Publicado en

Mitos da historiografía galeguista*

 

                        Carlos Barros

Universidade de Santiago de Compostela

 

O nacionalismo galego rastrexa na historia a demostración do ser nacional de Galicia. Para afirmar a personalidade galega pon o acento nos feitos históricos diferenciais, busca un fío condutor dunha “Historia de Galicia” distinta da “Historia de España” oficial. Na súa intención ideolóxica, a historiografía galeguista non se separa da historiografía nacionalista en xeral.

 

Historiografía nacionalista

 

¿Que aportou o nacionalismo á historiografía?. Preguntas e problemas, investigacións e respostas, que enriquecen o coñecemento histórico ó facer emerxer un suxeito, a nación, que en bastantes casos aínda ocupa un rol secundario nos discursos historiográficos, especialmente cando se trata de nacións sen Estado. O que xa non é exactamente o caso de Galicia, Euskadi e Cataluña, toda vez que a asunción, nos últimos quince anos, de responsabilidades estatais por medio das súas institucións autonómicas, transformou en maior ou menor grao a ideoloxía nacionalista nunha ideoloxía oficial máis, aínda que en Galicia (en senso estrito o nacionalismo está aínda na oposición) o proceso está moi lonxe das cotas hexemonizadoras acadadas, por exemplo en Cataluña no proceso de reconversión ideolóxica.

A función necesaria do nacionalismo, isto é, dotar a unha comunidade dunha identidade colectiva e dunha conciencia solidaria dos seus intereses, potenciar o emprego e desenvolvemento do idioma e da cultura nacionais, descubrir e promover o coñecemento da historia propia, tras tócase no seu contrario cada vez que a reivindicación da nación traspasa o limiar do discurso racional.

Isto significa, no plano historiográfico no que se move este traballo, cando se inventa e manipula a historia ou se manteñen contra vento e marea interpretacións desafiuzadas pola investigación máis recente.

Os avances fundamentais da historiografía en España, durante as dúas décadas pasadas, socavaron as bases das vellas historias nacionais, referímonos á concepción da historia de España divulgada durante o franquismo e tamén ás historias de Galicia, Euskadi, Cataluña, refeitas e difundidas ó mesmo tempo, cando o centralismo da ditadura era o inimigo a bater. Se ben a orixe das trapalladas historiográficas está as máis das veces en autores do século XIX ou comezos do século XX, debedores dun baixo nivel dos coñecementos historiográficos.

O dilema de aceptar ou non as novas evidencias historiográficas que poden cuestionar mitos nacionalista, é máis político que historiográfico. O historiador non pode negar os resultados das investigacións sen renunciar á súa función (algúns o fan). O home político, menos urxido en seguir os ditados da ciencia, situado na curta duración, mide máis os custes políticos das desmitificacións. O historiador profesional que renuncia á súa función crítica moi mal servizo presta non só á historia, senón tamén ó nacionalismo, á historia do seu país. Un discurso político, un proxecto de reconstrución nacional, que non busque fundamento na verdade histórica, labra dende logo a súa propia derrota.

A necesaria desmitificación das historiografías nacionalistas non quere dicir, por tanto, rexeitamento da nación como tema de investigación académica, incluída a nación de nacións (o caso real de España; o caso virtual de Europa), máis ben o contrario. E para avanzar na recuperación e posta ó día das historiografías nacionais, o historiador ten de resistir presións deformadoras que veñen tanto do nacionalismo como do antinacionalismo que, por reacción e/ou ignorancia, négase sen máis a recoñecer feitos diferenciais obxectivamente demostrables e subxectivamente desexables (tamén polo historiador que pensa aínda que hai que estudiar o pasado para construír o futuro). Non se trata pois de predicar unha trasnoitada e inútil “neutralidade” do historiador, senón de animar discursos políticos nacionais e nacionalistas baseados en verdades historiográficas. Nada máis sinxelo, polo menos dende o punto de vista do historiador de oficio.

 

Entre a independencia e a integración

 

O problema que presentou sempre a historia real de Galicia á historiografía nacionalista é a feble tradición de confrontación de Galicia con Castela, o Estado español ou España. Trátase dunha peculiaridade nacional máis de Galicia, país que polo demais defínese historicamente, obxectiva e subxectivamente, pola continuidade dunha poboación sobre un territorio, por unha lingua, cultura e historia propias, por unha conciencia nacional, por unhas compartidas condicións de produción ó longo do tempo[1].

A conciencia nacional dos galegos manifestouse historicamente dun xeito máis positivo que negativo. Non é bo nin malo: é a patria que herdamos, que tentamos comprender, que reivindicamos, que queremos transformar. A falla dunha tradición independentista das clases dirixentes, sobre todo nas Idades Moderna e Contemporánea, fixeron do autonomismo e do federalismo o punto básico de referencia para os proxectos nacionalistas de Galicia. O nacionalismo galego nin foi nin é independentista, pero o que hoxe pode ou non debe ser, gustaría tanto que ó menos tivera ocorrido no pasado!

A inexistencia de Galicia no pasado como entidade política separada -coas excepcións medievais que mencionaremos- ten dificultado a construción dunha concepción histórica de Galicia por parte duns teóricos nacionalistas que procuraban, e non atopaban máis que escasa e circunstancialmente, na Galicia doutros tempos unha Irlanda ou unha colonia terceiromundista en loita pola súa independencia nacional. A frustración que iso supuxo está aínda presente no discurso nacionalista galego, obstaculizou ata agora unha xusta -isto é, complexa- valoración da real historia de Galicia, e en particular da tradición de revolta do pobo galego.

Durante os mil anos que van dende a implantación dos suevos en Galicia (411) ata a chegada con plenos poderes do gobernador Fernando de Acuña en nome dos Reis Católicos (1480), ¿existiu como tal o reino de Galicia?. Si, ó inicio da Idade Media como reino suevo de Galicia. A representación social de pertenza que tiñan os galegos, ó menos na Baixa Idade Media, máis aló da localidade ou xurisdición era o reino de Galicia, en todo caso como tal reino se identificaba Galicia na documentación real. A Galicia medieval foi un reino sen rei propio, un reino súbdito dos reis asturianos-leoneses-casteláns. Con todo, houbo breves e significativos períodos en que existiu un rei de Galicia: ben como consecuencia do reparto da herdanza dun rei cristián do occidente peninsular, ben como plataforma previa para a conquista da Coroa castelán-leonesa, herdeira da unificada monarquía goda que absorbeu Galicia no século VI. En ambos casos, o resultado final foi a reintegración de Galicia na monarquía castelán-leonesa, mais ademais diso, ditos movementos reflexaron con non menos claridade: a) a entidade política diferenciada de Galicia na Alta Idade Media, b) o empuxe independentista dun sector da nobreza, ó que se buscaba satisfacer a miúdo cando se nomeaba un rei para Galicia.

