Publicado en

Conversa con Carlos Barros Guimeráns: “Non queriamos un cargo político, queriamos cambiar o mundo ”

                                             Por N A I A R A  G O N Z Á L E Z  R Í O  (USC)

Este ano cúmprense 30 anos dende a fundación de Historia a Debate, unha organización na que diversos historiadores colaboran e se reúnen de xeito presencial ou dixital, para dar continuidade á historia como disciplina académica e profesional, adaptada á época actual. Con motivo deste aniversario, falamos co seu fundador Carlos Barros Guimeráns, un recoñecido historiador cun importante pasado como activista político na época dos 70 en contra do Franquismo.

Carlos comezou os seus estudos de Enxeñeiro Técnico Industrial en Vigo, os cales continuou en Madrid, na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros. Durante a súa etapa en Madrid foi cando deu comezo á súa actuación política, mostrando o seu compromiso sindical contra o Franquismo instaurado na época. Deste xeito, pasou a formar parte do Sindicato Democrático de Estudantes da Universidade de Madrid, ao tempo que formaba parte do comité universitario do PCE na súa facultade.

De volta en Vigo, reincorporouse á organización clandestina do partido, pasando a ser o compoñente máis novo do Comité Central do Partido Comunista.

Carlos foi unha das principais personalidades que desataron o movemento obreiro vigués, participando tamén na creación da Xunta Democrática de Vigo, que levaron a cabo numerosas folgas e manifestacións ao longo dos anos 70. Por outra banda, cabe destacar a súa participación na organización das Comisións Campesiñas de Ourense(1969-71), polo cal foi detido pola policía e xulgado polo Tribunal de Orden Público.

Máis tarde, e tras diversas dificultades no ámbito laboral pola súa actitude política, Carlos licenciouse en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, onde posteriormente se doutorou e foi docente dende 1990 ata o 2016.

Actualmente, é o Fundador-Director de Historia e Debate dende o ano 1993, unha rede internacional na que xunto a outros colegas, organiza congresos sobre historiografía.

-Nunha entrevista contas que o teu compromiso político, por así dicilo, é unha herdanza familiar, xa que tanto teu pai coma teu avó estaban vinculados ao Partido Comunista. Foi este o factor que realmente te impulsou a participar activamente na política tendo en conta a túa corta idade?

Si, iso conta. Tamén cabe considerar que pola parte da miña nai a miña tradición herdada é socialista, e en ambos casos remiten á II República Española. Pero ao final o que conta máis é o tempo que vives, con quen e en que contexto. Nese sentido eu politiceime sobre todo ao ir a Madrid a estudar (1965), alí foi onde establecín contactos con grupos de estudantes que estaban na oposición ao Franquismo. É o que se chama a Xeración do 68, que interveu en diferentes países para tentar cambiar a historia, cousa que se conseguiu en boa medida. En España é onde máis se notaron os resultados. Polo tanto, sen ese paso pola Universidade de Madrid eu seguramente non houbera atopado en Vigo a ocasión de conectar con ese sector vangardista da Xeración do 68.

-Como era a situación na época que estiveches en Madrid? Cres que a maioría dos teus colegas ou persoas da túa idade pensaban coma ti?

Para nada. Nós eramos unha minoría ilustrada. Non obstante, a historia deunos a razón. Foi a nosa xeración, dende a universidade, e dende as fábricas, a que  trouxo a democracia. Unha minoría dende logo pero  significativa. Na época de Zapatero, uns colegas fixeron un traballo para o Goberno sobre a xente que fora represaliada durante o Franquismo,  saíaron 4 millóns. Comparándoo cos habitantes que tiña España naquel intre era unha clara minoría, pero tiña o vento da historia a favor.

-Cal foi o principal motor que supuxo a vosa revolución e o voso desexo de cambiar a política en España? Como era a grave a situación?

Vivíamos, dise ás veces, en branco e negro. Estaba todo prohibido. Podías pensar diferente pero non podías manifestalo, xa que non había liberdade de expresión, nin liberdade de asociación, nin podías facer folga. A falta de liberdades era tamén un problema social e económico, de condicións de vida para os traballadores. En canto á universidade, era daquela tremendamente elitista, ían só os fillos dos vencedores e da burguesía, era moi custosa. A parte de todo iso, había unha gran represión. Se facías algo que estaba vedado, desatábase axiña unha represión desproporcionada.

