Publicado en

A condesa de Santa Marta e os irmandiños no último terzo do século XV*

Carlos Barros

Teresa de Zúñiga (tamén Estuñiga ou Stúñiga) viña sendo filla de Diego López de Zúñiga[1], señor de Monterrei e Biedma, e prima de Alvaro de Zúñiga, conde de Plasencia. Os Zúñiga empezan sendo, durante a guerra civil castelá entre a nobreza de Castela e Enrique IV, do bando nobiliario do príncipe Alfonso (1465[2]), pásanse logo ó seu irmán Enrique como outros nobres rebeldes[3].

Casou Teresa de Zúñiga con Diego Pérez Sarmiento, Adiantado Maior de Galicia, primeiro conde de Santa Marta (de Ortigueira) e señor de Ribadavia (vila dos Sarmientos dende os tempos do seu avó, Pedro Ruiz Sarmiento). En 1450, o seu home entrégalle a vila de Mucientes[4] (Valladolid), onde se refuxiará de viúva. En 1466 morre don Diego[5], deixando tras de si un ruidoso preito pola herdanza familiar e unha situación política complicada (comezara a guerra civil en Castela e, un ano máis tarde, estoupa a grande revolta social de  Galicia), para dona Teresa e o seu fillo Bernardino Sarmiento, menor de idade e herdeiro lexítimo -dicía- dos estados, rendas  e títulos dos Sarmientos. A condesa de Santa Marta logra de seguido de Enrique IV a titoría do seu fillo e confirmación como sucesor nos señoríos de Santa Marta e Ribadavia, e no adiantamento de Galicia.

Manifestándose henriqueña na pugna pola Coroa de Castela, a condesa trata de asegurar a herdanza do seu home para o seu fillo calquera que fose o resultado da guerra, obtendo tamén do infante nomeado pola nobreza rebelde Afonso XII, candidato rival de Henrique IV, ratificación documental  do testamento e do adiantamento galegos, “contra parientes de su difunto esposo como Diego Sarmiento, señor de Sobroso”[6]. Rama disidente dos Sarmiento pola herdanza do condado de Santa Marta e o adiantamento de Galicia que xogará un importante papel nos feitos que levaran á morte en 1470 de Teresa de Zúñiga, complicando a sucesión do seu fillo contra os irmandiños e tamén fronte a outros nobres galegos que querían beneficiarse das súas debilidades.

Achegamento ós irmandiños

O 21 de febreiro de 1467,  na vila de Monterrei detentada polo seu irmán Juan de Zúñiga, diante dos persoeiros que chama “honrados señores alcaldes e diputados e cuadrilleros de la Santa Hermandad de los reynos de Castilla e de León e de Galisia”[7], a condesa de Santa Marta principia unha querela contra tres poderosos cabaleiros galegos (Ulloa, Andrade e Pardo de Cela) da seguinte maneira[8]: “yo la triste e desonrrada e deseredada condesa de Santa Marta, por mí e en nombre del conde don Bernaldino Sarmiento, mi fijo, Adelantado e Justiçia Mayor en el dicho reyno de Galisia por el rey don Enrrique, nuestro Señor”. Exhortación moral onde usa a súa condición de muller, viúva e titora desvalida dun rapaz, para predispoñer á irmandade no seu favor, xunto cunha referencia oportuna ó Rei lexítimo e unha maxistral profesión de fe irmandiña no momento crucial en que a irmandade se estaba estendendo por toda Galicia: “seyendo de la dicha Santa Hermandad en los dichos reynos, como es çierto e notorio”[9]. Non se trata dunha adhesión irmandiña meramente formal, sen coñecemento de causa. Intelixentemente fai votos a condesa porque “este santo nombre e justa cosa que començastes vaya adelante, e los pequeños e los medianos e los grandes vivamos bien e en pas e en sosiego”, co propósito concreto de pedir xustiza para a súa causa persoal, amosando unha magnífica combatividade e man esquerda contra os seus inimigos cabaleiros que contradí iso de “triste e desonrrada e deseredada condesa”. Aínda que sexa obxectivamente certo que os nobres pretenderon aproveitarse da súa a viuvez e condición feminina  para roubarlle as súas terras (axiña controladas polos irmandiños, todo hai que dicilo, tamén as dos tres agresores). A táctica de volver do seu favor a identidade de xénero non terá a corto prazo resultado, pero impacta nas mentalidades o caso da “triste condesa” polo que tivo de violencia de xénero, que vimos reivindicando e explicando no tránsito do século XX ó século XXI.

Acomete Teresa de Zúñiga de primeiras contra Sancho Sánchez de Ulloa  “al qual en la dicha Santa Hermandad resçibistes”, acusándoo de contradicir gravemente os principios xusticeiros desta[10] cando “en un dia deste mes de febrero, en que estamos,…, vino con mano armada, e con gente armada e con asonada, sobre el dicho castillo e fortalesa del Castro de Caldelas Dorsellón e lo cercó e lo combatió” e apoderouse del. Remata brillantemente dona Teresa esta parte do discurso cunha nova referencia á súa condición de vítima do malfeitor, mal cabaleiro e traidor Ulloa: “desonrra las viudas e los huerfanos e su adelantado e justiça”[11]. Outra cousa é que a irmandade aceptara ser instrumento duns nobres contra outros na eterna guerra feudal que viñan aturando e denunciando.

Dixemos ‘discurso’ no dobre sentido de razoamento lóxico e intervención dun orador, porque estamos diante  dunha fonte oral transcrita. O escribán Diego Sánchez del Castillo está tomando nota do que dita a condesa e do que contestan os delegados da irmandade, por algo engade os preceptivos “digo”, “dixo” e “dixeron” ó final dun documento que unha vez transcrito “leer fiso” á condesa demandante. A oralidade da fonte  salienta a súa credibilidade como fonte directa para unha historia social das mentalidades.

Logo de pedirlle á Santa Irmandade  que “non deys lugar a que de mi posesión e de lo mío me quiten”, vai contra Diego de Andrade e Pedro Pardo de Cela cambiando os argumentos, pois non eran da irmandade como Sancho Sánchez de Ulloa, máis ben  o contrario, dicindo que “nos çercaron e tomaron la nuestra villa  e fortalesa de Santa Marta de Hortigueira”. Ademais  Andrade lle tiña ocupado “mi coto de Lero”. Solicitando en resumo a condesa de Santa Marta da nova autoridade irmandiña -a quen recoñece precozmente un poder extraordinario en Galicia-  unha actuación punitiva directa: “compeliéndolos e apremiéndolos por todos los rigores e premias a que nos restituyan e dexen libre…, e proçedades contra ellos e contra cada uno dellos, segúnd el tenor e la forma de los dichos capítulos e leyes e ordenanças de la Santa Hermandad”[12].

Os tres novos lobos da cabalería galega poñen evidencia as súas carencias como verdadeiros cabaleiros ó valerse da febleza dunha casa señorial de Santa Marta dirixida por unha muller sen home e o seu herdeiro mozo, que non podía competir cos outros cabezas de casas nobiliarias, poñéndose ó fronte de criados e vasalos, para recobraren e defenderen os seus estados, nun intre de particular anarquía, onde a guerra cabaleiresca de todos contra todos e a ética brillaban pola súa ausencia. Neste contexto os xusticeiros irmandiños[13] bótanlle unha man á desolada -pero loitadora- condesa, e mailo seu fillo orfo de pai en tempos de guerra, cando require na querela do 21 de febreiro de 1467 que levasen o seu problema á Xunta de Melide a piques de celebrarse para constituír  institucionalmente a irmandade galega,  obtendo logo unha resposta positiva: “estavan prestos de lo notificar”[14]. Deberían de saber, ademais, que os tres cabaleiros denunciados para nada eran potenciais amigos dos irmandiños galegos.

Damos por seguro que informaron á Xunta de Melide, onde estiveron Diego de Andrade e Sancho de Ulloa[15] a mirar polo seu. Outra fonte oral trascrita, as probanzas do preito Tabera-Fonseca, permítenos saber por boca do vello escudeiro Juan de Melide, que “siendo moço pequeño e bibiendo cn el conde don Sancho de Ulloa serbiendole este testigo de paje (…) vido que fizieron unas juntas en la villa de Mellid porque hera en la meitad del Reino (…)  se pusieran contra el dicho conde don Sancho de Ulloa e contra Diego de Andrade (…) ambos juntamente de miedo que tenian a los de la dicha hermandad se fueran para Castilla (…) e yendo para alla dize este testigo que vido que la gente de la condesa de Ribadavia, señora de Muzientes, prendiera a los dicho conde don Sancho e Diego de Andrade y los tubiera presos por tiempo y hespaçio de dos años”[16]. Ó final a triste pero decidida condesa vingarase ben dos seus poderosos inimigos[17] pero non por iso vai recuperar as súas posesións en Galicia, porque ela tamén ten que se exiliar en Castela. A súa  causa particular bate contra a causa xeral dunha irmandade onde van primar os intereses  da xente común que radicalizará, no sentido primixenio de atacar a raíz dos problemas, a súa revolta social en abril de 1467, pasando de consideraren á señora de Ribadavia unha “irmá” a vela como unha parte máis do problema: un sistema señorial feudal que se mantiña naquel entón pola violencia.

O 8 de abril de 1467, aínda na fase pacífica da irmandade galega, Henrique IV escribe ós alcaldes das irmandades de “my Reyno de Galisia” para que a condesa de Santa Marta, e o conde de Benavente, restitúan ó mosteiro de Celanova o couto de Rabal, e o seu castelo da Santa Cruz, respectivamente ocupados  “injustamente por los dichos omes poderosos por la dicha fuerça”[18]. É dicir, que tamén o Rei recoñece e acode á plena autoridade e xurisdición dos irmandiños para administraren xustiza -naturalmente, en nome del- en Galicia.  Xustiza que, cando menos no relativo á defensa da igrexa asoballada, han de executar con  independencia das simpatías políticas dos señores malfeitores. No caso que nos ocupa, o conde de Benavente era naquel entón partidario do príncipe Afonso e a condesa de Santa Marta estaba como sabemos do lado do propio rei Henrique. Nada debe estrañar se logo os irmandiños aplican o mesmo criterio indiscriminador á caída das fortalezas.

 

O 10 de xuño de 1467, temos xa ó alcalde irmandiño do val de Celanova dándolle posesión do couto de Rabal ó abade do mosteiro, Álvaro de Oca,  quen lle presenta unha carta en favor de Celanova dos deputados da Junta de Medina da irmandade de Castela e León (abril de 1467)[19]. Nos reaccionarios anos 70,  desaparecida a Santa Irmandade, volve o dito couto ó señorío de Bernardino Sarmiento: o 23 de febreiro de 1487 os Reis Católicos lle ordenan ó primeiro conde de Ribadavia  que lle devolva unha vez máis ó mosteiro de Celanova o sonado couto de Rabal  xunto con outras xurisdicións señoriais[20]. Entre a igrexa e os nobres, a monarquía elixe polo regular amparar os señores eclesiásticos, a parte máis débil e menos conflitiva coa Coroa. De todos os xeitos, non amosan os monarcas  anteriores ós Reis Católicos demasiada eficacia no desembargo dos bens eclesiásticos galegos, nisto os irmandiños actuaron con máis resolución que o débil e contraditorio Estado monárquico feudal.

Non puido ser

O mesmo 25 de abril de 1467 que soemos tomar como referencia do comezo da fase insurreccional unha irmandade galega cada vez máis consciente do seu poder[21], o rei don Henrique  incomódase cos “hermanos de las hermandades de mi regno de Gallisia” non porque quixesen tomar control de toda canta fortaleza atopaban, senón  porque  non respectaban os bens dos seus partidarios Zúñigas: “avedes tomado e ocupado algunas villas e tierras e fortalesas de doña Teresa Destúñiga, condesa de Santa  Marta…, e de Juan Déstúñiga, visconde de Monterrey, e tenedes puesto çerco sobre otras villas e castillos de los susodichos”, e manda “si plaser e serviçio me deseays faser” que desocupen os ditos bens e alcen os asedios[22]. Nin caso. O 19 de xuño a situación seguía igual ou peor, e chega outra carta do Rei para a “Santa Hermandad del muy noble e leal regno de Gallisia como aquellos  a (a)preçio e amo e de quien mucho me fío” co fin de que lle devolvan Monterrei non a Juan de Zúñiga[23] senón ó seu irmán Pedro de Zúñiga, que lle disputaba o futuro control de  Monterrei agora irmandiño. Pedro era do seu consello real polo tanto máis “myo” -vén a dicir Henrique IV- que  o vizconde de Monterrei[24]. Logo, o 6 de xullo, nunha nova carta, Henrique IV acepta os feitos consumados e aproba tódolos derrocamentos feitos pola Santa Irmandade, mandando que se rendan os castelos aínda cercados[25]: a vitoria irmandiña é total (sobre os nobres de Galicia e en certo sentido tamén sobre o Rei[26]).

Aquilo  que dicía a condesa na súa carta de adhesión á irmandade do 21 de febreiro de que “los pequeños e los medianos e los grandes vivamos bien e en pas e en sosiego”, non puido ser. As contradicións mentais e sociais acumuladas excluíron as fortalezas malfeitoras e os seus donos da irmandade  popular: só permanecen nela fidalgos e cabaleiros medios como Alonso de Lanzós, Pedro Osorio, Diego de Lemos, Lope Pérez Mariño de Lobeira e outros, que asumen e participan do poder irmandiño e a súa acción xusticeira radical.

Os irmandiños derrocan na primavera e verán de 1467 as  fortalezas da condesa de Santa Marta (algunhas en disputa con outros cabaleiros): Roucos, Formigueiro, Pena Corneira, Arcos, Castro Cabadoso, A Peroxa, Santa Cruz, Castro Caldelas de Orcellón, Vilamarín, Xuvencos… Non sen problemas internos ó comezo en Ourense. O 15 de maio de 1467 un sector burgués[27] do concello e da propia Santa Irmandade de Ourense oponse, sen resultados, ós derrocamentos espontaneamente protagonizados polos campesiños do Ribeiro[28] que xa derrocaran Roucos, Formigueiro e Pena Corneira, e dispoñíanse a botar abaixo A Peroxa, Castro Cabadoso e Xuvencos: “tomaran e as derrocaran e as querían derrocar sen consultar con eles cousa algua e sen seu mandado”[29]. Trátase dunha minoría municipal que naquel entón contaba pouco na decisións dos irmandiños.

O  sector maioritario da Santa Irmandade, comandado polo escudeiro Nuno Dousende, alcalde maior en Ourense, cidade e bispado, apoiándose na acción da xente común[30] enceta a revolución irmandiña contra as fortalezas o mencionado 25 de abril  co derrocamento do Castelo Ramiro, malia os medos e as prevencións notariais dos cóengos irmandiños[31] así como dos citados membros do concello e da irmandade[32] . O cambio de fase no levantamento irmandiño xera dúbidas e resistencias dos sectores máis moderados da irmandade, entre os señores que se adheriran a ela, e mesmo do rei Henrique, se ben todos eles acabarán por asumir dun ou doutro xeito a nova situación creada pola caída irreversible das fortalezas do Reino de Galicia e a construción dun  poder irmandiño, baseado en milicias populares, que abranguía o Reino de Galicia. 

Pelexa cos irmandiños

Entrementres os irmandiños derruban as súas fortalezas rurais, Teresa de Zúñiga se acantona tras as murallas de  Ribadavia ata que os campesiños do Ribeiro toman a cidade, coa axuda segura dos irmandiños da vila, expulsando pola forza á condesa fóra de Galicia[33]. Aí empezou a mutua xenreira entre os veciños e a condesa de Santa Marta.

Nolo contan en 1480, trece anos despois dos feitos, os ribadavienses que prestan testemuños, semellando ser partidarios da “señora Condesa, que Dios aja”, nunha enquisa[34] ordenada polo seu fillo Bernardino Sarmiento, xa conde de Ribadavia, sobre as escrituras perdidas no asalto irmandiño á Ribadavia: “Otrosy dixeron que llos vieran quando un dya hentraron esta villa por fuerza quando la otra hermandad que la robaron y que estaba aqui la señora Condesa, que Dios aja, y la echaron de aqui fuera e le robaron quanto ella tenia”. Dise “la otra hermandad” para diferenciar a irmandade revolucionaria de 1467 da que formaron en 1476 os Reis Católicos, que viña a formar parte do novo Estado en construción. Non comentan como os irmandiños respectaron a súa vida e a enviaron ó exilio de Castela, ó igual cos outros nobres recalcitrantes, aqueloutros asumiron como Sueiro Gómez de Soutomaior o poder da Santa Irmandade e as súa obra xusticeira, ficando en Galicia nunha sorte de exilio interior.

