Publicado en

Vasalos e señores: uso alternativo do poder da xustiza na Galicia baixomedieval*

 

Carlos Barros

Universidade de Santiago de Compostela

     Na Idade Media, o exercicio da xustiza e o goberno dos homes,  eran unha mesma cousa[1]. De maneira que os alcaldes dos concellos, por exemplo, anexaban ó seu papel principal de xuíces outros labores de tipo administrativo, económico, fiscal e militar[2], que facían deles os cargos institucionais máis importantes no goberno local. Dende o rei para abaixo: gobernar era facer xustiza.

        A centralidade da xustiza no sistema político medieval vén a ser consecuencia directa da fragmentación do poder no feudalismo[3]. A ausencia dunha administración pública forte, a privatización da      soberanía, concentrou nos señores diversas funcións estatais. Eran quen xeralmente tiñan, por delegación do rei, a función de exerceren a xusticia, entendida como a aplicación das leis tradicionais; en rigor, o mecanismo da creación de novas leis, un poder «lexislativo»: é un fenómeno moderno. Atribución anexa da principal función xudicial era a función militar, derivada polo demais do sistema mental das tres ordes, que facía dos cabaleiros os defensores da sociedade, os encargados de garantir a xustiza, a paz e a seguridade de todos.

        No medievo, conseguintemente, a xustiza abranguía un abano significativamente máis amplo de competencias que na época moderna; a xustiza era o nome ordinario do poder[4], na vida social en xeral e na mentalidade colectiva en particular. Transmíteno claramente as  testemuñas do pleito Tabera-Fonseca cando falan dos dirixentes da revolta irmandiña de 1467:

                 vido que los dichos alcaldes e diputados de la dicha

                 hermandad azian justiça de los malfechores e

                 gobernaban y mandaban e se posieran

                 contra los caballeros y señores que al dicho

                 tiempo abia que tenian fortalezas por los dichos

                 males que dellas hazian[5]

        A crencia popular na xustizacomo un valor moral, e a presencia deste valor colectivo na revolución irmandiña como un resorte mobilizador e lexitimador[6], pon ó descuberto dúas dimensións da xustizamedieval que a miúdo pasan desapercibidas: 1º) A xustiza é unha mentalidade. 2º) O poder mental da xustiza é empregado tamén polos vasalos e pola monarquía contra os señores feudais. O cal é  particularmente importante cando estudiamos como o Estado moderno subtraeu aspectos cruciais da función xudicial á sociedade civil baixomedieval. En suma, é a nosa intención esculcar no entorno mental e social da xustiza, institución política clave, no ámbito do reino de Galicia, integrado na coroa de Castela e León, no momento do tránsito á modernidade; para isto cómpre deternos algo máis na dimensión institucional da xustiza medieval.

        O término que mellor ilustra o concepto da xustiza como poder social, como relación de dominación, é o de xurisdición: autoridade que ten a entidade-xuíz sobre unhas persoas, ou sobre os que viven en determinado lugar, como consecuencia da súa obrigación de ditar xustiza e facer cumprir leis e costumes en determinado ámbito espacial e social. O señorío e mailas rendas xurisdicionais derivan, en e consecuencia, do exercicio da función xudicial. Extremo do maior interese posto que, na Baixa Idade Media, coincide a denuncia popular xusticeira contra os señores-xuíces[7] co acrecentamento da importancia dos ingresos señoriais de tipo xurisdicional[8]; razón pola cal na psicoloxía popular aparecen unidos, inseparables, confundíndose ás veces, agravios e trabucos, abusos e usos señoriais.

        A identificación xustiza-xurisdición-señorío era percibida con claridade por parte dos rebeldes irmandiños de Ourense que, en agosto de 1467, se dispoñen a rexeitar militarmente ós cabaleiros contrarios:

                por quanto algúus cabaleiros e fidalgos se quiseran e querían entrometer de entrar ena dita çibdade e tomar a justiça e señorío dela e a dita justiça e se apoderar en ela[9]

        E tamén por parte de quen, anos despois, dende posicións contrarias, decían que Diego de Andrade forzara os seus vasalos a reedificar castelos, derrocado en 1467, como señor y persona que tenia jurisdiçion sobre ellos, engadindo que tan poderoso hera el dicho señor Patriarca para hacer lo mismo[10].

