Xudeus e xudaizantes na historia de Galicia, séculos X-XXI*
Carlos
Barros
Universidade
de Santiago de Compostela
PARTE CRONOLÓXICA
Introducción
A ocupación
árabe do século VIII durou 25 anos en Galicia. Houbo logo inmigración desde
Al-Andalus ó reino de Galicia, durante os séculos da Reconquista, pero esta
influencia musulmana non se pode comparar coa presencia ininterrompida dunha
minoría de xudeus ó longo de oitocentos anos, cando menos entre os séculos X e
XVIII, públicos durante a Idade Media, máis ou menos clandestinos durante a
Idade Moderna. Xudeus polo regular nados en Galicia, pero tamén galegos de
adopción na procura de refuxio, fuxindo das persecucións árabes (séculos
XII-XIII) ou dos inquisidores portugueses (desde finais século XVI).
O obxectivo
principal desta exposición permanente é recuperarmos a historia dos xudeus de
Galicia como memoria viva, para saber máis de nós mesmos, para saber máis dunha
multisecular experiencia de convivencia frustrada polo Estado moderno e a
Inquisición. A tolerancia entre xudeus e cristiáns na Galicia medieval como
factor distintivo da historia do pobo galego, ten un valor igualitario, democrático e multicultural, que
cómpre relembrar no presente e reivindicar no futuro.
Os primeiros
xudeus
Temos evidencias
de xudeus no reino medieval de Galicia desde os primeiros momentos da
repoboación cristiá na Alta Idade Media,
primeiro no campo e logo nos pequenos burgos que se formaron contra o ano 1000,
desde o norte (necrópole xudía da Coruña) ata o sur ourensán e portugués, a
parte do amplo reino de Galicia, e aínda
do reino de León, con maior presencia xudía nos séculos X-XI, a causa da
política repoboadora da nobreza laica e eclesiástica galega, co apoio da
monarquía, que non facía distingos entre relixións e etnias.
As terras
de Celanova, entre os ríos Miño e Limia,
e máis alá incluso, porque as propiedades do mosteiro chegaban ata Coimbra, son
o mellor paradigma peninsular de convivencia rural das "tres culturas",
cristiáns, mouros e xudeus, na Alta Idade Media, o que se reflicta na
onomástica, pois abundan os Abrahám, Daniel, Isaías, Moisés, Saúl, David,
Salomón..., así como nomes árabes: Habze, Abdella, Cidi ou Muzalha. Foron
musulmáns, convertidos ou sen converter, os que construíron o único resto que queda do mosteiro do século X: a
capela de San Miguel de Celanova, mostra sobranceira da arte islámica en
Galicia.
Cómpre aclarar,
con todo, que os xudeus e mudéxares da Galicia sureña traballaban entón na súa
maioría en actividades agrícolas, como servos ou como homes libres, que
incluían o cultivo do viño. Os monxes de Celanova herdan moi cedo, no ano 950,
da familia aristocrática do seu fundador San Rosendo, fincas traballadas por
xudeus viticultores, perto de Coimbra. Este labor vitivinícola ocupará a parte
principal das terras celanovenses, que chegaban ata as portas de Ribadavia e
Ourense, nas ribeiras do Avia e do Miño; xa que logo é moi probable que tamén
no Ribeiro os xudeus e os mouros agricultores traballasen o viño.
Os xudeus da
Galicia altomedieval dedícanse tamén ó comercio de teas de seda, que chegaban a
Galicia a través da ruta xacobea, protexidos pola aristocracia local vencellada
ós reis leoneses. Temos o exemplo nos mercadores xudeus, asociados ó nobre
galego-portugués Mendo González, asaltados en terras de Celanova, no ano de
1044, por un cabaleiro malfeitor, o que provocou unha loita de bandos
nobiliarios resolta, en 1047, a prol dos xudeus e do seu nobre defensor.
Pacto de
convivencia
Nos séculos XII
e XIII créanse a meirande parte das cidades
medievais galegas. Os vasalos de Celanova foxen daquela cara a Allariz,
Ribadavia e Ourense: de seguro que os xudeus mercadores o fixeron
anteriormente. Constitúense nas novas urbes comunidades xudías que empezan a
ter problemas coa maioría cristiá a finais do século XIII. A modélica
resolución, a través do diálogo, do conflicto interétnico en Allariz ilustra o
porqué na Galicia medieval o antisemitismo popular e o anticristianismo xudeu
non terminaron en masacres, como noutros lugares ó longo da Idade Media.
O 20 de maio de
1289 o Concello de Allariz, estando presentes o representante do Rei e os
párrocos da vila, chegan a un acordo co Xudeu Maior, Isaac Ismael, para regular
a convivencia, rota polos agravios dos xudeus que se rían de Xesús e da Virxe
María nas procesións cristiás, e dos propios cristiáns que prendían e
molestaban os xudeus nas súas "rogas e festas". Pactan respectarse mutuamente
as festas relixiosas de cada comunidade, así como vivir en harmonía cada unha
delas na súa parte da vila, confirmando a autonomía xudicial da alxamía, e
compartindo as portas da cidade amurallada para o paso de mercadorías e
alimentos cara á xudería que estaba naquel momento fóra dos muros, non lonxe
das monxas de Santa Clara, ás cales os xudeus ceden, segundo este convenio, terra
para facer o seu camposanto. Favor que o párroco de San Estevo "devolveu" en
1487 facilitando terreo para que a alxamía puidese ampliar o cemiterio xudeu.
En 1488, a catro anos vista da expulsión,
Allariz é aínda terra de tolerancia para os xudeus, porque o ourensán
Mosé Péres, cobrador dos impostos reais,
traslada alí o seu domicilio para evitar o apartamento obrigado na Rúa Nova
que, desde 1480, os concellos galegos obedecían pero non cumprían...
Os xudeus de
Ribadavia
A perda da
documentación municipal de Ribadavia fai que non teñamos noticias certas da súa
xudería ata 1386. Damos por feito que a comunidade xudía ribadaviense se formou
nos séculos XII e XIII como nas restantes urbes medievais galegas e
peninsulares, beneficiada pola instalación de xudeus, desde o século X, nas
veciñas terras de Celanova, e pola existencia dun potente grupo de mercadores
en Ribadavia, desde a concesión do foro por parte de Fernando II en 1164, onde
se promove xustamente a exportación de viños e a importación de teas,
actividades comerciais vinculadas cos xudeus, na diocese de Ourense, desde o
século XI, ó redor sobre todo da ruta Ribadavia-Ourense-Santiago que enlazaba
co Camiño francés onde os xudeus monopolizaban o tráfico de mercancias.
¿Que aconteceu
en 1386? O duque de Lancaster, casado coa filla maior do defunto rei Pedro I,
aspirando ó trono de Castela, invade Galicia sen atopar case resistencia, salvo
en Ribadavia, que foi asediada por un exército de máis de 2.000 lanceiros e
arqueiros ingleses, que lograron tomar a vila utilizando unha espectacular
torre con rodas. Os ingleses entraron a saco, e, segundo a crónica
contemporánea de Froissart, "ce jour occis ungs et autres, parmy les Juifs
dont il y avoit assés, plus de quinze cens. Ainsi fut la ville de Ribadave
gaignée à force, et eurent ceulx qui y entrèrent, grant butin d'or de d'argent
ès maisons des Juifs par espécial". É dicir, as testemuñas de Froissart
salientan a riqueza en ouro e prata dos xudeus de Ribadavia, que foron roubados
e asasinados, xunto cos demais veciños,
polas tropas do Duque de Lancaster.
Esaxera
Froissart, con toda evidencia, cando nos fala de "quinze cens" (quince centos,
1.500) xudeus ribadavienses en 1386. Este tipo de cifras medievais nas crónicas
sobre batallas son, polo xeral, pouco fiables. O cronista francés equivócase
en varios sitios no tocante a lugares e datas, aínda que ofrece un bo relato
dos feitos gracias ás súas fontes orais e directas. Sabendo que, no século XV e
inicios do século XVI, había aproximadamente en Ribadavia uns 500 veciños,
poucos máis podían existir a finais do século XIV. Por outra banda, os xudeus
raramente superan o 10-15 % dos veciños nas cidades medievais da Coroa de
Castela, porcentaxe máxima coa que podemos xogar en Galicia, onde as xuderías
son cativas, de acordo coa información das listas de impostos que os xudeus lle
pagaban a El-Rei. Na Ribadavia de 1386 podía haber, logo, non moito máis de 50
xudeus, unha ducía de familias na súa maior parte vivindo nas casas da rúa de
xudería, logo Merelles Caula, que, sen lugar a dúbida, tiñan unha influencia
económica na vila do Ribeiro moi superior ó seu número, como se decataron os
asaltantes ingleses.
Fraternidade
xudeu-cristiá
A diferencia
doutros lugares das Coroas de Castela e Aragón, no reino de Galicia non houbo
durante a Idade Media motíns populares antisemitas. O máis parecido foi o
asalto da sinagoga de Ourense, en 1442, que resultou "destroyda", polo bando
nobiliario dos Cadórnigas, que levaron consigo "as arbores" (rolos da Torá) e
aínda lles roubaron despois 50 marabedís vellos... Tanto o Concello como a
Igrexa de Ourense condenaron o atentado á "casa de oraçon" dos xudeus. O máis
duro foi o representante do bispo que excomungou a Pedro Díaz de Cadórniga e os
seus homes, é dicir, tratou o delicto antixudeu como se fose un sacrilexio
cometido en igrexa cristiá.
