicia, as restantes crónicas dos reinados de Enrique IV e dos Reis Católicos non fan especial mención á Santa Irmandade de Galicia, pero abondan en referencias xerais ás irmandades que se formaron de 1465 a 1468 e ás Juntas en que coordinaban a súa acción, sendo a tónica xeral que os cronistas vexan con simpatía o citado movemento popular sen deixar por iso de denunciar as súas “demasías” antiseñoriais.

A mal chamada “primeira guerra irmandiña”[17], a sublevación dos vasalos de Andrade en 1431, foi reconstruída indirectamente no século XIX a través dunhas liñas que, nun ton moi negativo para os rebeldes, dedícalle Pérez de Guzmán na súa crónica do reinado de Juan II; sen embargo, non se seguiu o mesmo camiño para narrar a revolta de 1467. ¿Por que? Circulaban copias manuscritas das crónicas reais que aparecían citadas nas historias españolas decimonónicas. A propia crónica de Palencia é editada parcialmente en latín en 1834 (en castelán a primeira edición é de 1904-1908), se ben é máis que probable que dito texto non fora coñecido por Vicetto e os historiadores galegos do romanticismo. En todo caso, a partires de fins do século XVIII e ó longo do século XIX, publícanse por outra banda as crónicas de Enríquez del Castillo, Bernáldez, Pulgar (que si manexou Murguía) e Valera, aportando datos que evidencian a existencia dunha corrente testemuñal e historiográfica culta e oficial -máis, se cabe, que as versións xenealóxicas- que ve con bos ollos os movementos irmandiños populares dos anos 60 (considerándoos precedentes da irmandade de 1476 tutelada polos Reis Católicos); a monarquía, interesada en refrear á nobreza medieval, apoia ás irmandades, recoñecendo un protagonismo do pobo na historia, que separa notablemente as crónicas dos clásicos relatos nobiliarios[18]. Pese ó cal, o monarquismo propagandístico destas fontes narrativas non deixa de ser un obstáculo para que en Galicia os historiadores liberais e rexionalistas[19] do século XIX as buscaran e estudaran con interese.

 

       Nobiliarios

 

A historia dos séculos XVI e XVII non pretende a busca da verdade como finalidade principal; é unha historiografía pragmática, enfocada cara un obxectivo utilitario, ben cantar en forma de crónicas de reinados as excelencias dos monarcas e/ou procurar a educación do príncipe, ben ensalzar a antigüidade e as proezas da nobreza, ben contar os feitos dos mosteiros e igrexas episcopais e a dos seus prelados. É propio da clase dirixente desvelarse por unha memoria escrita das súas virtudes e fazañas.

O problema irmandiño está presente, dende o século XV, nunha serie de xenealoxías. Lope García de Salazar, vello cabaleiro vasco de setenta e dous anos, prisioneiro do seu propio fillo na súa casa-torre redacta entre 1471 e 1475 Las Bienandanzas y Fortunas, servíndose -di- “de la memoria de mis antepasados e de las oydas e vistas mias”, buscando no bo exemplo dunha historia providencialista e nos grandes feitos e antigüidade dos liñaxes o antídoto contra a decadencia da nobreza baixomedieval, da cal a súa dramática e contraditoria situación era ben representativa[20]. A súa visión da revolta irmandiña non ten moita influencia na historiografía galega por tratarse dunha obra foránea, que polo demáis non se edita ata 1965. Con todo, Malaquías de la Vega cara 1622 sérvese do orixinal, que estaba -di- no Escorial, para facer referencia ó levantamento da irmandade de Galicia na súa obra Cronología de los  Jueces de Castilla, único conflito social importante que menciona na súa longa obra aínda hoxe inédita e manuscrita. Seguindo con isto das xenealoxías familiares, tamén escribe -mal, como nos casos anteriores- sobre os feitos de 1467; Diego de Soutomaior, fillo de Pedro Madruga, no seu nobiliario manuscrito Relación genealógica de los Sotomayor (AHN Diversos, Colección diplomática), datado a principios do século XVI; e moito máis adiante, en 1674, Fernando de Saavedra dá á imprenta, en Granada, o seu Memorial de la Casa de Saavedra, onde ven xustificar a demolición das fortalezas de Alonso López de Saavedra e a destrución dos seus estados, porque un antepasado do autor “se avía señalado tanto en la persecución de los hermandinos” (fol. 136), baseándose para dita valoración en fontes notariais e no libro do licenciado Molina; temos aquí, en certo xeito, unha supervivencia da tradición nobiliaria favorable á gran Irmandade, que tanta importancia tivera en que co paso do tempo resulta marxinada pola representación que elaboraron da revolta os grandes señores que en 1467 fuxiron de Galicia, perseguidos polos seus vasalos: Andrade, Ulloa, Pimentel, Soutomaior, Pardo de Cela, conde de Lemos, etc.

A maior amplitude de información sobre o levantamento irmandiño, nunha fonte nobiliar contraria, atopámola na obra cume do coruñés Vasco de Aponte, criado de Fernando de Andrade, Recuento de las Casas Antiguas del Reino de Galicia, (1530-1535), da cal correron múltiples copias manuscritas nos séculos XVI, XVII e XVIII, ata que Benito Vicetto edítaa (Ferrol, 1872). A relación directa coa nobreza galega, cun poder e patrimonio que fora obxecto das iras irmandiñas, está neste caso garantida a través dos Andrade. A información de primeira man contribúe moito a que durante séculos, ata o achádego de Preito Tabera-Fonseca, o nobiliario de Aponte sexa a fonte principal para o estudo do acontecemento irmandiño. Aponte inspira, entre outros, ó primeiro cronista oficial de Galicia, Felipe de la Gándara, nomeado pola Junta de Galicia en 1654, que imprime en 1662 en Madrid o seu nobiliario Armas y triunfos. Hechos heroicos de los hijos de Galicia.