Entre o século V e o século XII os señores de Galicia oscilan pois entre o independentismo e a integración na monarquía occidental, entre as revoltas nobiliarias contra o seu soberano, o rei de Oviedo, León ou Toledo, e a procura da maior influencia na Corte. Con frecuencia ambas estratexias se unifican: as rebeldías nobiliarias de Galicia constitúen un aspecto da loita polo poder, e frecuentemente pola mesma Coroa, en Asturias, León e Castela[2]. Non obstante, ó fin a contradición de fondo agroma e, a inicios do século XII, a nobreza de Galicia escíndese: a) o seu sector máis independentista sepárase da Coroa castelán-leonesa formando, en 1128, o reino de Portugal coas terras da antiga Galicia bracarense (entre o río Miño e o río Douro); b) o seu sector máis integracionista mantén á antiga Galicia lucense (a Galicia actual máis as partes occidentais de Asturias e León) baixo o cetro castelán-leonés.

O conde de Traba e o arcebispo Xelmírez, proclaman en 1109 a Afonso Raimúndez como rei de Galicia (será o derradeiro), quen non moito despois, en 1126, co apoio e empuxe de Galicia, é proclamado rei de Castela e León co nome de Alfonso VII, Totius Hispaniae Imperator, non estando xa presente na súa coroación aquela nobreza galega meridional do condado portucalense que, dous anos despois, proclama a Afonso Enriques o primeiro rei de Portugal independente.

Liberada do seu sector separatista, a nobreza que optou por unha Galicia integrada na Coroa de Castela e León, como medio de pesar na política peninsular, aínda manifesta momentos de rebeldía na Baixa Idade Media. Nobres galegos participan do lado de Portugal nas guerras civís tardomedievais pola Coroa de Castela: 1366-1369, apoiando a Pedro I contra Enrique II; 1476-1479, apoiando a Xoana a Beltranexa contra Isabel a Católica. En ambos casos a derrota do bando portuguesista, reintegracionista (que vía o futuro de Galicia máis na unificación Castela-Portugal que na separación de Galicia), consolida a vella tendencia integracionista. A incorporación do reino de Galicia á España reunificada dos Reis Católicos resulta por tanto unha consecuencia “natural” da historia política da Galicia medieval. A clase feudal a través dun proceso complexo que dura toda a idade Media, e non sempre de bo grao (como a fins do século XV), afirma a integración como a mellor solución ós seus problemas de clase e ós problemas de Galicia. Pola banda dos burgueses e os campesiños do reino medieval de Galicia non imos atopar sequera os fugaces impulsos independentistas da nobreza: concentran tódalas súas enerxías no conflito social interno e perseguen sempre que poden a axuda do rei de Castela para suavizar ou eliminar o señorío eclesiástico (sobre todo as cidades) e o señorío laico (sobre todo os campesiños).

 

Mitos e feitos históricos

 

Os mitos da historiografía nacionalista galega son, na súa maior parte, de orixe medieval. Conforme a historia de Galicia se coñece mellor, os mitos caen e son substituídos por feitos verificados e interpretados con rigor. Este proceso está aínda por concluír. O retardado proceso de difusión e vulgarización das novas evidencias historiográficas dificulta a posta ó día do nacionalismo galego sobre a historia de Galicia. Outro obstáculo está no propio historiador profesional que ás veces deixou de facer preguntas presentadas pola historiografía galeguista.

Os mitos da historia de Galicia teñen un interese específico para o investigador, son parte imprescindible da historia intelectual e un aspecto valioso para unha historia galega das mentalidades colectivas. Pode que o imaxinario galeguista non exprese correctamente os feitos do pasado, mais reflexa fielmente a ideoloxía e os valores sociais -ademais da concepción de Galicia- dunha elite intelectual que non soamente mitificou o noso pasado, tamén o descubriu. A Galicia actual tivo os seus precursores en grandes intelectuais que agora debemos e podemos revisitar dende un enfoque crítico e sobre todo laico.

Repasemos os feitos históricos diferenciais que foron idealizados polos escritores e historiadores galeguistas co fin de reivindicar Galicia e mobilizar a conciencia dos galegos. En tódolos casos, pártese dun dato histórico real que, unha vez seleccionado, pasa usualmente por un proceso de reelaboración que vai dende a mera interpretación -en función da historia de Galicia que se quere construír- ata a invención. O descubrimento ou a revalorización de ditos fitos históricos basta, con todo, para xustificar un balance historiográfico altamente positivo da contribución historiográfica de los historiadores románticos e galeguistas. Os feitos diferenciais enumerados son á vez que mitos da historia imaxinaria de Galicia, momentos importantes da historia real de Galicia (moitos outros acontecementos non pasaron á lenda[3], por iso convén separar ó respecto o gran da palla, o dato da fábula.

1)Celtismo. Mito fundador de Galicia para Murguía e outros historiadores románticos, que buscaron na raza (aria) o signo orixinario da nación; “non pode sosterse na actualidade esta exclusividade céltica da poboación castrexa[4]. A complexa cultura dos castros xustifica plenamente a orixinalidade e unidade da Galicia pre-romana. O celtismo supuxo unha intuición clara do feito diferencial castrexo.

2)Monte Medulio. Ó relatar as guerras cántabro-astures, Floro e Orosio (seguindo seguramente o perdido libro 35 das Décadas de Tito Livio) dedican unhas palabras para dar nova de como un numeroso grupo de “bárbaros” cercados no Monte Medulio, preto ó río Miño, e incapaces de aturar o asedio e de ir á batalla contra os romanos, suicídanse “case todos”…”por temor á escravitude”. A esta visión dos vencedores que insinúa a cobardía dos guerreiros galaicos, opón o galeguismo a lenda[5] dos “celtas galegos” que preferiron “morrer no Monte Medulio a deixarse domeñar polo poderío de Roma”[6].

Esta glorificación do suicidio colectivo como o xeito máis sublime de loitar por Galicia, informa dun trazo  fatalista que é moi característico do vello nacionalismo galego. Por suposto que o loable como tradición combativa (en termos contemporáneos) é a resistencia das tribos galaico-astur-cántabras á ocupación romana, non é o mal exemplo que supón a fuxida do inimigo, e das consecuencias dunha posible derrota, morrendo voluntariamente e deixando inermes a familiares e veciños fronte ás tropas invasoras.

3) Prisciliano: fundador dun movemento relixioso que tivo gran difusión en Gallaecia (no pobo e tamén no clero) durante máis dun século, sobre todo despois da morte por decapitación o ano 385 de Prisciliano, por inmoralidade e maxia, en Tréveris por orde do emperador Máximo. É o primeiro herexe condenado a morte polo brazo secular.