É propio da
Galicia pre-irmandiña este sentimento de agravio de todas as víctimas contra
los cabaleiros malfeitores e as súas fortalezas, víctimas expiatorias dunhas
tensións sociais que noutros lugares descargan contra os xudeus.
A amizade entre
cristiáns e xudeus amósase outravolta, en 1457, nunha voda de fidalgos ourensáns
onde se acordou, estando xudeus e rexedores presentes, reconciliaren a dúas
donas xudías que se pelexaran, que son liberadas polo Concello da súa cadea co
fin de que puidesen comparecer perante os xuíces da alxamía. Dende as Partidas
de Afonso X estaba "prohibido" que xudeus e cristiáns fixesen banquetes xuntos,
pero o Reino de Galicia ía a contracorrente, e o 25 de abril de 1467, iniciada
a grande revolta contra os nobres malfeitores, un cóengo da catedral de Ourense
relata cómo "os da Santa Yrmandade avian lançado un pregon que leigos e
clerigos, xudeus e mouros, fosen derribar o castelo Ramiro".
A tradicional e
secular tolerancia entre xudeus e cristiáns da Galicia medieval, desde o século
X, convértese pois, na fin da Idade Media, en amizade xudeu-cristiá, defensiva
en canto víctimas de agravios (asalto de Ribadavia, 1386), ofensiva na hora da
revolta social, cando os cabaleiros
pasan de protectores (Mendo González, 1044) a agresores provocando ó cabo a
revolta da Santa Irmandade 1467-1469, no momento histórico de maior
desfasamento entre a situación dos xudeus en Galicia e no resto da Coroa de
Castela: neses anos teñen lugar matanzas de xudeus e conversos en Toledo
(1467), Sepúlveda (1468) e Tolosa (1469); entrementres en Galicia a Santa
Irmandade xunta campesiños e cóengos, xudeus e mouros, para derruberen
fortalezas.
Apartamento e
expulsión
A inexistencia
en Galicia dun antisemitismo popular e violento e dunha igrexa que o predique,
dificulta a aplicación das leis discriminatorias da Coroa unificada de Castela
e Aragón que preceden ó desterro de 1492. En 1480 as Cortes de Toledo acordan
apartar os xudeus en barrios separados. En 1481 o Tribunal da Inquisición,
creada en 1478, ordena queimar a 2.000 xudeus en Sevilla. Asemade, en Galicia,
os concellos seguían coa súa política de tolerancia, ás veces filoxudía. En
1483, o Concello de Ourense convoca unha xuntanza na sinagoga, actuando como
testemuñas e posibles instigadores dous cóengos, e empraza ós xudeus a gardaren
a lei de Toledo, debendo afastarse por tanto nunha parte da cidade que non
definen... Un novo Concello, en 1487, crítica os anteriores por non ter levado
a cabo a lei de Toledo, obrigando en nome dos Reis Católicos ós recadadores das
rendas reais, Mosé Péres e Yudá Péres, a viviren na Rúa Nova, os cales para
eludiren a orde cambian o seu domicilio a outros concellos, acusando ós
alcaldes "por nos ser odiosos como lo
sois", ou sexa, traidores á tradicional amizade xudeu-cristiá.
¿Que reacción
houbo na Galicia das "dúas culturas" ó
decreto de expulsión do 31 de marzo de 1492? Temos para nós que a maioría
converteuse, seguindo moitos deles practicando o xudaísmo coa conivencia dos
seus veciños cristiáns, sen que ninguén os amolase durante case un século.
Outros colleron
o camiño do exilio como o prateiro coruñés Isaac que, en 1493, coa complicidade
de armadores e oficiais reais, foxe por mar
levando consigo 2,5 millóns de marabedís en moedas de ouro e prata,
alfaias "e outras cousas de valor", entre as que ben podía estar a "Biblia
Kennicott", elaborada na Coruña en 1476 por un xudeu rico chamado así mesmo
Isaac quen marchou con ela ó exilio: así foi como perdemos os galegos unha das
nosas xoias medievais.
Tempos de
Inquisición
A Inquisición
moderna choca, xa que logo, con máis de cinco séculos de convivencia pacífica
medieval entre galegos de diferente etnia e relixión. Cando se quer impoñer, no
século XVI, atópanse os primeiros inquisidores cunha difusa resistencia popular
e múltiples conflictos xurisdiccionais cos concellos, coa Igrexa e cos oficiais
reais. Ata 1574 non empezará a funcionar realmente o Tribunal de Santiago, cen
anos máis tarde que en Castela e tres séculos despois que Aragón. Así e todo,
os xudaizantes galegos non serán molestados ata principios do século XVII. Contribueu
a iso a inmigración portuguesa (por veces descendente de galegos) que se
instala no suroeste de Galicia cando se agrava a persecución en Portugal,
anexionada por Felipe II en 1581. No
século XVII prodúcese deste xeito unha "rexudeización" de Galicia que aviva
comunidades xudeuconversas que, como no caso de Ribadavia, tiñan xa máis de cen
anos de historia.
O punto de
inflexión da ofensiva inquisitorial contra os xudeus clandestinos en Galicia
foi o proceso de Ribadavia entre 1606 e 1610. Por primeira vez en 50 anos o
Tribunal de Santiago ofrece un balance económico positivo. O grupo maioritario entre os procesados pola
Inquisición en toda Galicia esta formado por xudaizantes, a maioria deles
comerciantes e, por tanto, obxecto predilecto da confiscación de bens que
practicaba a Inquisición para o seu
financiamento.
O proceso de
Ribadavia
Entre 1492 e
1595 os xudeus de Ribadavia viven relativamente tranquilos, simulando ser
cristiáns e practicando clandestinamente a súa relixión. Tiñan especial coidado
en iniciar os mozos na adolescencia. Este relevo xeracional, que abrangueu
catro xeracións, foi vital para garantir a continuidade histórica do xudaísmo
ribadaviense. De feito, a maioría dos detidos, e condenados, entre 1606 e 1610, serán mozos e mozas
vinteaneiros. O papel principal na transmisión da tradición xogábano as
mulleres, as nais e as avoas, así como matriarcas xudías como Branca Vázquez e
Ana Méndez, xa defuntas cando veu a represión, que tamén ensinaban os ritos e
cerimonias da Lei de Moisés na comunidade xudaizante de Ribadavia.
A finais do
século XVI sucédense as visitas da Inquisición a Ribadavia. En 1595 procesan o
avogado Xerónimo Rodríguez: un aviso. O 7 de marzo de 1606 o Tribunal de
Santiago recibe do Consello da Xeral e Suprema Inquisición unha carta
ordenando pasar á acción: "Prendan a
once deles". Serán moitos máis porque un mozo circundado, Xerónimo Bautista de
Mena, que a comunidade enviara ás sinagogas de Venecia, Pisa e Salónica, para
formarse e ensinar logo a lei vella en Ribadavia, os denuncia por
arrepentimento, inimizades e/ou simple desequilibrio mental: confesoulles ós
inquisidores que cando, había dous anos, morrera súa nai, tentara resucitala
como fixera o profeta Eliseo co fillo da viúva.
O fenómeno do
malsín (delator) é habitual na historia do xudaísmo, máis aínda cando a
persecución os obrigaba a formaren sociedades secretas. O malsín de Ribadavia
denunciou de entrada a 200 xudaizantes, a metade da vila (450/500 veciños en
1517-23; 460 veciños en 1645), empezando pola defunta de súa nai e polos seus
irmáns de 13 e 15 anos. Xerónimo apareceu morto (en estrañas circunstancias,
dise nestes casos) no tempo do proceso, e o Tribunal, que como Roma vese que
non paga traidores, senténciao no derradeiro momento (1610) a ser queimado en
forma de estatua, xunto cos seus ósos, que para tal fin foron desenterrados.
Xerónimo Bautista de Mena morre dúas veces, primeiro como falso xudeu, despois
como falso cristián.
Ó cabo houbo 40
condenados en Ribadavia, e importantes confiscacións de bens, ben complicadas
de executar pola ocultación que procuraban os xudaizantes. Entre os
sentenciados había dous rexedores do concello, sete mercadores, dous que viven
da súa facenda, varios profesionais liberais e catorce mulleres. A maior parte
dos procesados naceran en Ribadavia, o resto eran ribadavienses orixinarios
doutros lugares de Ourense, Galicia e do Norte de Portugal (varios de Vila
Flor, Braga), atraídos pola súa florecente comunidade. Vinteún xudaizantes
foron sentenciados a cadea perpetua, logo de que a Suprema de Madrid reprendera
ó Tribunal de Santiago pola suavidade das penas. Dous foron condenados, pola
súa relevancia, a seren relaxados en persoa, é dicir, a ser queimados na
fogueira: Felipe Álvarez e o seu fillo máis rebelde, Antonio Méndez. Os
restantes recibiron penas de cárcere de entre 6 meses e 4 anos. Polo regular as
condenas supoñían, ademais do inmediato secuestro dos bens, a obriga de levar
hábito (sambenito).