Sigamos co resume traducido das declaracións de testemuñas: “Y qe asymismo vieron ronper y dañar muchas escripturas que saqaran de donde su merçed posaba y las vieran estar tendidas por las qalles en los llodos… y que ninguno quraba dellas guardar nin tomar con el gran desacuerdo que a ellos era”. Quérese dicir que houbo discusión entre os irmandiños sobre o que facer cos documentos dos Sarmientos. As testemuñas falan do que viran non que participaran…, dan a entender que que asistiran impotentes o asalto ó castelo, terminando  o relato deste xeito: “vian robar sus façiendas e non les podyan valer”[35]. É a primeira nova que temos de estrago de documentos por parte dos irmandiños[36]. Cando falan de que “roubaran” ós Sarmiento refírense ante todo á vila e ó castelo, tamén botando á rúa os documentos que lexitimaban os seus señoríos, terras e rendas. Ogallá puidésemos complementar esta valiosa información con testemuños libremente favorables ós irmandiños de Ribadavia, como no preito Tabera-Fonseca[37].

Ademais dos veciños escollidos polo concello e o procurador do conde como testemuñas, están tamén presentes no acto da enquisa alcaldes, rexedores e procuradores do concello, a quen segundo se laiaba o procurador do conde lles foran enviadas repetidas cartas esixindo as escrituras desaparecidas: “de las quales dichas cartas nin a ninguna de ellas non han respondydo nin responden”. Insistindo en que se non se recuperan as escrituras o conde “pierde y reçella perder mas adelante gran parte de su façenda. Y el piensa, segundo que le han dicho, que algunos vesinos y moradores desta dicha villa e tierra son sabedores y saben dellas o dalgunas dellas”[38]. Concelleiros e veciños, logo dun xuramento solemne “sobre hun lybro milagroso del señor San Juan”, declaran que “ninguno dellos non sabian nin saben nyn tyenen escriptura buena nin mala [falsa] nin saben quien la tenga que al dicho señor Conde e a su façienda pertenesca”[39]. E pasan de seguido a relatar á xente do conde facendo de “bos vasalos”[40] tres episodios onde se perderon documentos, sen soltar prenda sobre quen podía telos. Mantéllense firme porque son sabedores de que nese mesmo ano da enquisa, 1480,  empeza a ser revertido polos enviados dos Reis Católicos coa axuda militar dos ex-irmandiños o clima de restauración señorial dos anos 70. É normal que a comunidade dos cidadás e labradores do alfoz de Ribadavia no queiran dar nomes de vivos, pasará tamén no preito Tabera-Fonseca en 1526-1527: as sucesivas revoltas sociais no final da Idade Media xerou unha mentalidade solidaria de longa duración.

A diferencia do moderado episodio irmandiño que xa comentamos, nos outros dous houbo saña e queima de documentos dos Sarmientos. En 1455, cando Álvaro de Soutomaior entrou en Ribadavia e levou preso a Diego Pérez Sarmiento, marido de Teresa de Zúñiga, ó castelo de Soutomaior[41]: “Alvaro de Sotomayor estalo esta villa una noche e la tomo e prendio al señor Qonde de Santa Marta, que Dios aja, e le puso fuego a hunos palaçios qel  aqui tenia hen la plaza de la dicha villa, hen los quales… le robo e qemo moy grande numero de façienda, asy oro como plata, joyas y arreos de su qasa y muchar arqas que dentro estaban, asy… escripturas y previllejos los quales ellos… vieron qemados… se quemaron muchas grandes  escripturas de su façienda”[42]. Incluídos documentos do concello e dalgúns veciños importantes que tamén estaban nas arcas dos Sarmiento. Despois se fala das escrituras que os irmandiños, segundo vimos antes, botaron en 1467 polas rúas. Pouca cousa en comparanza cos roubos e queimas dos Soutomaior:  para os cabaleiros tardofeudais a violencia era signo de poder e de riqueza.

En derradeiro lugar, cronoloxicamente falando, fora xa do ámbito temporal e institucional da Xunta da Santa Irmandade do Reino de Galicia, temos o episodio da morte de Teresa de Zúñiga  en 1470: “dixeron muchos dellos que fallaran hen su palaçio huna arqa de escripturas y lla llevaran seys o siete hen compañia, pensando que yba llena de joyas e qe la quebrantaron y  non fallaron dentro salvo escripturas e que le pusieron fuego y la quemaran. Y que lo mas non sabian [nomes]”[43]. En canto a violencia, o motín popular se parece máis á guerra feudal que á revolta dos irmandiños.

Nos tres casos o lugar dos feitos é o pazo condal, hoxe Centro de Información Xudía de Galicia, fronte ó actual local do concello. No castelo dos condes primaba a función militar, formaba parte do sistema defensivo de Ribadavia. Segundo García de Salazar[44], a fortaleza de Ribadavia foi derrubada polos irmandiños, ó mesmo que o castelo de Santa Marta, ambos dos Sarmiento, que estaba no actual Campo da Torre da vila de Ortigueira[45]. Logo do levantamento irmandiño armado de abril, a ocupación de Santa Marta de Ortigueira por parte de Andrade e Pardo de Cela que denunciara a condesa de Santa Marta en febreiro de 1467. Os irmandiños de Ortigueira derrocan a súa fortaleza urbana e se constitúen, como Ribadavia, entre 1467 e 1469, en poder único como no resto das cidades e terras de Galicia: os señores ficaron nus como viñeron ó mundo, sen terras e sen vasalos, dicía o clérigo irmandiño Rui Vázquez.

Inimigos en casa

Na Ribadavia irmandiña familiares, e outros nobres menores,  inimigos dos Sarmiento-Zúñiga se acollen  na vila do Avia. Houbo mesmo nese tempo dous Condes de Santa Marta que disputaban a herdanza de Diego Pérez Sarmiento:  1) Bernardino Sarmiento, o fillo adoptado por Teresa de Zúñiga,  expulsados ambos en 1467 polos irmandiños de Ribadavia e Santa Marta, refuxiados logo en Mucientes xunto cos seus prisioneiros Ulloa e Andrade; 2) Francisco Sarmiento, adolescente[46] como o seu tío Bernardino, viña sendo fillo de García Pérez Sarmiento, outro fillo bastardo  lexitimando con antelación por Don Diego (irmán maior por tanto de Bernardino). García morre un ano antes que o seu pai, que ten tempo de desherdar os descendentes de García en favor da súa muller Teresa de Zúñiga que criara a Bernardino (a través do cal coida en controlar Ribadavia e Santa Marta). O preito sucesorio durara 10 anos condicionado pola guerra civil 1465-1468 na Coroa de Castela e a grande revolta 1467-1469 en Galicia.

O 23 de xaneiro de 1469, en pleno tempo irmandiño, un foro de San Clodio é asinado en Ribadavia por Roy Lopes de Paaços que se declara “notario publico por lo sennor don Francisco Sarmento, conde de santa Marta, adiantado et justiçia mayor en Galizia por el Rey nuestro Sennor en todas suas terras et senorios et meyrindades”[47]. Esta rama disidente dos Sarmiento busca recuperar cara o futuro ó  señorío de Santa Marta, cos privilexios anexos, asumindo que no presente tocaba coexistir co poder irmandiño, o que resultaba máis doado en Ribadavia que en Santa Marta de Ortigueira, cuxo señorío ambicionaban. Xunto con Francisco se meteron en Ribadavia, aproveitando a revolta irmandiña, a súa nai Mencía Sarmiento (poderosa filla do I Conde de Salinas, Pedro Ruiz Sarmiento[48]), viúva de García e o seu tío Juan Sarmiento[49]. O 20 de agosto de 1468, dona Mencía se traslada a Compostela e desembarga, en nome do seu fillo Francisco, ó mosteiro agostiño Santa María do Sar, unhas herdades que Diego Pérez Sarmiento tiña en Ribadavia[50].  Igual facía a Santa Irmandade: devolver bens á Igrexa -que lle viña sendo favorable- en mans da nobreza laica. Dispoñendo por tanto os Sarmiento-Salinas de patrimonio ribadaviense que Teresa Zúñiga consideraba de Bernardino. En realidade os Sarmiento-Zúñiga estaban máis interesados por Ribadavia que por Santa Marta, título que cobizaba máis que nada por contra a outra parte da familia de Don Diego, derivada do seu fillo García:  en 1476, chegan a un acordo polo que se recoñece, dunha banda, a Francisco o vello título de Conde de Santa Marta (nos anos 80 recalará na casa así mesmo filoirmandiña dos Osorio), e se crea doutra banda para Bernardino o novo título de Conde de Ribadavia[51].

Os Sarmientos-Salinas non foron os únicos que se xuntaron en Ribadavía cos irmandiños contra Teresa de Zúniga e o seu fillo bastardo: os inimigos de meus inimigos son meus amigos, pódese dicir. Aparecen tamén os cabaleiros mozos e irmáns Fernando de Camba[52] e  Lopo de Taboada que reciben como intermediarios o 9 de novembro de 1467[53] (libre xa Ribadavia da condesa “endiañada”, segundo Aponte), das máns de Xoán de Grixoa,  o abade de San Clodio (outro amigo dos irmandiños de Ribadavia), un foro na parroquia de Lebosende (Leiro, Ourense) que  o 23 de xaneiro de 1469[54] subaforan a unha familia campesiña, segundo acredita o notario xa citado que se dicía de Fernando Sarmiento, Conde de Santa Marta con permiso da Santa Irmandade de Ribadavia.

Os irmáns Camba estaban no inicio da revolta con Sancho Sánchez de Ulloa[55], futuro Conde de Monterrei, que pasou os anos irmandiños en Mucientes, prisioneiro de Teresa de Zúñiga, de aí que se acollan na Ribadavia irmandiña, opoñéndose ás tentativas da condesa de retomar Ribadavia e aceptando con resignación como outros cabaleiros galegos no exilio interior o derrocamento do seu castelo de Candaz en terra de Camba pola Santa Irmandade[56]. Nos anos 70 participan na guerra de Sancho de Ulloa e o arcebispo Fonseca contra Pedro Madruga, xefe do bando pro-portugués na loita pola Coroa de Castela. Madruga reprimirá en 1470 a resistencia ribadaviense ós Sarmientos-Zúñiga, o que lle debeu recordar a Fernando Camba cando o tivo preso no castelo de Soutomaior “fechado dentro de una jaula en lo medio de una sala”[57].

Andaba tamén pola Ribadavia irmandiña unha segunda rama familiar opositora ós Sarmientos-Zúñiga: os Sarmiento-Soutomaior, representados por Diego Sarmiento, primo de Bernardino Sarmiento e señor de Sobroso, quen en 1455 participara como parte do séquito (aportaba así mesmo 10 escudeiros dacabalo) de Álvaro de Soutomaior nunha invasión de Ribadavia onde prendeu ó marido de Teresa de Zúñiga, Diego Pérez Sarmiento[58]. Logo se opuxera este Diego Sarmiento á ratificación do Adiantamento de Galicia en 1466 a Bernardino por parte do Henrique IV[59]. Derrubada pola irmandade a súa fortaleza de Sobroso, Diego Sarmiento, se introduce en Ribadavia cos Sarmientos-Salinas e outros fidalgos inimigos da condesa derrotada. O 26 de agosto de 1470, Diego Sarmiento fai testamento[60] perante os homes de armas de Pedro Madruga, que lograra entrar en Ribadavia en apoio de Teresa de Zúñiga e Bernardino. No testamento Diego  se manifesta arrepentido, como outros nobres medios e pequenos que se adaptaron á vitoria irmandiña, pedindo perdón  “despoys que vin a Rivadavia” ós labradores de Sobroso e outros lugares[61]. So pretexto de dunhas cartas interceptadas en Ribadavia e Fonseca (reconciliado cos irmandiños e agora contrario á Madruga) ó señor de Sobroso incitándoo a matalo[62]. Mais foi Madruga quen matou a Diego Sarmiento “y allí cortó la cabeça  a Diego Sarmiento[63] [posiblemente o mesmo 26 de agosto de 1470], y quisiera apañar y maltratar a los prinçipales de la casa de su hermano, algunos de los quales tomó, pero los más principales se le fueron, sacando a Diego Sarmiento”[64]. Refírese a Valladares, Montenegro, Avalle… que serviran igual que Diego Sarmiento ó seu irmán Álvaro de Soutomaior[65] que arrepentido ordenara antes de morrer, en 1468, que a cidade asediada de Lugo que el defendía lle fora entregada á Santa Irmandade. Todos estes cabaleiros do anterior xefe da Casa de Soutomaior se pasan  deseguida ó bando do  arcebispo Fonseca[66] que se puxera a ben cos irmandiños en 1469, entrementres en Ribadavia seguía o enfrontamento: finarán asasinados un tras outro por Pedro Álvarez de Soutomaior que non quería competidores na Galicia meridional.

Entre 1467 e 1470 Ribadavia será xa que logo baluarte no Sur de Galicia contra a reacción señorial más violenta, que xerará o contexto post-irmandiño que levará ó axustizamento da Condesa de Santa Marta. Unha vila-refuxio para sectores baixos e medios dunha nobreza que se sentía orfa de liderado e/ou temerosa das novas cabezas da oligarquía feudal. Atraídos polo espírito resistente, hospitalario e pacifista  dos irmandiños ribadavienses que se creba coa represión de Pedro Madruga cara agosto de 1470, en nome dos Sarmiento-Zúñiga, aproveitada para librarse de inimigos no bispado de Tui.

Ribadavia cercada

Dous anos despois da grande revolta, os nobres máis recalcitrantes son que de organizar militarmente, fóra de  Galicia, unha reacción señorial que vai gañar a guerra en campo aberto pero bate contra as cidades amuralladas da Santa Irmandade[67]: entre 1469 e 1472 terá lugar unha rexa loita polo señorío das cidades e vilas galegas entre os concellos e seus antigos señores teimando en retomar o poder perdido entre 1467 e 1469. Pugna posirmandiña  na que cómpre inscribir as accións armadas movidas pola condesa de Santa Marta para recuperar o señorío de Ribadavia: os acontecementos farán da vila do Ribeiro o contra exemplo de Santiago de Compostela, onde Fonseca pactou -logo de fracasar o cerco militar- co concello e os veciños a volta á xurisdición arcebispal, seguido por toda a Terra de Santiago.

Teresa de Zúñiga delegara no seu irmán Juan de Zúñiga a participación no exército de contrarrevolta que organizou o arcebispo Fonseca desde Castela meses antes, segundo unha testemuña do preito Tavera-Fonseca[68]. Logo de vitoria señorial en Balmalige os señores se dividen, cada quen irá ó seu feudo para facerse co poder. Coa xente de armas que trouxo de Castela, Juan de Zúñiga, vizconde de Monterrei, pon cerco a Ribadavia, en nome da súa irmá e do seu sobriño, que dura ata agosto de 1470: “estubo cercada bien un año por el dicho conde [Bernardino, conde de Santa Marta] e por Juan de Estuñiga… hermano de la dicha condesa”. Nolo conta Gonzalo Durán unha testemuña dun preito de 1518 entre o conde de Ribadavia e o bispo de Lugo[69]. Outra testemuña de Ribadavia relata como logrou Pedro Madruga entrar na Ribadavia asediada polos de  Zúñiga inutilmente: “tubo trabto con la dicha doña Mencia  e entro en la dicha villa por traycion e la prendio e hecho fuera de la dicha villa de Rrybadavia e la dicho su hijo [Francisco Sarmiento] e hermano [Juan Sarmiento] e envio por la dicha condesa dona Teresa e la torno a entregar en la dicha villa… a la dicha condesa doña Teresa de Estuñiga… e estuvo cercada bien un año…”[70]. Pedro Madruga enganou a Mencía Sarmiento e logrou coa súa astucia acostumada o que a xente de Juan de Zúñiga non conquerira nun ano de asedio a vila do Avia[71].