O priscilianismo constitúe o feito diferencial máis importante da historia de Galicia no plano da relixiosidade popular e culta. O galeguismo reivindica a Prisciliano potenciando o seu recordo como mártir[7], ó igual que os seus seguidores no século V e VI. Son indubidables as orixes xudeu-cristiáns da predilección polos mártires como factor pedagóxico da intelectualidade galeguista. Prisciliano inicia unha lista que remata no verao de 1936 coa morte de Alexandre Bóveda, dirixente do Partido Galeguista.

4) Suevos. Durante cento setenta e catro anos (411-585) os invasores suevos crearon un reino aparte -por primeira vez- nas terras e coas xentes da antiga provincia romana de Gallaecia[8], con capital en Braga; pódese dicir que é a fundación de Galicia como entidade política; é o período máis prolongado en que Galicia desfrutou de independencia institucional. O “primeiro reino católico da península”[9], rivaliza na bibliografía galeguista coa Galicia celta na función creadora da nacionalidade galega[10]. A incorporación militar do católico reino suevo á monarquía hispano-goda, obra do arriano rei Leovixildo, senta o primeiro precedente integracionista da Galicia medieval. Pese ós laios pola súa destrución final -“infortunada Galicia”, lamenta Murguía[11]– a idealización galeguista do reino suevo tivo en xeral un ton positivo. Ante o dato da prolongada independencia, pasou a un segundo plano a integración forzada na Hispania goda.

5) Santiago. Sen dúbida o maior mito da historia de Galicia, que o culto xacobeo transformou nunha tradición española e europea que dura xa once séculos. Non se probou que o corpo de Santiago o Maior corresponda cos restos atopados cara os anos 20 do século IX nun sepulcro romano, no lugar onde despois se edificou a actual capital de Galicia[12]. A longa duración da crenza colectiva na predicación, translación e enterramento do Apóstolo Santiago en Galicia, e a acción da Igrexa e da monarquía, produciu tales realidades históricas, relixiosas e culturais, económicas e políticas, en col a Santiago e ó Camiño de Santiago, que a vella polémica sobre a invención do sepulcro quedou relegada. O historiador actual evita intervir  nela e parte do sobresaínte feito histórico que supuxo e supón para Galicia o culto xacobeo e as súas consecuencias materiais[13].

Certamente o mito de Santiago non é unha invención de historiadores, elaborado no século IX convértese en si mesmo nunha verdade histórica que o historiador está obrigado a recoñecer. Non obstante, subsiste o dilema -principalmente político- sobre se o historiador debe exercer ou non a súa función crítica en relación co carácter incerto e lendario das orixes da tradición xacobea. En todo caso, o incerto da existencia dos restos apostólicos na edícula descuberta non afecta á realidade da crenza colectiva secular.

Que xuízo mereceu para a historiografía nacionalista a inventio xacobea? O catolicismo de boa parte dos teóricos galeguistas animou a reivindicación de Santiago como enseña de Galicia: “a invención do corpo do Apóstolo -¿Prisciliano ou Sant-Iago?- fixo da nosa Terra un centro de universalidade”[14]. En 1920 as Irmandades da Fala institúen a festa do apóstolo, o 25 de xullo, como o Día de Galicia. A pesares de todo, o Castelao republicano (que non deixa de se facer eco da tradición alternativa priscilianista) desmárcase do Santiago guerreiro, matamouros, Patrón das Españas, e xulga que foi un grave erro o papel asumido por Santiago, en nome de Galicia, na Reconquista “que soio redundaría en proveito e groria de Castela”[15], facendo culpable a Santiago -e ó renacemento urbano medieval- do retroceso do independentismo medieval[16]. Esta ambivalencia (Santiago galego e universal, si; Santiago e pecha España, non) volta a se producir con outros mitos da historiografía galeguista (Xelmírez, nobreza do século XV, irmandiños).

6) Xelmírez. A Historia Compostelana permitiu coñecer excepcionalmente ben a vida e obra do arcebispo de Santiago, Diego Xelmírez, en defensa da Igrexa compostelá e de Galicia, e o seu rol na política castelán-leonesa da primeira metade do século XII. Murguía escribiu un libro laudatorio que case supera á Historia Compostelana, pois enxalza a Xelmírez como a máis grande figura pública da España medieval, verdadeiro líder do pobo (esquece a revolta comunal de 1116-1117) e artífice da grandeza da Galicia plenomedieval[17]. Sen este ton haxiográfico outros autores viñeron confirmar máis recentemente a personalidade salientable de Xelmírez[18]. Claro que o contexto de plenitude feudal, económica, política e cultural, polo que atravesa Santiago, o Camiño francés e Galicia no século XII, é a primeira causa dos éxitos de Xelmírez; esta dimensión das grandes individualidades como produto dunha época, omítese xeralmente en beneficio dunha concepción do devir histórico que prima ás grandes personalidades e os feitos políticos. A desmitificación de Xelmírez pasa pola súa contextualización, ademais de pola obxectivación das fontes.

En realidade non é, de novo, a historiografía a que mitifica a figura de Xelmírez, Nuño, Hugo e Xiraldo, os cóengos autores da Historia Compostelana, os responsables. E o historiador dificilmente escapa do influxo da Historia e dos datos que ofrece, en todo caso interpretables.

Castelao, critica a Xelmírez dicindo que “a política deste gran cacique galego fanou irremediablemente a nosa independencia”, “por engrandecer a Sede compostelán matou o pulo intuitivo de Galiza, entregándose á sorte de Castela”[19]. Todo por causa de que o arcebispo de Santiago non quixo manter a Afonso Raimúndez como rei de Galicia e promoveuno a rei de Castela e León, a acusación é de traizón a Galicia; négaselle incluso a condición de mártir galeguista[20]. Un capítulo máis do desencanto nacionalista coa secular tendencia da historia de Galicia a se integrar na historia de España, dando as costas ó espírito da independencia.

Este xuízo crítico en absoluto borrou a Xelmírez do imaxinario colectivo galego. Primeiramente pola habitual dobre postura de sentir orgullo dos logros de Galicia e dos seus fillos (dende Prisciliano a Pablo Iglesias[21]), que é o que primeiro chega ó gran público, á vez que se cuestiona o que fixeron e como o fixeron en función da historia ideal de Galicia concibida polo nacionalismo contemporáneo (apreciacións de circulación máis restrinxida). E, en segundo lugar, porque a influencia crítica de Sempre en Galiza (escrito entre 1935 e 1947, durante a II República, a Guerra Civil e o exilio) é recente, se ben atopamos na chamada “biblia” do galeguismo o discurso máis elaborado da historia nacionalista de Galicia. O papel capital de Sempre en Galiza na resistencia cultural antifranquista e na reconstrución democrática do galeguismo político, está fóra de toda dúbida.