Non está claro
que os condenados cumpran as penas máis duras, morte e perpetua, tanto polos
acordos económicos coa Inquisición, como polas dificultades desta para ter
moito tempo ós condenados nos cárceres secretos, e a caída en desgracia dos
inquisidores que asinaron as sentencias de Ribadavia, Juan Muñoz Cuesta e Juan
Ochoa, ó ano de rematar o proceso.
O 25 % dos reos
que se reconciliaron coa Igrexa no século XVII en España compraron as penas.
Claro que non todos tiñan os mesmos posibles, aínda que hai que dicir que o
estatus social e económico non lle aforrou a ninguén o sufrimento no tormento,
máis ben ó contrario.
O sistema,
chamado o "potro", para atormentar os presos era ben simple: poñíanos sobre
unha escaleira, con cordas atadas a brazos e pernas que se apertaban dando
voltas a torniquetes ata descubrir o óso se fose preciso. Deste xeito foron
torturados o 32 % dos veciños de Ribadavia presos: trece reos en total, polo
regular xente de idade, cinco mulleres e oito homes. A maioría deles, segundo o
propio Tribunal, venceron o tormento: todas as mulleres, e algúns homes
(concretamente, tres). ¿A quen se torturaba? Ás persoas máis relevantes da
comunidade xudía desde o punto de vista político, económico e relixioso, é
dicir, ós dous membros da corporación municipal, Xerónimo de Morais e Xoán
López Hurtado (e a súa dona), a aqueles procesados que eran mercadores e
mulleres de mercadores (o 53 % dos que pasaron polo poldro eran comerciantes),
a viúva do devanceiro Marcos López, avogado e relaxado en estatua. Cebáronse
sobre todo con Felipe Álvarez, que facía de rabino de todos eles, e co seu
fillo fiel Antonio, os únicos condenados a morte. Torturaban para obter unhas
confesións que supoñían bos ingresos económicos, e tamén por pura vinganza.
O Consello
Supremo de Madrid e o Tribunal de Santiago, quixeron facer en Ribadavia un
proceso exemplar, cortando de raíz, que
servira de escarmento para toda a Galicia xudaizante: perseguiron os
colaboradores da ocultación de bens e da fuxida de xudaizantes; perseguiron os
familiares dos condenados, mesmo menores; perseguiron a memoria e a fama
daqueles defuntos que lles ensinaran a
Lei de Moisés en Ribadavia na segunda, metade do século XVI, ós presos.
Pero os
condenados e torturados de Ribadavia axiña obtiveron unha satisfacción moral. A
Suprema envía en 1611 un inspector con 60 cargos de ineficacia e corrupción
contra os dous grandes inquisidores de
Galicia durante o proceso de Ribadavia, que son acusados de irregularidades no
secuestro, depósito e poxa dos bens dos xudaizantes, de repetiren ilegalmente
sesións de tortura, de falta dun comportamento persoal acorde coa súa función
no Santo Oficio e co estado clerical. Ochoa é acusado de dar misa borracho, de
estar amancebado cunha casada que chegou a presidir con el a audiencia do
Tribunal. Muñoz Cuesta é acusado de ir con prostitutas e de seducir nenas de 14
e 15 anos. Meses despois do derradeiro auto de fe onde se queimaron, na
catedral de Santiago, as estatuas do últimos procesados de Ribadavia, Juan
Ochoa e Juan Muñoz Cuesta, foron expulsado de Galicia, inhabilitados por tres
anos para exerceren cargos na Inquisición e multados economicamente. Penas ben
cativas se comparamos coas que eles lles aplicaron ó rabino Felipe Álvarez e a
súa xente por non traballaren os sábados ou recitar na igrexa da Magdalena os
Salmos de David sen o "Gloria Patri". A pública sanción da inmoralidade dos
máximos responsables do Santo Oficio en Galicia favoreceu, de contado, a
negociación das penas de morte (Felipe Álvarez) e cadea perpetua (Simón
Pereira), e supoñemos o mesmo a respecto das outras sentencias contra os
veciños de Ribadavia.
Catro séculos
despois destes lamentables feitos aínda está pendente a rehabilitación das
víctimas, a restauración da verdade histórica, a devolución da fama e da
memoria ós descoñecidos descendentes dos últimos xudeus de Ribadavia: ós
Álvarez, Méndez, Gómez, López, Hurtado, Pereira, Vázquez, Duarte, Coronel,
Mena, Blandón, Morais, Oliveira, Díaz, Fernández, Rodríguez, Sousa, León,
Chaves, que coidamos seguen a vivir en Ribadavia, e noutros lugares de Galicia.
Apelidos polo xeral comúns, debido ó afán dos conversos de pasaren
desapercibidos, que nos recordan que todos podemos ter orixes xudías. Mellor
dito, se alguén prendeu e torturou a unha persoa por ser doutra idea, nación e
relixión, todos somos víctimas, todos somos xudeus, todos somos pois veciños de
Ribadavia naqueles anos de terror 1606, 1607, 1608, 1609, 1610, como ben nos
gusta celebrar nas "Festas da Istoria", que caen cada ano no tempo da vendima e
do "Ayuno Grande" dos nosos devanceiros.
Memoria
contemporánea
Despois do
proceso de Ribadavia a Inquisición actuou contra os xudaizantes de toda Galicia
ó longo dos séculos XVII e XVIII, mantendo deste xeito vivo e latente un
espírito anti-inquisitorial que forma parte da nosa cultura popular, e da
mellor tradición intelectual galega.
A Inquisición,
engranaxe esencial do Estado absolutista, tentou borrar no Reino de Galicia a
memoria dourada da liberdade relixiosa medieval, espallando calumnias
antisemitas e convertendo en infamia a ascendencia xudía dunha parte do pobo
galego.
A loita
ilustrada contra a mentalidade inquisitorial, e maila definitiva disolución do Santo Oficio en
1813, froito dunha potente acción liberal que continou ata o século XX, crearon
as condicións axeitadas para a recuperación da vella memoria das raices xudías
de Galicia. Aínda que non será ata a restauración da democracia, nos tempos
presentes, cando o pasado xudeu se converta en galardón e motivo de orgullo de
vilas, como Ribadavia, que recobran o seu esplendor gracias á historia.
O primeiro
protagonista do renacer da memoria xudía en Ribadavia foi o avogado e escritor
Leopoldo Meruéndano alcalde de Ribadavia durante os anos 1900-1906. A súa obra Los
judíos de Ribadavia (1915) xogou un papel clave na toma de conciencia en
Ribadavia, e en Galicia, sobre a historia dos xudeus.
O pulo cultural e democrático sementado na
xuventude ribadaviense polos sacerdotes Virxilio Rodríguez Silva, Xosé Benito
Rodríguez Sieiro e Miguel Fernández Grande, e mailos intelectuais Xesús Sánchez
Orriols e Rubén García Álvarez, na derradeira década do franquismo, fixo
posible a constitución en 1969 da Asociación Cultural Abrente, e máis tarde do Centro de Estudios Medievais
de Ribadavia en 1989, asociación que fai da historia e da reivindicación
xudía os principais eixes da súa
actividade.
En 1989
organízase tamén a "Festa da Istoria" coa participación do pobo ribadaviense
con vestidos da época medieval. A partir desta primeira edición, representouse
varias veces na Praza Maior o proceso de Ribadavia e maila morte do malsín
Xerónimo Bautista de Mena. Na edición de 1993, e noutras posteriores,
esceneficouse así mesmo unha voda sefardí.
En octubre de
1991, en vísperas do 500º aniversario do decreto de expulsión, celebrouse
o Congreso Internacional "Xudeus e
conversos na historia", que situou a Ribadavia no cerne da investigación
académica mundial sobre as comunidades xudías, xudaizantes e sefardís na
historia.
Hoxe en día
Ribadavia, capital da Galicia xudía, representa ós galegos na "Ruta de las
juderías" xunto a Toledo, Córdoba, Segovia e outras vilas españolas.
Seguindo o
exemplo da vila do Avia, outras cidades galegas desenvolveron ultimamente
actividades divulgativas sobre a presencia dos xudeus na historia de Galicia.
OUTROS TEXTOS
BIBLIA KENNICOTT
Unha biblia xudía na Galicia do século XV
A
Biblia xudía da Coruña, coñecida como "Biblia Kennicott", é, sen dúbida, o
manuscrito de tema relixioso máis importante que nos legou a Idade Media galega
e unha obra mestra das biblias hebreas medievais, está actualmente na
Biblioteca Bodleian da Universidade de Oxford.
Contén
922 páxinas en hebreo, 238 belamente iluminadas, os cinco libros da Torá
(Xénese, Éxodo, Levítico, Números e Deuteromonio), os libros de Profetas e
Haxiógrafos, e un tratado gramatical copiado dunha Biblia anterior que lle
serviu de modelo coñecida como "Biblia de Cervera", feita no ano 1300 e
conservada na Biblioteca Nacional de Lisboa.
Para
o xudaísmo, relixión do Libro, nada é máis importante que a Biblia, que
significa libros en grego. Estes libros da lei vella son compartidos
dalgunha maneira entre cristiáns e xudeus, pois constitúen, dende que San
Xerome os traduciu ó latín no século IV, o noso Vello Testamento.