        En ámbalas dúas citas queda claro, tanto para un bando como para outro, que te-la xustiza e a xurisdición era ter o señorío e o poder. Esta idea consciente forma parte da mentalidade xusticeira irmandiña, ante todo determinada por un potente sentimento colectivo de agravio. A loita pola xustiza significaba a aspiración colectiva a poñer fin á actividade delituosa reinante, pero tamén era unha loita polo poder, porque a fonte dos agravios estaba na clase dirixente e porque, como é sabido, a resposta definitiva á anarquía, tócante á administración de xustiza e á orde pública, foi o fortalecemento do Estado, trasladándose o centro de gravidade do poder, e da xustiza, da sociedade civil á sociedade política.

        A fins da Idade Media os conflitos polo poder e as rendas xurisdicionais abundan. As guerras e os preitos entre señores tiñan a miúdo como motivo o control dos señoríos xurisdicionais. Vasalos e señores enfróntanse polo pagamento -en especie, diñeiro ou traballo- dos los dereitos xurisdicionais, asemade, moi a miúdo[11], cando non disputaban directamente polo señorío e os seus símbolos, queimando, por exemplo, o señor, a forca, signo da xustiza, e reconstruíndoa despois os veciños[12]. En terceiro lugar, témo-la pugna entre as xurisdicións señoriais e a xurisdición pública, real, que se superpón ós dous tipos conflitivos anteriores. O feito é que a administración pública da xustiza se implanta establemente no reino de Galicia, por medio do apoio da monarquía e os seus representantes  -ás veces practicando unha dobre política- ós mosteiros e a outros señores eclesiásticos contra a rapacidade da nobreza laica, e a cidadáns e campesiños contra a clase señorial. Os dous grandes momento desta fundamental confluencia de intereses, que non está exenta de contradicións, son: a autorización do levantamento xusticeiro antiseñorial de 1467 por parte de Enrique IV, e o envío do gobernador Acuña en 1480 a Galicia por parte dos Reis Católicos.

        A crise irreversible da xustiza señorial é, sobre todo, perceptible na mentalidade popular. Sen un consenso xeneralizado entre os gobernados, virtuais reos, querelantes e pagadores de tributos, é  imposible mante-la cesión inicial que fixo o rei da soberanía xurisdicional ós señores, ó menos nos termos medievais clásicos. Na Galicia irmandiña o pobo, e sectores da clase dirixente, transformáronse en xuíces dos cabaleiros-xuíces, inculpándose colectivamente como malfeitores e, o que é máis grave para o sistema político medieval, levando á práctica, con certo éxito, os ideais xusticeiros ó derrocaren por vía insurreccional case tódalas fortalezas señoriais do reino de Galicia. Esta inxente inversión de valores, provocada pola necesidade señorial de acudir arreo á detracción ilegal do excedente económico, veu a facer do rei o deus ex máchina da situación.

        O rei pasa de se-la instancia superior de apelación, o grande árbitro, o garante supremo da xustiza terreal, a intervir permanentemente nas cousas da xustiza do goberno da sociedade civil: a título persoal, por razóns simbólicas[13]; e, fundamentalmente, por delegación a través dunha sólida e enérxica rede de funcionarios letrados e de institucións xudiciais estables e públicas. O apoio ás irmandades populares xusticeiras en conxunturas determinadas, que algunhas veces se excedían no seu labor orixinal[14] coma no caso galego, é precisamente unha medida parcial, provisional, da monarquía baixomedieval no camiño da construción dun Estado moderno sobre unha base popular. A monarquía absoluta vai reformular no sucesivo a figura arbitral do rei, alonxando a súa persoa do contacto popular, artellando no medio unha mesta capa administrativa, que dará pé a numerosos conflitos e problemas polo seu custe económico, pero a administración real ofrecerá tamén as súas contrapartidas. A nova administración gañará credibilidade popular en función da súa eficacia, que a fins do século XV se medirá en relación coa situación anárquica anterior, causada pola crise de hexemonía da nobreza medieval[15].