7) Portugal. Portugal é para o nacionalismo galego a oportunidade perdida de Galicia. O mito galeguista de Portugal encarna o que debeu ser a historia medieval de Galicia: afastarse de Castela e vivir independentemente. Celébrase o nacemento de Portugal, con toda razón, como un triunfo da nacionalidade galega: “Trunfamos en Portugal, despois de mortos”; “unha gran parte de Portugal é un retallo saído de Galiza”; “Así nasceu Portugal: nun anaco de terra galega”[22]. Lamentando que Galicia enteira non seguira o camiño da separación no século XII: “a Portugal faltoulle Galiza e nunca chegou a ser unha nación tan forte como Castela”[23]. Preconízase para o futuro a reintegración: “é seguro que a Galiza e Portugal se axuntarán algún día[24].

8) Os irmandiños. Redescoberta e enxalzada como “la epopea más grande y admirable” (Vicetto[25]), a revolta popular de 1467-1469 foi bautizada e divulgada cun diminutivo afectivo: os irmandiños (Risco, Vicetto). Mais ó tempo que se eleva ós altares da patria, a mitificación nacionalista recrea -bebendo en fontes nobiliarias- a revolta dos irmandiños como unha gran desfeita, o paradigma imaxinario da gran derrota histórica de Galicia, apreciación que contradí a opinión dos seus protagonistas e espectadores, e dos seus descendentes[26], así como os datos documentais do final da revolta[27]. A prazo medio e longo hai poucas dúbidas, na nosa opinión, da vitoria social e política dos irmandiños, no cadro da transición da Idade Media á Idade Moderna, se temos en consideración o que podía conseguir unha revolución antiseñorial a fins do século XV.

9) Mariscal Pardo de Cela. A sublimación de Pedro Pardo de Cela ten lugar a raíz da súa morte violenta a mans dos enviados dos Reis Católicos (1483); e primeiramente corre a cargo dos seus achegados e vasalos fieis, e xa contemporaneamente é a historiografía galeguista quen simboliza en Pardo de Cela unha inexistente Galicia tardomedieval independentista dirixida pola súa nobreza. Máis adiante estudiaremos en detalle a realidade histórica do mariscal e a orixe do mito, sen dúbida un bo exemplo da reconstrución ideolóxica nacionalista.

10) Reis Católicos. Satanizados como os artífices da “doma e castración do reino de Galicia”, da imposición do idioma castelán, o centralismo e a colonización de Galicia. A historiografía actual ten de matizar estas apreciacións sumarias en aspectos capitais como a base popular da reimplantación monárquica en Galicia (na primeira metade do seu reinado) e a dimensión confederal e autonomista do Estado dos Reis Católicos.

Castelao que recoñece ambas cuestións, trata de “quintacolumnismo” a tendencia popular a apoiarse nos Reis de Castela contra a nobreza galega[28], e ten en conta só como argumento para o debate o senso federalista do testamento de Isabel a Católica[29].

Despois de tres séculos en que o “instinto de conservación” dos galegos estivo “adormentado polos fracasos”[30] vén o Rexurdimento do século XIX. Un renacemento da lingua e a literatura galegas, un contexto de reivindicación cultural e política de Galicia, que fixo realidade a matriz do que sería a historiografía galeguista e a historia de Galicia.

11) Guerra da independencia. A guerra da independencia é, por unha banda, motivo de orgullo polo heroísmo dos galegos, “os primeiros en vernos libres de franceses i sermos os únicos hespañoes que mereceron o asombro de Wellington”, e non obstante, como é habitual, o seu desenlace causa a decepción galeguista porque a autonomía e unidade administrativa galega conseguida arredor da “Junta Superior del Reino de Galicia” resultou anulada pola división provincial de 1833[31].

12) Mártires de Carral. O pronunciamento liberal de 1846 dirixido polo comandante Miguel Solís (que non era galego) merece a atención do nacionalismo en razón da súa envergadura, pola participación nel dun grupo de estudantes provincialistas (encabezados por Antolín Faraldo, que logo tivo que exiliarse) e polo final de Solís e os seus compañeiros, fusilados en Carral o 26 de Abril. A revolta deuse a coñecer non tanto pola insurrección en si, ou pola constitución da “Junta Superior de Galicia”, como pola súa derrota final: os “Mártires de Carral”. En liña sempre co fatalismo que impregna esta primeira visión tradicional da historia de Galicia. O pretendido independentismo galego do levantamento xa foi desmitificado pola investigación[32].

 

Idade Media, idade de ouro

 

A maioría dos mitos históricos que comentamos refírense á Idade Media, obxectivamente o período histórico de maior relevo para a nacionalidade galega dende diversos puntos de vista: nacemento e oficialidade da lingua, época dourada da literatura, individualización política, influencia internacional, clases sociais e formación social diferenciadas. Galicia é unha nación formada na Idade Media, e iso refléxase amplamente na obra dos nacionalistas galegos[33] cunha filosofía histórica de Galicia que é debedora dun ciclo de vida-morte-resurrección que nos remite de novo ó cristianismo, e toma implicitamente como referencia ó valor máis sólido e permanente da nacionalidade galega: o idioma, a cultura.

A vida é a Galicia medieval, a morte sobrevén ó entrar na Idade Moderna da man dos Reis Católicos e a resurrección prodúcese na romántica segunda metade do século XIX. O Rexurdimento é un movemento cultural (Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez) que inclúe tamén as dúas primeiras historias de Galicia, escritas por Benito Vicetto e Manuel Murguía, que máis aló do seu valor historiográfico, “foron a base do nacionalismo galego”[34].

O eclipse da Idade Moderna na concepción nacionalista da historia de Galicia explícase ante todo, ademais de pola definitiva integración de Galicia en España, pola marxinación e o abandono oficial da lingua, refuxiada na cultura popular e oral durante catro séculos, e a desaparición da literatura galega ata o Rexurdimento, cun contido romántico (antimodernista) que animaba á busca e promoción da “alma” de cada pobo e a volta á Idade Media. Fronte ás 132 páxinas que dedica Vicente Risco na súa Historia de Galicia[35] á Idade Media, despacha os séculos XVI-XVIII en 28 páxinas. O desenvolvemento dunha historiografía renovada centrada na historia económico-social devolve ó Antigo Réxime galego o seu esplendor nos anos 70 e 80. O carácter tradicional da historiografía nacionalista galega, preocupada pola historia das elites máis que pola historia popular, pola historia política máis que pola historia económica e social, pola historia intelectual máis que pola historia das mentalidades, está na base da debilidade das súas formulacións, e a súa posta ó día urxe xustamente para salvar e desenvolver o que foi a súa aportación máis relevante: o descubrimento dunha historia de Galicia. O carácter fragmentario e heteroxéneo das voluminosas historias de Galicia que están a publicarse hoxe en día, demostra que o que gañamos en rigor perdémolo en sustancia: falla o fío condutor -e o empeño divulgador- presente nas historias nacionalistas. De xeito que aínda podemos deprender algo delas (a condición de criticalas, de non veneralas como se de textos sagrados se trataran).