Un
mozo e rico xudeu coruñés admiraba a manuscrita "Biblia de Cervera", propiedade
da familia xudía coruñesa Mordechai, cando menos dende 1375, polo que contratou
un grande calígrafo para que lle fixese unha copia, quen rematou o seu traballo
o 24 de xullo de 1476 agradecendo no colofón da nova Biblia ó "admirable mozo Isaac, fillo do
defunto, honorable e querido Don Salomón de Braga (que descansa en paz a súa
alma no Xardín do Edén). O Deus bendito lle conceda estudiala a el e ós seus
fillos e ós fillos dos seus fillos a través de todas as xeracións como está
escrito (Xosué, 1:8): Este libro da Lei non marchará da túa boca, meditarás
nel día e noite, de maneira que poidas observalo e obrar de acordo con todo o
que está escrito nel. E Deus lle conceda patrocinar moitos libros...".
O
escriba desta monumental obra chamábase Moisés Ibn Zabarah, coñécensele outros
dous manuscritos artísticos e tamén un tratado para escribir un pergamiño Torá.
Dixeron del os contemporáneos: "Un grande calígrafo, o seu nome é grande en Israel,
o santo rabí..."; este manuscrito seu
"... non foi feito por un home, senón polo Anxo de Deus, un perfecto
sabio, piadoso e santo...".
Viviu
Moisés, coa súa familia, na Coruña, por conta do seu patrón, dez longos meses
escribindo dous folios diarios, en letra cursiva cuadrada serfardí, con tinta
castaña, a dúas columnas, nunhas páxinas de 300 por 235 milímetros.
Moisés
contratou para ilustrar as marxes, o espacio entre as columnas e as letras
capitulares, así como para intercalar páxinas marabillosamente debuxadas, a un
artista iluminador de manuscritos que deixou a súa propia sinatura, "Eu, Joseph
Ibn Hayyim, iluminei e completei este libro", cunhas enormes letras que enchen
toda unha páxina e representan figuras de homes e mulleres en coiros, animais,
seres fabulosos... Ás veces Joseph pinta o acontecemento bíblico que se relata
nesa páxina, outras belas formas xeométricas de estilo mudéxar, aqueloutras
debuxa os xudeus co típico gorro bicudo, semellando unha boina paisana.
A
compenetración entre o calígrafo e o iluminador foi total, ámbolos dous exhiben
nomes bíblicos, como era habitual entre os xudeus medievais, o que os leva a
mutuos agasallos: Moisés procura salientar os feitos que concirnen a Xosé,
fillo de Xacob, e, pola súa banda, Joseph decora con especial primor o Salmo
90, a oración a Moisés.
Resulta
ó cabo unha obra orixinal e fermosa. Por exemplo, as pinturas do rei David
sentado no seu trono, Xonás tragado polo peixe ou o astrólogo Balaam
consultando o astrolabio. Obra que ten ademais autores coñecidos, artistas que
puxeron interese en deixar os seus nomes escritos para a memoria futura, para
nós.
Damos
por seguro que a Biblia coruñesa marchou de Galicia despois de 1492. Pode que a
levara canda el aquel Isaac que abandonou clandestinamente A Coruña, cara a
África, en 1493, con "moedas e ouro e prata e outras cousas de valor". E pode
que non, pois o nome do patriarca Isaac era daquela ben común, e non se pode
descartar que houbese máis de un na Coruña, aínda que o dono desta Biblia excepcional
se tiña por único e ordenara facer unha caixa cunha chave para transportar o
seu tesouro, onde gravou en hebreo unha soa palabra: "Isaac".
Non
sabemos ren do itinerario da Biblia da Coruña na diáspora sefardí ata o ano de
1771, en que foi mercada en Inglaterra por iniciativa do hebreísta,
bibliotecario e párroco de Oxford, Benjamin Kennicott, que lle deu o seu nome,
aínda que a nós gostaríanos que recuperase
os seus nomes históricos orixinais e fose coñecida no futuro como a
Biblia de Isaac, fillo de Salomón, Moisés Ibn Zabarah e Joseph Ibn Hayyim, ou
Biblia da Coruña, ou Biblia hebrea de Galicia. É por iso, para recuperar a nosa
historia, que llelo contamos a vostedes, para
que á súa vez llelo conten "ós seus fillos e ós fillos dos seus fillos a
través de todas as xeracións, como está escrito" como quería Moisés, o noso
artista calígrafo.
LÁPIDA SEPULCRAL
A Coruña, séculos X-XI
Esta
lápida pertence á tumba dunha muller e foi atopada en 1869, xunto con outras
sepulturas do antigo cemiterio xudeu da Coruña, na actual praza da Palloza,
entre Catro Camiños e o porto pesqueiro, fóra, como de costume, do burgo
medieval.
A
inscrición, en hebreo, di: "Dona Seti muller de don Ishaq o Qarol, descanse no
Edén". Seti é o feminino de Sidi, que tamén se escribía Cidi ou Cid, nome árabe
que significa señor. Neste caso repítese logo dúas veces a palabra señora.
Dona e don son tratamentos honoríficos, que volveremos a encontrar en
xudeus coruñeses dos séculos XIV e XV, referidos ós dons económicos e
espirituais que adornan ó matrimonio. Carol é nome de lugar, usado como
apelido, quizais a aldea de Carolo no Concello de Oroso, entre Santiago e A
Coruña. A orixe campesiña do marido de Seti sinala a sabida antigüidade da
presencia xudía na Galicia altomedieval, primeiro rural e logo urbana.
Nas
dúas lousas restantes lemos: "Dona Iusta" nunha, e "Abraham bar Meir ben
Peres", ou sexa "Abraham fillo de Meir fillo de Peres", na outra.
Estas
lápidas da Coruña, datadas nos séculos X-XI, fálannos dunha comunidade xudía
desenvolvida, en relación co burgo do
Faro e antes da constitución da cidade amurallada, que confirma a importancia
da repoboación xudía no reino cristián de Galicia de Afonso III en diante.
ICONOGRAFÍA XUDÍA
A formación dun estereotipo
A
meirande parte das figuras humanas representadas no Pórtico da Gloria da
Catedral de Santiago, cumio da escultura románica universal, correspóndense con
personaxes bíblicos, maiormente profetas, que, baixo a presidencia dun gran
Cristo en maxestade, ocupan as columnas da súa destra, mentres que os apóstolos
están nas columnas da súa esquerda, sen confrontación, mesmo representados de
xeito parecido, ¿non eran xudeus como o propio Xesús?
A
Igrexa dos séculos X-XI non facía grandes distingos entre o Novo e o Vello
Testamento, gostaban moito incluso de seguir a Biblia hebrea: cristiáns e
xudeus crían daquela, máis que despois, no mesmo Deus de Israel, nos seus
profetas, en Xeremías, Daniel, Isaías e Moisés [FOTO]. O máis destacado é
Isaías, o único que cobre a cabeza perante a maxestade do fillo de Deus, que
ten faccións xudías, que porta un bastón -igual que Moisés e Santiago- que lle
confire autoridade, que suxeita un pergamiño que fala do Deus xusticeiro da Lei
antiga. Todo porque Isaías anuncia mellor que ninguén o Mesías: "Velaquí que a
Virxe concibirá e dará a luz un Fillo". Pouco importa que o pobo de Israel,
onte e hoxe, non acepte que o Mesías profetizado pola Biblia fose Xesús de
Nazaret. Vivíase tempos de tolerancia e, segundo o Códice Calixtino, os xudeus
tamén peregrinaban a Compostela. Aínda que non sempre será así, porque, pasada
a libre Idade Media, a Inquisición queimará un xudaizante de Talavera de la
Reina por cantar, entre outras cousas, as profecías de Isaías.
O
gorro redondo de Isaías no Pórtico da Gloria, obra do século XII, evoluciona,
como en todo o Occidente medieval, conforme o antisemitismo se vai manifestando
abertamente, ata transformarse no típico gorro bicudo que identifica e
ridiculiza os xudeus.
Así
temos nas viñetas das Cantigas de Santa María, recollidas en galego por Afonso
X "O Sabio", na metade do século XIII,
tres tipos de gorros con pico: 1) á maneira de borla (Cantiga 4), 2)
como un casco prismático (Cantiga 25), 3) un sombreiro con ás (Cantiga 34).
Gorros que, ás veces, cubrían os iluminadores cunha capucha así mesmo bicuda
(Cantiga 107). Os cristiáns, pola contra, levan un digno bonete (Cantiga 25). A
intención é exemplarizar e discriminar co fin de demostrar a superioridade
cristiá, que se expresa, nese momento, de xeito pacífico: quérese converter os
xudeus con miragres da Virxe que eles non recoñecían.
É
curioso ver cómo na Biblia da Coruña do século XV, allea en principio ó estereotipo
antixudeu, Joseph Ibn Hayyim debuxa tamén os hebreos cuns esquemáticos gorros
picudos que semellan boinas, por exemplo, os navegantes do episodio de Xonás.
Polo
regular o gorro, casco ou sombreiro, rematado en punta, vén na compaña doutros
trazos: cara barbada, ollos saltóns, nariz ganchuda, grandes orellas, xesto
hostil, que soamente se esbozan no Isaías compostelán, e chegan, séculos
despois á caricatura, como os xudeus que
martirizan a Xesús nos retablos barrocos do século XVIII (verbigracia, o da
capela de Valdemar en Covelo, Pontevedra). A Inquisición transformará os gorros
picudos medievais nas corozas cónicas que lles poñían ós reos sambenitados.