Como veremos infra, o 5 de maio de 1470 dona Teresa fai testamento en Mucientes antes de regresar a Galicia, o que sitúa en maio a reconquista de Ribadavia por Pedro Álvarez de Soutomaior, coa axuda das tropas dos Zúñiga[72] acampadas nos arredores[73]. Don Pedro, unha vez expulsados os Sarmientos- Salinas que a el non lle estorban, axusta contas e desata unha represión contra os ex-irmandiños e outros cabaleiros alí acollidos como Diego Sarmiento, señor de Sobroso: “la condesa ymbió por el sobrino, el qual se fue para ella, y luego hiço matar a unos, y a otros cortar pies, y a otros prender. Y prendió al abad de San Croyo … Y allí cortó la cabeça a Diego Sarmiento”[74]. Confirmase xa que logo que foi Teresa quen demandou a intervención de Pedro Madruga, estando deseguida presente na toma de Ribadavia e nunha represión que ten dúas partes, os nobres e fidalgos asilados en Ribadavia (soamente matou a Diego) e os cidadáns que xogaran un papel importante na defensa da vila durante o cerco: presos, asasinados e  mutilados, entre maio e agosto de 1470. Represión contra o concello que provocará a morte en diferido da condesa en outubro de 1470[75], cando Madruga deixara Ribadavia para atender os seus asuntos[76].

 Cómpre volver

O 27 de abril de 1470, en Mucientes, farta de ineficacia do cativo cerco do seu irmán, a nosa condesa asinara un pacto de vasalaxe[77] co seu prisioneiro Sancho de Ulloa, futuro conde de Monterrei: perdóao[78], libérao da cadea[79] e simula pasar ó seu servicio por 40.000 marabedís ó ano co compromiso de axudarlle a reconquistar Ribadavia e Santa Marta de Ortigueira que “al presente vos están rebeladas e fuera de vuestra obediençia e servicio”. Prometendo Sancho de Ulloa o que segue: “trabajaré con todas mis fuerças por aver e cobrar e ganar e avré e cobraré e ganaré las dichas villas de Santa Marta e Ribadavia e sus tierras e cada una dellas para vos la dicha señora condesa et entregaré la posesyon real, libre e paçificamente”. O documento que manexamos[80], unha copia de final de século XV (10 de abril de 1492) feita polo seu fillo Bernardino[81], refírese dúas veces nos protocolos finais  a “dona Ynés la triste condesa de Santa Marta”. Outro “erro” máis sobre o nome de Teresa. Unha adición significativa do escribán copista[82], un tal Christobal de la Serna de Valladolid, que coñecendo o seu tráxico final -o seu fillo lle encarga a copia- compadécese da condesa utilizando un cualificativo que en vida a propia Teresa empregaba co mesmo cometido vitimista, como vimos na querela do 21 de febreiro de 1467 presentada á outrora Santa Irmandade amiga contra do seu inimigo Sancho de Ulloa, e que agora semella ser o grande cabaleiro que ía defendela.

Así a todo non se fiaba para nada do seu prisioneiro, ó mesmo tempo mandou chamar ó outro sobriño Pedro Álvarez de Soutomaior que resolveu  como vimos o problema de Ribadavia unha vez que a triste condesa decide volver a  Galicia. O alcume de Madruga lle viña  xustamente  porque chegaba antes que ninguén… Tampouco lle interesaba a don Pedro que o de Ulloa gañara posicións tan preto das súas.

Chegando a Galicia, Sancho de Ulloa atópase a Madruga instalado en Ribadavia cos Zúñigas e adícase a recompoñer o seu propio poder señorial, traizonando  o pacto de Mucientes[83], nesa transición da Galicia irmandiña á Galicia da restauración señorial chea de oportunidades para un cabaleiro novo. O 22 de xuño de 1470 xa temos a Sancho de Ulloa no que quedaba da fortaleza Castro Caldelas de Orcellón[84], que precisamente motivara a denuncia de 1467 por usurpación por parte da condesa contra el. Procurando alianzas que o fortalezan, asinando  Ulloa no mesmo día e lugar un compromiso arbitral con Lope Sánches de Moscoso, o seu sobriño, para clarexar  as “dúbidas” que poideran existir sobre a herdanza de Lope Sánchez de Ulloa, pai e avó deles, nas mans de Pedro Álvarez de Soutomaior (novo caudillo das provincias de Tui e sur de Ourense, que se lle adiantara en Ribadavia), Diego de Lemos (ex-capitán irmandiño) e o conde de Lemos (decano de toda a nobreza galega)[85].

O 3 de novembro de 1470, Sancho de Ulloa e os catro nobres anteditos, xunto con outros (o mesmo Juan de Zúñiga, Diego de Andrade e Suero Gómez de Soutomaior), forman unha confederación nobiliaria contra Fonseca, a marquesa de Astorga e “la hermandad de los pueblos se ha comenzado nuevamente levantarlos”[86]. O antigo prisioneiro de Mucientes, conde de Monterrei desde 1474[87],  pasa a formar parte da nova cúpula nobiliaria pos-irmandiña da que desaparecen os Sarmientos, importantes no pasado como Adiantados do Reino de Galicia, título que ficará simbolicamente cos Sarmientos-Zúñiga na partición de 1476. Contribuíu a iso que a cabeza real da casa dos Sarmientos era unha muller: para conseguir e conservar os estados señoriais en tempos de guerra e revolución era preciso dominar o oficio militar, que estaba  lonxe das ocupacións duna dona medieval, por moi botada para adiante que fose. Todas as novas[88] cabezas das grandes linaxes do século XV que se impoñen violentamente nos anos 70 da reacción señorial son obviamente homes: Sancho Sánchez de Ulloa (conde de Monterrei), Lópe Sánchez de Moscoso (conde de Altamira), Diego de Andrade (que quixo “ser gran cavallero que no pequeño conde, quanto más que ser conde de lo suyo”[89]), Pedro Álvarez de Soutomaior (falso vizconde de Tui e conde de Camiña) e Pedro Pardo de Cela (mariscal).

Teresa de Zúñiga, illada en Mucientes, dependía deses grandes homes armados (o seu irmán Juan non lle valeu de moito) para recobrar o seus estados para o seu fillo, o que acadou relativamente[90]. Coidando que ben Pedro ben Sancho, por esta orde, os seus sobriños,  asumindo que o seu irmán Juan non era quen de facelo, ían axudarlle militarmente a recobrar  Ribadavia onde estaba o outro conde de Santa Marta coa súa nai e titora Mencía Sarmiento, o 5 de maio de 1470 fai como dixemos testamento en Mucientes. Era sabedora de que podía morrer en Ribadavia: “Yo estoy de partida para el reyno de Galizia y no se lo que Dios de mi fara, es mi boluntad de hordenar y fazer mi testamento… Ytem mando que sy acaesçiere mi finamento fuera de la villa de Muzientes, que me traygan a enterrar con el Conde”[91], o seu marido Diego Sarmiento, morto e enterrado en Mucientes. Sentíase galega soamente polas terras e vasalos que tivera e quería recuperar en Galicia.

Dona Teresa non tivera fillos. Bernardino era fillo bastardo do don Diego, lexitimado en 1457, que ela quería como propio e quería deixar como herdeiro: “lo primero por ser fijo del Conde, mi señor que Dios aya, de quien yo muchos vienes e buena conpañia hube e porque yo lo crie e lo tome como a fijo des pequeño fasta agora, e el syenpre me obedeçio e nunca me salio de mi mandado”. Pídelle perdón terlle dado cousas da facenda do seu home os irmáns e parentes, e que “tome por padre” ós seu irmán Juan de Zúñiga, a quen lle demande que case a súa filla, tamén chamada Teresa de Zúñiga, con Bernandino[92].   Non lle fixo caso Juan que a casou con Sancho de Ulloa, o seu sucesor no señorío de Monterrei, que sempre antepuxo ós intereses da súa irmá sobre Ribadavia.  De aí que finalmente pide ó seu primo Álvaro de Zúñiga, conde de Plasencia[93] que “tenga en su casa al dicho Conde, mi fijo, e mire por el e por su fazienda e casa”[94]. Arriscaba dona Teresa a vida polo seu fillo indo a Ribadavia, onde non a querían, e a perdeu. Valor non lle faltou á nosa triste condesa.

En 1476, Bernardino perde como xa vimos o título de conde de Santa Marta en favor dos Sarmiento-Salinas ficando como primeiro conde de Ribadavia, Adiantado de Galicia e señor de Mucientes[95]. Demasiado pouco e demasiado tarde[96] para tentar emular ós rufos condes e mariscais saídos da contrarrevolución irmandiña. Antes ben, seguirá o camiño dos fillos destes: servindo ó novo Estado imperial nas guerras exteriores. Bernardino pertence mentalmente máis ó século XVI que ó século XV. Cos Reis Católicos e Carlos V, os nobres galegos fanse cortesáns, de seguro que a esta transición axudaron dúas mortes violentas: a condesa de Santa Marta en 1470 por obra dos seus vasalos,  e a do mariscal Pardo de Cela en 1483 por obra de Acuña, o primeiro gobernador e capitán xeral de Galicia polos Reis Católicos. A segunda morte executada deu lugar a un mito político-literario contemporáneo, a primeira non, ten que ver con que era unha muller? Por suposto, tamén pola maneira de morrer: nas mans dos seus vasalos. Ós señores mortos nas loitas sociais medievais non se lles recorda romanticamente (se acaso, compasivamente) porque non morren heroicamente desde o punto de vista da mentalidade cabaleiresca. Polo demais os novos aires que trouxera a grande revolta da Santa Irmandade impedíalles ós vasalos gabarse da morte dun señor en revolta, menos aínda tratándose dunha muller, viúva e nai dun aspirante a conde.

Morrer en Ribadavia 

        Dispoñemos de tres fontes orais transcritas dos anos 1480 (que xa utilizamos), 1492 e 1520, onde veciños de Ribadavia falan da morte executada de Teresa de Zúñiga, condesa de Santa Marta, título que non puido desfrutar entre 1465 (morte do seu home) e 1470 (a súa propia morte). Son os testemuños máis directos, fiables e próximos á morte da súa señora, por moito que foran nomeados para informacións e pescudas  polo seu fillo Bernardino Sarmiento, probablemente presente no feito loitoso do 25 de outubro de  1470.

Nas probanzas dun preito, cara 1520, entre o marqués de Sarria e o conde de Monterrei, o clérigo Itor Carvallo de Ribas de Miño (Lugo), nacido mesmamente cara 1470, declara que “sabe que en un libro mysal  que estava en la yglesia de Santa Marya de Ollebeyra dela villa de Rribadavia donde mataron e fycieron pedaços a la dicha condesa de Santa Marta Teresa de Çuñiga”[97]. O cura ribadaviense da Igrexa de Oliveira escribira o que vira ou lle contaran nunha glosa ou interpolación no libro manuscrito que usaba para dar misa: que sirve para transmitir a tradición oral e proba o impacto extraordinario da morte encarnizada da señora que quería suceder ó seu marido na posesión do señorío de Ribadavia. Facela “pedaços” confirma a autoría popular, o sacrificio ritual  e a cobiza vingativa como nos casos de Fuenteovejuna (1476), Sueiro de Marzoa (1483) e Ochoa de Espinosa (1533) estudados no capítulo anterior. Engade deseguido a testemuña: “en el dicho libro esta escrito como en el año de myll e quatro cientos e sesenta años a veynte e cinco dias del mes de otubre del dicho año [la] mataron los de Rribadavia a las puertas de la yglesia de San Giles [Ginés], la qual dicha yglesia solia ser donde agora esta la fortaleza de Rribadavia”[98]. Trabúcase no ano: fala de memoria e non vivía en Ribadavia. A igrexa románica de San Xés viña sendo a máis antiga de Ribadavia (“fu de los pobladores de la villa”)[99], fora construída no século XII sobre la necrópole altomedieval de sepulcros escavados na roca que aínda hoxe se conservan dentro do que será na Baixa Idade Media o castelo dos Sarmiento[100]. Antes diso existiu ó seu carón torre de San Xés que formaba parte da muralla. Consérvanse documentos que mencionan a San Xés desde 1213 ate o 6 de xaneiro 1471, despois da execución da condesa (o que fai verosímil o testemuño do cura Carvallo), segundo un testamento dunha veciña Inés Matueyra que quería ser sepultada na igrexa de San Xés ou no veciño convento de San Domingos[101]. En 1480, o conde Bernardino, saca a igrexa e parroquia de San Xés do castelo que é trasladada[102] á igrexa de María Magdalena[103], hoxe existente, na praza maior da Ribadavia medieval.

Dispoñemos así mesmo de tres fontes narrativas, de finais do século XV e principio de século XVI, que informan da morte da condesa de Santa Marta: o cronista real Diego Enríquez del Castillo, e mailos nobiliarios de García de Salazar e Vasco de Aponte. Desgraciadamente en ningún destes documentos se escribe dende o punto de vista popular, dende a óptica dos protagonistas da revolta, PTF que non teñen voz, entre outras cousas, porque non houbo unha represión, digamos legal, nin polo tanto un xuíz que ordenara facer unha enquisa no lugar dos autos.

Os primeiros historiadores que se achegaron ó tema encheron á súa maneira, con boas intencións e moi pouco rigor, os baleiros de información. Non podemos, por conseguinte, continuar sen separar antes o grao da palla.

A historiografía dos séculos XIX e XX segue para este acontecemento a fonte máis detallada e mellor divulgada en ambientes cultos, o Recuento de las casas antiguas del Reino de Galicia de Aponte, editado como apéndice do tomo VI da Historia de Galicia, de Vicetto, en  1872.

Benito Vicetto cando escribe sobre o feito loitoso de Ribadavia[104], segundo a versión de Aponte[105], trabúcase co nome da condesa (dona Mencía, chámalle[106]) e coa data dos feitos, que sitúa arbitrariamente ó comezo da revolta irmandiña[107], dando a entender que os irmandiños, para tomaren a vila, tiveron que matar a condesa, e así o sangue “corrió entonces en la villa de Ribadavia”[108]; ademais diso inventa un “asalto” irmandiño ó castelo de Ribadavia -que en 1470 estaba, polo demais, derrubado- para matar a condesa, o que non consta en ningunha fonte contrastada, salvo no maxín literario de Vicetto.

En 1905, a marquesa de Ayerbe, que tivo acceso a un exemplar do nobiliario de Aponte, reproduce aquela parte onde relata a morte da condesa de Santa Marta, sen falar para nada da represión posterior[109], que, en 1914 e 1915, si que é recollida polo historiador local  Leopoldo Meruéndano[110], que tamén debeu ler a Vicetto- de quen saca o relato da represión por parte de Pedro Madruga-, pois repite o indocumentado asalto ó castelo e engade novas invencións que lle “adxudica” a Aponte, o que exclúe en principio que manexase calquera outra fonte que nós  hoxe non coñezamos: “asaltaron el palacio y el Castillo, apresaron á aquélla, y después de arrastrarla por las calles de la villa, lo mismo que á su merino ó juez Pedro Oxea[111], no menos sanguinario que la Condesa, según el citado Cronista, que refiere el suceso”. Outros erros de Meruéndano: como non coñece o nome da condesa Teresa (Aponte non  fornece o nome de pía) de Zúñiga chámaa, sen que saibamos o porque, Elvira de Zúñiga; di que o marido da condesa – imposible, xa que sabemos que era viúva dende 1465-, estaba preso no momento da súa morte no castelo de Soutomaior; fala dunha suposta comisión de veciños de Ribadavia que lle pediu á condesa que respectase os foros e liberdades da vila, e que entón “les maltrató, y entonces amotinados los habitantes de Ribadavia asaltaron el palacio”. En fin, verdades imaxinarias que cómpre desbotar do campo dunha historia que  queira acoutar o seu eido para diferencialo da ficción, aínda nun caso coma este en que os datos coñecidos non pasan dunhas liñas nunhas crónicas. Ámbolos dous xéneros, historia e ficción, perden cando se mesturan con enganos.

En 1920, Samuel Eiján edita a súa Historia de Ribadavia[112], a única existente ata hoxe en día, cita a Ayerbe neste asunto da morte da condesa de Santa Marta -pero non a Vasco de Aponte-, e  reproduce a ficción e os erros engadidos por Meruéndano como unha falsa cita de Aponte: nome errado da condesa, “marido prisioneiro”, “comisión de veciños”, “asalto ó castelo”, “arrastre polas rúas”, “morte na praza” xunto co seu meiriño Pedro Oxea… Feitos que puideron ter sucedido, pero que non están tirados dos documentos históricos; as cousas puideron acontecer de xeito moi distinto ó imaxinado por Vicetto e Meruéndano. Non descartamos que novas fontes boten luz sobre o desenvolvemento dos acontecementos; polo de agora só sabemos que os vasalos a mataron a lanzadas en Ribadavia.