No esquema historiográfico nacionalista o momento fundamental que explica o posterior asoballamiento de Galicia son os acontecementos da segunda metade do século XV: 1) “derrota” da revolta irmandiña, 2) decapitación do nobre “independentista” Pedro Pardo de Cela, 3) “doma e castración do reino de Galicia” por parte dos Reis Católicos. Tres mitos interrelacionados que constitúen un sistema básico para comprender a concepción de Galicia e da historia de Galicia elaborada polo nacionalismo galego contemporáneo. O punto de inflexión século XV/século XVI marca a transición entre a Idade Media e a Idade Moderna e é, sen dúbida, esencial para discernir as orixes da Galicia contemporánea.

Imos ter en conta principalmente as obras de Benito Vicetto, Manuel Murguía, Vicente Risco, Ramón Villar Ponte e Alfonso Rodríguez Castelao. Todos eles escritores que, nun momento dado, dedícanse á historia levados polo seu patriotismo, polas súas inquedanzas políticas. Unha primeira explicación do exceso de mitificación está na falla de fontes e no baixo nivel metodolóxico e historiográfico da disciplina histórica, o que é especialmente certo no século XIX. Case un século despois Castelao acusa a existencia de posicións críticas cara a historia romántica de Galicia, mais as propias necesidades do proxecto nacionalista -tal e como el o entendía- levárono a manter o conxunto dos mitos acumulados dende Vicetto.

Por outra banda, ó ser o obxectivo das historias de Galicia a divulgación, a formación dunha conciencia nacional entre os galegos a través da historia, os nosos autores de ficción e xornalistas acudían unha e outra vez á simplificación, potenciando os trazos máis susceptibles de idealización e pedagóxicos; unha segunda explicación da persistencia da mitoloxía histórica galeguista máis alá das evidencias historiográficas. Hoxe cremos é factible unha alta divulgación da historia, xunto coa súa función formativa, sen caer nas mistificacións.

 

Nostalxia nobiliaria

 

Quitando a tendencia integracionista da clase dirixente, non hai acontecemento que obxectivamente perturbara máis o deseño nacionalista dunha Galicia medieval emancipada, que a revolución irmandiña. Revolta popular, campesiña e cidadá, que gobernou Galicia entre 1467 e 1469, apoiada por unha gran parte da Igrexa e por sectores da fidalguía, contra os señores das fortalezas (sobre todo, a gran nobreza laica). Os chamados irmandiños foron enaltecidos pola historiografía galeguista á vez que incomprendidos e ata criticados, especialmente a causa de ter derrotado e debilitado para sempre á nobreza galega, clase social destinada a asumir o volkgeist galego no medievo. Sendo o pobo galego parte principal da nación, celébrase a súa rebeldía heroica, mais cuestiónase a oportunidade (revolta prematura) e ata os seus obxectivos antinobiliarios (serven ós intereses do centralismo en cernes). Esta interpretación tendenciosa chegou ó gran público dun xeito simple, segundo xa dixemos, mediante unha imaxe derrotista da revolta.

Nun principio, a historiografía romántico-liberal axuíza negativamente á nobreza feudal do século XV, adoptando o punto de vista da Galicia da época, fins do século XV e comezos do século XVI, maioritariamente favorable ós irmandiños (segundo as fontes populares, eclesiásticas e reais; a opinión minoritaria está representada sobre todo polos nobiliarios).

Benito Vicetto fai na súa Historia de Galicia unha continua apoloxía dos vasalos e burgueses fronte ó clero e a aristocracia[36], se ben pode máis o seu anticlericalismo que o seu antinobiliarismo, sobre todo se a súa idea de Galicia está por medio. Di Vicetto dos irmandiños: “debemos saludar con emoción la memoria de los villanos que se levantaron en aquella guerra para lidiara contra la tiranía de sus señores de soga y cuchillo[37]. De quen foi o re-descubridor dos irmandiños como feito histórico[38], non podemos esperar grandes loanzas á nobreza feudal, mais si por razóns nacionalistas a algúns dos seus membros (Pardo de Cela, Conde de Camiña) que, segundo o noso primeiro historiador galeguista, puxeron en práctica o espírito independentista da nobreza sueva…

Manuel Murguía cuestiona acerbamente a lixeireza de Vicetto que en Los Hidalgos de Monforte (1851) inventa a un Pardo de Cela dirixente irmandiño e a unhas irmandades en loita pola independencia de Galicia, caracteriza a revolta dos irmandiños como loita de clases, condena á nobreza baixomedieval galega e celebra a vitoria irmandiña sobre a servidume, en dúas obras clave: De las guerras de Galicia en el siglo XV y de su verdadero carácter  e o Discurso Preliminar (1865) da súa Historia de Galicia[39]. Pero ó final tamén Murguía condiciona, máis matizadamente que Vicetto, o seu discurso historiográfico ó seu discurso político.

Nun principio o radical antinobiliarismo de Murguía,  membro mozo do partido progresista, non distinguía nacionalidade: “Lo mismo que la nobleza de Castilla, era la de Galicia altanera, dura y ambiciosa; lo mismo que aquélla tuvo ésta su día de poder y su día de desgracia, su apogeo y su cénit”; a decadencia da nobreza feudal era para Murguía, ó igual que para a maioría dos galegos da época baixomedieval, motivo de ledicia: “antes de desaparecer lanzó sus más vivos y siniestros resplandores sobre la tierra[40]. Despois da revolución de 1868 e da I República, Murguía modera o seu discurso político[41]; entón o tema dos irmandiños desaparece das súas obras (véxase por exemplo, Galicia, 1888, e El regionalismo gallego, 1889), salvo como incidental pano de fondo da batalla entre nobreza galega e Reis Católicos. Sen abandonar o liberalismo nin se deixar arrastrar polo carlismo, Murguía senta as bases conceptuais dun rexionalismo conservador nos seus traballos sobre o rexionalismo galego de 1889 e 1890, situándoo por riba dos partidos[42], que vai influírna súa reconstrución da historia de Galicia. Dos nobres galegos do século XV opínase xa doutro xeito, pasan de ser os inimigos dos irmandiños ós inimigos dos Reis Católicos, os cales manipulan a “hostilidad de nuestro pueblo contra la nobleza gallega, que fue el modo más seguro de vencerles a todos”[43]. Este cambio de partido xustifícase pola convicción de que a nobreza era “por ciencia refractaria a Castilla[44]. A pesares do cal, Murguía non esquece as súas posicións xuvenís (tiña 28 anos cando escribiu o seu traballo en col dos irmandiños e 35 cando toma parte da “Junta Revolucionaria de Santiago” durante a revolución de 1868), e rememora a orixe popular e antinobiliaria da “Junta del Reino”, e di: “en tal manera que los nobles intentaron constituir otra [Junta del Reino] que les fuese privativa pero que tuvo la vida de las rosas, porque no representaba los intereses generales de Galicia y sí sólo los de una clase[45]. Este circunstancial retorno á loita de clases está moi subordinado a unha toma de posición central pro-nobreza que rematará por se impoñer na historiografía nacionalista. Con todo interesa hoxe recobrar este punto de vista popular da emancipación de Galicia, o recoñecemento de que a fins da Idade Media era o pobo irmandiño quen representaba os intereses nacionais de Galicia e non unha nobreza que, practicando masivamente en bandoleirismo social, perdera todo consenso da sociedade.