        No escenario da Galicia baixomedieval, ademais da xustiza señorial e da xustiza real, está presente unha xustiza popular que se expresa sinaladamente na revolta irmandiña; no seo da cal é preciso diferenciar dous compoñentes, un urbano e o outro rural. Agás Betanzos, A Coruña e algún outro lugar, que estaban baixo a xurisdición do rei: a grande maioría dos galegos baixomedievais eran vasalos dos agresivos señores das fortalezas, mesmo aqueles que dependían de abadías e igrexas episcopais, xa que estas, a mediados do século XV, estaban en mans da nobreza laica pola vía da encomenda ou da simple ocupación. Fronte a dito estado de cousas as cidades dispuñan de mellores condicións có campo para se defender da ofensiva señorial: o recinto amurallado e o concello urbano.

        Para os campesiños as fortalezas eran o inimigo externo, a fonte dos agravios señoriais; para os vasalos urbanos ídem, pero menos porque vivían xuntos e protexidos dentro da fortaleza-cidade.

        Os centros urbanos galegos pertencían na súa maioría ó señorío do arcebispo de Santiago e dos bispos de Ourense, Lugo, Tui e Mondoñedo, e obtiveran o dereito a ter concello e xustiza da cidade. Este poder cidadán, limitado pero experimentado, en pé de loita cando as circunstancias o precisaban, vén a darlle a razón a Fossier cando afirma que a Idade Media sempre segregou contra calquera poder demasiado grande un contrapoder que limitaba a súa tiranía[16].

        O contrapoder dos campesiños, a maioría da poboación e a principal clase produtora da sociedade medieval (xa o di a teoría das tres ordes), ten outras características. No mundo rural galego mandan os señores laicos e as súas fortalezas, escasean as experiencias dos concellos, e os únicos xuíces existentes, na inmensa maioría dos territorios, son os meiriños e/ou os alcaldes das fortalezas, designados polos señores, perante os que se tiñan que presenta-los procuradores campesiños para preitear e mesmo paga-los trabucos.

        Cando os xuíces non só son xuíz e parte senón que son, ademais, os grandes inculpados: estala unha xustiza campesiña violentamente derrubadora. Os campesiños vasalos que expresan e levan á práctica a súa propia representación colectiva da xustiza, na primavera de 1467, organizados como Santa Irmandade  -demandada y promovida orixinariamente dende as cidades- teñen tras de si unha forza de masa pero non as institucións e os coñecementos prácticos e teóricos sobre a xustiza e a legalidade, que acumulara a burguesía das cidades, asistida polos relativamente abundantes veciños letrados; o cal contribúe a explicar os excesos de 1467.

        En resume, que os campesiños, e demais veciños das aldeas, parte substancial da cultura oral e popular baixomedieval, ó careceren de poder institucional e político[17], empregan  o poder mental da xustiza para impoñer, pola forza, o seu modelo xusticeiro á impugnada clase señorial galega, en alianza conxuntural coas cidades e con significados sectores da Igrexa e o Estado monárquico.

        A historia social das mentalidades descubre a existencia dunha dimensión da xustiza medieval como poder moi pouco estudiada e coñecida: a dimensión mental colectiva. A mentalidade xusticeira da xente común[18] do campo, e da cidade, é unha forza social que non dispón dun reflexo institucional estable -e, polo tanto, está menos suxeita ós condicionamentos específicos da cultura escrita e legal- pero actúa diariamente, podémolo observar analizando os múltiples pleitos e pregos de querelas conservados. En momentos de crise social pódese mesmo redobrar a capacidade de intervención histórica eficaz da xustiza como mentalidade popular: as duradeiras consecuencias mentais, sociais e económicas do pulo xusticeiro irmandiño, son un excelente paradigma disto.