Por último, en 1934, temos reproducido no nobiliario de Camarasa, á marxe da tradición historiográfica ribadaviense, malia estar elaborado con documentos de arquivo e de ter o autor coñecemento do testemuño de Aponte, o “asalto ó castelo” inventado por Vicetto con algún engadido pasional tamén imaxinario: “El populacho asaltó el castillo de los Sarmientos y con una ferocidad pocas veces igualada llegó hasta el aposento donde se había refugiado la condesa de Santa Marta y allí fué alanceada sin piedad”[113]. Maneira de morrer que recorda outro asasinato que seguramente o autor coñecía: a morte sonada de Inés Enríquez, condesa de Camiña, por orde do seu fillo Pedro de Soutomaior -neto de Pedro Madruga- xulgado e condeado por iso en 1518, que foi rematada na cama con  béstas, espadas e coiteladas[114].

Sen embargo, nin os historiadores locais nin os citados autores nobiliarios seguen a Vicetto cando confunde a revolta xeral irmandiña (1467-1469) coa revolta local (1470) de Ribadavia  contra a condesa Teresa. Velaí unha influencia directa do Recuento de Aponte, a fonte que mellor detalla os feitos de 1470, diferenciándoos da revolta irmandiña, contra a cal ademais o autor non agacha a súa xenreira. O descubrimento e publicación recente das probanzas do preito Tabera-Fonseca, centradas no levantamento irmandiño[115], onde nin favorables nin contrarios falan nada da morte da condesa de Santa Marta, confirma a separación que hai que facer entre os dous feitos históricos.

Diego Enríquez del Castillo, na súa crónica do reinado de Henrique IV[116] que redactaba “según iban ocurriendo los sucesos”[117],  empeza dándonos a data correcta: “En aqueste año, que se contaron de mil é quatrocientos é setenta años… concurrieron dos grandes trabajos é muy grandes males en el Reyno”, isto é, unha “grandisima carestia” e mailo  descubrimento dunha “grand falsedad de la moneda”; continuando logo: “En aqueste mismo tiempo [de grandes males] subcedió que estando la Condesa de Sancta Marta en Galicia en una villa suya, sus vasallos se levantaron contra ella é la mataron á puñaladas”.

Non establece Enríquez relación ningunha entre as irmandades -coñecía ben de cerca as homólogas castelás[118]– e a revolta social ribadaviense: encadrada nas desgracias que aconteceron o dito ano de 1470 nos reinos de Castela e León. É coma se o cronista participara da imaxe de “triste condesa” que, difundida en ambientes cortesáns, malia as razóns políticas que podía ter contra os Zúñiga en Castela polos enfrontamentos durante a guerra civil[119], superados en todo caso ó aliñarse finalmente o pai da condesa de Santa Marta, Álvaro de Zúñiga, conde de Plasencia, con Henrique IV[120].

O clérigo Enríquez del Castillo non ten noticia, ou ten noticia pero non a considera significativa, do capítulo da represión; en calquera caso, a súa postura é aceptar os feitos consumados -unha morte admitida[121]– e valorar que as augas voltasen á súa canle pacificamente: “é puesto que asi la mataron, subcedió el hijo pacificamente porque ellos le obedescieron, y él los perdonó”[122]. O futuro conde de Ribadavia asume a postura negociadora que a súa nai non puido ou non soubo tomar cando voltou a Galicia, e que resultaba imprescindible en Galicia para reanudar as relacións vasaláticas despois de viviren os campesiños e cidadáns galegos dous anos en paz: sen señores[123]; ten o seu valor porque é máis que probable que Bernardino estivese tamén en Ribadavia cando mataron a súa nai[124]. Dez anos despois, en 1480 e 1482, os veciños de Ribadavia cuestionan de novo o señorío sobre a vila e o pago dos tributos ó conde, que obtivo dos Reis Católicos unha cédula ó seu favor[125].

Entre 1471 e 1475, un cabaleiro vasco chamado Lope García de Salazar, enumera as fortalezas que derrubaron as “Hermandades” de Galicia e chegando a Santa Marta de Ortigueira  escribe: “derribaron el Castillo de Santa Marta, que era de don Vernaldino, fijo del Conde de Santa Marta, e mataron los Villanos a la Condesa su muger”[126]. Ós que unhas liñas máis arriba denominaba respectuosamente “fidalgos e labradores” das irmandades galegas que derrocaban fortalezas e estaban “contra todos los Caualleros e Señores de Galisia”, son agora os “Villanos” que matan a unha condesa: dende o punto de vista das mentalidades subxacentes, a diferenciación está clara. A precisión tocante a nomes e datas non é  o que destaca na obra de don Lope. Salazar obtivera a súa información con toda evidencia oralmente, falando de oídas e lonxe de Galicia: non sabía que o conde de Santa Marta era un menor, e di que a súa nai é a súa muller.

Máis adiante[127] mestura a morte de Bernal Diáñez de Moscoso no asedio á catedral de Santiago un ano antes da Santa Irmandade (o 22 de agosto de 1466[128]) coa revolta irmandiña (1467-1469) e coa morte da condesa de Santa Marta, un ano despois da Santa Irmandade (verán-outono de 1470), pero globalmente só se equivoca nun ano cando resume, para logo poder sentenciar: “Durante estas cosas e fechos en Galisia, … por tiempo de tres años, poco mas o menos, como apareçer de las gentes, Nuestro Señor quiso ferir con su deçiplina a estos caualleros de Galiçia, e pagando dellos con piedad”. O sentido providencialista e inculpador dos señores de Galicia -viña a dicir que os cabaleiros morrían xustamente polos seus pecados-, non  evita que o señor da casa-torre de San Martín de Somorrostro tamén culpabilice ós vasalos, realizando para iso unha especial mestura da acción da Santa Irmandade -non fornece dato ningún de que directamente matase algún cabaleiro-  coas outras mortes de señores, anteriores e posteriores, cando continúa escribindo “e viendo [Nuestro Señor] las demasiado crueldades de los villanos, e la su mucha desouedençia contra sus naturales señores,…, los dichos Señores, dieron con los dichos villanos en el suelo”.

¿Cal era a situación persoal de Lope García no tempo en que escribía isto? Tiña 72 anos, vía a morte de cerca (ó ano seguinte de rematar o libro, en 1476, xa falecera), e estaba preso polo seu propio fillo na súa casa-torre de Somorrostro, de acordo co que conta el mesmo no prólogo[129]. Non é de estrañar entón un sentimento dobre de culpabilidade, contra si mesmo -afirma estar “Esperando la mysericordia de Dios”[130]– e contra o seu fillo carcereiro de quen temía a morte por veleno[131], que se pode reflectir nesa dobre culpabilidade dos señores e dos vasalos, na Galicia entre 1466 e 1470, os cales Deus castigaba por igual, ós cabaleiros coa morte e ós vasalos coa represión -e a reedificación das fortalezas-, polas súas crueldades, especialmente pola morte da condesa de Ribadavia, que ten que citar forzosamente antes da caída da Santa Irmandade para xustificar providencialmente a represión, aínda que para iso teña que variar a orde cronolóxica dos feitos.

Pero recompoñamos a secuencia e rematemos co relato que chegou a oídos do cabaleiro vasco encarcerado, da represión da revolta dos vasalos de Ribadavia, un ano despois do paso da Santa Irmandade por Galicia: “E despues que mataron los villanos de Ribadavia a la Condesa de Santamarta, su señora, de cruda muerte, faziendo la pedaços, vino don Vernaldino, su antenado[132], contra ellos e mató muchos dellos, e dasatolos de mala manera”[133]. Non foi -nin podía ser- o mozo Bernardino quen vingou a “cruda muerte” da súa nai, foi Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Madruga -vainolo deixar claro Aponte-, pero o sentido xeral dunha represión posterior ó homicidio señorial en revolta, é correcto.

Contra 1530-1535, sesenta anos despois do homicidio colectivo da condesa de Santa Marta,  Vasco de Aponte comeza as súas referencias ó dito acontecemento cualificando moi negativamente á víctima: “Y su muger la condesa, muy endiablada (que después la mataron sus vasallos a lançadas por muchos males que ella les façía), era muy presuntuosa por deçir que era de los Zúñigas”[134]. Teresa de Zúñiga era endiañada, presuntuosa e mala: case xustifica a súa crúa morte. Esta hostilidade cara á defunta muller e nai de Sarmientos hai que entendela, en primeira instancia, como unha toma de partido do autor contra Diego Pérez Sarmiento, en favor de Álvaro de Soutomaior (irmán do seu ídolo Pedro Madruga) nas liortas que tiñan entre eles[135]. Os Sarmientos-Zúñigas tiñan “muchas tierras en Galiçia y en Castilla” pero Soutomaior era “casa muy antigua en este reyno de Galiçia”, razoa Aponte nun arrebato patrio. Con todo, a aversión que Aponte sentía cara á condesa ía alén das persistentes e antigas loitas de bandos, de feito -como informa o propio Aponte- Pedro Álvarez de Soutomaior vai ser obxectivamente o amigo  máis poderoso -aínda que interesado- que lles queda en Galicia ós Sarmientos  cando Bernardino fica orfo de pai e nai: explícase pola misoxinia de Vasco de Aponte.

Pedro Álvarez de Soutomaior, un dos factores principais da contrarrevolución de 1469, era unha sorte de sobriño de Teresa de Zúñiga -o segundo sobriño desta historia-: “era bastardo natural (que lo huviera su padre Fernán Diáñez de una hermana, o prima, o sobrina de la condesa de Rivadavia, la que murió a lançadas)”[136]. Parece ser que cando resultou evidente que o primeiro sobriño a quen acudiu, Sancho de Ulloa, non estaba disposto a cumprir o compromiso forzado en Mucientes[137], dona Teresa, outravolta “triste e desonrrada e deseredada condesa”, busca noutro sobriño, Pedro Madruga, indiscutible caudillo feudal no sur de Galicia, ese brazo guerreiro que leva procurando dende que morreu o seu home en 1465, e don Pedro semella estar presto: “Este Pedro Alvarez, apoderado en la casa de Sotomayor, como sabía que la condesa de Rivadavia, su tía, se avenía mal con los suyos por las sinraçones que les haçía y que ellos algo revelaban, y la condesa ymbió por el sobrino, el qual se fue para ella”[138]. Pero hai algo que non cadra: se o señor de Soutomaior estaba coa condesa en Ribadavia ¿como é que puideron matala os seus vasalos? O único claro é que Pedro Madruga aparece cando xa está morta Teresa de Zúñiga; segue o texto coa evidencia da represión: “y luego hiço matar a unos, y a otros cortar pies, y a otros prender. Y prendió al abad de San Croyo y trájolo por la villa de Rivadavia ençima de un asno y con una resta de ajos al pescueço. Y allí cortó la cabeça a Diego Sarmiento”[139].

Dunha tacada Pedro Madruga víngase tres veces: a) dos vasalos ex-irmandiños de novo revoltados cunha violencia inusitada, cousa que el, perseguidor de irmandiños e paradigma da nova orde restauradora[140], non podía pasar por alto sobre todo en Ribadavia, tan preto do seu ámbito de influencia; b) do abade de San Clodio con quen, de seguro, algún contencioso tiña: c) dos seus cabaleiros inimigos, como este señor de Sobroso, Diego Sarmiento de Soutomaior, un terceiro sobriño da condesa de Santa Marta[141], que, segundo unha testemuña do preito Tabera-Fonseca, notario de Pontevedra, lle dera certos motivos ó de Soutomaior para se vingar del.

Estando o tal Diego Sarmiento xunto con Pedro Álvarez, na casa ribadaviense do conde de Santa Marta[142], chegou un mensaxeiro do arcebispo Fonseca (logo Patriarca de Alejandría) cunhas cartas para o señor de Sobroso, que como non o coñecía, pregunta por el a Pedro Madruga, que lle di: “Yo soy; e quel dicho onbre le diera las dichas cartas que traia e que las tomara el dicho Peralvarez e por el aviso dellas el dicho Parlavarez matara al dicho Diego Sarmiento e quedara dende alli enemigo con el dicho Patriarca”. Ó parecer, das cartas tírase “quel dicho señor Patriarca fuera en consentimiento e acuerdo con el conde de Ribadavia e con Diego Sarmiento en que degollasen e matasen al dicho Pedro Alvarez”[143]. O enfrotamento de Fonseca cos cabaleiros de Galicia, que rompe a unidade señorial anti-irmandiña data, cando menos, do 13 de maio de 1470[144] -é dicir, antes de partir a condesa Teresa de Mucientes-, e tiña causas socio-políticas: a posesión de fortalezas (mellor dito, o dereito a súa reedificación), coutos, vilas, terras, rendas e vasalos. Pedro Álvarez de Soutomaior incorpórase á fronte anti-arcebispal ó longo de 1470: o 3 de novembro, antes de que Bernardino teña novo titor, aparece xa como un dos fundamentos da confederación nobiliar contra Fonseca e os ex-irmandiños[145].

Dende o punto de vista estratéxico, en 1470, o máis importante para Pedro Madruga era a guerra cos cabaleiros  competidores no sur de Galicia, que, dende antes da guerra con Portugal, xa estaban comandados polo arcebispo Fonseca, ó cal se achegaban tódolos inimigos do novo señor de Soutomaior;  entre eles, os que máis odiaba Pedro Madruga eran os antigos cabaleiros da casa do anterior señor de Soutomaior[146], o seu irmán Álvaro -morto en marzo de 1468 non sen antes render a cidade de Tui á Santa Irmandade-, como Diego Sarmiento, que resistían a súa pretensión de “mandar en toda la tierra”; confésao Aponte  no que segue ó relato da represión en Ribadavia: “Y allí cortó la cabeça a Diego Sarmiento, y quisiera apañar y maltratar a todos los prinçipales de la casa de su hermano [Álvaro de Soutomaior], alguno de los quales tomó, pero los mas principales se le fueron, sacando a Diego Sarmiento[147]. Unos deçían que este conde que después fue [Pedro  Madruga] se quejaba dellos por deçir que se falaban entre sí de no le obedecer por mandar en toda la tierra, y se querían amellorar con él, y aun matarlo”.  A represión dos cabaleiros inimigos parecía máis importante para Pedro Álvarez que a represión da rebelión. Continuemos con Aponte: “mas ellos [os ex-cabaleiros de don Álvaro] contra esto deçían que el conde lo hacía por tomarles lo que ellos tenían, de manera que nunca se pudo averiguar la verdad desto”[148], conclúe salomónico Aponte. Pedro Madruga toma logo a represión da revolta ribadaviense coma un bó pretexto  para axustar contas. A fiabilidade demostrada do nobiliario de Aponte como fonte histórica acredita a relación da represión dos revoltados populares co desquite de Pedro Álvarez, aínda que a tradición oral representada polas declaracións do preito Tabera-Fonseca, que, na década dos anos 20 do  século XVI, semella esquecer o homicidio social de Ribadavia, redúcese á guerra dos cabaleiros como motivación da morte do señor de Sobroso.

Outra fonte oral trascrita, a declaración oral feita en 1537 por unha testemuña de noventa e cinco anos, Estevo Gago, clérigo de Vigo, sobre a morte de Gregorio de Valadares[149], ofrecénos unha terceira versión da execución de Diego Sarmiento na vila de Ribadavia, cadra co notario de Pontevedra e con Vasco de Aponte en considerala unha consecuencia da inimizade entre ámbolos dous cabaleiros, e da militancia de Diego Sarmiento (e de Gregorio de Valadares) no partido do arcebispo Fonseca, chegando a dicir que a morte do primeiro fora unha medida preventiva: “despues de muerto el dicho Gregorio de valadares vio este dicho testigo que el dicho conde temiendose de muchos parientes e deudos del dicho gregorio de valadares por que muchos le decian que pues mandara matar al gregorio de valadares que se guardase que tenia muchos parientes e despues el dicho conde temiendose de diego sarmiento[150] senor de la villa de salvatierra lo prendio en la villa de Rivadavia e alli lo mato e mando degollar”[151].

O caso é que a morte de Gregorio de Valadares, que participou na batalla de Altamira[152] (o 13 de xuño de 1471[153]), foi posterior á morte de Diego Sarmiento (1470); dificilmente logo  con esta segunda morte podería Pedro Madruga (facendo honor ó seu alcume) tratar de evitar a vinganza dos parentes do asasinado Valadares. Pero a causa de ámbalas dúas mortes está clara: a loita de bandos nobiliarios no sur de Galicia. O clérigo de Vigo trábucase máis veces na súa declaración na cronoloxía dos feitos: noutra parte da declaración[154] sitúa a morte de Bernal Diáñez (1466) cando a batalla de Altamira (1471).