A nova representación da revolta irmandiña que se infire do nobiliario de Aponte, e en xeral da tradición narrativa nobiliaria, ten as seguintes características:

  1. a) Presenta os feitos como unha loita social entre os vasalos e señores, punto no que non se distinguen de entrada os nobiliarios das crónicas ou da tradición popular, agás na radicalidade con que o manifestan, sen parangón nas fontes anteriormente citadas. Fálase pouco ou nada da base lexitimadora[21] dos insurrectos de 1467 (agravios e abusos que perpetraban os señores laicos dende as súas fortalezas), centrando na conciencia antiseñorial absoluta dos vasalos o motor dunha sublevación que ten como consecuencia a desobediencia dos vasalos ós seus naturais señores, a negativa ó pago de rendas e a ocupación indebida de fortalezas, terras e xurisdicións. Por todo iso dinlle a irmandade loca, e enchen de insultos ós vasalos insubordinados (viláns, chusma, xente vil)[22], mostrando dese xeito a continuidade existente entre a actitude de ditos xenealoxistas e a mentalidade señorial dos poderosos cabaleiros que fuxen en 1467, organizan a reacción militar de 1469, integran as confederacións nobiliarias da década dos 70 e son na súa maior parte desterrados de Galicia e levados á forza á Corte dos Reis Católicos nos 80 e 90. Cremos que a imaxe redical da revolta de 1467-1469, que por unha ou outra razón queda nun segundo plano nas fontes favorables, é a maior aportación dos nobiliarios á historiografía irmandiña, e anima altamente a que a historiografía romántica se identifique con ditas fontes (léndoas ó revés, naturalmente, en canto definir a bos e malos) no momento de redescubrir a revolución de 1467.
  2. b) Tampouco mencionan os representantes literarios do punto de vista nobiliario nada sobre a autorización, demostrable documentalmente, que Enrique IV concedera ós galegos para formar a irmandade e para derrocar as fortalezas-niño de malfeitores do reino. Embarazoso asunto posto que nos tempos dos nobiliarios as relacións da nobreza de Galicia co Estado son excelentes; por exemplo, Gándara pretendía coa súa obra demostrar os servizos que en todo tempo o reino de Galicia, é dicir a súa nobreza, prestara ós reis de Castela e León. Claro que a opinión da monarquía tampouco permanece invariable[23], e a orientación antimonárquica da revolución das comunidades de Castela, facilitará a nova lectura dos feitos de 1467 que pretende a nobreza cortesá galega, cuns portavoces ós que de inmediato asemella, chamándolles comuneiros, ós irmandiños de 1467 cos revolucionarios que, en 1520-1521, levantáronse contra Carlos V e os señores. A rixidez estamental e xerárquica do Estado e da sociedade absolutistas favorecen, en suma, a vitoria póstuma da versión do levantamento que caracterizaba ós cabaleiros feudais vencidos en 1467. Senon o poder social en Galicia, a nobreza galega servidora agora da Corte de Castela recupera no século XVII o poder da palabra escrita, dicindo a última palabra -a que queda escrita- sobre 1467 e as súas circunstancias, isto é, sobre as derrotas militares da Santa Irmandade. Gracias ó interese por destacar todo o que houbo de vitoria señorial no período 1467-1469, os xenealoxistas -sobre todo Aponte- acumulan datos importantes da fase final do poder irmandiño, complementando así os testemuños populares do Preito Tabera-Fonseca que se centran principalmente nos detalles da insurrección da primavera de 1467, e en todo o referido á irmandade como vitoria dos vasalos contra os señores do reino de Galicia.
  3. c) Tanto o Recuento de Vasco de Aponte como Armas y triunfos de Felipe de la Gándara son textos redactados en Galicia e dan conta dos liñaxes máis importantes do reino, indo por conseguinte máis alá que as habituais e numerosas xenealoxías unifamiliares cuns autores, con menos vocación que os citados de crear unha conciencia histórica, non soen pararse en relatos e informacións que os afastarían da súa finalidade estritamente xenealóxica. A galeguidade destas fontes implica en verdade certa reivindicación do reino de Galicia… a través de enaltecer a gloria pasada e presente da súa nobreza, e de cantar os seus servizos inmemoriais ós reis de Castela. Reivindicación dun pasado recente que para Aponte está carrexado de fascinación por aqueles grandes cabaleiros que coas súas fazañas conmoveran Galicia, anunciando o fin da Idade Media. Saudade cabaleiresca que sintonizará ós historiadores do século XIX cuns documentos representativos dese mundo perdido da cabalería que o imaxinario romántico quere a toda costa recobrar…

Antes de pasar a falar dos liñaxes e brasóns “de donde proceden muchas y señaladas casas en España”, o licenciado e conónigo maxistral da catedral de Mondoñedo, o malagueño Bartolomé Molina, refire na súa Descripción del Reyno de Galicia, y de las cosas notables del (primeira impresión en 1550, Mondoñedo), en ton positivo, como a gran Hermandad derrocara as fortalezas señoriais, gobernando Galicia a xente común: “no consintiendo ser mandados ni regidos por otro”. Toma de posición que se desmarca claramente da hexemónica memoria savante nobiliaria da modernidade; pertence a outra tradición: os señores eclesiásticos galegos que se aliñaron en 1467 cos comúns contra os señores das fortalezas.