Non é tanto o xiro conservador de Murguía o que provoca o cambio de actitude cara a decadente nobreza baixomedieval, senón un maior compromiso rexionalista, anti-centralista, que desvaloriza ou elimina da historia aqueles feitos sociais e intereses de clase que non se correspondan coa división bipartita Galicia/Castela-Estado español. A proba está en que Castelao, un home da Fronte Popular do 36, incide a pesares do seu progresismo nas actitudes pronobiliarias do vello Murguía.

No fondo latexa a idea, común ós intelectuais galeguistas ata hai pouco (gracias á influencia do marxismo), da historia como a obra dos grandes homes, o campo de acción duns escollidos grupos dirixentes, quedando reservado ó pobo o papel de masa de manobra[46]. Esta instalación na cultura de elite fai incomprensible para os primeiros historiadores e políticos nacionalistas os movementos sociais de raíz popular, situando nas tradicionais clases dirixentes as súas esperanzas de liberación de Galicia. Á pregunta de se Galicia precisaba dos seus aristócratas, escribe Castelao, “nós responderíamos que sí, porque todol-os povos necesitaron unha aristocracia como agora necesitan unha élite“, lamentando a continuación o desterro que -despois da revolución irmandiña- impuxeron os Reis Católicos ós grandes señores de Galicia: “así decapitaban a unha nación sen que a mesma nación se enterase, bulrando ao mesmo tempo o xuicio da hestoria[47]. Verdadeiramente, a historia xulgou e condenou á nobreza galega do século XV, repetidamente impugnada pola revolta dos vasalos e das cidades, por unha igrexa de quen os bens ocuparan fraudulentamente, por unha monarquía desexosa de intervir en Galicia en olor a multitude coas bandeiras da paz, a xustiza e a seguridade. O desacordo coa historia real conduce á historia desexable, segundo a cal os nobres galegos “serían invulnerables se contaran coa simpatía dos servos ou coa fidelidade dos criados[48]. Esta nostalxia por unha historia que nunca aconteceu, non tería maiores consecuencias se iso non restase gravemente obxectividade á historia de Galicia, sobre todo cando se atribúe ós señores feudais unha conciencia nacional apócrifa.

A conciencia galega de constituírmos un reino e falamos unha lingua diferente ós outros pobos peninsulares e europeos, existía no século XV, tanto no pobo como na nobreza, pero non dispoñemos de datos que permitan afirmar que esa mentalidade galega se expresase politicamente contra Castela e/ou contra o rei de Castela, que era tamén rei de Galicia. Incluso a simpatía política dunha parte da nobreza por Portugal, durante as guerras civís do século XIV e XV, maniféstase no contexto da loita pola Coroa de Castela, é dicir, tiña o obxecto de cambiar o rei de Castela (unificando Castela e Portugal) e non de romper os lazos coa Coroa castelán-leonesa. O integracionismo estaba latexante en tódalas clases sociais e non era en absoluto contraditorio cunha conciencia nacional en positivo. O sorprendente é que durante os séculos XIX e XX seguiu sendo así, tamén hoxe en día, e ninguén inventa unha Galicia distinta para afirmar o noso nacionalismo.

Castelao, ó marxe das fontes que relatan os enfrontamentos puntuais dos señores galegos co novo Estado, fai da nobreza tardomedieval a forza depositaria -en exclusiva- da dignidade galega[49], e cando o pobo primeiro (1467) e a monarquía despois (1483-1486) os botan de Galicia, quéixase -“con eles marchouse a rebeldía, o orgulo, a insumisión da patria”-, descualifica a súa substituta moderna, a fidalguía intermediaria -“En troques, quedounos unha moitedume de fidalgos da ínfima nobreza, impotentes e vaidosos”-, e compadécese do pobo -“un povo bulrado, abatido, roubado e sen ningunha espranza de salvación[50]-, sen considerar que o pobo galego loitara o indecible por se librar da súa clase dominante feudal e que ninguén se sente deprimido ou desesperanzado á hora do triunfo. Xa apuntamos que as nosas investigacións son concluíntes respecto ó sentimento colectivo de vitoria sobre os cabaleiros feudais imperante entre os campesiños, a burguesía e os artesáns galegos a fins do século XV e a principios do século XVI[51].

A defensa dunha gran nobreza que ninguén quería en Galicia a fins da Idade Media, chega ata a exculpación -polo demais innecesaria-. “En verdade sería inxusto atribuir a desventura de Galiza â tiranía dos seus derradeiros señores”, pois se houbo señores malos tamén houbo señores bos que construíron igrexas e obras públicas; e segue Castelao: “Non; a desventura de Galiza iniciouse co ausentismo dos grandes señores, imposto polos Reis Católicos para engrosaren a grandeza de Castela e, de paso eliminaren as nosas arelas de independencia[52]. Isto último é ás claras unha invención. Sobre a conveniencia ou non da permanencia dos grandes cabaleiros feudais en Galicia, é indubidable que os galegos de fins do século XV e a historiografía nacionalista mantiveron posicións irreconciliables. Obviamente, dende o punto de vista dunha historiografía profesional o que vale é o primeiro, e dende o punto de vista dun nacionalismo enraizado no seu pobo e na historia do seu país, tamén.