        Así, o resultado da nosa investigación sobre mentalidade e revolta nos prolegómenos da Galicia moderna, vén a confirmar, en liñas xerais, a teoría do dobre uso histórico do dereito[19], por parte das clases dominantes e das clases subalternas, e mais da teoría da  supervivencia, na Idade Media, dunha concepción ascendente, populista,  do dereito e do poder en pugna coa concepción dominante, descendente, teocrática e monarquista[20]. O carácter contractual do feudalismo favorece a manifestación de dito dualismo[21]. Agora ben, para situar ó dereito e á xustiza no centro do movemento, sempre tempestuoso, da historia concreta é preciso considerar, xunto coa dialéctica xeral das clases e das culturas, que a historia a fan os homes, e que estes se moven, interveñen en cada coxuntura (froito dunha combinación irrepetible de elementos que escapa a calquera tentativa reductora), en función da representación social que teñan da xustiza -e doutros ideais-; representación que abrangue a idea consciente da xustiza, os sentimentos que xera e o imaxinario colectivo que a envolve[22].

        Foucault nunha entrevista sobre a xustiza popular reiteraba, en 1972, o carácter señorial, coactivo, baseado na forza armada, da xustiza medieval, medio institucionalizado de apropiación do excedente económico; e o carácter antixudicial da protesta popular: Nas grandes sedicións a partir do século XIV combátese regularmente ós axentes da xustiza polas mesmas razóns cós axentes da fiscalidade e de forma xeral ós axentes do poder[23]. Na nosa opinión trátase dunha visión restrictiva de máis das revoltas e da conflictividade social baixomedieval. Na revolta irmandiña, por exemplo, pódese decir que os axentes reais da xustiza estaban coa rebelión, e os axentes do poder señorial eran máis ben o adversario.

        Realmente, ¿é posible un levantamento colectivo sen que os seus protagonistas se sintan empurrados por unha lexitimación xusticeira? A hora de estudiar, en cada caso concreto, a vertente xusticeira da mentalidade de revolta non abonda con perfila-la toma de conciencia a partir da praxe social e da tradición oral, cómpre considerar, e moito, a reutilización popular da idea dominante da xustiza, procedente da cultura escrita, sobre todo cando as ideas dominantes están en crise, en proceso de recomposición. En relación á xustiza, como noutros temas, a interpretación da cultura popular e subalterna coa cultura erudita e hexemónica, é un feito indubidable.

        E convinte teimar nas diferencias entre o uso da xustiza como factor de conservación e como factor de cambio. O primeiro predomina mentres o sistema medieval permanece estable, e é quen de garanti-lo  exercicio da xustiza en condicións que á xente común lles parecen normais; ten un contido de clase señorial, que Foucault recolle ben, e entraña unha xustiza institucionalizada. O segundo emerxe dende a base popular da sociedade segundo a concepción descendente, que puxera nas mans dos señores feudais o poder da xustiza, fracasa; é un fenómeno menos episódico, perifericamente ou nada institucionalizado, que asume no momento da ascensión, contidos de clase populares e antiseñoriais, e que basea a súa forza impulsora na mentalidade social. Iso é posible porque na Idade Media o dereito e a xustiza non eran concibidos como algo alleo á sociedade civil, como unha tarefa do Estado e dunha vontade racionalizadora exterior, senón que se confundía coa defensa da existencia da comunidade ou do honor da persoa[24]; estas, ó se sentiren ameazadas, fan vale-la alternativa de intervención que o dereito consuetudinario, e mesmo legal, medieval lles ofrece. O caso é que sen esta participación da comunidade civil a xustiza pública non se imporía doadamente (alomenos en Galicia) a unha xustiza señorial decadente que se negaba a deixar sitio libre a novas realidades, a novas necesidades.

        Jean Froissart inxuria ós rebeldes da jacquerie e da cidade de París, acusándoos de todo tipo de crimes e delitos[25]. Actitude  descualificadora dos cronistas, e aínda da cultura escrita, bastante habitual, que sen embargo pasa a ser un fenómeno marxinal[26] cando estudiámo-las testemuñas que aportan as fontes posteriores arredor da revolta irmandiña e das irmandades en xeral. O normal é encontrarnos con louvanzas ó labor xusticeiro das irmandades do tempo de Enrique IV; así, cara a 1592, Juan de Mariana escribiu:

                Veíanse robos, agravios y muertes sin temor alguno del

                castigo, por estar muy enflaquecida la autoridad y fuerza

                de los magistrados. Forzadas por esto las ciudades

                y pueblos, se hermanaron para efecto que las insolencias

                y maldades fuesen castigadas. A las hermandades, con

                consentimiento y la autoridad del Rey, se pusieron

                muy buenas leyes para que no usasen mal

                del poder que se les daba y se estragasen[27]

        En xeral, as actitudes colectivas adversas ós feitos de 1467 no reino de Galicia, eluden a cuestión da situación da xustiza antes do levantamento popular e, por tanto, a lexitimación deste como unha masiva posta en práctica do dereito medieval de resistencia; silencio que, no contexto da polémica que seguiu á revolta, equivale a unha confesión tácita.

        A visión popular e a visión cortesá da xusticia, que converxeron en posibilita-la revolta galega, veñen de lugares diferentes e apuntan a obxectivos distintos. O padre Mariana reflexa esta distinción cando, na cita precedente, explica que o rei autorizou as irmandades…, dándolles leis para que non se extralimitasen no seu poder. De feito, o mesmo Enrique IV, dende 1458 deica 1460, remite varias cartas ós cabaleiros e ós cidadáns e demais vasalos do arcebispo de Santiago, Rodrigo de Luna, emprazándoos para que deixasen de agraviar ó arcebispo, a quen deben, de dereito, obedecelo e pagarlle as rendas[28]. Uns anos antes da revolta antiseñorial de 1467, Enrique IV aparece a carón do señor arcebispo contra os vasalos, e tenta botar o peso da xustiza real sobre os rebeldes: proba evidente da maleabilidade do concepto medieval do dereito, e de que o modelo popular de xustiza se impón na conxuntura de 1467 superando, ademais do obstáculo da oposición señorial, as resistencias previas dos que sostiñan unha visión progresiva pero descendente da xustiza.

        Ouro exemplo das dificultades que tivo que atravesar a xustiza popular no seu camiño emerxente son as resistencias proviñentes da mesma irmandade. O 24 de febreiro de 1468, a Junta de Madrigal de la Santa Hermandad de los Regnos de Castilla e Leon e Toledo, a petición do conde de Lemos, escribe á irmandade de León e do Bierzo para que cesen os levantamientos contra el dicho conde e suyos, incluíndo os máximos dirixentes irmandiños estes levantamentos e os cercos ás fortalezas, entre os males, e dapnos, e robos, e fuerças, xa que o conde e os seus eran e son nuestros hermanos[29]; é dicir, un sector da irmandade, en Castela-León pero tamén dentro do reino de Galicia, non estaba de acordo en fundi-la idea da xustiza coa conciencia antiseñorial, perseguindo ós cabaleiros como malfeitores, cuestionando, en definitiva, o uso alternativo e popular do poder da xustiza que se estaba a facer en Galicia e mailas súas zonas limítrofes.

        A fins da Idade Media, os termos inxusta[30] e inxustamente[31] eran de utilización corrente na cultura escrita. Sen embargo, na cultura oral, significativamente, non consta o seu emprego. As ideas dominantes reutilizadas, a Xustiza, o Rei e Deus, expresábanse sempre en positivo; os protagonistas da revolta ubicaban eses grandes conceptos no conxunto mental favorable[32], sen concibiren unha situación permanente de non-xustiza, o que seguramente non facilitaba o emprego cotián e popular da palabra inxustiza.

        A paradigmática revolución irmandiña pon en evidencia as raigañas populares do Estado moderno, que só puido impoñer ós señores galegos a xustiza pública, peza clave do novo poder, logo de que os populares derrubasen durante un tempo as bases éticas e físicas (fortalezas) da xustiza señorial. Non é a feudalidade senón o pobo quen busca e acada apoio no poder centralizado na conxuntura de revolta de 1467 en  Galicia. O paso na Baixa Idade Media do rei-xuíz ó rei-lexislador[33], ¿sería posible sen entrar na escena a xente común?. Dificilmente. A monarquía absoluta vén a se-la solución sintética que dá resposta ás demandas propostas polas clases populares, se ben de maneira parcial e xerárquica, e ós problemas graves de inadaptación e falta de consenso social que tiña a nobreza que dirixía a sociedade civil baixomedieval, se ben sacrificando intereses inmediatos dos señores feudais a prol de intereses máis xerais da poboación e de intereses máis a longo prazo da clase señorial. No tema fundamental da xustiza, coma noutros, o uso alternativo e popular qué é senón un mecanismo regulador da sociedade medieval, que, coa súa posta en práctica permite saír da crise baixomedieval e poñe-los cimentos da modernidade  da única maneira realmente posible: contando con tódalas clases sociais en presencia.