Xustamente case sempre en relación co tema das fortalezas -agás o arcebispo de Santiago, os restantes prelados do século XV non tiñan practicamente fortalezas-, durante o século XV revelouse moi activa unha tradición oral entre os cóengos e outros eclesiásticos en favor da irmandade de 1467. Nas historias das igrexas episcopais e dos mosteiros de Galicia, que proliferan nos séculos XVII e XVIII, o tema irmandiño está ausente, poñéndose así de manifesto certo corte da cadea eclesiástica de transmisión favorable a comezos do século XVII; non sabemos se está extinguida a tradición oral, mais si é seguro que os escritores de xenealoxías quedan como os únicos intérpretes cultos dos sucesos de 1467-1469. En 1693, Pedro Salazar y Mendoza, cronista do arcebispo absentista de Santiago, Juan de Tabera, gran cortesán e antagonista de Fonseca e dos superviventes da Santa Irmandade no famoso preito das fortalezas, adopta xa a posición da aristocracia laica chamando á gran irmandade comunidades locas[24]. Aquela parte da tradición irmandiña representada por cóengos, monxes e clérigos non se redescubrirá ata a consolidación da historiografía erudita, ata Antonio López Ferreiro. Mentres, síguese citando ó respecto a  Descripción do licenciado Molina, pero como unha fonte xenealóxica ou xeográfica, non eclesiástica.

 

       Descubremento historiográfico

 

O pensamento ilustrado galego de Lucas Labrada centra as súas esperanzas reformistas no poder real, enfatizando por iso o papel xusticeiro dos reis de Castela e León na Galicia da Idade Media, apoiándose nas crónicas medievais[25]. Tomando seguramente a expresión de Molina, refire Lucas como a “gran Hermandad del común” derribara as fortalezas señoriais de Galicia, para deseguido facer fincapé en cómo os Reis Católicos non consentiron a reconstrución, valorando en definitiva, positivamente, a actuación de ditos monarcas “minorando la opresión con que eran tratados los labradores”, e concluíndo que “la reunión de todo el poder en manos del Rey y de sus ministros ha sido el mayor consuelo para sus súbditos”, de xeito que aplaude a devolución de xurisdicións e terras a igrexas e mosteiros por parte dos Reis Católicos, rectificando a negativa política de mercés ós nobres laicos galegos practicada por Enrique II e Enrique IV[26]. Esta concepción do despotismo ilustrado sobre o tránsito de Galicia á modernidade ten un indubidable fundamento documental e é a continuidade da versión propagandística das crónicas dos Reis Católicos; a súa propia insistencia na iniciativa “dende arriba” e no protagonismo do Estado, mantén á revolta irmandiña nun segundo plano e fai desaparecer ó pobo como suxeito da historia.

Cara a metade do século XIX nace a historiografía romántica en Galicia a mans de escritores liberais, rompendo co carácter testemuñal das crónicas e a historia pragmática, baixo o denominador común do historicismo -a historia como clave do presente-, a vocación literaria[27] e a procura da argumentación do feito diferencial galego no seu pasado histórico, sen adoptar aínda, nen sempre, unha posición netamente nacionalista[28]. O romanticismo contrarresta no plano da historia[29] a concepción elitista da Ilustración promovendo un populismo progresista, que en Galicia ninguén encarna mellor que Vicetto.

Nas historias locais que preludian a nova historia, a de Taboada Leal sobre Vigo (1840), a de Vedia sobre A Coruña (1845), a de Montero Aróstegui sobre Ferrol (1859), nada se di sobre o levantamento irmandiño, aínda non estamos ante unha historia plenamente romántica[30], fállalles sobre todo unha cousa: a vontade de facer unha historia de Galicia e de reseñar os feitos históricos especificamente galegos. De tódolos historiadores románticos, o único que consigue rematar a súa historia de Galicia é Benito Vicetto (1824-1878); a el debemos o descubrimento dos irmandiños como obxecto da historiografía moderna. E a cousa non era doada; antes de Vicetto (e despois tamén) enténdese por feitos históricos exclusivamente os grandes actos dos reis, nobres , prelados e letrados, relegándose as intervencións históricas do estado chan a un lugar secundario; no mellor dos casos, interpretábase que a xente común estaba movida polos fios dos grandes homes, verdadeiros artífices da historia.

Vicetto é o máis fecundo representante da novela romántica en Galicia. A literatura lévao á idade Media, ós temas cabaleirescos. Como unha gran parte da xuventude intelectual do século XIX, acolle ideas revolucionarias sobre o feudalismo que o voltan particularmente sensible e atento ás loitas medievais dos vasalos -con quen se identifica apaixonadamente- contra os señores. A intersección romanticismo/antifeudalismo dará lugar á súa novela máis éxitosa (catro edicións en vida do autor), Los hidalgos de Monforte (1851), onde atopamos por primeira vez á  xente da irmandade de 1467 protagonizando unha historia, mesturada imaxinativamente coa tradición cabaleiresca do mariscal Pardo de Cela, a quen moi trabucadamente Vicetto pon á cabeza dos irmandiños contra o conde de Lemos[31].

En 1865 inicia Benito Vicetto o seu oficio de historiador publicando o primeiro tomo da súa Historia de Galicia; cando chega en 1872 ó tomo VI, anuncia como título da terceira parte da súa historia: Desde la guerra de los hermandinos hasta nuestros días. Todo un programa: a primeira época iníciase co Diluvio Universal, a segunda co Nacemento de Xesús, e a terceira, o que para nós é a Idade Moderna e a Idade Contemporánea, comeza coa xesta épica dos irmandiños, que califica esaxeradamente como “la epopeya más grande y admirable que registran en sus anales todos los antiguaos reinos de la antigua Iberia”[32]. Considera, por conseguinte, que para Galicia é “indiferencia, desprecio y error” que o Padre Mariana nada diga na súa historia de España[33] en col da revolta irmandiña; xustificando a necesidade do descubrimento historiográfico dos irmandiños (que el leva a cabo de forma plenamente consciente) e de toda a súa Historia de Galicia, por causa do basto esquecemento de tan “grande y trascendental revolución contra el feudalismo”, e entendía que dito descoñecemento era debido a que “Galicia jamás tuvo un libro propio que hubiera recogido sus triunfos y reveses (…) como ya lo tiene hoy, gracias al sacrificio que le hemos hecho de nuestra inteligencia, de nuestra carrera, y hasta de nuestro bienestar material”…[34].