-Consideras que o teu afán revolucionario trouxo consigo consecuencias na túa posterior vida laboral e persoal? Se é así, en que sentido?

Certamente. A longo prazo o maior sacrificio que fixemos ten que ver co futuro profesional. Cando volvín a Galicia era enxeñeiro técnico, quixen traballar en Vigo nalgunha das grandes empresas, pero tiñan nas oficinas membros da brigada político-social, non conseguín traballo. Iso ao final pesa moito. Moita xente moi intelixente veu frustrado o seu futuro profesional. Algúns actualizámonos, pero foi ben difícil. O Réxime facíache  pagar de diversos modos por opoñerte de maneira activa. Incluso visto o que pasaba con outros compañeiros non casei ata a Transición. Non podías nin familia, as mulleres tiñan que levar aos nenos aos cárcere a ver ós país ! Era moi doloroso.

-Qué tal levou a túa familia naquel momento que te significaras daquel xeito?

Os meus pais apoiábanme, claro, porque eles eran tamén  de esquerdas, e porque era o seu fillo. Pero  sufriron moito, sobre todo cando pasei pola experiencia da tortura. Meu pai fixo unhas memorias (“O rapas de aldea”), e nun d capítulo conta algo que nin eu nin miña nai sabiamos, que nunha manifestación ilegal intentou matar a un dos que me torturaron (Manolito Ribera). Dicíame miña nai “sempre fixeches o que quixeches”, para ben e para mal. O  apoio familiar foi total, pero o sufrimento tamén.

-Dirías que tiveron boa acollida as manifestacións na época dos 70, cres que a xente tomou máis conciencia?

 

Sen dúbida. En Vigo houbo unha folga xeral que durou 15 días, e non se paralizou toda a cidade porque as forzas policiais despregadas en gran número o impediron. Tivo eco neses millóns de españois que se mobilizaban pola democracia e unha sociedade máis xusta e igualitaria. Nese sentido foi efectiva. Se non fora por ese movementos de base non houbera existido unha Transición tal e como a coñecemos, houbera sido moito peor. Non obstante, houbo e hai críticas, en boa medida porque tempo capacidade de pasar da ditadura á democracia, que non é pouco, non tivemos forza suficiente para derrocar ao Réxime dende a rúa, soamente. Afortunadamente a democracia de 1977-1978, cos seus defectos orixinarios, permaneceu. E iso é motivo de orgullo para os que estivemos nesa Transición e pagamos os costes do cambio de réxime.

-Como foi a túa experiencia cando estiveches detido?

Estiven 5 veces detido: 2 en Madrid e 3 en Galicia, nun total de 4 cárceres. A detención máis traumática para min foi en Ourense, en 1971, por un tema sindical. Houbera unha resposta do Réxime extremadamente violenta contra a revolta campesiña pacífica organizada polas Comisións Campesiñas do “non pagar” a cota empresarial de Seguridade Social Agraria. Teño previsto escribir sobre a miña experiencia na comisaría do Parque de San Lázaro ourensán. Cumpre contribuír para dar a coñecer en primeira persoa o que realmente era o franquismo, a  represión brutal que practicaba o Réxime, que hoxe en día ten aínda tantos partidarios en VOX  e incluso no PP.

 Cres que actualmente existe un compromiso político por parte da xente moza similar ao daquela época?

 Non se poden comparar circunstancias. Naquel momento o compromiso político era froito da necesidade e da urxencia, a situación era radicalmente distinta á actual. Antes había medo, os que nos manifestabamos superabámolo, pero moitos outros non. De feito, a inmensa maioría dos que nos comprometeramos daquela non seguimos tan activos despois unha vez  consolidada a democracia. Non é que a xuventude de antes fora rara, diferente, se non que as motivacións e ambicións eran distintas: non queriamos un cargo político, queriamos cambiar o mundo.

 -Foi o teu compromiso político o que en certa parte te motivou a estudar historia anos despois?