        A intervención popular no proceso de transición Idade Media/Idade Moderna resúmese bastante ben se dicimos que foi unha loita pola xustiza, isto é, unha loita de mentalidades, política e social, unha loita por un obxecto ideal e polo poder, e polas rendas e o señorío xurisdicionais, todo o cal estaba naquel momento en curso de reestruturación, en estado provisional.

    

* Carlos BARROS, “Vasallos y señores: uso alternativo del poder de la justicia en la Galicia bajomedieval”, Arqueologia do Estado. Iª Jornadas sobre formas de organiçâo e exercício dos poderes na Europa do Sul, séculos XIII- XVIII, Lisboa, Historia & Crítica, 1988, pp. 345-354; “Xustiza alternativa”, ¡Viva El-Rei! Ensaios medievais, Vigo, 1996, pp. 171-186 (https://h-debate.com/wp-content/uploads/2016/07/viva_rei.pdf).

     [1] Walter ULLMANN, Principios de gobierno y política en la Edad Media, Madrid, 1971, p. 23; a fins da Idade Media a función militar e a función facendística, comezan a se separar de vagar da función xudicial, sen embargo, a comezos da Idade Moderna, a xustaposición de cargos de goberno e xustiza nunhas mesmas persoas, seguía en vigor; a nova monarquía xustificaba o seu poderío absoluto coa necesidade de implantar a xustiza, facía desta o principal atributo do poder do rei, Manuel EIRAS ROEL, «Prólogo», La Real Audiencia de Galicia, órgano de gobierno en el Antiguo Régimen (1480-1808), I, A Coruña, 1982, p. 30.

     [2] María del Carmen CARLÉ, Del concejo medieval castellano-leonés, Buenos Aires, 1968, pp. 112-116; Luis G. de VALDEAVELLANO, Curso de Historia de las Instituciones españolas, Madrid, 1977 (5ª ed.), p. 545.

     [3] Perry ANDERSON, Transiciones de la Antigüedad al feudalismo, Madrid, 1979, pp. 153-154.

     [4] Ibidem.

     [5] Angel RODRIGUEZ GONZALEZ, ed., Las fortalezas de la mitra compostelana y los «irmandiños». Pleito Tabera-Fonseca, II, Potevedra, 1984, p. 443.

     [6] Cuestión que xa investigado en A mentalidade xusticieira dos irmandiños, Vigo, 1988.

     [7] Salustiano MORETA, Malhechores-feudales. Violencia, antagonismo y alianza de clases en Castilla, siglos XIII-XIV, Madrid, 1978; véxase a nota anterior.

     [8] Salvador BERNAL MARTIN, La administración de la justicia en la Segovia medieval, Segovia, 1979, p. 36.

     [9] Xesús FERRO COUSELO, ed., A vida e a fala dos devanceiros. Escolma de documentos en galego dos séculos XIII ao XVI, II, Vigo, 1967, p. 378.

     [10] Angel RODRIGUEZ, op. cit., p. 144.

     [11] Carlos BARROS, Mentalidad y revuelta en la Galicia irmandiña: favorables y contrarios, tese de doutoramento inédita, Universidade de Santiago, 1988, pp. 389-390, 399.

     [12] Trátase dun conflito que tivo lugar, en 1469, entre Estevo de Xunqueiras e os veciños de Pobra do Deán, AHN, Diversos, Colección diplomática, leg. 1, nº 52.