Tres coñecementos non basados en fontes conflúen na Galicia de mediados do século XIX para facer posible o achádego do levantamento de 1467 como obxecto historiográfico: 1) a vontade de facer unha historia de Galicia[35] expresión do rexionalismo e galeguismo que está nacendo nese momento; 2) fascinación literaria pola idade Media e a historia medieval, influxo do romanticismo da época, e 3) o interese pola historia das loitas sociais, derivado da ideoloxía liberal e progresista dos historiadores románticos. Con Vicetto -e Murguía- nace sen lugar a dúbidas a historia social de Galicia[36]: os conflitos e revoltas sociais non só son para o historiador romántico por excelencia importantes como tema descritivo e literario; determinan, ademais, acontecementos e cambios sociais de gran transcendencia[37], e sen abandonar a atención á clase dirixente e ás loitas cabaleirescas, o primeiro historiador dos irmandiños fai emerxer ó pobo e á xente común como un novo suxeito da historia, ó xeito de Guizot e Michelet.

O deficiente coñecemento histórico baseado nas fontes, e o peso excesivo da ideoloxía na interpretación dos feitos, conducen a que a historiografía romántica caia frecuentemente en manifestos erros e deformacións (que combatera Murguía, ó menos no tema que nos ocupa), que farán alzarse voces urxindo xustamente o desenvolvemento dun método crítico e dunha maior erudición. O cal non quere dicir, naturalmente, que debamos subestimar os primeiros e indispensables pasos dados pola historiografía romántica e nacionalista, que introduce en Galicia os coñecementos históricos, que senta as bases dunha historia de Galicia, e que crea unha verdadeira conciencia histórica entre os galegos, ata ese momento alimentados ó respecto dunha tradición oral que lles limitaba os seus recordos históricos ó pasado inmediato, dominando máis alá o mito e a lenda. A capacidade vulgarizadora demostrada polos historiadores galegos do século XIX e primeiro terzo do século XX sigue sendo hoxe un exemplo.

O problema concreto de Vicetto é que quería facer unha historia popular con fontes nobiliarias, e non era coñecedor das consecuencias que dita contradición supuña para os seus estudos históricos baixomedievais[38]. Nos arquivos de Ferrol e A Coruña, que Vicetto coñece, non había documentación da irmandade de 1467;  por outra banda, o seu anticlericalismo non era precisamente un estímulo para a inspección dos arquivos eclesiásticos (o Preito Tabera-Fonseca estaba, e está, depositado no Arquivo Arcebispal de Santiago); as crónicas do reinado de Enrique IV tampouco as manexa. As súas fontes de información sobre os feitos de 1467-1469 son nobiliarias e moi contrarias ós vasalos sublevados; o nobiliario de Aponte, o nobiliario de Gándara e a non atopada historia manuscrita de Allariz, máis a Descripción de Molina como excepción en canto á actitude cara ós irmandiños.

O efecto máis notorio da parcialidade das fontes que emprega Vicetto son as páxinas e páxinas onde se contan, copiando literalmente os textos de Aponte e Gándara, tódalas derrotas militares dos irmandiños, a prisión e morte dos seus xefes fidalgos, etc. Imaxe heroica do sacrificio dos rebeldes e dos seus dirixente que conectaba coa idea romántica do Vicetto revolucionario que se conmovía ante o “sangre derramada por el pueblo combatiendo a sus tiranos de horca y cuchillo”[39]. Con todo, algúns datos non lle casaban a Vicetto coa idea nobiliaria dunha gran derrota final irmandiña: “esas derrotas sucesivas no quiere decir que fuesen exterminados definitivamente los villanos, puesto que aún luchaban en algunos obispados (…) El pensamiento social que los hermanos de Galicia entrañaban, quedaba aún en pie a la muerte de Enrique IV”, precisando como os nobres reinician as divisións e guerras entre eles despois da irmandade[40]. Vicetto remata por contradicir totalmente as conclusións de Aponte e Gándara cando afirma que non foron tanto os Reis Católicos coa Audiencia de Galicia, derrocando fortalezas, decapitando a Pardo de Cela e desterrando ós nobres máis soberbios, quen “concluyeron con la nobleza”, senón que foron as irmandades, que carcomeran a estrutura e o poder feudal “imposibilitándolo en el porvenir”[41].

Outro tema historiográfico que Vicetto saca á luz en Los hidalgos de Monforte é a figura controvertida do mariscal Pardo de Cela, e en xeral o problema da nobreza galega do século XV, cuxo poder en Galicia que resulta quebrado polas tenaces da revolución antiseñorial por unha banda e do Estado dos Reis Católicos polo outro. Aínda que o problema é de fontes[42], ou, mellor dito, de non xustificar as afirmacións con documentos históricos[43]; tamén é unha cuestión de interpretación do significado histórico da execución en 1483 de Pardo de Cela polos representantes dos Reis Católicos. De entrada o romanticismo do autor lévao a simpatizar co nobre axustizado, forma de reacción que dende fins do século XV xera unha tradición, oral e escrita, reivindicativa do cabaleiro de Mondoñedo.

É certo que Vicetto acude á imaxinación cando xunta a Pardo de Cela cos seus inimigos irmandiños e cando asevera que o mariscal e os seus novos aliados tiñan intencións independentistas no seu enfrontamento cos Reis Católicos[44], tentando proxectar cara ó pasado certo anceio dunha Galicia unida arredor da súa clase dirixente fronte ó Estado centralizador: o obxectivo supremo de dotar a Galicia dunha identidade diferencial, baseada nunha historia propia, puxo ó descuberto acontecementos, fixo xurdir problemas e preguntas, pero tamén forzou claramente os datos dispoñibles para adaptalos a un esquema protonacionalista preconcebido.