Tamén García de Salazar confundía cronoloxicamente a morte de Bernal Diáñez en 1466, coa Santa Irmandade de 1467-1469, e coa morte de Teresa de Zúñiga en 1470. É obriga do historiador profesional restablecer a cronoloxía documentada, pero sen esquecer que a mestura dos datos son indicios da mentalidade dos autores: son erros que levan dentro de si unha verdade tanto ou máis histórica  cás datas correctas. Para García de Salazar as mortes de señores daquel período e a Santa Irmandade, eran o castigo de Deus polos pecados dos cabaleiros de Galicia; o demais era totalmente secundario. Para o vigués Estevo Gago, o realmente importante era que a morte de Diego Sarmiento fora un acto calculado contra os cabaleiros fonsecanos, é dicir, que Pedro Madruga non mataba simplemente por crueldade ós seus inimigos, seguía unha estratexia que, en derradeira instancia, era defensiva.

Seguindo cos falsos erros. Aponte, aínda que fala dos irmandiños despois de falar da revolta de Ribadavia, non precisa confundir a represión de Ribadavia co fin da Santa Irmandade; inmediatamente despois da última pasaxe citada escribe: “Logo en este tiempo se levantó la hermandad, que todos los villanos se levantaron contra sus señores, en que derrocaron quantas fortalezas havía en Galicia, excepto la fortaleza de Pambre. Este Pedro Alvarez, viendo toda la comunidad contra sí y sus fortalezas derrocadas, acogiose a Portugal”[155]. Ademais de separar totalmente a revolta antiseñorial de Ribadavia da revolta antiseñorial irmandiña, Vasco de Aponte fala sorprendentemente ben da primeira (a condesa era culpable “por las sinraçones que les haçía” ós seus vasalos) e rematadamente mal da segunda; é natural, os irmandiños obrigaran a fuxir a Pedro Álvarez e os veciños revoltados de Ribadavia foran castigados por Pedro Álvarez, ós primeiros chama Aponte despectivamente “villanos” e ós segundos “sus vasallos”, “los suyos” (a diferencia de García de Salazar).

Certamente en 1470 os ribadavienes mataron a súa señora, e en 1467-1469 os irmandiños non mataran a ningún señor a xeito de revolta. Para o sistema de valores aínda medieval de Aponte, que conta unha e outra vez sen amolecer como se mataban os cabaleiros entre eles, guerreando ou por engano, sen respectar os lazos de familia, estaba xustificada a morte por vinganza, o dereito de defensión; por iso precisa deixar claro o mala muller que era a condesa e o mal que se portaba cos seus vasalos, para asumir a súa morte dunha maneira, digamos natural, e por conseguinte admitir tamén a represión como unha resposta así mesmo xusta, ó xeito de vinganza cabaleiresca. Non é casual que cando Pedro Madruga entra en Ribadavia en 1470, emulando ó seu irmán Álvaro en 1455[156], tanto se vingue de Diego Sarmiento, coma do abade, coma dos vasalos que mataran a endiañada condesa Teresa, arranxando así tódalas contas pendentes.

Triste ou endiañada?

As fontes de fóra de Galicia non cualifican moralmente a condesa de Santa Marta; en cambio os documentos galegos oscilan entre dúas visións, unha positiva e outra negativa: (A) “yo la triste e desonrrada e deseredada condesa”; ou (B) a “muy endiablada… muy presuntuosa” condesa.

A imaxe “triste” é primeiramente mentada pola propia Teresa de Zúñiga, que querería ser así recordada, ó enviúvar e perder o control do seu señorío (1467, demanda ante a Santa Irmandade) e logo propagada polo seu fillo Bernardino (1492, cando manda copiar documentos para o preito con Sancho de Ulloa). Estamos ante unha tradición familiar, de seguro que extensible ós seus criados, parecida á tradición xerada pola morte violenta de Pardo  de Cela. Se no caso da condesa de Santa Marta non transcendeu máis que unha tradición favorable é debido a unha dobre oposición, curiosamente converxente, da cultura popular e da cultura nobiliaria, dos veciños de Ribadavia e de Vasco de Aponte, os cales mantendo posicións mentais diverxentes tocante á revolta irmandiña, cadran en dar por boa a morte a lanzadas da condesa[157].

A condesa procuraba o fundamento da súa causa na táctica do vencido[158], na súa debilidade como muller. Á muller, dende a restauración do dereito romano, hai que protexela porque é doada de enganar[159];  a función real de defender as mulleres soas, sen maridos, espállase pouco a pouco co proceso de feudalización[160];  a salvagarda de viúvas e orfos (e clérigos) acaba sendo pedra de toque do modelo cabaleiresco cristianizado[161]. Esta mentalidade protectora, consecuencia do predominio masculino na sociedade medieval, tanto nobiliaria coma popular, está ben asumida na Galicia baixomedieval[162].

A condesa busca, pois, trocar a súa debilidade en forza, ¿lógrao? En vida, non. Igual que os señores eclesiásticos, a parte feminina da clase señorial constitúe un elo obxectivamente débil, por mor da falta de experiencia e adicación á vida militar, en tempos de agudización -horizontal e vertical- das tensións sociais, da guerra de bandos dos cabaleiros e da loita de clases cos vasalos. Os mesmos argumentos que explican a abundancia dos casos de prelados mortos polos seus vasalos revoltados[163], axudan a comprender o caso da morte en revolta da señora de Ribadavia: os executores aproveitáronse tamén da súa indefensión como muller[164].  Non temos noticias  de pelexa ou resistencia no intre do atentado de Ribadavia, como nos casos de axustizamento de señores eclesiásticos, a diferencia do que acontecería de ser o señor un home, por tanto, un guerreiro. Pero nun aspecto sepárase o caso dos prelados asasinados da morte da condesa de Santa Marta: alguén da súa liñaxe vingouse.

Doutra banda, dona Teresa non era unha muller débil senón dura  e combativa cos cabaleiros inimigos -non dubida en ter tres anos presos a Sancho de Ulloa e Diego de Andrade- e posiblemente cos seus vasalos: deberemos crer a Aponte cando repite que lles fixo “males” e “sinraçones”. O compromiso asinado con Sancho de Ulloa e logo a demanda da axuda dirixida cara a Pedro Madruga, ían encamiñados ó uso da forza para reconquistar a vila do Ribeiro. Houbo con seguridade falta de subtileza por parte da condesa, que pronto facía valer a súa forza de carácter (viaxe a Galicia para recobrar como fose os seus dominios) como caía na inxenuidade de fiar de Sancho de Ulloa.  Os excesos nas dúas direccións labraron a súa desgracia, e ilustran o perfil contradictorio de Teresa de Zúñiga, a  difícil adaptación dunha muller á función señorial en tempos de guerra e de rebelión social. De seguro que nunha situación social máis estable, a sucesión no condado de Santa Marta podería darse cunha titora viúva, pero a mala sorte cebouse na condesa, a  conservación do señorío para o seu fillo fixérona imposible a guerra civil, a revolución social e a división dos nobres; o seu desacougo estaba xustificado.

Ser inxenua cadraba coa mentalidade machista dominante: a súa valentía e dureza de carácter, non. Cando querían insultar a uns cabaleiros, tratábanos como se fosen mulleres[165]. Se unha muller se manifestaba orgullosa, forte, entraba en xogo o estereotipo  feminino contrario ó da muller soa e submisa que cumpría amparar: a muller perversa e perigosa que cumpría arredar.

A misoxinia -xenreira cara ás mulleres baseada  no temor- medieval[166] remonta as súas orixes á cultura clásica[167],  pero vai ser na Idade Media cando verdadeiramente se sataniza a muller como axente maléfico. Dende Adán, os homes son tentados ó pecado polas mulleres[168], as fillas do Diaño[169].  Vasco de Aponte cando lle chama á condesa de Santa Marta endiañada, facedora de males ós vasalos e presuntuosa cos nobres de Galicia por vir dos Zúñiga[170], conecta cunha imaxe de muller perversa que hai que condenar, mesmo punir, estendida polo cristianismo medieval entre señores e vasalos, ó mesmo tempo cá imaxe de muller virtuosa que hai que alabar, mesmo protexer. A memoria da asasinada pero pervesa condesa non hai porque protexela, por tanto, da infamia.

En resumo, Vasco de Aponte descualifica a Teresa de Zúñiga como muller e como señora de vasalos,  a causa da súa toma de partido contra a cabeza visible da rama máis poderosa dos Sarmientos, pero tamén pola súa condición misóxena, polo demais moi propia da época, que se reflecte nas diversas referencias antifemininas no seu nobiliario.

As obras contemporáneas, historias nobiliarias e historias locais,  repiten as teses de Aponte, abundan na descualificación moral da condesa, por dúas razóns: é a única fonte galega coetánea que dá noticia do tema; e ademais, ¿non segue no século XX vixente dalgunha maneira a misoxinia e os estereotipos de mulleres “malas”?

A marquesa de Ayerbe (1905) reproduce o parágrafo de Aponte sobre a endiañada condesa que lles facía mal ós seus vasalos[171]. Leopoldo Meruéndano (1914), escribe o mesmo: “condesa indiablada” que “hostigó á sus vasallos” que enviaron unha comisión e “les maltrató” e, daquela, amotináronse e matárona[172].  Samuel Eiján (1920) erre que erre, insiste en que era endiañanda e presuntuosa, engadindo outros preconceptos anti-femininos ó aseverar que Aponte “descubre en ella los brotes de orgullo nobiliario inherentes a los Sarmiento, unidos a los extremos de una crueldad impropia de su sexo”[173]. Na historia da casa de Camarasa (1934) amplíase a mala fama de Teresa de Zúñiga, afirmando que “esta Señora que, según parece, era algo intrigante y no muy discreta” porque, non contenta coa confirmación da sucesión do seu home morto, de Henrique IV, procura paralelamente outra do príncipe Afonso[174]; logo o marqués de Camarasa fai á condesa culpable póstuma da represión, por pedirlle axuda a Pedro Madruga,  que “era un malvado que nada respetaba”, quen en Ribadavia “se hartó de hacer atrocidades”,  argumentando que “se comprende que con estas cosas, la madre y tutora del joven señor de Ribadavia se hiciese odiosa incluso a sus propios vasallos”; intrigante, indiscreta, odiosa e… altiva: “Asi murió la altiva Dña. Teresa de Zúñiga”, conclúe fatalmente a  historia da casa de Camarasa[175].

¿Que din as xenealoxías inéditas dos Sarmiento da condesa morta polos seus vasalos? Ben nada, facendo desaparecer sospeitosamente a Teresa de Zúñiga, a pesar de nomear o seu home e o seu fillo, a pesar do costume do xenealoxista de sinalar con quen casa cada membro importante da liñaxe[176]. Ben recollen, como despois fará a bibliografía, a opinión desfavorable de Aponte: “fue muy endiablada y mala, y que los basallos la mataron despues a lanzadas por los muchos daños que les hacia”[177], transmisora dunha tradición fortemente antiseñorial que raramente é transmitida polas canles da cultura escrita.

Acción e represión

Poucas veces as fontes medievais son tan unánimes e tan claras á hora de manifestar a  motivación social, antiseñorial, da execución colectiva dun señor por parte dos seus vasalos como no caso da condesa de Santa Marta. O cronista real  Enríquez escribe que “sus vasallos se levantaron contra ella é la mataron”, e que, logo do axustizamento, “é puesto que asi la mataron, subcedió el hijo pacificamente porque ellos le obedescieron, y él les perdonó”[178]; establece así unhas relacións mentais -revolta/violencia, obediencia/paz- que evidencian a importancia do consenso nas relacións vasaláticas, e deixan entrever a ruptura deste como causa da violencia purificadora.  Acto profano de raíces pre-cristiás, o sacrificio ritual colectivo do señor natural que incumpre as súas funcións remite ó ciclo da fertilidade: morte dun mal señor que volta á terra e resurrección noutro señor[179] a quen os vasalos obedecen pacificamente porque “él les perdonó”.

Non era propio dos señores laicos perdoar ós vasalos rebeldes, e menos habendo por medio a morte dun señor;  os señores eclesiásticos tiñan sen embargo a posibilidade de condenar eclesiasticamente e perdoar terrealmente, trala doazón por parte dos arrepentidos matadores de bispos, abades e cóengos[180]. As outras dúas fontes, nobiliarias e laicas, cada unha cos seus matices, para nada falan de perdón e si da dura represión dos veciños de Ribadavia. A posición reconciliadora do cronista real parte do principio de realidade -“é puesto que asi la mataron”-, acepta as consecuencias pero tamén as causas do homicidio en revolta, un mal indesexable que hai que evitar no futuro, restablecendo o pacto entre señores e vasalos, onde os segundos obedecen porque os primeiros os tratan pacificamente.

Unha restructuración das relacións feudais promovidas polo Estado e a Igrexa á cal non se adaptará verdadeiramente a nobreza laica galega, que perdoa ós irmandiños só parcialmente a revolta de 1467-1469; non hai represión, pero un sector significativo -entre os que non se atopa naturalmente o fillo que  indultou, Bernardino Sarmiento[181]– tenta obrigar ós vasalos a reedificar as fortalezas. A “caída dos falcóns” a finais do século XV [182], que será definitiva dende o  punto de vista político [183],  non deixa de ter reflexo no sentimento de culpa do contemporáneo cabaleiro Salazar e na nostalxia de Aponte pola brutal nobreza feudal  representada por Pedro Madruga a principios do século XVI.

García de Salazar[184], no cadro da revolta irmandiña como revolta claramente antiseñorial, adopta unha actitude contraria ós ribadavienses -é o único en chamarlle “viláns”-, di primeiro que  “mataron los Villanos a la Condesa” para unir logo revolta antiseñorial con violencia antiseñorial: “e viendo las demasiado crueldades de los villanos, e la su mucha desouedençia contra sus naturales señores,…, los dichos Señores, dieron con los dichos villanos en el suelo”. O sentido antiseñorial da revolta de Ribadavia contra a condesa resulta máis evidente aquí que no texto do cronista real, incluso a conclusión xustificadora da vinganza ritual sublimadora: o mal goberno dos señores págase coa morte, pero a rebelión contra os señores “naturales” tamén; primeiro morre a condesa, pero despois morren moitos ribadavienses rebeldes; e, ademais, caen tódolos irmandiños, viláns crueis -previa identificación forzada coa revolta local posirmandiña de 1470-. A falta de represión violenta de levantamento antiseñorial tan enorme como o da Santa Irmandade de Galicia, tiña que estrañar ó cabaleiro vasco, quen cría sinceramente que os dous feitos foran un só.  Ningún indicio de perdón laico nin sagrado: Deus castiga a todos, cabaleiros e vasalos, vén dicir  o vello e epocalíptico cabaleiro preso polos seus fillos na casa-torre de Somorrostro.

Vasco de  Aponte, criado de Andrade e un defensor máis entusiasta da orde señorial có cabaleiro Salazar -se cadra porque a súa adhesión é máis ben literaria-, é tremendamente claro na motivación antiseñorial da morte colectiva da condesa de Santa Marta, porque, no fondo, considéraa causada pola culpa individual dunha condesa endiañada, presuntuosa e mala cos seus vasalos. Para salvar  a súa nostalxia pola derradeira nobreza  feudal, violenta pero certamente valerosa, xustifica o sacrificio da condesa de Santa Marta,  chibo expiatario que carga cos pecados do mundo nobiliar galego,  repoboado de cabaleiros ben coñecidos no Reino de Galicia polas súas tropelías e violencias contra os vasalos e a Igrexa, como Pedro Madruga e o mariscal Pedro Pardo de Cela[185]. Ser muller e de orixe extragalega, facilita a xustificación da morte de Teresa de Zúñiga pola mentalidade tardonobiliar de Aponte, que se aparta radicalmente -e en parte tamén as restantes fontes utilizadas neste traballo- do tratamento que a cultura escrita lles viña dando ás mortes individuais dos señores nas revoltas dende finais do século XIV[186]: indicibilidade, descoñecemento do seu sentido xusticeiro, fatalismo providencialista. Quitando algunha  xenealoxía familiar, a morte da condesa non é indicible, pregóase abondo en nobiliarios e crónicas (igual, despois de 1483, cá  morte de Pardo de Cela[187]). A súa significación profana como acto colectivo de xustiza privada por mor de reinvindicacións sociais, vén sendo polo regular recoñecida, ben  para xustificar o perdón (cronista real e posiblemente a cultura popular), ben para xustificar a represión (cultura cabaleiresca  en decadencia). A súa significación relixiosa pasa do milenarismo total de Salazar, que mete cabaleiros e vasalos entre os castigados pola ira divina, á demonización da mala señora – condesa “muy endiablada”- que predica Aponte. Todo porque despois de gran revolta que conmoveu entre 1467 e 1469 o sistema señorial, no económico pero aínda máis no imaxinario colectivo, xa non ten moito sentido tapar por parte dos intelectuais da época a simple morte individual dun mal señor; é máis conveniente unirse ó coro e insistir en que se trata dunha excepción (sobre todo tratándose da casa dos Sarmientos, diríanos Aponte se puidese falar), é dicir, cousa do diaño, con quen ademais non debe haber tratos e pactos[188].