O TRAXE DA NOIVA
Hai
unha tradición xudía que, desde o século VIII, denomina Sefarad, nome bíblico,
á Península Ibérica, e sefardís ós xudeus que habitan nese espacio que, despois
da Idade Media, será o solar dos reinos de España e Portugal. Aplicaráselles o
nome de sefardís, sobre todo, ós descendentes dos xudeus peninsulares
desterrados en 1492 nos países de acollida, onde gardaron, ata hoxe en día,
como lingua materna, un idioma castelán (que desprazou o catalán e o galego,
menos en Amsterdam onde se impuxo o portugués) con resonancias medievais
ademais doutros elementos da cultura hispano-xudía medieval como ritos e
vestiduras.
O
traxe de noiva sefardí que reproducimos vén do Magreb, onde se refuxiaron
importantes comunidades de xudeus exiliados polos Reis Católicos, que seguiron
a facer as vodas como cando vivían entre nós, malia que son perceptibles
influencias árabes posteriores.
Este
traxe vén sendo utilizado na representación da voda xudía que o Centro de
Estudios Medievais organiza, desde 1993, na "Festa da Istoria" de Ribadavia.
CANDELABRO DE TUI
No
claustro da Catedral de Tui, construído nos séculos XIII-XV, pódese admirar unha inscrición, aínda clara,
dun candelabro xudeu de sete brazos fronte á entrada da sala capitular do
século XII. De maneira que, durante séculos, os cóengos tudenses pasaron diante
da menorá xudía cada vez que se reunían en capítulo. Ninguén borrou este
grafitti, nin sequera nos tempos de Inquisición, por tolerancia ou simpatía: a
principios do século XVII, había dous cóengos de estirpe xudía da poderosa
familia Coronel, Tomé de León Coronel e Francisco Coronel, por certo nomeados e
apoiados directamente pola Santa Sé, e tidos por xudaizantes, o que provocou un
conflicto interno animado pola Inquisición que daquela empezaba a reprimir en
Galicia.
A
gravación desta menorá non se pode confundir cunha marca de canteiro, como ás
veces a estrela de cinco puntas; polo seu tamaño e significación non cadra
cunha función técnico-constructiva, pois representa de xeito sen dúbida
consciente o símbolo máis antigo do xudaísmo: o candelabro de sete brazos como
imaxe identificativa do pobo de Israel data da destrucción do Templo de
Xerusalén e estaba xa entre os utensilios do tabernáculo do deserto, aínda que
non tivera logo un papel concreto no ritual relixioso xudeu.
Podemos
comprobar diferentes inscricións pétreas representando a menorá ó longo dos
séculos: 1) nun capitel do século VII antes de Cristo, conservado no Museo de
Israel en Xerusalén; 2) nunha pía da época romana de Tarragona, conservada no
Museo Sefardí de Toledo; 3) no claustro gótico da Catedral de Tui.
AUTO DE FE
O
30 de xuño de 1680 ten lugar na Praza Maior de Madrid o Auto de Fe máis
importante do século XVII. Un portentoso ritual barroco no que participan de
miles de persoas, onde se len e aplican publicamente sentencias dictadas polos
diferentes tribunais territoriais do Santo Oficio. Francisco Rizi, pintor de
El-Rei, inmortalizou o acontecemento nunha detallada pintura de 2,7 por 4,3
metros en 1683 (Foto 1).
Preside
Carlos II, "O Feitizado", coa súa familia e os ananos (Foto 2). O Inquisidor
Xeral é nese intre o vigués Diego Sarmiento de Valladares. No medio do enorme teatro, montado adrede, o
estandarte da Inquisición coa cruz, a rama de oliveira e a espada (Foto 3), que
aparece tamén nos escudos de familiares, comisarios e inquisidores.
Séntanse
nas gradas da dereita, entre os Grandes de España, nobres de estirpe galega: os
condes de Altamira, Benavente, Lemos e Monterrei. Por riba deles temos os 137
reos deste magno proceso, 21 dos cales eran galegos de orixe ou veciñanza, a
maioría de Ourense, capital e provincia (Celanova, Verín); tamén había de
Monforte, Pontevedra, Cangas, Neira e Chacín; foron condenados con dureza como
xudaizantes.
Dos
19 reos relaxados neste Auto en persoa, é dicir, condenados a morreren
queimados, seis eran galegos, maiormente mulleres: Felipa López e as súas
fillas María e Violante; os mozos Baltasar López, a súa curmá Felipa, máis Luis
Sarabia. A execución levouse a cabo a mesma tarde do 30 de xuño, no "braseiro"
instalado na Porta de Fuencarral, lonxe da Praza Maior onde continuou o acto
inquisitorial presidido polo Rei EnFeitizado.
Foron
ademais queimadas 22 estatuas representando aqueles procesados (Foto 4) que
lograran escapar da represión, ou que xa estaban mortos, entre os cales se
atopaban sete galegos, catro dos cales eran mulleres, case todos ourensáns que
fuxiron a tempo dos funcionarios inquisitoriais. Podemos ver no cadro (Foto 5)
a torva representación dun reo pertinaz coa coroza bicuda e os trazos típicos
da caricatura antisemita, que chegou precisamente á súa plenitude na España
barroca.
SAMBENITOS DE TUI
No
Museo Diocesano de Tui consérvanse uns sambenitos únicos de 14 tudenses
procesados pola Inquisición nos 1616-1621 cos seus nomes, delictos e penas
(Foto).
Logo
do corrrespondente Auto de Fe, a Inquisición, para escarnio da fama dos
condenados e dos seus descendentes,
colgaban nas catedrais ou igrexas, a sorte de grandes escapularios ou
sambenitos que levaron os reos durante o proceso, substituídos co paso do tempo por tiras de tela que reproducían texto e
debuxos orixinais, como no caso de Tui.
Os
sambenitos reproducían a cruz de San Andrés, que simbolizaba a confesión que
estaban obrigados a facer, emulando ó dito santo, recoñecendo que Xesús Cristo
era fillo de Deus padre. Vexamos o caso do converso tudense (Foto) bautizado,
xustamente, co nome do santo da aspa. Dise no texto: "Andrés Duarte Coronel,
vecino de Tuy, ausente, herege, judaizante, reconciliado, relajado en estatua,
año de 1619". As familias Coronel e Duarte, que pertencen desde finais do
século XV á aristocracia xudía de Portugal e Castela, terán unha grande
influencia no bispado de Tui, cando menos ata 1616. Andrés fuxira coa súa nai,
a muller e cinco fillos cativos, "a tierras libres de Francia ... donde
pudiesen vivir a su modo". Deixaron algúns bens raíces de valor moi por debaixo
dos 6.000 ducados que, antes de fuxir, acordaran pagar a burlada Inquisición
polas súas vidas, a cal se vingou difamando a súa memoria.
Andrés
Duarte Coronel foi condenado a morte en rebeldía, a súa estatua foi queimada en
auto de fe, o seu sambenito foi exposto anos e anos ó escarnio público da peor
maneira, pois aparece inmortalizado como xudaizante impenitente, cunha cabeza
terrorífica, coas chamas do inferno pintadas cara arriba, como o monstro
imaxinado polo peor antixudaísmo, todo por non lles pagar os 6.000 ducados ós
inquisidores de Galicia.
FESTA DA HISTORIA
Nas
grandes festas relixiosas de Ribadavia dos séculos XVII-XIX era habitual, como noutros
lugares, incluír actividades profanas
como danzas e pantomimas organizadas polo Concello. O converso Felipe Álvarez,
rabino clandestino, participa precisamente no nome da corporación municipal na
organización das festas do Corpus en 1603.
Contra
o 8 de setembro teñen lugar as festas maiores da Virxe do Portal. Constan estes
festexos na documentación municipal, entre os anos 1693 e 1865. Duraban de 4 a
8 días e acudía á capital do Ribeiro xente de todo o reino de Galicia. Os
concelleiros de a cabalo convidaban a todos a iren á Praza Maior para ver unha
comedia que denominaban historia, ou "istoria", por unha confusión ortográfica
(da mesma maneira que nos escritos da época lemos bancos e "vancos"), aínda que
na fala aseméllase á palabra "estoria" do galego medieval. O Concello pagaba ó
autor e director da obra, así como ós actores, reservándose o dereito a elixir
as pezas que habían representar, o que demostra a importancia política e
relixiosa dos contidos das "estorias".
Leopóldo
Meruéndano, alcalde de Ribadavia e historiador local, nacido en 1845, conta que
os veciños de Ribadavia, en lugar das tradicionais loitas entre mouros e
cristiáns, escenificaron nalgunha ocasión a batalla bíblica entre hebreos e
filisteos, todos eles vestidos como personaxes do Antigo Testamento: cando
Saúl, o primeiro rei de Israel, cae morto, o director da pantomima dicía,
parafraseando o canto fúnebre do rei David: "Chorade fillos de Xerusalén, a
morte de voso rei Saúl, maldito sexa o monte de Xelboé, no que caeu o unxido do
Señor". David, a pesar de ser perseguido por Saúl, chora a súa morte (Samuel,
1:17): toda unha metáfora daqueles conversos perseguidos polo Santo Oficio. A
Inquisición foi definitivamente abolida en 1834, o que facilitou a recuperación
da memoria xudía e xudaizante de Ribadavia da man dos liberais e republicanos
decimonónicos. Despois da revolución de 1868 e subseguinte Restauración,
deixaron de facerse este tipo de
"istorias" hebreas, que seguramente Meruéndano coñeceu... ata a primeira
"Festa da Istoria" de 1989. Dende aquela, cada sábado anterior á Virxe do
Portal, a xente de Ribadavia vístese de historia para representar a "istoria"
do seu pasado medieval, xudeu e anti-inquisitorial.