En 1872, Vicetto faise eco das críticas recibidas pola súa versión novelada da actuación de Pardo de Cela antes de morrer, acusando sobre todo as moi duras que -verémolo despois- lle dirixira Murguía. É consciente do perigo de falsear a historia “haciéndola tal vez inverosímil y por consiguiente inarmónica en el cuadro de la guerra de los villanos“, pero reincide, sacrifica a ciencia á ideoloxía, a historia tal como foi á historia como debería ter sido, obstinándose en defender, con algúns matices, que o mariscal Pardo de Cela (“figura altamente simpática para el país”, “la figura más bella y magestuosa de la historia de Galicia”), se aliña coas irmandades -que pasan da revolución social á revolución política- contra os partidarios da raíña Isabel, “aspirando a la independencia de Galicia”, encarnando, xunto con Pedro Madruga, o espírito santo de emancipación herdado da nobreza sueva[45]. É a substitución das fontes, da necesaria erudición, por un contido non baseado en fontes que, amén das súas virtudes, lexitima a ficción e a empatía como método histórico.

 

       A verdade non ten patria

 

O contrapunto positivista e racionalista de Benito Vicetto é Manuel Murguía: o primeiro historiador galego que propón a obxectividade como a meta do coñecemento histórico, que define de todo á historia como a procura da verdade.

Asimesmo, novelista, liberal e romántico, Murguía estréase como historiador en 1861 cun artigo, “De las guerras de Galicia en el Siglo XV y su verdadero carácter”[46], destinado a desmitificar a versión que Vicetto dera en Los hidalgos de Monforte sobre os irmandiños e Pardo de Cela. Lúcido traballo sobre a revolución de 1467 que Murguía escribe a partir do momento en que o seu criticado antecesor descubre nese feito un fito esencial, imprescindible, para a recén nada Historia de Galicia.

¿Que coñecemento non baseado en fontes aporta Murguía? O coñecemento da historiografía francesa do momento; o convencemento inquebrantable de fundar en documentos a escritura da historia, e o emprego do senso común, da razón, para interpretar os feitos.

Para argumentar a imposibilidade de que Pardo de Cela se tivera posto á fronte das irmandades de Galicia, Murguía di a Vicetto: “La razón bastaría para decirnos que el uno [el señor] pretendería conservar sus inicuos privilegios, mientras el otro [el vasallo] tendería a emanciparse de ellos”[47]. Raciocinio materialista no sentido de buscar a verdade nas contradicións  dos intereses de clase, que coexiste no xove Murguía con influencias intelectuais de signo distinto. A concepción que Murguía tiña da revolta irmandiña e en xeral dos movementos sociais do século XV galego como loitas de clases[48], converxe cunha semellante preocupación de Vicetto, fundando ambos a historia social de Galicia[49]. Moi probablemente aquí Murguía estea influído por Agustín Thierry que, como Guizot, comprende a historia en termos de loita de clases[50], e de enfrontamentos de razas.

Murguía alaba, en 1856, o libro Los hidalgos de Monforte. Como Vicetto cre que a Idade Media, especialmente nos seus momentos finais, é a “época más interesante” da historia de Galicia[51]. Pero o medievalismo de Murguía é máis racional que literario, non o arrastra a confundir a historia medieval coa novela cabaleiresca.

Non é na historia social, ou na historia medieval, onde Murguía se afasta de Vicetto: é no xeito de facer a Historia de Galicia, combinando o enfoque social co enfoque racional, onde existe o maior desacordo. Murguía preconiza “una historia fría, severa, imparcial (…) nos hemos desprendido de todas nuestras simpatías, de toda idea preconcebida, antes de hacer un detenido estudio de la época que historiamos, y juzgamos tal como nuestra razón nos dicta”[52].

Referíndose á consabida cuestión de Pardo de Cela, Murguía confesa: “francamente que nos duele tocar un asunto sobre el cual la poesía y la tradición han derramado todas sus flores, y que un laudable espíritu de provincialismo ha levantado más alto de lo que debiera”[53]. Remata aseverando que prefire levar unha pedra ó monumento dos poetas ó heroe querido que “echarlo por tierra” falseando a verdade histórica.

Pouco despois, no discurso preliminar (1865) da súa Historia de Galicia, porfía: “La verdad histórica fría, desnuda, imparcial, la verdad que no tiene patria reparte con mano leal y justiciera a cada uno su parte de gloria y en vano será demandarla para halagar la vanidad de los pueblos; ella se niega a semejante profanación”[54].

A valente toma de posición de Murguía optando -no tema concreto da lenda de Pardo de Cela- pola verdade histórica, que non ten patria, fronte ós seus sentimentos galeguistas e as interpretacións feitas dende -e a favor- da súa propia ideoloxía, ten máis valor se consideramos que, a súa defensa dunha historia baseada en fontes, cadra no tempo e no lugar coa súa aportación fundacional e teórica ó nacionalismo galego[55].

A lectura desmitificadora de Murguía establece unha relación documentada entre as tres forzas sociais que determinan no último terzo do século XV a orixe da Galicia moderna: os vasalos, os señores e a monarquía. Afrontando os tres problemas historiográficos da transición: o carácter e os resultados da revolta irmandiña, a valoración do fin do poder nobiliario e o xuízo sobre a actuación dos Reis Católicos.

Convén Murguía cos ilustrados avaliando positivamente a intervención social e institucional dos Reis Católicos en Galicia. Impresionado sen dúbida polo testemuño[56] da Crónica de los Reyes Católicos, escrita cara 1492 por Fernando del Pulgar, que amosa a belixerancia de Acuña e Chinchilla contra a alta nobreza galega, e a súa aliñación cos antigos protagonistas do levantamento irmandiño. Murguía infire que os Reis Católicos e os seus oficiais, axudados polas ex-irmandades de 1467, rematan “para siempre con el poder de la nobleza gallega”[57]. Sobrevindo un “tiempo de justicia”, “el reinado de la paz”, “una nueva era de felicidade” (…). Unida Galicia al resto de la Península, libre de la tiranía que la agobiaba”, di no sonado “Discurso Preliminar”[58].