A propia idea de Castelao de mostrar o lado positivo da dominación da nobreza laica atribuíndolle a concesión dos foros[53], esquece un dato fundamental que xa Murguía[54] sinalara: o foro xeneralízase cara mediados do século XIII por iniciativa dos señores eclesiásticos, hexemónicos en Galicia ata que, a partires de 1369, son desprazados mediante a forza pola nobreza trastamarista vencedora na guerra civil, de quen a relación principal cos campesiños galegos non foi o foro senón a renda xurisdicional, o tributo extra legal e o agravio directo. Cando Castelao alardea, moi xustamente, das institución forais galegas “que concedían aos labregos un comezo de propiedade, base dos actuaes minifundios”, mentres “perdura o latifundio feudal” na España reconquistada ós mouros[55], non ten en conta que a porta de acceso á propiedade campesiña que supoñen os foros débese á substitución da nobreza laica pola igrexa primeiro e da fidalguía despois como grupos sociais dirixentes en Galicia, no tránsito do século XV ó século XVI. A caída da nobreza galega baixomedieval, e as relacións sociais que encarnaba, explícase en último termo por causas económico-sociais e, en primeira instancia, pola impugnación moral dos seus vasalos, e da maior parte dos galegos, que acusaban ós cabaleiros dos innumerables agravios que aqueles cometían premiados pola crise baixomedieval dos ingresos señoriais. Se despois da escisión portuguesa, non existen datos acreditativos de que os señores feudais loitaban pola independencia de Galicia, menos aínda de que os “de abaixo” incluíran esta crítica na inculpación xeral ós señores. Simplemente, o problema non estaba presentado no século XV galego neses termos, por iso resultaba innecesario descargar á nobreza de algo que ela non podía nin seguramente quería facer.

O noso Castelao consciente do peso dos intereses de clase remata por culpar á toda a clase señorial galega de traizoar a Galicia: “no ánimo dos nobres e na testa eclesiástica de Sant-Iago sóio medraban os egoismos de caste, e por eles Galiza cometeu grandes desvaríos i estivo a piques de morrer asimilada[56]. As censuras repárteas por igual o autor contra os señores eclesiásticos, cunha hexemonía que se personaliza en Xelmírez na Plena Idade Media -que é acusado de entregar Galicia a Castela[57]-, e contra os señores laicos que ó final do medievo abandonan Galicia pola Corte: “Aqueles señores non defendían máis que os seus foros, e axiña se trocaron en ardidos cortesáns, enxertando os seus nomes na aristocracia hespañola, antramentras que o povo galego sofría[58]. Non se dá de conta, ou non quere darse de conta, Castelao que a fuxida “cara arriba” dos señores galegos é unha proba máis do carácter imaxinario do seu independentismo.

Ora incúlpase ó pobo ora ós señores. Ambivalencia flexible que deriva do hábito de axuizar os feitos históricos e a actuación das clases, segundo o dogma previo da confrontación Galicia/Castela. Así, despois da revolta irmandiña, celébrase a bravura dos nobres feudais en loita contra os enviados dos Reis Católicos e contra a “inquina terrible dos plebeus, que, por vingárense de pasadas inxurias, axudaban ós casteláns[59]. A oposición de Pedro Madruga á monarquía unificada de Castela e Aragón, defendendo a Dona Xoana contra Isabel I, e despois a resistencia individual dos señores galegos as ordes dos Reis de ceder o seu control sobre os bens eclesiásticos e sobre as súas novas fortalezas, son momentos importantes para a historiografía galeguista porque son adaptables ó esquema de confrontación con Castela e a súa monarquía, que tanto se bota en falla na historia de Galicia.

Se de entrada o pobo apoia a Acuña e Chinchilla contra os señores feudais, anatema; se finalmente a alta nobreza remata cedendo ás presións dos Reis Católicos e acepta o exilio dourado na Corte castelá, anatema. Só se salva Pedro Pardo de Cela, cunha morte por decapitación, en 1483, por orde dos Reis Católicos coa que se pretende que “salve” o honor de Galicia e da súa nobreza. Calquera que foran os seus pecados, a morte fixera bo ó mariscal. Anos e anos de crítica historiográfica non puideron co mariscal imaxinario creado pola tradición e enarborado sen pudor pola historiografía patriótica.

* A primeira versión reducida témola en castelán en “Mitos de la historiografía galleguista”, Manuscrits. Revista d’història moderna, nº 12, Barcelona, 1994, pp. 245-266 (https://ddd.uab.cat/pub/manuscrits/02132397n12/02132397n12p245.pdf); “Os mitos da Idade Media: os irmandiños e o mariscal Pardo de Cela”, conferencia no  ciclo Os mitos políticos na historiografía galega,  organizado polo Movemento Estudantil Universitario da Facultade de Xeo. e Historia, Santiago de Compostela, 9 de abril de 1997; “Los mitos medievales en la historiografía galleguista”, conferencia en la tercera edición de los Cursos Monográficos de Humanidades, Nacionalismo, mitos e historiografía, organizado por la Universidad de Castilla-La Mancha. Albacete, 20 de marzo de 2002.

[1] Carlos BARROS, La base material de la nación. El concepto de nación en Marx y Engels, Barcelona, 2020 (https://cbarros.com/la-base-material-e-historica-la-nacion-marx-engels/).

[2] Carlos BALIÑAS, Defensores e traditores: un modelo de relación entre poder monárquico e oligarquía na Galicia altomedieval (718-1037), Santiago, 1988.

[3] O carácter tradicional e  acontecimental da historiografía galeguista, o seu propio contido, deixou fóra do proceso de mitificación os feitos que reflexan as realidades históricas máis profundas, sexa económico-sociais sexa mentais.

[4] Ramón VILLARES, A Historia, Vigo, 1984, p. 26.

[5] Non hai probas disto que asevera Vicente RISCO: “la fama del Medulio se extendió ampliamente, por sus proporciones de gesta heroica”, Historia de Galicia, Vigo, 1971 (2ª ed.), p. 34.

[6] Alfonso RODRÍGUEZ CASTELAO, Sempre en Galiza, Madrid, 1977, (2ª ed.), p. 35.

[7] “¡Qué importa que o heresiarca Prisciliano fose decapitado en Tréveris e que o seu sangue fose o xerme da reforma católica e do libre pensamento!”, Alfonso RODRÍGUEZ CASTELAO, op. cit., p. 36.

[8]  “Os suevos resultaron conquistados polos invadidos e triunfou a insularidade étnica e cultural do noso país”, Sempre en Galiza, p. 262; “el proceso de asimilación de los germanos por parte de la población galaico-romana ha sido en realidad posterior a la integración en el reino hispano-visigoda en 585”, Casimiro TORRES, Galicia sueva, Santiago, 1977, p. 265.

[9] Sempre en Galiza, p. 262.

[10]  Os suevos “crearon nuestra esplendente NACIONALIDAD, nos infiltraron las salvadoras doctrinas del cristianismo y echaron las bases sobre que descansó aquella monarquía, forma constitutiva de la organización política”, José RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Compendio de la historia general de Galicia, Santiago, 1928, p. VI.

[11]  Manuel MURGUIA, Historia de Galicia, III, 1888; ed. fácsimil, vol. V, A Coruña, 1979  p. 157.