     [13] Os Reis Católicos fixéronse unha imaxe xusticeira retomando a tradición anterior de impartir xustiza de forma persoal e exemplar, Fernando de PULGAR, Crónica de los Reyes Católicos, BAE nº 70, pp. 323-324.

     [14] Pulgar puxo por boca de Alonso de Quintanilla, futuro ministro real de facenda, na Junta de Dueñas de 1476, as seguintes palabras: si las otras hermandades pasadas no permanecieron en su fuerza, aquello fué porque se entremetieron á entender en muchas cosas mas de lo que les pertenecia, ídem, p. 302.

     [15] Logo da revolta irmandiña o concello de Ourense dá instrucións ós seus procuradores, un dos cales fora dirixente da irmandade de 1467, para que sobre os trabucos da nova irmandade dos Reis Católicos, digan a estes que se despoys de la Hirmandad non fosemos administrados en justiçia, que no sejamos obligados aos pagar, X. FERRO COUSELO ed., op. cit., p. 479.

     [16] Robert FOSSIER, Historia del campesinado en el Occidente medival, Barcelona, 1985, p. 161.

     [17] Non esquezamos que os labregos non estaban representados como tales no esquema político baixomedieval; a delegación do terceiro estado nas Cortes, por exemplo, detiñan os cidadáns.

     [18] Unha cousa é a lei escrita e outro ben distinta a mentalidade popular, puidémolo comprobar ó pescudar na tipoloxía e a xerarquía delitiva, segundo os casos de Corte, as querelas populares e os casos de irmandade, véxase A mentalidade xusticieira dos irmandiños, pp. 131 ss.

     [19] Véxase José María LASO PRIETO, «Sobre la teoría del uso alternativo del derecho», II Congreso de teoría y metodología de las ciencias, II, Oviedo, 1984, pp. 559-566.

     [20] Walter ULLMANN, op. cit., pp. 23-28.

     [21] Idem, pp. 27, 156.

     [22] Cornelius CASTORIADIS, L’intitution imaginaire de la société, París, 1975, pp. 162 ss.

     [23] Michel FOUCAULT, Microfísica del poder, Madrid, 1978, pp. 48-50.

     [24] Manuel GARCIA-PELAYO, La idea medieval del derecho, Caracas, 1962, p. 3.

     [25] Jean FROISSART, Crónicas, Madrid, 1988, pp. 177 ss.

     [26] En 1622, Malaquías de la Vega, posto de parte do conde de Lemos, escribe sobre a irmandade galega de 1467: porque aviendosse instituido para librar a los agraviados, ellos haçian mayores agravios a los pobres, y flacos, y a los poderosos que querian destruir), y contraraçon y justiçia, tomaron al Conde de Lemos todas sus tierras, destruyendole las fortalezas, y robandole sus bienes, y los de sus vasallos, Chronologia de los jueces de Castilla, BN, ms. 19418, fol. 341.

     [27] «Historia de España», Obras del padre Juan de Mariana, BAE, II, Madrid, 1854, p. 163.

     [28] Arquivo Histórico Diocesano de Santiago, Fondo Xeral, leg. 21, fol. 104, 108, 130 v.

     [29] Arquivo de E.J. Pardo de Guevara, Madrid.

     [30] e suplico mandasemos revocar e dar por ninguna la dicha sentençia, como ynjusta e muy agraviada, 1497, carta executoria da Chancillería de Valladolid sobre 0 preito mosteiro Vilar de Donas/conde de Monterrey, publica José Luis NOVO CAZÓN, El priorato santiaguista de Vilar de Donas en la Edad Media (1194-1500), A Coruña, 1986, p. 473.

     [31] sin tener para ello cabsa alguna que justa fuesse salvo la malicia de tener á la dicha su parte sin hacienda ynjustamente y pidio ser enmendada la dicha sentencia, 1515, carta executoria do preito Sancha de Lobera/García Sarmiento(copia), Archivo del Museo de Pontevedra, Colección Sampedro, caja 11.

     [32] A mentalidade xusticieira dos irmandiños, Vigo, 1988, pp. 69-83.

     [33] Manuel GARCíA-PELAYO, La idea medieval del derecho, Caracas, 1962, p. 46.