CASA GÓTICA
Rara
é a comarca de Galicia onde a tradición popular non lle atribueu
imaxinariamente a algún antigo edificio, a condición de lugar onde a
Inquisición torturaba os seus presos. Ribadavia, terra de xudeus, non podía ser
menos. Chámaselle "a casa da Inquisición" á casa gótica da rúa San Martiño por
mor, sen dúbida, do escudo inquisitorial da súa portada.
O
Santo Oficio levaba os detidos de toda Galicia para interrogalos, torturalos e
xulgalos ó seu cárcere de Santiago de Compostela. Logo tiña a Inquisición unha
importante rede de familiares e comisarios, con dereito a portaren armas, que
recollían denuncias, axexaban e facían de intermediarios, ás veces corruptos.
Cargos cobizados por pequenos nobres e eclesiáticos que adoptaban como emblema
heráldico o da Inquisición, que tiña tres elementos: a cruz representando a
Cristo redentor e a súa Igrexa, unha rama de oliveira á dereita, simbolizando a
gracia divina, e unha espada á esquerda que nos fala dos necesarios castigos e
penas contra herexes e descridos.
Na
comarca do Ribeiro consérvanse varias casas brasonadas coa labra inquisitorial,
que foron dalgún familiar ou comisario do Santo Oficio, en Leiro, Moldes,
Eiras, Arnoia e Remuiños. Na vila de Ribadavia atopamos tamén un emblema
inquisitorial no convento de San Domingos,
e outro na fermosa casa de San Martiño que, no século XV, mandou facer o
señor Pedro Vázquez de Puga, ó lado
doutros brasóns que corresponden ós apelidos Puga, Bahamonde e Mosquera (Foto
1), familias todas elas moi vinculadas á Inquisición de Galicia no século XVII.
Esta mesma serie de escudos repítense na igrexa da Oliveira e nunha casa xa
desaparecida de San Cristovo de Regodeigón, ámbalas dúas relacionadas cos
descendentes do rexedor Pedro Vázquez.
Os
inquisidores locais introducen variantes significativas nos emblemas da
Inquisición que exhiben con orgullo. No escudo da casa gótica superponse a
espada laica sobre a cruz, poñendo en evidencia a función punitiva do Santo
Oficio (Foto 2), mentres que na lápida funeraria de San Domingos o que destaca
é unha gran cruz dos frades predicadores na compaña, á súa dereita, dunha
espada na que o gravador, ou o tempo, eliminou a empuñadura que lle daba forma
de cruz (Foto 3).
LISTA DE
RIBADAVIA
Ribadavienses
condenados pola Inquisición
AUTO PÚBLICO DE FE
11 de maio de 1608
Praza da Quintana
Santiago de Compostela
LEONOR GÓMEZ, 68 anos, natural de Vila Flor,
muller do defunto avogado e mestre de xudaizantes, Marcos López, "venceu o
tormento sen confesar cousa ningunha"; 4 anos de cadea.
ANTONIO BLANDÓN, 27 anos, natural de Ourense,
estudiante en Salamanca, confesa 9 anos na Lei de Moisés; 1 ano de cadea.
ANA MENA, 19 anos, natural de Ribadavia, muller de
Duarte Coronel, confesa 5 anos na Lei de Moisés; 1 ano de cadea.
FERNANDO ÁLVAREZ, 44 anos, natural de Ribadavia, vive
da súa facenda, confesa 10/12 anos na lei vella; 1 ano de cadea.
XOÁN LÓPEZ HURTADO, 40 anos, natural de Ribadavia,
rexedor do concello, escribán, confesa 7/8 anos na lei vella, recibe tormento;
2 anos de cadea tendo en consideración -escriben os inquisidores- que tiña
fillos pequenos, dous deles cegos e que á súa muller Beatriz Méndez, tamén
presa, se lle daba hábito e cadea perpetua.
DUARTE CORONEL, 30 anos, natural de
Salvaterra, denunciado, entre outros,
pola súa muller, confesa 3 anos na Lei de Moisés e ser descendente de xudeus; 2
anos de cadea.
SUSANA VÁZQUEZ, 22 anos, natural de Ribadavia,
muller de Xácome de Oliveira, confesa 6 anos apartada da lei de Xesús Cristo; 2
anos de cadea.
XORXE ÁLVAREZ, 44 anos, natural de Tamaguelos
(Verín), confesa 20 anos na Lei de Moisés e ser descendente de xudeus; 2 anos
de cadea.
PEDRO ÁLVAREZ, 26 anos, natural de Ribadavia,
alguacil de facenda, confesa 8 anos na Lei de Moisés, por ensinanza do seu pai,
e ser descendente de xudeus; 2 anos de cadea.
ANTONIO VÁZQUEZ, 34 anos, natural de Ribadavia,
mercador de peixe, confesa 8 anos na Lei de Moisés; cadea perpetua [As penas
endurécense agora por orde da Suprema].
MANUEL GÓMEZ, 42 anos, natural de Vila Flor,
mercador de panos, confesa 20 anos na Lei de Moisés, e ser descendente de
xudeus; cadea perpetua.
FERNANDO ÁLVAREZ, 23 anos, natural de Ribadavia,
mercador de panos, confesa 9 anos na Lei de Moisés; cadea perpetua.
XERÓNIMO DE MORAIS, 60 anos, natural de Ribadavia,
rexedor do concello, confesa 11 anos na Lei de Moisés, recebeu tormento e
"venceuno sen confesar cousa algunha"; cadea perpetua.
ANTONIO DE MORAIS, 36 anos, natural de Mirandela
(Portugal), mercador, confesa 10/11 anos na Lei de Moisés; cadea perpetua.
FERNANDO GÓMEZ, 52 anos, natural de Vila
Flor, mercador, confesa 25/26/29 anos na
Lei de Moisés e ser descendente da nación hebrea, "venceu o tormento, ... e non
engadiu cousa"; cadea perpetua.
XÁCOME DE OLIVEIRA, 24 anos, natural de
Verín, mercador, confesa 1 ano e medio
na Lei de Moisés, se lle anunciou o tormento e "testificou moitos cómplices";
cadea perpetua.
INÉS DÍAZ, 40 anos, natural de Chantada, muller de
Diego Díaz, confesa 8/9 anos na Lei de Moisés; cadea perpetua.
XINEBRA VÁZQUEZ, 72 anos, natural de Ribadavia, muller
de Pedro Fernández, "o vello", confesa 5/6/8 anos na Lei de Moisés, déuselle
tormento, "estaba delicada, e non confesou outra cousa"; cadea perpetua.
PEDRO FERNÁNDEZ, "o vello", 71 anos, natural de
Portugal, mercador, confesa 4/5 anos na
Lei de Moisés, déuselle tormento, confesa 14 anos na Lei de Moisés; cadea
perpetua.
BEATRIZ MÉNDEZ, 50 anos, natural de Portugal,
muller do rexedor Xoán López Hurtado, negouno todo, atacou a algúns
denunciantes; a Suprema ordena que se lle dea tormento, que "venceu sen
confesar", aínda que logo recoñecu ter estado 9 anos na lei vella; cadea
perpetua.
FERNANDO MÉNDEZ, 23 anos, natural de Ribadavia,
fillo de Felipe Álvarez, confesa 9 anos na Lei de Moisés por ensinanza do seu pai; máis tarde proclama que a lei de
Moisés era a lei verdadeira, asinando como "Fernando Méndez señor David"; logo
cambia outra vez diciendo que quería morrer na santa fe católica, desculpándose
el mesmo por ser mozo de pouca idade; cadea perpetua.
SIMÓN PEREIRA, 26 anos, natural de Pontevedra,
estudiante de medicina, fillo de Antonio Pereira, administrador da sal do reino
de Galicia, confesa que estivo 7 anos como xudeu público en Pisa, onde se
circuncidou e adoptou o nome de Isaac, deu nomes doutros xudaizantes de
Galicia, Castela e Portugal; cadea perpetua [A poderosa familia de Simón
Pereira chega, en 1609, a un acordo
económico polo que Simón troca a cadea perpetua pola liberdade inmediata sen
ter sequera que levar sambenito]
ANTONIO MORAIS, "o paseador", 43 anos, natural de
Ribadavia, vive da súa facenda, estivo negativo, se lle deu tormento, confesou
14 anos na Lei de Moisés; cadea
perpetua.
PEDRO FERNÁNDEZ, "o mozo", 39 anos, natural de
Ribadavia, confesou 6 anos na Lei de Moisés e ser descendente de xudeus; cadea
perpetua.
ANTONIO VÁZQUEZ, 26 anos, natural de Ribadavia,
médico, confesou ter estado dubidoso entre a Lei de Moisés e a Lei de Xesús
Cristo, e ser descendente de xudeus; anuncióuselle tormento e confesou 3 anos
na Lei de Moisés; cadea perpetua.