Sete anos despois, Vicetto vai máis lonxe que Murguía no seu discurso ilustrado, e sitúa o comezo da fin da nobreza medieval galega en 1467. De xeito que, despois do golpe irmandiño, a actuación dos Reis Católicos é para Vicetto secundaria[59], así como a axuda emprestada, dende 1480, polas irmandades renovadas a Acuña e Chinchilla para rematar coa derruba de castelos e domar á nobreza rebelde.

En relación coa nobreza medieval galega Murguía é categórico: “a los nobles gallegos nada debe Galicia, más que sus antiguos males y su postración de siempre, sen que en sus aspiraciones lograsen nunca consolidar un poder fuerte y poderoso, pues ellos, que debían ser su amparo y protección y sostén más seguro, eran los primeros en conmoverlo hondamente”[60].

Celebrando, por tanto, a derrota nobiliaria a mans da Santa Irmandade e o ocaso final do seu poder en Galicia, como un feito feliz para todo o reino[61]. Dende esta visión antiseñorial sacada das fontes e da súa propia actitude antifeudal[62], Murguía critica desapiadadamente a Vicetto por inventar un Pardo de Cela que loitaba pola independencia de Galicia á fronte dos restos da Irmandade de 1467. Esixindo documentos que certificasen unha e outra aseveración[63], cando as fontes si que  dicían que o mariscal fora un “tiranuelo feudal” que non aspiraba a “otra cosa que a ensanchar sus estados y a enriquecer sus arcas”, e que os seus vasalos o traizonaron, nada máis natural, pois estaban coa xente do rei, posto que daquela “los pueblos gallegos estaban ligados al trono castellano por lazos de común interés”… antifeudal[64]. No sentir de Murguía: “las justicias de Mondoñedo fueron para ellos [os nobres galegos] ejemplo saludable (…) fueron aquietándose”[65].

En resumo, para Murguía a revolta irmandiña fora unha loita social de vasalos contra señores, non un movemento independentista galego; a irmandade galega era a mesma que o rei Enrique IV autorizara en Castela e León para perseguir malfeitores e refrear á nobreza; destacando por último os momentos de victoria irmandiña. O non depender tanto como Vicetto do nobiliario de Aponte e a súa concepción global do período facilita que Murguía poña o acento en como, cara 1467, os nobres fuxiron dos sublevados, volvendo despois de recuperar as súas terras, cara 1469, a dividirse e loitar entre eles; en como que a irmandade que volve a derrocar fortalezas nos anos 80 gardaba continuidade coa anterior; en como, en definitiva, os nobres inimigos dos irmandiños, comezando por Pardo de Cela, viron destruído ó cabo o seu poder. Ante todo, escritor, Murguía describe así 1467: “Desde el momento en que los villanos vencieron a sus señores, los signos de la servidumbre cayeron rotos y se sepultaron bajo los escombros de las destruidas fortalezas feudales, y el cántico de la victoria que entonaron los vencedores fue el himno con que saludaba el siervo, el nuevo día de su redención”[66].

* Publicado en “Cómo construye su objeto la historiografía: los irmandiños de Galicia”, Hispania, nº 175, Madrid, 1990, pp. 841-866; “Invención irmandiña”, ¡Viva El-Rei! Ensaios medievais, Vigo, 1996, pp. 137-170 (https://h-debate.com/wp-content/uploads/2016/07/viva_rei.pdf).

[1] J. TOPOLSKY., Metodología de la historia, Madrid, 1982, p. 309.

    [2] Ídem, pp.. 309-329.

    [3] “Una historia edificada en torno a buenos y malos imposibilita entender el pasado tal como sucedió (…) tenemos que dedicar un poco de tiempo a examinar nuestros propios prejuicios (…) utilizar la historia como arma en la lucha política es contraproducente. Uno llega a creerse su propia propaganda (…). Uno llega a idealizar su propio bando y a dividir a los seres humanos en dos grupos: “nosotros” y “ellos”, en “Historia popular o historia total”, Historia popular y teoría socialista, Barcelona, 1984, pp.. 76-77.

    [4] A. RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Las fortalezas de la mitra compostelana y los irmandiños. El Preito Tabera- Fonseca, 2 vols., Santiago, 1984.

    [5] Temos estudado o Preito Tabera-Fonseca como fonte oral, directa e popular da revolución de 1467 en Mentalidad y revuelta en la Galicia irmandiña: favorables y contrarios, tese de doutoramento, Santiago, 1988.

    [6] P. JOUTARD, Esas voces que nos llegan del pasado, México, 1986, pp.. 255-256.

    [7] El mito del eterno retorno, Madrid, 1984, pp.. 48-49.

    [8] Mentalidad y revuelta…, pp.. 258-260, 355-356, 360; en xeral, o paso do tempo fai que as testemuñas orais sexan máis indirectas e estean máis mediatizadas pola clase señorial, cunha tradición escrita que despraza pouco a pouco á tradición oral e popular, ídem, p. 483, nota 511.

    [9] A. VAN GENNEP, La formación de las leyendas, Barcelona, 1982, p. 152; P. THOMPSON, La voz del pasado. Historia oral, Valencia, 1988, p. 36.

    [10] B. GUENEE: “Temps de l´histoire et temps de la mémoire au Moyen Age”. Bulletin de la Société de l´Histoire de France, núm. 487, 1976-1977, p. 35; o século como o límite máximo que acadaba a memoria colectiva é un dato que aparece perfectamente confirmado na documentación galega dos séculos XIV, XV e XVI, existindo unha correspondencia notable entre as fórmulas rituais e a práctica real, véxase E. CAL PARDO, El monasterio de San Salvador de Pedroso en tierras de Trasancos. Colección documental, A Coruña, 1984, p. 263; E. IGLESIAS ALMEIDA, Los antiguos “Portos” de Tuy y las barcas de pasaje a Portugal, Tui, 1984, p. 69; Mentalidad y revuelta…, p. 258.