Non sabe Aponte ata que punto acerta, se lle damos a volta á súa acusación -de contrarios a favorables, conforme a opinión maioritaria na Galicia posirmandiña- e facemos da excepción unha  regra, xeneralizando a inculpación diabólica ó conxunto da violenta nobreza trastamarista[189], porque se pode dicir dos derradeiros señores feudais galegos aquilo que expoñía un vello relixioso ó cabaleiro Galván: “fuisteis mal siervo y desleal, pues cuando entrasteis en la orden de caballería no se os metió en ella para fueseis a partir de entonces siervo del Enemigo, sino para que sirvieseis a Nuestro Creador y defendierais la Santa Iglesia”[190]. Por moito que Vasco de Aponte xogue coa condición feminina da condesa, homologable ó demo, nada poder agachar os feitos que el mesmo relata: Pedro Madruga cando reprime os que mataron a condesa prende e ridiculiza o abade de San Clodio, ¿de que parte está logo o Inimigo[191]?

O contraste entre a oposición radical de Aponte á grande revolta antiseñorial, pero sen sanguentas vinganzas persoais, da Santa Irmandade, e a facilidade con que acepta a pequena revolta antiseñorial  que deu cabo da vida da condesa, vén confirmar algo que xa concluiamos noutro lugar: “No fondo  a morte señorial  é inofensiva para o sistema global, que limítase a sustituír ó amo masacrado por outro, usualmente en mellores condicións, tanto para os vasalos (que arrincan polo regular concesións) coma para os señores (que gañan un consentemento perdido)”[192].  A violencia catártica, a morte de cando en vez dalgún señor a xeito de válvula de escape, permite, pois, a reprodución do sistema: o derrocamento de tódalas fortalezas e a substitución do poder señorial polo poder irmandiño, non.

Agora ben, que houbese chibos expiatorios dos males do sistema non quere dicir para Aponte que os vasalos asasinos tiveran de ficar impunes. Morte admitida pero non perdoada. ¿Como fai casar Aponte a súa actitude pro-señorial coa  súa consideración case xusta da morte da condesa? Substituíndo o esquema mental vasalos/señores polo esquema cabaleiresco da lei do Talión. Se os vasalos se vingaron a lanzadas da condesa dos “muchos males que ella les façia”, o seu sobriño Pedro Madruga vingárase dos vasalos facéndoos “matar a unos, y a otros cortar pies…”. O dereito de vinganza era unha parte importante da vella orde feudal, non tanto a práctica do perdón. O mesmo ritual violento que escenifican os veciños de Ribadavia para acabar coa condesa (“la mataron á puñaladas” -escribe Enríquez[193]-; “cruda muerte, faziendo la pedaços” -escribe Salazar-[194]; “la que murio a lançadas” -escribe Aponte[195]-), serve para describir a vinganza posterior de Pedro Álvarez de Soutomaior que “hiço matar a unos, y a otros cortar pies, y a otros prender. Y prendió al abad de San Croyo y trájolo por la villa de Rivadavia ençima de un asno y con una resta de ajos al pescueço. Y allí cortó la cabeça a Diego Sarmiento”[196]. Exceso de sangue e  mutilacións, moi propio da violencia ritual medieval[197], que se vai repetir cando a Inés Enríquez, segunda condesa de Camiña, nora de Pedro Madruga, “le despedaçaron e fizieron pedaços su cuerpo e cabeça” por orde do seu fillo Pedro de Soutomaior, neto de Pedro Madruga, condenado a morte polo xuíz real en 1518: “Y ansí bajó la casa de Sotomayor”, sentencia Aponte[198].

A lei do Talión será substituída pola xustiza pública nun proceso encetado en Galicia pola revolución exemplarizante de 1467-1469. Un ano despois, a revolta homicida de Ribadavia, resulta anacrónica, mira cara ó pasado, cadra máis coa mentalidade medievalizante de Pardo de Cela,  Madruga e Aponte (que recupera simbolicamente a revolta de 1470) que coa mentalidade modernizante dos irmandiños, dos oficiais reais, de sectores importantes da Igrexa e da fidalguía, que conformarán outra Galicia entre finais do século XV e comezos do século XVI, escollendo como chibos expiatorios dos males do sistema social as fortalezas, as pedras en vez das persoas, aínda que os cabaleiros fosen culpables  e merecentes dos maiores castigos.

——-

* Versións anteriores moi reducidas: “Paz e violencia na revolta popular os irmandiños e a morte en Ribadavia da condesa de Santa Marta”, conferencia nas Primeiras Xornadas de Historia organizadas polo Centro de Estudios Medievais de Ribadavia. Igrexa de Santiago de Ribadavia, 22 de mayo de 1990 (https://youtu.be/b53Pdh3kBNw); “A morte a lanzadas da condesa de Santa Marta (1470): unha análise”, A guerra en Galicia, Santiago de Compostela, Asociación Galega de Historiadores, 1996, pp. 89-120; “Vida e morte de Teresa de Zúñiga, condesa de Santa Marta” conferencia no Instituto de Ensino Secundario de Ortigueira, organizada polo Centro de Información para a Muller do Concello de Santa Marta de Ortigueira, 14 de marzo de 2014 (https://www.youtube.com/watch?v=PTKUCHeAZf4).

 

[1]  Felipe de la GÁNDARA, Armas y  triunfos. Hechos heroicos de los hijos de Galicia, Madrid, 1662, p. 533; 1428, escritura de arras, publica Gonzalo Francisco FERNÁNDEZ, La nobleza galega entre los siglos XIV-XV. Los Sarmientos, Condes de Ribadavia, Santiago de Compostela, 2002, p. 340; sobre as confusións de nomes e xenealóxicas, por veces intencionadas, ver Edward COOPER, Castillos Señoriales en la Corona de Castilla, Salamanca, 1991, vol. I.2, pp. 806-807.

[2] Juan TORRES FONTES, El príncipe don Alfonso, 1465-1468, Madrid, 1971, pp.  100-101, 109; Itinerario de Enrique IV de Castilla, Murcia, 1953, p. 181 n. 16.

[3] O 30 de maio de 1467 o conde de Plasencia vitorioso en Toledo acompañando ó príncipe Afonso, Alonso de PALENCIA, Crónica de Enrique IV, I, BAE nº 257, p. 214; en xaneiro de 1468 andaba xunta  Enrique IV, Itinerario de Enrique IV de Castilla, p. 211 n. 1.

[4] Los Sarmientos, Condes de Ribadavia, p. 371.

 

[5] En 1464 temos o conde de Santa Marta con Enrique IV na negociación cos nobres rebeldes, encárgase de gardar na fortaleza de Mucientes o conde de Benavente como refén do pacto, Diego ENRÍQUEZ DEL CASTILLO, Crónica de Enrique IV, BAE nº 7O, p. 139 ; Apuntes para el historial de la Casa de Camarasa, San Sebastián, 1934, pp. 77, 79.

[6] Apuntes para el historial de la Casa de Camarasa, p. 80.

[7] Os representantes  zamoranos  (Zamora tiña a voz de Galicia nas Cortes de Castela) da “Hermandad” de Castela, estaban axudando a constituír formalmente a irmandade galega: no  documento fálase dunha xuntanza previa en Ourense e da inminente primeira Xunta da Santa Irmandade do Reino de Galicia en Melide, que terá carácter constituínte.

[8] AHN, Diversos, Colección Diplomática, publica Eduardo PARDO DE GUEVARA, “Notas para una relectura del fenómeno hermandino de 1467”, Señorío y feudalismo en la Penísula Ibérica, ss. XII-XIX, Zaragoza, 1993, pp. 100-103.

 

[9] Continúa dicindo: “e estando yo e el dicho conde, mi fijo, e todos nuestros bienes sobre seguro e hamparo e defensión del dicho señor Rey e de la dicha Santa Hermandad, e teniendo mandado por mis cartas a mis alcaydes de las fortalesas mías e del dicho conde, mi fijo, que se metiesen en la dicha Santa Hermandad con vosotros para guardar e complir los capítulos e hordenanças”,  loc. cit., pp. 100-101; a súa orixe e relacións de veciñanza en Castela, onde a “Hermandad” funcionaba dende había tres anos como institución pacificadora, coadxuva a explicar este temperán aliñamento coa irmandade galega da condesa de Santa Marta, que contrasta coa resistencia nese mesmo momento doutros nobres máis conscientes do que podía pasar, como o conde de Lemos, Carlos BARROS, Mentalidad justiciera de los irmandiños, siglo XV, Madrid, 1990, p. 87.

[10] “dicho Sancho de Ulloa, vuestro hermano, non temiendo a Dios  ni al Rey nuestro Señor, ni a la dicha Santa Hermandad que para vedar las fuerças  e opresiones fue prinçipada, e para punir e castigar los malfechores”, Notas para una relectura del fenómeno hermandino de 1467, p. 101.

[11] O modelo cabaleiresco esixía especificamente a defensa de viúvas e orfos; a traizón na Idade Media era un delito político contra o Rei, neste caso contra o seu Adiantado en Galicia, así como contra unha irmandade que vai mirar sobre todo polo seu, é dicir, polos intereses moi maioritarios dos pequenos e medianos.

[12] Loc. cit.

 

[13] Sobre a sensibilidade irmandiña cara ás mulleres e nenos, véxase Mentalidad justiciera…, pp. 202 ss.

[14] Loc. cit., p. 103.

[15] Pardo de Cela non estivo, o que cadra ben co seu visceralismo anti-irmandiño reflectido naquela metáfora represiva que aconsellou  ó conde de Lemos, unha vez rematada a irmandade: “que ynchiese los carballos de los dichos basallos e quel dicho Conde dixera que no queria que no se habia de mantener de los carballos”, publica Ángel RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Las fortalezas de la Mitra compostelana y los “irmandiños”, Pontevedra, 1984,  p. 162.

[16] Las fortalezas de la Mitra composte­lana y los “irmandiños”, pp. 477-478; a testemuña termina de contar que el e os demais criados do futuro conde Sancho voltaron a Galicia, e que despois a xente os chamaba “traidores”, tanto ós dous nobres fuxidos da Santa Irmandade coma ós seus criados.

[17] Estarán Ulloa e Andrade os dous anos de poder irmandiño, entre 1467 e 1469, presos en Mucientes, e aínda un ano máis, mentres dura ó asedio de Ribadavia, ata 1470;  o 27 de abril de 1470 a condesa perdoa e libera ó primeiro, conforme veremos logo, e nese mesmo ano, antes do 20 de xuño de 1470, data do duelo da ponte Sionlla, onde participa contra Sancho de Ulloa: “Diego de Andrade quando salió de la prisión, donde lo tenía preso la condesa de Santa Marta”, Vasco de APONTE, Relación de las casas antiguas del Reino de Galicia, Santiago, 1986, pp. 147, 195, 227.

[18] Publica Boletín de la Comisión de Monumentos de Orense, tomo II, 1904, pp. 310-311.

[19] “mandava e mandou da parte  da Santa Yrmandade e del rey nro Señor don Enrrique aos moradores e vasalos do dito couto que no recodisen des oje este dito endeante ao dito señor conde nin condesa nin a outra persona algua con has rendas e señorío do dito couto, saluo a dito señor abbade de Çelanova”, publica Xesús FERRO COUSELO, A vida e a fala dos devanceiros, I, Ourense, 1967, pp. 147-148.

[20] Manuel  MARTÍNEZ SUEIRO, Fueros municipales de Orense, Ourense, 1978, pp. 89-90.

[21] Mentalidad justiciera…, p. 106.

[22] AHN, Diversos, Colección Diplomática, Serie Real, publica Eduardo PARDO, op. cit., pp. 103-104.

[23] Desmíntese así o documento do 25 de abril, por cousa das flutuacións cortesás e o  variable interese  da política militar do Rei Enrique.

[24] A pelexa entre os medio-irmáns Juan Zúñiga e Pedro Zúñiga polo señorío de Monterrei é anterior á irmandade de 1467 e continuará despois, Juan de Zúñiga semella menos de fiar en 1467 para Henrique IV: en 1465 tamén recibira do príncipe Afonso a confirmación dos seus bens en Verín contra o seu irmán Pedro, henriqueño de primeira hora, ADA, Casa de Lemos, C-2-50a.

[25] Eduardo PARDO, op. cit., pp. 105-106.

[26] Unha resposta evasiva da Xunta irmandiña de Betanzos datada o 13 de xullo de 1467, sobre este asunto de Monterrei, deixa as cousas como están, isto é, nas mans da Santa Irmandade.

[27] Tres das autoridades locais que encabezan o escrito son mercadores: Juan de Meixonfrio, procurador do concello, Gonçalvo Rodrígues de Olveda, procurador da Santa Irmandade e Gonçalvo Péres de Requeixo, rexedor do concello.

[28] Os campesiños do Ribeiro seguen o exemplo da irmandade ourensá que derrocara o Castelo Ramiro vinte días antes, publica  Xesús FERRO COUSELO, A vida e a fala dos devanceiros, II, Ourense, 1967, p. 375.

[29] Publica  Xesús FERRO, op. cit., p. 375.

[30] Nuno Dousende xa xogara como procurador do común ese  liderato na revolta ourensá de 1455, Mentalidad  justiciera, pp. 45-53.

[31]  Publica Xesús FERRO, op. cit., pp. 373-375.

[32] Os que aparecen protestando, en ausencia de Nuno e maioría do concello e da irmandade, polos derrocamentos campesiños no Ribeiro é de supoñer que tampouco verían con entusiasmo o derrubamento polos ourensáns, na súa propia cidade,  do veciño e odiado Castelo Ramiro.

[33] Coñecemos outro caso de conquista desde fóra pola Santa Irmandade dunha cidade galega: Monforte de Lemos,  Carlos BARROS, “Os irmandiños da Terra de Lemos”, O Condado de Lemos na Idade Media, Anselmo López Carreira, edit., Santiago, 2008, pp. 202-203 (https://www.h-debate.com/cbarros/spanish/articulos/historia_medieval/lemos.htm); Alfredo Cid Rumbao di o mesmo de Allariz, Historia de  Allariz, villa y corte románica, Ourense, 1984, pp. 117-118.

[34]  Los Sarmientos, Condes de Ribadavia, p. 491.

[35] Íbidem.

[36] Fora máis común nos asaltos a fortalezas dos payeses de remensa en Cataluña por esas datas,

[37] Mentalidad y revuelta en la Galicia irmandiña: favorables y contrarios, Santiago de Compostela, 1989.

[38] Los Sarmientos, Condes de Ribadavia, p. 489.

[39] Ídem, p. 490.

[40] Consenso forzado dende que Pedro Madruga reprime en 1470 con grande violencia a execución da condesa, como veremos.

[41] Vasco de APONTE, Relación de las casas antiguas del Reino de Galicia, Santiago, 1986, pp. 218-219.

[42] Los Sarmientos, Condes de Ribadavia, pp. 490-491.

[43] Ídem, p. 491.

[44] Lope GARCÍA DE SALAZAR, Las Bienandanzas e Fortunas. Códice del siglo XV, IV, Bilbao, 1965, p. 417.

[45] Emilio RAMIL e outros, Historia de Ortigueira, Oleiros, 1999, p. 155.

[46] Viña tendo 17 anos en 1467, Gonzalo Francisco FERNÁNDEZ, La nobleza galega entre los siglos XIV-XV. Los Sarmientos, Condes de Ribadavia, p. 436.

[47] Manuel LUCAS, El Monasterio de San Clodio do Ribeiro en la Edad Media: estudio y documentos, A Coruña, 1996, p. 699.

[48] Hegoi URCELAY, Los Sarmientos, Condes de Salinas: orígenes y elevación de una nueva clase señorial, siglos XII-XVI, Bilbao, 2009, p. 470.

[49] Consérvase un documento do 10 de agosto de 1465 formalizando a tutela de Francisco por parte da súa naí e tío, unha vez morto Diego Pérez Sarmiento,  co fin de recuperar “en qualquier manera o por  qualquier rason”, os bens que lle pertencían,  Los Sarmientos, Condes de Ribadavia, pp. 436-443; unha testemuña de Ribadavia, nunhas probanzas de 1518, declara que “la vio tener [Ribadavia] a la dicha dona Mencia … por tienpo de quatro o cinco años” até que Teresa de Zúñiga a retoma en 1470, Edward COOPER, Castillos Señoriales en la Corona de Castilla, Salamanca, 1991, vol. I.2, p. 807.