 Seguro. Cando despois da Transición propúxenme volver á universidade, en lugar de rematar a enxeñería superior, decidín facer a carreira de historia. Primeiro pola miña influencia do marxismo, que concede un papel moi importante á historia como coñecemento, filosofía e arma de transformación social. Sentíame ben cómodo coa historia. Andaba na procura das miñas raíces galegas. Quería especializarme en historia medieval, período histórico sobre o que temos moita documentación en Galicia. Coñecer mellor o pasado nacional de Galicia, forxado na Idade Media, é algo sobre o que cismaba moito cando estaba en Madrid.

 -Durante o teu estudo no ámbito da historia, inclínaste sobre todo cara a Historia de Galicia e as Revoltas Irmandiñas. Hai algún motivo en especial da túa paixón pola historia galega?

 Intereseime polas revoltas irmandiñas porque constitúen o máis importante movemento social da historia de Galicia. Por fortuna é habitual que os historiadores nos interesemos pola historia da nosa contorna, tanto pola maior facilidade de acceso á documentación como por identificación nacional e social, ideolóxica ou  política. Gústame dicir “somos o que fomos, seremos o que somos”, tamén iso de “estudar o pasado para coñecer criticamente o presente e axudar a construír un futuro mellor”. E iso loxicamente ten aínda máis sentido na nosa nación de orixe, tantas veces subxugada pola historia.

 -Algunha das túas obras ten un valor sentimental para ti maior que as demais? Cal?

 Dende logo “A mentalidade xusticieira dos Irmandiños” (1986). Téñolle un especial cariño, non porque foi das primeiras obras, tamén por que é unha  historia das vítimas,  e a súa reacción vitoriosa. Nela investigo os delitos que cometían os señores feudais no final da Idade Media, dende roubos ata violacións ou asasinatos. Estudándoos, vemos o excepcional que era esa situación e o bárbaro trato que recibían os futuros irmandiños, por exemplo a tortura da auga, moi común na época (e tamén despois). Deume moita satisfacción  dar visibilidade e entrada ás vítimas rebeldes na nosa historia, contribuíndo  a que estas afrontas, medievais pero actuais,  non se repitan mañá.

 -Cal é o principal obxetivo de “Historia a Debate”? Como naceu esta idea?

 Estamos celebrando o 30 aniversario do primeiro congreso internacional de Historia a Debate celebrado en 1993 na USC. Naquel momento tiñamos unha situación de crise da historia como disciplina. Queriamos organizar o debate pero tamén o consenso. De aí saíu unha proposta dun novo paradigma historiográfico que agora está incluso está máis vixente que entón. Moitas cousas que fai 30 ou 25 anos eran estrañas, hoxe son normais, por exemplo a historia dixital. Coido que fixemos un traballo esencial para o presente e o futuro da historia como disciplina profesional e académica. Confirmouse co paso dos anos. As disciplinas académicas son suxeitos vivos: nacen, desenvólvense e poden morrer. O maior perigo hoxe é que a historia volva ao século XIX, reducíndose a grandes figuras e grandes batallas, o contrapunto foi e é Historia a Debate. Procuramos que a historia resolva os seus problemas metodolóxicos, historiográficos e teóricos para que adaptarse ao século XXI, e continúe xogando un papel central na universidade e na sociedade. Dalgunha maneira estase conseguindo. Fixemos, conectando  o Sur de Europa con América Latina, un traballo colectivo constante  de congresos, debates, propostas e manifestos, que dende 2010 mantemos e multiplicamos nas redes sociais…

 Conclusión . Como sostén o noso entrevistado, as xeracións nacidas en democracia nunca poderán chegar a entender a verdadeira urxencia e necesidade que naquel momento xente tan nova sentiu, xente que por mor do seu compromiso e da súa ansia por cambiar o mundo se armaron de valor e loitaron por unha sociedade de benestar e máis igualitaria, a pesar de ter que asumir numerosos costes. Sen dúbida o que estas persoas conseguiron é motivo de admiración para as xeracións actuais e de orgullo para a xeración protagonista daquela época.

Grazas a persoas coma Carlos, esta realidade que era o Franquismo pode seguir dándose a coñecer, coma el di, para que non se volva a repetir.

Máis alá do compromiso político, o entrevistado leva a cabo unha importante labor para a historia na actualidade, mediante a súa labor en Historia a Debate, adaptándose á situación actual e ao ámbito dixital e as redes sociais.

NAIARA GONZÁLEZ RÍO (UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3/12/2023.