    [11] Mentalidad y revuelta…, p. 344.

    [12] R. PASTOR, Resistencias y luchas campesinas en la época del crecimiento y consolidación de la formación feudal, Castilla y León, siglos X-XIII. Madrid, 1980, pp. 33-37; G. DUBY (dir), Historia de la vida privada, 2, Madrid, 1988, pp. 98-206.

    [13] Os seus autores están en contacto con testemuñas directas, e recollen a tradición oral específica do seu medio social, segundo informan nas súas obras, algunhas das que foron inclusive redactadas despois dos feitos, tal é o caso do nobiliario García de Salazar e da crónica de Palencia.

    [14] Crónica de Enrique IV, 1, B.A.E., n. 257, Madrid, 1973, pp. 191-192.

    [15] Ídem, I, B.A.E., n. 267, pp. 192, 206; II, B.A.E., n. 258, p. 303; III, B.A.E., n. 267, p. 21.

    [16] Ídem,  I, B.A.E., n. 267, pp. 192, 206, 210-211.

    [17] En rigor, a primeira revolta organizada como irmandade na Baixa Idade Media galega é a de 1418-1422 en Santiago de Compostela, e entre 1431 e 1467 teñen lugar outros tres movementos irmandiños locais, algún de gran transcendencia; tampouco parécenos correcto o emprego do substantivo guerra posto que contradí a mentalidade e práctica de ditos levantamentos; véxase Mentalidad y revuelta…, p. 482, nota 509.

    [18] J. GUTIÉRREZ NIETO, Las comunidades como movimiento antiseñorial, Madrid, 1973, p. 23.

    [19] A exaltación de Castela é un dos compoñentes ideolóxicos baixomedievais, E. MITRE, Historiografía y mentalidad histórica en la Europa Medieval, Madrid, 1982, pp. 139-148.

    [20] “Estando preso en la my casa de Sant Martin de los que yo engendre e acrecenté (…) por este libro hallen memoria de todos estos fechos (…) que de mi suçediesen (…) acostumbrasen de leer en este libro por que fallaran de buena generaçion e mereçedores de faser todo bien”, Las Bienandanzas …, I, Bilbao, 1965, pp. XX-XXI.

    [21] Serodiamente, e lonxe do escenario galego, Malaquías de la Vega tenta contradicir o aura xusticeiro do levantamento inculpando ós seus promotores malfeitores, posto que actuaron contra toda razón e xustiza ó querer destruír ós señores roubándolles as terras e as fortalezas, etc., chamando ós seus xefes “cabezas de maldades”, Cronología de los Jueces de Castilla, BN ns. 19418, fol. 314r., 349v, 354v.

    [22] Epítetos que temos estudado en Mentalidad y revuelta…, pp. 244-255.

    [23] En 1491, a raíña Isabel chega a dicir que as xentes da irmandade galega se levantaran de su abtoridad, influída por Fernando de Andrade (señor e protector de Aponte), que vivía con ela na Corte, e queixábase de que os vasalos non lle querían de novo pagar as súas rendas, ADA, C-3-124.

    [24] Este autor sitúa a irmandade nos tempos de Berenguel de Landoira, a comezos do século XV, Chronica del Cardenal don Juan de Tabera, Toledo, 1603, p. 31; Salazar era cóengo de Toledo e cronista de Carlos V e de Felipe II, e a súa total inexactitude ó recordar os feitos galegos de 1467 é un reflexo do seu esquecemento crecente por parte da historiografía española dos séculos XVI e XVII, que tamén exasperará a Vicetto.

    [25] José Lucas Labrada recolle do Sumario de los Reyes de España do século XVI editada en 1781 os exemplos de Alfonso VII e de Fernando IV facendo xustiza no reino de Galicia contra os fidalgos malfeitores, Descripción económica del Reyno de Galicia (1804), Vigo, 1971, pp. 183-186.

    [26] ídem, pp. 187-188.

    [27] Verea y Aguiar entende a historia como a parte máis instrutiva da literatura (Historia de Galicia, Ferrol, 1838, p. 9), e tanto Vicetto como Murguía combinan a novela cos ensaios históricos.

    [28] A. MATO DOMÍNGUEZ, “Historiografía”, Gran Enciclopedia Gallega, tomo 17, 1974, p. 136.

    [29] J. FONTANA, Historia. Análisis del pasado y proyecto social, Barcelona, 1982, p. 121.

    [30] R. VILLARES, “López Ferreiro e a historiografía galega”, Grial, 66, 1979, p. 429.

    [31] A realidade é que Pedro Pardo de Cela aparece xunto ó conde de Lemos contra os rebeldes, destacando sobre calquera outro cabaleiro galego nas súas intencións represivas logo da irmandade, pois informa Pedro Paxariño, veciño de Monforte, que Pedro Pardo, mariscal, dixera al dicho Conde que le ynchiese los carballos de los dichos basallos e quel dicho Conde dixera que no queria, que no se abia de mantener de los carballos”, Fortalezas…, p. 162.

    [32] B.VICETTO, Historia de Galicia, Tomo VI, Ferrol, 1872, p. 130.

    [33] Vicetto e os historiadores do seu tempo non coñecen as crónicas de Palencia e Galíndez Carvajal.

    [34]ídem, p. 259.

    [35]  “hacemos historia de Galicia y no de España (…) un libro de Galicia para Galicia; y todo por consiguiente lo subordinamos a este propósito”, ídem, p. 134, nota 1.

    [36] Vicetto contrapón unha historia de España que, denuncia, se reduce a un “cuadro de figuras y de fechas”, coa súa historia de Galicia como “historia social de los pueblos”, pretendendo unha “historia social de una nación” que sexa unha historia humana, onde o principal sería: “el desenvolvimiento político del hombre, su lucha palpitante y progresiva desde su condición de siervo feudal teocrático o aristócrata hasta llegar a conquistar su dignidad moderna”, ídem, pp. 30-31.