[50] AHDS, San Martín, 12-14, fol. 169 v.

[51] Na concordia do 11 de marzo de 1476 (ratificada polos Reis Católicos o 16 de abril de 1476) asinada en Mucientes se convén que para Bernardino o título de primeiro Conde de Ribadavia, ademais de Adiantado Maior do Reino de Galicia, xunto con Mucientes e outros lugares fóra de Galicia, e ó título de Conde de Santa Marta e outros bens fican para Francisco, que estaba representado no polo seu avó o Conde de Salinas, Los Sarmientos, Condes de Ribadavia, pp. 470-482.

[52] Os Camba eran pequenos señores da comarca do Deza (enlazados cos Suárez de Deza e os Churruchao) que tiñan as fortalezas Candaz e Rodeiro, que no tempo irmandiño era xa da Igrexa de Santiago, sendo derrubada pola Santa Irmandade: Fernando e Lopo de Camba (ou Taboada) servirán cos seus 10-12 escudeiros nos séquitos sempre de grandes señores, ata que Fernando de Camba é nomeado Duque de Camba (consérvase o seu sepulcro de pedra na igrexa parroquial de San Xoán de Camba, concello de Rodeiro) por Fernando o Católico pola súa participación na guerra de Granada en 1492, Luis PÉREZ FERNÁNDEZ, Historia de la casa-fortaleza de Camba, Pontevedra, 1999, pp. 134-136.

[53] El Monasterio de San Clodio… p. 698.

[54]  Ídem, p. 699.

[55] Sancho de Ulloa, antes de fuxir, aceptara a entrega á Santa Irmandade da fortaleza de Xuvenco que foi derribada, Edward COOPER, op. cit., II, p. 1009.

[56] Reedificaron os Camba a fortaleza de Candaz despois da grande revolta pero foi derrubada de novo polos enviados dos Reis Católicos coa axuda dos ex-irmandiños a principios dos anos 80, Las fortalezas de la Mitra compostelana y los “irmandiños”, pp. 502 ss.

[57] Vasco de APONTE, Recuento de las casas antiguas del Reino de Galicia, Santiago, 1986, pp. 167-169, 240-246.

[58] Ídem, pp. 216-218.

[59] Teresa acadara a confirmación documental “contra parientes de su difunto esposo como Diego Sarmiento, señor de Sobroso”, Apuntes para el historial de la Casa de Camarasa, p. 80.

[60] Archivo Histórico Provincial de Zaragoza, P-4-092-03, Ducado de Hijar, Salvatierra. testamento de Diego Sarmiento, señor de Sobroso, p. 8.

[61] Ídem, pp. 4, 7.

[62] Las fortalezas de la Mitra compostelana y los “irmandiños”, p. 71.

[63] Volveremos máis adiante sobre a morte do señor de Sobroso.

[64] Vasco de APONTE, op. cit., p. 221.

[65]  Ídem, p. 216.

[66] Por contra, Fernando de Camba aparece en 1481 como meiriño da fortaleza de Arcos (xa o era antes dos irmandiños) por parte de Bernardino Sarmiento, que procurou conciliarse cos inimigos da súa difunta nai, Los Sarmiento, Condes de Ribadavia, p. 503;  en 1474, Bernardino (por medio de Juan Pimentel) tamén se reconciliara con Sancho de Ulloa, Edward COOPER, op. cit., I.2, p. 809.

[67] Carlos BARROS, “Revuelta de los irmandiños. Los gorriones corren tras los halcones”, Historia de Galicia, nº 24, Vigo, 1991, pp. 453 ss. (https://www.h-debate.com/cbarros/spanish/revuelta.htm).

[68] Fortalezas, p. 286.

[69] Edward COOPER, Castillos Señoriales en la Corona de Castilla, Salamanca, 1991, vol. I.2, p. 807.

[70] Íbidem.

[71] Juan de Zúñiga tivo que facer compatible o cerco de Ribadavia coa reconquista e consolidación do seu señorío de Monterrei en Verín, tamén diocese de Ourense.

[72] Quedaba moi atrás cando, en febreiro de 1467, Juan e Teresa de Zúñiga tentaban sen éxito, con apoio de Henrique IV, que a Santa Irmandade non se fixeran coas súas fortalezas e vilas…

[73] Daquela xa non podían esperar os ribadavienses, nin as outras vilas resistentes, o auxilio dos exércitos irmandiños imperantes no tempo irmandiño.

[74] Recuento de las casas antiguas de Galicia, pp. 220-221.

[75] No traballo escrito anteriormente sobre a morte da condesa  de Santa Marta non dispoñiamos dos testemuños que publicou Edward  Cooper nin do testamento de Diego Sarmiento, que permiten coñecer mellor as datas e as circunstancias da execución de Teresa de Zúñiga.

[76] Pedro Madruga asina o 3 de novembro de 1470 unha confederación co resto das grandes casas, na que tamén estaba Juan de Zúñiga, contra Fonseca e a “hermandad de los pueblos [que] se ha comenzado nuevamente levantarlos…”, publica  José GARCIA ORO, Galicia en la Baja Edad Media. Iglesia, señorío y nobleza, Santiago, 1977, pp. 251-252; igual que acontecera en agosto, no testamento do condenado Diego Sarmiento, as testemuñas notariais eran homes de Madruga, encabezados por Juan Veloso.

[77] En realidade son dous documentos, asinados na mesma data e lugar, un para liberalo da prisión  (ADA, Casa de Lemos, Caja 84-36) e outro cos compromisos de Sancho cara a súa carcereira (AHN, Diversos, Colección Diplomática, leg. 43).

[78] “la dicha sennora condesa dixo Sancho de Ulloa sobrino yo vos solte de la prision en que vos tenya por los danos que a mi e a mi fijo el conde don Bernardino e en nuestras tierras e fortalesas e vienes avedes fecho”, ADA, Casa se Lemos, C-84-36; testemuño que exclúe calquera motivación da prisión que teña que ver coa irmandade galega ou a guerra civil castelá 1465-1468, circunstancias en todo caso coadxuvantes.

[79] Intercederan polo preso ante a condesa: “me escrivio el Rey e la rreyna nuestros sennores e muchos grandes deste rreyno e lo trataron muchos dellos commigo”, loc. cit.

[80] AHN, Diversos, Colección Diplomática, leg. 43.

[81]   A copia do convenio sobre la liberación de Ulloa foi demandado polo conde de Ribadavia “en guarda de su derecho en los pleitos que los dichos sus partes han e tratan con don Sancho de Ulloa conde de Monterrey” sobre o castelo de Caldas de Orcellón, ídem. fol. 3; Bernardino, vintecinco anos despois, segue a loita da súa nai que dera lugar á demanda diante da Santa Irmandade aquel  21 de febreiro de 1467.

[82] Trabúcase as dúas veces co seu nome, en vez de dona Teresa escribe dona Inés, que xustamente no comezo do documento orixinal aparece como nai de Sancho de Ulloa: Inés de Castro, a viúva de Lope Sánchez de Ulloa.

[83] Dubidamos con dona Teresa que tivera nunca intención de cumprilo.

[84] A fortaleza de Orcellón foi derrocada primeiro polas guerras entre Sarmientos e Ulloas, logo pola Santa Irmandade e derradeiramente polos Reis Católicos, entremedio reparábana, cando o preito Tabera-Fonseca estaba caída, Fortalezas, pp. 172, 475, 478, 480.

[85] Museo de Pontevedra, Col. Sampedro, C-81-1, C-81-13.

[86] ADA, Casa de Lemos, C-85-32, publica José GARCIA ORO, Galicia en la Baja Edad Media. Iglesia, señorío y nobleza, Santiago, 1977, pp. 251-252.

[87] O dia de Reis de 1474, morre o vizconde de Monterrei, Juan de Zúñiga, nunha casa chea de pólvora que estoupou en Ribadavia (Vasco de APONTE, Recuento, p. 220; Edward COOPER, Castillos señoriales, I.2, p. 801); Sancho casara coa filla de Juan de Zúñiga (polo cal era sobriño político de Teresa), vizconde de Monterrei, tamén chamada Teresa de Zúñiga, pasando a ser en 1474 o primeiro conde de Monterrei, Pedro GONZÁLEZ ULLOA, Descripción de los Estados de la casa de Monterrey en Galicia [1777], Santiago, 1950, p. 4.

[88] Salustiano PORTELA PAZOS, Galicia en tiempo de los Fonseca, Madrid, 1957, pp. 76-78.

[89] Vasco de APONTE, Recuento, p. 190.

[90] Recuperan Ribadavia os Sarmiento-Zúñiga pero perderán para sempre Santa Marta de Ortigueira e Caldelas de Orcellón.

[91] Publica Gonzalo FERNÁNDEZ, Los Sarmientos,  p. 453.

[92]  Ídem, p. 454.

[93] Na loita pola herdanza de Diego Pérez Sarmiento, participan os condes cortesáns de Plasencia e Salinas, a adscrición no bando portugués do primeiro na guerra de Sucesión 1475-1479 facilitará certa preeminencia do segundo.

[94]  Los Sarmientos, p. 455; a tutela do conde de Plasencia foi efectiva ata 1473,  Bernardino, maior de idade, segue entón o seu propio camiño: casa con María Pimentel a modo de alianza co conde de Benavente, ídem, pp. 196 ss.

[95] Ídem, pp. 470-482; Apuntes para el historial de la Casa de Camarasa, San Sebastián, 1934, pp. 81-82;  dende a morte do seu pai “Adiantado de Galicia” é un título honorífico, dende 1480 os Reis Católicos teñen en Galicia un gobernador e outros funcionarios reais permanentes.

[96] Contra 1530-1535, Aponte non inclúe a casa dos Sarmientos  no seu nobiliario, facendo notar que “el conde de Ribadavia e el conde de Ribadeo eran castellanos”, Recuento, p. 146.

[97] Edward COOPER, Castillos Señoriales, vol. I.2, p. 806.

[98] Íbidem.

[99] Olga GALLEGO DOMÍNGUEZ, “Tumbo de las viñas de Ribadavia”, Boletín auriense, Ourense, tomo XVI, 1986, p. 168.

[100] David CHAO CASTRO, “El castillo medieval de Ribadavia”, Porta da aira: revista de historia del arte orensano, Ourense, nº 14, 2016, pp. 68-69.

[101] Ídem, p. 78, nota 24. 

[102] Ídem, pp. 69-70.

[103] Compartían as igrexas da praza e da fortaleza a dobre advocación San Xés/Santa María Magdalena, logo da desaparición da igrexa do castelo, pasou a denominarse de San Xés á igrexa prerrománica de Francelos, extramuros de Ribadavia, que formara parte do mosteiro bieito de Santa María Magdalena (recuperado actualmente): intercambio e rivalidades de santos que duraron séculos, sendo finalmente vencedora María Magdalena, santa popular ben querida no medievo pola súa condición de pecadora e amiga de Xesús, pasou o mesmo en Ponte Ulla, Carlos BARROS, “Da cova dos monxes ó burgo de Ponte Ulla (830-1197)”, Ponte Ulla ten historia, Vedra, 2014, pp. 43-78.

[104] Historia de Galicia, VI, pp. 106-107.

[105] Carlos BARROS, “Cómo construye su objeto la historiografía: los irmandiños de Galicia”, Hispania, nº 175, 1990, pp. 859-860.

[106] Que viña sendo a muller do irmán bastardo -García Sarmiento- do fillo favorito de Teresa de Zúñiga, Bernardino Sarmiento, Marqués de CAMARASA,  Apuntes para el historial de la Casa de Camarasa, San Sebastián, 1934, p. 79.

[107] Ó non haber noticias verdadeiras de señores asasinados polos irmandiños, non quedaba outro remedio que poñer a revolta de Ribadavia no momento, ou ó principio, da Santa Irmandade; esta lóxica que vencella a violencia-revolta-represión xa levou ó coetáneo García de Salazar a facer a mesma operación no seu nobiliario, que Vicetto non coñeceu.

[108] Para Vicetto, testemuña das revoltas liberais fracasadas da segunda metade de século XIX, concretamente do levantamento militar de 1846 en Galicia que rematou nos “mártires de Carral”, se non corría o sangue é que non se trataba dunha revolución verdadeira, é por iso que paradoxalmente prefire os relatos “contrarios” sobre os irmandiños e outras revoltas sociais medievais, onde os nobres, ou os seus criados, despachábanse a gusto contra os “villanos”.

[109] Marquesa de AYERBE, El  Castillo del Marqués de Mos en Sotomayor. Apuntes históriocos, 1905, pp. 41-42.

[110] Leopoldo MERUÉNDANO, Los judíos de Ribadavia. Origen de las 4 parroquias [1914-15], Lugo, 1981, pp. 11, 85-86.

[111] Existe o escudeiro Pedro Ouxea de Alván, que efectivamente estivera ó servicio do marido da condesa, conforme documentos de 1438 e 1441 (Xesús FERRO COUSELO, op. cit., II, pp. 260, 270), pero segundo informa o propio Aponte, en 1470 está xa ó servicio de Sancho de Ulloa, participa ó seu lado no duelo cabaleiresco de sete contra sete na ponte Sionlla, contra a xente de Lope Sánchez de Moscoso, pola herdanza do pai e avó de ambos, feito de armas acontecido inmediatamente antes de chegaren ó acordo arbitral do 22 de xuño de 1470 (Recuento, pp. 147, 194-195).

[112] Samuel EIJÁN, Historia de Ribadavia y sus alrededores [1920],  Lugo, 1981, pp. 281-282.

[113] Marqués de CAMARASA, Apuntes para el historial de la Casa de Camarasa, San Sebastián, 1934, pp. 80-81.

[114] Carlos BARROS, “Violencia y muerte del señor en Galicia a finales de la  Edad Media”, Studia Histórica, Salamanca, vol. IX, 1991, pp. 128-130.

[115] Carlos BARROS, “Cómo construye su objeto la historiografía: los irmandiños de Galicia”, Hispania, nº 175, 1990, pp. 845-846.

[116] Crónica de Enrique IV, BAE nº 70, pp. 204-205.

[117] Julio PUYOL, “Los cronistas de Enrique IV”, Boletín de la Real Academia de la Historia, tomo 78, 1921, p. 413.

[118] Diego Enríquez del Castillo, cronista oficial e capelán de Enrique IV, xoga un papel moi activo en maio de 1467 no levantamento da “hermandad” para impedir a viaxe a Béjar do Rei na compaña precisamente da condesa de Plasencia, nai ou madrasta de Teresa de Zúñiga, que estaba no bando rebelde do principe Afonso, Juan TORRES FONTES, Estudio sobre la “Crónica de Enrique IV” del Dr. Galíndez de Carvajal [ppo. s. XVI], Murcia, 1946, pp. 288-289; Alonso de PALENCIA, Crónica de Enrique IV, I, BAE nº 257, p. 213.

[119] Despois da batalla de Olmedo, en setembro de 1467, o cronista fora preso en Segovia polos partidarios de don Alonso, entre os que estaba o pai da condesa de Santa Marta (Juan TORRES FONTES,  El príncipe don Alfonso, 1465-1468, Madrid, 1971, p. 156), e de seguido condenado a morte por las falsedades que contenía el manuscrito de la “Crónica” que se encontró…, librándole su condición de clérigo, conforme conta o cronista Palencia, daquela inimigo declarado de  Enrique IV, Alonso de PALENCIA, Crónica de Enrique IV, III, BAE nº 267, p. 280.

[120] Véxase a nota 2.

[121] A tolerancia cara as mortes de señores en revoltas sociais non é un fenómeno excepcional,   Carlos BARROS, “Violencia y muerte del señor en Galicia a finales de la  Edad Media”, Studia Histórica, Salamanca, vol. IX, 1991, p. 157.

[122] Galíndez de Carvajal repite abreviadamente a versión de Enríquez, Juan TORRES FONTES, Estudio sobre la “Crónica de Enrique IV” del Dr. Galíndez de Carvajal [ppo. s. XVI], Murcia, 1946, p. 394.