GASPAR ÁLVAREZ, 20 anos, estudiante de dereito,
fillo de Felipe Álvarez, confesa 7 anos na Lei de Moisés por ensinanza do seu
pai, e ser descendente de xudeus, finxe estar tolo, cambia varias veces a
declaración; cadea perpetua.
FELIPE ÁLVAREZ, 60 anos, natural de Tamaguelos
(Verín), boticario, é o máis nomeado polos restantes procesados; ó principio
soamente confesou descender da "nación
hebrea", logo recoñeceu ter vivido 23 anos na Lei de Moisés, na que educou os
seus catro fillos, tamén presos (os inquisidores ensináronlle as
declaracións delatando ó pai); con todo a Suprema ordenou que se lle dese
tormento; condenado a morte (relaxado en persoa).
[Felipe Álvarez facía de rabino
dos xudeus de Ribadavia, que se reunían na súa casa; tiña a plena confianza do
Concello, moi influído polos xudaizantes, e da Coroa, pois, ademais de
boticario, era arrendador do imposto sobre os comestibles (sisa). Dispoñía así
dun grande capital, que estaba fóra do alcance da Inquisición. Felipe logra
salvar a vida pagando 11.000 reás en
dous prazos, segundo un coñecido pacto subscrito en 1612 co Santo Oficio, unha
vez que os seus perseguidores Ochoa e Cuesta foran botados de Galicia e
inhabilitados].
ANTONIO MÉNDEZ, 21 anos, natural de Ribadavia,
fillo de Felipe Álvarez, estivo negativo; a Suprema ordenou que foxe condenado
a morte logo de ser sometido a tormento;
relaxado en persoa [Supoñemos que o pacto económico co seu pai incluíu a súa
vida].
AUTO PARTICULAR DE FE
22 de febreiro de 1609
Igrexa Catedral
Santiago de Compostela
MARÍA VÁZQUEZ, 60 anos, natural de Ribadavia,
viúva de Lucas Rodríguez, mercador, estivo negativa, déuselle tormento,
acordouse "mandarla desnudar y ponerla en el potro, por ser tullida y vieja...
se le dieron dos vueltas, una en cada brazo, y no confesó cosa ninguna"; 1 ano
de cadea e pago de 50.000 mrs. para gastos do Santo Oficio.
ISABEL RODRÍGUEZ, 15 anos, natural de Ribadavia,
filla de Fernando Álvarez, "o vello", delatada, entre outros, pola súa nai,
confesa que esta, Catalina de León, e a súa avoa, Isabel Rodríguez, lle
mandaron facer certos ritos que cumpriu sen saber o que eran; presa nos
cárceres secretos confesa ter vivido pouco máis de 6 meses na Lei de Moisés;
condenada a 6 meses de cadea no lugar que lles parecese ós inquisidores [Véxase
documento na vitrina].
FELIPA
RODRÍGUEZ, 17 anos, natural de Ribadavia, filla de Fernando Álvarez, "o
vello", confesa o mesmo que a súa irmá, "fue recluida en las secretas y no
confesó tan presto como su hermana"; 1 ano de cadea onde ordenaren os
inquisidores.
ISABEL DE MORAIS, 26 anos, natural de
Salvaterra, viúva de Antonio de Sousa,
escribán, filla de Xerónimo Morais e Blanca Coronel, confesou que por ensinanza
da súa nai estivo 8 anos vivindo na lei vella; 2 anos de cadea.
GRACIA DE SOUSA, 40 anos, natural de Pontevedra,
muller de Antonio Vázquez, mercador, delatada, entre outros, polo seu marido,
confesa 14 anos na Lei de Moisés por ensinanza da súa sogra; déuselle tormento
e ó "mandarla desnudar" confesou algunhas outras cousas "de poca sustancia"; 2
anos de cadea.
CATALINA DE LEÓN, 32 anos, natural de
Ourense, muller de Fernando Álvarez "o vello", xa xulgado e reconciliado
(confeso, "voltou" ó seo da Igrexa), delatada, entre outros, polo seu marido e
as súas fillas, acusada de ocultar bens e pretender fuxir de Ribadavia;
confesou 12 anos na Lei de Moisés, térllela ensinado ás súas fillas Isabel e
Felipa, e ser descendentes de xudeus; cadea perpetua.
ÁLVARO VÁZQUEZ, 69 anos, xastre, natural de
Valença do Miño, veciño de Ourense (único procesado que non é
ribadaviense), acusado de ocultar bens e
facilitar a fuxida de xudaizantes de Ribadavia, confesa ser descendentes de
xudeus e familiar de procesados e fuxidos ribadavienses, así como ter vivido 5 días na Lei de Moisés; o seu
letrado oponse ó tormento por ser "hombre enfermo, quebrado y de mucha edad";
pola contra os médicos da Inquisición din que ben se lle pode dar tormento;
unha vez no poldro confesa 10 anos na Lei de Moisés, delata á súa muller e a
outros "cómplices"; cadea perpetua e 200 azoutas na rúa pública "por revocante
y variar en sus confesiones".
NOVAS ACUSACIÓNS CONTRA VECIÑOS DE RIBADAVIA,
ALGÚNS DELES RECONCILIADOS EN ANTERIORES AUTOS DE FE
ANTONIO PEREIRA, xenro de Pedro Fernández,
reconciliado, acusado de ocultar bens dos procesados, de facilitar a fuxida de
Diego Fernández, de Enrique Coronel e do médico Pina, e de participar nas
reunións secretas da casa de Felipe Álvarez. Suspenso.
ANTONIO DE MORAIS, ferreiro, reconciliado, acusado
de seguir comendo carne purgada e de botar os restos con sangue (prohibidos
polo xudaísmo) na ola dos criados. Suspenso.
ALONSO RODRÍGUEZ DE MORAIS, defunto, pai de
Xerónimo (reconciliado), Antonio (reconciliado) e Enrique de Morais, acusado de
chamarlle "puta" a unha criada que nomeou a Xesús na súa presencia; foron
buscar a criada pero "no la habían hallado"; acórdase que se mire se hai máis
testificacións para proceder contra a súa memoria e fama.
FRANCISCO DE CHAVES, 53 anos, natural de Ourense,
boticario, acusado por tres reconciliados, e polo malsín Bautista de Mena, de
vivir na Lei de Moisés, estivo negativo, devolvéronselle os bens e foi absolto.
AUTO PARTICULAR DE FE
8 de setembro de 1610
Igrexa Catedral
Santiago de Compostela
Este Auto que termina co proceso de Ribadavia tiña
como fin manchar a memoria e a fama de catro importantes xudaizantes xa mortos:
BLANCA VÁZQUEZ, defunta, natural de Vila Flor,
muller de Fernán Xerónimo, acusada por 7 cómplices reconciliados de ensinar a
Lei de Moisés, os seus ritos e cerimonias, relaxada (queimada) en estatua.
ANA MÉNDEZ, defunta, muller de Gonzalo Vázquez,
tamén defunto, acusada por 7 cómplices xudaizantes de ensinar os ritos e
cerimonias da Lei de Moisés, e de ser responsable de que botasen de España a un
xudaizante [Xerónimo Bautista de Mena], co fin de evitar que os descubrisen...;
relaxada en estatua.
MARCOS LÓPEZ, defunto, avogado, acusado por 13
cómplices xudaizantes de ensinar por unha Biblia hebrea que tiña os ritos e
cerimonias da Lei de Moisés, e de dar cartos para botar de España a un
xudaizante que podía descubrilo; relaxado en estatua.
XERÓNIMO BAUTISTA DE MENA, defunto [apareceu morto
durante o proceso], mozo solteiro,
descendente de xudeus, descubriu espontaneamente a "complicidade" dos
xudeus da vila de Ribadavia, confesara que lle deron cartos para saír de España
a aprender a Lei de Moisés nas sinagogas de Venecia, Pisa e Salónica; acusado
por 16 cómplices xudaizantes de ensinar os ritos e cerimonias da Lei de Moisés
con escrituras sagradas; relaxado en estatua.
RITOS E CERIMONIAS
A
partir da expulsión de 1492 os xudeus que ficaron en Ribadavia tiveron,
naturalmente, dificultades para levar a cabo os ritos e cerimonias da súa
relixión, que 100 anos despois se transformaron en actividades perigosas.
Os
contactos coas sinagogas europeas, a inmigración portuguesa, a posesión dalgúns
libros sagrados, favoreceron o coñecemento na clandestinidade dos preceptos
xudeus, que os xudaizantes procuraban ensinarlles ós mozos e mozas, aínda que
eran conscientes de que non podían cumprir as regras de conducta xudía como
antigamente: os máis novos desexaban precisamente fuxir ó estranxeiro para
facelo libremente.
Non
sempre podían os xudaizantes descansar os sábados, facer os xaxúns ou comer de
acordo coa lei de Moisés. Cando o facían, sobre todo no tempo da Inquisición,
arriscaban os seus bens, a liberdade e integridade física deles e das súas
familias. Deste xeito actividades normais, cotiás en calquera relixión,
convertíanse en actos heroicos, en auténticos actos de fe. Os rituais dos
xudeus eran proba de súa fidelidade ó Deus de Moisés pero tamén o instrumento da Inquisición para a súa
inculpación e condena. Gracias este paradoxo, as actas do proceso de Ribadavia
permítenos saber cómo vivían os conversos de Ribadavia o xudaísmo, a relixións
dos seus maiores, na clandestinidade no século XVII.