    [37] O noso autor, rompe co concepto das crónicas e da Ilustración, xulgando que non foron os Reis Católicos senón o movemento popular irmandiño quen acadou concluír coa nobreza, minando o terreo sobre o que actuaron despois os monarcas, nun tempo en que tocaba ó “feudalismo espirar”, idem, pp. 230-231.

    [38] Cando era moi evidente notaba as diferencias existentes entre el e o autor nobiliario: “lo que Gándara llama ‘chusma’ y nosotros ‘pueblo”, idem, p. 103; non obstante, recolle de Aponte o apelativo “villanos” dirixido ós vasalos rebeldes en 1467 sen se decatar do seu sentido pexorativo, e é que o seu entusiasmo pola súa xenealoxía cegaba o seu criticismo; admiraba en Vasco de Aponte, e así o escribiu, o seu candoroso estilo, a súa exactitude e veracidade, o que tivera sido o primeiro escritor da historia en Galicia non clérigo, considerando a súa obra a “primera que encontramos ‘del país para el país” “,valorando en particular: “Su preciosísima narración sobre la revolución popular de Galicia en el siglo XV”, idem, pp. 270-272.

    [39] Apreciación referida á represión da irmandade de 1431. idem, p. 46.

    [40] idem, pp. 131-132.

    [41] Véxase a nota 37.

    [42] Vicetto compensa a falla de datos ou o silencio sobre Pardo de Cela (cabaleiro de segunda orde) nos nobiliarios de Aponte, Gándara e Molina, con “notas aisladas y apuntes biográficos que han llegado a nuestro poder, y a la fuerza de la tradición ‘aun vibrante en el norte’ del país”, op. cit., pp. 188-189.

    [43] O autor recoñece na súa Historia que os datos que emprega non se apoian en “monumentos reconocidos”, nin resposen a “datos autorizados”, op. cit, p. 202.

    [44] A quen Vicetto fai aparecer ás veces como verdugos (axustizamento de Pardo de Cela), ás veces como continuadores e executores da obra antiseñorial irmandiña,(véxase nota 37).

    [45] ídem, pp. 130-131, 175, 202-204.

    [46] Galicia. Revista Universal de este Reino, tomo 1, A Coruña, 1861, pp. 118-120, 129-133, 145-149.

    [47] ídem, p. 146.

    [48] “La mayor parte de las insurrecciones populares de Galicia, durante este período, no tuvieron otro carácter que una lucha de clases entre el débil y el fuerte, entre el señor y el vasallo que siente pesado el yugo de su servidumbre”, ídem, p. 120

    [49] Unha parte da historiografía nacionalista posterior que reivindica a Murguía como o máis grande historiador de Galicia, a pesares das súas limitacións que son as da época, non demostrou a mesma capacidade para valorar obxectivamente as aportacións de Vicetto por algúns inxustamente tratado; tómase retrospectivamente partido por Murguía contra Vicetto en relación  coa enemistade persoal que existiu entre eles, e por causa das súas diferencias metodolóxicas, esquecendo que o nacemento da historiografía galega é unha obra conxunta de Vicetto e Murguía (A. R. CASTELAO, Sempre en Galiza, Madrid, 1977, pp. 430, 466); non se valora por tanto igual aquelo que comporta un maior mérito para Vicetto, gracias ó cal dá os seus primeiros pasos a historia social de Galicia, e en consecuencia, polas mesmas razóns (dende posicións historiográficas máis conservadoras que as de Vicetto e o primeiro Murguía), esquécese a excepcional contribución de Murguía á historia social, o seu traballo sobre os irmandiños; sobre a notable ausencia de De las guerras de Galicia en el Siglo XV en bibliografías autorizadas, véxase V. RISCO, Historia de Galicia (1952), Vigo, 1971, pp. 249-256; Manuel Murguía, Vigo, 1976.

    [50] Marx inspírase nestes dous historiadores burgueses para elaborar a súa teoría da loita de clase, véxase A. BURGUIERE (dir.), Dictionaire des Sciences historiques, París, 1986, p. 663; a declaración explícita de Murguía polo método histórico de Thierry, excluíndo o método racionalista da Ilustración que chama filosófico, está no prólogo do volume I da súa Historia de Galicia (1865).

    [51] “De las guerras de Galicia…”, loc. cit., p. 118.

    [52] ídem, p. 145.

    [53] ibidem.

    [54] Historia de Galicia, (Resumen esencial), Bos Aires, 1933, p. 43.

    [55] “Importantísmo ‘Discurso preliminar’ que constituye, sin duda, la primera piedra del nacionalismo gallego en el plano conceptual”, J. G. BERAMENDI, “Manuel Murguía”, Gran Enciclopedia Gallega., 22, p. 46.

    [56] De las guerras…, pp. 118-120.

    [57] ídem, pp. 119-120, 131-132, 148.

    [58] Ed. cit., pp. 49-50.

    [59] Historia de Galicia, VI, 1872, pp. 230-231; o autor non cita a crónica de Pulgar pero si publica a cédula dos Reis Católicos do 3 de Agosto de 1480 concedendo poderes excepcionais a Acuña e Cnichilla para pacificaren e faceren xustiza no reino de Galicia, convocando ás irmandades para que se xuntaran con eles coas súas armas, ídem, pp. 175-180.

    [60] Discurso preliminar, p. 31.

    [61] De las guerras…, pp. 129-133, 148; Discurso…, p.45.

    [62] De las guerras…, p. 118.

    [63] “Grandes, grandísimos deseos, tenemos de conocer los curiosos y extraños datos…”, “De las guerras…”, p. 147.

    [64] ídem, pp. 146-149.

    [65] Discurso, p. 49.

    [66] De las guerras…, p. 130.