[12] Destaquemos ó respecto a posición crítica de Claudio SÁNCHEZ ALBORNOZ, “En los albores del culto jacobeo”, Compostellanum, vol. XVI, 1-4, pp. 37-72.

[13] “Con independencia da certeza ou non da presencia dos restos do apóstolo no tal edículo, axiña convertido en templo (aceptada moi parcialmente pola historiografía), o máis importante a subliñar é a rapidez con que se difunde o culto xacobeo”, Ramón VILLARES, A historia, p. 67; véxase para máis información, Fernando LÓPEZ ALSINA, “La ‘inventio’ del cuerpo de Santiago”, Historia de Galicia, fasc. 13, Vigo, 1991.

[14] Sempre en Galiza, p. 51; a lexítima  tradición culta heterodoxa que identifica os restos con Prisciliano non prosperou, nin podía prosperar, ante a profundidade, a longa duración e o carácter internacional da crenza xacobea.

[15]  ídem, pp. 268, 427.

[16] “… e se dispóis nos faltou a vontade de independencia foi porque o sepulcro de Sant-Iago concentrou ao seu derredor a vida suprema de Galiza, e a cibdade -aínda que se chame Compostela- non podía saber da potente realidade galega”, ídem, p. 263.

[17] Manuel MURGUÍA,  Don Diego Gelmírez, A Coruña, 1898, pp. 9, 11, 41, 46, 163.

[18] Gordon BIGGS, Diego Gelmírez, First Archbishop of Compostela, Washington, 1949 (trad. gal. Vigo, 1983); Reyna PASTOR, “Diego Gelmírez: una mentalidad al día. Acerca del rol de ciertas élites de poder”, Conflictos sociales y estancamiento económico en la España medieval, Barcelona, 1973, pp. 103-131.

[19] Sempre en Galiza, pp. 37, 66, 224.

[20] “Os galegos admiramos o talento caciquil de Xelmírez; pero non estamos tristes por iñorarmos a data da súa morte e a sepultura en que xace, porque traicionou os nosos anceios e desviou as nosas enerxías, creando un Emperador para Toledo en vez de formar un Rei para Compostela”, ídem, p. 277.

[21]  Ídem,  pp. 36-38.

[22]  ídem, pp. 37, 265, 335.

[23]  ídem, p. 335.

[24] ídem, p. 225.

[25] Carlos BARROS, “Cómo construye su objeto la historiografía: los irmandiños de Galicia”, Hispania, nº 175, 1990, pp. 855 ss.

[26]  Carlos BARROS,  Mentalidad y revuelta en la Galicia irmandiña: favorables y contrarios, Santiago de Compostela, 1989, pp. 519-524.

[27] Carlos BARROS, “Revuelta de los irmandiños. Los gorriones corren tras los halcones”, Historia de Galicia, fasc. nº 24, Vigo, 1991, pp. 455-460.

[28]  Sempre en Galiza, p. 372.

[29]  ídem, pp. 312-313.

[30]  ídem, p. 67.

[31]  Ibidem.

[32] Xosé Ramón BARREIRO FERNANDEZ, El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo, Santiago, 1977, pp. 230-231.

[33] Sobre o papel sobresaínte que xoga a Idade Media na visión que nos dá Castelao da historia de Galicia, véxase Alfonso MATO DOMÍNGUEZ, “Unha lectura de Castelao: o debate sobre a historia de Galicia en Sempre en Galiza”, Actas Congreso Castelao, Santiago, 1989, pp. 383-385, 389.

[34] Sempre en Galiza, p. 466.

[35]   Redactada baixo o réxime de Franco (1ª ed. 1952) cun ton máis ben neutro, afástase da categórico nacionalismo de traballos historiográficos anteriores como o prefacio á Historia sintética de Galicia de Ramón VILLAR PONTE (1927).

[36] Alfonso MATO DOMÍNGUEZ, “Historiografía”, Gran Enciclopedia Gallega, tomo 17, p. 138.

[37] Benito VICETTO, Historia de Galicia, VI, Ferrol, 1872; ed. fács., Lugo, 1979, p. 130.

[38]  Carlos BARROS, “Cómo construye su objeto la historiografía: los irmandiños de Galicia”, Hispania, nº 175, 1990, pp. 855-862.

[39]  ídem, pp. 862-866.

[40]  Discurso preliminar, p. 45.

[41] Justo G. BERAMENDI, Introdución a Manuel MURGUÍA, Galicia, I, Vigo, 1982, p. XX.

[42] En 1890 créase a Asociación Regionalista Gallega, primeira forza política estritamente galega, presidida por Murguía, que subscribe: “por encima de toda idea política deben estar siempre el amor a la patria y los intereses regionales”, ídem, pp. XXI-XXIII.

[43] Manuel MURGUÍA, “Orígenes y desarrollo del regionalismo en Galicia”, Barcelona, 1890. Publica Vicente RISCO, Manuel Murguía, Vigo, 1976, p. 145.

[44]  Ibidem.

[45] “Orígenes y desarrollo del regionalismo”, p. 151; refírese sen dúbida ás confederacións nobiliarias formadas entre a revolta irmandiña e a revolta dos comuneiros, entre as que destaca a que se constituíu contra López de Haro, logo da decapitación de Pardo de Cela.

[46]  Non é así, sen embargo, no terreo cultural, onde se recoñece o papel do pobo na creación e conservación da lingua e das tradicións galegas; así, cando os señores chegan a traizoar a Galicia, escribe Castelao, “contábamos co poder máxico da terra e do povo, que fixeron posible a perduración de nosa nacionalidade”, Sempre en Galiza, p. 278.

[47]  Sempre en Galiza, p. 381.

[48]  ídem, p. 372.

[49] “Nas súas obscuras concencias puñaba o alborexo d-unha nova diñidade galega, cicáis tan varil como a que enxendrou Portugal.  Empezaban a sentírense galegos galegos por enriba de todo”, ídem, p. 371.

[50]  ídem, p. 381.

[51] Carlos BARROS, Mentalidad y revuelta en la Galicia irmandiña: favorables y contrarios, Santiago de Compostela, 1989, pp. 517 ss.

[52]  ídem, p. 379.

[53]  “os señores galegos, sendo tan inhumáns como se conta, daban terras aos campesiños, en condicións que, ben mirado, levaban en sí mesmas un certo principio de liberdade para o futuro, pois o canon foral…”, ídem, p. 383.

[54] Manuel MURGUÍA, El foro. Sus orígenes, su historia, sus condiciones, Madrid, 1882, p. 119.

[55]  Sempre en Galiza, p. 191.

[56]  ídem, p. 278.

[57] ídem, pp. 224, 277.

[58] ídem, p. 37.

[59] ídem, p. 372.