[123] O paradigma desta actitude realista é un dos inimigos máis declarados dos irmandiños e xefe de filas da nobreza galega daquela, o conde de Lemos, que cando retoma a súas terras, resulta que  a xente que andara na irmandade se ausentara e fuyera por miedo del dicho Conde e quel dicho Conde los asigurara y ellos tornaran a asentar en la dicha tierra otra bez  (Fortalezas, p. 162),  continuando a testemuña co que lle respondeu a Pardo de Cela, cando lle dixo que enchera os carballos cos vasalos, que non se había de manter dos carballos  (véxase a nota 14); en 1472, o conde de Lemos, conxuntamente co conde de Benavente, perdoan así mesmo os veciños de Allariz e Castro Caldelas polos yerros pasados asy fechos en el tiempo de la hermandad, AHN, Osuna, leg. 417-172, fol. 5.

[124] Sen Bernardino a condesa non podía tomar posesión de Ribadavia: o poder legal  tíñao o seu fillo, ela soamente era a titora do conde, aínda que era condesa polo seu marido.

[125] José GARCÍA ORO, La nobleza gallega en la Baja Edad Media.  Las casas nobles y sus relaciones estamentales, Santiago, 1981, p. 118.

[126] Lope GARCÍA DE SALAZAR, Las Bienandanzas e Fortunas. Códice del siglo XV, IV, Bilbao, 1965, p. 417.

[127] ídem, p. 419.

[128] Antonio LÓPEZ FERREIRO, Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela, Vol. VII [1904], Santiago, 1983, p. 253.

[129] Bienandanzas, pp. XXI- XXV.

[130] Nos anos de 1462 e 1467 morréranlle na guerra os dous fillos maiores, o herdeiro do seu señorío e o seu primoxénito; un terceiro fillo, Juan de Salazar “el Moro”, coa axuda doutro irmán e da súa nai, préndeno e obrígano a cederlle os seus bens,  ídem, pp. X-XI.

[131] estando preso en la my casa de San Martjn de los que yo engendré e crié e acrecenté e temeroso del mal beuedizo… E yo temjendome de la desordenada codiçia que es por leuar mjs bienes…, ídem, pp. XXI-XXII.

[132] Fillo nacido antes do matrimonio, Alonso de PALENCIA, Universal Vocabulario [1490], Madrid, 1957, p. 10; Sebastián COVARRUBIAS, Tesoro de la lengua castellana o española [1611], Madrid, 1984, p. 124; agora achégase máis á realidade García Salazar: é probable que Bernardino non fose fillo natural de Teresa de Zúñiga, José GARCÍA ORO, La nobleza gallega en la Baja Edad Media.  Las casas nobles y sus relaciones estamentales, Santiago, 1981, p. 98 n 82.

[133] Bienandanzas, p. 419.

[134] Recuento, p. 218.

[135] O 13 de maio de 1455, o conde e a condesa de Santa Marta ceden Salvaterra e Castro Cabadoso a Álvaro de Soutomaior, mercé á arbitraxe de Juan de Zúñiga, e perdóanlles  ós Soutomaior la entrada en Ribadavia y prisión de dicho conde,  RAH, col. Salazar y Castro, M-60, fol. 56 r, publica José GARCIA ORO, La nobleza gallega, pp. 222-223; pero o 25 de abril de 1458, temos de novo a Diego Pérez Sarmiento, en Mucientes,  chegando a un acordo de confederación co conde de Benavente contra Álvaro de Soutomaior para ver de recobrar  la villa de Salvatierra é todos los otros bienes que tiene ocupados de mí el dicho conde de Santa Marta, publica Memorias de Don Enrique IV de Castilla, Madrid, 1835-1913, pp. 159-160; en 1463, acórdase o matrimonio entre Bernardino Sarmiento e María Pimentel, aínda nenos, para darlle continuidade á alianza de 1458 contra Pedro Madruga, José GARCIA ORO, op. cit., p. 105; moito despois, o 3 de agosto de 1479, o conde de Benavente forma unha confederación de nobres galegos, contra terceiros, e aparece entre eles Bernardino, AHN, Osuna, mazo 417-266.

[136] Recuento, p. 219; Pedro Álvarez era fillo bastardo de Fernán Diáñez de Soutomaior, que o tivera cunha curmá de Teresa de Zúñiga, Constanza de Zúñiga (filla de Diego López de Zúñiga, o pai de Juan de Zúñiga, vizconde de Monterrei), segundo informa un dos fillos de Pedro Madruga, Diego de Soutomaior, na súa Descendencia de la Casa de Soutomaior, AHN, Diversos, Colección Diplomática, fol. 1.

[137] Ben o sabía Pedro Madruga que fora o 22 de xuño de 1470  árbitro do acordo de Sancho de Ulloa con Lope Sánchez de Moscoso citado supra.

[138]  Recuento, p. 220.

[139] ídem, pp. 220-221.

[140] Y él no se contentando de recobrar y ganar lo suyo, quiso valer a quantos cavalleros havía en Galiçia (…) mandó Pedro Alvarez  llamar los señores …, y anduvo al pie con ellos asta apoderarlos a todos y restituirlos en quanto tenían perdido y les tenía tomado los villanos reveladosídem, pp. 222, 224.

[141] Diego Sarmiento viña sendo fillo do irmán de Diego Pérez Sarmiento (señor de Ribadavia e conde de Santa Marta), García Sarmiento (señor de Sobroso) e de Teresa de Soutomaior: o avó de Diego Sarmiento, Paio Sorred de Soutomaior, era  por conseguinte bisavó de Pedro Madruga.

 

[142] É de supoñer que todo isto ten lugar unha vez morta a condesa, visto que Pedro Madruga reprime ó mesmo tempo a Diego Sarmiento e os vasalos revoltados.

[143] Fortalezas, p. 71; non é crible que o conde mozo que contaba con don Pedro para pór orde en Ribadavia conspirase na súa contra, pero tampouco o atopamos do seu lado nas guerras contra outros nobres e menos aínda contra os Reis Católicos; pola contra, conservará a hostilidade  cara a Sancho de Ulloa (véxase a nota 37).

[144] Enrique IV apoia por carta a Fonseca contra os cabaleiros que lle tomaban o seu nos portos, José GARCIA ORO, Nobleza, p. 198.

[145]  Estará de novo presente na confederación do 20 de febreiro de 1471 en Carboeiro, pero falta na asinada o 17 de outono de 1477 en Lugo: Pedro Madruga, daquela, batallaba en solitario no bando portugués contra os Reis Católicos, que tiñan o apoio máis ou menos activo de resto da nobreza galega.

[146] Vasco de Aponte dinos quen son por orde: Diego Sarmiento, Gregorio de Valadares, Tristán de Montenegro, Diego Suárez, Gonçalo de Avalle, Francisco de Avalle, Recuento, p. 216.

[147] Logra Pedro Madruga matar máis tarde a G. Valadares,  a T. Montenegro e ós irmáns Avalle, Recuento, pp. 244, 252; véxase tamén, Fortalezas, pp. 260, 387.

[148] Recuento, p. 221.

[149] Véxanse as notas  92 e 93.

[150] Diego Sarmiento casara con Leonor de Meira e Valadares.

[151] 1537, Información do arquivo do Valadares sobre devolución de bens (copia), Museo  de Pontevedra, col. Sampedro, caixa 81, fols. 4r-4v.

[152] Recuento, p. 183.

[153] Publica Antonio LOPEZ FERREIRO, Histoira, VII, p. 270.

[154] 1537, Información, fol. 1v.

[155] Recuento, pp. 221-222.

[156] Véxase a nota 81.

[157] Partimos da máxima probabilidade de que os veciños de Ribadavia tivesen  unha visión maioritariamente favorable do axustizamento da condesa, que eles mesmos protagonizaran,  e da revolta irmandiña, do mesmo xeito có resto de Galicia, segundo a enquisa do preito Tabera-Fonseca e outras fontes orais e escritas.

[158] As orixes da táctica do vencido están no Novo Testamento, onde Xesús proclama que hai que ofrecer a outra meixela: os seus expoñentes sofriron, coma a nosa condesa, mortes violentas, Jay HALEY, Tácticas de poder de Jesuscristo y otros ensayos, Buenos Aires, 1973 (New York, 1969), pp. 51-55.

[159] Maïté ALBISTUR, Deniel ARMOGATHE, Histoire du féminisme fraçais, I, París, 1977, p. 24

[160] Georges DUBY, Mâle Moyen Age. De l’amour et autres essais, París, 1988, p. 122.

[161] Philippe CONTAMINE, La guerra en la Edad Media, Barcelona, 1984 (París, 1980), pp. 343, 345.

[162] No mesmo ano de 1470 en que matan a condesa, en Milmanda (tamén na provincia de Ourense), Aldonça Roz pide porqee o  senhor coregedor faça dele juistyça, por que soo uiuua e desamparada e nom poso yr aos seus pees, que me matou o dito Fernam de Sam Payo o meu marydo e meu yrmaao Goçaluo Roz, publica Xesús FERRO COUSELO, op. cit., p. 362.

[163] Carlos BARROS, “Violencia y muerte del señor en Galicia a finales de la  Edad Media”, Studia Histórica, Salamanca, vol. IX, 1991, pp. 152-153.

[164] Se na Galicia posirmandiña non era doado para calquera cabaleiro restaurar a autoridade señorial, menos doado o sería para unha muller.

[165] les insultaban y se burlaban de ellos, llamándoles caballeros femeninos, y opinaban de ellos que no defendían ya sus castillos ni se enardecían por las faenas bélicas, Historia Compostelana, Santiago, 1950, p. 150.

[166] Histoire du féminisme français, I, p. 19.

[167] María-Helena SÁNCHEZ ORTEGA, “La mujer como fuente del mal; el maleficio”, Manuscrits, 9, 1991, p. 47.

[168] demasiado lo indica el ejemplo de Eva, nuestra primera madre; el audacísimo ánimo de la mujer viola lo más santo: todo le es igual, lo lícito y lo vedado, Historia Compostelana, p. 301; Entonces pensó [o Inimigo] numerosas maneras de cómo podría derrotarte hasta que por fin creyó que lo más rápido para hacerte caer en pecado mortal sería a través de una mujer, lo mismo que Salomón, el más sabio de todos los hombres y Sansón Fortín, el más fuerte, y Absalón, el hijo de David, el más hermoso del siglo, Demanda del Santo Graal, Madrid, 1982, p. 160.

[169] Bonnie S. ANDERSON, Judith P. ZINSSER, Historia de las mujeres: una historia propia, vol. I, Barcelona, 1991, p. 457.

[170] Resultaba, por tanto, mala para todos: un reflexo máis do illamento de Teresa de Zúñiga nos cinco derradeiros anos da súa vida.

[171]  Marquesa de AYERBE, El  Castillo del Marqués de Mos en Sotomayor. Apuntes históricos, 1905, pp. 41-42.

[172] Leopoldo MERUÉNDANO, Los judíos de Ribadavia. Origen de las 4 parroquias [1914-15], Lugo, 1981, pp. 85-86; puido ser así, pero como xa dixemos non hai datos documentados que o xustifiquen.

[173]  Samuel EIJÁN, Historia de Ribadavia y sus alrededores [1920],  Lugo, 1981, p. 281; a diferencia de Pedro Madruga e doutros homes, nobres cabaleiros da época, non se coñece da condesa de Santa Marta ningún acto cruel; non podemos dicir o mesmo do tamén axustizado  Pardo de Cela que quería colgar dos carballos ós irmandiños, e sen embargo foi recordado como unha víctima e mesmo como un “heroe”.

[174] En realidade, son moitos os casos de nobres que tiñan relación cos dous bandos ou mesmo que cambiaron de bando, algo que nunca fixo a condesa de Santa Marta.

[175] Marqués de CAMARASA, Apuntes para el historial de la Casa de Camarasa, San Sebastián, 1934, pp. 79- 81.

[176] Linaje y armas de los Sarmientos y Acuñas, BN de Madrid, ms. 8631, fol. 60.

[177] Villa de Ribadavia. Su fundacion y Antiguedades, Museo de Pontevedra, Mat. Ávila y  La Cueva, caixa 47-48, fols. 6-7.

[178] Crónica de Enrique IV, BAE nº 70, pp. 204-205.

[179] Este proceso obxectivo non necesariamente é concibido así, subxectivamente: no imaxinario utópico dos protagonistas, no intre da revolta homicida, se mataban o señor era para vivir sen señores.

[180] Carlos BARROS, “Violencia y muerte del señor en Galicia a finales de la  Edad Media”, Studia Histórica, Salamanca, vol. IX, 1991, p. 149

[181] Bernardino Sarmiento non aparece implicado en ningunha reedificación posirmadiña; salvo excepcións (o propio castelo de Ribadavia)  non se levantaron de novo a ducia de fortalezas da casa; na reconstrución forzada de Arcos, a única que aparece no preito Tabera-Fonseca, consta como responsable da imposición de serventías, o seu alcalde (polo conde de Ribadavia) Fernando de Camba, Fortalezas, pp. 504, 508.

[182] Carlos BARROS, “Revuelta de los irmandiños. Los gorriones corren tras los halcones”, Historia de Galicia, fasc. nº 24, Vigo, 1991, pp. 450-460.

[183] Ramón VILLARES, “La sociedad del Antiguo Régimen: hidalgos y campesinos”, Historia de Galicia, fasc. nº 32, Vigo, 1991, pp. 599-604.

[184] Bienandanzas, pp. 417-419.

[185] Comparemos a asepsia nobiliaria con que Aponte trata a Pardo de Cela, mariscal (Recuento, pp. 123, 132, 133, 142, 144, 146, 148, 151, 167, 170,192, 196, 232, 253, 254), e a hostilidade popular cara ó dito Pardo de Cela inferida das declaracións orais do preito Tabera-Fonseca, polos mesmo anos (Fortalezas, pp. 134, 137, 162, 176, 188, 215, 245, 417, 420, 425, 428, 489, 565).

[186] Analizamos oito casos en  Carlos BARROS, “Violencia y muerte del señor en Galicia a finales de la  Edad Media”, Studia Histórica, Salamanca, vol. IX, 1991, pp. 140-157.

[187] Con todo, Aponte para nada comenta os motivos polos que o gobernador Acuña executou  a Pardo de Cela (Recuento, pp. 123, 253-254), que están unanimemente espallados na tradición oral desa época: roubaba e facía males dende a Frouseira e demais fortalezas, onde acollía ladróns, “vivía mal” e as levantaba contra o Rei, e por iso prendérono e degolárono (Fortalezas, pp. 134, 137, 176, 215, 245, 420, 425, 428, 489, 565); a belixerancia anti-irmandiña do mariscal (Fortalezas,  p. 162) axuda a explicar o silencio de Aponte, representante da cultura nobiliaria, e o ruído na cultura popular.

[188] O xenealoxista Aponte de seguro que non lle perdoa a Teresa de Zúñiga a súa temperá militancia na Santa Irmandade; a infernalización dos irmandiños subxace tamén no cualificativo despectivo que lle puxeran contrarios como Aponte:  irmandade fusquenlla, Carlos BARROS, Mentalidad y revuelta en la Galicia irmandiña: favorables y contrarios, Santiago de Compostela, 1989, pp. 212-216.

[189] Sería máis certo e mesmo máis xusto, porque á condesa de Santa Marta non se lle coñecen grandes agravios ós vasalos nin violencias contra outros señores  (aínda que non está exenta de acusacións, véxase a nota 17), despois de enviúvar nin siquera puido perpetralos: entrou na Santa Irmandade en 1467, exiliouse en Mucientes ó non poder impedir o derrocamento das súas fortalezas e morreu en Ribadavia a pouco de voltar; sen embargo foi víctima ó quedar sen home da rapacidade de Sancho de Ulloa, de Diego de Andrade, de Pardo de Cela.

[190] Demanda del Santo Graal, p. 84.

[191] Neste tema a distancia entre cultura popular, oral, que santifica a insurrección irmandiña, e certa cultura cabaleiresca, escrita, que segue a defender o indefendible, faise enorme a finais da Idade Media galega; véxanse tamén as notas 131 e 133.

[192] Carlos BARROS, “Violencia y muerte del señor en Galicia a finales de la  Edad Media”, Studia Histórica, Salamanca, vol. IX, 1991, p. 137.

[193] Crónica de Enrique IV, pp. 204-205.

[194]  Bienandanzas, p. 419.

[195] Recuento, p. 220

[196] Ídem, pp. 220-221.

[197] Esta maneira de matar encarnizadamente, de orixe prehistórica e institucionalizada na Idade Media, segue activa no mundo civilizado de hoxe en día; en Occidente está reducida polo ensino e o Estado á marxinalidade social, pero ocupa o centro do escenario nas mentalidades colectivas mercé ó cine, á televisión e ós xogos de ordenador.

[198] Carlos BARROS, “Violencia y muerte del señor en Galicia a finales de la  Edad Media”, Studia Histórica, Salamanca, vol. IX, 1991, pp. 128-132.