Sabat. O sábado para os xudeus vén sendo
como o domingo para os cristiáns: día santo de descanso e oración. Os venres á
noite os xudaizantes de Ribadavia prendían velas e candís e cambiaban as sábas. Ó día seguinte non
traballaban, vestían roupa de festa e reuniánse máis ou menos secretamente para
oraren na casa do rabino Felipe. Insisten unha e outra vez os inculpados en que
poñían camisas, colos e cofias limpos, os seus mellores vestidos, o que non
pasaba despercibido para os seus veciños cristiáns, habituados á tolerancia desde moi antiguo, que facían o
mesmo ó día seguinte, mentres os xudaizantes voltaban ó traballo.
Yom Kippur. É a celebración máis solemne
do calendario xudeu e ten como finalidade pedir perdón polos pecados. Consistía
en Ribadavia nun día de xexún sen traballar, chamábanlle o "ayuno grande",
tamén "ayuno de setiembre" ou "ayuno das vendimas". A tradición dicta que este
Dia do Perdón tiña que vir precedido por 10 días de penitencia, a partir do Ano
Novo: ámbolos dous días cadraban en setembro ou octubro. Os xudeus de Ribadavia
reducían esta festa relixiosa a un día de xexún no tempo da vendimias, a 10
días da lúa de setembro, repetían. Pola súa importancia servía para iniciar ós
máis novos ó xudaísmo, algúns deles mesmo cumpriron con este precepto na cadea
da Inquisión en Compostela. Existe, desde logo, unha relación entre a festa
grande xudía de setembro, a celebración
da Virxe do Portal, e a "Festa da Istoria": festexos que se van superpoñendo no
tempo e que teñen como denominador común a coincidencia coa recollida das uvas
no Ribeiro.
Pascua. A festa da pascua xudía (pésah) ten lugar en marzo ou abril:
durante 8 días se rememora a liberación do pobo de Israel da escravitude en
Exipto. Os xudeuconversos de Ribadavia celébranna, a partir do día 14 da lúa de
marzo, absténdonse oito días de calqueira obra servil, comendo pan sen levadura
e año pascual.
Oracións. Recitaban na casa, ou nas reunións
comunitarias, oracións xudías como Adonay,
Amida ou Semá. A Semá era a máis
importante, estaba formada por pasaxes bíblicas que proclamaban que Deus era
único. Os xudeus non crían na Santísima Trindade, nin que Cristo fose fillo de
Deus; por iso cando recitaban na igrexa da Magdalena os Salmos de David omitían
o "Gloria Patri", segundo lles confesaban ós inquisidores. Aínda que rezaban
sen maior problema o Pater Noster, non así, naturalmente, o Credo e a Ave
María. Vivían entre as dúas relixións, aínda que para eles só unha era a
verdadeira.
Comidas prohibidas. A Torá prohibe uns
alimentos e manda preparar outros de determinado xeito. Os xudaizantes de
Ribadavia tentaban cumprir con estes preceptos de orixe bíblica, a pesar de non
dispor de establecementos especializados en comida kasher. Non comían lebre, coello, porco, congro, lamprea e peixes
sen escamas. Nin tampouco sebo, touciños ou cousas con sangue, por iso tiñan
que purgar e esfolar a carne, quitándolle a "landrecilla", nas súas casas,
segundo recoñecían os seus torturadores.
Enterramentos. Non sabemos moito sobre o
ritual dos enterros dos xudeus de Ribadavia; con seguridade gardaban como en
case todo unha aparencia cristiá, sacado o caso dunha conversa ribadaviense que
pediu abertamente ser amortallada á maneira xudía. Coñecemos mellor o dó que
seguía á morte dun ser querido, especialmente se SE trata da nai, elemento
clave da transmisión familiar da fe xudía: os fillos estaban ata 19 días sen
comer carne. Xerónimo Bautista de Mena, nun intre de delirio mesiánico, tentou
resucitar a súa nai morta, para despois traicionala. Hai datos tamén dalgúns
ritos estraños como cortar as unllas dos pés da difunta ou poñer na boca dun
neno morto un grande "alxofre" (perla).
SINAGOGA E XUDERÍA
A
vida dos xudeus na Idade Media xiraba ó redor da sinagoga e da xudería. A
escasa documentación medieval conservada, no caso de Ribadavia, non achega
datos sobre a situación destes "lugares de memoria"; pola contra dispoñemos de
boas fontes posteriores á expulsión que fan posible a súa localización cun
mínimo de rigor histórico.
Desde
1522 (30 anos despois da conversión forzosa polos Reis Católicos) ata 1747,
podemos seguir a pista, no arquivo de
San Domingos, dunha coñecida casa que "fue tora de los jodíos en el tiempo que
solían bebir en la dicha villa" na rúa que baixa da Praza Maior á igrexa da
Magdalena.
Aínda
que a orde dos dominicos xogou un importante papel na Inquisición, a realidade
é que nos papeis do seu convento de Ribadavia se trata con respecto os xudeus
"que solían bivir en la dicha villa", e se achegan os únicos datos coñecidos
sobre o lugar onde habitaban: a rúa da praza vella, que baixaba da (actual)
praza maior á Magdalena, bautizada, despois de 1492, igual que otras vilas de
Castela e Aragón, como a rúa da Cruz, símbolo da inquisición contra os herexes.
Así e todo, é de admirar que os dominicos, recollendo sen dúbida a voz popular,
lle chamen no seus escritos, a pesar do traumático proceso do século XVII,
"calle de la judiaría" a rúa onde vivían maiormente os xudeus de Ribadavia. O
feito de que o nome estea en portugués pode gardar relación, probablemente, coa
presencia de portugueses entre os xudaizantes de Ribadavia, como noutros
lugares de Galicia.
Entre
1492 e 1606, entre a fin da liberdade relixiosa e o comezo da represión
inquisitorial, os xudeus de Ribadavia reuníanse algúns sábados, e outros días
festivos da súa relixión, nas casas
particulares dos seus dirixentes, que facían así de sinagogas clandestinas;
sabemos ben que se axuntaban na casa de Felipe Álvarez, boticario, arrendador
do imposto da sisa e home de confianza do concello. ¿Pode ser a mesma casa que o rabino Felipe vende en 1601, cando a
Inquisición empeza a moverse por Ribadavia, na praza da Magdalena? Seguimos investigando.
VITRINA
AUTONOMIA
Ourense, 16 de agosto de 1434
O prateiro Salomón comparece perante o xuíz
protestando porque se acordara o reparto dos tributos na cidade sen estar
presente un representante da alxamía (sorte de concello xudeu) como "era uso et
costume".
As comunidades xudías medievais gozaban de
autonomía en temas de relixión e ensino, xustiza e facenda, cumprindo as súas
obrigas co concello cristián a través das súas propias autoridades.
INFAMIA
Ourense, 3 de abril de 1441
O procurador do concello empraza o xuíz municipal
para que mantivese preso, ata que fose xulgado, ó xudeu Mosé Marcos, prateiro,
que dixera herexía e infamia contra Deus e Santa María, dicindo que María
parira tres veces...
A tolerancia en Galicia entre cristiáns e xudeus
encerra certo nivel de antisemitismo e de anticristianismo. Os xudeus non
aceptaban a virxindade de María nin a divindade do seu fillo, afirmacións
blasfemas para os cristiáns, aínda que non adoitaban ser perseguidas legalmente
durante a Idade Media.
No
caso que nos ocupa mediaban cuestións económicas: catro meses despois un grupo de notables
locais, xudeus e cristiáns, págalle ó dito procurador, a xeito de rescate, 600
marabedís "por Mosé Marcos".
INQUISIDORES
Auto de Fe
Catedral de Santiago
22 de febreiro de 1609
Isabel Rodrígues tiña 15 anos cando a prenderon
por practicar o xudaísmo, xunto coa súa nai, de 32 anos, e a súa irmá, de 17
anos. O seu pai xa fora sentenciado en 1608. Isabel presentouse voluntariamente
e confesou ter vivido seis meses na Lei de Moisés por ensinanza da súa nai e da
súa avóa. Foi condenada a "seis meses de
carcelería en la parte que pareciese a los inquisidores", comparecendo no Auto
de Fe de 1609.
¿Tentaban os inquisidores preservala de posibles
abusos na cárcere de Compostela? ¿Estaba realmente máis segura nas mans dos
inquisidores? Por desgracia non podemos responder afirmativamente. Ámbolos dous
Presidentes do Santo Oficio da Inquisición en Santiago serán expulsados de
Galicia, un ano despois, por andar con mulleres casadas e prostitutas, entre
outras corrupcións. Joan Muñoz de la Cuesta será así mesmo acusado de
corrupción de menores por seducir a dúas nenas da idade de Isabel, unha laica e
outra monxa profesa. Manuel Murguía xa denunciou, en 1888, este escuro aspecto
da persecución inquisitorial en Galicia, que engrandece a honorabilidade das
víctimas.
* Textos orixinais redactados polo autor en
2002 para a exposición permanente do Centro de Información Xudía, sito na Casa dos Condes en Ribadavia,
Galicia.